•  981 806 528 & 670 594 685 info@coralia.gal

Monseñor

150 150 CORALIA

Monseñor

Un home de Deus

Entrevista Xabier Prieto Barro
Fotografías Santiago Taboada

  

Salmo 91:16. Dareille días a fartar… 

Nada máis e nada menos que 75 anos, Monseñor. Con motivo do seu 75 aniversario o pasado 15 de agosto e tal e como dita o Código de Dereito Canónico, vostede presentou a renuncia do seu oficio ao Papa. Agora queda por saber se Francisco acepta dita renuncia. Albisca Monseñor Julián a súa xubilación? É xubilosa a xubilación dun bispo? Que lle pide a esta etapa ou, mellor, que lle pide a Deus para esta etapa?
Si. Canonicamente poden ser uns meses máis ou menos para que o Papa tome a determinación que crea oportuna. Seguir traballando pastoralmente noutro contexto creo que pode ser gratificante e, xa que logo, ser unha xubilación gozosa. É unha nova etapa na que pido a Deus que me siga mantendo fiel no seu santo servizo.

É a púrpura a súa cor favorita?
A miña cor favorita é o verde relacionado coa esperanza que me fai mirar o pasado con agradecemento, o presente con responsabilidade e o futuro con confianza.

Zamorano, de Manganeses da Polvorosa. Compostelán de adopción, conta co título de Fillo Adoptivo da cidade. A estas alturas, séntese máis galego que de Castela?
Os meus diocesanos fixéronme sentir galego sen necesidade de ter que renunciar ás miñas raíces de nacemento. Sempre agradecerei o agarimo que sentín, desde a miña chegada á Diocese, tanto nas aldeas como nas cidades. A causa é a súa bondade.

O seu municipio natal tivo sona durante moito tempo polos festexos coñecidos como «O salto da cabra», nos que se lanzaba unha cabra desde o campanario da igrexa e que, igual que ocorreu con outras festas populares, deixou de practicarse como tal por considerarse maltrato animal e innecesario. A vontade de Deus pasa polo benestar animal?
Cando Deus concluíu o ceo, a terra e todo o universo, dixo que todo era bo. Isto chámanos a coidar de toda a creación. Sería equivocado pensar que os demais seres vivos deban ser considerados como meros obxectos sometidos á arbitraria dominación humana. Cando se propón unha visión da natureza unicamente como obxecto de proveito e de interese, isto tamén ten serias consecuencias na sociedade, escribe o papa Francisco. A vontade de Deus pasa polo equilibrio e a harmonía do cosmos, do creado, para que nese respecto se glorifique o Creador.

Xn 21:18. (…) cando eras novo vestíaste ti e ías onde
querías (…) 

Primeiro como seminarista, máis tarde como formador e reitor e logo a través das esixencias que lle impón o seu ministerio, a vinculación cos Seminarios foi unha constante na súa vida. Remontémonos ao Julián seminarista, ao mozo que quería ser cura. Fálenos daquela etapa e, se é posible, refíranos algunha anécdota que tivese lugar naqueles anos.
No meu ministerio pastoral a vinculación co Seminario foi unha constante. Dou grazas a Deus por iso. Tiven a sorte de ser acólito dun sacerdote, D. Álvaro, moi admirado e respectado, preocupado do acompañamento espiritual do pobo pero á vez da axuda social aos fregueses. O labor social que realizou en tempos non fáciles no pobo é encomiable. A min chamoume a atención a súa forma de proceder. El propuxo aos meus pais que fose ao Seminario, dándollo por suposto. Outra cuestión foi afrontar os gastos pois as posibilidades económicas tampouco eran moitas. Este capítulo foi escribíndose coa axuda sacrificada dos meus pais e a través da beca que se me concedeu, primeiro dunha familia doadora e posteriormente do Estado. A vida no Seminario discorreu cunha disciplina sa, cos exercicios de piedade, con longas horas de estudo e con austeridade. Ao dormitorio chamabámoslle a Siberia. Pode facerse unha idea. Recordo os anos do Seminario sen trauma algún e con agradecemento pola formación humana, espiritual e académica recibida aínda que loxicamente non faltasen dificultades, algunhas delas creadas por un mesmo no seu afán de voluntarismo. Foron anos tamén nos que coa axuda de formadores e profesores tratei de discernir o proceso da vocación ao sacerdocio.

Mt 6:6. (…) métete non teu cuarto, pecha a porta (…)  

E hoxe, como é e a que dedica as horas Monseñor Julián Barrio cando, lonxe dos protocolos litúrxicos, calza as zapatillas e retírase ao acubillo das dependencias de Palacio onde reside?
Á lectura, a escribir as cartas pastorais, e á conversación con moitas persoas que sempre me enriquecen.

Monseñor, cal é ou seu primeiro pensamento pola mañá?
Agradecemento a Deus por un novo día e petición de que revitalice a miña fe.

Que música o inspira?
A música clásica.

Recoméndenos un bo libro.
Diríalle a Biblia, a Divina Comedia e o Quixote. Se falamos de literatura máis próxima no tempo, calquera obra de Chesterton, de C. S. Lewis, de Susanna Tamaro ou de Robert H. Benson, por exemplo, son sempre recomendables.

E na súa biblioteca, é posible atopar libros de autores como Hans Küng ou Leonardo Boff?
Por suposto que se poden atopar.

Vostede chegou a Compostela no marco incomparable do Ano Xacobeo 1993. Como percibiu á súa chegada a cidade, as súas xentes e a fe dos composteláns? Considera que mudou desde entón?
Con admiración, observación e actitude de aprender. Desde entón a cidade formou parte da miña vida, e intentei acompañar os seus habitantes e sentirme acompañado por eles nunha actitude de diálogo.

En que mudaron as celebracións xacobeas?
Tratei que a cidade e a diocese vivisen como algo propio a peregrinación e as celebracións na Catedral. Díxose que nos lugares de peregrinación as persoas da cidade normalmente se comportan como observadores. Simplemente intentei que formen parte da súa vida.

O 5 de febreiro de 1996 foi nomeado polo papa Xoán Paulo II arcebispo de Santiago de Compostela. Como recibiu a noticia do seu nomeamento e que sentimentos o embargaron?
Con sorpresa e á vez con preocupación. Deume tempo de tomar conciencia do que significaba esta Arquidiocese. En todo caso, logo de aceptar o nomeamento, pensei que Deus dános en graza aquilo que nos pide como misión e isto levoume a ofrecer a miña dispoñibilidade no pastoreo da Diocese.

Sae da túa terra, o Apóstolo espérate é o lema do ano Xacobeo que se está a celebrar. Aproveitando estas palabras e sen afondar en sentidos figurados, son moitas as persoas que por múltiples circunstancias deciden ou vense na obriga de mudar de residencia. Como fillo adoptivo da cidade, que diría que pode achegar Compostela á hora de vivir aquí?
Non cabe dúbida de que Compostela ten unha connotación especial. O Camiño de Santiago, a Peregrinación e a tumba do Apóstolo son referencias que a definen no mundo. A hispanidade, a europeidade e a universalidade quedaron lacradas pola apostolicidade coa presenza dos Papas. Para os que vivimos en Santiago, a cidade é unha oportunidade para acoller a xente que chega desde distintos lugares. E para os peregrinos é ocasión de coñecer esta meta de peregrinación grazas ao Sepulcro do Apóstolo Santiago, sinal da súa identidade.

Xn 20: 29. Ditosos os que creron sen veren! 

Déixase Deus ver en Compostela?
Agrádame atoparme coa xente, saudala, escoitala.

Cal é para Monseñor un recuncho ideal para rezar na cidade?
Deus está en todas partes. Hai xente que reza cando sae ás presas polas mañás. Hainos que oran no interior da súa casa, preparando a comida ou atendendo os maiores. O corazón de cada un pode converterse nun templo. Pero se me pide un lugar concreto, a capela do Santísimo na Catedral, sei que para moitos é un idóneo espazo para escoitar a Deus.

«Santiago Matamouros» ou Santiago Peregrino?
Santiago Apóstolo é o primeiro dos apóstolos que entregou a súa vida no martirio por seguir a Cristo, e é o noso primeiro evanxelizador, percorrendo os camiños para ensinarnos a boa noticia de Cristo, o Evanxeo. As iconografías responden a momentos históricos específicos que sempre hai que analizar no seu contexto. Na Catedral temos as do Matamouros, do Peregrino e do que recibe aos peregrinos con rostro afable. Dado o carácter de peregrino na persoa necesitamos de Santiago Peregrino.

Vinte e seis anos de ministerio episcopal dan para moito. En toda traxectoria coexisten lances luminosos e sombríos. Podería referirse a algún dos episodios máis gozosos e tamén a algún dous máis dramáticos que lle tocou vivir no seu episcopado?
Como di santo Agostiño, o noso ministerio desenvólvese entre os consolos de Deus e as turbacións do mundo. Tanto duns como doutras non son poucos. Atrévome a traer á memoria como episodio gozoso a vinda do papa Bieito XVI a Santiago. E como doloroso todo o acontecido co roubo do Códice e o accidente do Alvia. Cada un no seu contexto e sen comparar.

Nunha época en que non deixa de falarse de crise de valores, que cómpre para vivir en plenitude a dor e o gozo sen perder o sentido da vida?
Tomar conciencia da meta á que temos que chegar sabendo que habemos de camiñar xuntos pois se un quere chegar lonxe debe facelo acompañado. Desde a fe unha época non se caracteriza tanto polos aspectos ideolóxicos e os avances tecnolóxicos senón pola experiencia humana e divina que nela se logra que enriquece sempre a persoa.

E nunha sociedade na que imperan as présas, cal é a cura para o estrés?
Darse conta de que non chega antes o que vai máis de présa senón o que sabe a onde vai. Quizais deberiamos coidar o silencio e exercitarnos na escoita de Deus que fala sempre no rumoreo e non no tumulto. Isto esixe saír á porta da nosa cova para darnos conta de que Deus está pasando pola nosa vida.

Botemos unha ollada retrospectiva e fagamos un exercicio de asociación… Vostede escolleu como lema do seu episcopado In verbo tuo Domine (Confiado na túa palabra, Señor) pero, se tivese que escoller unha frase bíblica que reflectise o que foi e é o seu episcopado, cal sería?
Tratei de servir o Señor e partindo de aí servir os demais. O que non sexa capaz de lograr por graza, encoméndollo ao Bo Pastor.

Cando finou a súa nai, aló por decembro de 2012, levaban anos vivindo con vostede aquí, en Compostela. Quedoulle algo por lle dicir?
Continúo dándolle grazas por todo o que me transmitiu e como me axudou na senda da miña vocación, como o fago tamén co meu pai. A riqueza da familia é un dos mellores agasallos que nos fai Deus.

E falando de mulleres… considera vostede que o rostro feminino da Igrexa é o suficientemente visible?
Eu creo que está sendo visible pero que pode selo máis.

Algo meritorio en torno a vostede é o feito de que, malia non ser galego, coñece e emprega sobradamente ben a lingua galega, que sempre se esforzou en incorporar ás celebracións e ao seu discurso, animando e promovendo o seu uso. Isto amosa que ten claro que celebrar ou rezar en galego non supón vernos inmersos nunha nova Torre de Babel. É esta unha cuestión de sensibilidade? Pode o pastoral ter unha dimensión de servizo lingüístico? E Deus, escoita e déixase escoitar en galego?
Nada que afecte aos demais, nos pode ser alleo. Celebrar ou rezar en galego non supón ser unha nova Torre de Babel. Hai que ter en conta todo aquilo que nos axude a chegar ás persoas e neste sentido o pastoral pode ter esa dimensión lingüística á que se refire. Para Deus non é problema escoitar e deixarse escoitar en galego. A lingua que nos recibe ao nacer, na que aprendemos a falar, non é nunca confusión babélica, senón fermoso instrumento para comunicarnos e sentirnos irmáns.

Mt 6:21. Onde está o teu tesouro está o teu corazón.  

Monseñor, cal é o seu ben máis atesourado?
A gratitude cara aos demais e a confianza neles. Certamente sentinme sempre rodeado de persoas que puxeron todos os seus talentos, non ao servizo do arcebispo, senón como entrega á Igrexa diocesana. Sinto orgullo polos sacerdotes do presbiterio diocesano, pola súa dedicación nas parroquias; polos catequistas, polos relixiosos e relixiosas, polos laicos que ofrecen tamén o seu traballo na pastoral diocesana.

Estamos a vivir tempos rexos. Nesta hora da historia da Humanidade na que as persoas nos vemos sacudidas por unha pandemia, tomamos conciencia da nosa fraxilidade, a dor e o sufrimento interpélannos e poden ata supoñer un desafío para a fe dos crentes. Que papel xoga Deus en todo isto?
Creo que da pandemia aprendemos a saír xuntos. As consecuencias sanitarias, económicas e psicolóxicas foron evidentes. O compromiso económico na atención asistencial aos vulnerables naqueles meses tan difíciles non foi fácil. Moitas persoas víronse afectadas polos ERTES ou ERES. Acompañamos a dor das familias que perderon os seus seres queridos. Certamente a pandemia puxo de relevo nosa fraxilidade. Sempre a dor e o sufrimento nos interpelan. Pero a fe cristiá non fai promesas dun futuro mellor a expensas da realidade presente. Os crentes en Cristo «sofren cos que sofren». Toman en serio a dor do próximo, conmóveos e empúxaos a facer algo para remediala. A fe non «cotiza á alza» cando o ser humano está sufrindo, nin Deus nos agarda pacientemente detrás da desgraza para que terminemos adorándoo. A nosa dor é a súa. No medio da tormenta a nosa fe debe permanecer serena no Si de Deus que non nos fai inmunes á desgraza. A fe non é unha especie de salvavidas individual ou de reserva para os momentos de dificultade, ao contrario, fainos saír dos nosos alpendres persoais e institucionais para facer presente ese Si de Deus en todos os recunchos doentes. Deus está realmente presente nos que viron fenderse o chan sobre o que se apoiaba a súa vida.

Unha cousa é predicar e outra dar trigo. Cales foron as necesidades que máis apremaron e cales as respostas concretas da Igrexa compostelá fronte ao azoute da Covid19?
A ninguén como ao seguidor de Cristo lle debe doer tanto a dor dos demais, pero esa dor nunca será pedra de tropezo ou escándalo para desistir da súa confianza en Deus: o seu amor deixouse crucificar e vive para todos. Por iso, a fe cristiá é, no fondo, o realismo máis humano. A nosa esperanza é serena: ten a certeza de que «nada nos separará do amor de Deus manifestado en Cristo Xesús», nin sequera a morte temporal. A Igrexa ofreceu as súas instalacións aos sen teito, e mostrou o seu compromiso no labor de Cáritas Diocesana, Interparroquial e Parroquial, na actitude próxima dos sacerdotes, dos membros de vida consagrada e na de laicos, mostrada na súa xenerosidade e preocupación polos demais.

¿Como viviu e vive vostede como arcebispo esta difícil situación?
Pois evidentemente con preocupación e incerteza, como todos. Tratei de estar unido aos meus diocesanos animándoos coas cartas pastorais e estando en contacto con eles telefonicamente naqueles meses de confinamento, ata que a situación permitiu volver aos contactos presenciais.

Na cerimonia de apertura do Ano Santo 2021, o nuncio Bernardito Auza leu o decreto polo que os beneficios relixiosos do Xubileu se prorrogan durante o ano 2022, debido ás circunstancias especiais da pandemia da Covid-19. Estamos ante un feito insólito? Debémosllo a vostede? Que supón esta concesión?
Certamente é unha excepción na historia dos anos santos Xacobeos. A concesión da prolongación do Ano Santo esta supoñendo que neste 2022 poidamos seguir celebrando o Ano Xubilar ata decembro, cando nunha situación normal tería que terse clausurado o decembro pasado. Isto débese á sensibilidade e á bondade do Papa que quixo saír ao encontro de tantas persoas que doutra forma non puidesen participar nas grazas xubilares por motivo da pandemia.Os datos evidencian que vivimos nunha sociedade cada vez máis desacralizada, na que o feito relixioso resulta pouco ou nada significativo para unha fracción cada vez maior dos seus membros.

Debemos falar de crise para a Igrexa? Debe esta facer prospectiva ante este fenómeno? A que pode deberse que o ser humano opte, na súa procura de transcendencia, por novas formas de espiritualidade?
É unha realidade que necesita un discernimento sereno para tratar de dar respostas ás preguntas que nos fan. Talvez esteamos dando respostas a preguntas que ninguén nos fai. O sentir relixioso non desaparecerá xamais porque non se pode eliminar do corazón do home a promesa sobre a propia vida que sempre bordea o misterio. Dános confianza no medio de todo saber que estamos chamados a colaborar na Igrexa, aínda que o destino desta non depende de nós, e que nós dependemos de Cristo que nos di: «Sen min non podedes facer nada». O froito non está nunca nas nosas mans. Na misión non vai incluído o éxito, pero esta certeza non ha de levarnos nin á indiferenza, nin á pasividade nin a ser prisioneiros dos propios proxectos. A realidade sempre é máis grande que os nosos esquemas. A vida mesma é vocación que debe ser vivida sempre con esperanza cristiá.

Que realidade humana lle resulta máis lacerante?
Todo aquilo que afecta á dignidade da persoa humana, empezando polos atentados contra a vida que debe defenderse sempre desde a súa concepción a ata a morte natural. A Igrexa, que como dicía o papa San Xoán XXIII, é «nai e mestra», aposta por unha cabal concepción antropolóxica que preserve os dereitos, e os deberes, de cada persoa, imaxe de Deus.

Lc 21:33. O ceo e mais a terra pasarán (…) 

Coa presenza da Covid19 entre nós estase a verificar un cambio de paradigma, senón na totalidade, na meirande parte das esferas da vida das persoas nun mundo cada vez máis globalizado. No que atinxe ao Camiño de Santiago, podemos falar de formas distintas de peregrinación? Que valores, pola contra, considera que deben permanecer inalterables por constituíren sinais de identidade da peregrinación xacobea?
Se queremos explicar o éxito da peregrinación xacobea e do camiño de Santiago, creo que tanto a peregrinación como o camiño son rutas para o espírito para salvagardar a dimensión transcendente e espiritual que non se resigna a verse asfixiada baixo a inmanencia. Tamén a nosa Praza do Obradoiro é como un adro dos xentís, no que se recibe a todos os que chegan e aos que se ofrece a mensaxe de Cristo no Pórtico da Gloria. E estou convencido de que se o Camiño de Santiago perdese a dimensión espiritual cristiá, a que, desde o descubrimento da tumba do Apóstolo, trouxo a millóns de peregrinos, converteríase nunha realidade inerte.

Mt 22:21. A Deus o que é de Deus e ao César o
que é do César. 

Falemos de algo máis terreal: de política. Cal é a reforma política que estima imprescindible e urxente para a sociedade?
Unha política que estea ao servizo das persoas dando respostas ás necesidades reais e non imaxinarias que ás veces se supoñen.

Vostede amosouse reiteradamente partidario da autonomía recíproca entre Estado e Igrexa. No Obradoiro, Catedral e Raxoi míranse de fronte. Miran cara un mesmo horizonte Igrexa e Poderes Públicos en Compostela?
A comunidade política e a Igrexa son entre si independentes e autónomas no seu propio campo aínda que están ao servizo da vocación persoal e social dos mesmos homes a través dunha sa cooperación entre ambas, podendo a Igrexa sempre e en todo lugar predicar a fe con verdadeira liberdade e emitir un xuízo moral tamén sobre as cousas que afectan á orde política cando o esixen os dereitos fundamentais das persoas ou a salvación das almas. Nesta clave habemos de mirar o horizonte dunha sociedade na que a persoa poida realizarse integralmente.

Se estivese nas súas mans… a que personaxe público lle imporía unha penitencia e a cal lle outorgaría a indulxencia plenaria?
Todos estamos en mans da misericordia de Deus. Nin sequera invocariamos o nome de Deus se El non nos dese previamente a súa graza para falar del e con El. Así é que todos necesitamos da indulxencia plenaria e neste senso temos que buscar a nosa conversión a Deus cultivando a memoria penitencial.

Salmo 69: 10. Consómeme o celo da túa casa. 

As obras de restauración acometidas na Catedral evidencian o esforzo por parte da Igrexa e das Institucións pola conservación do patrimonio. Que supoñen para Compostela, para os composteláns, para os peregrinos e os turistas as obras de restauración acometidas na Catedral aínda en curso?
O sentir xeneralizado é de gran satisfacción. Poder contemplar a Catedral en toda a súa beleza, verdade e bondade débenos axudar na tarefa pastoral. Creo que desta restauración nos debemos sentir sanamente orgullosos.

Recentemente o Cabido Catedralicio agasallouno coa reprodución en pedra do seu escudo episcopal, que ostentan xa as paredes da Catedral. Deste xeito, o seu episcopado conta cun recordo pétreo nada máis e nada menos que nos muros da casa do Señor Santiago. Ten asumido que Monseñor Julián Barrio forma xa parte da historia viva de Santiago de Compostela?
É un gran honor inmerecido pola miña banda. Dígoo en verdade. Isto depende máis da bondade das persoas que o planificaron que dos propios méritos meus se é que os hai. Xamais imaxinaría que nesta casa do Señor Santiago puidese estar o meu escudo episcopal.

Ou seu carácter afable, aberto e moderado, a súa vasta cultura, a súa dedicación a Compostela e á Arquidiocese, o seu respecto pola lingua… granxeáronlle o respecto e o afecto dos composteláns. Son moitos os que recoñecen en vostede a figura do Arcebispo Quiroga Palacios. Podemos referirnos a Monseñor Julián e ao seu arcebispado como seguidores da estela do Cardeal?
Na misión da Igrexa nunca debemos crer que partimos de cero ignorando o acontecido pois iso sería unha actitude «infantil». Hai que ter en conta os que nos precederon aínda que un loxicamente dea o seu selo. O Cardeal Quiroga é unha figura moi significativa, á que esta Igrexa diocesana debe moito, como se puxo de relevo na memoria agradecida das recentes homenaxes que recibiu no cincuenta aniversario do seu falecemento.

Cara onde sopran vos ventos dos novos tempos para a Igrexa compostelá e cales son arestora a súa maior riqueza e as súas principais carencias? Como ve vostede o seu futuro?
Estou esperanzado de que todo vaia a mellor. Tamén a nosa Igrexa compostelá trata de ser é Igrexa en saída ao encontro das persoas escoitándoas e acompañándoas e facéndoas máis conscientes de que forman parte da Igrexa e que non son meros suxeitos pasivos, como é o sentir do papa Francisco. E sendo realistas coa situación que nos tocou vivir nestes momentos, preocúpame a escaseza de vocacións ao sacerdocio e á vida consagrada.

Para cando unha visita do Papa Francisco a Compostela?
Desexaría que puidese ser antes de terminar o Ano Santo.

Para rematar, Monseñor, querería achegarnos algún consello, algunha palabra de referencia nas tentativas de acadar con éxito a meta das moitas peregrinacións que cadaquén emprendemos ao longo da vida? Exprésese con total liberdade.
Tomar conciencia de que non estamos sós, prever os desencontros en todos os ámbitos, escoitarnos e dar importancia ao que realmente a ten sen deixarnos levar polas urxencias. Tamén hoxe Deus quere que nos preocupemos del. Marxinar a Deus é marxinar a persoa. Podemos construír unha sociedade sen Deus pero construirémola contra o home.

Queres ollar outros contidos relevantes?
Política de privacidade

Se consente a utilización de cookies, continúa navegando ou fai clic nalgún link entenderase que consinte a nosa política de cookies e, por tanto, a instalación das mesmas no seu equipo ou dispositivo.

Se vostede quere, pode cambiar a configuración de cookies en calquera momento, configurando o seu navegador para aceptar, ou non, as cookies que recibe ou para que o navegador o avise cando un servidor queira gardar unha cookie.

Esta web utiliza cookies.
error: Contido protexido