•  981 806 528 & 670 594 685 info@coralia.gal

OFRENDAS

150 150 CORALIA

OFRENDAS

DE LUZ

Reportaxe LAURA RAMOS CUBA
Fotografías TINO MARTÍNEZ

Todos os anos en Galicia miles de persoas enchen autocares, vehículos particulares e camiños para vivir a gratitude e a emoción que nacen en sitios como Santo André de Teixido, Amil, Xende ou Ribarteme. Viaxamos a través do país das mil romarías, no que cada parroquia prende un facho de devoción sincera para as persoas que queiran achegar o corpo… e o espírito.

Romaría. A historia apréndenos que a orixe da palabra procede de Roma e designaba a peregrinación das persoas católicas á cidade dos papas. Co tempo, o termo acabou por abarcar as viaxes a calquera santuario da cristiandade. Hoxe en día, ir de romaría non só implica o camiño –a pé ou en transporte motorizado–, senón tamén a viaxe íntima e colectiva cara ao Santo. «Vaise visitar un Santo como se vai visitar un amigo: canto máis longo sexa o camiño, canto maiores sexan as dificultades, máis se lle demostra o afecto», analiza o antropólogo Marcial Gondar.

A romaxe, xa que logo, non enraíza o seu sentido no pracer da viaxe –a miúdo incómoda debido ás dificultades de acceso– nin no sacrificio que poida implicar a ofrenda ao Santo. A romaxe non é unha comenencia. É a sinceridade aberta do agradecemento, o recoñecemento honesto dunha persoa que recibiu favores divinos nunhas circunstancias adversas para si ou para os seus. Unha operación que saíu ben, unha doenza que sanda, un accidente sen feridos. En Galicia, a romaría galega por excelencia é desde hai séculos Santiago de Compostela. Un distante punto do continente que, a través dunha rede de vieiros que cruzan fragas, serras, ríos e mares… acabou por vertebrar Europa.

TEIXIDO OU AS PORTAS DO ALÉN

Tan célebre chegou a ser a sona da romaría deste apóstolo que Santo André, xa arribado na súa barca de pedra aos monumentais acantilados de Cedeira, mostrou a súa mágoa ante Deus polo descoñecemento e abandono que sufría. Os romeiros e as romeiras preferían visitar o templo de Santiago, máis grande e con máis fama. Conmovido pola súa coita, o Señor compensaría a aldraxe coa promesa de que «irá de morto, quen non foi de vivo», unha máxima que aínda a día de hoxe move milleiros de peregrinos. Neste lugar, é lei entre visitantes e locais non matar ou ferir ningún animal baixo a crenza de que pode ser a encarnación de alguén que non cumpriu en vida a sentenza divina.

Aínda na súa presenza corpórea, tres deses peregrinos foron os escritores Otero Pedrayo, Vicente Risco e Ben-Cho-Sey, que en xullo de 1927 viaxaron a pé desde Ourense ata Teixido polo camiño de Cedeira. Esta vía convive co vieiro dos Romeiros ou Camiño Vello (que principia en Porto do Cabo) e o camiño de Valdoviño, indicado para romeiros da Coruña ou Ferrol. Otero Pedrayo deu conta no libro Pelerinaxes I das súas observacións durante a viaxe ata este modesto templo da parroquia de Santa María da Régoa.

Aínda que sexa posible encadrar a datación da ermida por volta do século XII, o certo é que o culto arredor de Santo André de Teixido parece orixinarse moito antes. Calquera persoa do século XXI que hoxe asome a vista aos 140 metros de precipicios graníticos que rompen o abrazo atlántico da Capelada poderá entender como os antigos castrexos acreditaban que alí se encontraban as portas do alén. Miles de anos despois, os rituais foron transformados e o simbolismo mudou, mais unha corrente subterránea de fe fura a través da historia.

O viaxeiro que chega a Santo André de Teixido ficará cativado pola inmensidade catedralicia dos que gardan a paisaxe, mais tamén pola solemnidade sinxela dos amilladoiros, pequenos túmulos de pedras amontoados por outros romeiros, testemuñas da súa travesía. Unha vez no templo, calquera visitante poderá ofrecerlle os seus respectos ao Santo, que garda no seu interior fotografías e exvotos doutros crentes, mais tamén poderá beber da Fonte de Tres Canos, adquirir un sanandresiño (símbolo do santuario elaborado con miga de pan) ou recoller o ramo de Santo André, elaborado con teixo, abeleira, herba de namorar ou xuncos do ben parir. Se ben, ao igual ca en Compostela, o romeiro pode asistir todo o ano ao lugar de culto, hai certas datas con especial significado, como é a fin de semana de Pentecostés, San Xoán, o 30 de novembro ou a terceira fin de semana de setembro.

O terceiro domingo de setembro, a Pobra do Caramiñal acolle a súa romaría, o Divino Nazareno. A festividade recibe centos de ofrecidos que participan na procesión vestidos con mortallas ou portando cadaleitos e exvotos.

O URBANO DIVINO NAZARENO

Na mesma data, o terceiro domingo de setembro, a Pobra do Caramiñal acolle a súa romaría, o Divino Nazareno. A festividade recibe centos de ofrecidos que participan na procesión vestidos con mortallas ou portando cadaleitos e exvotos. O Nazareno foi tamén un punto de inflexión na vida de Tino Martínez (Santiago, 1943), «ofrecido de por vida… á fotografía», matiza cun sorriso. O fotógrafo compostelán andaba na procura dun proxecto artístico persoal cando, en 1969, visitou a festividade cun amigo. «Encontreime con 40 ou 50 caixas desfilando pola procesión e impactoume porque a miña primeira vocación foi ser Xesuíta e iso quedoume dentro, como unha brasa que sempre dá calor», explica.

A celebración, declarada Festa de Interese Turístico en Galicia, remonta as súas orixes ao século XVI, cando o rexedor Xoán de Liñares sería salvado da morte por intercesión do Santo Cristo e, en agradecemento, foi en procesión diante da súa propia caixa mortuoria. Séculos despois os ataúdes seguen saíndo da igrexa do Deán. No barrio da Covecha lánzanlle pétalos á figura desde os bloques de apartamentos e saúdana con bombas de palenque que, cun zunido, parten o ceo nun áxil marco de fume. Mentres, policías e gardas civís recollen bebés, carteiras e bolsos para rozar contra o seu manto, na procura da beizón.

«A partir do Nazareno comecei a investigar outras romarías que tivesen esa consistencia, ese algo diferente: exvotos, mortallas, ataúdes, grandes cadeas… nelas notas a forma en que a xente se entrega á santa e á fe porque é algo tanxible, podes tocala», comparte o fotógrafo. Con máis de medio século de asistencia e un arquivo con máis de 50.000 negativos de diferentes romaxes, «xa hai quen me di que son máis Nazareno que o propio Nazareno».

Ao pé do desfile e da música solemne a carballeira garda risos e polbeiras, familias a xantar sobre o mosaico de luz que cosen as follas na herba. Entre os contos e o viño esténdese unha atmosfera de ledicia que fai máis lixeiras as penas da vida diaria. Lonxe, na altura das montañas, foguetes de sete estalos coroan o día grande no almanaque das persoas ofrecidas. Ao contrario que noutras celebracións, onde a persoa chega a ir dentro da caixa, na Lama os romeiros acostuman levar os ataúdes sobre as súas cabezas. E detrás de cada exvoto, hai unha historia. Un ofrecemento de por vida por unha filla cunha cardiopatía, outro por un neto que estivo á beira da morte cando bebé ou unha ferida fonda que lastra despois da morte dunha nai. «Un historiador, un xornalista ou outro fotógrafo non oe nin ve o que eu, porque eu fíxome na xente, non no impacto fácil», sentencia Martínez.

Outrora parte do arciprestado de Soutomaior e célebre polos seus canteiros, a parroquia de Xende recibe todos os anos a multitude proveniente de todo o país que vén participar na procesión. Centos de anos distan entre os nosos días e as primeiras referencias –do século XVIII– a esta romaxe que, sen ser a máis grande do país, si parece ficar inmutable ao desgaste dos anos. O fotógrafo Tino Martínez reflexiona sobre o mantemento destes rituais en Galicia. Noutras partes do globo tamén existen estas prácticas e, porén, ningún se pode comparar ao país das mil romarías. «Penso que aquí todo isto vén dado grazas ás mulleres, que son quen dirixen isto», recoñece.

Ao contrario que noutras celebracións, onde a persoa chega a ir dentro da caixa, na Lama os romeiros acostuman levar os ataúdes sobre as súas cabezas. E detrás de cada exvoto, hai unha historia.

UN MAR DE ARDORA EN AMIL

Case 40 quilómetros ao norte de Xende encontramos o santuario da Virxe dos Milagres de Amil. Situado en Ruibal, na parroquia de Santo Amedio (Moraña), o lugar celebra cada 8 de setembro a súa romaría. Ducias de persoas realizan unha peregrinación nocturna ao lugar santo. No camiño, candeas e lanternas viaxan a través da noite nun mar de ardora que desemboca no santuario, no lugar da Chan.

A historia detrás deste culto remonta ao século XVIII, cando a Virxe dos Milagres tería feito brotar un manancial en Rozavella para o arrieiro Sebastián de Castro. En agradecemento o home construíu unha fonte e recadou esmolas para construír a ermida actual, nun terreo máis firme. O templo, arrodeado de fragas e camelias, presenta unha planta poligonal e un estilo neoclásico que cada mes de setembro é arrodeado por unha sinfonía de aromas, cores e sons.

Cada 8 de setembro, en Amil, nace un día para separarmos dos outros días. Brotan os postos de melindres, torres de rosquillas e pan de diferentes tipos e feituras. Panos de cores, obxectos de agasallo, gasosas e barquillos. Fronte ás portas da igrexa, centos de candeas de cera acumúlanse sobre a herba. A virxe sae fachendosa con ducias de billetes cosidos ao seu vestido. Familias e turistas reúnense co repenicar das campás no adro do santuario, polo simple feito de estar xuntos, pola necesidade esencial de compartir a mesma vitalidade e a mesma euforia.

O CORPIÑO, ‘O LOURDES GALEGO’

Ao nivel da multitude que visita Amil encontramos tamén a romaría da Nosa Señora do Corpiño, no concello pontevedrés de Lalín, considerada por moitos ‘o Lourdes galego’. O santuario está situado xusto aos pés do monte Carrío e dentro da parroquia de Santa Baia de Lousón. Aínda que aberto todo o ano, o templo recibe o groso de romeiros no día de San Xoán e na véspera, días grandes da romaxe.

A Nosa Señora do Corpiño é recoñecida popularmente como intercesora contra o meigallo ou doenzas psíquicas e posesións. O seu párroco, José Criado, é o exorcista máis novo de toda a Igrexa católica, unha práctica que dista dos rituais realizados nos séculos pasados, en que introducían un hisopo mollado en aceite na boca da persoa posuída. Agora cómpre obedecer certos requirimentos para recibir un exorcismo e calquera pode ver a virxe a través da retransmisión en streaming do altar do santuario.

Porén, mesmo con estes avances, o culto ao Corpiño segue intacto desde a súa orixe no século VIII, cando nas inmediacións do monte Carrío vivía un ermitán devoto da Virxe. Hoxe, as santeiras véndenlles cruces e candeas aos confrades que, vestidos con túnicas verdes, arrodean a igrexa en procesión. Moitas persoas ofrecidas tamén pasan por penitencias adicionais como camiñar de xeonllos arredor do templo ou facer a peregrinación sen comer.

As persoas alleas á tradición poderían tachar esta imaxe como ‘excéntrica’. Por iso, Martínez critica o labor dos medios na difusión deste ritual. «O 98% dos fotógrafos fan fotografías ridiculizantes das romarías e non captan o sentimento», sinala. O xeito en que entregan as pregarias ou como as persoas ollan para o Santo, «como os seus ollos non poden evitar expresar cando estás pedíndolle algo moi importante á Santa, para ti ou para os teus» son algúns dos fragmentos de realidade que o fotógrafo capta na súa obra, dominada polos planos curtos, fechados.

 

Fronte ás portas da igrexa, centos de candeas de cera acumúlanse sobre a herba. A virxe sae fachendosa con ducias de billetes cosidos ao seu vestido.

A ROMARÍA DAS MORTALLAS DE RIBARTEME

Da mesma sona do Corpiño como romaxe de ofrecidos tamén goza Santa Marta de Ribarteme, no concello das Neves. Segundo a Biblia, Santa Marta era a irmá de Lázaro, que intercedeu ante Xesús para que resucitase o seu irmán. Todos os anos, e despois de ser salvadas dunha doenza moi grave ou dun perigo mortal, as persoas maniféstanlle a súa fonda gratitude á Santa. Cada 29 de xullo, arredor de dez cadaleitos saen nunha longa procesión que se estende por un camiño de ata 6 quilómetros, acompañados de amortallados e outros ofrecidos. Dentro deles e baixo unha calor de xustiza, vemos asomar nos ataúdes os seus ocupantes portando abanos, botellas de auga ou panos para se cubriren do sol. Detrás deles, o coro canta: «Virxe de Santa Marta, estrela do norte, que lle deu a vida ó que estivo á morte». As campás da capela –reconstruída despois dun incendio na noite de San Xoán de 1939– tocan a morto cando a comitiva entra na igrexa e os ofrecidos érguense do sepulto, como Lázaro, para rezar.

A estampa, impoñente para os visitantes, valeulle o título de segunda festa máis singular do mundo, segundo o xornal británico The Guardian. Tino Martínez, que comezou a retratar a festa no ano 1980, ve nesta representación da morte un acto de liberación. Representar a morte é evitala, unha forma de catarse, do íntimo ao público. «Enérvame cando din que en Ribarteme hai un culto á morte. Como que culto á morte? É culto á vida! A persoa vai pedir por outro, e vai pedir saúde, vai pedir vida. De onde sacan iso do culto á morte ou da Galicia profunda?», reproba. Contra a ignorancia e o escurantismo da ollada allea, o artista abre a porta á luz e á comprensión. «Por que non vas un día e ves o que hai, as súas caras? Están na superficie, mostrándose diante de todo o mundo e están desexando abrirse e soltar o lastre que levan dentro… Choran e dincho», conta.

Pasan os séculos e as décadas e «o único que cambia é a vestimenta, os peiteados e que agora as persoas falan polo teléfono móbil a carón do ataúde, mais a mesma idea segue aí, as crianzas seguen aí», afirma Martínez. Todos os anos, milleiros de persoas asolagan camiños e estradas para unha festa distante. Aí están as familias que acordan verse nas romaxes, os emigrantes que levan convidados estranxeiros e os visitantes que acoden curiosos a unha cita cun espazo e cun tempo distinto, un tempo de gratitude, de fe, de comuñón. «A morte é un lugar comprensivo», escribe a poeta Lupe Gómez. «Un terremoto de flores. Un abrazo de profundo silencio».

 

 

 

Queres ollar outros contidos relevantes?
Política de privacidade

Se consente a utilización de cookies, continúa navegando ou fai clic nalgún link entenderase que consinte a nosa política de cookies e, por tanto, a instalación das mesmas no seu equipo ou dispositivo.

Se vostede quere, pode cambiar a configuración de cookies en calquera momento, configurando o seu navegador para aceptar, ou non, as cookies que recibe ou para que o navegador o avise cando un servidor queira gardar unha cookie.

Esta web utiliza cookies.
error: Contido protexido