•  981 806 528 & 670 594 685 info@coralia.gal

alfredo iglesias

Coralia núm. 18

150 150 CORALIA

Coralia núm. 18

Regresamos cun número excepcional para festexarmos o quinto aniversario de Coralia!

Por ÁLEX REGUEIRO
Director de comunicación de Miranda Priestly, S.L.

Miranda Priestly, empresa editora da revista Coralia, presenta a primeira Guía de Viaxes de Galicia, unha coidadísima publicación de periodicidade anual que, ao longo de 116 páxinas, analiza os destinos, propostas e plans que farán da comunidade galega o destino máis desexado de 2021.

A Guía de Viaxes de Galicia (GVG) edítase ao abeiro do Fondo de proxectos culturais Xacobeo 2021 da Xunta de Galicia, e xorde como un achegamento á cultura da viaxe e ao mundo do turismo en Galicia que combina novos enfoques informativos e formulacións conceptuais orixinais.

A primeira edición de GVG fíxase como fin principal captar o interese das galegas e galegos que desfrutan percorrendo as infinitas Galicias que hai na nosa terra, un obxectivo ambicioso que, ao mesmo tempo, supón a oportunidade de ofrecer unha visión verdadeira e xenuinamente galega aos visitantes que elixan Galicia como destino en 2021.

2020 fixo agromar novas necesidades e dinámicas sociais que no ano 2021 se trasladarán indubidablemente ao mundo da viaxe. Como certifica a GVG, a experiencia personalizada será a protagonista indiscutible de viaxes e vacacións que promoverán a singularidade e a exclusividade, xa sexa para gozar dun solpor nas Torres de Oeste, dun polbo ao sal en Ourense ou dunha noite baixo as estrelas da Teixeira.

Os mellores plans para vivir Galicia inclúen unha viaxe ao país das mil romarías, a ruta das fariñas, historias de faros, rutas de bos soños, rutas de 5 leguas e visitas á arca do tesouro de Monterrei, Carballo, A Estrada, Lalín, Padrón, o proxecto Xeoparque do Cabo Ortegal ou Ourense.

A Guía de Viaxes de Galicia de Coralia é resultado do talento e bo facer (e do grande amor pola terra) de destacados profesionais da viaxe, xornalistas especializados, escritores e fotógrafos de primeira división, entre os que se figuran Manuel Gago, Jorge Guitián, Alberto Barciela, Estíbaliz Veiga, Rober Amado, Tino Martínez, Laura Ramos Cuba ou Armando Requeixo.

En 2021, Coralia vólvese máis viaxeira ca nunca para vivir ao grande o ano de Galicia!

 

Elena Ferro

150 150 CORALIA

Elena Ferro

Ás nos pés

Entrevista de ANA GARCÍA
Fotografías de ELÍAS OTERO

Con moitísimo tesón e un amor infinito por un oficio que na súa casa leva pasando de pais a fillos máis de cen anos, Ferro foi quen de lle dar nova vida ao noso calzado máis tradicional, achegándolle deseño, liñas orixinais e unha adaptabilidade total aos gustos de cada cliente. Despois de 25 anos de éxitos e de recibir recoñecementos como o Premio Nacional de Artesanía 2019, a zoqueira de Merza segue a ter os pés na terra e segue a elixir o seu propio camiño, sen présas, pero sen pausas, consciente de que é da súa autenticidade da que xorde ese equilibrio entre tradición e vangarda que namora homes e mulleres por todo o mundo. Visitamos o seu obradoiro de Vila de Cruces (Pontevedra) a piques de entrar no período con máis encargas do ano, cando a chuvia e o frío volven encher corredoiras, rúas e prazas coas cores e o estilo inigualable de Eferro.

Zocos e pan de millo foron durante séculos sinónimo de dificultades. De que o serían hoxe?
Sono do rescate da nosa cultura. Tanto os zocos coma o pan de millo dignifican o noso pasado. A finais dos anos 70, por mor dos cambios sociais, os zocos deixaron de demandarse.

Voso é o mérito de devolverlles a dignidade e o uso. Cales son os factores determinantes deste rexurdimento?
O traballo e o esforzo, a insistencia. Eu comecei a facer cambios no zoco tradicional no ano 95. Eses cambios que fun introducindo eran cambios necesarios. A xente acostuma pensar que un día me levantei, fixen zocos de cores e que, vaia, foi unha marabilla!, cando o certo é que foi necesario facer un traballo moi grande e moi complexo para conseguir que foran ben aceptados.

Que soños lle quedan por cumprir a aquela rapariga que paseaba polas terras do Deza subida a un John Deere 505?
Creo que o máis importante que podía facer polos zocos xa está feito: revivir o oficio e dignificar un calzado en desuso. Penso que non podo facer nada máis grande nin que me quede nada por facer, así que creo que, neste aspecto, os meus soños están cumpridos.

Traballar na aldea achégalle unha identidade especial ao teu traballo?
Na aldea pódese traballar con tranquilidade. Agora temos unha tenda na Coruña, pero antes só tiñamos o obradoiro, ata onde a xente comezou a vir e continuou a vir. Conseguir que a xente viñese ata a aldea para mercar no noso taller é un labor moi, moi importante, e como lle digo sempre á xente, aquí chegas e aparcas, non tes que estar buscando sitio para deixar o coche nin sofres estrés de condución nin nada. Para min, traballar na aldea só ten vantaxes.

Conquistar o público con zocos vén a ser algo así como facer que o lobo se namore da carapuchiña vermella. Nesta relación cal cres que é a clave para manter viva a paixón?
Pois… [colle aire], é crer no que fas! e tentar que a xente vexa o teu traballo! Eu sempre pensei que o calzado que protexeu do frío e da humidade os labregos e as labregas durante tanto tempo, non podía ser tan malo. Para min, foi e é un orgullo rescatar e poñer en valor o calzado da xente máis humilde.

En que se sustenta o voso éxito? A teimosía e o cariño polo tradición son dous piares importantes?
Si, claro, por suposto! O respecto á tradición é o principio de todo; é de aí de onde xorden o resto de traballos que facemos. Segundo a miña experiencia, con amor é como mellor se traballa.

Pintar a madeira ou cambiar a cor da pel semellarían verdadeiras tolarías a finais dos anos 90…
Si, claro. De feito, foi co que empecei. Daquela a xente pensaba que os zocos xa tiñan que ter desaparecido, así que cando empecei a pintar as madeiras de cores e a cambiar o zoco tradicional non o entendía, pero hai que ser insistentes e crer no que fas!

Cos zocos Voa mariquiña, voa gañaches o premio Antón Fraguas da Deputación da Coruña á innovación artesanal no ano 2010. Que supuxo ese galardón?
Ademais do recoñecemento, deume a oportunidade de demostrarlle á xente, incluso ao xurado dese certame, que os zocos non estaban mortos e que supoñían un eido cheo de posibilidades. Nas feiras de artesanía, en máis dunha ocasión, chegáronme a dicir que os zocos eran un calzado en desuso, polo que non se tiña moi en conta o seu valor. O premio permitiume demostrar que os zocos seguían vivos e que tiñan moito que andar.

«Creo que o máis importante que podía facer polos zocos xa está feito: revivir o oficio e dignificar un calzado en desuso. Penso que non podo facer nada máis grande nin que me quede nada por facer»

Hai un século o teu avó ía de casa en casa facendo zocos. Hoxe os zocos dos Ferro seguen caracterizándose pola personalización. Ata onde pode chegar?
É difícil sabelo. A pesar de que aquí temos moitísimos modelos en stock, á xente gústalle facer un traballo personalizado para ter máis exclusividade, así que non sei ata onde pode chegar a personalización. O que si sei é que este foi un factor importante á hora de funcionar mellor, á hora de ter máis clientes.

O tempo cambiou o uso e ata o territorio natural dos zocos. Agora paséanse orgullosos polas rúas e prazas das capitais, e a adaptación ás novas necesidades trouxo novas inclinacións e o uso, por exemplo, da abeleira. Hai marxe aínda para seguir rexuvenecéndoos?
Por suposto! No noso oficio hai marxe para seguir innovando, como fixemos cos zocos flexibles. No noso obradoiro usamos as madeiras que se usaban tradicionalmente, xa que son as que mellor van para as nosas condicións climáticas. Haber hai outras madeiras que tamén irían ben para facer zocas, como a da nogueira e o loureiro, pero que serían máis devastadoras por mor da súa escaseza. O que non se pode facer nunca é estancarse e acomodarse. Se pensas que o tes todo feito, aí está todo perdido!

En tempos, os negros eran os zocos dos domingos. Poderíase dicir que hoxe os vosos zocos están dando lugar a novos costumes? Hai en Galicia unha nova xeración zoqueira?
O uso que se lle dá agora mesmo aos zocos, a verdade, é cotián, tanto para ir traballar como para acudir a unha festa, a un evento etc. É un emprego moi diferente ao habitual hai quince anos, cando se empregaban para traballar no campo e, en menor maneira, para ir pola rúa. No rural, por desgraza, están caendo en desuso, mentres que nas vilas se ven cada vez máis. Tamén estamos a notar que cando un neno ou nena os leva ao colexio, outros nenos e nenas queren os seus zocos.

As vosas coleccións suman deseño e confort a partes iguais. Pero por onde van as preferencias dentro e fóra de Galicia?
Hai uns modelos que son os que máis se venden e que funcionan igual de ben aquí ca fóra, o zoco vermello liso, tamén o modelo Barrio, a cor café con leite… Pero non temos unha variña máxica! Ás veces fas un modelo que cres que se vai vender ben e, despois, non acontece así.

Ata as noivas optan polas túas creacións para o día da súa voda. Que cres que ten en común o voso público?
En común que son persoas, porque despois hai tantos gustos coma clientes. Cando chegan aquí ven a verdade, ven que non tento vender algo que non somos. No noso caso, o que ves nas redes sociais é o que ves aquí. O traballo que se fai nas redes, fágoo eu. Se me queres coñecer, nas redes podes ver o que fago e as cousas que me gustan, ou como me sinto ou o que atrae [ri], é iso, a verdade!

Cada día cativas a miles e miles de seguidores nas redes sociais. É Internet o teu mellor escaparate?
Si [é contundente]. Foi un grande impulso á hora de facer marca. Para un taller artesán é moi difícil lograr que a marca se recoñeza e, aínda que moita xente nos coñecía das feiras, non acontecía o mesmo coa marca. As montaxes para as redes, que comezaron como unha broma, fixeron que a xente espallase o que facía. Esta acción trouxo e trae moitos clientes ata Merza. E aínda que moita xente pensa que lle pagamos a unha empresa para facer isto, en realidade son eu quen o fai. Eu non teño coñecementos de fotografía, polo que recorro ao móbil. Capto o que o meu ollo ve.

Témosche escoitado dicir que a inspiración pode xurdir onde menos o esperas. Que pode ocorrer nun xantar familiar ou no parto dunha porquiña. Cal dirías que é ata agora o teu maior atrevemento?
Ao principio estas montaxes para as redes sociais eran consecuencia dun estado de absoluta efervescencia, pero logo de cinco anos realizándoas, ás veces xórdenme dúbidas de que poderei facer despois, aínda que ao final o resultado sempre vai ser unha instantánea dos meus sentimentos. O que tento transmitir é como me sinto en cada momento e o amor ten moito que ver con todo isto.

A actualización de formas e materiais é parella á evolución na xeito de mercar. Internet acabará por liquidar as feiras?
Non. As feiras foron e seguen a ser un lugar de encontro necesario.

En tempos, o coiro era o maior obstáculo para producir zocos. De cara ao futuro, cal pode ser o maior reto ao que lle deberá facer fronte unha zoqueira artesá?
No futuro deberemos respectar máis a natureza. O compromiso ecolóxico levaranos a empregar madeiras sostibles para lograr produtos sostibles.

Por último, se Elena Ferro fora uns zocos, que modelo sería?
Eu son, claramente, un zoco tradicional.

«Eu comecei a facer cambios no zoco tradicional no ano 95. Eses cambios que fun introducindo eran cambios necesarios. A xente acostuma pensar que un día me levantei, fixen zocos de cores e que, vaia, foi unha marabilla!, cando o certo é que foi necesario facer un traballo moi grande e moi complexo para conseguir que foran ben aceptados»

Queres ollar outros contidos relevantes?

Miguel Ángel Santalices Vieira

150 150 CORALIA

Miguel Ángel Santalices Vieira

«Galicia foi, é e será terra de heroes»

Entrevista de ÁLEX REGUEIRO
Fotografías de FRED IGLESIAS

Hai múltiples razóns que explican o porqué da alta valoración que de Miguel Ángel Santalices Vieira (Bande, 1955) teñen as súas señorías, pero independentemente dos motivos individuais ou do partido, todas coinciden en recoñecer o seu fondo compromiso coa nosa terra, coas súas xentes e coa institución que preside, a primeira de Galicia. Despois, hai quen fai fincapé no Santalices médico galeguista seducido pola política, quen non dubida ao cualificalo como o político humanista que máis sabe de sanidade pública, os que apuntan o seu bo ollo como coleccionista de arte, os que destacan o seu espírito viaxeiro, e tamén quen conta del que é o anfitrión perfecto.

Visitar o Parlamento de Galicia canda el proporciona unha visión moi nidia do necesario e a miúdo descoñecido traballo que nel se leva a cabo, mais tamén do orgullo e respecto que sente o seu presidente polo posto para o que foi elixido a comezos de 2016.

Co Pazo do Hórreo agardando as señorías que lidarán cos retos da XI lexislatura, o presidente Santalices ábrelle a Coralia as portas da cámara autonómica para darnos o seu diagnóstico do estado de saúde do parlamentarismo galego e para mirar cara a atrás e tamén cara a adiante.

Bande e o Xurés son as paisaxes da súa infancia. Din que os arraiáns teñen un carácter especial.
Si, é certo. Vivir nunha zona separada de Portugal por unha raia marca o devir da vida diaria nesa terra marabillosa e o devir do teu futuro. Pola miña terra refírese á historia dun científico estadounidense que sinalou o Xurés como o lugar onde faría a súa casa de producirse unha catástrofe ecolóxica… Non sei se a historia é certa ou non, pero o que si é certo é que aquela marabillosa serra confire un carácter especial.

Un neno non se levanta un día dicindo «De maior quero ser presidente do Parlamento de Galicia», ou si?
Non, un neno levántase dicindo que quere ser bombeiro ou que quere ser médico, que quere ser arquitecto ou fontaneiro. O encargo de ser presidente do Parlamento supón un mérito singular que no meu caso é consecuencia da marcha da nosa presidenta a Madrid, e non dun plan orquestrado para converterme en presidente.

Chegou a Santiago para estudar medicina a principios dos anos 70, como era aquel mozo?
A miña mocidade estivo condicionada pola procedencia rural porque, como o meu pai era boticario en Bande, fun moi prematuramente separado do ambiente familiar para ir estudar fóra, primeiro aos xesuítas de Vigo, logo a Ourense, e posteriormente a Santiago. Fronte á tutela dos internados, a universidade supuxo máis liberdade e un escenario máis aberto para un mozo que daquela tiña un bo pelo negro e tamén barba negra [ri].

Na Baixa Limia exerceu a medicina por primeira vez. Foi naquel tempo cando decidiu orientarse cara á xestión?
Ao acabar Medicina [en 1979] nomeáronme médico na Baixa Limia, substituíndo os médicos que ían de vacacións. Ese mes, no que amais fun médico de urxencias de Ourense –pois daquela non había tantos médicos–, condicionou o meu futuro e propiciou que me distanciara da práctica clínica. Foi, en realidade, o único mes no que a exercín, ademais de nalgunha substitución puntual cando estaba na Inspección Médica.

Precisamente foi o éxito da súa xestión da Sanidade en Ourense o que lle abriu as portas da política. É verdade que vostede entrou na política en ascensor?
Esa situación vivina eu cando xa era xerente do hospital, logo de manter unha reunión co presidente do partido en Ourense, Xosé Luís Baltar, quen no tempo que lle leva a un ascensor baixar dun noveno andar a un baixo, me falou da posibilidade de ir nunha lista para as eleccións do ano 97. Ao deterse o ascensor dime: «xa falamos, xa falamos» e aí quedou a cousa. Logo, en efecto, chamáronme e decidín entrar na política. Eu xa tiña simpatizado coa militancia do partido e tamén coa das formacións das que vén o partido. A miña militancia vén moi condicionada polo galeguismo que inspirou a Centristas de Galicia, formación que acabaría integrándose no Partido Popular.

O galeguismo que é e como se exerce?
É a miña forma de ser galego e español. Procedo –e así o teño dito moitas veces– dunha familia cristiá e galeguista. Os meus devanceiros foron amigos de boa parte dos artistas e intelectuais galegos desde comezos do século pasado. O meu avó, que era médico, mesmo foi represaliado despois da Guerra Civil. De feito, antes de me decantar por estudar medicina, fun co meu pai ver a Don Ramón Otero Pedrayo para lle pedir consello. Celso Emilio Ferreiro frecuentaba a miña casa de Bande; e así moitos outros persoeiros que nos deron exemplo de integridade e compromiso, polo que resultan sempre fonte de inspiración. Son galeguista porque penso que a nosa cultura e a nosa lingua son dous tesouros que temos a obriga de preservar e compartir. Son galeguista porque me considero tan galego coma español, porque son europeo de pleno dereito e porque creo que estamos especialmente obrigados a cultivar as relacións cos países irmáns iberoamericanos.

A pesar disto, a entrada na política foi unha decisión difícil, por mor da oposición paterna.
Foi unha decisión moi complicada xa que o meu pai non quería que entrara na política porque consideraba que eu tiña un brillante futuro como xestor sanitario. Lembro as súas palabras: «Ten presente unha cousa se dás o paso de meterte en política, coñézote ben, que es o meu fillo, e tes uns defectos que eu che perdoo porque son o teu pai, pero cando entres na política non chos van perdoar, vanchos facer públicos e armaranche unha lea de envergadura, ti verás o que fas». Pero, ao final, escoitei a chamada da política, a pesar das reservas do meu pai, a quen miña nai tivo que levar a rastro ao meu primeiro mitin, que dei en Bande…, e mira ti!

«É moi interesante comprobar como a política aproveita o humanismo dos médicos para procurar o beneficio dos demais; de feito, penso que ese é o verdadeiro obxectivo da política e que por iso hai bastantes médicos dentro da política, aínda que nun número menor ca no pasado»

A medicina ten dado nomes moi relevantes á política galega. Onde conectan ambas as especialidades?
Véñenme moitos nomes á cabeza, pero a referencia para min máis clara é Gerardo Fernández Albor, un home presidido por esa bonhomía e por ese humanismo que debe acompañar a nosa profesión de médico. É moi interesante comprobar como a política aproveita o humanismo dos médicos para procurar o beneficio dos demais; de feito, penso que ese é o verdadeiro obxectivo da política e que por iso hai bastantes médicos dentro da política, aínda que nun número menor ca no pasado.

Desgasta máis a alta xestión sanitaria ou poñer orde nos plenos do Hórreo?
A xestión sanitaria, sen ningunha dúbida. Ser xerente dun hospital é un dos postos máis difíciles que hai porque é un ente conformado por colectivos moi grandes e de distinta complexidade no que todo ten que funcionar coma unha única engrenaxe de precisión, porque o seu funcionamento impacta directamente na saúde da poboación. Nada é máis complexo ca a xerencia de hospital e, dentro do ámbito galego, non hai ningunha consellería máis complexa ca a de Sanidade.

Cal é o estado de saúde do parlamentarismo galego a día de hoxe?
É razoablemente bo. Temos un parlamento no que se pode debater con normalidade, que é algo que ao mellor non pasa noutros; temos un parlamento eficiente, un parlamento no que se traballa arreo, tanto nos plenos coma nas comisións, e un parlamento capaz de chegar a acordos en temas especialmente importantes. O noso é tamén un parlamento con autonomía propia e cuxo custo para as arcas públicas é moi inferior ao que supoñen outros parlamentos.

Reprender os parlamentarios sen perder as formas é un exercicio que a miúdo requirirá boas doses de control. Hai algún segredo?
Paciencia e prudencia. É un deses postos no que un non se pode deixar levar polo ímpeto, onde hai que analizar moitas variables antes de tomar unha decisión. É moi importante ter posta toda a atención no que se fala para saber en que momento se debe cortar ou non, ou se se debe reconducir un debate, e tamén a tranquilidade de saber como conducir unha situación sen deixarse levar por impulsos internos.

A maioría absoluta fai máis doado ou máis complexo o seu traballo?
O presidente do Parlamento está aí para garantir debates profundos e para garantir que os membros da cámara poidan expresarse libremente, dentro dunha orde e respecto cara aos demais, e niso non inflúe a maioría absoluta, inflúe o sentido común.

É máis aburrido o parlamento galego ca o catalán ou o vasco? Hai máis similitudes ou hai máis diferenzas?
Depende. Teño visto sesións no parlamento vasco e no parlamento catalán nas que se viven situacións límite que menoscaban a dignidade dos deputados. En Galicia iso é moi difícil que aconteza porque aquí temos unha retranca especial á hora de dicir as cousas e, de cando en vez, o enxeño das súas señorías mesmo provoca certa distensión no hemiciclo. Teño pasado mañás moi agradables coa excepcional retranca dalgún deputado e dalgunha deputada, e o certo é que en Galicia o debate faise máis ameno cando tiramos do noso ADN e de retranca; é isto nin o saben facer os cataláns nin os vascos.

«O presidente do Parlamento está aí para garantir debates profundos e para garantir que os membros da cámara poidan expresarse libremente, dentro dunha orde e respecto cara aos demais, e niso non inflúe a maioría absoluta, inflúe o sentido común»

Para Miguel Santalices, cantas Galicias teñen oco no Parlamento?
Unha.

Pero hai unha soa ou moitas definicións aceptables de Galicia?
Téñense utilizado moitas expresións para definir Galicia, aínda que a min gústame particularmente unha de Manuel María: «Galicia é un sentimento». En Galicia temos a nosa propia identidade, a nosa propia lingua, a nosa forma de andar pola vida, o noso acento, as nosas dúbidas, as nosas certezas… Por iso, penso que Galicia é un sentimento.

A día de hoxe é vostede capaz de imaxinar unha Galicia sen autonomía e sen parlamento propio?
Non. Custou moito, custou moito conseguilo. O Estatuto significou unha serie de transferencias á comunidade, entre as que eu, como médico, destaco as sanitarias. Lembro enviar enfermos para operar do corazón a Valdecilla porque en Galicia non tiñamos cirurxía cardíaca. Hoxe temos tres unidades. E todo veu da man das transferencias.

No difícil momento que estamos a vivir, a saúde é unha cuestión que nos preocupa por riba das demais. Desde marzo, a actualidade xirou exclusivamente arredor da Covid-19. Como viviu vostede esa etapa?
É lóxico que todo xirase arredor da pandemia, pola súa letalidade, e por todas as consecuencias de carácter sanitario, social e económico que dela derivan. Vivín esta etapa –e sígoa vivindo– con moita atención, en confinamento cando así foi ordenado, e preocupándome polas persoas afectadas. Fun testemuña, coma toda a cidadanía, do comportamento heroico do persoal do noso sistema sanitario, e tamén do de todos os profesionais que garantiron, e garanten, o funcionamento dos servizos esenciais, desde os corpos e forzas de seguridade, ao persoal dos supermercados, por citar só dous exemplos dos moitos que todos presenciamos. No ámbito institucional, co Parlamento disolto e o posterior aprazamento da convocatoria electoral por mor da pandemia, activamos un plan de continxencia na propia Cámara, que se traduciu, por exemplo, na celebración das sesións da deputación permanente co mínimo de deputados e con cobertura informativa telemática para minimizar riscos.

«Se falamos do conxunto do sistema sanitario, e os seus profesionais, o comportamento foi excepcional. Todo o persoal sanitario –facultativo e non facultativo– entregouse ata a extenuación. E así llo recoñeceu o conxunto da sociedade cos aplausos de todas as tardes»

Que opinión lle merece a xestión da crise por parte das autoridades?
Como profesional do sistema sanitario público –que coñezo ben–, e como cidadán, creo que esa análise se pode efectuar desde diferentes ópticas. Se falamos do conxunto do sistema sanitario, e os seus profesionais, o comportamento foi excepcional. Todo o persoal sanitario –facultativo e non facultativo– entregouse ata a extenuación. E así llo recoñeceu o conxunto da sociedade cos aplausos de todas as tardes. Quero recoñecer expresamente o esforzo do persoal das residencias da terceira idade, que mantivo unha actitude exemplar que mesmo nalgúns casos o levou a illarse cos propios residentes para coidalos e minimizar riscos. Por iso é tremendamente inxusto poñer en cuestión todo un sector, especialmente todo o persoal que traballa nestes centros con independencia da súa titularidade. Canda eles hai moitos outros heroes anónimos que antepuxeron o interese xeral fronte aos seu propios riscos: falo de corpos e forzas de seguridade, forzas armadas, sectores como a alimentación, o transporte, as farmacias, as telecomunicacións, os medios de comunicación e tantos outros que poderiamos enumerar. Galicia foi, é e será terra de heroes.

E o Goberno?
No ámbito do Goberno do Estado, houbo momentos que me provocaron unha profunda desilusión e desánimo. Descoordinación, dúas faccións abertamente enfrontadas, membros do Goberno saltando a corentena, inoperancia para a adquisición de material, atrasos imperdoables na reacción inicial, e así un longo etcétera, propio dun Executivo deseñado para as accións mediáticas, pero escasamente capacitado para a xestión dunha crise de tal envergadura. Xa no plano galego, a Administración autonómica, coas limitacións propias deste tipo de situacións, que as hai e sería absurdo negalas, foi exemplo de reacción temperá, mesmo anticipándose ao Goberno central, e dunha xestión rigorosa, propia dun equipo experimentado e con todas as engrenaxes funcionando perfectamente. A experiencia do presidente da Xunta como xestor sanitario –hai que lembrar que, no pasado, foi vicepresidente e secretario xeral do Servizo Galego de Saúde e director do Insalud– e de todo o seu equipo, explica que a Covid-19 tivese en Galicia unha incidencia moi inferior respecto ao conxunto do Estado. Como o propio Feijóo recordou no Parlamento, en Galicia houbo respiradores para todos os enfermos que o precisaron. Creo que é unha boa radiografía da situación.

Cre que o sistema e a sociedade estaban preparados para esta situación?
Que Galicia rexistrase un número de vítimas sensiblemente inferior e que, en termos xerais, houbese recursos altamente complexos, como camas UCI para todos os enfermos que o precisaron, revela que o sistema sanitario galego estivo á altura das circunstancias. Os fallos rexistrados no ámbito do Ministerio de Sanidade poñen de manifesto que este departamento debe ser obxecto dunha profunda reflexión unha vez superada esta crise. Os médicos sabemos que as epidemias e as pandemias son unha constante ao longo da historia. Algúns falan dunha gran pandemia cada cen anos –aí o exemplo da gripe de 1918–, mentres outros incluso sitúan varias ao longo de cada século. Por outra parte, a sociedade occidental, tecnolóxica e globalizada, estaba sumida nunha autoconfianza e unha suficiencia que carecían de auténtica base real. Malia que nos custe recoñecelo, o ser humano continúa a ser vulnerable. Dito iso, as capacidade científicas e os recursos materiais de 2020 nada teñen que ver cos de hai un século, afortunadamente para nós.

Cambiaremos moito como sociedade unha vez superada a Covid-19?
Eu agardo algún cambio, e confío en que para mellor, aínda que hai opinións para todos os gustos. Medidas como o distanciamento social en caso de infección respiratoria, o uso de máscaras de protección cando a situación o requira, ou o lavado frecuente de mans, agardo que se afiancen na sociedade occidental. Nalgúns países orientais, este tipo de prácticas están fondamente arraigadas, o que explica a relativamente baixa incidencia do coronavirus en nacións como Corea do Sur ou Xapón. Outra variable será a derivada do confinamento prolongado. Probablemente vaiamos a outro tipo de vivendas –seguramente con máis espazos abertos, máis en contacto coa natureza– e mesmo a unha maior presenza do teletraballo. Estes dous factores probablemente acaben beneficiando a denominada España baleira, en detrimento da elevadísima aglomeración poboacional dalgunhas cidades. Creo e agardo que este fenómeno acabe beneficiando e Galicia, tanto coa recuperación do interese por áreas agora despoboadas que poden ofrecer unha elevada calidade de vida para os seus habitantes coma no relacionado co turismo rural ou a experiencia do Camiño de Santiago. O tempo dirá.

Xunto ás cuestións de índole social, na súa última intervención como delegado rexio durante a festividade da Translación reivindicou a política que axude a construír un futuro de oportunidades en lugar de destruír o adversario. O Parlamento ten algo de ring de boxeo?
Máis ca un ring, o Parlamento é un gran foro no que cada quen pode expresar libremente a súa postura. Eu, desde que me elixiron presidente [o 12 de xaneiro fixo catro anos], aprendín moito, porque estar nos plenos e escoitar debater os parlamentarios é unha fonte de coñecemento inesgotable.

«O Parlamento é un gran foro no que cada quen pode expresar libremente a súa postura. Eu, desde que me elixiron presidente, aprendín moito, porque estar nos plenos e escoitar debater os parlamentarios é unha fonte de coñecemento inesgotable»

Cales son para Miguel Santalices os momentos máis sobresaíntes do décimo período lexislativo?
Todos aqueles nos que fomos capaces de adoptar un acordo útil para a cidadanía á que nos debemos. Por exemplo, o acordo unánime do Parlamento para crear a Unidade de lesionados medulares de Vigo, que hoxe lle presta unha asistencia de calidade a persoas que, doutro xeito, estarían obrigadas a percorrer moitos quilómetros para acudir á revisión á Coruña. Outro grande exemplo foi a creación do Rexistro de infarto agudo de miocardio, clave para a implantación de unidades de hemodinámica en Galicia.

Tamén haberá conflitos e choques dignos de lembrar, non?
En xeral, todos aqueles nos que se tentou ignorar a esencia do parlamentarismo, que consiste na busca do ben común mediante a palabra e a procura do acordo seguindo as regras de xogo baseadas no respecto que entre todos nos temos dado.

O Parlamento leva tempo promovendo o seu coñecemento entre os escolares e entre a poboación en xeral con programas de visitas guiadas e a través da participación activa. Está a cidadanía galega aproveitando estas ferramentas?
Os cidadáns están a aproveitar algunhas das ferramentas que temos ao seu dispor como as proposicións non de lei de iniciativa popular e as preguntas aos parlamentarios. Queremos que estes mecanismos sexan coñecidos pola xente e a cousa non vai mal, pero penso que deberiamos facer un esforzo para mellorar o seu uso.

Esta é a casa onde se practica a arte da política, pero nestes últimos anos tamén é o lugar onde se atopan arte e política.
Si. Posiblemente temos a maior colección pública de arte galega, na que ao carón dos mestres hai espazo para os que están comezando, para os que están despuntando. As fórmulas son variadas, incluíndo o depósito, unha vez recibido o visto e prace da Real Academia de Belas Artes.

A arte é unha das súas paixóns, como o é viaxar. Tendo, pois, un guía de luxo como vostede, encantaríanos volver ao principio, a Bande, para facermos unha visita de proveito pola Baixa Limia.
Comezariamos en Celanova, para visitar o mosteiro e mais a capela de San Miguel. Despois pasaría polo Alto do Vieiro, desde cuxo cumio se divisa Bande e toda a súa contorna, como ben dixo Celso Emilio Ferreiro no poema dedicado a Bande. Chegados alí, gozaría do seu bonito casco urbano que, por certo, conta cunha praza onde os vellos sentan a ver pasar os coches, pois por alí pasa a estrada principal que vai a Entrimo. Iría despois ata Lobeira para visitar o lugar onde se fai a romaría do Viso todos os anos, a cuxa virxe se lle ten moita devoción e da que Xocas ten falado moito. Logo admirariamos a igrexa visigótica de Santa Comba de Bande, do século VII, para a continuación achegarnos ao campamento romano de Aquis Querquennis. Desde alí iría a Muíños, para gozar da praia do Corgo antes de seguir ruta cara a Lobios, onde me detería a ver os Milarios. E, estando dentro da marabillosa Serra do Xurés, non deixaría de visitar as Caldas do Gerês. E, cos pulmóns cheos de oxíxeno, volvería entrar desde Portugal pola fronteira de Entrimo. Na Baixa Limia somos moi de carne de cachena, e tanto en Bande coma en Lobios hai bos restaurantes onde comer os imprescindibles callos limiaos, mentres que en Lobeira é onde se saborean os mellores cabritos do mundo… E se o que se quere é apreciar a Baixa Limia nun momento verdadeiramente especial, o Entroido podería ser a época perfecta.

Logo deste percorrido, diría que un concello coma o de Bande, onde a poboación se reduciu nun 75% desde que vostede era un neno, é hoxe o mellor lugar no que vivir?
Hai que facelo, hai que facer que sexa o mellor sitio para vivir e para iso hai que apostar claramente por liñas que favorezan a vida no rural. Para reverter o éxodo hai que dar facilidades, baixar impostos e procurar traballo. Aquel contorno é marabilloso e hoxe conta cunha autovía magnífica, coa proxección de que no seu día poida chegar a Portugal. Lembro cando tardabamos dúas horas en chegar a Ourense no coche de liña, e hoxe poñémonos na capital en vinte minutos. Eu, como médico, recoméndolle ao cen por cento o concello de Bande a calquera persoa que queira levar unha vida verdadeiramente saudable. Hai que ter moi presente que hoxe vivimos moito máis, e que somos con Xapón o país onde máis se vive. Co cambio de parámetros, os galegos deberemos facerlles fronte a retos tan importantes coma o da crise demográfica e, en cuestións tan importantes coma esta, non vale levarse mal porque o que está en xogo é o noso futuro.

 

Queres ollar outros contidos relevantes?

A ruta da camelia en Galicia

150 150 CORALIA

Galicia posúe as características óptimas para o cultivo da camelia. Un clima húmido, temperaturas suaves e chans fértiles e ácidos fan que o crecemento destas plantas sexa espectacular e sorprenda a expertos de todo o mundo.

Imaxes  I Turismo de Galicia

As camelias chegaron a Galicia a finais do século XVIII, procedentes de países afastados como China e Xapón. Nun principio instaláronse nos xardíns dos pazos e casas señoriais da nobreza galega, pero co tempo introducíronse nos xardíns e leiras, tanto públicos como privados, de toda a nosa xeografía, ata converter Galicia nun referente internacional no cultivo e produción desta planta. Na actualidade, a comunidade atesoura case 8.000 variedades diferentes de camelia.

E así, con este potencial, Turismo de Galicia propón varios roteiros por algúns dos xardíns máis espectaculares de Galicia para penetrarse nos fascinantes espazos verdes que albergan os pazos máis singulares das provincias da Coruña e Pontevedra.

A través deste roteiro pódense coñecer todos os segredos que ocultan tanto as pedras como as especies botánicas destes lugares cheos dun encanto particular. Os produtos típicos e os viños de cada territorio intensificarán a exquisitez da nosa viaxe.

As camelias chegaron a Galicia a finais do século XVIII, procedentes de países afastados como China e Xapón.

Na actualidade, a comunidade atesoura case 8.000 variedades diferentes de camelia.

A través deste roteiro pódense coñecer todos os segredos que ocultan tanto as pedras como as especies botánicas destes lugares cheos dun encanto particular.

Pazo de Oca

Hai que meterse no ambiente do Roteiro da Camelia: un suxestivo percorrido do norte ao sur de Galicia a través de 12 pazos e xardíns, públicos e privados, onde a camelia reina en todo o seu esplendor.

Pazo de Mariñán

O Roteiro da Camelia é un suxestivo percorrido do norte ao sur de Galicia a través de 12 pazos e xardíns, públicos e privados, onde a camelia reina en todo o seu esplendor.

Pazo de Oca

Preto de 8.000 variedades en xardíns vinculados ao patrimonio histórico de Galicia. Como o Pazo Quiñones de León, cun camelio cuxa copa mide máis de 15m de diámetro, ou os exemplares de camelia reticulata dos pazos de Oca e Santa Cruz de Ribadulla, quizá os máis antigos de Europa.

Pazos e paisaxes dunha elegante decadencia, auténticos xardíns botánicos creados con esmero e sabedoría que, se sabes ver, descóbrenche os seus segredos de beleza.

Casa-Museo de Rosalía de Castro

Pazos e paisaxes dunha elegante decadencia, auténticos xardíns botánicos creados con esmero e sabedoría que, se sabes ver, descóbrenche os seus segredos de beleza.

Museo Quiñones de León

Estas contornas únicas son: os pazos de Mariñán e Santa Cruz de Ribadulla, Casa-Museo de Rosalía de Castro e a Alameda de Santiago de Compostela, na provincia da Coruña, e os pazos de Oca, Rubiáns, A Saleta, Quinteiro da Cruz e Lourizán, que xunto co Castelo de Soutomaior, o parque de Castrelos e o Museo Quiñones de León, na provincia de Pontevedra, conforman esta oferta galega tan especial.

A ruta da camelia en Galicia permítenos visitar algúns dos xardíns máis espectaculares de Galicia e os fascinantes espazos verdes que albergan os pazos máis singulares das provincias da Coruña e Pontevedra.

Queres ollar outros contidos relevantes?

Galicia, preparada para seguir reactivando o turismo

150 150 CORALIA

A Xunta de Galicia mantén activas varias liñas de reactivación coa vista posta no turismo nacional e interno.

Nun ano tan atípico e complexo como o que estamos a vivir, Galicia está a demostrar este verán que é quen de resistir mellor que o conxunto de España o forte impacto da crise sanitaria da covid-19 no turismo. A Comunidade recibiu preto de 400.000 viaxeiros en xullo, nunha tímida recuperación que inclúe tamén a progresiva reapertura empresarial con 800 hoteis máis abertos en xullo que en xuño. Ademais, Galicia foi unha das Comunidades nas que menos baixaron os prezos. Caeron menos dun 1% fronte ao 15% no resto de España.

Agora, e con vistas ao outono, o sector e a Xunta continúan a folla de ruta marcada nos últimos meses para seguir impulsando a supervivencia das empresas turísticas e incentivar o consumo tamén neste último trimestre. Están xa en marcha o 75% das medidas do Plan de reactivación dos sectores cultural e turístico dotado con 58 millóns de euros. O obxectivo agora está en reforzar aínda máis as experiencias turísticas dirixidas ao mercado máis próximo, é dicir, ao nacional e o dos propios galegos que se despracen pola comunidade.

Catedral de Mondoñedo

En concreto, estanse a deseñar novos produtos e experiencias e a adaptar formatos ao momento de enorme dificultade no que nos atopamos. Trabállase tamén para impulsar a dixitalización, por exemplo, do turismo rural a través dunha nova plataforma de comercialización para facilitar as reservas online. Incentivaranse tamén as largas estadías neste tipo de establecementos agasallando experiencias turísticas complementarias en xeo-destinos ou cidades galegas. Tamén se vai reforzar este ano o papel do turismo enogastronómico, en colaboración coas Asociacións das Rutas dos viños de Galicia e está en marcha o Bono Turístico, que supón unha inxección de 5 millóns de euros nas empresas turísticas, e que permitirá fomentar o turismo interno nos últimos meses do ano.

Foron xa máis de 15.000 os empregados dos sectores sanitario e socio-sanitario que traballaron en primeira liña na loita contra a covid-19 que solicitaron o bono turístico, que poden empregar ata decembro nas máis de 400 empresas adheridas.

Están xa en marcha o 75% das medidas do Plan de reactivación dos sectores cultural e turístico dotado con 58 millóns de euros. O obxectivo agora está en reforzar aínda máis as experiencias turísticas dirixidas ao mercado máis próximo, é dicir, ao nacional e o dos propios galegos que se despracen pola comunidade.

Ribeiras de San Fiz

Seis de cada dez peregrinos, reservan online

O Camiño de Santiago, que durante o verán comezou tamén a súa progresiva reactivación, tamén será clave no novo escenario. Entre xullo e agosto houbo un incremento do 70%, pasando de 9.752 a 16.572 peregrinos, é dicir, un total de 26.324. Son síntomas de que a Ruta Xacobea continúa espertando interese e contribúe á reactivación económica e emocional de Galicia. Por iso, de cara ao outono segue en marcha a batería de medidas que están facendo posible esta reactivación no marco do programa Camiño Seguro e se está a realizar un traballo conxunto en colaboración co Instituto para la Calidad Turística Española (ICTE) para o desenvolvemento de materiais que recollen recomendacións e inciden na prevención.

Están a ter boa acollida outras iniciativas como a nova plataforma online que permite reservar praza nos albergues públicos para dar maiores garantías aos peregrinos. Posta en marcha o pasado 1 de xullo, xa é empregada por seis de cada 10 peregrinos que fan uso dos albergues públicos.

Un ano máis, dáse continuidade estes meses tamén ao Outono Gastronómico, a proposta da Administración autonómica que permite aloxarse nas casas rurais participantes e desfrutar experiencias gastronómicas e actividades paralelas en contacto coa natureza, cuxa campaña comeza o 11 de setembro. Tamén o programa Elixe Galicia, a primeira edición desta iniciativa viaxeira dirixida a mozos, familias e maiores na que participarán máis de 4.300 persoas que poderán desfrutar de estadías en zonas costeiras, rutas de patrimonio cultural, rutas de natureza e estadías en balnearios.

O turismo de congresos tamén poderá vivir a súa reactivación nestes últimos meses do ano. A Xunta xa puxo a disposición do sector un novo plató virtual para a celebración deste tipo de eventos que permite complementar esta opción coa presenza de asistentes con aforo reducido e adaptado á situación sanitaria. Recentemente celebrouse o primeiro evento nestas instalacións, o Congreso Internacional de Intelixencia Artificial, e hai unha vintena de solicitantes para celebrar eventos nos vindeiros meses.

Situado na Cidade da Cultura de Galicia, o estudo é un dos compromisos coa Asociación de Organizadores Profesionais de Congresos de Galicia ao abeiro do Plan de reactivación dos sectores cultural e turístico. Ten dous sets que simulan un estudo de televisión, onde se poden celebrar eventos presenciais, virtuais ou híbridos. Cóntase con canle de streaming de ata 1.000 asistentes, que permite a realización de videoconferencias con capacidade de ata 500 asistentes.

Un ano máis, dáse continuidade estes meses tamén ao Outono Gastronómico, a proposta da Administración autonómica que permite aloxarse nas casas rurais participantes e desfrutar experiencias gastronómicas e actividades paralelas en contacto coa natureza, cuxa campaña comeza o 11 de setembro.

En definitiva, Galicia e o Camiño de Santiago continúan en outono co obxectivo de preservar o emprego e reactivar a economía ofrecendo a posibilidade de seguir desfrutando dun turismo tranquilo e hospitalario, un turismo que busca o contacto co territorio, tan necesario nestes días.

Queres ollar outros contidos relevantes?

xeoparque de Cabo Ortegal

150 150 CORALIA

Afondar no proxecto de Xeoparque do cabo Ortegal significa iniciar unha viaxe ao interior da Terra, descubrir un patrimonio xeolóxico, cultural e paisaxístico único e internarse nunha iniciativa que suma forzas e entusiasmo nun obxectivo que pode significar un paso de xigante para un territorio singular.

Publirreportaxe. Fotografías do PROXECTO DE XEOPARQUE DO CABO ORTEGAL

Conseguir a declaración de Xeoparque por parte da Unesco leva a sumar enerxía de axentes públicos e privados na difusión internacional deste proxecto de gran relevancia para os concellos do territorio implicado.

“Unha das claves para o éxito do proxecto do Xeoparque do cabo Ortegal está na súa difusión e en dar a coñecer as súas fortalezas que son moitas nesta iniciativa na que tanto a deputación como os concellos participamos de maneira entusiasta”, sinala o vicepresidente e responsable de Turismo da Deputación da Coruña, Xosé Regueira, en relación ao proxecto que busca xestionar o riquísimo patrimonio xeolóxico dun territorio en que conflúe o Atlántico co Cantábrico.

Ensenada das Cortes

“Temos confianza plena na potencialidade do territorio do cabo Ortegal que encadra o proxecto do parque para o que xa se deron importantes pasos na consolidación dunha iniciativa que conta cunha especial unión dos concellos que camiñan na mesma dirección, algo de especial interese á hora de chegar ao obxectivo que promovemos desde a Deputación da Coruña”, destaca Xosé Regueira que na primeira fase da iniciativa visitou e estableceu contactos con entidades como o GeoParc de Catalunya Central ou o Xeoparque da Costa Vasca, dous exemplos de xestión de especial relevancia no desenvolvemento do proxecto do cabo Ortegal.

A área de Turismo da Deputación da Coruña, man a man cos concellos de Cariño, Cedeira, Cerdido, Moeche, Ortigueira, San Sadurniño e Valdoviño aposta polo Proxecto de Xeoparque de Ortegal como unha estratexia de desenvolvemento económico, de promoción turística e de conservación ambiental dunha terra especialmente fértil en patrimonio natural, xeolóxico, cultural e histórico.

Xeorruta na mina Piquito. Moeche

Comprende unha area de case 630 km2 e conta cun tesouro xeolóxico único compartido por sete concellos: Cariño, Cedeira, Cerdido, Moeche, Ortigueira, San Sadurniño e Valdoviño, de xeoloxía singular e moi pouco frecuente na superficie da Terra. O complexo do cabo Ortegal, como se coñece na comunidade científica, é todo un referente na xeoloxía europea e posiblemente tamén mundial.

Serra do Folgosel

Que é un xeoparque?

Un xeoparque é un territorio cun salientable patrimonio xeolóxico, que é o eixe principal dunha estratexia de desenvolvemento territorial sostible, apoiado nun programa europeo de promoción ao desenvolvemento local. Cómpre tamén indicar que non é un espazo natural protexido, aínda que defende a protección e a posta en valor do patrimonio xeolóxico dese territorio. Desde 2015 esta figura denomínase Xeoparque Mundial da UNESCO.

As trabes do proxecto

Comprende unha area de case 630 km2 e conta cun tesouro xeolóxico único compartido por sete concellos: Cariño, Cedeira, Cerdido, Moeche, Ortigueira, San Sadurniño e Valdoviño, de xeoloxía singular e moi pouco frecuente na superficie da Terra. O complexo do cabo Ortegal, como se coñece na comunidade científica, é todo un referente na xeoloxía europea e posiblemente tamén mundial.

Pero non todo é xeoloxía. Neste territorio atopamos tamén un destacado patrimonio biolóxico, histórico, etnográfico, cultural, deportivo e mesmo relixioso. Trátase, polo tanto, dun proxecto moi integrador e vital para potenciar os recursos e produtos locais mediante estratexias de desenvolvemento sostible.

Que atopamos no territorio do Proxecto Xeoparque de Ortegal?

Ademais dunha ampla, rica e singular oferta cultural, patrimonial, deportiva e gastronómica, o territorio ofrece:

· Os maiores e mellores afloramentos de todo o planeta dunhas rochas orixinadas a presións extremas, as ecloxitas.

· Unha paisaxe de cantís única na península e salientable a nivel europeo.

· A única praia de area negra non volcánica do noso planeta, e unha das poucas que hai con areas vermellas.

· Excepcionais macizos de rochas, propias de zonas moi internas da Terra que se atopan a máis de 70 quilómetros de profundidade.

· Vestixios de erupcións volcánicas moi explosivas, e mesmo de lavas almofadadas.

· Presenza das maiores estalactitas de sulfato de cobre (azuis) do noroeste peninsular.

· Salientables estruturas xeolóxicas, como unha dobra deitada de máis de 400 metros de altura.

Unha riqueza xeolóxica singular

A singularidade xeolóxica desta zona reside na presenza de rochas pouco habituais na superficie terrestre. Isto foi debido á formación da maior cordilleira montañosa que existiu na historia do noso planeta hai aproximadamente 350 millóns de anos. Ese conxunto de montañas foi o resultado do choque entre dous supercontinentes, Laurussia e Gondwana, que estaban inicialmente separados por un océano. Dese océano ou do fondo del xurdiron a maior parte das rochas que a día de hoxe conforman o proxecto do Xeoparque do cabo Ortegal.

Xeorruta na mina Piquito. Moeche

Lugares de interese xeolóxico e xeorrutas

No Proxecto Xeoparque do cabo Ortegal veñen de inventariarse 108 lugares de interese xeolóxico, é dicir, puntos ou áreas cun destacado patrimonio xeolóxico, que á súa vez poden ter un enfoque científico, didáctico ou turístico. Dado que estes lugares están considerados como “as xoias” do proxecto, a súa protección e correcta xestión é fundamental para garantir a súa conservación. E así poder seguir gozando deles no futuro e dalos a coñecer entre as novas xeracións.

As xeorrutas ou rutas xeolóxicas teñen por obxectivo dar a coñecer distintas zonas do proxecto con lugares de interese xeolóxico mediante andainas a pé ou en coche. Actualmente ofrécense 22 percorridos ao longo dos sete concellos, con diferentes niveis de dificultade e temática.

Contido extraído do núm. 15

Queres ollar outros contidos relevantes?

Adrián Mosquera, o home de moda

150 150 CORALIA

Son as cinco da tarde dun dos días de calor máis sufocante de todo o verán. Na praia Xardín ou na de Barraña non hai un metro de area libre e o paseo marítimo de Boiro é un continuo ir e vir de bañistas buscando o frescor dos xeados, as terrazas ou a sombra dos piñeiros. Non semellan as mellores condicións para realizar unha sesión fotográfica co outono como pretexto e un protagonista que nos recibe na porta do seu club afirmando que o seu non é posar.

O caso é que a súa semana de descanso, tras tomar parte no Mundial de Szeged (Hungría), vai chegando ao seu fin e deixar pasar a oportunidade de coñecer máis de preto o campión Mosquera non é unha opción que se poida considerar. Á fin e ao cabo Adrián é, por moitas razóns, o home de moda de Coralia.

«O posto acadado (oitavo en K1-L3) sabe a pouco porque levamos anos traballando para acadar unha praza olímpica, pero as complicacións coa piragua fixérono imposible. Non puiden competir coa que emprego aquí, nin empregar o mesmo modelo nin as mesmas medidas, e iso que xa a tiñamos alugada con dous meses e pico de antelación. Tiven que lidar con ese contratempo e, mentalmente, significou un baixón. Foi un duro golpe e a competición foi mal». Na súa análise do mundial, Adrián é severo e non hai marxe para a indulxencia. Explícase cunha madurez infrecuente en rapaces da súa idade, incluso ao valorar as súas características en relación á categoría na que vén de participar en Szeged: «En K1-L3 compite xente con discapacidade leve. A miña desvantaxe cos demais é que son o que máis discapacidade ten porque a min fáltame a perna por enriba do xeonllo, e a vantaxe, baixo a miña humilde opinión, é que son o que máis habilidades ten para a vida cotiá e para o adestramento». Dito isto, Adrián esboza un sorriso sereno e mirando ao mar fai un anuncio importante: «Os xogos nos que vou estar en plenas condicións físicas e mentais son os de París (2024)».

Apenas ten 23 anos, pero horas e horas de adestramento téñenlle proporcionado mans curtidas e un físico poderoso que facilmente poderían explicar a súa historia de superación e esforzo sen facer falta cruzar unha soa palabra. «Son as ganas que lle poño o que me permite adestrar a gusto e dar o mellor de min en cada serie». Non tardamos en comprender que a salmoira hai tempo que cicatrizou antigas feridas e tamén que na súa traxectoria non hai oco para inseguridades ou para frouxidades. O atropelo que con doce anos o levou a unha cadeira de rodas e a ter que aprender a camiñar de novo, fíxoo procurar novos horizontes. Preguntes a quen lle preguntes sobre as virtudes de Adrián, sempre recibes a mesma resposta: o espírito de superación «traballeino desde pequeno -explica Adrián- e desde logo é a miña vantaxe. O meu positivismo é o que máis me gusta de min».

«Boiro é a miña segunda casa, pero antes fixen remo en Rianxo, o meu fogar de sempre, até que se desfixo o club por falta de xente. Non cheguei ao piragüismo até os dezaseis anos, unha especialidade na que, como acontece co fútbol, convén comezar máis novo. O ideal é principiar cara aos trece para ir dominando a técnica do padexo que, ao final, é o que máis custa. Despois de ver como me ía desenvolvendo nos campionatos e de gañar o de España, en 2017 o meu adestrador e mais eu falamos e decidimos probar sorte coas probas internacionais e procurar a clasificación a nivel dos xogos olímpicos». Clave na súa espectacular progresión é o traballo realizado polo seu técnico, Luis Ourille. «El foi o que me deu a confianza para poder facer todo isto. Teño plena confianza nel tanto na práctica como na técnica, xa que todo o que traballamos até o de agora funcionou. Teño plena confianza en que vai seguir sendo así». Asemade, Adrián ten moi boas palabras para Teresa Portela, referente internacional da súa especialidade, que seguiu moi de preto o seu traballo de preparación de cara aos mundiais: «Ela é o exemplo máis claro que podo ter do que se pode lograr. Non hai outro piragüista ou remeiro en toda España que che dea os consellos que che dá Teresa, que te axude coas técnicas para remar e a maneira de optimizar os exercicios como fai ela».

«Neste deporte ou tes patrocinios ou traballas, por iso eu ando a voltas coas oposicións, porque o piragüismo non dá cartos. Eu é porque teño club, que si non...»

«Gústame moito o automobilismo, no que compito virtualmente, e xogar ao fútbol. De feito, de non ser piragüista querería ser piloto de Fórmula 1»

Como nunha engrenaxe de precisión, as pezas que lle dan forma ao éxito no deporte son moitas e basta encallar nun elemento para que un ano de traballo vaia a pique. De feito, nas semanas anteriores ás competicións Mosquera non fai máis axustes nos seus costumes que adecuar os horarios de adestramento ás horas nas que vai competir «para acostumar o corpo a remar a esas horas. Polo demais, manteño a miña pauta, durmindo entre oito e nove horas, e sigo a dieta marcada polo nutricionista para gañar masa muscular, que inclúe para empezar o día cun café negro, unha tortilla de avea con clara de ovo e froitos secos. Ao mediodía toca proteína e antes de adestrar, creatina, e mentres remo repoño líquidos con bebidas tipo Aquarius. Rematado o adestramento acostumo tomar outra dose de proteína. Comer, como arroz con polo, lentellas, garavanzos e o noso caldo, con todo menos o touciño que ten moita graxa. E a media tarde, acostumo merendar unha lata de atún».

Escoitando a Adrián describir a realidade do seu día a día é doado entender que o fai grande. Na súa disección da realidade do deporte en Galicia, hai moita verdade e cero reproches, que non dan títulos: «Nos deportes minoritarios coma o meu, teste que mover seguido e se non tes cartos non te podes mover nin comprar o necesario para practicar deporte. Nos deportes de equipo aínda zafas, pero nun deporte individual como é o piragüismo teste que mover lonxe: a Andalucía, a Asturias… O que máis cerca está é Verdecido (en Vigo), onde só se celebra unha proba cada ano. Neste deporte ou tes patrocinios ou traballas, por iso eu ando a voltas coas oposicións, porque o piragüismo non dá cartos. Eu é porque teño club, que se non…».

Un bo empurrón para a súa carreira deportiva sería obter a acreditación como deportista de alto nivel, pero dáse o paradoxo de que na súa categoría non hai o número mínimo de participantes de clubs distintos que esixe o regulamento estatal, polo que só poden aspirar a ese status os seis primeiros clasificados a nivel europeo. «Desde o departamento de deportes de Rianxo, que é o que me está axudando con todo o tema dos papeis, xa lle pediron á Xunta o cambio desta norma». Pero, a pesar desta contrariedade, Adrián segue a superar hándicaps e faino coa satisfacción que supón formar parte da selección española. Unha convocatoria da que se amosa moi agradecido e que o impulsa a ir máis lonxe. «Cada vez que cruzo a meta, son os meus pais e o meu irmán os que primeiro me veñen á cabeza. Son a miña base fundamental, os que desde o accidente e na miña reincorporación á vida social me levaron e acompañaron a todas as partes».

No transcurso da tarde quedou en evidencia que Adrián, a auga, a súa pa son verdadeiramente inseparables, que Mosquera é un home tranquilo «niso saíu ao meu pai», ao que só desesperan os aeroportos, que sorrí facilmente e que non precisa de moitas palabras para contar quen ou como é, xa que leva tatuadas na súa pel probas e vitorias suficientes.

Coa posta de sol deixamos ir o campión disposto a espremer as últimas horas de descanso antes de volver ao traballo, porque cun calendario tan apertado, é difícil sacar tempo para gozar das súas outras paixóns: «Gústame moito o automobilismo, no que compito virtualmente, e xogar ao fútbol. De feito, de non ser piragüista querería ser piloto de Fórmula 1».

Non tardará Adrián Mosquera en voar sobre a ría e en lograr o billete para os xogos olímpicos. Non temos a menor dúbida diso. Tampouco as temos da súa fotoxenia. Ás probas nos remitimos.

Así é o noso home de moda. Un campión de longo percorrido.

Queres ollar outros contidos relevantes?

Román Rodríguez

150 150 CORALIA

É un dos rostros máis coñecidos do goberno galego, ao que se incorporou en 2015 para dirixir a Consellaría de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, carteira que pasaría a ser Cultura e Turismo, tras a remodelación de goberno de 2018.

Román Rodríguez ten o complexo e ambicioso reto de converter o Xacobeo 21 no mellor Xacobeo da historia, promovendo a descentralizando das celebracións e fomentando a maior participación cidadá posible. Co obxectivo último de converter o ano xubilar no mellor e máis proveitoso camiño de futuro para o noso país, o conselleiro Rodríguez (Lalín, 1968) fai gala a miúdo do don da ubicuidade, consecuencia quizais do seu doutoramento en xeografía, e dunha confianza infinita no potencial da marca Galicia.

A pesar de que na súa axenda dificilmente hai un oco libre, ou talvez precisamente por iso, Román Rodríguez nunca perde o sorriso nin a ilusión por chegar aínda máis lonxe.

Entrevista de ÁLEX REGUEIRO & Fotografías de FRED IGLESIAS

De ser eu coreano, con que argumentos me convencerías para que fora visitar O Vento, o teu lugar de orixe.
O Vento é un lugar que che vai chamar a atención pola súa natureza, onde vas poder ver como evolucionou nos últimos anos a Galicia rural, como se modificou a forma de asentamento e como mudou a paisaxe, e todo iso sen renunciar ás esencias de Galicia. Diría, ademais, que no Vento está a fonte Castiñeiroa que, segundo o matemático Rodríguez, mestre de Domingo Fontán, é o centro xeográfico de Galicia. Calquera persoa –coreano ou non– que queira coñecer Galicia pode, pois, facelo partindo do seu centro xeográfico.

E xa que andamos por Lalín, na encrucillada de ter que elixir unha ruta, que me ofrecería o Camiño de Inverno que non teña a Vía da Prata, e ao contrario?
Son dúas rutas diferentes, as dúas tremendamente fermosas, que se atopan en Lalín. O Camiño de Inverno, tras pasar pola Ribeira Sacra e cruzar O Faro, baixa ata o val do Deza atravesando unha paisaxe fermosísima; mentres que a Vía da Prata, logo de cruzar toda a provincia de Ourense, entra na comarca do Deza polas terras duras de Dozón, para ir enlazar co Camiño de Inverno en Bendoiro. Desde aquí son un único camiño. Como político non podería elixir unha ou outra ruta.

«Nun país como Galicia, un país demograficamente pequeno, nunha esquina de Europa, no que podemos facer e facemos boa cultura, debemos evitar estancarnos, de aí a importancia de acometer unha planificación e unha estratexia que estea orientada a mellorar a nosa acción cultural»

«O teu Xacobeo é un proxecto que vai de abaixo a arriba, concibido para estimular a participación da sociedade civil na planificación, desenvolvemento e execución das accións. Das 600 propostas que recibimos, seleccionouse algo máis do 50%, o que supuxo que houbera que duplicar o orzamento inicial, de 2 a 4,7 millóns. Todo o que ten que ver co Xacobeo debe favorecer a participación e ten que ser absolutamente libre, sen ningún tipo de sectarismo»

Nas últimas semanas, óese falar moito da Estratexia da Cultura Galega 2021. En que consiste?
É a primeira vez que a Xunta de Galicia aborda o reto de elaborar unha folla de ruta plurianual consensuada, pactada e negociada co sector, que busca mellorar a oferta cultural, lograr que a cultura chegue a todas as partes, fomentar e desenvolver novos públicos, e facer da cultura unha industria creadora de emprego. En Galicia, o cultural é un sector moi importante que lle dá emprego a cerca do 3% da poboación activa, arredor de 35.000 profesionais, un sector con grandes retos por resolver: novos mecanismos de comunicación, novas tecnoloxías, cambios nos comportamentos, mutacións das demandas sociais etc. Como país, temos que ser capaces de articular unha estratexia vertebradora e integradora, porque a cultura é un dos vectores básicos que nos definen como galegos. Nun país como Galicia, un país demograficamente pequeno, nunha esquina de Europa, no que podemos facer e facemos boa cultura, debemos evitar estancarnos, de aí a importancia de acometer unha planificación e unha estratexia que estea orientada a mellorar a nosa acción cultural.

Dentro dos retos desta folla de ruta está o apoio ao emprendemento por parte da Cidade da Cultura. Como cres que evolucionará o afecto dos galegos e as galegas cara ao complexo do monte Gaiás nos vindeiros dez anos?
Penso que nestes últimos doce anos evolucionou en positivo. Dotouse dunha oferta cultural propia e actuouse na contorna, o que, sen dúbida, atraeu unha cantidade de galegos enorme. A recente conexión coa autoestrada axudou moito, como o fará no futuro unha mellor mobilidade peonil entre O Gaiás e o casco histórico de Santiago. O Bosque de Galicia e o Bosque do Lago achegou as persoas, como tamén fará o edificio Fontán, cuxo proxecto arquitectónico xa estamos pechando, que promoverá a investigación e o traballo coas tres universidades.

Promover a valoración do galego é outro deses dez retos. O momento que vive a nosa lingua é doce ou é amargo?
Depende da perspectiva con que se mire. As estatísticas dos últimos cinco anos reflicten mellores datos no tocante ao número de galegofalantes, certificando tamén que soben os galegos que dominan a lingua galega, na escrita, na oral e tamén á hora da lectura. Asemade, temos os mellores datos en relación ao uso, na comparativa coas outras dúas comunidades autónomas con lingua propia. O que si temos que facer é favorecer un maior uso social, en absoluta liberdade e sen ningún tipo de estigma. Hoxe, as linguas conviven en harmonía na rúa e ambas as dúas poden abrir portas por todo o mundo.

A produción e o consumo cultural deben ir da man para propiciar a súa sostibilidade. Cales son os retos a nivel público de cara aos vindeiros anos?
A cultura é unha cadea de valor formada por diferentes elos: o elo creativo, o da produción, o da comercialización e, finalmente, o elo do público; e todos eles teñen que estar unidos e ser fortes. A Administración ten que apoiar os creadores, os distribuidores, os comercializadores, e tamén ten que favorecer o acceso á cultura por parte dos públicos finais, pero facéndoo desde unha posición secundaria, non intervencionista. Este é o noso gran reto: ter unha industria cultural sostible e libre, con capacidade para crear libremente e con independencia da axuda pública.

As liñas de axuda da iniciativa O teu Xacobeo están detrás de 352 proxectos, dos que moitos xa están en execución. Está a sociedade galega lista para converter os Camiños na súa galiña dos ovos de ouro?
O teu Xacobeo é un proxecto que vai de abaixo a arriba, concibido para estimular a participación da sociedade civil na planificación, desenvolvemento e execución das accións. Das 600 propostas que recibimos, seleccionouse algo máis do 50%, o que supuxo que houbera que duplicar o orzamento inicial, de 2 a 4,7 millóns. Todo o que ten que ver co Xacobeo debe favorecer a participación e ten que ser absolutamente libre, sen ningún tipo de sectarismo. Nin iamos ser déspotas ilustrados para facer unha programación de costas aos cidadáns, nin iamos mirarlles a matrícula ás propostas. Esta é unha aposta pola creatividade, sempre dentro do respecto, para favorecer a integración e para que todos poidamos formar parte da enorme celebración que ten que ser o Xacobeo.

O obxectivo da descentralización do Xacobeo semella alcanzado, vendo o éxito desta convocatoria entre a sociedade civil de toda a Comunidade. Cales son os eidos onde se están a obter mellores resultados?
Grazas a O teu Xacobeo conseguimos involucrar toda a sociedade civil nunha celebración colectiva. Os resultados non poderían ser máis satisfactorios, posto que logramos achegar o espírito desta celebración a toda Galicia grazas a entidades locais, asociacións e á iniciativa privada de toda a Comunidade. En concreto, destacou especialmente a resposta por parte das entidades sen ánimo de lucro, xa que máis da metade dos proxectos executados foron levados a cabo por asociacións que traballan neste eido. Ademais, entre as accións levadas a cabo polos beneficiarios destacan as actividades didácticas, as deportivas e as musicais.

«Creo que a cidadanía ve que o Xacobeo é unha oportunidade para Galicia, tanto no terreo da proxección exterior como nos terreos da actividade económica ou de orgullo de país. Eu considero que os galegos, na súa inmensa maioría, son conscientes do potencial do Camiño e das súas moi positivas repercusións en relación á creación de emprego e riqueza, así que, obviamente, preocuparíame que a oposición aplaudise un proxecto tan importante de goberno coma este!»

Os orzamentos do teu departamento para 2020 acadan os 157,2 millóns de euros, un 8,9 % máis que en 2019. Un de cada tres euros irá destinado a actuacións relacionadas co Xacobeo, algo que a oposición non ve con moi bos ollos. Pensas que pasa o mesmo entre a cidadanía?
Creo que a cidadanía ve que o Xacobeo é unha oportunidade para Galicia, tanto no terreo da proxección exterior como nos terreos da actividade económica ou de orgullo de país. Eu considero que os galegos, na súa inmensa maioría, son conscientes do potencial do Camiño e das súas moi positivas repercusións en relación á creación de emprego e riqueza, así que, obviamente, preocuparíame que a oposición aplaudise un proxecto tan importante de goberno coma este [ri]! Desde o punto de vista estratéxico, o Xacobeo ten que combinar unha serie de grandes eventos de carácter internacional –que nos proxecten fóra– coa cultura de base. Son compatibles e complementarios.

Moitos tememos que o fenómeno xacobeo acabe convertendo Compostela e os Camiños en parques temáticos. O crecemento constante no número de visitantes é sostible no tempo?
Segundo revelan as últimas enquisas da USC, a inmensa maioría dos seus usuarios non percibe esa masificación, sendo o mellor indicador da súa boa saúde que máis do 90% dos peregrinos que chegan a Santiago recomenda facer o Camiño. Certamente, todo apunta a que o número de peregrinos vai seguir medrando, polo que debemos estar preparados para evitar efectos perversos. Neste sentido, todos os integrantes da comisión organizadora do Xacobeo, onde estamos o Concello, a Igrexa, a Xunta e o propio Goberno do Estado, estamos moi concienciados da necesidade de evitar calquera tipo de problema asociado á conxestión. Somos moi conscientes de que o mellor embaixador do Camiño, de Compostela, de Galicia, da nosa cultura, do turismo, é precisamente a persoa que despois de visitarnos volve á súa vida cotiá falando ben de nós.

Cales son as intervencións máis importantes que hai que realizar nos Camiños de agora a 2021? Atallar o feísmo, rehabilitar os Bens de Interese Cultural…
O Camiño discorre por 1650 km das catro provincias, por 130 concellos, por montaña, vales… O feito de que por aí transiten moitas persoas require que actuemos cunha perspectiva integral en relación ao acondicionamento da propia traza. Temos un plan de mantemento licitado por 15 millóns de euros para concellos e particulares, investimento que se suma aos 12 millóns destinado a este fin nos últimos tempos. Tamén temos que actuar nos BIC.

Entre eles, este de San Martiño Pinario [onde ten lugar a entrevista e a sesión de fotos].
Si. No caso de San Martín Pinario, asinamos un convenio por valor de 600.000 euros destinado a mantemento e acción cultural.

A primeira exposición de entidade de cara ao Xacobeo 2021 é Galicia, un relato no mundo. Como cambiou a nosa visión de nós mesmos desde Galicia no tempo [cuxa sede foi San Martiño Pinario]?
Galicia cambiou moitísimo en 28 anos. Somos, afortunadamente, unha comunidade completamente homologable en dereitos, desenvolvemento e servizos públicos, das máis avanzadas de Europa. A historia da Galicia das últimas décadas é unha historia de éxito a todos os niveis, así que coa exposición Galicia, un relato no mundo pretendemos superar a visión do atraso ou de periferia. A través de Galicia, un relato no mundo quixemos contar que Galicia sempre tivo presenza nas tendencias e movementos mundiais. Creo que temos que superar esa idea do atraso para poder ser conscientes da forte evolución que experimentou Galicia, con cousas que mellorar, pero para ben.

Tres son as grandes exposicións que festexarán a chegada do 21. Cal é a conexión entre elas?
O fío condutor común é sabermos quen somos para sobre todo poder saber quen queremos ser: de onde vimos e cara a onde queremos ir, como galegos e como Galicia. Tras Galicia, un relato no mundo, teremos Galicia de Nós a Nós, conmemorando o centenario da Xeración Nós, que foi cando se configurou a idea de Galicia tal e como hoxe a entendemos, unha exposición que nos achegará ao que nos identifica, o que nos fai ser galegos hoxe. Será en 2021 cando se inaugure Galicia Futuro, pensada para ir máis alá da seguinte década e do seguinte Xacobeo, pensada para saber que é o que queremos ser no futuro.

«A través de Galicia, un relato no mundo quixemos contar que Galicia sempre tivo presenza nas tendencias e movementos mundiais. Creo que temos que superar esa idea do atraso para poder ser conscientes da forte evolución que experimentou Galicia, con cousas que mellorar, pero para ben»

«O turismo é unha fonte de riqueza importantísima para o país e a cultura é un dos nosos principais recursos turísticos. Canto máis potente sexa a nosa cultura e canto máis respectemos a nosa cultura e máis a poñamos en valor, máis turismo teremos, e canto máis turismo teñamos, máis oportunidades teremos tamén para potenciar a nosa cultura»

«A realidade é que somos os que máis medramos fóra da estación estival a nivel de demanda turística en áreas de climas inestables, froito da nosa riqueza gastronómica e paixasística, e do noso espírito acolledor»

Témosche oído dicir que este Xacobeo pode supoñer un 0,9% de incremento no PIB, mais a creación de 11.000 empregos directos. Cultura e turismo son dúas caras da mesma moeda?
A cultura é a alma do país e o turismo a súa face. O turismo é unha fonte de riqueza importantísima para o país e a cultura é un dos nosos principais recursos turísticos. Canto máis potente sexa a nosa cultura e canto máis respectemos a nosa cultura e máis a poñamos en valor, máis turismo teremos, e canto máis turismo teñamos, máis oportunidades teremos tamén para potenciar a nosa cultura. Máis alá da cuestión cuantitativa o que realmente importa é que os galegos vexamos o Xacobeo como unha oportunidade para presentarnos ao mundo, para presumir do que somos no mundo, porque non hai unha marca en Galicia tan coñecida a nivel internacional como o Camiño de Santiago.

O turismo en Galicia vén de vivir un dos mellores exercicios, cun forte crecemento nas pernoctacións e no número de visitantes estranxeiros. Non será polo tempo meteorolóxico, ou talvez si?
Depende, como diría un bo galego. Obviamente os meses centrais do verán son meses con maior afluencia turística porque tamén é cando as persoas temos máis tempo libre, hai vacacións escolares etc. A realidade é que somos os que máis medramos fóra da estación estival a nivel de demanda turística en áreas de climas inestables, froito da nosa riqueza gastronómica e paixasística, e do noso espírito acolledor.

En clave turística, que suporá que o AVE chegue en hora a Galicia?
O AVE traerá efectos moi positivos para o interior de Galicia de xeito inmediato. Desde Ourense, que vai ser a porta de Galicia, poderemos estar en media hora na Ribeira Sacra, podemos estar en moi pouco tempo coñecendo as paisaxes do interior de Galicia, vales como O Ribeiro, Monterrei, A Ulloa, as serras orientais do Caurel e Os Ancares e, por suposto, a propia cidade de Ourense e Lugo, que son dúas cidades tremendamente fermosas e que teñen moito que ofrecer. O AVE axuda a reducir distancias e xera accesibilidade e conectividade entre Galicia e os mercados emisores. Será un turismo máis respectuoso, moi sostible, un turismo de alta capacidade adquisitiva, con moito valor no 21 ou no 22…, no momento en que o goberno central lle poña remate.

O verán é a época máis animada do ano, no que a visitantes se refire e tamén no que respecta aos festivais. FestGalicia é ocio e diversión, pero tamén retorno económico. É Galicia unha potencia neste eido?
O turismo de festivais é un turismo en alza, sobre todo entre a xente moza que a miúdo programa as vacacións en función dos festivais. Temos un estudo da USC que fixa en máis de 40 millóns o impacto económico do turismo de festivais en Galicia. Estes eventos, ademais de ofrecer diversión e ocio, teñen un retorno económico importante e estimulan a nosa industria cultural. É, pois, unha tarefa importante afianzarnos como destino de festivais e darlle pulo á rede de festivais integrados en FestGalicia, cuxa oferta especializada está moi espallada polo territorio en pequenas localidades como Viveiro, a Illa de Arousa ou Caldas de Reis, e representa un gran revulsivo económico.

Illas Cíes-Parque Nacional das Illas Atlánticas de Galicia é a Ribeira Sacra agardan obter axiña o seu recoñecemento como Patrimonio da Humanidade. En que situación se atopan as súas candidaturas?
En xeral, quero dicir que a Xunta de Galicia ten desenvolto un importante traballo no eido do Patrimonio Mundial da UNESCO. Nestes últimos anos formamos parte de dúas candidaturas conxuntas que lograron o éxito, os Camiños do Norte, en 2015, e a Pedra Seca, en 2018 e actualmente, a Ribeira Sacra será a candidata de España no vindeiro 2021. Esta é a candidatura máis avanzada, pero temos ademais outros dous bens inscritos na Lista Indicativa Nacional e rexistrados na UNESCO. Refírome ás candidaturas das Illas Cíes-Parque Nacional das Illas Atlánticas de Galicia e a de Cidade de Ferrol: Porto da Ilustración, que apoiamos e faremos todo o posible por que sexan realidade no medio prazo.

O primeiro grande escaparate para Galicia de 2020 é Fitur. Que Galicia imos trasladar ao mundo?
Este ano é un ano especial, ao tratarse do último Fitur antes do Xacobeo 21. De feito, Galicia estreará un novo pavillón no que trasladaremos unha oferta turística renovada baseada nas potencialidades da nosa Comunidade como destino e que a distinguen doutros territorios, como son a aposta por un turismo de calidade, o impulso da nosa gastronomía, o noso patrimonio ou a nosa paisaxe. Ademais, tal e como comentaba, o Xacobeo 21 terá un papel destacado. Acabamos de presentar a programación do vindeiro Ano Santo que inclúe máis de 7.500 actividades para os anos 2020 e 2021 e que buscarán a participación da sociedade e a descentralización do evento nesta celebración.

CONTIDO EXTRAÍDO DO NÚM. 15
Queres ollar outros contidos relevantes?

BEME

150 150 CORALIA

Ata o 29 de maio, a Secretaría Xeral da Emigración mantén aberto o prazo para solicitar unha das Bolsas Excelencia Mocidade Exterior (BEME), que na súa cuarta edición ofrecen 150 prazas para que as mozas e mozos galegos do exterior fagan un mestrado en Galicia.

Como consecuencia da declaración de Estado de Alarma decretado en España pola crise do Covid-19, a Secretaría Xeral da Emigración decidiu ampliar nun mes o prazo para a solicitude das bolsas, inicialmente aberto ata o 30 de abril, co obxectivo de facilitar a tramitación e reunión da documentación necesaria por parte das mozas e mozos galegos do exterior interesados en vir cursar un mestrado nalgunha das universidades públicas galegas a partir do vindeiro outono.

As bolsas —cuxo proceso de solicitude é integramente telemático— están dotadas con 7.000 euros (no caso de persoas beneficiarias de Europa) ou 7.650 euros (no caso de persoas procedentes do resto do mundo) por curso completo de 60 créditos ECTS. En tanto que aquelas e aqueles que se matriculen nun curso de maior duración (90 créditos) disporán dun presuposto de ata 11.475 euros (en función do continente de procedencia do alumno ou alumna). As mozas e mozos do exterior que queiran beneficiarse deste programa de BEME deben ser galegas ou galegos por nacemento ou descendentes por consanguinidade, acreditar un mínimo de dous anos de residencia no exterior, e estar admitidas ou admitidos na preinscrición dalgún dos mestrados das universidades galegas.

BEME 2020

Convocatoria

BEME 2020

Prórroga

BEME 2020

preguntas frecuentes

Convocatoria en curso

Hai agora un ano, a enfermeira Nerea Couto Caldelas regresou a Galicia, despois de pasar 5 anos en Alemaña, decidida a completar a súa formación. «Actualmente estou cursando o Mestrado de Prevención de Riscos Laborais na facultade de Ciencias do Traballo de Ferrol. Cando o finalice, é una nova porta que se me abre no meu ámbito profesional, polo que non descarto tirar por ese camiño. Iso si, a miña vocación e a enfermería, polo que seguramente siga formándome neste ámbito, facendo cursos, xa que ata o momento foi un pouco complicado. Desde que comecei os meus estudos, o meu soño foi traballar no ámbito das emerxencias, e aínda que en Alemaña me foi posible, gustaríame traballar nese ámbito aquí, en Galicia».

Nerea Couto Caldelas

BEME 2020

Prazos de matrícula

BEME 2020

Presentación das solicitudes

BEME 2020

Listado de máteres

Nerea é unha das cento cincuenta mozas e mozos da Galicia exterior que actualmente están a cursar os seus mestrados nalgunha das tres universidades galegas, grazas ás Bolsas Excelencia Mocidade Exterior – BEME, programa pioneiro da Secretaría Xeral da Emigración que busca atraer os currículos máis brillantes das galegas e os galegos que viven no estranxeiro asociados a especialidades de fácil absorción por parte do tecido produtivo e laboral galego, e que desde a súa terceira edición promove o retorno do talento galego nado en Galicia, como acontece no caso de Couto Caldelas.

Explica Nerea que o seu paso por Alemaña fíxoa medrar a nivel persoal e laboral, precipitando cambios que seguramente non se terían producido de non terse animado a vivir esta experiencia. Tamén conta que lle encanta viaxar e coñecer novos sitios, pero que é aquí onde se sente máis realizada e onde agarda que os seus soños se fagan realidade. «A curto prazo, o meu obxectivo é acabar o mestrado e valorar o mercado laboral que este ámbito me vai a ofrecer. A medio prazo, sería conseguir estabilidade laboral, dentro do posíbel, e seguir a miña formación como enfermeira». Un plan de traballo en liña co principal obxectivo da Estratexia Retorna 2020, co que a Secretaría Xeral da Emigración busca fomentar Galicia como un destino profesional de calidade captador de talento.

O seu é un currículo brillante, resultado de anos de esforzo. «Moita xente deume ese consello (meus pais, mestres etc.). E eu tento todos os días esforzarme, todo o que meu corpo e a miña mente me permiten. Hai días que é máis sinxelo, polo ánimo, ganas etc. Outros días faise máis complicado, por falta de tempo, de forzas etc., pero eses días procuro dedicar uns minutos a ‘resetear’, priorizar e seguir adiante».

Benvidos todos e todas a casa.

Queres ollar outros contidos relevantes?

Calidade certificada

150 150 CORALIA

Galicia é a terceira comunidade autónoma española con máis produtos de calidade certificados. Falamos de ata 36 selos de denominación de orixe ou indicación xeográfica protexida. Por iso, a comunidade galega non se entende sen a súa gastronomía e, de feito, esta constitúe un dos principais atractivos da súa ampla oferta turística. Así, os visitantes acoden a Galicia atraídos, entre outras cousas, polos seus manxares, sendo esta unha das grandes motivacións para a súa viaxe.

Estas producións do campo galego víronse potenciadas nos últimos anos de forma cualitativa e cuantitativa grazas á dinamización dos coñecidos como produtos de calidade. Trátase de recursos alimentarios que constitúen unha das mellores ferramentas das que dispón o medio rural desta comunidade para asegurar o seu futuro, emprender novas vías de desenvolvemento e, mesmo, reinventarse.

Proxección internacional

Coa posta en valor dos produtos de calidade, a través das denominacións de orixe protexidas (D.O.P) e das indicacións xeográficas protexidas (I. G. P.), os produtos galegos alcanzaron unha nova dimensión, máis competitiva no mercado, atractiva para o consumidor e con todas as garantías de que o produto que se ofrece pasou rigorosos controis de calidade, como mostra do seu especial coidado no proceso de produción e comercialización.

Viños e augardentes

Galicia conta con cinco denominacións de orixe de viño (Ribeiro, Valdeorras, Rías Baixas, Ribeira Sacra e Monterrei). Cada unha cunha personalidade ben definida, pero todas cun denominador común: a calidade e a vinculación moi directa co territorio. Compre sinalar que os viños con indicación xeográfica (tamén coñecidos como Viños da Terra), cos que contamos con catro: Barbanza e Iria, Betanzos, Val do Miño-Ourense e Ribeiras do Morrazo.

A comunidade autónoma destaca tamén pola riqueza e variedade das súas bebidas espirituosas. As indicacións xeográficas dos augardentes e dos licores tradicionais de Galicia protexen tanto o bagazo como o augardente de herbas, o licor de herbas e o licor café, bebidas que forman parte inseparable do imaxinario colectivo desta terra.

Carnes

As carnes de Galicia sempre gozaron de prestixio e recoñecemento. No caso do vacún, existe un selo de calidade: Ternera Gallega, a indicación xeográfica máis importante no sector cárnico español.

A protección destas producións viuse potenciada nos últimos tempos coa creación da Indicación Xeográfica Protexida Vaca Gallega e Buey Gallego. Esta IGP naceu en 2017 para protexer e amparar o sector e ofrecer un produto tan relevante como a carne de vacún maior, garantindo a súa orixe e calidade, igual que se vén facendo desde hai 30 anos con Ternera Gallega.

Tamén o sector cárnico de porcino galego de calidade ten o seu recoñecemento coa IGP Lacón Galego e, no ámbito avícola, convén lembrar a incorporación aos selos de calidade do moi apreciado Capón de Vilalba.

Lácteos

Un dos puntos fortes de Galicia é o relacionado coa produción láctea. Neste sentido, hai que destacar, en primeiro lugar, a existencia dun indicativo que certifica o leite galego de calidade diferenciada. Trátase de ‘Galega 100%’, un selo que garante a excelencia do produto e que este, ademais, ten como orixe explotacións da comunidade autónoma.

Este selo promociónase durante todo o ano a través de distintos eventos, relacionados fundamentalmente coa gastronomía e co deporte, co obxectivo de incentivar o consumo de leite e de produtos lácteos galegos de calidade entre a poboación, tendo en conta os seus beneficios para a saúde. Neste senso, podemos destacar eventos promocionais como as carreiras pedestres de Frades, Angrois e Porto do Son, diversos partidos de baloncesto en Ourense e en distintos certames gastronómicos, como Xantar, Fórum Gastronómico da Coruña ou Salimat, entre outros.

Estas accións promocionais consisten, fundamentalmente, nun posto itinerante que conta cun mostrador-expositor para almacenaxe e distribución de bricks de leite. Tamén se empregan paneis e folletos informativos sobre a marca, para facilitar ao consumidor información sobre a maneira de identificar este leite nos diferentes puntos de venda, así como sobre as garantías e o seu significado. En todo o ano 2019 repartíronse case 60.000 unidades de bricks de leite amparado pola marca de garantía ‘Galega 100%’.

Polo demais, Galicia destaca tamén pola calidade dos seus queixos, con catro denominacións de orixe protexidas (Arzúa-Ulloa, Cebreiro, Tetilla e San Simón da Costa). Cada un ten a súa propia personalidade, pero todos coinciden en ofrecer ao consumidor un produto feito co máximo esmero e a partir dunha materia prima –o leite galego– de gran calidade.

Outros produtos

Merece, así mesmo, especial recoñecemento a calidade contrastada dos pementos que se producen en Galicia, os de Herbón, O Couto, Oímbra, Arnoia e Mougán. Son cinco tipos diferentes de pementos, amparados baixo o selo dunha denominación de orixe, no caso do primeiro, e de indicacións xeográficas protexidas nas restantes.

Os Grelos de Galicia son outro dos produtos da horta galega con calidade amparada por un indicativo específico, coa vista posta nunha maior proxección fóra da comunidade autónoma. Pódense atopar no mercado en varios formatos (fresco, conxelado ou en conserva), o que supón un elevado número de consumidores potenciais.

As castañas, as patacas ou o mel producidos en Galicia tamén contan con recoñecemento especial pola súa calidade. En canto á Castaña, a zona de orixe deste produto –inseparable do outono galego– abarca a maior parte do territorio de montaña, mentres que no caso do Miel de Galicia, a súa área de produción esténdese por toda a autonomía. A apicultura constitúe ademais un elemento importante da etnografía en Galicia, onde perduran construcións tradicionais vinculadas a esta produción artesanal.

A IGP Pataca de Galicia ampara outra referencia da despensa galega e ten a súa zona de produción repartida nas subzonas de Bergantiños (na Coruña), Terra Chá, A Mariña e Lemos (na provincia de Lugo) e A Limia (en Ourense).

Pola súa banda, a Faba de Lourenzá ou o Pan de Cea, entre outros, asocian o nome da súa zona de produción ao do produto. O cultivo da Faba de Lourenzá abarca o territorio costeiro da provincia de Lugo e con este distintivo déuselle nome propio a esta variedade. Ademais, o Pan de Cea, xunto coa Tarta de Santiago, son os dous produtos galegos do sector de panadería e pastelería que contan con distintivo de calidade. A zona de elaboración da torta é toda Galicia, mentres que no caso do pan correspóndese co municipio ourensán de San Cristovo de Cea.

Ademais, hai que destacar o recente recoñecemento europeo para a Indicación Xeográfica Protexida Pan Galego. Un novo selo que supón unha oportunidade para protexer e poñer en valor un produto tan típico da gastronomía galega.

Precisamente, a aprobación definitiva deste selo deu por finalizada unha vella aspiración dos panadeiros galegos, que vían necesaria a creación deste indicativo para facilitarlle aos consumidores a identificación no mercado do auténtico pan galego.

A Agricultura Ecolóxica –unha denominación que, a diferenza das demais, non ten carácter xeográfico– é outro indicativo de calidade que rexistrou un gran desenvolvemento nos últimos anos en Galicia. Trátase dun sistema de produción de alimentos baseado nun escrupuloso respecto ao medio ambiente, o benestar animal e o mantemento e mellora da fertilidade do chan.

En definitiva, Galicia ofrece un amplo abanico de produtos alimentarios de extraordinaria calidade e por tanto o seu poderío gastronómico está fóra de toda dúbida, sobre todo cando esta magnífica despensa –cualificada por Álvaro Cunqueiro como a de maior ‘amplitude’ de Occidente– ponse en valor grazas ao magnífico traballo dos grandes cociñeiros e cociñeiras desta terra.

Artesanía Alimentaria

Outra ferramenta para impulsar a nosa gastronomía é o Decreto que regula a artesanía alimentaria, a través do cal se pon en valor os produtos agrarios e pesqueiros que se elaboran de forma tradicional. Un decreto que tamén protexe aos seus produtores. Trátase dunha nova regulación que especifica o que é unha produción artesanal para evitar que se empregue de maneira impropia este termo ou outros similares como ‘caseiro’ ou ‘feito na casa’.

O novo decreto regula as condicións técnicas específicas necesarias para que unha produción alimentaria sexa artesanal. Así, establece que os procesos de elaboración deben ser tradicionais, que a presentación dos produtos debe ser singular para mostrar a súa calidade diferenciada, respectando en todo momento a norma técnica aprobada para cada tipo de produción.

Así, distínguense un total de 16 grupos de produtos entre os que están os lácteos, os cárnicos, os produtos da pesca e da acuicultura, viños, licores, sidra, cervexa e produtos de panadería e confeitería, entre outros.

Estas normas técnicas contemplarán, en todo caso, que os produtos artesanais deben estar elaborados con materias primas seleccionadas e que non se poderán utilizar potenciadores de sabor, colorantes ou saborizantes artificiais quedando o uso doutros adictivos suxeitos a importantes restricións. Tampouco se poderán empregar graxas trans (hidroxenadas artificialmente) ou graxas procedentes da palma ou do coco. A utilización como materia prima de produtos semielaborados queda limitada a casos excepcionais xustificados na norma técnica correspondente. Doutra banda, admitirase o uso de medios mecánicos para determinadas fases do proceso de elaboración, respectando o indicado na norma técnica que corresponda. Este novo decreto (en entrará en vigor o 10 de agosto), regula tamén o rexistro da artesanía alimentaria, no que deberán estar rexistradas todas as empresas implicadas. Este rexistro permitirá coñecer con exactitude a dimensión deste recurso social. Ademais da denominación xenérica ‘Artesanía Alimentaria’, o decreto establece outras dúas identificacións que distinguirán dous tipos de produtos artesanais específicos: unha para os produtos caseiros ou da casa e outra para os que se elaboran na montaña. Os primeiros serán os que utilicen como base fundamental as materias primas procedentes dunha explotación agraria ligada á empresa artesanal responsable do produto. Os produtos artesanais de montaña serán os elaborados por empresas artesanais alimentarias pertencentes a zonas cualificadas como ‘de montaña’, de acordo co que establece a normativa da Unión Europea.

Galicia Calidade

E para impulsar aínda máis nosa industria agroalimentaria, esta reforzará a súa presenza na marca Galicia Calidade, co obxectivo de que a súa produción gañe en competitividade nos mercados.

Así, Galicia Calidade será un selo que englobará, identificará e potenciará os produtos galegos con denominación de orixe, indicación xeográfica protexida ou que cumpran requisitos de excelencia en produción ou transformación. Galicia Calidade amparará tamén os produtos derivados das razas gandeiras autóctonas galegas, dándolle así un valor engadido a estas producións, así como o selo Galega 100%, que recoñece e distingue o leite de calidade diferenciada producida nas explotacións leiteiras da nosa comunidade.

Este impulso a Galicia Calidade como identidade da excelencia no rural galego farase sobre a base de dous alicerces: o financiamento e a estratexia. O primeiro deles pivotará sobre a promoción, o posicionamento e a axuda a todos os produtores, produtos e transformadores da nosa produción agroalimentaria. O segundo, a estratexia, centrarase en optimizar recursos, para unificar a acción de todos os actores implicados e para levar a marca ao primeiro nivel mundial de calidade. A gran aposta de Galicia Calidade faise polo valor engadido, xa que non se busca cantidade a calquera prezo, senón produción con calidade diferenciada.

Ademais, Galicia Calidade vai ser unha aposta transversal e de implicación máxima que se enmarca na Galicia Verde, a Galicia Innovadora (formación e investigación), a Galicia Nova e a Galicia Familiar.

COVID-19

Tendo en conta a situación de emerxencia sanitaria actual debido a Covid-19, a Xunta de Galicia vén de pechar un acordo coas grandes cadeas de distribución alimentaria con presenza en Galicia (Vegalsa–Eroski, Gadisa, Froiz, Carrefour, El Corte Inglés, Lidl e Alcampo) para impulsar a compra e fomentar o consumo de produtos agroalimentarios galegos, dándolles así unha nova saída tras o peche da hostalería e dos mercados municipais. Esta iniciativa está aberta a calquera outra cadea que teña interese en colaborar.

O obxectivo deste acordo, cuxa orde acaba de publicarse no Diario Oficial de Galicia, é facilitar novas vías de comercialización aos produtores agroalimentarios da comunidade que están a ter dificultades para chegar ao mercado ao quedar pechadas as súas canles de venda habituais durante a crise do coronavirus.

En concreto, os máis afectados son os produtores/as de froitas e hortalizas, os pequenos elaboradores/as artesanais de queixos e outros produtos lácteos, os produtores/as de mel e produtos apícolas, do sector vitivinícola, os gandeiros/as de vacún, porcino, avícola, ovino e caprino, así como os de razas autóctonas, fundamentalmente de porco celta.

Este acordo estará vixente mentres dure a emerxencia sanitaria. Así, estas empresas comprométense a adquirir estes produtos agroalimentarios durante o estado de alarma para apoiar o sector primario da comunidade galega.

Mercaproximidade

É a nova canle alternativa de comercialización concibida para os produtos agrogandeiros galegos que recolle a orde recentemente publicada no Diario Oficial de Galicia.

Esta rede permitirá ao consumidor acceder facilmente a estas producións nos establecementos de alimentación que permanecen abertos e identificar a súa orixe con claridade.

Poderanse acoller a esta iniciativa, en calidade de provedores os produtores de froitas e hortalizas, os produtores de mel e produtos apícolas, así como os gandeiros de vacún, porcino, ovino e caprino, entre outros. Para iso, deberán formar parte do Rexistro de explotacións agrarias de Galicia (Reaga) e, no caso dos produtos non transformados, estar integrados na sección de venda directa (Sevedi). Tamén poderanse incorporar á rede as industrias de transformación de produtos agrogandeiros rexistradas no Rexistro de industrias agrarias.

A adhesión dos provedores a ‘Mercaproximidade’ poderase levar a cabo preferentemente a través das organizacións profesionais agrarias, das asociacións de produtores e dos consellos reguladores de denominacións de orixe e de indicacións xeográficas protexidas, que serán os encargados neste caso de negociar cos compradores en nome dos produtores.

A maiores, lanzarase unha campaña de comunicación e sensibilización dirixida ao consumidor final, para conciencialo de que coa súa compra pode axudar aos agricultores e gandeiros galegos para garantir o futuro do rural galego. Neste sentido, os produtos de ‘Mercaproximidade’ estarán perfectamente identificados, para que os consumidores coñezan a súa orixe, así como o seu vínculo coa iniciativa.

Así, ambas as dúas iniciativas teñen como finalidade última frear a perda de ingresos das persoas agricultoras e gandeiras galegas para apoiar o futuro das súas explotacións e garantir así a supervivencia do motor principal da dinamización do rural, á vez que se poñen no mercado produtos agroalimentarios de máxima calidade.

Fonte: CONSELLERÍA DO MEDIO RURAL

Queres ollar outros contidos relevantes?
Política de privacidade

Se consente a utilización de cookies, continúa navegando ou fai clic nalgún link entenderase que consinte a nosa política de cookies e, por tanto, a instalación das mesmas no seu equipo ou dispositivo.

Se vostede quere, pode cambiar a configuración de cookies en calquera momento, configurando o seu navegador para aceptar, ou non, as cookies que recibe ou para que o navegador o avise cando un servidor queira gardar unha cookie.

Esta web utiliza cookies.
error: Contido protexido