San Pedro de Rocas
Os beatos, a pedra e o mapa que cambiou o mundo
Reportaxe Rober Amado
Ilustración Olalla Diéguez Boó
Na Ribeira Sacra, preto de Esgos, temos unha igrexa rupestre única no mundo. Si. Única no mundo, liches ben. Sabemos que hai igrexas feitas na propia pedra noutros lugares do planeta. A arquitectura rupestre chega ata ás igrexas de Lalibela de Etiopía ou ao cenobio de Valerón na illa de Gran Canaria, e son dignas mencións a destacar. Pero, no medio da Ribeira Sacra, aí preto, a un paso da casa, temos un mosteiro que ten algo que non hai en todo o mundo.
O mosteiro de San Pedro de Rocas está en Esgos, e pode visitarse saíndo de Ourense pola OU-536 en dirección á Pobra de Trives ata chegar a Esgos e virar á esquerda pola OU-0509. Ten o seu comezo no século VI, no ano 573, nun proceso eremítico que levou os apóstolos a espallar o cristianismo por toda a terra coñecida. Nese proceso evanxelizador, faise unha imitación dos camiños dos Santos Varóns Apostólicos do século I.
Estamos no século VI e os eremitas fan o propio: un deses camiños é o de Santiago, que coñeceu as terras de Hispania e Lusitania. Sete eremitas fixeron deste enclave, aos pés do monte Barbeirón, o seu fogar. Co paso dos séculos e das guerras, o mosteiro tivo modificacións. E unha delas cambiaría o mundo tal e como o coñecemos.
Pensábase que o único mapamundi románico do século XII que había no planeta estaba perdido. Unha maneira única e inigualable de representar o que se coñecía do noso planeta ata entón. E despois de seis séculos, descubriuse que estaba aquí, en San Pedro de Rocas. O mapamundi restaurado ten una forma circular, onde no centro de toda a terra está Xerusalén, ao norte o continente asiático, ao sur Europa e África, e no leste as antípodas, a zona australis frigida inhabitabilis.
É o conxunto monacal máis antigo de Galicia e un dos máis antigos de España e de Europa. Lugar de lendas e historias. Como o paso cortado dende o cenobio, onde se di que hai unha viga de ouro que converte en alcatrán a todo aquel que a toque, ou os calabozos en que nos tempos da Inquisición torturaban as mulleres pecadoras coa pinga, a gota de auga na testa que as volvía tolas.
Tamén podemos camiñar polos verdes deste lugar ata chegar ao pazo da Coutada, ou seguir a ruta sendeirista do camiño romano, facer escalada, ou coñecer de primeira man os antigos oficios que se fixeron en Esgos. Oleiros, afiadores ou zoqueiros que levan no seu sangue a historia de todos estes séculos que estás a piques de coñecer.
Juan Mera
O rei do ring
Xosé Manuel Beiras
«Sempre souben que nunca ía ser presidente»
Margarita Ledo
«Son xornalista por un fake»
Xesús Couceiro
«Nunca tentei vender un libro»