•  981 806 528 & 670 594 685 info@coralia.gal

a estrada

A ESTRADA

150 150 CORALIA

A ESTRADA

CADA MOMENTO CONTA

Reportaxe CONSELLERÍA DE SANIDADE, TURISMO E RELACIÓNS INSTITUCIONAIS
Fotografías NACHO DEL RÍO | AROA CASTRO | VÍCTOR ESPIÑO | ACTUALIZADOS COMUNICACIÓN | MAYSIL | JUAN RODRÍGUEZ

A 25 quilómetros de Santiago de Compostela, preto do límite entre as provincias de Pontevedra e A Coruña, atopa o viaxeiro ou peregrino unha perla cultivada no corazón de Galicia, incrustada na súa cultura ancestral, alimentada polos seus froitos e regada polos seus ríos, embelecida por unha natureza poderosamente verde, salvaxe e domesticada: A Estrada. Un cruzamento de camiños que se converteu no centro neurálxico dunha comarca, bañada polo río Ulla, que espera a súa visita todo o ano. E é que A Estrada pode gozarse en calquera das catro estacións.

No outono, cando a paisaxe viste de marrón e amarelo, os camiños convértense nas alfombras perfectas para realizar calquera das rutas de sendeirismo e BTT homologadas (que se poden descargar en www.bikeestrada.com, onde tamén se pode consultar o programa de rutas de sendeirismo para o outono e a primavera). Ademais, as casas de turismo rural dispoñen de rutas autoguiadas mediante GPS. Acompañaranos no camiño o arrecendo a mazá madura e a castañas, manxar honrado nos moitos magostos que se celebran en todas as parroquias do concello.

Chegado o inverno, os artesáns da comarca elaboran as súas creacións, manualmente, nun exercicio de talento, beleza e innovación. A Estrada conta con profesionais artesáns que, sempre á man, encadernan, elaboran instrumentos, traballan o vidro, o coiro, a pedra e a madeira, tecidos, encaixes ou mesmo crean moscas para pescar. Son aquí moi afamados os torneiros de Berres que, desde hai máis dun século, elaboran obxectos de uso doméstico, como pratos de polbo ou morteiros. Non é de estrañar que nas últimas décadas moitos destes talleres profesionais foran recoñecidos pola Fundación Artesanía de Galicia, e que hoxe, as súas creacións constitúan eleccións perfectas para agasallar en calquera ocasión.

Pasado o frío invernal, a primavera chama á porta para tinguir de cor a paisaxe. Aquí a raíña das flores é a camelia, unha especie característica da zona que ten o seu trono nos xardíns do pazo de Oca, onde é posible admirar a súa floración de xaneiro e abril. O pazo de Oca é un dos conxuntos monumentais máis representativos de Galicia. Pertence á Fundación Casa Ducal de Medinaceli e forma parte da Ruta da Camelia. Unha visita aos seus xardíns permitiranos apreciar un fermosísimo trazado ideado na segunda década do século XVIII, seguindo a tradición paisaxística francesa.

 

Nestas datas é tradición tamén o carnaval, aquí chamado entroido, que nesta comarca adquire un carácter singular grazas aos Xenerais da Ulla que, de a cabalo, percorren as parroquias pregoando os seus correos, acompañados dun exército de abandeirados, coros e comparsas. O percorrido termina co alto ou ‘atranque’, enfrontamento dialéctico por parellas no que non falta a sátira, a burla e a crítica social. Estes personaxes distínguense así mesmo pola súa rechamante e colorida vestimenta, que os fai absolutamente únicos.

Coas primeiras calores da primavera, o salmón remonta o río Ulla. De feito, cando chega maio, os pescadores achéganse ás súas beiras en busca da mellor peza. De feito, na terceira fin de semana de maio, A Estrada celebra a Festa do Salmón, exaltación gastronómica na que participan multitude de establecementos hostaleiros da zona e á que acoden milleiros de persoas de toda Galicia para degustar as tapas e menús confeccionados para a ocasión.

En xuño toca acougar a sede co saboroso elixir que nos dá a mazá, autóctona e de cultivo ecolóxico, que impregna co seu aroma toda a localidade na Feira da Sidra, un encontro de produtores e adegueiros, que serve para colocar A Estrada no mapa mundial da sidra.

Pasadas as festas de San Paio, patrón da localidade que celebra o seu día o 26 de xuño, toca baixar a Sabucedo na primeira fin de semana de xullo para rememorar a tradición ancestral da Rapa das Bestas. A veciñanza de Sabucedo e comarca agrupa os cabalos na montaña e condúceos ao curro, un recinto circular no que corta a crina dos animais en auténtica lide, tal como fixeron os veciños da zona durante séculos. É esta unha festa declarada de Interese Turístico Internacional que convoca miles de persoas cada ano, atraídas pola súa beleza e autenticidade.

Xa no verán, as augas do río vannos dar un respiro, permitíndonos sufocar os rigores da calor. Daquela as praias fluviais da Estrada constitúen un remanso de frescor que nos convidan a descansar e, á vez, a practicar todo tipo de deportes de río, xa se trate de pesca tranquila ou practicando rafting ou hidrospeed.

Para facer máis grata a visita, o municipio da Estrada conta cunha ampla oferta de aloxamentos e casas rurais. Son espazos nos que se atopan tradición e modernidade, descanso e comodidade; son lugares únicos e con encanto que converten en inesquecible unha estadía na comarca. Ademais, moitos deles inclúen na súa oferta actividades e rutas polo seu inigualable contorno (na web www.turismo.aestrada.gal pode atopar máis información ao respecto).

Non errará quen pense que en calquera momento do ano paga a pena coñecer e gozar as paisaxes, as xentes, a cultura e a gastronomía deste territorio incomparable. De feito, na Estrada xa estamos a agardar por vostede.

Queres ollar outros contidos relevantes?

Coralia núm. 18

150 150 CORALIA

Coralia núm. 18

Regresamos cun número excepcional para festexarmos o quinto aniversario de Coralia!

Por ÁLEX REGUEIRO
Director de comunicación de Miranda Priestly, S.L.

Miranda Priestly, empresa editora da revista Coralia, presenta a primeira Guía de Viaxes de Galicia, unha coidadísima publicación de periodicidade anual que, ao longo de 116 páxinas, analiza os destinos, propostas e plans que farán da comunidade galega o destino máis desexado de 2021.

A Guía de Viaxes de Galicia (GVG) edítase ao abeiro do Fondo de proxectos culturais Xacobeo 2021 da Xunta de Galicia, e xorde como un achegamento á cultura da viaxe e ao mundo do turismo en Galicia que combina novos enfoques informativos e formulacións conceptuais orixinais.

A primeira edición de GVG fíxase como fin principal captar o interese das galegas e galegos que desfrutan percorrendo as infinitas Galicias que hai na nosa terra, un obxectivo ambicioso que, ao mesmo tempo, supón a oportunidade de ofrecer unha visión verdadeira e xenuinamente galega aos visitantes que elixan Galicia como destino en 2021.

2020 fixo agromar novas necesidades e dinámicas sociais que no ano 2021 se trasladarán indubidablemente ao mundo da viaxe. Como certifica a GVG, a experiencia personalizada será a protagonista indiscutible de viaxes e vacacións que promoverán a singularidade e a exclusividade, xa sexa para gozar dun solpor nas Torres de Oeste, dun polbo ao sal en Ourense ou dunha noite baixo as estrelas da Teixeira.

Os mellores plans para vivir Galicia inclúen unha viaxe ao país das mil romarías, a ruta das fariñas, historias de faros, rutas de bos soños, rutas de 5 leguas e visitas á arca do tesouro de Monterrei, Carballo, A Estrada, Lalín, Padrón, o proxecto Xeoparque do Cabo Ortegal ou Ourense.

A Guía de Viaxes de Galicia de Coralia é resultado do talento e bo facer (e do grande amor pola terra) de destacados profesionais da viaxe, xornalistas especializados, escritores e fotógrafos de primeira división, entre os que se figuran Manuel Gago, Jorge Guitián, Alberto Barciela, Estíbaliz Veiga, Rober Amado, Tino Martínez, Laura Ramos Cuba ou Armando Requeixo.

En 2021, Coralia vólvese máis viaxeira ca nunca para vivir ao grande o ano de Galicia!

 

Valentín García

150 150 CORALIA

Empezou a súa carreira profesional no medio rural convencendo os estradenses de que a lingua que falaban, lonxe de ser unha anormalidade antropolóxica, era un idioma tan digno, rico e fermoso como aquel que moitos deles se viran obrigados a adoptar para poder integrarse nas sociedades urbanas ás que migraban. Agora, desde o cargo de secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García Gómez (Abades, Silleda, 1970) celebra que o galego teña acadado o status de lingua prestixiada e recoñecida. Aínda así recoñece que aos poderes públicos lles queda moito traballo por facer para ampliar o seu uso na contorna na que se move esa nova xeración de galegos e galegas que descubriron que a lingua que os seus pais só falaban entre eles agochaba un auténtico tesouro cultural.

Entrevista de JUAN OLIVER
Fotografías de ÓSCAR CORRAL

Teño que pedir desculpas se o meu galego non é de todo correcto. Pertenzo a esa xeración que creceu aprendendo o idioma con tres normativas distintas.
Non te preocupes en absoluto. Como secretario xeral de Política Lingüística estou máis que afeito a escoitar todas as variantes.

Vaia sitio máis emblemático para facer esta entrevista, a Real Academia Galega.
Efectivamente. O despacho do presidente da Real Academia Galega (RAG), que no seu día ocupou Manuel Murguía. Contémplannos os patriarcas da lingua: Cabanillas, Villar Ponte, Seoane, Castelao.

Chamoume a atención que na recepción da entrada hai varios xornais, pero están todos editados en español.
Si, a verdade é que medios de papel en galego hai poucos. Pero están a proliferar moitos dixitais en galego. As novas tecnoloxías son unha ferramenta importante para a súa difusión.

Aí está o exemplo de Coralia, que editamos en papel e na web.
Podo dicir que no meu despacho en Santiago teño un andel cheo de libros. E Coralia é unha das revistas que teño alí exposta, para que a poida ver quen nos visita. En horizontal, eh!, non de canto.

É curioso que a RAG estea precisamente na Coruña, unha das cidades de Galicia onde menos galego se fala.
Historicamente sempre foi así. Onde o galego sempre estivo máis forte foi no medio rural e mariñeiro. E nas cidades, tradicionalmente, falábase castelán. Na Coruña falábase pouco galego xa nos tempos de Eduardo Pondal, cando escribiu aquel poema que dicía «Miniñas da Cruña / falade galego». Desde entón A Coruña creceu dez veces máis até converterse no que é agora, e é normal que o uso do castelán medrase con ela.

Pero Santiago é unha cidade que exporta galego. Moitos estudantes que chegan desde A Coruña e desde outras urbes galegas e españolas, e que non teñen o galego como lingua inicial, descobren aquí o seu uso como idioma habitual.
Santiago ten algúns condicionantes que fan que o galego teña un peso específico máis elevado con respecto a outras cidades. Por que? En primeiro lugar porque a poboación está moi impregnada dos estudos de Humanidades. Santiago ten unha Universidade desde hai cincocentos anos, sé arcebispal… En Santiago, a normalización do galego tivo unha vía de entrada pola vía cultural. E en segundo lugar, porque as cidades non responden sempre igual á lingua. Os condicionantes sociolingüísticos de Santiago non son os mesmos que os de Vigo, nin os de Vigo son iguais que os da Coruña. Falas da Coruña, pero hai casos similares en Vigo. É unha cidade que medrou moito máis rápido, cun fluxo de entrada de persoas que viñan do medio rural e que concibían o uso do castelán como forma de integrarse na cidade. Algúns deses novos castelanfalantes que abandonaron o galego ou que reduciron o seu uso ao ámbito familiar transmitíronlles aos seus fillos esa idea de que para integrarse debían falar castelán. Por que en Lugo empregan máis o galego? Porque está máis influenciado por esa contorna rural pero sen esas connotacións. E en Ferrol? Fálase máis castelán porque alí está o Arsenal, os estaleiros, focos que atraían traballadores que en moitos casos xa eran castelanfalantes porque viñan de fóra de Galicia.

«Pardo Bazán defendía o galego, pero nunca o falou. Era condesa, e as condesas entón non falaban galego, da mesma forma que non o falaban os médicos nin os xuíces. E ela dicía que un dos problemas que ten o galego é que quen o defende, non o fala. Mire que dato máis relevante. Todas aquelas persoas que temos como os popes do galego, que puxeron os alicerces para a súa recuperación, pertencían a unha clase social que non falaba galego»

Valentin Garcia, Secretario Xeral de Politica Linguistica

Referíame a iso co de que Compostela é un pouco o centro desde o que o galego se expande ás cidades. Porque os fillos e fillas daqueles migrantes descobren o galego cando marchan estudar a Santiago.
Acceden a todo un ambiente cultural e de sensibilización co galego e descobren unha riqueza que non lles transmitiron como tal. Descobren en Santiago un tesouro que non sabían que tiñan na casa, un tesouro que é a maior riqueza que pode ter un pobo. A través dos seus compañeiros que fan un uso normalizado do galego, do tecido social e cultural da cidade, do persoal administrativo da propia universidade… Por iso, o que facemos agora desde a Secretaría Xeral de Política Lingüística é incidir non só neses neofalantes que se están a formar, senón nas súas contornas sociais e familiares, porque son fundamentais para que o proceso de normalización lingüística dea resultados. Sensibilizar os pais, os avós, os tíos, as persoas que traballan en casa, para que transmitan o galego aos nenos e para que o transmitan como algo valioso.

E iso funciona?
Eu creo que avanzamos bastante en afianzar o prestixio social do galego. Antes había xente que falaba galego pero que cando lle preguntabas que era o galego… Incluso algúns prebostes da lingua entendíano como un dialecto, non como un idioma. Rosalía de Castro definiuno así nalgún momento. E calquera persoa que se refira hoxe ao galego como un dialecto percibirá un enorme rexeitamento social, porque está asentado como unha das linguas románicas de máis prestixio de Europa, cunha profunda tradición cultural e histórica, cunha literatura que florece por todas partes e que está a vivir un momento radiante. Nunca houbo tantos escritores en galego, tanta produción literaria e tanta produción literaria traducida. Nunca houbo tantos congresos, encontros… Hoxe o galego vive nun contexto moi prestixiado.

Pero o uso do galego aínda non está normalizado en todos os sectores.
Queda moito por facer. Pero no mundo da comunicación, da empresa, da política, nas institucións… En ningún outro momento o galego estivo tan consolidado e prestixiado. Para Castelao sería un soño coñecer un Parlamento galego onde todo o mundo falase galego todos os días. Ou a Televisión de Galicia, a Radio Galega… Ou medios como o voso, Coralia, que falan en galego de temas como moda, gastronomía, turismo… Iso sería insólito hai cincuenta ou sesenta anos.

Ou menos aínda.
Si, si, non hai que irse tan atrás. Ten en conta a dixitalización, o mundo das redes sociais… Todo iso sería ciencia ficción para calquera das persoas retratadas nos cadros que nos rodean neste despacho.

Ou sexa que Castelao alucinaría.
A que foi dona desta casa onde está a sede da Real Academia Galega, Emilia Pardo Bazán, dános un dato sociolingüístico moi relevante para a súa época. Pardo Bazán defendía o galego, pero nunca o falou. Era condesa, e as condesas entón non falaban galego, da mesma forma que non o falaban os médicos nin os xuíces. E ela dicía que un dos problemas que ten o galego é que quen o defende, non o fala. Mire que dato máis relevante. Todas aquelas persoas que temos como os popes do galego, que puxeron os alicerces para a súa recuperación, pertencían a unha clase social que non falaba galego. Quen falaba galego era o pobo, pero o pobo non escribía libros nin daba conferencias, nin clases na universidade. Esa é a situación que tiñamos. Hoxe podemos presumir de que moitas clases na universidade son impartidas en galego. Aínda teñen que ser máis, é certo, pero xa son moitas máis que antes. Moitos dos nosos dirixentes diríxense ao público en galego. Se cadra a lingua que empregan no ámbito privado é outra, pero o prestixio social do galego é moi grande. Revistas como a vosa, que se atreven a facer entrevistas en galego, a falar do mundo social en galego, representan un avance moi notable que temos que celebrar e ao que temos que darlle valor.

Provés dunha contorna galegofalante, pero cando viñeches estudar a Santiago, advertiches esa situación da que falaba antes? Quero dicir, compañeiros que descubrían o idioma en Compostela e, a través del, unha identidade cultural.
Santiago foi sempre un foco de lingua e cultura, desde os tempos de Otero Pedrayo e Antón Losada Diéguez, que viñan dos seus pazos fidalgos onde falaban galego cos criados mentres que cos demais falaban en castelán. E viñan a Santiago, onde a propia unión, a formación de colectivos, a relación dentro das facultades –historicamente máis as de humanidades, pero tamén o resto-, levaba a formar esa atmosfera onde se cimentou a galeguidade.

Tiveches esa mesma sensación ao vir estudar a Santiago?
Eu viña dunha contorna rural, pero si é verdade que notei como moitas persoas que viñan doutras cidades, mesmo tamén de Santiago, galeguizábanse cando entraban na universidade. Hai centos de casos. E falo mesmo de persoas que hoxe son expertos en lingua, profesores… Moitos de quen hoxe son auténticas autoridades no ámbito da lingua non son galegofalantes iniciais, son neofalantes. Nesta casa onde estamos, a Real Academia Galega, hai unha académica madrileña, Marilar Aleixandre.

A homenaxeada no Día das Letras Galegas deste ano era estremeña.
Efectivamente, María Vitoria Moreno. Refírome a iso. Hai un caso que sempre cito, porque é amigo e moi próximo: Agustín Hernández [voceiro do PP no Concello de Santiago], que non é galego. Pero se alguén o escoita falar, non poderá dicir que ten un acento raro. Fala galego como calquera outro galego. Veu aquí non con cinco anos, senón sendo xa enxeñeiro, e aprendeu galego e foi conselleiro en galego.

Que botas de menos do Santiago no que estudaches? Hai moitas diferenzas?
Hoxe hai unha visión máis cosmopolita. E iso ten que ver con dous factores. Por unha banda, a tecnoloxía. Cando eu cheguei a Santiago non existían os teléfonos móbiles, nin as redes sociais, nin nada semellante. E o outro é o coñecemento do mundo. Agora mesmo é moi difícil atopar un estudante que non fixera unha estadía no estranxeiro, que non viaxara fóra, que non teña conexión co que está a pasar no resto do mundo… Antes, cando chegaba alguén á facultade que estivera en Nova York, París ou Londres, quedabamos con el para que nos contara como eran esas cidades. Iso pode facer que non haxa un compromiso tan directo coas cousas de Santiago, porque hai unha visión máis cosmopolita, máis aberta. Pero eu creo que é bo. Vexo as persoas que veñen a Galicia a traballar ou a estudar, e véxoas moi formadas, con moitísima información, moitísimas ganas de aprender e de beber de moitas fontes distintas. Xa non lles sucede como a nós, que estabamos limitados polas publicacións ás que podiamos ter acceso, os profesores que nos daban clase. Hoxe esas fontes de coñecemento multiplicáronse por dez mil.

Valentin Garcia, Secretario Xeral de Politica Linguistica

«Moitos de quen hoxe son auténticas autoridades no ámbito da lingua non son galegofalantes iniciais, son neofalantes. Nesta casa onde estamos, a Real Academia Galega, hai unha académica madrileña, Marilar Aleixandre»

Falando de mozos e de novas tecnoloxías. Non cres que se houbese unha xeración de youtubeiros galegos, un Rubius ou un Folagor que triunfasen en Youtube en galego, contribuiría aínda máis a difundir o uso do idioma?
Unha das liñas nas que estamos a incidir moito é nas novas tecnoloxías. Precisamente vimos de presentar unha ferramenta que permitirá recoller a toponimia para que a xente poida enviarnos desde o teléfono ou desde calquera plataforma móbil a localización do lugar en que se atopa e o seu topónimo galego. Que queda moito por facer? Si, claro. Oxalá tivésemos máis medios en galego, máis revistas como a vosa… Porque iso sería a normalidade da nosa lingua, a normalización. Pero temos que ter en conta outros factores. É verdade que os mozos e mozas que usan as novas tecnoloxías, como os seguidores dos youtubeiros dos que me fala, teñen moi boas competencias en galego. Son xente formada, e estamos ante a xeración mellor preparada para ler, escribir e falar en galego. O 99 % da poboación entende o galego, o 98 % sabe falalo, o 97 % sabe lelo e o 83 %, que é unha cifra histórica, sabe escribir en galego. Isto nunca pasara na historia de Galicia.

…Pero outra cousa é que o usen.
Refírome a iso. Teñen competencias para se desenvolver en galego, pero á hora de utilizalo no cole, no ximnasio, no fútbol, na discoteca, no parque, sucede que os ambientes son castelanfalantes. E aí vén a segunda parte. Temos que animar o uso do galego, pero tendo en conta que o galego con quen está en contacto é co castelán, unha das linguas máis poderosas do mundo, con máis de 550 millóns de falantes. Como podemos desde Galicia xerar youtubeiros se nos estamos constantemente a comparar co castelán, que lle saen youtubeiros de todas partes, desde Navarra a Santiago de Chile? Temos que ser conscientes de que o galego ten o poder que ten, e que o que temos que facer desde os poderes públicos é dar visibilidade ao que hai e potencialo, pero sendo conscientes de que toda esta vida tecnolóxica é moi efémera. Sucede constantemente. Pregúntanme: «Falaches cos de Google, cos de Android ou cos de Linux, para poñer en marcha tal aplicación en galego?». E ti podes negociar e lograr esa aplicación, o que sempre é un traballo caro e custoso, e logo resulta que desde California vén outra e déixaa obsoleta. O camiño non é fácil, temos que dar a batalla, evidentemente, pero estamos a falar de sectores que non é fácil cubrir coa urxencia que o mercado demanda.

««Temos que animar o uso do galego, pero tendo en conta que o galego con quen está en contacto é co castelán, unha das linguas máis poderosas do mundo, con máis de 550 millóns de falantes. Como podemos desde Galicia xerar youtubeiros se nos estamos constantemente a comparar co castelán, que lle saen youtubeiros de todas partes, desde Navarra a Santiago de Chile?»

Valentin Garcia, Secretario Xeral de Politica Linguistica

«Santiago foi sempre un foco de lingua e cultura, desde os tempos de Otero Pedrayo e Antón Losada Diéguez, que viñan dos seus pazos fidalgos onde falaban galego cos criados mentres que cos demais falaban en castelán. E viñan a Santiago, onde a propia unión, a formación de colectivos, a relación dentro das facultades –historicamente máis as de humanidades, pero tamén o resto-, levaba a formar esa atmosfera onde se cimentou a galeguidade»

Empezaches traballando como normalizador no medio rural, un medio no que a poboación ten as súas propias formas de expresión en galego, moi arraigadas, e onde os galegofalantes senten orgulloso de ser os que mantiveron vivo o idioma durante séculos. Como é o traballo a ese nivel?
Trabállase dándolle normalidade ao que alí xa é normal. Pode soar a truísmo, pero é así. Cando empezamos a traballar nos primeiros servizos de normalización lingüística, o primeiro que lle diciamos á xente era que esa lingua que falaba non era unha lingua de segunda, nin un dialecto, senón un idioma con prestixio literario, que podes falar co médico e co xuíz porque o médico e o xuíz van entender, que se pode utilizar no culto relixioso, nas festas… En calquera lugar. Que o galego é unha lingua que se pode transmitir e que temos o deber de transmitir. Os compañeiros que emprendemos esa tarefa de normalización no medio rural tentamos precisamente darlle normalidade ao uso do galego. Dicirlle á xente que non ten que cambiar de idioma cando vai a unha cidade para facer un trámite administrativo, ou ao hospital. Porque o médico non só o entende, senón que ten que entendelo, porque o galego é unha lingua cooficial que ten un status normativo recoñecido. Iso foi o primeiro que tivemos que facer. Explicarlle á xente que esa lingua que falaba non era unha anormalidade, non era un híbrido de linguas, non era algo que nin era castelán nin era portugués. Que era un idioma con entidade propia.

Entrevista extraída do número 11.

Queres ollar outros contidos relevantes?
Política de privacidade

Se consente a utilización de cookies, continúa navegando ou fai clic nalgún link entenderase que consinte a nosa política de cookies e, por tanto, a instalación das mesmas no seu equipo ou dispositivo.

Se vostede quere, pode cambiar a configuración de cookies en calquera momento, configurando o seu navegador para aceptar, ou non, as cookies que recibe ou para que o navegador o avise cando un servidor queira gardar unha cookie.

Esta web utiliza cookies.
error: Contido protexido