Hai poucos meses proclamouse campioa do mundo de tríatlon, culminando unha carreira deportiva que xa lle dera varias medallas: prata no Campionato do Mundo de 2013, bronce nos mundiais de 2014 e 2015, quinta nos Xogos Olímpicos de Río de 2016… Todo combinado cunha envexábel capacidade intelectual e de esforzo que lle permitiu á vez terminar dúas carreiras universitarias. Susana Rodríguez Gacio (Vigo, 1988) é unha muller excepcional. Unha loitadora nata que se prepara para os próximos mundiais mentres exerce de médica nos servizos de Rehabilitación do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago, e do Complexo Hospitalario Universitario da Coruña. Susana, por certo, é albina. E ten unha discapacidade visual que fai que os seus ollos vexan o 10% da media dos seus conxéneres. Aínda que ela di que iso é o de menos. Que sempre pelexou para lograr o que quería, e que nunca se parou a pensar se as súas circunstancias eran máis ou menos favorábeis que as que tiñan os demais. Nunca se comparou con eles, só con ela mesma. É por iso, por saber que os seus límites só os pon ela, polo que probabelmente puido chegar tan lonxe.
«O deporte a alto nivel é algo transitorio, o deporte como forma de vida saudábel, non. E o deporte sempre ten que estar compatibilizado con algo, e ese algo, para min, é a medicina. Se ese algo non fose a medicina, ou a fisioterapia, que é ao que me dedicaba antes, sería o xornalismo»
«Gústame a información, gústanme os datos, presto moita atención ao que me di a xente... Gústame escoitar a radio, ler noticias... Poida que outra cousa non lea, porque é verdade que eu non leo libros de lecer, pero gústame estar informada, saber dos sitios, saber que pasa neles...»
Entrevista de JUAN OLIVER
Fotografías de ÓSCAR CORRAL
Oínche dicir que se non foses deportista, gustaríache ser xornalista. Se non foses deportista ou se non foses médica?
Se non fose médica.
Ou sexa, que deixarías antes de ser médica que de ser deportista.
Son dúas cousas independentes. O deporte a alto nivel é algo transitorio, o deporte como forma de vida saudábel, non. E o deporte sempre ten que estar compatibilizado con algo, e ese algo, para min, é a medicina. Se ese algo non fose a medicina, ou a fisioterapia, que é ao que me dedicaba antes, sería o xornalismo.
E iso?
Gústame a información, gústanme os datos, presto moita atención ao que me di a xente… Gústame escoitar a radio, ler noticias… Poida que outra cousa non lea, porque é verdade que eu non leo libros de lecer, pero gústame estar informada, saber dos sitios, saber que pasa neles…
Como é que elixindo un deporte tan competitivo como o tríatlon, escolliches unha profesión tan solidaria e cooperativa como a de médica?
Levo moitos anos competindo en moitas modalidades. Empecei en 1998 nun campionato escolar da ONCE. Tiña once anos e agora teño trinta.
Era de tríatlon?
Non, de atletismo. Empecei co atletismo, pasei pola natación e tiven unha segunda época de atletismo. Cheguei ao tríatlon despois de chegar á medicina. Empecei a carreira en Santiago en 2009 porque xa era o que me gustaba cando terminei o bacharelato, aínda que nese momento, por circunstancias persoais, decidín facer fisioterapia. Para esa disciplina, ter unha discapacidade visual practicamente non supoñía ningún problema.
Non debería selo para nada, non?
Depende de para que. Hai algunhas especialidades nas que si hai algunhas limitacións, e á hora de escoller tes que estar moi pendente. Cando acabei fisioterapia apostei por medicina, porque era o que me apetecía. As materias que máis me gustaban de fisioterapia eran as que tiñan que ver coa medicina: Médicas I, Médicas II, Farmacoloxía, Radioloxía… Cando acabei o diplomado en Pontevedra, decidín virme a Santiago. Nese momento só facía deporte un par de días á semana, de forma moi tranquila, porque en 2008 decidira deixar de competir. Acababan de ser os Xogos Olímpicos de Pequín, para os que traballara moi duro, e onde ao final non puiden ir.
Por que?
Lograra a marca mínima esixida para poder participar, pero España tiña seis prazas e tocoume a min quedar na casa.
Vaia chasco, imaxino.
Para min foi algo moi complicado. Apostara moi forte por iso, non só no aspecto de adestrar, senón tamén ao supeditar outros aspectos da miña vida ao deporte. Quedarme fóra non por unha lesión nin por non alcanzar a marca, senón por un tema burocrático, foi moi duro.
E como se elixía quen quedaba fóra?
Hai unha Federación, uns seleccionadores, uns criterios técnicos…
Vistos os teus resultados posteriores, aquela decisión non puido ser máis desacertada.
Agora que o vexo na distancia, penso que todo pasa por algo. Se fose a Pequín, seguramente seguiría no atletismo e non tería chegado ao tríatlon, nin tería dado o paso de vir a Santiago a estudar medicina. Entón foi moi duro, deixei o atletismo por considerar que por moito que fixese ía pasarme iso, que estaba a traballar de balde.
E como volves ao deporte?
Ao final do primeiro ano de carreira en Santiago, case de casualidade, decidín facer o meu primeiro dúatlon. E aí descubrín o tríatlon.
«Penso que todo pasa por algo. Se fose a Pequín, seguramente seguiría no atletismo e non tería chegado ao tríatlon, nin tería dado o paso de vir a Santiago a estudar medicina»
Un dos deportes máis duros.
Si, e moi individual, aínda que no meu caso é de equipo porque sempre compito coa miña guía, á que engado o meu adestrador e a miña familia, sen cuxo traballo de levarme e traerme aos adestramentos desde hai anos non tería chegado até onde cheguei.
Como influíu a túa discapacidade visual na decisión de dedicarte ao deporte de alto nivel?
Ter unha discapacidade vai moldeando a túa personalidade. Sempre me gustou estar moi en contacto con outras persoas, poder axudar… Quizais por iso acabei relacionada co mundo da medicina e da rehabilitación.
Todo apunta a que es unha persoa moi competitiva no deporte, pero tamén contigo mesma.
Si, pero é outro tipo de competición. Desde pequena tiven o afán de conseguir o mesmo que conseguía a xente que tiña ao meu redor. Entre outras cousas porque na miña casa nunca me puxeron límites, nin me permitiron non facer algo polo feito de que vise mal. Teño unha irmá dous anos maior que é un referente para min. Se ela conseguía algo, eu tamén quería facelo. Iso xogoume algunhas malas pasadas, como empeñarme en ir ao Conservatorio até que me dei conta de que se me daba fatal.
Fixeches Solfexo?
Si. Pero unha vez que xa removera mar e montaña na miña casa para que me deixasen ir, cheguei a segundo e vin que non me gustaba nada. E dixéronme: «Agora que empezaches e que compramos o instrumento, acabas o grao elemental».
E que instrumento era?
A viola.
Ou sexa que nunca te puxeches límites, nin sequera de pequeniña.
No colexio era a primeira, pero a base de moitísimo traballo e de moitísimo esforzo. Claro que no Conservatorio era a número cen. A que nunca facía nada, que levaba os deberes sen facer, que non practicaba na casa, que facía o cafre en clase… Era unha dualidade curiosa: polas mañás en clase moi ben, e polas tardes, no Conservatorio, todo o contrario.
A túa figura é excepcional como deportista, como persoa que ten dúas carreiras. Pero nos medios e na rúa dá a impresión de que a túa excepcionalidade non provén diso, senón do feito de ter unha discapacidade visual. Coma se iso fose un mérito.
Sempre é así. Cando era nena conseguín as cousas que conseguín a base de traballo, pero tiña algún profesor que lles dicía aos meus compañeiros que se eu facía algo e o facía sen ver ben, eles tamén podían facelo. E esa comparación xerábame problemas.
Como afrontaches o exame do MIR, pensando nos xogos de Río?
Axudoume moito a capacidade de concentrarme e utilizar os recursos que tiña. Foi como nunha competición: teño un adestramento feito, mellor ou peor, pero é o que teño, e con iso teño que render ao máximo.
Esa é unha formulación de deportista.
Totalmente. Fixen o exame en Madrid, porque pedín unha adaptación dos tamaños dos textos e as imaxes. Estaba todo o mundo fatal, e eu cheguei alí, coa miña nai, démonos un paseo polo Xardín Botánico… Estaba afeita a manter a calma nunha situación de tensión.
O teu deporte é dos máis duros mental e fisicamente.
Todo o mundo pensa que o tríatlon é un deporte para superdeportistas.
E o é, non me digas que non.
Calquera deporte, levado ao alto rendemento, é moi esixente. Que pasa co tríatlon? Que é un deporte moi completo porque tes que dominar tres disciplinas. Non vas ser tan bo ciclista como un ciclista, nin vas nadar tanto como un nadador, nin vas facer tantos quilómetros como un corredor. Pero tampouco significa dividir entre tres, nin multiplicar por tres. Non chega con ser un bo nadador e ser mediocre no resto. Tes que ser moi regular en todo. E no paratríatlon, que é unha disciplina paralímpica relativamente moderna, o nivel sobe moito ano a ano. Desde o mundial anterior até este último, a diferenza foi abismal. Ademais é un deporte moi complexo a nivel loxístico. Non é só coller unhas zapatillas e ir correr. Hai que ter unha bici, mantela, embalala, mover un tándem, que non vale calquera vehículo para transportalo, hai que organizar viaxes… Os triatletas estamos afeitos a autoxestionármonos. Se me falla o da medicina e abro unha axencia de viaxes, estou segura de que me iría ben.
Pero non voarías con Ryanair, que este ano esnaquizou a túa bici, o tándem que compartes coa túa guía, Paula García Godino.
Pois non. Aínda que a semana que vén fago outra viaxe e teño a volta con Ryanair, porque o billete custaba cen euros menos. Pero esta vez vou sen equipaxe.
«Calquera deporte, levado ao alto rendemento, é moi esixente. Que pasa co tríatlon? Que é un deporte moi completo porque tes que dominar tres disciplinas»
Imaxino que adestrarse como triatleta debe ser complicado, porque reforzar unhas partes para unha disciplina, se cadra resulta contraproducente para as outras.
Hai que ser moi equilibrado. Debe terse en conta, por exemplo, que aos ciclistas profesionais non lles deixan correr, pero nós temos que traballar todo o corpo en xeral, e logo, especificamente, para cada disciplina.
Por iso din que é un deporte para superdeportistas.
É accesíbel para todo o mundo. Hai tríatlons populares, tríatlon para nenos… Igual hai xente que non se atreve a probalo cando a verdade é que podes empezar a practicalo como quen empeza a correr. Non é todo ou nada.
«Un tándem non pode funcionar só deportivamente. Se fóra da competición hai problemas, quizais poidas manter a relación un tempo, pero a longo prazo iso acaba rebentando»
O tríatlon paralímpico é tan lixoso e competitivo como o convencional?
En que sentido?
Dígoo polos golpes que se dan os triatletas durante as carreiras, os empurróns, os tiróns de traxe de baño mentres nadan… É un tópico?
Sempre hai pillabáns, pero en comparación con outros deportes nos que eu tiven a oportunidade de competir, hai bo ambiente. Hai moita camaradería. En canto a cada disciplina, no ciclismo non podemos ir a roda, como sucede nunha proba ciclista contra o reloxo convencional. Así que o traballo que fagas vai ser só para ti, porque non podes beneficiar nin prexudicar a ninguén. Na natación si, ás veces hai golpes, pero a maioría non son intencionados. Eu ás veces golpeo a miña guía, e ela a min.
Como é a relación cos guías?
É moi importante, tanto a nivel profesional como persoal. Temos rutinas e claves, sobre todo nas transicións, para perder o menor tempo posíbel. Pero un tándem non pode funcionar só deportivamente. Se fóra da competición hai problemas, quizais poidas manter a relación un tempo, pero a longo prazo iso acaba rebentando.
Suso do Dezaseis
«Hoxe o polbo é un artigo de luxo»
María Cheda
«O poder da imaxe é brutal»
Valentín García Gómez
«En ningún outro momento o galego estivo tan consolidado e prestixiado»
Juan Mera
O rei do ring