•  981 806 528 & 670 594 685 info@coralia.gal

Miguel Ángel Santalices Vieira

150 150 CORALIA

Miguel Ángel Santalices Vieira

«Galicia foi, é e será terra de heroes»

Entrevista de ÁLEX REGUEIRO
Fotografías de FRED IGLESIAS

Hai múltiples razóns que explican o porqué da alta valoración que de Miguel Ángel Santalices Vieira (Bande, 1955) teñen as súas señorías, pero independentemente dos motivos individuais ou do partido, todas coinciden en recoñecer o seu fondo compromiso coa nosa terra, coas súas xentes e coa institución que preside, a primeira de Galicia. Despois, hai quen fai fincapé no Santalices médico galeguista seducido pola política, quen non dubida ao cualificalo como o político humanista que máis sabe de sanidade pública, os que apuntan o seu bo ollo como coleccionista de arte, os que destacan o seu espírito viaxeiro, e tamén quen conta del que é o anfitrión perfecto.

Visitar o Parlamento de Galicia canda el proporciona unha visión moi nidia do necesario e a miúdo descoñecido traballo que nel se leva a cabo, mais tamén do orgullo e respecto que sente o seu presidente polo posto para o que foi elixido a comezos de 2016.

Co Pazo do Hórreo agardando as señorías que lidarán cos retos da XI lexislatura, o presidente Santalices ábrelle a Coralia as portas da cámara autonómica para darnos o seu diagnóstico do estado de saúde do parlamentarismo galego e para mirar cara a atrás e tamén cara a adiante.

Bande e o Xurés son as paisaxes da súa infancia. Din que os arraiáns teñen un carácter especial.
Si, é certo. Vivir nunha zona separada de Portugal por unha raia marca o devir da vida diaria nesa terra marabillosa e o devir do teu futuro. Pola miña terra refírese á historia dun científico estadounidense que sinalou o Xurés como o lugar onde faría a súa casa de producirse unha catástrofe ecolóxica… Non sei se a historia é certa ou non, pero o que si é certo é que aquela marabillosa serra confire un carácter especial.

Un neno non se levanta un día dicindo «De maior quero ser presidente do Parlamento de Galicia», ou si?
Non, un neno levántase dicindo que quere ser bombeiro ou que quere ser médico, que quere ser arquitecto ou fontaneiro. O encargo de ser presidente do Parlamento supón un mérito singular que no meu caso é consecuencia da marcha da nosa presidenta a Madrid, e non dun plan orquestrado para converterme en presidente.

Chegou a Santiago para estudar medicina a principios dos anos 70, como era aquel mozo?
A miña mocidade estivo condicionada pola procedencia rural porque, como o meu pai era boticario en Bande, fun moi prematuramente separado do ambiente familiar para ir estudar fóra, primeiro aos xesuítas de Vigo, logo a Ourense, e posteriormente a Santiago. Fronte á tutela dos internados, a universidade supuxo máis liberdade e un escenario máis aberto para un mozo que daquela tiña un bo pelo negro e tamén barba negra [ri].

Na Baixa Limia exerceu a medicina por primeira vez. Foi naquel tempo cando decidiu orientarse cara á xestión?
Ao acabar Medicina [en 1979] nomeáronme médico na Baixa Limia, substituíndo os médicos que ían de vacacións. Ese mes, no que amais fun médico de urxencias de Ourense –pois daquela non había tantos médicos–, condicionou o meu futuro e propiciou que me distanciara da práctica clínica. Foi, en realidade, o único mes no que a exercín, ademais de nalgunha substitución puntual cando estaba na Inspección Médica.

Precisamente foi o éxito da súa xestión da Sanidade en Ourense o que lle abriu as portas da política. É verdade que vostede entrou na política en ascensor?
Esa situación vivina eu cando xa era xerente do hospital, logo de manter unha reunión co presidente do partido en Ourense, Xosé Luís Baltar, quen no tempo que lle leva a un ascensor baixar dun noveno andar a un baixo, me falou da posibilidade de ir nunha lista para as eleccións do ano 97. Ao deterse o ascensor dime: «xa falamos, xa falamos» e aí quedou a cousa. Logo, en efecto, chamáronme e decidín entrar na política. Eu xa tiña simpatizado coa militancia do partido e tamén coa das formacións das que vén o partido. A miña militancia vén moi condicionada polo galeguismo que inspirou a Centristas de Galicia, formación que acabaría integrándose no Partido Popular.

O galeguismo que é e como se exerce?
É a miña forma de ser galego e español. Procedo –e así o teño dito moitas veces– dunha familia cristiá e galeguista. Os meus devanceiros foron amigos de boa parte dos artistas e intelectuais galegos desde comezos do século pasado. O meu avó, que era médico, mesmo foi represaliado despois da Guerra Civil. De feito, antes de me decantar por estudar medicina, fun co meu pai ver a Don Ramón Otero Pedrayo para lle pedir consello. Celso Emilio Ferreiro frecuentaba a miña casa de Bande; e así moitos outros persoeiros que nos deron exemplo de integridade e compromiso, polo que resultan sempre fonte de inspiración. Son galeguista porque penso que a nosa cultura e a nosa lingua son dous tesouros que temos a obriga de preservar e compartir. Son galeguista porque me considero tan galego coma español, porque son europeo de pleno dereito e porque creo que estamos especialmente obrigados a cultivar as relacións cos países irmáns iberoamericanos.

A pesar disto, a entrada na política foi unha decisión difícil, por mor da oposición paterna.
Foi unha decisión moi complicada xa que o meu pai non quería que entrara na política porque consideraba que eu tiña un brillante futuro como xestor sanitario. Lembro as súas palabras: «Ten presente unha cousa se dás o paso de meterte en política, coñézote ben, que es o meu fillo, e tes uns defectos que eu che perdoo porque son o teu pai, pero cando entres na política non chos van perdoar, vanchos facer públicos e armaranche unha lea de envergadura, ti verás o que fas». Pero, ao final, escoitei a chamada da política, a pesar das reservas do meu pai, a quen miña nai tivo que levar a rastro ao meu primeiro mitin, que dei en Bande…, e mira ti!

«É moi interesante comprobar como a política aproveita o humanismo dos médicos para procurar o beneficio dos demais; de feito, penso que ese é o verdadeiro obxectivo da política e que por iso hai bastantes médicos dentro da política, aínda que nun número menor ca no pasado»

A medicina ten dado nomes moi relevantes á política galega. Onde conectan ambas as especialidades?
Véñenme moitos nomes á cabeza, pero a referencia para min máis clara é Gerardo Fernández Albor, un home presidido por esa bonhomía e por ese humanismo que debe acompañar a nosa profesión de médico. É moi interesante comprobar como a política aproveita o humanismo dos médicos para procurar o beneficio dos demais; de feito, penso que ese é o verdadeiro obxectivo da política e que por iso hai bastantes médicos dentro da política, aínda que nun número menor ca no pasado.

Desgasta máis a alta xestión sanitaria ou poñer orde nos plenos do Hórreo?
A xestión sanitaria, sen ningunha dúbida. Ser xerente dun hospital é un dos postos máis difíciles que hai porque é un ente conformado por colectivos moi grandes e de distinta complexidade no que todo ten que funcionar coma unha única engrenaxe de precisión, porque o seu funcionamento impacta directamente na saúde da poboación. Nada é máis complexo ca a xerencia de hospital e, dentro do ámbito galego, non hai ningunha consellería máis complexa ca a de Sanidade.

Cal é o estado de saúde do parlamentarismo galego a día de hoxe?
É razoablemente bo. Temos un parlamento no que se pode debater con normalidade, que é algo que ao mellor non pasa noutros; temos un parlamento eficiente, un parlamento no que se traballa arreo, tanto nos plenos coma nas comisións, e un parlamento capaz de chegar a acordos en temas especialmente importantes. O noso é tamén un parlamento con autonomía propia e cuxo custo para as arcas públicas é moi inferior ao que supoñen outros parlamentos.

Reprender os parlamentarios sen perder as formas é un exercicio que a miúdo requirirá boas doses de control. Hai algún segredo?
Paciencia e prudencia. É un deses postos no que un non se pode deixar levar polo ímpeto, onde hai que analizar moitas variables antes de tomar unha decisión. É moi importante ter posta toda a atención no que se fala para saber en que momento se debe cortar ou non, ou se se debe reconducir un debate, e tamén a tranquilidade de saber como conducir unha situación sen deixarse levar por impulsos internos.

A maioría absoluta fai máis doado ou máis complexo o seu traballo?
O presidente do Parlamento está aí para garantir debates profundos e para garantir que os membros da cámara poidan expresarse libremente, dentro dunha orde e respecto cara aos demais, e niso non inflúe a maioría absoluta, inflúe o sentido común.

É máis aburrido o parlamento galego ca o catalán ou o vasco? Hai máis similitudes ou hai máis diferenzas?
Depende. Teño visto sesións no parlamento vasco e no parlamento catalán nas que se viven situacións límite que menoscaban a dignidade dos deputados. En Galicia iso é moi difícil que aconteza porque aquí temos unha retranca especial á hora de dicir as cousas e, de cando en vez, o enxeño das súas señorías mesmo provoca certa distensión no hemiciclo. Teño pasado mañás moi agradables coa excepcional retranca dalgún deputado e dalgunha deputada, e o certo é que en Galicia o debate faise máis ameno cando tiramos do noso ADN e de retranca; é isto nin o saben facer os cataláns nin os vascos.

«O presidente do Parlamento está aí para garantir debates profundos e para garantir que os membros da cámara poidan expresarse libremente, dentro dunha orde e respecto cara aos demais, e niso non inflúe a maioría absoluta, inflúe o sentido común»

Para Miguel Santalices, cantas Galicias teñen oco no Parlamento?
Unha.

Pero hai unha soa ou moitas definicións aceptables de Galicia?
Téñense utilizado moitas expresións para definir Galicia, aínda que a min gústame particularmente unha de Manuel María: «Galicia é un sentimento». En Galicia temos a nosa propia identidade, a nosa propia lingua, a nosa forma de andar pola vida, o noso acento, as nosas dúbidas, as nosas certezas… Por iso, penso que Galicia é un sentimento.

A día de hoxe é vostede capaz de imaxinar unha Galicia sen autonomía e sen parlamento propio?
Non. Custou moito, custou moito conseguilo. O Estatuto significou unha serie de transferencias á comunidade, entre as que eu, como médico, destaco as sanitarias. Lembro enviar enfermos para operar do corazón a Valdecilla porque en Galicia non tiñamos cirurxía cardíaca. Hoxe temos tres unidades. E todo veu da man das transferencias.

No difícil momento que estamos a vivir, a saúde é unha cuestión que nos preocupa por riba das demais. Desde marzo, a actualidade xirou exclusivamente arredor da Covid-19. Como viviu vostede esa etapa?
É lóxico que todo xirase arredor da pandemia, pola súa letalidade, e por todas as consecuencias de carácter sanitario, social e económico que dela derivan. Vivín esta etapa –e sígoa vivindo– con moita atención, en confinamento cando así foi ordenado, e preocupándome polas persoas afectadas. Fun testemuña, coma toda a cidadanía, do comportamento heroico do persoal do noso sistema sanitario, e tamén do de todos os profesionais que garantiron, e garanten, o funcionamento dos servizos esenciais, desde os corpos e forzas de seguridade, ao persoal dos supermercados, por citar só dous exemplos dos moitos que todos presenciamos. No ámbito institucional, co Parlamento disolto e o posterior aprazamento da convocatoria electoral por mor da pandemia, activamos un plan de continxencia na propia Cámara, que se traduciu, por exemplo, na celebración das sesións da deputación permanente co mínimo de deputados e con cobertura informativa telemática para minimizar riscos.

«Se falamos do conxunto do sistema sanitario, e os seus profesionais, o comportamento foi excepcional. Todo o persoal sanitario –facultativo e non facultativo– entregouse ata a extenuación. E así llo recoñeceu o conxunto da sociedade cos aplausos de todas as tardes»

Que opinión lle merece a xestión da crise por parte das autoridades?
Como profesional do sistema sanitario público –que coñezo ben–, e como cidadán, creo que esa análise se pode efectuar desde diferentes ópticas. Se falamos do conxunto do sistema sanitario, e os seus profesionais, o comportamento foi excepcional. Todo o persoal sanitario –facultativo e non facultativo– entregouse ata a extenuación. E así llo recoñeceu o conxunto da sociedade cos aplausos de todas as tardes. Quero recoñecer expresamente o esforzo do persoal das residencias da terceira idade, que mantivo unha actitude exemplar que mesmo nalgúns casos o levou a illarse cos propios residentes para coidalos e minimizar riscos. Por iso é tremendamente inxusto poñer en cuestión todo un sector, especialmente todo o persoal que traballa nestes centros con independencia da súa titularidade. Canda eles hai moitos outros heroes anónimos que antepuxeron o interese xeral fronte aos seu propios riscos: falo de corpos e forzas de seguridade, forzas armadas, sectores como a alimentación, o transporte, as farmacias, as telecomunicacións, os medios de comunicación e tantos outros que poderiamos enumerar. Galicia foi, é e será terra de heroes.

E o Goberno?
No ámbito do Goberno do Estado, houbo momentos que me provocaron unha profunda desilusión e desánimo. Descoordinación, dúas faccións abertamente enfrontadas, membros do Goberno saltando a corentena, inoperancia para a adquisición de material, atrasos imperdoables na reacción inicial, e así un longo etcétera, propio dun Executivo deseñado para as accións mediáticas, pero escasamente capacitado para a xestión dunha crise de tal envergadura. Xa no plano galego, a Administración autonómica, coas limitacións propias deste tipo de situacións, que as hai e sería absurdo negalas, foi exemplo de reacción temperá, mesmo anticipándose ao Goberno central, e dunha xestión rigorosa, propia dun equipo experimentado e con todas as engrenaxes funcionando perfectamente. A experiencia do presidente da Xunta como xestor sanitario –hai que lembrar que, no pasado, foi vicepresidente e secretario xeral do Servizo Galego de Saúde e director do Insalud– e de todo o seu equipo, explica que a Covid-19 tivese en Galicia unha incidencia moi inferior respecto ao conxunto do Estado. Como o propio Feijóo recordou no Parlamento, en Galicia houbo respiradores para todos os enfermos que o precisaron. Creo que é unha boa radiografía da situación.

Cre que o sistema e a sociedade estaban preparados para esta situación?
Que Galicia rexistrase un número de vítimas sensiblemente inferior e que, en termos xerais, houbese recursos altamente complexos, como camas UCI para todos os enfermos que o precisaron, revela que o sistema sanitario galego estivo á altura das circunstancias. Os fallos rexistrados no ámbito do Ministerio de Sanidade poñen de manifesto que este departamento debe ser obxecto dunha profunda reflexión unha vez superada esta crise. Os médicos sabemos que as epidemias e as pandemias son unha constante ao longo da historia. Algúns falan dunha gran pandemia cada cen anos –aí o exemplo da gripe de 1918–, mentres outros incluso sitúan varias ao longo de cada século. Por outra parte, a sociedade occidental, tecnolóxica e globalizada, estaba sumida nunha autoconfianza e unha suficiencia que carecían de auténtica base real. Malia que nos custe recoñecelo, o ser humano continúa a ser vulnerable. Dito iso, as capacidade científicas e os recursos materiais de 2020 nada teñen que ver cos de hai un século, afortunadamente para nós.

Cambiaremos moito como sociedade unha vez superada a Covid-19?
Eu agardo algún cambio, e confío en que para mellor, aínda que hai opinións para todos os gustos. Medidas como o distanciamento social en caso de infección respiratoria, o uso de máscaras de protección cando a situación o requira, ou o lavado frecuente de mans, agardo que se afiancen na sociedade occidental. Nalgúns países orientais, este tipo de prácticas están fondamente arraigadas, o que explica a relativamente baixa incidencia do coronavirus en nacións como Corea do Sur ou Xapón. Outra variable será a derivada do confinamento prolongado. Probablemente vaiamos a outro tipo de vivendas –seguramente con máis espazos abertos, máis en contacto coa natureza– e mesmo a unha maior presenza do teletraballo. Estes dous factores probablemente acaben beneficiando a denominada España baleira, en detrimento da elevadísima aglomeración poboacional dalgunhas cidades. Creo e agardo que este fenómeno acabe beneficiando e Galicia, tanto coa recuperación do interese por áreas agora despoboadas que poden ofrecer unha elevada calidade de vida para os seus habitantes coma no relacionado co turismo rural ou a experiencia do Camiño de Santiago. O tempo dirá.

Xunto ás cuestións de índole social, na súa última intervención como delegado rexio durante a festividade da Translación reivindicou a política que axude a construír un futuro de oportunidades en lugar de destruír o adversario. O Parlamento ten algo de ring de boxeo?
Máis ca un ring, o Parlamento é un gran foro no que cada quen pode expresar libremente a súa postura. Eu, desde que me elixiron presidente [o 12 de xaneiro fixo catro anos], aprendín moito, porque estar nos plenos e escoitar debater os parlamentarios é unha fonte de coñecemento inesgotable.

«O Parlamento é un gran foro no que cada quen pode expresar libremente a súa postura. Eu, desde que me elixiron presidente, aprendín moito, porque estar nos plenos e escoitar debater os parlamentarios é unha fonte de coñecemento inesgotable»

Cales son para Miguel Santalices os momentos máis sobresaíntes do décimo período lexislativo?
Todos aqueles nos que fomos capaces de adoptar un acordo útil para a cidadanía á que nos debemos. Por exemplo, o acordo unánime do Parlamento para crear a Unidade de lesionados medulares de Vigo, que hoxe lle presta unha asistencia de calidade a persoas que, doutro xeito, estarían obrigadas a percorrer moitos quilómetros para acudir á revisión á Coruña. Outro grande exemplo foi a creación do Rexistro de infarto agudo de miocardio, clave para a implantación de unidades de hemodinámica en Galicia.

Tamén haberá conflitos e choques dignos de lembrar, non?
En xeral, todos aqueles nos que se tentou ignorar a esencia do parlamentarismo, que consiste na busca do ben común mediante a palabra e a procura do acordo seguindo as regras de xogo baseadas no respecto que entre todos nos temos dado.

O Parlamento leva tempo promovendo o seu coñecemento entre os escolares e entre a poboación en xeral con programas de visitas guiadas e a través da participación activa. Está a cidadanía galega aproveitando estas ferramentas?
Os cidadáns están a aproveitar algunhas das ferramentas que temos ao seu dispor como as proposicións non de lei de iniciativa popular e as preguntas aos parlamentarios. Queremos que estes mecanismos sexan coñecidos pola xente e a cousa non vai mal, pero penso que deberiamos facer un esforzo para mellorar o seu uso.

Esta é a casa onde se practica a arte da política, pero nestes últimos anos tamén é o lugar onde se atopan arte e política.
Si. Posiblemente temos a maior colección pública de arte galega, na que ao carón dos mestres hai espazo para os que están comezando, para os que están despuntando. As fórmulas son variadas, incluíndo o depósito, unha vez recibido o visto e prace da Real Academia de Belas Artes.

A arte é unha das súas paixóns, como o é viaxar. Tendo, pois, un guía de luxo como vostede, encantaríanos volver ao principio, a Bande, para facermos unha visita de proveito pola Baixa Limia.
Comezariamos en Celanova, para visitar o mosteiro e mais a capela de San Miguel. Despois pasaría polo Alto do Vieiro, desde cuxo cumio se divisa Bande e toda a súa contorna, como ben dixo Celso Emilio Ferreiro no poema dedicado a Bande. Chegados alí, gozaría do seu bonito casco urbano que, por certo, conta cunha praza onde os vellos sentan a ver pasar os coches, pois por alí pasa a estrada principal que vai a Entrimo. Iría despois ata Lobeira para visitar o lugar onde se fai a romaría do Viso todos os anos, a cuxa virxe se lle ten moita devoción e da que Xocas ten falado moito. Logo admirariamos a igrexa visigótica de Santa Comba de Bande, do século VII, para a continuación achegarnos ao campamento romano de Aquis Querquennis. Desde alí iría a Muíños, para gozar da praia do Corgo antes de seguir ruta cara a Lobios, onde me detería a ver os Milarios. E, estando dentro da marabillosa Serra do Xurés, non deixaría de visitar as Caldas do Gerês. E, cos pulmóns cheos de oxíxeno, volvería entrar desde Portugal pola fronteira de Entrimo. Na Baixa Limia somos moi de carne de cachena, e tanto en Bande coma en Lobios hai bos restaurantes onde comer os imprescindibles callos limiaos, mentres que en Lobeira é onde se saborean os mellores cabritos do mundo… E se o que se quere é apreciar a Baixa Limia nun momento verdadeiramente especial, o Entroido podería ser a época perfecta.

Logo deste percorrido, diría que un concello coma o de Bande, onde a poboación se reduciu nun 75% desde que vostede era un neno, é hoxe o mellor lugar no que vivir?
Hai que facelo, hai que facer que sexa o mellor sitio para vivir e para iso hai que apostar claramente por liñas que favorezan a vida no rural. Para reverter o éxodo hai que dar facilidades, baixar impostos e procurar traballo. Aquel contorno é marabilloso e hoxe conta cunha autovía magnífica, coa proxección de que no seu día poida chegar a Portugal. Lembro cando tardabamos dúas horas en chegar a Ourense no coche de liña, e hoxe poñémonos na capital en vinte minutos. Eu, como médico, recoméndolle ao cen por cento o concello de Bande a calquera persoa que queira levar unha vida verdadeiramente saudable. Hai que ter moi presente que hoxe vivimos moito máis, e que somos con Xapón o país onde máis se vive. Co cambio de parámetros, os galegos deberemos facerlles fronte a retos tan importantes coma o da crise demográfica e, en cuestións tan importantes coma esta, non vale levarse mal porque o que está en xogo é o noso futuro.

 

Queres ollar outros contidos relevantes?
Política de privacidade

Se consente a utilización de cookies, continúa navegando ou fai clic nalgún link entenderase que consinte a nosa política de cookies e, por tanto, a instalación das mesmas no seu equipo ou dispositivo.

Se vostede quere, pode cambiar a configuración de cookies en calquera momento, configurando o seu navegador para aceptar, ou non, as cookies que recibe ou para que o navegador o avise cando un servidor queira gardar unha cookie.

Esta web utiliza cookies.
error: Contido protexido