Ouro Atlántico
Percébelo?
Texto Adrián Estévez
Fotografías Pedrido
O sábado 11 de decembro celebrouse en Muxía o Percébelo?, I Congreso para a posta en valor dos manxares do Atlántico, co lema «porque o importante é o que se percebe». Entre as persoas participantes estivo Álex Regueiro, editor e director da revista Coralia, e experto en protocolo gastronómico e turismo de luxo.
O concello de Muxía, na comarca de Fisterra, é un espazo privilexiado. Se ben tamén ten patrimonio nas súas zonas de interior, como as fervenzas das Caldeiras do Castro, ou o paseo do río Negro, o territorio está fondamente ligado ao mar. O municipio ten máis de 30 quilómetros de costa, desde Leis de Nemancos ata Nemiña, e por alí discorre o popular camiño dos Faros.
Boa mostra do seu patrimonio é o santuario da Virxe da Barca, a carón do lugar onde segundo a tradición a Virxe chegou nunha barca de pedra para dar ánimos ao apóstolo Santiago. O templo, restaurado en 2015 logo de sufrir un incendio, está situado a carón da pedra de abalar, a pedra dos cadrís, a pedra do temón e a pedra dos namorados, catro grandes laxes de enorme importancia para a poboación da contorna.
Mais alén do aspecto relixioso, a zona da Barca é tamén un santuario do mundo gastronómico, e sen dúbida o produto estrela é o percebe. Este pequeno crustáceo, co seu gusto particular, pon a proba a pericia e bravura dos homes do mar. Para se alimentaren do plancto aséntanse en grupos nas rochas situadas na zona intermareal, onde baten con forza as ondas do Atlántico. Xa que logo, os afoutos percebeiros deben expoñerse aos embates do mar para, coas súas rasquetas, extraer os percebes das rochas.
Os castros costeiros testemuñan que o litoral galego estivo habitado desde vello, e de sempre se practicou o culto ás divindades mariñas, como reflicte o pedrón en homenaxe a Neptuno atopado en Padrón. O traballo dos percebeiros, intrépidos guerreiros oceánicos, continúa a caste dos pobos prerromanos que xa hai máis de dous mil anos coñecían as delicias do mar.
Neste marco incomparable da Costa da Morte tivo lugar o Congreso, para pór en valor a calidade dos produtos autóctonos. Expertos en mercadotecnia, xeografía humana, nutrición, restauración e turismo, así como representantes de diversas indicacións xeográficas protexidas, déronse encontro para establecer sinerxías de cara a dar a coñecer os manxares atlánticos.
Participaron Modesto Gómez Rodríguez (Enxeño Galicia, experto en márketing e agregador de talento), Miguel Pazos Otón (profesor da USC e membro do consello científico do IDEGA), Milagros González Refojo (DOP pemento de Herbón), José Andrés de la Fuente Vázquez (IXP grelos de Galicia), Jesús Manuel Quintela Domínguez (IXP pataca de Galicia – pataca de Coristanco), José Cuadrado Oural (IXP faba de Lourenzá), Amil López Viéitez (doutora en farmacia e nutricionista), Álex Regueiro (editor de Coralia), Óscar Pérez Ramil (DOP queixo Arzúa-Ulloa), Joaquín Rodríguez Piñeiro (IXP torta de Santiago) e Milucho Louro (empresa Fresco y del Mar).
Nos diferentes relatorios e mesas redondas concluíuse que, tendo un produto de primeira calidade, o importante é saber dálo a coñecer. O obxectivo debe ser crear un relato distintivo, para que o consumidor final saiba valorar as características de seu: facer chegar unha mensaxe que fale das peculiaridades da produción agropecuaria, ligando esta ao contexto de natureza, gastronomía e cultura local.
Xa que logo, só nos resta convidarvos a achegarvos ata Muxía para gozar dos seus produtos, especialmente do percebe. Saborear o mar cos cinco sentidos: percibir coas xemas dos dedos os tactos do crustáceos, saborear coas papilas gustativas o encanto atlántico, gozar co olfacto do aroma salgado, vendo os embates da furia do mar mentres soan de fondo os hipnóticos cantos das ondas. Unha maridaxe holística co océano, para somerxerse nun mundo de sabor.
Juan Mera
O rei do ring
Xosé Manuel Beiras
«Sempre souben que nunca ía ser presidente»
Margarita Ledo
«Son xornalista por un fake»
Xesús Couceiro
«Nunca tentei vender un libro»