•  981 806 528 & 670 594 685 info@coralia.gal

ana gonzález

Agatha Ruiz de la Prada

150 150 CORALIA

MODA LUCÍA CORDEIRO

Despois dunha década dirixindo a Asociación Creadores de Moda de España, desde 2013 Lucía Cordeiro é a Directora de Agatha Ruiz de la Prada en Nova York.

Agatha Ruiz de la Prada e máis eu compartimos un mesmo soño: traballar en Nova York. Ela cumpriuno antes ca min, pois xa hai quince anos que desembarcou nesta cidade cunha gran tenda no Soho, cuartel xeral que cambiou despois a TriBeCa, ao número 466 de Greenwich Street, onde eu me incorporei a traballar, cumprindo o meu. Hai tres anos.

Hai tempo, Agatha Ruiz de la Prada decidiu que ter tendas no exterior era máis importante que presentar as súas coleccións en desfiles internacionais. E, sen deixalos de lado, foi abrindo tendas nas cidades máis influíntes da moda: París, Milán e Nova York, que sumou ás españolas.

A tenda de Agatha Ruiz de la Prada en NY é a privilexiada atalaia desde a que observo os cambios que vive a moda, e as vías que se abren de cara ao incerto futuro. Vexo como se funde o vello sistema con aqueles que non son capaces de saltar pola borda e nadar cara ao descoñecido.

Agatha Ruiz de la Prada sempre ten saltado sen rede. Adiantouse ao pensar que tamén era importante a presenza nos desfiles do cliente final dos mercados nos que a marca está presente, e non só dos medios de comunicación e dos grandes compradores.

«Agatha Ruiz de la Prada sempre ten saltado sen rede. Adiantouse ao pensar que tamén era importante a presenza nos desfiles do cliente final dos mercados nos que a marca está presente, e non só dos medios de comunicación e dos grandes compradores»

«Os neoiorquinos constrúen a súa imaxe sen temor a estereotipos. Así o entenderon tamén hai anos dous símbolos da nosa Galicia: Maruxa e Coralia, as Dúas en Punto (como se lles coñecía en Santiago). Dous seres libres que utilizaron a moda para construír unha imaxe alegre que as salvara da loucura, pola perda que sufriron de case todo o material, e que lles reportou o recoñecemento, cariño e respecto da sociedade»

Lembro cando empezou a percorrer o mundo presentando as súas coleccións en París e Milán, para continuar presentándoas en México, Croacia, Colombia, Sri Lanka, Bolivia, Nixeria, Perú, Rusia, Uruguai, Paquistán… Na actualidade, cos seus máis de 40 produtos, ademais do téxtil, chega a todos os recunchos do mundo.

A moda non é só as tendencias que nos ofrece a gran distribución, é unha maneira de vivir, de construír unha personalidade. O mundo que nos ofrece Agatha Ruiz de la Prada, cuns deseños nos que impera a creatividade e a liberdade, conéctaa a Nova York, onde a mestura de culturas, etnias e idiomas, ten construído unha cultura común baseada no respecto á diferenza. Os neoiorquinos constrúen a súa imaxe sen temor a estereotipos. Así o entenderon tamén hai anos dous símbolos da nosa Galicia: Maruxa e Coralia, as Dúas en Punto (como se lles coñecía en Santiago). Dous seres libres que utilizaron a moda para construír unha imaxe alegre que as salvara da loucura, pola perda que sufriron de case todo o material, e que lles reportou o recoñecemento, cariño e respecto da sociedade.

Agatha Ruiz de la Prada leva máis de trinta anos alegrándonos a vida. Coa súa moda alegre, colorista, cómoda e asumíbel, permítenos vestirnos para vivir os novos tempos, nos que máis que nunca hai que botar man da creatividade.

«Agatha Ruiz de la Prada sempre ten saltado sen rede. Adiantouse ao pensar que tamén era importante a presenza nos desfiles do cliente final dos mercados nos que a marca está presente, e non só dos medios de comunicación e dos grandes compradores»

Andrea González & Ana González Modelos
Agatha Ruiz de la Prada Vestimenta
Rois Llongueras Maquillaxe e peiteados
Álex Regueiro Estilismo
Fred Iglesias Fotografía
Cidade da Cultura de Galicia Localización

Contido extraído do núm. 1.

Queres ollar outros contidos relevantes?

Francis Montesinos

150 150 CORALIA

MODA FRANCIS MONTESINOS

Francis Montesinos, o visionario, o creativo, o artista máis transgresor e provocador do mundo da moda das últimas catro décadas é a nosa firma invitada. Neste número, o creador do Carme enche Compostela con toda a viveza das cores mediterráneas e coa primavera perpetua da súa bela cidade, Valencia. Aguja de Oro e Medalla de Oro al Mérito en las Bellas Artes, proponnos vestir coa alegría e levidade da cidade da luz, que irradian as creacións da súa nova colección primavera verán A flor de piel. Para homenaxear a Maruxa e Coralia, Francis Montesinos vai converter as máxicas escaleiras de Bonaval nunha roseira moi, moi fermosa.

A Liberdade
Ese estado de plenitude desde o que podes tomar decisións que afectan á túa vida e á da dos demais. Esa capacidade de elixir que facer en cada momento. Esa ledicia coa que te amosas aos demais, sen medos. Non a tes sempre, pero sempre a estás a buscar, e deféndela como unha fera, como a loba defende as súas crías no refuxio.

A intelixencia
Esa disposición para a aprendizaxe, para o recoñecemento do outro, para a supervivencia nun contorno competitivo e para exercer o maxisterio, que é outro xeito de aprender e así perpetuarse nas xeracións por vir. Con disciplina férrea e conviccións sólidas, valores; o exemplo.

A beleza
Esa graza divina coa que se alcanza a felicidade, que non depende necesariamente de canons, de etiquetas ou prexuízos -aínda que si fóra-, que se manifesta como obxecto de desexo e que, como linguaxe de sedución, se materializa na elegancia. Esa «actitude» vital que se adiviña nun xesto, nun porte, na ousadía de rachar a liña tersa -aínda que aburrida, por previsíbel- que debuxa unha frecha entre o arco e a diana.

«Construír un referente en moda, obviamente, non é sinxelo. Require de todo isto e de máis, e niso estamos desde a década dos setenta do século pasado, reinventándonos permanentemente, rexuvenecendo cada tres meses, buscando sempre o centro do remuíño: das tendencias, da xuventude, da novidade, do clasicismo».

«O exemplo das 'Dúas Marías –ou Dúas en Punto'– reúne todos estes pasos nunha soa escaleira cara a inmortalidade: esa tenacidade por sobrevivir ás adversidades, seguras e pese a todo felices, novas, sempre, de espírito, coquetas e sedutoras –á súa maneira antiga– e necesitadas da vida que contaxia a mocidade, inmunes á maledicencia, á estupidez, á brutalidade dunha época felizmente superada».

O amor
…o amor.
O demais… o demais é oficio, agarimo, tenacidade, equipo. Un chisco de inspiración, un golpe de sorte, paciencia, horizonte, un destino e a súa ruta, o recendo do azar baixo as estrelas do Camp de Llíria, unha galla de romeu ben posta enriba dunha paella no seu punto, cantaruxar baixo un emparrado cos amigos a redor dunha cunca de café. O mar. Resistencia, gobernabilidade, resiliencia e esperanza, moita esperanza. Confianza inextinguíbel no ser humano, case que raiando na inxenuidade, nada de escepticismo, nada de cinismo. Abertura de miras, aceptación. Un pouquiño de anticipación e un “moitiño” de renuncia.

Des de la vora de la Mediterrània á costa do Atlántico
Construír un referente en moda, obviamente, non é sinxelo. Require de todo isto e de máis, e niso estamos desde a década dos setenta do século pasado, reinventándonos permanentemente, rexuvenecendo cada tres meses, buscando sempre o centro do remuíño: das tendencias, da xuventude, da novidade, do clasicismo.
Ser un, ser consecuente, coherente e consistente. Ser auténtico e valente. Ter moita convicción no que se é e no que se fai. Construír e evolucionar. Atopar os mellores tons e formas de transmitir as túas propostas e ser dúctil para adaptarse aos cambios.
Buscar, e achar, os teus piares fundamentais: no meu caso, o «made in Spain», como concepto co que lanzar ao mundo unha mensaxe positiva; o punto á man, esa homenaxe á tradición permanentemente renovada; e os estampados, cos que enriquezo a arquitectura dos meus deseños, conferíndolles ese «plus» de exclusividade que buscan as miñas amigas-musas-clientas, esas mulleres dunha peza, con conviccións sólidas e a modernidade por bandeira. Aprender a medrar e aprender a minguar, como filosofía de vida; atopar o sosego emocional e intelectual necesario para superar as dificultades. Adaptarse aos vaivéns da vida, que é moi longa, para, sen perder as orixes, os valores, o carisma, empezar de novo en cada nova etapa, máis sabios, máis fortes, máis ilusionados.
O exemplo das «Dúas Marías» –ou «Dúas en Punto»– reúne todos estes pasos nunha soa escaleira cara a inmortalidade: esa tenacidade por sobrevivir ás adversidades, seguras e pese a todo felices, novas, sempre, de espírito, coquetas e sedutoras –á súa maneira antiga– e necesitadas da vida que contaxia a mocidade, inmunes á maledicencia, á estupidez, á brutalidade dunha época felizmente superada. Sabias cunha sabedoría antiga, que é a da supervivencia, listas coma esquíos para atopar o seu lugar nun mundo que non as entendía e, ao final, icónicas como a nosa «Blanquita», personaxe moi similar que tivemos en Valencia nos anos setenta e oitenta, que, coma Maruxa e Coralia, sabía, desde o seu mundo, conectar coa alma basta, pero aínda candorosa da xente nova.

«Aprender a medrar e aprender a minguar, como filosofía de vida; atopar o sosego emocional e intelectual necesario para superar as dificultades. Adaptarse aos vaivéns da vida, que é moi longa, para, sen perder as orixes, os valores, o carisma, empezar de novo en cada nova etapa, máis sabios, máis fortes, máis ilusionados».

«A veces, a familia limítase a unha parella, a un irmán, a unha irmá. Para que máis? Maruxa tiña a Coralia e Coralia tiña a Maruxa. Xuntas pasaron o peor e, probabelmente, tamén o mellor. E xuntas compartiron a memoria e as conviccións que lles transmitiron os seus pais e os seus tíos».

Ana González & Aisha Modelos
Francis Montesinos Vestimenta
Garota Calzado
Katuxa Platero Pendentes
Rois Llongueras Peiteado e maquillaxe
Álex Regueiro Estilista
Fred Iglesias Fotógrafo
Museo do Pobo Galego Localización

Contido extraído do núm. 2.

E a familia
A familia non a elixes ti, venche dada. Os amigos, si. E se es listo/lista, saberás convertelos na túa «outra» familia, o teu apoio, o teu motor, o teu «Pepito Grilo», cando fai falla. A veces, a familia limítase a unha parella, a un irmán, a unha irmá. Para que máis? Maruxa tiña a Coralia e Coralia tiña a Maruxa. Xuntas pasaron o peor e, probabelmente, tamén o mellor. E xuntas compartiron a memoria e as conviccións que lles transmitiron os seus pais e os seus tíos.
Eu teño sorte: teño moita familia. A de sangue, agora un pouco minguada. A outra, a elixida, cada vez máis grande. Coma ti, que me les a case mil quilómetros de distancia e xa es, un pouco, a miña familia. Ou eu a túa.
Grazas.

Queres ollar outros contidos relevantes?
Política de privacidade

Se consente a utilización de cookies, continúa navegando ou fai clic nalgún link entenderase que consinte a nosa política de cookies e, por tanto, a instalación das mesmas no seu equipo ou dispositivo.

Se vostede quere, pode cambiar a configuración de cookies en calquera momento, configurando o seu navegador para aceptar, ou non, as cookies que recibe ou para que o navegador o avise cando un servidor queira gardar unha cookie.

Esta web utiliza cookies.
error: Contido protexido