•  981 806 528 & 670 594 685 info@coralia.gal

artesanía de galicia

Elena Ferro

150 150 CORALIA

Elena Ferro

Ás nos pés

Entrevista de ANA GARCÍA
Fotografías de ELÍAS OTERO

Con moitísimo tesón e un amor infinito por un oficio que na súa casa leva pasando de pais a fillos máis de cen anos, Ferro foi quen de lle dar nova vida ao noso calzado máis tradicional, achegándolle deseño, liñas orixinais e unha adaptabilidade total aos gustos de cada cliente. Despois de 25 anos de éxitos e de recibir recoñecementos como o Premio Nacional de Artesanía 2019, a zoqueira de Merza segue a ter os pés na terra e segue a elixir o seu propio camiño, sen présas, pero sen pausas, consciente de que é da súa autenticidade da que xorde ese equilibrio entre tradición e vangarda que namora homes e mulleres por todo o mundo. Visitamos o seu obradoiro de Vila de Cruces (Pontevedra) a piques de entrar no período con máis encargas do ano, cando a chuvia e o frío volven encher corredoiras, rúas e prazas coas cores e o estilo inigualable de Eferro.

Zocos e pan de millo foron durante séculos sinónimo de dificultades. De que o serían hoxe?
Sono do rescate da nosa cultura. Tanto os zocos coma o pan de millo dignifican o noso pasado. A finais dos anos 70, por mor dos cambios sociais, os zocos deixaron de demandarse.

Voso é o mérito de devolverlles a dignidade e o uso. Cales son os factores determinantes deste rexurdimento?
O traballo e o esforzo, a insistencia. Eu comecei a facer cambios no zoco tradicional no ano 95. Eses cambios que fun introducindo eran cambios necesarios. A xente acostuma pensar que un día me levantei, fixen zocos de cores e que, vaia, foi unha marabilla!, cando o certo é que foi necesario facer un traballo moi grande e moi complexo para conseguir que foran ben aceptados.

Que soños lle quedan por cumprir a aquela rapariga que paseaba polas terras do Deza subida a un John Deere 505?
Creo que o máis importante que podía facer polos zocos xa está feito: revivir o oficio e dignificar un calzado en desuso. Penso que non podo facer nada máis grande nin que me quede nada por facer, así que creo que, neste aspecto, os meus soños están cumpridos.

Traballar na aldea achégalle unha identidade especial ao teu traballo?
Na aldea pódese traballar con tranquilidade. Agora temos unha tenda na Coruña, pero antes só tiñamos o obradoiro, ata onde a xente comezou a vir e continuou a vir. Conseguir que a xente viñese ata a aldea para mercar no noso taller é un labor moi, moi importante, e como lle digo sempre á xente, aquí chegas e aparcas, non tes que estar buscando sitio para deixar o coche nin sofres estrés de condución nin nada. Para min, traballar na aldea só ten vantaxes.

Conquistar o público con zocos vén a ser algo así como facer que o lobo se namore da carapuchiña vermella. Nesta relación cal cres que é a clave para manter viva a paixón?
Pois… [colle aire], é crer no que fas! e tentar que a xente vexa o teu traballo! Eu sempre pensei que o calzado que protexeu do frío e da humidade os labregos e as labregas durante tanto tempo, non podía ser tan malo. Para min, foi e é un orgullo rescatar e poñer en valor o calzado da xente máis humilde.

En que se sustenta o voso éxito? A teimosía e o cariño polo tradición son dous piares importantes?
Si, claro, por suposto! O respecto á tradición é o principio de todo; é de aí de onde xorden o resto de traballos que facemos. Segundo a miña experiencia, con amor é como mellor se traballa.

Pintar a madeira ou cambiar a cor da pel semellarían verdadeiras tolarías a finais dos anos 90…
Si, claro. De feito, foi co que empecei. Daquela a xente pensaba que os zocos xa tiñan que ter desaparecido, así que cando empecei a pintar as madeiras de cores e a cambiar o zoco tradicional non o entendía, pero hai que ser insistentes e crer no que fas!

Cos zocos Voa mariquiña, voa gañaches o premio Antón Fraguas da Deputación da Coruña á innovación artesanal no ano 2010. Que supuxo ese galardón?
Ademais do recoñecemento, deume a oportunidade de demostrarlle á xente, incluso ao xurado dese certame, que os zocos non estaban mortos e que supoñían un eido cheo de posibilidades. Nas feiras de artesanía, en máis dunha ocasión, chegáronme a dicir que os zocos eran un calzado en desuso, polo que non se tiña moi en conta o seu valor. O premio permitiume demostrar que os zocos seguían vivos e que tiñan moito que andar.

«Creo que o máis importante que podía facer polos zocos xa está feito: revivir o oficio e dignificar un calzado en desuso. Penso que non podo facer nada máis grande nin que me quede nada por facer»

Hai un século o teu avó ía de casa en casa facendo zocos. Hoxe os zocos dos Ferro seguen caracterizándose pola personalización. Ata onde pode chegar?
É difícil sabelo. A pesar de que aquí temos moitísimos modelos en stock, á xente gústalle facer un traballo personalizado para ter máis exclusividade, así que non sei ata onde pode chegar a personalización. O que si sei é que este foi un factor importante á hora de funcionar mellor, á hora de ter máis clientes.

O tempo cambiou o uso e ata o territorio natural dos zocos. Agora paséanse orgullosos polas rúas e prazas das capitais, e a adaptación ás novas necesidades trouxo novas inclinacións e o uso, por exemplo, da abeleira. Hai marxe aínda para seguir rexuvenecéndoos?
Por suposto! No noso oficio hai marxe para seguir innovando, como fixemos cos zocos flexibles. No noso obradoiro usamos as madeiras que se usaban tradicionalmente, xa que son as que mellor van para as nosas condicións climáticas. Haber hai outras madeiras que tamén irían ben para facer zocas, como a da nogueira e o loureiro, pero que serían máis devastadoras por mor da súa escaseza. O que non se pode facer nunca é estancarse e acomodarse. Se pensas que o tes todo feito, aí está todo perdido!

En tempos, os negros eran os zocos dos domingos. Poderíase dicir que hoxe os vosos zocos están dando lugar a novos costumes? Hai en Galicia unha nova xeración zoqueira?
O uso que se lle dá agora mesmo aos zocos, a verdade, é cotián, tanto para ir traballar como para acudir a unha festa, a un evento etc. É un emprego moi diferente ao habitual hai quince anos, cando se empregaban para traballar no campo e, en menor maneira, para ir pola rúa. No rural, por desgraza, están caendo en desuso, mentres que nas vilas se ven cada vez máis. Tamén estamos a notar que cando un neno ou nena os leva ao colexio, outros nenos e nenas queren os seus zocos.

As vosas coleccións suman deseño e confort a partes iguais. Pero por onde van as preferencias dentro e fóra de Galicia?
Hai uns modelos que son os que máis se venden e que funcionan igual de ben aquí ca fóra, o zoco vermello liso, tamén o modelo Barrio, a cor café con leite… Pero non temos unha variña máxica! Ás veces fas un modelo que cres que se vai vender ben e, despois, non acontece así.

Ata as noivas optan polas túas creacións para o día da súa voda. Que cres que ten en común o voso público?
En común que son persoas, porque despois hai tantos gustos coma clientes. Cando chegan aquí ven a verdade, ven que non tento vender algo que non somos. No noso caso, o que ves nas redes sociais é o que ves aquí. O traballo que se fai nas redes, fágoo eu. Se me queres coñecer, nas redes podes ver o que fago e as cousas que me gustan, ou como me sinto ou o que atrae [ri], é iso, a verdade!

Cada día cativas a miles e miles de seguidores nas redes sociais. É Internet o teu mellor escaparate?
Si [é contundente]. Foi un grande impulso á hora de facer marca. Para un taller artesán é moi difícil lograr que a marca se recoñeza e, aínda que moita xente nos coñecía das feiras, non acontecía o mesmo coa marca. As montaxes para as redes, que comezaron como unha broma, fixeron que a xente espallase o que facía. Esta acción trouxo e trae moitos clientes ata Merza. E aínda que moita xente pensa que lle pagamos a unha empresa para facer isto, en realidade son eu quen o fai. Eu non teño coñecementos de fotografía, polo que recorro ao móbil. Capto o que o meu ollo ve.

Témosche escoitado dicir que a inspiración pode xurdir onde menos o esperas. Que pode ocorrer nun xantar familiar ou no parto dunha porquiña. Cal dirías que é ata agora o teu maior atrevemento?
Ao principio estas montaxes para as redes sociais eran consecuencia dun estado de absoluta efervescencia, pero logo de cinco anos realizándoas, ás veces xórdenme dúbidas de que poderei facer despois, aínda que ao final o resultado sempre vai ser unha instantánea dos meus sentimentos. O que tento transmitir é como me sinto en cada momento e o amor ten moito que ver con todo isto.

A actualización de formas e materiais é parella á evolución na xeito de mercar. Internet acabará por liquidar as feiras?
Non. As feiras foron e seguen a ser un lugar de encontro necesario.

En tempos, o coiro era o maior obstáculo para producir zocos. De cara ao futuro, cal pode ser o maior reto ao que lle deberá facer fronte unha zoqueira artesá?
No futuro deberemos respectar máis a natureza. O compromiso ecolóxico levaranos a empregar madeiras sostibles para lograr produtos sostibles.

Por último, se Elena Ferro fora uns zocos, que modelo sería?
Eu son, claramente, un zoco tradicional.

«Eu comecei a facer cambios no zoco tradicional no ano 95. Eses cambios que fun introducindo eran cambios necesarios. A xente acostuma pensar que un día me levantei, fixen zocos de cores e que, vaia, foi unha marabilla!, cando o certo é que foi necesario facer un traballo moi grande e moi complexo para conseguir que foran ben aceptados»

Queres ollar outros contidos relevantes?

Artesanía de Galicia

150 150 CORALIA

Artesanía de Galicia é a marca que representa os profesionais que conforman o sector artesán galego. Este distintivo inclúe produtos de alta calidade, coidadosamente deseñados e que contan unha historia fascinante: a das raíces da nosa cultura combinadas co deseño contemporáneo, coa personalidade dos creadores e coa mestría das súas mans. Hai, pois, que ter en conta que na Artesanía de Galicia o resultado final sempre reflicte a acción consciente do artesán durante o proceso de creación da peza.

Xarra tradicional de Niñodaguia. Agustín Vázquez Ferreiro e J. Vázquez S.C.

Xersei io, de fio a pavio – slow textile

Asento de vimbio La Parabólica

Pololos Traxandaina Traxe Tradicional 

Xoias Katuxa Platero

Hai un espazo para a artesanía en cada momento das nosas vidas, xa sexa como pezas utilitarias ou decorativas en cada recuncho da casa, xa sexa como complemento para ocasións especiais e para o día a día. A artesanía constitúe unha excelente opción para a decoración de interiores, unha excelente maneira de destacar o propio ambiente, que ademais de cumprir unha función estética tamén lle outorga personalidade, un toque de exclusividade e autenticidade. O mesmo ocorre cando empregamos a artesanía para complementar a nosa imaxe persoal, pola capacidade de cada peza para contar unha historia.

Artesanía de Galicia presenta unha ampla variedade de produtos orientados á decoración de ambiente, complementos de moda, xoiería, xoguetes, utensilios de cociña, instrumentos musicais ou redes, entre outros. Son pezas elaboradas en materiais que van desde os barros tradicionais, a madeira ou a la ata a prata e outros metais, pasando polo vidro, o coiro, a pedra ou o papel.

A proposta de Artesanía de Galicia pasa por combinar pezas de artesanía tradicional e contemporánea co obxectivo de crear ambientes e looks con personalidade propia. Propoñemos recuperar as creacións máis tradicionais da nosa artesanía e incorporalas aos nosos fogares e á nosa vida diaria, dándolles novos usos e conseguindo que convivan con outras pezas máis contemporáneas. En paralelo, Artesanía de Galicia tamén distingue os produtos de deseño contemporáneo, nos que os novos materiais, a innovación e as novas tecnoloxías xogan un papel fundamental.

Cestos de láminas de castiñeiro Antonio Suárez Dávila

Manta infantil Ana Castro

Pelotas de coiro Emcouros

Coxíns peixe Artesesa

Xoguetes de madeira Artesanía Silvent

Alfombra Centro de Recuperación da Cultura Popular

Calcetíns Traxandaina Traxe Tradicional

Queres ollar outros contidos relevantes?
Política de privacidade

Se consente a utilización de cookies, continúa navegando ou fai clic nalgún link entenderase que consinte a nosa política de cookies e, por tanto, a instalación das mesmas no seu equipo ou dispositivo.

Se vostede quere, pode cambiar a configuración de cookies en calquera momento, configurando o seu navegador para aceptar, ou non, as cookies que recibe ou para que o navegador o avise cando un servidor queira gardar unha cookie.

Esta web utiliza cookies.
error: Contido protexido