•  981 806 528 & 670 594 685 info@coralia.gal

O camiño Interior

150 150 CORALIA

Fotografía e vídeo Toni Martín

A auga, o lume, a terra e o aire son os catro elementos da nai natureza, e pódense definir como as enerxías arquetípicas que teñen o seu efecto no noso ser, na nosa conciencia e na forma de entender o mundo. Aínda que nos reinos elementais son en realidade cinco sumándoselle o Éter (espírito).

Os catro elementos da astroloxía clásica occidental representan as formas en que a enerxía se presenta, catro expresións do todo, desde a máis densa e a máis pesada á máis inmaterial. Hai outras formas de atopala, xa que no universo todo é enerxía, pero estas que cito, son suficientes para describir todo o amplo espectro de manifestacións físicas e psíquicas dos organismos.

Na miña viaxe ourensá puiden experimentar cos cinco. O primeiro, o lume da cociña vexetariana do aloxamento da aldea rural de Pazos de Arenteiro. Levo un tempo, axudada por unha bióloga nutricionista, volvendo ás orixes e ao xeito da alimentación do paleolítico, o cal fai posible que o meu compromiso co planeta e o meu consumo de alimentos vivos conflúan e se doten de coherencia.

Cristina Noriega, nutricionista e psiconeuroinmunóloga, que podedes atopar en Internet, invitoume a levar a cabo a aventura paleoevolutiva. A inxesta de produtos reais e non procesados. No meu caso, piscivexetariana: podo comer pescado, marisco, ovo e mais froitas e verduras de tempada. Recomendoume dar un paso máis alá e así facer eficaz unha limpeza a conciencia do meu corpo e polo tanto, da miña mente. A variante da dieta dos ancestros chamada antiinflamatoria evolutiva. Con ela evito o estrés e o mal durmir.
Sábese que son nefastos para a saúde os niveis elevados de colesterol por inxestión excesiva de animais de granxa e cultivo masificado que provocan patoloxías claras. Por todo isto eu busco nos meus menús aqueles ingredientes que proveñen dun sistema ecosostible.

A gran selección de pratos vexetarianos de tempada, producidos con coidado e respecto medioambiental na súa horta eco, conquistoume. Na carta do restaurante do aloxamento de Pazos de Arenteiro contan con pratos de gran calidade e diversidade xeográfica tendo en conta o valor enerxético e o impacto ambiental. Por ecoloxía, saúde e amor polos animais, optan por ofrecer o 95 % do menú veggie. Pero isto non foi o único que fixo que quixese quedar alí a vivir, foron os «veciños e veciñas animais empadroados» nesta paraxe. Foi o instinto animal tan humano que alí se respira.

Biquei a vaca Wendy, que foi criada con biberón polos xerentes do hotel, que ademais de aloumiñarme, veu correndo cara a min cando lle ofrecín un anaco de melón, coma se dun canciño se tratase. A parella que cría a vaca, as cabras, os cans e gatos que conviven en paz neste anaco de paraíso, namoraron en Londres. Ela é checa e el do Carballiño, e despois de quince anos emigrado decidiu volver á terra para, segundo as súas propias palabras, devolver un pouco do que tanto lle deu a el. Entre bonsais de carballos, budas, unha fervenza e pedra, moita pedra, viven aproveitando outro elemento tan rotundo en importancia, a Terra.

 

A seguinte parada foi o castiñeiro de Pumbariños, no souto de Rozavales, situado no concello de Manzaneda e na parroquia de San Martiño. Está considerado un dos castiñeiros máis grandes e de maior vida de España. Mantívose milagrosamente a salvo século tras século, o que é unha clara analoxía coas nosas xentes e a nosa cultura. Na actualidade está debidamente sinalizado e delimitado, e aínda que o desexo de tratar de abrazalo nos eclipse, temos que velo afastado de nós e deixalo medrar outros mil anos máis.

Basta con respirar conscientemente o aire puro e rexenerador que emana e o equilibrio que o rodea para sentir a liberdade que este monumento vivo nos proporciona. E desta maneira o terceiro dos meus elementos en Ourense, este aire xenuíno galego.

O seguinte destino fíxeno na procura da auga, onde tamén puiden atender e curar o meu éter. O lugar elixido e máis axeitado, sen dúbida, a instalación termal de Outariz. Nada máis chegar a estética xa nos transporta á formulación oriental de vida zen. O acceso ao edificio das augas termais da Chavasqueira, construído cunha estrutura de troncos de madeira expostos ao espectador, xa nos anima a soltar todo o negativo que levamos de fóra.

A expresión do virtuosismo nos conxuntos de dita estrutura de madeira, o tamaño dos elementos e a escala do espazo son elementos determinantes na arquitectura tradicional xaponesa. A articulación en planta destes espazos está feita sempre en xiros de 90º para ocultar vistas, que é outra solución común nos edificios xaponeses.

Esta inspiración nipona convive coas vistas autóctonas do río no Muíño da Veiga, a carón da cidade de Ourense, provincia galega que posúe un verdadeiro tesouro termal no norte de España, legado dos que antes poboaban a rexión. Deste xeito, as culturas xaponesa e galega mestúranse nesta instalación, sendo a característica distintiva das termas de Outariz dende os seus inicios.

Dotadas de augas mineromedicinais debilmente mineralizadas, bicarbonatadas, sódicas, fluoradas, líticas e sulfuradas. A temperatura do ascenso é de 61 ºC. Con cita previa, calquera usuario pode gozar dun tratamento relaxante da man dunha das quiromasaxistas do establecemento coa máis absoluta privacidade.

Tiven a sorte de desfrutar dunha envoltura en chocolate que restableceu as miñas costas e ao mesmo tempo, co aroma delicioso do cacao, alcancei o estado de paz e a sensación de dozura absolutos. A chocoterapia proporciona relaxación, xa que actúa sobre o sistema nervioso grazas a certos antioxidantes como a teobromina, o tanino e a polifenois. É fonte de saúde grazas ás vitaminas A, B e E e mais ao magnesio e cinc. A pel benefíciase de todas as súas propiedades. Foi unha desconexión total para reconectarme a min mesma.

E para rematar cultivando o meu ki, nada mellor que unha experiencia termal zen no Family Onsen, degustando o sushi que eles mesmos elaboran para saborear mentres frota na auga. O ki da espiritualidade, en xaponés, dada a tendencia polisémica desta lingua, ás veces tradúcese como enerxía, presenza, vontade, mente ou alento para a saúde. No ioga hindú, a palabra sánscrita prāṇa ten o mesmo significado, que é enerxía, respiración e sabedoría. Algo moi similar na China sería o chi, e para os nativos americanos o grande espírito.

 

Para todas estas culturas e moitas outras a idea da forza vital é o eixo central da medicina tradicional e da curación. E como vedes, en Ourense podemos atopalo todo sentindo tamén o poder e a forza dos elementos. Así pois, atopei nesta estancia por terras ourensás a calma da alma.

Queres ollar outros contidos relevantes?
Política de privacidade

Se consente a utilización de cookies, continúa navegando ou fai clic nalgún link entenderase que consinte a nosa política de cookies e, por tanto, a instalación das mesmas no seu equipo ou dispositivo.

Se vostede quere, pode cambiar a configuración de cookies en calquera momento, configurando o seu navegador para aceptar, ou non, as cookies que recibe ou para que o navegador o avise cando un servidor queira gardar unha cookie.

Esta web utiliza cookies.
error: Contido protexido