Reportaxe Álex Regueiro
Fotografías INORDE
A zona oriental da provincia de Ourense é un dos territorios menos coñecidos, a pesar dos seus numerosos tesouros naturais e culturais. Propoñémosche un roteiro para coñecer algúns dos recunchos máis curiosos da nosa xeografía neste xeodestino entre as serras de Manzaneda e Trevinca, que conta co apoio da Axencia de Turismo de Galicia para a súa promoción turística.
Saímos desde Rubiá, onde se sitúa a serra da Enciña da Lastra, un dos seis parques naturais de Galicia, cun marco incomparable de refuxio de fauna e gran diversidade de flora. Está a un paso do Barco de Valdeorras, capital da comarca e espazo de gran tradición vitivinícola. A denominación de orixe Valdeorras, destaca polo cultivo das uvas godello e mencía, sen esquecer outras como a loureira, treixadura, torrontes, bracellao, merenzao, sousón, caíndo tinto, espadeiro ou ferrón.
No Barco está o paseo do Malecón, a carón do río Sil, con parques infantís e zonas verdes. Ademais, o casco antigo mantén a feitura orixinal da vila, que xorde como base para as embarcacións que cruzaban o río. Na rúa Real consérvanse diversas casas señoriais.
Desde O Barco podemos achegarnos a Sobradelo, vila anterga xunto ao río Sil, pertencente ao concello de Carballeda de Valdeorras. Preto dela está Casaio, núcleo industrial do sector da lousa, e que acolle pinturas rupestres e outros fascinantes tesouros arqueolóxicos, ademais do teixedal de Casaio, un dos poucos bosques naturais de teixos existentes en Europa.
De regreso ao Barco debemos desviarnos ata o concello de Vilamartín de Valdeorras, onde está moi presente o mundo do viño. Destaca a Festa das Covas, celebrada anualmente, e durante a cal se poden visitar estas adegas subterráneas, características da zona. Tamén no concello de Vilamartín está Córgomo, parroquia natal de Florencio Delgado Gurriarán, poeta valdeorrés a quen se adica o Día das Letras Galegas en 2022.
Seguimos baixando a carón do Sil ata A Rúa, tramo este do Camiño de Inverno de Santiago de Compostela. A Rúa conéctase con Petín a través da ponte da Cigarrosa, de orixe romana e reconstruída no século XVI, actualmente peonil. Neste punto collemos cara ao sur, dirección A Gudiña. En Freixido está o desvío cara a Ourense pola estrada vella, que segue o percorrido da Vía Romana XVIII do Itinerario de Antonino. Dela formaba parte a ponte Bibei (a ponte romana mellor conservada de Galicia, xunto coa do Freixo en Celanova) e os Cóbados de Larouco. A estrada pasa pola vila da Pobra de Trives, onde destaca o Pazo do Marqués, de finais do século XIX, e a igrexa do Santo Cristo da Misericordia. Na Pobra de Trives cómpre probar a súa bica, exquisito biscoito manteigado característico da zona.
Na comarca de Trives está o concello de Chandrexa de Queixa, por onde discorre o río Navea. Na capital municipal, Celeiros, hai un museo etnográfico de grande interese. Ben pretiño está Manzaneda, cuxo núcleo urbano conserva a feitura de orixe medieval. No propio concello de Manzaneda está a estación de montaña, única en Galicia para a práctica de deportes de inverno. O macizo de Cabeza de Manzaneda, na serra de Queixa, acada os 1781 metros de altitude.
A estrada C-533 entre A Rúa e A Gudiña vertebra esta zona de norte a sur. A carón dela está o santuario das Ermitas, no concello do Bolo. Construído a comezos do século XVIII, está declarado Ben de Interese Cultural e constitúe unha xoia da arquitectura barroca. A propia vila do Bolo destaca pola súa torre medieval, resto conservado da construción fortificada orixinal.
Desde O Bolo podemos ir ata A Veiga, concello oriental que acolle diversas zonas de descanso como o Centro Astronómico de Trevinca, cun planetario único pola súa baixa contaminación lumínica. No encoro de Prada, do río Xares, está a praia dos Franceses, onde se poden practicar diversas actividades acuáticas. Ademais, esta zona é coñecida pola súa gastronomía, destacando as troitas do río Xares.
- Serra da Enciña
- Ponte da Cigarrosa
- Malecón do Barco
- As Ermidas
- Chandrexa
- Ponte Bibei
- Manzaneda
- Viñedos de Valdeorras
- Pena Trevinca – Pena Negra
- Petín
- Destino Starlight Trevinca
Juan Mera
O rei do ring
Xosé Manuel Beiras
«Sempre souben que nunca ía ser presidente»
Margarita Ledo
«Son xornalista por un fake»
Xesús Couceiro
«Nunca tentei vender un libro»