•  981 806 528 & 670 594 685 info@coralia.gal

PADRÓN

150 150 CORALIA

PADRÓN

COS CINCO SENTIDOS

Reportaxe ALBERTO REY CASTRO & SUSANA OTERO VÁZQUEZ
Fotografías ALBERTO REY CASTRO & VICENTE DOMÍNGUEZ VARELA

Localidade ligada intimamente ao Camiño de Santiago, Padrón presume de ser a orixe do Xacobeo, dunha gastronomía singular, dun incrible patrimonio, dunha literatura universal, natureza senlleira, e múltiples actividades ao aire libre para toda a familia. Padrón é camiño e destino. É parada de varias rutas dos Camiños de Santiago, e tamén é destino: fin dunha das rutas máis ancestrais como é o Camiño da Pedronía que desde antigo fan os peregrinos para descubrir o lugar ao que chegou a barca que trouxo os restos mortais do apóstolo Santiago.

Padrón conta cun amplo patrimonio histórico no seu territorio. Do seu amplísimo catálogo monumental, a nosa primeira parada só pode ser a igrexa parroquial de Santiago de Padrón, templo reedificado no século XIX que custodia baixo o seu altar maior o Pedrón, unha ara romana dedicada ao deus Neptuno, onde a tradición conta que foi amarrada a barca que trouxo o corpo do apóstolo Santiago ata o porto de Iria Flavia, porto importante da romana Gallaecia, situado moi preto de onde se edificou a primitiva igrexa de Santiago.

«Inda vexo onde xogaba, cas meniñas qu’eu quería, o enxidiño onde folgaba, os rosales que coidaba, i a fontiña onde bebía», versos da autora Rosalía de Castro lembrando a súa infancia polas rúas de Padrón que nos leva a un pasado de xogos e risas, rúas empapadas de literatura, historia e gastronomía.

Na contorna da igrexa atopamos outros elementos que nos levan a outras épocas pasadas que seguen vivas e conviven coa veciñanza na súa vida cotiá e cos centos de peregrinos que se achegan á vila. Un destes espazos é o Paseo do Espolón, lugar onde se celebra, baixo os impoñentes e centenarios plataneiros de sombra, o mercado de Padrón, un dos máis populares e concorridos de Galicia. A súa sona atrae cada domingo milleiros de visitantes de todas as idades procedentes tamén doutras comunidades, algúns na compaña da familia ou amigos, e outros en grupos de excursións. A orixe deste mercado popular remóntase a tempos inmemoriais. Xa na Idade Media estaba considerado un dos máis importantes de Galicia, e centrábase principalmente na venda de gando e outras mercadorías. A variedade de produtos que se poden adquirir no mercado de Padrón é un dos seus principais sinais de identidade. Unha amálgama de cores vivas e olores que anuncian a presenza de artigos téxtiles, calzado e complementos, e de gran diversidade de produtos de alimentación (como froitas e verduras de tempada, queixos, embutidos ou licores), xunto a apeiros de labranza, mobles e outros artigos curiosos. Claro que o gran protagonista do mercado de Padrón é o polbo á feira. Os fogóns das polbeiras e o seu tentador aroma marcan a hora do petisco: polbo, churrasco, vermú, viño e café son aquí os protagonistas.

Se levantamos a vista podemos ver, ao outro lado do río Sar, o convento do Carme. Desde o seu magnífico adro é doado admirar as vistas do casco vello da localidade rosaliana e o propio curso do río ata a súa desembocadura. Moi preto deste lugar nacen as 132 escaleiras que conducen ata un espazo máxico, envolto en lendas antigas e o embruxo das romarías familiares cada 25 de xullo, o Santiaguiño do Monte. Un lugar de esparexemento vinculado á figura do apóstolo Santiago, que a tradición oral sinala como o punto onde lles predicou en vida aos xentís da zona. A sensación de pasar as mans polas 10 rochas deste promontorio cheas de historias e lendas, e o atrevemento de tentar atravesar os 3 ocos que alí se atopan, que representan o ceo, o purgatorio e o inferno, faranos protagonistas dunha experiencia única.

Para recuperar folgos despois deste percorrido nada mellor que un aperitivo na zona vella de Padrón, deténdonos a gozar das súas terrazas e degustar os seus afamados pementos de Herbón, que, como di o dito, uns pican e outros non! A particularidade deste produto singular, bandeira desta localidade e apreciado no mundo enteiro, fai que só sexa posible degustalo na súa tempada, a que vai do mes de maio a outubro.

Aínda así é certo que cada vez existen máis produtos gastronómicos vinculados ao pemento elaborados coa súa materia prima como a marmelada, confeitura, queixos, bombóns, licores etc. que se saborean todo o ano.
De visita obrigada é tamén o Xardín Botánico Artístico de Padrón, considerado un dos máis antigos de Galicia. Nun espazo dunha hectárea concentra preto de 300 especies distintas, entre as que figuran varias incluídas no Catálogo de Árbores Senlleiras de Galicia. É este un lugar perfecto para deixar voar a imaxinación polos labirintos na procura do recuncho máis fermoso ou a especie máis singular, que para moitos é a Coroa de Cristo, árbore centenaria que imita a coroa que Xesús levou na cruz. Outro evocador recanto do Xardín Botánico Artístico é o Banco dos Namorados, onde un pode sentar, pechar os ollos e escoitar o cantar dos paxaros e o rumor da auga das súas fontes de pedra, sentir a cálida brisa, e deixarse empapar da súa latente inspiración, como facía Rosalía de Castro baixo a sequoia vermella que leva o seu nome.

Camiñar, sentir e aprender tamén é posible en Padrón. A tan só 3 quilómetros do centro, na parroquia de Herbón agárdanos unha ruta moi especial, a Ruta do Pemento. Esta ruta circunda o convento franciscano de Santo Antonio de Herbón, un edificio con máis de 600 anos de historia, onde chegaron, procedentes de América, as primeiras plantas de pementos. Percorrendo esta ruta, e grazas aos códigos QR que iremos atopando, poderemos descubrir a historia do convento, a orixe do pemento, o seu cultivo, cociña, características ou curiosidades. Incluso poderemos descubrir por que pican.

Moi preto de aquí, situase a monumental igrexa de Santa María de Herbón, un magnífico exemplo de románico compostelán, así como as espectaculares pesqueiras, construcións que, segundo indican algúns historiadores, poden ter orixe romana, destinadas á pesca da lamprea, peixe prehistórico que non deixa indiferente a ninguén polo seu intenso sabor. A súa tempada vai desde o mes de xaneiro ata abril. E, habitualmente, no mes de marzo, o concello de Padrón organiza unhas xornadas gastronómicas que, ademais de obradoiros de cociña e actividades para toda a familia, permite saborear os ‘menús lampreeiros’ nos restaurantes da localidade, que inclúen entrantes, prato principal, sobremesa e bebida por só 30 euros.

Así mesmo, nas augas que bañan as terras de Padrón tamén é posible realizar actividades deportivas como o descenso en kaiak ou rafting, ademais de actividades de tiro ou rappel, experiencias perfectas para quen busca vivir emocións intensas.
Claro que non poderiamos falar de Padrón sen falar da literatura. Padrón é unha vila que conta cunha longa e histórica tradición literaria, e é berce de autores do porte de Macías o Namorado, trobador medieval (s. XIII–XIV), Juan Rodríguez de la Cámara ou de Padrón (1390-1450), a universal poetisa Rosalía de Castro (1837–1885), Nicasio Pajares Ogeros (1881-1956), Manuel Vázquez Castro, coñecido por ‘Manuel Barros’ (1844–1888) ou o premio Nobel de Literatura, Camilo José Cela (1916–2002).

En Padrón é unha parada obrigatoria a Casa-Museo de Rosalía de Castro, o lugar onde pasou os seus derradeiros días, que nos permitirá coñecer como era a casa nesa época e onde tamén poderemos pasear polo seu xardín, ulir as camelias, o loureiro ou a figueira que se cre podería ser datada na súa época, ou sentarnos a ler á sombra da viña que ten en fronte da súa casa, tal e como facía a propia autora.

Non moi lonxe de alí, en Iria Flavia, centro romano hai 2000 anos, atopamos a Fundación P.G. Camilo José Cela, un espazo que nos envolve na súa escrita e no cal poderemos aprender moito da figura do premio Nobel, gozando dunha visión menos coñecida deste persoeiro tan importante. Ademais, o seu Museo ten unhas vistas envexables da igrexa de Santa María a Maior de Iria Flavia, considerada o primeiro templo dedicado á virxe María e con centos de anos de historia nos seus grosos muros, moi ligada á tradición do apóstolo Santiago e á historia compostelá.

Ao longo de todos os meses do ano, Padrón é sinónimo de calidez e hospitalidade.

De carácter acolledor, a súa veciñanza recibe o visitante cos brazos abertos, feliz de poder compartir a súa riqueza patrimonial material e inmaterial. Padrón é, en todas as ocasións, camiño e destino.

Queres ollar outros contidos relevantes?
Política de privacidade

Se consente a utilización de cookies, continúa navegando ou fai clic nalgún link entenderase que consinte a nosa política de cookies e, por tanto, a instalación das mesmas no seu equipo ou dispositivo.

Se vostede quere, pode cambiar a configuración de cookies en calquera momento, configurando o seu navegador para aceptar, ou non, as cookies que recibe ou para que o navegador o avise cando un servidor queira gardar unha cookie.

Esta web utiliza cookies.
error: Contido protexido