•  981 806 528 & 670 594 685 info@coralia.gal

armando requeixo

A liturxia matou o noso Día Nacional

150 150 CORALIA

A liturxia matou o noso Día Nacional

Por XOÁN BASCUAS

Profesor da Escola Universitaria de Traballo Social (USC)

ía Nacional de Galicia, Día de Galicia, Día da Patria ou da Matria, chámalle como queiras, pero este ano alcánzase os 99 anos de celebración da nosa Diada. De feito, en novembro cumprirase o centenario da data no que as Irmandades da Fala tomaron o acordo polo que se tomou o 25 de xullo como Día Nacional de Galicia. E desde aquela, con dúas ditaduras polo medio, houbo que esperar até a década dos oitenta, coa chamada normalización democrática, para ver como se consolidaba a nosa xornada nacional. E coa súa conmemoración anual continuada, tamén chegou a constante repetición da súa forma de celebración, o tedio do habitual e a rutina reivindicativa. Digo isto porque, na miña impresión, o 25 de xullo foi perdendo folgos como ámbito no que reclamar a nosa identidade nacional. Cales son as razóns para que isto aconteza?

Namentres outros pobos celebran a súa declaración da independencia, o inicio dunha revolución que mudou o mundo, ou mesmo unha derrota que acabou co seu autogoberno, que celebramos nós? A verdade é que nada pasou na nosa historia de relevancia un 25 de xullo.

Sería desexable unha cita que mobilizara toda a sociedade galega. Toda, a través das súas institucións, si; a través dos seus partidos, si; pero tamén a través das diferentes entidades sociais, de xeito plural e participado por axentes de diferente natureza. Un momento compatible cos actos políticos dos partidos, das institucións e da relixión. Pero tamén sería unha ocasión única para facer o que fan as nacións: celebrarse unidas desde a diversidade.

En primeiro lugar está a propia data. Isto é, por que o 25 de xullo? Namentres outros pobos celebran a súa declaración da independencia, o inicio dunha revolución que mudou o mundo, ou mesmo unha derrota que acabou co seu autogoberno, que celebramos nós? A verdade é que nada pasou na nosa historia de relevancia un 25 de xullo. Si, é a onomástica do apóstolo.

A elección da data hai un cento de anos xa foi controvertida de seu. Naquela altura había quen defendía tomar como xornada de celebración nacional o 17 de decembro, data na que os mandados pola Coroa de Castela decapitaron o mariscal Pardo de Cela. O certo é que no período previo á aprobación do Estatuto perdeuse a oportunidade de buscar outra data relevante, mesmo dándolle rango de Día Nacional ao 25 de xullo cun decreto publicado no primeiro número do DOG, do 1 de xaneiro de 1979.

O 25 de xullo non deixa de ser o día do Apóstolo Santiago, o Patrón das Españas e, xa que logo, tamén unha festa relixiosa, cos seus correspondentes festexos e rituais. Non é que o feito relixioso sexa incompatible coa conmemoración nacional, pero non deixa de ser certo, que a identidade do mito hispánico, dun símbolo que a españolidade fixo seu, compite coa natureza da vindicación nacional galega. Por outra banda, ao 25 de xullo, pásalle algo asemellado ao 1º de maio, ou ao Día das Letras Galegas: cando unha data caracterizada por unha causa política, cultural ou relixiosa pasa a ser festivo, a mobilización pola causa política, cultural ou relixiosa perde folgos. Espero que isto non se entenda como un argumento a prol de eliminar a natureza festiva da xornada, senón que se entenda como un argumento explicativo máis.

E claro que vou falar do Día da Patria. Á fin e ao cabo é a denominación empregada polo nacionalismo maioritario e, con toda seguridade, a máis estendida. E, de feito, os eventos reivindicativos do 25 de xullo, alén dos relixiosos e institucionais do Goberno galego, son os organizados polas forzas políticas nacionalistas e galeguistas. E isto está ben, a reclamación do feito nacional é política e como tal debe ser participada polas forzas políticas que demanda o recoñecemento nacional do país. E quizais, parte do problema radique aí; en tempos de desconexión entre a cidadanía e os partidos políticos, tamén co mundo nacionalista e galeguista, quizais haxa que superar as fronteiras partidarias. Non falo de manifestacións unitarias do nacionalismo. Nin sequera falo dun evento participado por todos os partidos que entendan que somos nación. Non.

O 2020 vai ser o centenario do Día Nacional de Galicia. E debería ser entendido como unha oportunidade para darlle unha volta a todo isto. Sería desexable unha cita que mobilizara toda a sociedade galega. Toda, a través das súas institucións, si; a través dos seus partidos, si; pero tamén a través das diferentes entidades sociais, de xeito plural e participado por axentes de diferente natureza. Un momento compatible cos actos políticos dos partidos, das institucións e da relixión. Pero tamén sería unha ocasión única para facer o que fan as nacións: celebrarse unidas desde a diversidade.

Aquí tes máis contidos relevantes:

Mulleres Lilas, coirazas de cores

por MANUELA DOMÍNGUEZ

A liberdade de SER. Que liberdade?

Por CRISTINA PALACIOS

A pequena Compostela gusta da lectura

Por PILAR SAMPEDRO

Literatura e campus

150 150 CORALIA

Literatura
e campus

Por ARMANDO REQUEIXO

Crítico literario

curioso observar como nos últimos anos a literatura galega foi amosando un tipo de escrita que nos países anglosaxóns atesoura xa unha longa tradición. Estoume a referir á denominada “novela académica” ou “novela de campus”, un subxénero narrativo específico que ten o mundo do estudantado e o profesorado universitario e mais os espazos formativos nos que estes se moven como epicentros da acción ou trama novelesca.

Novelas de universidade ou “college novels” hainas desde comezos do século XIX. Velaí están os exemplos notorios de Fanshawe (1828) de Nathaniel Hawthorne ―drama romántico e triángulo amoroso nun ficticio Harley College― ou As torres de Barchester (1857) de Anthony Trollope ―novela vitoriana de amores fatais e personaxes que proveñen dun imaxinario Lazarus College de Oxford. Porén, estes títulos clásicos eran antes de nada novelas de formación (bildungsroman), escritas e vivenciadas por quen era alleo ao mundo universitario. Pola contra, as que hoxe chamamos “novelas de campus” son historias xeradas polo coñecemento directo que teñen desa realidade os propios autores, pois na meirande parte dos casos son textos escritos por docentes universitarios que, amais, inciden na centralidade da figura do profesor e a súa problemática relación coa institución como tema principal.

Moitos dos grandes da escena narrativa estadounidense e británica das pasadas décadas deron a luz obras referenciais neste eido. É o caso de Mary McCarthy e o seu Os bosques da academia (1952) ―sátira do exercicio profesoral universitario―; de Kingsley Amis e o seu Jim o afortunado (1954) ―outra crítica feroz ao pechado universo da institución académica e as súas categorizacións de castes profesorais―; Vladimir Nabokov e Pnin (1957) ―ácido retrato da vida dun profesor dunha pequena e arredada universidade―; Zadie Smith e Sobre a beleza (2005) ―crónica da crise persoal dun docente universitario de mediana idade―; ou de dúas novelas sobre o ocaso de decanos acusados de racismo como son O decembro do decano (1982) de Saul Bellow e A mancha humana (2000) de Philip Roth, amais doutro par de obras que recrean un xenuíno sex & drugs & rock and roll universitario e que non están exentas de fortes doses de crítica social como son As leis da atracción (1987) de Bret Easton Ellis e Eu son Charlotte Simmons (2004) de Tom Wolfe, aínda que o gran cultivador deste subxénero foi, sen dúbida, David Lodge, látego da hipócrita vida universitaria na súa “triloxía do campus”: Intercambios (1975), O mundo é un pano (1984) e Bo traballo (1988).

As que hoxe chamamos “novelas de campus” son historias xeradas polo coñecemento directo que teñen desa realidade os propios autores, pois na meirande parte dos casos son textos escritos por docentes universitarios que, amais, inciden na centralidade da figura do profesor e a súa problemática relación coa institución como tema principal.

A novela de campus entre nós non comeza a preconfigurarse cos trazos canónicos do xénero ata a aparición de Memoria do diaño (1980) de Fermín Bouza Álvarez e, sobre todo, tras a publicación de No ventre do silencio (1999) de Xosé Luís Méndez Ferrín.

A importación deste modelo á literatura hispánica deu obras como Todas as almas (1989) de Javier Marías ―historia dun hispanista profesor en Oxford―; A velocidade da luz (2005) de Javier Cercas ―novela testemuño sobre a estadía do autor como docente na Universidade de Illinois e as singulares amizades que alí fixo―; Natura quasi morta (2011) de Carme Riera ―intriga na UBA pola desaparición dun mozo en estrañas circunstancias―; O camiño de Ida (2013) de Ricardo Piglia ―outro thriller académico, desta volta coa Universidade de Nova Jersey como escenario― ou Un momento de descanso (2011) de Antonio Orejudo, novela con docente de universidade protagonista que ten tamén que axudar a desvelar un intricado misterio.

No caso da literatura galega hai xa antecedentes clásicos da presenza do mundo universitario na nosa novelística. Non cómpre máis que lembrar a terceira das entregas da triloxía Os camiños da vida (1928) de Ramón Otero Pedrayo, titulada O estudante, unha obra que retrata ese ambiente académico santiagués a través das vivencias que experimenta o discente Paio Soutelo, alumno de Medicina que mesmo soña cunha cátedra, pero que, finalmente, abandona os corredores da facultade e a “grande vila de pedra orcelada polas invernías” para ir exercer como doutor na contorna rural. Un Santiago universitario, por certo, non tan distante do que en 1915 retratou Alejandro Pérez Lugín na arquicoñecida A Casa da Troia, inesquecible estampa da vida dun estudante de Dereito e os seus compañeiros de pensión na Compostela de fins do XIX.

Agora ben, a novela de campus entre nós non comeza a preconfigurarse cos trazos canónicos do xénero ata a aparición de Memoria do diaño (1980) de Fermín Bouza Álvarez e, sobre todo, tras a publicación de No ventre do silencio (1999) de Xosé Luís Méndez Ferrín. Mercé á súa escrita a mocidade universitaria compostelá dos anos 50 e 60 do pasado século adquiriu relevo protagonista e as súas loitas liberadoras e antifranquistas convertéronse no argumento principal no que deambulaban uns estudantes por veces caracterizados como “troianos redivivos” que tentaban abrir unha fenda de luz no tempo escuro e na universidade cincenta que lles tocou vivir.

Ese interese por poñer no centro do relato o universo das aulas universitarias, do seu alumnado e profesorado e de toda a realidade que se xera arredor dese tempo formativo e deses centros nucleadores da vida das cidades está a cobrar máis forza que nunca na narrativa galega actual. Citarei dous exemplos que me semellan paradigmáticos e que confirman esta centralidade da tríade mocidade-universidade-profesorado.

O primeiro deles ten a Santiago de Compostela e a súa universidade como protagonistas. Trátase de Campus Morte (2018) de Lito Vila Baleato, unha historia de ambientación detectivesca na que un profesor compostelán que vive en Alemaña, tras recibir unha desacougante mensaxe telefónica dun amigo da infancia, descobre que este morre en estrañas circunstancias, o que o leva a regresar a Compostela para tentar descubrir que é o que lle pasou. No curso das súas investigacións saberá que o amigo morto pescudaba sobre unha enigmática morte dunha rapaza que ambos coñeceran no seu tempo de universitarios, un feito que acabará por cambialo todo.

O segundo dos exemplos é Infamia (2019), a última novela de Ledicia Costas, un thriller psicolóxico protagonizado por Emma Cruz, profesora de dereito penal que chega á cidade de Merlo (transunto literario de Vigo) para impartir clases na súa universidade e acaba inmersa no desvelamento dun misterio: saber que aconteceu coas irmás Giraud, dúas nenas desaparecidas hai vinte e cinco anos en circunstancias sospeitosas. Na súa procura descubrirá que as xentes de Merlo agochan negros segredos e que tras da verdade hai todo un océano de témeras ocultacións.

Como se ve, a novela de campus, con fortes doses de intriga e investigación detectivesca e tamén inesperadas sorpresas que se tecen arredor da vida do profesorado e o alumnado universitarios, está de máxima actualidade entre nós. Oxalá siga sendo así e continúen a se publicar novelas académicas que nos fagan gozar a todos da súa lectura.

Aquí tes máis contidos relevantes:

Mulleres Lilas, coirazas de cores

por MANUELA DOMÍNGUEZ

A liberdade de SER. Que liberdade?

Por CRISTINA PALACIOS

A pequena Compostela gusta da lectura

Por PILAR SAMPEDRO

Política de privacidade

Se consente a utilización de cookies, continúa navegando ou fai clic nalgún link entenderase que consinte a nosa política de cookies e, por tanto, a instalación das mesmas no seu equipo ou dispositivo.

Se vostede quere, pode cambiar a configuración de cookies en calquera momento, configurando o seu navegador para aceptar, ou non, as cookies que recibe ou para que o navegador o avise cando un servidor queira gardar unha cookie.

Esta web utiliza cookies.
error: Contido protexido