Montederramo
O BERCE DA RIBEIRA
Reportaxe Noelia Lage
Ilustracións Olalla Diéguez Boó
Agosto estaba chegando á súa fin e, a pesar de que Galicia é terra de temperaturas suaves, en Allariz deixábase notar o bochorno propio dunha provincia de interior. Ninguén sería capaz de confirmalo, pero este puido ser o ambiente daquel 21 de agosto de 1124, cando dona Tareixa de Portugal firmou a doazón dun terreo situado ao norte da provincia de Ourense para a construción dun mosteiro. A denominación que aparece naquel documento gañaría forza chegando aos nosos días, con algunha que outra modificación, como Ribeira Sacra para designar un territorio moito máis extenso que o alí referenciado: actualmente a nomenclatura reúne unha vintena de municipios ourensáns e lugueses.
O nome Rivoyra Sacra, actualmente Ribeira Sacra, non está exento de misterio. Nun primeiro momento dominou a idea de estarse a referir á ribeira dun río pero na actualidade os expertos decántanse pola etimoloxía de «Rubus», referente ao carballo. O mosteiro mencionado no documento de dona Tareixa, que como ben descubriremos máis adiante non é o actual, parece gardar unha estreita relación con esta segunda hipótese. O cenobio, dedicado a San Xoán e habitado por monxes beneditinos, atopábase nunha das parroquia de Montederramo, Seoane Vello. E é precisamente na casa reitoral de Seoane onde atopamos un escudo cun carballo arrincado e mais cos elementos do Císter.
Foi máis adiante, a mediados do devandito século XII, cando se traslada o mosteiro á actual localización en Montederramo; pasando ademais a acoller monxes cistercienses chegados de Francia e situándose baixo a advocación de Santa María. E se ben a construción deste cenobio, xunto co auxe que daquela estaba a vivir a vida monacal, situaron este pequeno municipio ourensán nunha posición relevante, existen vestixios que permiten documentar a existencia de poboacións desde a época romana. A primeira mostra de poboamento atopámola no Castrelo, unha construción castrexa que se atopa nas proximidades de Leboreiro, na xa mencionada parroquia de Seoane Vello.
Todo este percorrido histórico, xunto coa contorna natural, fan de Montederramo un imprescindible da Ribeira Sacra. O patrimonio, as fermosas paisaxes desbordantes de biodiversidade e mais a tradición arraigada na zona, son atractivos que non pasan desapercibidos para o ollo do viaxeiro. Xunto coa maxestade do mosteiro de Santa María, que se ben é de orixe románica a súa renovación posterior sitúao como unha das xoias renacentistas de Galicia, atopamos outros monumentos relixiosos como os cruceiros de Marrubio, San Xoán das Chás e Santiago da Medorra ou o peto de ánimas de Vilariño Frío, de madeira policromada coa imaxe da Virxe do Carme.
En Vilariño Frío atopamos tamén a Ponte Vella, de orixe romana. Construída no século I, formaba parte da Vía Nova que unía as poboacións situadas nas actuais Astorga e Braga. Así mesmo, desde o ano 2015, aqueles que se animen a coñecer Montederramo atoparanse cun mural que representa un dos elementos máis queridos do seu folclore. Trátase do «Ermitán de San Mamede», figura de gran transcendencia plasmada por Cestola na Cachola no muro dun albergue. Ademais da fermosura da obra destacamos a caroza que leva o eremita, traxe de palla que vestían os pastores e agricultores galegos para protexerse do frío e da choiva.
E se o patrimonio histórico ten un valor incalculable, non queda atrás a contorna que o acolle. As espectaculares paisaxes de montaña únense cómplices á excepcional diversidade de flora e fauna. O famoso bidueiral de Montederramo, que está considerado Lugar de Interese Comunitario pola Rede Natura 2000, pódese desfrutar a través de dúas rutas de sendeirismo oficiais: o roteiro do Bidueiral e o do Santo, este último desde o mosteiro de Santa María. Os aventureiros que se adentren nas fragas de Montederramo poderán atoparse con incribles especies autóctonas como bidueiros, arandeiras, cancereixos, gabiáns, corzos e moitas outras.
E despois dunha boa camiñada, toca encher o boche. Montederramo tamén ofrece unha interesante gastronomía baseada en produtos típicos da cociña galega. A tenreira alimentada de xeito natural nos prados do municipio, combinada cun dos exquisitos viños da Ribeira Sacra, é unha aposta segura. Ademais, cada outubro celébrase a Feira da Carne, onde se pode degustar a tenreira en pratos tradicionais como ao caldeiro ou en empanada. A exquisita gastronomía e as festas e feiras do municipio completan así unha oferta turística de luxo; capaz de combinar cultura, tradición e historia co ocio ao aire libre e a riqueza natural dunha contorna incomparable.
Juan Mera
O rei do ring
Xosé Manuel Beiras
«Sempre souben que nunca ía ser presidente»
Margarita Ledo
«Son xornalista por un fake»
Xesús Couceiro
«Nunca tentei vender un libro»