•  981 806 528 & 670 594 685 info@coralia.gal

NATALIA FERNÁNDEZ SEGARRA
«O termo surrealismo
asusta a moita xente»

Natalia Fernández

150 150 CORALIA

Cada ano Natalia Fernández Segarra cruza varias veces o Atlántico co obxectivo de poñer en orde as súas dúas metades, Compostela e Washington, pais e fillos, o vivido e o que está por vivir.

Logo de máis de vinte anos á fronte da Fundación Eugenio Granell, institución que atesoura a maior parte do legado do seu pai, Natalia Fernández reflexiona neste número de Coralia sobre o pasado, presente e futuro da arte, sobre o surrealismo e sobre a valiosísima colección depositada no Pazo de Bendaña.

Activa e apaixonada, é indo e vindo polas salas dedicadas á obra dos seus pais cando os seus ollos adquiren un azul practicamente líquido, que explica -sen necesidade de verbalizalo- o porqué da súa renuncia á docencia en Estados Unidos para poder dedicarse en corpo e alma a dirixir a compostelá Fundación Eugenio Granell.

«A min sempre me chocou moito o concepto de museo que el tiña, no que se conservara todo o seu traballo, porque para min esa visión era un pouco contraditoria. Non buscaba a fama, pero quería que os seus logros, os seus libros, os seus cadros, se mantiveran accesíbeis para a xente».

CULTURA

O seu pai, Eugenio Granell, cría que a única condición para ser surrealista é a integridade moral do individuo, que non se vende, que non traizoa. O surrealismo é unha forma de vida?
Si. Segundo o meu pai si que era unha forma de vida. Ser surrealista é poñer en práctica todas esas ideas: ser íntegro, ser honesto e defender todo aquilo no que cres; no seu caso, a liberdade.

Hai quen define a Eugenio Granell como un músico que escribía e tamén pintaba. E el mesmo sentía a escritura como pintura e a pintura como escritura. En que faceta se sente máis realizada Natalia Fernández, na académica ou na directiva? Ou son un todo indisolúbel?
Fun mestra antes de ser directora á forza, porque eu nunca me preparei para isto. Porén, tiven sorte en todas as disciplinas que abordei, porque as cousas téñenme saído ben.

O exilio de Granell abriulle portas creativas e pechoulle a porta do recoñecemento en España ata a chegada da democracia. Os recoñecementos son máis importantes para o creador ou para quen o quere e admira?
Ao final, o meu pai agradeceu o recoñecemento, por suposto, pero non era o que en realidade buscaba. A min sempre me chocou moito o concepto de museo que el tiña, no que se conservara todo o seu traballo, porque para min esa visión era un pouco contraditoria. Non buscaba a fama, pero quería que os seus logros, os seus libros, os seus cadros, se mantiveran accesíbeis para a xente. Para min supuxo unha contradición que aínda non puiden resolver.

Ao carón dun grande artista como Eugenio Granell atopamos unha grande artista como Amparo Segarra. Cando hai amor, a renuncia á propia traxectoria chega a ser recompensada? Á muller, xa sexa nai ou filla, resúltalle máis doado renunciar por amor aos seus soños?
É unha das preguntas que me estou a facer sobre a miña nai, porque ela, en realidade, non se fixo creadora ata moi tarde na vida, ata unha idade moi avanzada. Creo que foi unha muller de gran talento que non desenvolveu ata o final, á que tamén lle gustaba moito ser ama de casa -que é algo que a min tamén me gusta moito- e esposa do seu marido. Non sei se renunciou conscientemente ou non, xa que tamén habería que valorar a cuestión xeracional. É difí
cil de saber!

O Granell creador defendía a maxia fronte ao racionalismo puro; e o Granell pai tamén se apoiaba no surrealismo á hora de explicar á súa filla o porqué das cousas?
El nunca me explicaba o porqué das cousas. O meu pai era unha persoa que simplemente che deixaba ser. Unha das cousas que sempre lle agradecín ao meu pai é que a min non me criaron como filla ou muller, senón coma persoa. Puiden facer o que eu cría axeitado, desde a miña independencia, posto que non había nada prescrito. Eu non tiña que seguir ningunha regra.

Hai unha idade ideal para namorarse do surrealismo?
Non teño a menor idea, porque eu medrei con el. Nunha foto de cativa aparezo diante dun dos primeiros cadros do meu pai. Tanto eu como os meus fillos sempre estivemos rodeados da creatividade do avó.

Un consello aos novos creadores?
Facede o que vos dea a gana! Non sigades as leccións de ninguén e guiádevos polos vosos impulsos. Ninguén sabe mellor que o propio creador o que quere facer.
Unha illa?
Nacín nunha e teño vivido en moitas illas! En particular, Nova York.

Se Eugenio Granell fose francés, a súa impresionante biografía vital e profesional farían del un xigante, un xenio. Fáltanos orgullo, cultura ou amor polos nosos xenios?
É unha pregunta difícil. Desde que cheguei aquí a miña percepción é que en efecto se rexeitan moitos grandes creadores. Este ano, por exemplo, Inglaterra está celebrando a Shakespeare e aquí non estamos celebrando a Cervantes, a persoa máis enxeñosa que ten a literatura hispana! Aquí fállanos algo.

Eugenio Granell outorgoulle a Santiago un lugar destacado no mundo do surrealismo. Estaba e está Compostela preparada para a arte contemporánea?
Para a arte contemporánea, si, talvez. O CGAC fai unha gran labor e a arte contemporánea está moito máis de moda. O surrealismo, creo eu, é un pouco máis intelectual, menos pensado, máis imaxinativo. E ao non entender o seu significado, o termo surrealismo asusta a moita xente que non tenta descubrir que hai detrás desa palabra.

Todas as crónicas coinciden en sinalar a etapa caribeña de Eugenio Granell como un período vital e profesional transcendental. Para Natalia Fernández a etapa compostelá que representa?
Grazas aos meus pais, a etapa compostelá deume a oportunidade de explorar novos camiños. Eu tivera outras profesións en Estados Unidos e esta etapa deume a oportunidade de poñer en marcha a Fundación e facer dela o que agora é, que creo que fixemos bastante ben. Así é que na actualidade, dedícome por completo ao meu pai.

Contido extraído do núm. 2

Aquí tes outros contidos relevantes:

Política de privacidade

Se consente a utilización de cookies, continúa navegando ou fai clic nalgún link entenderase que consinte a nosa política de cookies e, por tanto, a instalación das mesmas no seu equipo ou dispositivo.

Se vostede quere, pode cambiar a configuración de cookies en calquera momento, configurando o seu navegador para aceptar, ou non, as cookies que recibe ou para que o navegador o avise cando un servidor queira gardar unha cookie.

Esta web utiliza cookies.
error: Contido protexido