•  981 806 528 & 670 594 685 info@coralia.gal

Budiño, o mestre do vento

«Quería estender as ás, quería planear e gozar»

Budiño

150 150 CORALIA

Parou seis anos, pero só para tomar impulso e reinventarse. O músico de Moaña namorado de Compostela volve con Fulgor, un libro disco de coleccionista no que canta por primeira vez. Con el conversamos desta transición e deste novo traballo que ten moito de álbum de recordos, no que ispe a súa alma con dez cancións que emocionan desde a primeira nota. Todas e cada unha delas dedícallas a Fran Pérez, Narf, o amigo que tocou a tecla que deu lugar ao novo Budiño.

Entrevista de VALERIA PEREIRAS & Fotografías de FRED IGLESIAS

Fulgor é o teu sétimo traballo xa. Que dirías que ten de continuación e de distinto aos seis anteriores?
Creo que Fulgor é o primeiro dunha nova etapa. Hai seis anos xa de Sotaque (2013). Até agora o lóxico viña sendo sacar un cada tres, como moito catro. Pero este, cando chegamos ao terceiro ano e tiven que tomar unha decisión para facer un novo disco, decateime de que non era o momento. Pensei que algo estaba a cambiar e quería facer outra aposta. Entón, deuse a casualidade que se cumpría o vinte aniversario do meu primeiro disco.

De Paralaia (1997), e reeditáchelo en 2017 coincidindo co aniversario.
Si, decidimos facer unha reedición especial, con libro disco. E, neses últimos tres anos funlle dando forma a este sétimo disco, o primeiro dunha nova etapa.

Budiño presenta Fulgor en Coralia

«A xente que escoite por primeira vez unha canción deste disco non vai saber que artista é porque a min ninguén me escoitara cantar antes. Iso é o que lle está a pasar a todo o mundo»

É un novo Budiño o de Fulgor?
Pois o paso máis importante é deixar de tocar como instrumento principal unha gaita e unha frauta e utilizar a voz por primeira vez. Ese é o gran paso.

Pero imaxino que hai coincidencias co resto da túa discografía. Que é o que non muda?
A miña ilusión sempre foi e segue a ser compoñer música. Aínda que eu veño da música tradicional, aos doce anos descubrín o rock and roll indo a concertos coas amizades. Eu, desde pequeno, facía certo tipo de música pero tamén me gustaban moitos outros estilos. E sempre tiven na cabeza, desde o principio, levar a actitude do rock á música que facía.

Neste álbum a maioría das letras son túas pero tamén musicaches outras como o poema «Santiago» de Xoel López, «San Xoán» de Vega ou «Pulso» de Antía Otero. Como é isto de poñerlles música ás verbas doutras persoas?
Foron, creo, as tres primeiras. Tiña que dar un paso importante de facer dez cancións. Era algo moi medido que non valía facer un disco con tres, catro cancións que podes utilizar logo nos directos e tiras do teu repertorio dos últimos vinte anos. Así que vinme nesa disxuntiva. Vaites! Teño que facer dez cancións para tocalas nos directos, porque é unha etapa nova. A xente que escoite por primeira vez unha canción deste disco non vai saber que artista é porque a min ninguén me escoitara cantar antes. Iso é o que lle está a pasar a todo o mundo. Escoitan algo e din, non sei quen é.

A edición do disco é exquisita.
Fulgor conta co patrocinio cultural de Adega Ponte da Boga, tras escoitar parte do borrador cando o estaba a facer. Esta adega está a apoiar un creador ou creadora cada ano cunha botella de viño, unha nova anada que dedican a quen elixen. E hai unha botella este ano que se chama Fulgor. Eles asumiron a edición do disco, e nós chamamos a Ana Zon, que é unha deseñadora ourensá, que xa fixera o deseño do libro disco de Paralaia. Os borradores das cancións envieillos e ela recreouse á medida que se ían compoñendo as cancións. E quedou ese libriño disco que, mesmo ao tacto, penso que é unha xoia.

A música é toda túa, e antes tampouco escribías letras. Como foi o proceso?
Nese primeiro momento dixen, de onde tiro? Dos amigos e das amigas que escriben que flipas. Con Xoel pasoume co seu poemario, Bailarás cometas bajo el mar, que sacou hai ano e medio. Recordo mercar o libro en Couceiro, ir ao Costa Vella tomar algo e ver «Santiago» e bum! Aquí hai unha canción. Pola noite chameino e díxenlle: neno, isto é unha canción. Que che parece se a musico? A súa resposta foi: encantado. Tanto, que un ano despois xa fun gravala a Madrid co cuarteto de corda, Quiroga, e el estaba tan alucinado coa canción que dixo: me dejas cantar unos coros? E eu: Xoel, como che vou dicir que non? Ademais, era unha das ideas que tiña. Podía tirar perfectamente de amigos e amigas que cantaran e facer un disco de duetos, pero non me parecía honesto. E, de feito, non lle pedín en ningún momento a Xoel que cantase no disco. Foi el xa cando escoitou a canción e o cuarteto de corda. Empezou por, se me deixas tocar unha guitarra, veña vai, e se me deixas facer uns coros, todo para ti.

Budiño presenta Fulgor en Coralia

En «Santiago», que é o título desa canción, dis que habería que vivir aquí polo menos dous anos. Por que?
El fixo esa letra cando vivía aquí. Estivo dous anos estudando, e foi cando tocaba na rúa. De feito, fixemos un vídeo de Santiago con el aquí e esa era a idea. El e eu tocando na rúa, e penso que quedou moi chulo.

E no caso de Antía Otero, xurdiu tamén así?
Eu tiña o seu libro de poemas O cuarto das abellas, e dixen ui, como mola isto. A Antía coñecina na Illa de Arousa, e era outra das persoas que necesitaba que fixera unha letra. Pedinlle un poema e, a partir de aí, case igual que con «Santiago», fixen unha música para ese poema. Para min era complicado. No caso de Vega foi ao contrario, xa tiña a música, paseilla, e ela escribiu enriba da música. Esas foron as tres primeiras letras que pedín, porque eu non me atrevía. Xa na cuarta empecei e foi todo rodado.

O primeiro agradecemento do disco é para Fran Pérez, Narf, ao que lle dedicas «cada palabra e cada nota deste disco». Como de grande é o baleiro que deixou este artista?
Ó, claro. Cada vez que me atopo con alguén que o coñecía e que fala abertamente de como era Narf, vaste decatando de que a xente non é aínda consciente do pouso que deixou. Un baleiro tremendo, era un compositor marabilloso e un tipo excepcional. Eu case coñecín máis a Fran viaxando fóra que aquí. Eu era superfan del, pero empezamos a coincidir en varias viaxes á Arxentina. Estivemos en Mar da Prata, en Bos Aires, en Portugal… E logo, hai tres anos eu fíxenlle unha proposición para que nos acompañara nunha xira polo Canadá. Apetecíame un montón que viñera coa miña banda, pero para cantar cancións del. Non que el se adaptara a tocar a guitarra comigo. Díxenlle: Fran a min apetéceme moito que veñas, pero que a miña banda aprenda as túas cancións e eu facerche algúns coros, se me deixas. Nesa viaxe saíu realmente o Fulgor. Foi nas cataratas do Niágara onde quedamos de facer unha canción xuntos. E nas probas de son, nos ensaios, el vía que eu lle estaba facendo os coros e díxome: Budi, pero que fago eu aquí? Por que me chamas a min para cantar? É un oco que non te atreves a cubrir pero eu véxoo clarísimo, tes que cantar. Aí saltou a chispa que eu xa tiña latente, e el creo que regou esa semente. E ese foi o principio disto.

Neste álbum fas unha revisión dun dos seus temas que é «Bos amores». Por que este? Ten un significado especial?
Había moitas melodías de Fran que se podían elixir, pero foi «Bos Amores». Non sei exactamente por que, porque hai outras moitas como «Tambor», «Esta noite»… das que me apetecía un montón facer unha versión, facerme ese agasallo, o de recordar a súa música. Non sei exactamente por que. Foi algo inexplicábel, pasa que ás veces aparece unha canción e non podes desprenderte dela, e cada vez que a tocamos en directo pasa algo con ela. É un tema tan bonito!

«É difícil vivir da música? Si, pero levo vivindo do meu traballo toda a vida, desde que teño uso de razón. Supoño que é difícil como calquera outra profesión, pero eu o que amo é a música. Eu son músico de vocación»

Narf era un dos amigos do Dezaseis. Alí é frecuente atoparte a ti, a Uxía, a Guadi, a Xabier Díaz… arredor de Suso, claro. Que de especial ten esta «casa de xantar»?
Eu non concibo vir a Compos sen ir alí e facerlle unha visita a Suso. Suso é marabilloso e aposta continuamente polos creadores e consegue unha comuñón entre toda a xente, da música, do cinema… E sempre pasa algo no Dezaseis. De feito, esa xuntanza con Fran foi alí, nunha mesa a carón da barra cando lle propuxen vir connosco a Canadá. E Suso ten ese don especial de facer que a xente se sinta ben e que se creen cousas novas alí.

Tamén tes unha relación especial coa Illa de Arousa, onde se botaron as cinzas de Narf. Considéralo o teu refuxio, o lugar onde te inspiras?
Si, na Illa pasan cousas moi bonitas. Todo empezou con algún concerto aos que fomos, non recordo exactamente, no que había moitos músicos, Uxía estaba polo medio e, por suposto, Carlos Blanco que é o mestre de cerimonias. E alí empezou esoutra parte da semente, porque nas festas nas casas dos amigos, sobre todo nas noites de San Xoán, de súpeto aparece unha guitarra e véxome outra vez co instrumento que tocaba de pequeno e de adolescente soñando con ser unha estrela do rock. De repente atópome cunha guitarra nas mans e coa miña timidez extrema para cantar enriba dun escenario, pero rodeado de amigos e amigas empeza a fluír algo e empezas a cantar con eles e perdes un pouco o medo escénico de interpretar, e así decido emprender unha nova vida, ir a clases de canto, e centrarme estes dous últimos anos en estudar moito, produción musical tamén…

O canto con Mónica de Nut, non si?
Si, Mónica Nut foi unha das claves para lanzarme ao baleiro. Eu non quería cantar con paracaídas, quería estender as ás, quería planar e gozar. Non buscaba algo tan artificial como un paracaídas, que te salva. Hai que aprender a planar e para iso precisas alguén como Mónica que che diga: moi ben, colócate. Ponte de pé, aí tes o piano, dá unha nota e empeza a cantar. E eu: como, Mónica, se me dá moito corte. Pero ela insistía: non, non, non, dá unha nota, colle o ton e canta o que queiras. E aí, de súpeto empezo a cantar as novas melodías do disco e ela dime: vale, pero ti tes unha extensión potente, isto vai ser complicado, porque se tes un rexistro pequeno é máis sinxelo. Así que tivemos que darlle duro. Colocación de padal, diafragma etc.

Técnica, non si?
Si, foron moitos meses. Técnica, pero onde iamos xa mirando os borradores das cancións novas. Iso foi xenial, poder traballar con ela o disco.

Con Elena [cando fala en plural inclúea a ela], ademais de relación sentimental compartes relación profesional. Como é traballar coa túa parella?
[Ri] Si, é complicado dividir eses dous mundos. Onde se separan perfectamente é na Arousa. No momento no que cruzas a ponte sempre facemos o mesmo, collemos o móbil e sacamos unha fotografía ou gravamos un vídeo cunha música que adoita ser de Xoel López ou de Guadi, ou outra xente moi querida. E, de súpeto, hai un código aí que ninguén puxo enriba da mesa, pero que se aplica, que é: aquí non se fala de traballo. E nunca falamos disto, aparece e é marabilloso estar alí un, dous, tres días e falar da vida e compartila coas amizades.

Ao longo destes anos actuaches en multitude de escenarios ao redor do mundo. Se tiveses que quedar con un, cal sería?
Uf, loxicamente terá que ser algo exótico, non?

Veña, abro o abano, podes elixir máis dun, pero Damasco imaxino que o inclúes.
Por iso dicía exótico [ri] Por aí ía. Claro, Damasco marca moito, sobre todo porque é unha cidade que cres que non vas poder visitar e non se vai parecer en nada a como era. Eu collina nun momento de tan bo rollo, logo de estar facendo varios concertos nesa zona, en Beirut, bañámonos no mar Morto…

Unha zona «quente». Algunha anécdota?
Lembro estar nun teatro en Beirut e chegar os militares para rexistralo todo porque estourara unha bomba aquela mañá. Miraron cada instrumento, o escenario, as butacas… Nós estabamos alucinados coa intervención dos militares, cos que ía un pastor belga precioso. A min encántanme os cans e cando xa marchaban preguntei se podía acariñalo. O militar que o levaba miroume con cara de non podo crer o que me está a pedir este tío, pero de súpeto botou un sorriso e deixounos achegar ao can. Despois continuamos sen máis co concerto. Daquela era algo habitual, xa nos advertiran e iamos un pouco como nenos, se pasa algo, pasa, pero imos vivir a experiencia… Mais se tivera que elixir un lugar especial para nós ese lugar sería México. Estamos namorados da xente, da cultura, da comida, e sobre todo de DF, que é o que coñecemos. É un dos lugares aos que volvería mañá sen pensalo. Poder tocar na praza do Zócalo, diante de 50.000 persoas foi marabilloso. E logo percorrer os sitios máis pequenos aos que eles nos levaban. O mercado de Coyoacán, o museo de Frida Khalo…

Budiño presenta Fulgor en Coralia

«Cada vez que me atopo con alguén que o coñecía e que fala abertamente de como era Narf, vaste decatando de que a xente non é aínda consciente do pouso que deixou. Un baleiro tremendo, era un compositor marabilloso e un tipo excepcional»

«Se tivera que elixir un lugar especial para nós ese lugar sería México. Estamos namorados da xente, da cultura, da comida, e sobre todo de DF, que é o que coñecemos. É un dos lugares aos que volvería mañá sen pensalo. Poder tocar na praza do Zócalo, diante de 50.000 persoas foi marabilloso. E logo percorrer os sitios máis pequenos aos que eles nos levaban. O mercado de Coyoacán, o museo de Frida Khalo...»

«Frida» é o título dunha das cancións de Fulgor.
Si, nela falo desa experiencia en México. Fun dúas veces, unha semana mínimo de cada vez, haberá seis ou sete anos.

E en Galicia, con que emprazamento quedas?
Eu creo que sería a Quintana. É un lugar marabilloso. Á parte é unha cidade na que vivín e toquei moitas veces, pero volver á Quintana outra vez sería un agasallo. Sabes que vas ter a praza chea, a iluminación é alucinante, o son é unha pasada, tocar no verán aquí é incríbel e agardo que pase outra vez.

No Apóstolo, gustaríache?
Sería unha delicia poder tocar o novo disco nese emprazamento nas festas grandes de Galicia.

Tedes moitos concertos xa pechados? Hai algunha xira prevista?
Este é un camiño de longo percorrido porque é unha nova etapa e supoño que a xente aínda está desconcertada, asimilando o cambio. Que necesitamos? Estar enriba do escenario, que a xente o vexa, e non só escoitar o disco, que o escoiten en directo. Hai moi boas vibracións coa xente que xa o escoitou e que lle gusta, e xa levamos tocado uns cantos concertos. Este verán estaremos en Galicia, pero somos conscientes de que vai ir pouco a pouco até que a xente se vaia adaptando ao cambio.

Aquí é moi complicado vivir da música?
Non o sei. Eu é que non concibo outra profesión. Cando me preguntan que sería de non ser músico, a resposta sempre é a mesma: músico. Empecei a tocar con sete anos e aos quince fixen a primeira viaxe fóra de Galicia, á Bretaña, onde vin claro que esta ía ser a miña profesión. Con dezaoito xa estaba tocando, e con vinte e pico fixen o primeiro disco. É difícil vivir da música? Si, pero levo vivindo do meu traballo toda a vida, desde que teño uso de razón. Supoño que é difícil como calquera outra profesión, pero eu o que amo é a música. Eu son músico de vocación.

Queres ver outros contidos interesantes?

Política de privacidade

Se consente a utilización de cookies, continúa navegando ou fai clic nalgún link entenderase que consinte a nosa política de cookies e, por tanto, a instalación das mesmas no seu equipo ou dispositivo.

Se vostede quere, pode cambiar a configuración de cookies en calquera momento, configurando o seu navegador para aceptar, ou non, as cookies que recibe ou para que o navegador o avise cando un servidor queira gardar unha cookie.

Esta web utiliza cookies.
error: Contido protexido