•  981 806 528 & 670 594 685 info@coralia.gal

NEVES RODRÍGUEZ

en escena

Neves Rodríguez

150 150 CORALIA

ESCENARIOS

Descubrir a persoa que hai detrás da Neves Rodríguez actriz e presentadora representa unha experiencia verdadeiramente enriquecedora. A vitalidade, a intelixencia e a xenerosidade son compoñentes esenciais da Neves muller, filla e compañeira, unhas características que tamén definen o seu traballo como comunicadora e como intérprete. Rodríguez, grazas ao seu talento e honestidade, consegue sempre traspasar a pantalla e conectar co corazón do público.

De espírito curioso e en permanente evolución, o seu nome está ligado a algúns dos éxitos máis importantes do panorama Audiovisual galego. Desde Galicia para o mundo, Luar, Gondar, Rías Baixas, Máis ca irmáns, O fío do retrato, Pazo de Familia ou Vaia Troula son exemplos do bo facer da Rodríguez, querida dentro e fóra da profesión, e fabulosa protagonista da editorial de moda do número de primavera de Coralia.

O Teatro Principal de Santiago convértese no escenario perfecto para revelar os diferentes perfís dunha das mulleres máis magnéticas do noso audiovisual.

A túa listaxe de desexos que tamaño ten?
É ben pequena. Ser feliz, ter traballo e procurar vivir libre, que é moi difícil.

Muller polifacética ou en constante metamorfose?
Muller en constante evolución. Sei facer moitas cousas e podería chegar a facer moitas máis. Son consciente diso, pero hai que ir cos tempos, evolucionar cos tempos. Non son unha persoa ancorada ao «os tempos pasados sempre foron mellores». Non, para nada.

A Neves actriz e a Neves persoa son boas amigas ou máis ben son rivais?
Vai por días. Hai días que Neves persoa e Neves actriz se levan moi ben e outros nos que se odian intensamente e se cuestionan moitísimas cousas. É algo intrínseco a unha profesión na que a inseguridade é unha constante, non? O dito, vai por días!

Con éxitos como Desde Galicia para o mundo, Luar ou Pazo de Familia, tes a fórmula do triunfo?
Non, para nada! Non hai fórmulas matemáticas! O que hai que facer, non para triunfar, senón para facer ben o teu traballo é facer o que che gusta, poñéndolle moita paixón e moito amor, nada máis. Non hai outra fórmula.

O teu compromiso coa lingua implica moitas renuncias?
Vivir en galego e traballar en galego nunca me supuxeron renuncia ningunha. A min non me vetaron en ningún sitio por falar en galego. Eu traballo en Galicia e traballo na miña lingua materna, o galego. Agora mesmo fago un programa de radio en podcast dedicado á banda deseñada en galego que sabemos que se escoita fóra. A xente que o oe, que non é galega, di que entende perfectamente o seu contido e que o feito de realizarse noutra lingua non lle impide escoitalo. A min, polo de agora, non me supón rexeitar nada. Cando teña ese dilema xa veremos o que facemos, pero o meu compromiso co galego é firme.

Levas anos difundindo a banda deseñada en galego. No papel, que personaxe elixirías ser?
Sería unha personaxe que aínda está por debuxar!

Fun fun fun é maxia ou que cousa é?
Ai! Fun, fun, fun é alegría, é divertimento, é banda deseñada, é creatividade, é «faino ti mesmo», é pásao ben durante dous días do mes de Nadal e en Compostela.

A poesía é un dos teus territorios favoritos. Hai algún verso ou algunha estrofa que che veña a miúdo á cabeza?
Sobre todo as de Rosalía. Cada vez que paso o muro do Courel, sempre me vén á cabeza “Castellanos de Castilla”. A min, Rosalía encántame! Logo, dos autores actuais, gústame moito a obra de Manuel Barreiro, que espero ver publicada pronto. Tamén me gustaría chegar a publicar a poesía que eu escribo.

Xoguemos ás películas. Que película sería o audiovisual galego?
Encallados de Zarauza. Se non a viron, fagan por poñela na súa casa.

A Neves, onde lle gusta perderse?
Na miña casa, no meu lar é onde me gusta perderme. É un espazo pequeno, que ten sempre os mesmos metros cadrados, pero no que sempre teño moitas cousas que facer e a posibilidade de trasladarme a outros moitos lugares.

Hai algunha receita infalíbel para conquistarte?
A min xa me teñen conquistada!

Por último, con que soñas?
Soño con facer cinema e teatro. Soño con vivir libre.

Contido extraído do número 5.

«Non hai fórmulas matemáticas! O que hai que facer, non para triunfar, senón para facer ben o teu traballo é facer o que che gusta, poñéndolle moita paixón e moito amor, nada máis».

Queres ollar outros contidos relevantes?
Política de privacidade

Se consente a utilización de cookies, continúa navegando ou fai clic nalgún link entenderase que consinte a nosa política de cookies e, por tanto, a instalación das mesmas no seu equipo ou dispositivo.

Se vostede quere, pode cambiar a configuración de cookies en calquera momento, configurando o seu navegador para aceptar, ou non, as cookies que recibe ou para que o navegador o avise cando un servidor queira gardar unha cookie.

Esta web utiliza cookies.
error: Contido protexido