•  981 806 528 & 670 594 685 info@coralia.gal

SCQ-ZRH
Sheila Pazos & Marcelo Dobode

Sheila Pazos

150 150 CORALIA

«A infancia non é algo que morra en nós e segue cando se cumpriu un ciclo. Non é un recordo. É o máis vivo dos tesouros, e segue enriquecéndonos ás nosas costas»

La Poétique de la rêverie
Gaston Bachelard

Por Sheila Pazos con Marcelo Dobode
Editora de moda Lucía Yanina Antonella Cabrera

Imaxina unha extensa chaira rodeada de montañas, cuxos cumes semellen imposíbeis de alcanzar; unha chaira con grandes bosques ao lonxe, bosques de árbores rosas ou de piñeiros azuis, onde o céspede é vermello e pequenos lunares de cores voan polo ceo. Observa as cidades edificadas entre as nubes e as pequenas escaleiras que che permitirán alcanzalas. E observa tamén como nunha desas vilas as árbores medran do revés, por ser unha cidade sen gravidade. As montañas alí teñen forma de animais. Hainas que semellan pingüíns e tamén as hai con forma de elefante. Ata hai un elefante de céspede que acolle un parque de atraccións, con nenos xogando e unha nora rosa que contrasta coa follaxe. No seu ceo sen nubes voan flocos de millo, xa que alí todo pode suceder…

Podería afirmar que a infancia é o motor da miña creación, e que paisaxes e cidades son os protagonistas do meu traballo e pensamento. Cidades fantásticas, imaxinarias cidades que dan forma a chapeus ou decoran xerseis e chaquetas nos que se atopan tapices e punto tecido artesanalmente, ata semellar estar pintados co fío.

Despois de pasar a miña infancia na rúa de Mont-Blanc de Xenebra, regresei a Galicia, onde moi a miúdo os meus pensamentos volverían pasear por aquelas rúas que tan ben coñecía. Gústame pasear desa maneira, perderme polo parque, perderme á beira do lago, e volver atoparme coa xente coa que fun feliz. Gústame retornar co pensamento.

«Podería afirmar que a infancia é o motor da miña creación, e que paisaxes e cidades son os protagonistas do meu traballo e pensamento»

«Creo que 'o lugar' se volve o tema máis importante para quen, sen querelo nin espéralo, se ve de súpeto lonxe do que chama fogar. Eu xamais o esquecín, un feito que con moita frecuencia me levou a pasear mentalmente por aquelas rúas, polas que aínda podo facelo»

«No fondo, creo que deseñei esa colección para min, case como unha terapia persoal, para dar respostas a preguntas tan primixenias como de onde veño ou a onde vou»

Creo que ‘o lugar’ se volve o tema máis importante para quen, sen querelo nin espéralo, se ve de súpeto lonxe do que chama fogar. Eu xamais o esquecín, un feito que con moita frecuencia me levou a pasear mentalmente por aquelas rúas, polas que aínda podo facelo.

Cos anos deime conta de que perdera o sentido de pertenza a un lugar concreto, e que me custaba chamarlle a Pontevedra ‘fogar’. Comecei así a traballar na creación de cidades imaxinarias das que poder sentirme parte e onde podería sentirme ben. Cidades a medida, fantásticas, máxicas, surrealistas, irracionais. Por que todo tiña que ter sentido?

Foi de aí de onde naceu o meu proxecto Paraísos artificiais.

Esta colección orixínase no libro As cidades invisíbeis de Italo Calvino, libro de relatos sobre a viaxe de Marco Polo aos territorios de Kublai Khan. A este emperador melancólico, sabedor da relatividade do seu poder nun mundo que vai cara á ruína, un viaxeiro imaxinario fálalle de cidades imposíbeis: fálalle dunha cidade microscópica que se ensancha pola expansión concéntrica de moitas outras cidades, fálalle dunha cidade arañeira suspendida sobre un abismo ou dunha cidade bidimensional como Moriana. A partir desta idea, escribín os meus propios capítulos, con pezas que recrean algunha cidade que el describe e coas pezas que principalmente crean as miñas propias cidades.

Cada estilismo representa unha cidade, fusionando elementos cotiáns reais con outros máis fantasiosos. Con frases como «É o humor de quen a mira o que lle dá á cidade de Zemrude a súa forma», o autor vainos permitir recrear os seus pensamentos de forma suxestiva. No fondo, creo que deseñei esa colección para min, case como unha terapia persoal, para dar respostas a preguntas tan primixenias como de onde veño ou a onde vou. E tamén como a maneira de levar o xénero da paisaxe á moda, que é unha perspectiva que me interesa moito.

Por casualidades do destino, acabei volvendo a Suíza e á miña infancia, xa que na actualidade vivo en Zurich, onde deseño reloxos para Swatch e onde ten a súa sede a miña propia marca. A vida quixo que poida vivir cun pé en cada un dos meus dous países, podendo así curar, dalgunha maneira, a miña alma e ver cumprido o soño de non ter que escoller entre un país e outro. E como regreso a Galicia decote, podo por fin ter o mellor de ambos os dous países.

Contido extraído do número 7.

Queres ollar outros contidos relevantes?
Política de privacidade

Se consente a utilización de cookies, continúa navegando ou fai clic nalgún link entenderase que consinte a nosa política de cookies e, por tanto, a instalación das mesmas no seu equipo ou dispositivo.

Se vostede quere, pode cambiar a configuración de cookies en calquera momento, configurando o seu navegador para aceptar, ou non, as cookies que recibe ou para que o navegador o avise cando un servidor queira gardar unha cookie.

Esta web utiliza cookies.
error: Contido protexido