•  981 806 528 & 670 594 685 info@coralia.gal

SEGREDOS E FAROS

150 150 CORALIA

SEGREDOS E FAROS

Un percorrido de lenda

Reportaxe MANUEL GAGO
Ilustración SABRINA MARTÍNEZ

Os faros galegos foron construídos en paisaxes tan espectaculares coma ásperas e accidentadas. Mesmo neses lugares en aparencia baleiros, Galicia garda historias fascinantes: un pasado, entre a historia e a lenda, de piratas, monxes navegantes, tesouros, náufragos e cidades asolagadas. Nesta viaxe exploramos as abraiantes historias que rodean os faros do país, nun itinerario que nos leva desde a Mariña ata o final das Rías Altas.

Boa parte dos faros galegos foron construídos na segunda metade do século XIX, como parte da grande expansión do comercio e dos transportes que viviu o mundo durante a Revolución Industrial. Pero os promontorios, cabos e territorios estremos escollidos para construílos xa xogaran todo tipo de papeis desde miles de anos antes: antigos lugares de piratería, espazos sagrados e referentes míticos, refuxios… De todos eses feitos apenas quedan trazas: ás veces gardadas en forma de lendas, e outras como enigmáticos restos arqueolóxicos. Nesta reportaxe percorreremos algunhas desas historias que fican ocultas ante o cegador poder escénico dos xigantes luminosos que gardan o mar galego.

 

ILLA COELLEIRA: O MOSTEIRO MISTERIOSO

Non é doado acceder á Coelleira (O Vicedo), unha das máis descoñecidas illas do país, aínda que se poden contratar empresas para o traslado se as condicións climáticas son axeitadas (e iso pasa poucas veces). O porto actual da illa é apenas un pequeno dique de cemento ao que cómpre saltar desde a barca. Tras unha forte subida chégase ao abandonado faro, construído a finais do XIX, e que pendurado sobre un enorme cantil vixía o Cantábrico. Desde alí os mariñeiros vascos espreitaban o paso das baleas no século XVII.

Pero poucos metros máis abaixo a Coelleira garda tamén un auténtico misterio. Alí edificouse un mosteiro de longa e bretemosa historia, San Miguel da Coelleira. É o máis descoñecido das catro mosteiros-illas dedicadas ao San Miguel no Atlántico celta canda Saint Michel, entre a Bretaña e Normandía, Skellig Michael, na costa occidental irlandesa e Saint Michael’s Mount, en Cornualles. O noso é tamén o máis ruinoso, aínda que o edificio continúa aí, con algúns muros en pé. De feito, leva xa varios anos de intervencións arqueolóxicas, das que aínda non se publicaron cientificamente os resultados.

As primeiras referencias do mosteiro aparecen nunha data moi temperá, no século XI, cando os monxes aínda soñaban co ascetismo e a oración en lugares tan remotos coma este. Logo aparece e desaparece (coma todo lugar máxico) da documentación. A última traza del esgótase no século XVI. E aí comezan as lendas. Nunha publicación de finais do XIX cóntase que os monxes da Coelleira navegaban en barcas de coiro ata Viveiro para misar, ao xeito dos seus homólogos irlandeses do século VI. Pouco despois comezou a circular outra intrigante lenda que sobrevive ata hoxe: a de que este mosteiro de San Miguel foi un cenobio templario, e que o cabaleiro Bernal de Quirós mandou asasinar por orde do rei no século XIV trinta e cinco monxes cabaleiros que alí vivían, durante as persecucións sufridas pola orde ao longo de Europa. Só zafou un que fuxiu ao continente. Esta cativadora narrativa, non avalada por ningunha evidencia documental, deu lugar mesmo a novelas como La elipse templaria, do actual alcalde de Vigo, Abel Caballero.

ESTACA DE BARES: FENICIOS, IANQUIS E NAZIS

Continuando coa costa chegamos ata un espazo fascinante: a Estaca de Bares, no concello de Mañón. O seu faro foi un dos primeiros proxectados para o noroeste da península Ibérica, e sitúase na divisoria exacta entre o mar Cantábrico do océano Atlántico. Pero Bares é moito máis. No Coído, o espigón natural empregado como porto da vila de Bares, o notable arqueólogo Federico Maciñeira soñou a última estación peninsular das navegacións prehistóricas. El cría que o Coído fora construído por púnicos e galaicos hai máis de dous mil anos como refuxio antes de emprender a perigosa navegación cara ás illas Británicas.

Para bendicir os afoutos mariñeiros que chegaban e partían de Bares atopariámonos coa Muller Mariña, unha aparente escultura situada nos cantís entre o faro e o porto con cabeza feminina. Maciñeira cría que era unha deusa fenicia. As últimas investigacións explican a orixe natural e xeolóxica do Coído e da Muller Mariña, pero é inevitable deixarse levar ata eses pasados míticos tan queridos no país, nos que os fillos de Mil, descendentes de Breogán, emprenderon a conquista de Irlanda atravesando o Atlántico desde estes portos.

Preto do faro de Bares poderemos ver tamén unha reliquia da Guerra Fría, un exemplo de como a costa galega estaba conectada con todos os grandes acontecementos do mundo. Son as ruínas da estación Loran, construída polo Exército dos Estados Unidos en 1961 para apoiar a navegación a longa distancia e xestionada polos gardacostas americanos ata 1977. Tratábase dunha estación de radio intercomunicada con outras do Atlántico, que tendía unha sorte de tea de araña invisible de ondas sobre o mar. En novembro de 1943 tamén se viviu neste escenario épico a coñecida como a batalla de Bares, un combate entre un submarino alemán e varios escuadróns aliados que se foron alternando ao longo desta costa para destruílo. Finalmente, o capitán Eckehard Wolf decidiu afundir a nave diante destas augas. E aí segue, como recentes inmersións puideron demostrar. Tamén a descendencia do capitán Wolf, protagonista dunha historia de amor digna dun filme de Hollywood.

 

PUNTA NARIGA: NA ESPREITA DOS PIRATAS E CORSARIOS

Descendendo pola costa chegamos a un faro que é, coma todos estes espazos marítimos, coñecido e descoñecido ao mesmo tempo: Punta Nariga, no concello de Malpica. Trátase dun dos faros máis novos do país, unha fermosura proxectada polo arquitecto César Portela e construído en 1995.

Acudo a el con Xosé Manuel Varela, un incansable dinamizador cultural local que me ensina os segredos do monte que rodea o faro. Desde a terraza do edificio amósame unha curiosidade moi pouco coñecida. Xusto enfronte do faro, no mar, a uns trescentos metros dos cantís, obsérvase a escuma que forma un baixo invisible. Cando a marea está baixa, é máis doado de ver. «Esa é A de Couce», dime enigmático. O que vemos-e-non-vemos, cando o mar raña na pedra, é un baixo submarino que, admírense, se considera un coio botado alí polo cabalo branco de Santiago cando deu un gran chimpo. Galicia enteira está chea dos restos deixados por este cabalo mítico que parecía non facer outra cousa que saltar e saltar de penedo en penedo deste vello reino. De feito, Varela lévame tamén en Nariga á Pedra da Ferradura, de onde seica o animal choutou por derradeira vez. A pegada do cabalo non se distingue (ou si, depende da súa imaxinación).

O que si van poder distinguir, e moi ben, está moi preto do faro de Nariga. Non queda a máis de cen metros do aparcadoiro do faro e foi ‘descuberto’ hai poucos anos. No medio duns penedos que forman un abrigo rochoso, atopase un panel de arte rupestre gravado nunha fendedura estreita. Consta de varias cruces e, na zona na que hai que encurvarse máis, pódense ver outras representacións, coma posibles barcos. Os gravados remiten se cadra aos séculos XVII e XVIII e poden ser testemuñas de acontecementos dramáticos: os ataques piratas e corsarios á costa galega durante esa época. A principios do século XVII, tras a incursión coruñesa de Francis Drake, o goberno do Reino de Galicia organizou quendas de vixilancia en lugares prominentes do litoral desde os cales alertar da presenza de escuadras inimigas. De feito, na tradición oral de Malpica gárdase a memoria de que a capela de Santa Mariña, nas Sisargas -que se observan maxestosas desde Nariga- foi destruída nun destes episodios. E se cadra a fortificación das Barreiras, que se eleva nun penedo tamén no camiño de Nariga, moi preto do faro, pode responder tamén a esta necesidade de espreitar o mar.

TOURIÑÁN: O CASTELO DAS MAREAS VIVAS
Descendendo na costa chegamos ao cabo Touriñán, o extremo máis occidental do continente europeo. A importancia da Insua (que así é como coñecen os veciños toda esta península erma na que está o faro) é enorme. Pertencía no século X á familia de San Rosendo. Cando esta figura fundamental da Galicia medieval fundou o mosteiro de Celanova, regaloulle -xunto con boas facendas, terras fértiles, dereitos de pesca de río e outras riquezas- a propiedade deste desolado lugar. Por que? Que valía tanto aquí, na Insula Tauriniana, como así a chaman nos documentos medievais?
Teño ido moitas veces a Touriñán tentando atopar que lle vía o noso San Rosendo a este lugar hai mil anos. Xa lles adianto que aínda non conseguín sabelo, pero, coma no caso das meigas, algo hai. Voulles contar un segredo: desde o faro diríxanse polos camiño de pé á esquerda, cara ao sur, bordeando os cantís. Non van tardar en atopar un lugar espectacular: unha illa batida por grandes ondas, que ás veces gabean polos penedos e lle crean unha temible coroa de escuma. Pois nesa illa hai un castelo medieval (aínda que non sexa doado de ver). Con pouca visibilidade, afastado de camiños, sen un porto natural, o sentido dese castelo é para min todo un enigma, ademais de ser -queden con isto- o xacemento arqueolóxico máis occidental de Europa. A primeira vez que tentei cruzar ata el levei un susto. As correntes que pasan pola canle que separa o castelo do continente son moi rápidas. A marea comezou a subir a toda velocidade e vímonos saltando frenéticos de pedra en pedra para non quedar atrapados polo mar. Non é broma ningunha. Mellor tentar especular desde a ribeira ou agardar ás mareas vivas. 

 

FISTERRA: O APETITO DA ORCA VELLA

Descendendo ao sur, pasamos da fin da terra real (Touriñán) á fin da terra oficial, que non é outra que o cabo Fisterra. Este lugar lendario atesoura tantos misterios coma días da semana. No acceso ao cabo atopamos un desvío ás ruínas da capela de San Guillerme, un eremitorio medieval que conta cun auténtico centro de fertilidade. Nun sepulcro ao carón da antiga capela, as parellas estériles xacían para poder solucionar o seu problema. A xulgar polos gastados que están as beiras do sepulcro, o sistema debeu ser empregado con frecuencia.

As extremas do mundo deben espertar o apetito sexual. Unha das lendas máis fascinantes da costa galega sucede aquí. Neste mesmo monte Facho do faro atópase soterrada a Orca Vella, a quen coñecemos por relatos de peregrinos do século XVI. Tratábase dunha muller monstruosa e devoradora de nenos que, despois de vivir 176 anos, decidiu morrer e soterrarse a si mesma nunha tumba que cavou no monte. Pero como lle apetecía levar compaña masculina para o descanso eterno, agarrou un pobre pastor que pasaba por alí e meteuno con ela na tumba. Cando os outros pastores tentaron ceibalo, un gran número de serpes saíu da tumba e tiveron que desistir. Desde aquela, todo aquel que perturba o sono eterno da Orca Vella morre antes dun ano. Será por iso que a localización da tumba se perdeu para sempre. En todo caso, avisados quedan.

TESOUROS E GATOS NO MONTE LOURO

O final deste percorrido lendario lévanos ao Monte Louro, na boca da ría de Muros e Noia. O pequeno faro que está na súa extrema lémbranos a situación estratéxica deste singular monte que se eleva sobre o mar máis de 240 metros. No Monte Louro hai tantas lendas e historias coma pedras. Na Historia Compostelana, a crónica do século XII, cóntase que aquí se refuxiaban os piratas cando atacaban a costa. E no alto do monte, tras unha dura subida, atopamos as ruínas da capela da Madalena e dunha garita de vixilancia do século XVIII. Máis agochado está outro misterioso lugar: Os Profundos, unha cavidade granítica na que se garda un tesouro protexido por un boi que brúa nas noites de temporal. Os mariñeiros estaban convencidos da existencia de todo un mundo submarino, vinculado a unha cidade mergullada. Así dicían: «Desde a punta de Monte Louro a Ximiela, hai máis ouro ca terra».

Con todo, o principal tesouro que hai no Monte Louro, cando menos para min, está na miña memoria, e contado soa tan fantástico coma todas esoutras historias. No barco do meu avó andaban a pescar diante do monte unha mañá, cando viron un gato fermoso, brillante e grande atrapado nun penedo, rodeado polo mar, mentres subía a marea. Os mariñeiros sentiron mágoa do animal e foron rescatalo.

O gato pasou para o barco e volveron con el a Palmeira, onde o bicho se dedicou a vivir estupendamente, pasando de casa en casa e gañando sona pola súa intelixencia, da que se contaban todo tipo de anécdotas. Así lembra o meu pai unha: «De aquela as portas das casas estaban sempre abertas. Un día volvemos a casa e descubrimos que o gato de Monte Louro dera levantado a tapa da pota do caldo e estaba a papar nel». Se cadra o gato do Monte Louro era tamén un animal encantado dos Profundos!

A costa galega aínda segue centos de quilómetros ao sur. Cada faro, que marca o mar coa súa secuencia luminosa propia, garda tamén territorios de vellas e antigas historias. Tamén nas Rías Baixas. Pero esa será outra viaxe.

En Ortigueira será difícil resistirse a tirar unha fotografía do banco de Loiba, situado no alto dos cantís e que está considerado o máis fermoso do mundo, desde onde gozaremos dunha panorámica única da costa. Pode ser un excelente punto de descanso despois de aventurarse na xeorruta dos volcáns e gozar do Atlántico de xeito activo. Nesta zona temos a posibilidade de realizar tamén a ruta das Lavas e a dos Penidos, ideais para afondar nos misterios do noso planeta.

O turismo activo é un vector fundamental deste proxecto que ten a xeoloxía como fío condutor, que no caso do concello de Valdoviño ofrécenos a posibilidade de vivir intensamente a experiencia atlántica. O surf vai ser o referente na zona, por mor da ampla variedade de praias dispoñibles. Ademais, é posible facer xeorrutas pola faia da praia de Campelo, a través das rochas subvolcánicas na península do Portiño, ou a través dos vulcanismos na praia de Rodo en Pantín. As panorámicas que se divisan son únicas e desde os mellores puntos pódese apreciar as peculiaridades da costa, os cantís de Cedeira e a inmensidade do océano Atlántico.

Xunto a todo isto, o proxecto busca situar no primeiro plano a excelente gastronomía da zona, baseada en produtos próximos de máxima calidade como os peixes, os mariscos, as carnes, a horta, os lácteos, o mel etc. Todos os sentidos gozarán aquí dunha cociña de fusión que pon en valor a esencia da tradición galega, nunha experiencia slow food cociñada a lume lento, coidada na elaboración e comprometida co bo comer. Os berberechos de Cariño, os percebes ou o peixe sapo de Cedeira, a chanfaina de Cerdido, as carnes de Moeche, o polbo de Ortigueira, o requeixo e as carnes de San Sadurniño ou o bonito en rolo de Valdoviño son algúns dos pratos estrela do territorio, as súas esencias.

O norte da provincia da Coruña convídanos a unha viaxe ao interior da terra, que chega ao máis profundo do noso ser.

Queres ollar outros contidos relevantes?
Política de privacidade

Se consente a utilización de cookies, continúa navegando ou fai clic nalgún link entenderase que consinte a nosa política de cookies e, por tanto, a instalación das mesmas no seu equipo ou dispositivo.

Se vostede quere, pode cambiar a configuración de cookies en calquera momento, configurando o seu navegador para aceptar, ou non, as cookies que recibe ou para que o navegador o avise cando un servidor queira gardar unha cookie.

Esta web utiliza cookies.
error: Contido protexido