•  981 806 528 & 670 594 685 info@coralia.gal

RIBEIRA SACRA

150 150 CORALIA

RIBEIRA SACRA

A sétima Reserva da Biosfera de Galicia

Reportaxe Redacción

O 15 de setembro de 2021 a UNESCO aprobou a declaración da Ribeira Sacra como reserva da biosfera. Este espazo natural de máis de 3000 km2 está situado arredor das beiras dos ríos Miño e Sil, xunto coas serras do Oribio e o Courel. Acolle unha enorme biodiversidade, tanto de flora como de fauna, así como un vizoso patrimonio cultural: desde a engaiolante arquitectura románica até a gorentosa gastronomía tradicional.

Este recoñecemento serve para poñer en valor unha zona que historicamente foi lugar de retiro espiritual, un destino de evasión, no que gozar dos recursos naturais e patrimoniais. Aire puro para limpar corpo e mente, para deleitar os cinco sentidos. Descubre o que podes visitar na Ribeira Sacra, todo un espazo para reencontrarse un mesmo lonxe do mundanal ruído, agora co selo de calidade da UNESCO como reserva da biosfera.

Ás Terras do Miño, a área de Allariz, as Terras de Burón e o val do Eo, as Mariñas Coruñesas e Terras de Mandeo, os montes dos Ancares e mais a serra do Xurés únese desde 2021 a Ribeira Sacra e Serras do Oribio e Courel. Son os lugares de Galicia cualificados como reserva da biosfera, pola súa excepcional relevancia como espazos naturais.

A reserva da biosfera Ribeira Sacra e Serras do Oribio e Courel abrangue 3065 km2, e esténdese por dezaoito concellos da provincia de Lugo (Bóveda, Carballedo, Chantada, Folgoso do Courel, O Incio, Monforte de Lemos, Pantón, Paradela, A Pobra do Brollón, Portomarín, Quiroga, Ribas de Sil, Samos, Sarria, O Saviñao, Sober, Taboada e Triacastela) e outros cinco da provincia de Ourense (Castro Caldelas, Nogueira de Ramuín, Parada de Sil, A Peroxa e A Teixeira). A UNESCO vén de aprobar a proposta formulada pola Xunta de Galicia e apoiada por diferentes institucións e colectivos, e este recoñecemento servirá para poñer o lugar en valor.

Atópase entre os 105 e 1641 metros de altitude, co que existe nela unha gran diversidade de microclimas debido á variada topografía de vales, depresións e montañas. Predominan as matogueiras e os bosques de folla caduca xunto con terreos agrícolas, e a pluralidade de hábitat deu lugar a varias especies endémicas, que só existen neste espazo, así como a outras que se atopan ameazadas. Catalogáronse en total 1214 especies de flora, máis da metade de toda a diversidade de Galicia, e 277 especies de fauna, incluído o sempre impresionante oso.

 

A agricultura e a gandería son as principais actividades económicas das máis de 75 000 persoas que viven nesta reserva da biosfera, o que reforza o agarimo dos habitantes cara ao seu ecosistema. Mais tamén existe unha ampla oferta de turismo e ecoturismo, que contribúen ao desenvolvemento da zona, sendo hoxe tan necesario o mantemento de poboación no rural.

O espazo está atravesado polo Camiño de Santiago, concretamente polo Camiño do Inverno, que chega desde Ponferrada. Ademais, o patrimonio cultural abrangue petróglifos, megálitos, pontes, igrexas e mosteiros. Segundo a tradición, o lugar recibe o seu nome, Ribeira Sacra, pola cantidade de mosteiros que existen (sabían ben os monxes e monxas que este é un espazo ideal para o recollemento!), pero deriva de “Rovoyra sacrata”, facendo referencia a unha carballeira sagrada.

Varios destes mosteiros foron declarados Bens de Interese Cultural, como o de Santo Estevo de Ribas de Sil, hoxe parador de turismo, o de San Vicente do Pino en Monforte de Lemos, o de Santa María de Ferreira de Pantón, o de San Facundo de Ribas de Miño, San Paio de Abeleda, Santa Cristina de Ribas de Sil, Santo Estevo de Ribas de Miño e San Xulián de Samos, así como a igrexa de San Pedro Fiz do Hospital do Incio ou a de San Pedro de Bembibre. Mais non debemos esquecer outros must imprescindibles: son visita obrigada recintos como o túnel de Montefurado, feito polos romanos, ou a necrópole de San Vítor de Barxacova, así como os castelos de Castro Caldelas, Sarria e A Peroxa, ou o templo de San Nicolao de Portomarín.

Hai numerosas actividades que poderás realizar nos espazos habilitados para o lecer: viaxes en catamarán, zonas de baño (con fervenzas moi fermosas!), rutas de sendeirismo e ciclismo… Tamén podes facer coincidir a túa visita con datas marcadas no almanaque, como o Entroido (fabulosos os volantes da Ribeira do Miño e moi espectacular o oso de Salcedo). En Castro Caldelas o 19 de xaneiro celébrase o folión dos fachos, e en setembro é a festa do Irrio.

Para coroar a visita a este lugar, non deixes de probar a súa gastronomía: ademais dos suculentos viños da denominación de orixe Ribeira Sacra, non perdas as troitas do río Lor, a torta de Portomarín e o mel, ambrosía produto da diversidade da flora desta reserva da biosfera.

Poucas bisbarras teñen deixado unha pegada tan fonda e tan nidia no noso imaxinario coma esta. E poucas, ao mesmo tempo, son tan descoñecidas como o é a Ribeira Sacra, unha terra que esixe vir e cambiar de ritmo, que só pode ser descuberta desprendéndose de ideas preconcibidas e entendendo que un lugar é moito máis ca un territorio: é un xeito de vida. É un estado mental.

 

Queres ollar outros contidos relevantes?
Política de privacidade

Se consente a utilización de cookies, continúa navegando ou fai clic nalgún link entenderase que consinte a nosa política de cookies e, por tanto, a instalación das mesmas no seu equipo ou dispositivo.

Se vostede quere, pode cambiar a configuración de cookies en calquera momento, configurando o seu navegador para aceptar, ou non, as cookies que recibe ou para que o navegador o avise cando un servidor queira gardar unha cookie.

Esta web utiliza cookies.
error: Contido protexido