•  981 806 528 & 670 594 685 info@coralia.gal

audiovisual galego

Paul Daniel

150 150 CORALIA

A Real Filharmonía de Galicia celebra os seus primeiros vinte anos de éxitos baixo a dirección de Paul Daniel. O tamén director da Orquestra Nacional de Burdeos e director invitado das máis destacadas orquestras e compañías de ópera mundiais deseñou un programa cheo de contrastes para a tempada que agora principia, que inclúe nomes como Gluck, Dvoràk, Brahms ou Buide.

Desde o seu nomeamento como director titular hai tres anos, Daniel está a imprimir un estilo novo á orquestra da cidade, que veu como se ampliaba o seu repertorio ou como xurdían novos formatos de concerto cos que achegar a música dos grandes compositores á cidadanía compostelá.

Daniel, que foi condecorado coa Cruz do Imperio Británico no ano 2000, e que recibiu o premio Olivier pola súa dedicación á ópera e un Gramophone pola súa serie de música inglesa para Naxos, enche o noso número de outono de paixón pola vida e pola música.

CULTURA

Cales son as principais sorpresas que nos reserva o programa da nova tempada da RFG?
Para min é importante arrancar a tempada cun gran concerto no Auditorio. Igual de importante é levar a música alí onde vive a xente; por iso este ano faremos visitas aos centros socioculturais, dividindo a orquestra en dúas seccións e tocando para xente que normalmente non crería que a orquestra lle pertencese. Poderán escoitar así grandes obras de Bach, Mendelssohn, Britten ou Grieg. No Auditorio principiamos tempada coa estrea de Pasaxes de Fernando Buide, un compositor galego recoñecido no mundo enteiro, nun programa que tamén inclúe unha sinfonía de Brahms. En novembro presentaremos en Santiago e Vigo a grande ópera de Bizet Os pescadores de perlas en versión concerto. Trátase dunha nova iniciativa que poñemos en marcha en coprodución cos Amigos de la Ópera de Vigo. E, antes do Nadal, poderedes oír a importantes directores e solistas interpretando grandes sinfonías clásicas de Beethoven, Brahms ou Dvoràk, xunto a outras menos habituais como o Concerto para violín e vento de Kurt Weill. A orquestra tamén tocará en Vigo dúas veces antes do Nadal, e irá a Ourense, Ferrol e Lugo repetindo os concertos de Santiago. E, antes de despedir o ano, tamén recibiremos a Antoni Ros Marbà, un dos directores máis importantes para a RFG. Ademais, grazas ao programa Descubre unha orquestra para ti, a túa! poderanse escoitar obras coñecidas do repertorio da RFG dunha maneira máis informal e nun ambiente máis distendido. Facer canteira de público é un labor moi importante, por iso poderase escoitar a RFG nos barrios, nun concerto de tarde para nenos e familias ou nun concerto de abonamento máis formal.

«Esta orquestra é de pequeno tamaño; pero a súa ambición é moi grande e, aínda que somos conscientes das nosas dimensións, gústanos marcarnos grandes metas e tratar de acadalas».

«A xente nova acostumouse a recibir moita información nun prazo de tempo moi curto e agora estamos a asistir a un cambio de ciclo, a un novo xeito de achegarse á cultura e ao lecer que se traduce en que se corren máis maratóns e se len libros máis voluminosos».

«Cando o público aprecia como se fan as cousas e os músicos se preocupan de agradar ao público prodúcese unha boa retroalimentación, a retroalimentación das cousas pequenas; e é entón cando recollemos un produto feito con coidado, a man e con cariño».

Cando, no 2013, asumiches a dirección da orquestra compostelá, sentías que a música da Filharmonía estaba escondida. Revelar a súa música e chegar a un público máis amplo é un fermoso obxectivo. Cales son as virtudes da Real Filharmonía para conseguilo?
Esta orquestra é de pequeno tamaño; pero a súa ambición é moi grande e, aínda que somos conscientes das nosas dimensións, gústanos marcarnos grandes metas e tratar de acadalas. Ao longo destes tres anos tentei abrir as ventás ao público, porque cando cheguei á dirección da RFG a orquestra parecía estar escondida.

Logo de anos dándolle as costas á música en vivo, a mocidade volve encher auditorios. Cal cres ti que pode ser o motivo deste fenómeno?
Durante anos, a mocidade afíxose a vivir o seu lecer a toda présa, centrándose en actividades que precisaban concentración durante pouco tempo. A xente nova acostumouse a recibir moita información nun prazo de tempo moi curto e agora estamos a asistir a un cambio de ciclo, a un novo xeito de achegarse á cultura e ao lecer que se traduce en que se corren máis maratóns e se len libros máis voluminosos. É o que ocorre coa comida, que viviu o triunfo da fast food antes de imporse a slow food, na que se inviste tempo en cociñar sen présa.

É a RFG unha xoia descoñecida para Compostela?
O meu traballo pretende que a cidade coñeza a súa orquestra. O reto é lograr a visualización da RFG. Se non somos capaces de chegar coa música á cidadanía de Compostela, o problema somos nós, non a cidade. Non é o mesmo descoñecemento que falta de valoración.

O Auditorio de Galicia é a casa da RFG, unha casa á que chegarán obras importantes este exercicio. Sénteste a gusto no Auditorio?
Eu véxome moi cómodo no Auditorio, pero a música fíxome ser moi ambicioso. Quero ver xente no Auditorio todo o día.

Falando de ambición, cunha carreira como a túa, con premios como o Olivier ou o Gramophone, que significado encerran a RFG e Santiago para ti?
Se a cidade e a orquestra teñen ambición, non hai mellor sitio no que estar que Santiago de Compostela. As grandes cidades e o seu público están esgotados. O público xa o viu todo, polo que non aprecia a oferta e resulta difícil atraer a súa atención. Londres, ás veces, semella un gran bazar no que todo está a túa disposición, e con toda esa oferta de produtos recorrer a cidade resulta algo esgotador. Cando o público aprecia como se fan as cousas e os músicos se preocupan de agradar ao público prodúcese unha boa retroalimentación, a retroalimentación das cousas pequenas; e é entón cando recollemos un produto feito con coidado, a man e con cariño.

Un soño?
Eu non soño mentres durmo; só soño cando estou a dirixir.

Quen son os compositores que mellor conectan co público compostelán e con Paul Daniel?
Ata a miña chegada, o carácter da orquestra estaba moi conectado co mundo de Mozart, Haydn, Schumann, Brahms ou Beethoven, é dicir, co miolo do repertorio clásico. Desde logo este é o corazón do mundo da música, pero penso que o público, os músicos e máis eu coincidimos na idea de escoitar un pouco máis de Janaceck, Mahler ou Benjamin Britten. A orquestra sempre estivo interesada nun amplo repertorio, e creo que as veces é bo procurar un toque de fusión. A min gústame innovar desde a tradición, aínda que o meu compositor favorito sempre é o que interpreto ese día.

Burdeos e Santiago están conectadas pola batuta de Paul Daniel, pero en que se parecen musicalmente as dúas capitais?
A ambición das dúas orquestras crea unha conexión moi especial co público. Son dúas cidades con importantes universidades, conectadas polo Camiño de Santiago. En Burdeos comeza un dos camiños máis importantes, e a min, no futuro, gustariame facer o Camiño unindo ambas as dúas orquestras.

Música que che transporta á nenez?
A nana Polly put the kettle on.

Despois de dirixir a Real Filharmonía, interpretando a compositores de orixe galega como Fernando Buide ou Eduardo Soutullo, onde cre Paul Daniel que radica a singularidade da música feita en Galicia?
A música galega é moi rica. De feito, cada compositor ten unha cor e unha personalidade completamente diferentes. Non podes comparar a Buide con Vázquez, con Soutullo ou con Durán. É sorprendente o número de compositores que hai en Galicia, pero todos os autores cos que teño traballado teñen en común un fondo coñecemento da tradición e do acervo cultural galego, que son capaces de interiorizar e transformar en algo único, que ninguén fixera antes.

Darlles nova vida ás partituras é o segredo da boa dirección? Como se consegue?
Pese a que a resposta é doada, isto é moi difícil de conseguir. Como músico, ti coñeces de memoria cada nota de Beethoven, porque a tes tocado moitas veces, por iso o reto é borrar a túa memoria e comezar de cero, coa mente limpa, como se fose a primeira vez que te enfrontas a esa peza. Ser capaz de esquecer todo o que sabes, todo o que sentes, para empezar de novo, é a habilidade técnica máis importante dun músico a hora de enfrontarse a unha partitura.

Por último, é a música o mellor medio para poñer paz nun mundo que, dun tempo a esta parte, semella ter toleado?
A música en abstracto non é nada; non existe. É unha idea neutra que só adquire senso cando a interpretamos para a xente e a tocamos xuntos. Os músicos tocamos xuntos, cantamos xuntos; sen fronteiras, sen Brexit. En Israel ou en Palestina ou na China vaise entender facilmente a música doutra cultura, de aí que cando os músicos interpretamos xuntos unha partitura estamos asistindo a un acto de paz. Por iso creo firmemente que non podes facer a guerra con alguén co que fas música.

«A música en abstracto non é nada; non existe. É unha idea neutra que só adquire senso cando a interpretamos para a xente e a tocamos xuntos. Os músicos tocamos xuntos, cantamos xuntos; sen fronteiras, sen Brexit».

Entrevista extraída do número 4.

Queres ollar outros contidos relevantes?

Xosé Luís Bernal

150 150 CORALIA

Sempre desexou que o público recoñecese na súa creación máis recoñecida, Farruco, a algún dos personaxes das viñetas de Castelao. Darlle vida durante máis de medio século a ese galego entrañábel e sentimental, valedor de causas nobres e sempre disposto a prestarlle a súa voz aos menos favorecidos, fixo que moitos confundisen a persoa co personaxe.

«Quen me dera parecerme a o meu personaxe!», expresa en alto Bernal, en cuxa voz poderosa a historia, as lembranzas e as anécdotas de tantos anos volven cobrar vida instantaneamente.

Detrás do veterinario de Terras de Miranda, do adiviño das Divinas palabras de García Sánchez ou do Xunqueira de Allí abajo, está o moi compostelán Bernal, grande entre os grandes.

«Nós somos un pouco Compostela e Compostela é un pouco nós. Méndez Ferrín dicíao así: 'Os irmáns Bernal están eternamente condenados a soportar Compostela e Compostela está eternamente condenada a soportar os Bernal'»

CULTURA

En que se parece o Vilar de 2016 á rúa na que xogabas de neno alá polos corenta e cincuenta?
Esteticamente parécese en todo, pero perdeu o encanto aldeán. Eu sempre digo que nacín nun sitio que tiña un norte de torres e campás e un patio inmenso para xogar, que era a praza do Toural, onde xogabamos a policías e ladróns, ás agachadas ou á pita cega. Aquela rúa do Vilar era sentimental, entrañable, era esa Compostela eterna, a aldea máis grande de Europa, da que falaba Otero Pedrayo. Toda esa vida que tiña a rúa do Vilar morreu. Cando converteron a librería de Gali, a máis antiga de España sen restaurar, nun bazar de apóstolos de plástico e botafumeiros de calamina, eu protestei e berrei moito. Pensei que era unha blasfemia! Cos anos, o Vilar e Compostela viráronse máis cosmopolitas, pero a rúa segue mantendo a beleza, o encanto das vellas pedras que relambean pola noite co reflexo dos farois e o seu silencio nocturno. E agora, igual ca antes, os peregrinos seguen gastando as súas pedras milenarias camiño da catedral.

Cando o teu maxín voaba de rapaz, con que soñabas de cara ao futuro?
Soñaba con ser pallaso; ata o extremo de que o meu querido e lembrado irmán, Diego, e mais eu xogabamos a cotío a ser pallasos. Lembro unha ocasión na que viñeran a casa as colchoeiras a abrir os colchóns. Diego colleulles unhas tesoiras, cortoume o pelo e cubriume a cabeza coa la dos colchóns. Creo que cando chegou o meu pai, terminou de afeitarnos aos dous.

Tras pasar polas Orfas e a Normal, convertícheste nun vampiro en Peleteiro. A expresión artística tiña oco dentro do asfixiante sistema educativo daquel tempo?
Non tiña moito oco, pero eu buscábao. En Peleteiro, eu era bastante díscolo e sarillo, difícil de aturar, e Peleteiro colleume como exemplo de como había que tratar a un elemento díscolo, así que cada vez que alguén se portaba mal nunha clase chamábanme a min de exemplo de como había que tratar ao díscolo e dábanme unha malleira. Bumba! Entón, pensei en facerllas pagar. E formei unha panda coa que atacar o colexio: Os vampiros, cos que pola noite atacaba o colexio. Mentres que un apedraba o colexio, outro baixaba o machete da luz, outro prendía os petardos de mecha lenta, outro metíalle cemento péptico nas fechaduras e outros berraban. Moitas veces tiñan que chamar aos bombeiros para que abrisen a porta ao día seguinte (risos distendidos). Eu non sei se tiña humor, pero o que si tiña era afán revolucionario.

O amor da familia Bernal López por Compostela, onde nace?
En Compostela! Como dicía o meu irmán, Diego: «Eu nacín na rúa do Vilar. Se a rúa do Vilar é o corazón de Compostela, e Compostela é o corazón de Galicia, eu nacín no corazón do corazón». Eu de Compostela non saio, e de aquí «nin Dios me quita». Nós somos un pouco Compostela e Compostela é un pouco nós. Méndez Ferrín dicíao así: «Os irmáns Bernal están eternamente condenados a soportar Compostela e Compostela está eternamente condenada a soportar os Bernal».

«Cada vez que subín a un escenario da emigración, non sei se había máis bágoas ou máis gargalladas»

A túa familia mantivo unha relación moi especial coas irmás Fandiño Ricart. Como lembras a Maruxa e a Coralia? Podes imaxinar a Compostela dos setenta sen as Marías?
Non. Era imposible saír á rúa ás dúas en punto sen atoparse con Maruxa e Coralia. Miña nai, que fora amiga delas na súa infancia, pasados os anos acolleu na casa a Magdalena, a última das irmás vivas que quedaba, na que ao parecer batía un familiar alcohólico. E grazas a iso eu cheguei a coñecer moi fondamente a vida das irmás Fandiño Ricart. Magdalena, que fora señora de compañía dos marqueses de Riestra, era unha María en branco e negro. Mentres que as Dúas Marías eran mulleres en technicolor, Magdalena vestía sempre de abrigo negro cun colo de pel branco. Era unha muller de rostro branco, branco, cabelo de prata vella e un falar moi rebuscado, de grande ampulosidade. Eu fun dos poucos privilexiados que entrei na súa casa do Espírito Santo, cun benquerido amigo e benfeitor delas, Tito Carro. Era unha casa moi humilde, moi velliña, pero limpa coma unha patena. Aquela era unha Compostela gris, escura, de cregos e mulleres con mantillas, de homes enloitados entre os que, de repente, xurdían as Marías vestidas de cores, coma dúas geishas, rompendo esquemas e adiantándose ao tempo. Naquela Compostela gris, as Marías eran as grandes rompedoras.

Estado político?
De esquerdas, moi de esquerdas.
Un sabor?
Azucre non, que son diabético.

«Aquela era unha Compostela gris, escura, de cregos e mulleres con mantillas, de homes enloitados entre os que, de repente, xurdían as Marías vestidas de cores, coma dúas geishas, rompendo esquemas e adiantándose ao tempo. Naquela Compostela gris, as Marías eran as grandes rompedoras»

Os teus escaparates no negocio familiar, El Yunque, acadaron sona internacional. Como lembras aqueles anos?
Cando o meu pai cansou de agardar que algún día aprobase algunha materia, decidiu meterme a traballar na ferraxaría, e eu convertín o escaparate no meu medio de expresión, canso de meterme detrás do mostrador e sacar mentalidade de pechadura. Quería expresar todo o que levaba dentro! Deron moito que falar, ata o extremo que algúns foron publicados na francesa Le monde e en todas as revistas e xornais nacionais. O dedicado ao lume no monte, co lema «Queimades a quen vos aleita, asasinos» ou o referido ao depósito de residuos atómicos na costa «Queremos a Costa da Morte, pero non a morte da nosa costa» foron moi comentados. Tamén montei escaparates polos que fun represado, por exemplo pola Brigada Político-Social, por un saldo de culleres co lema «Hacemos un saldo de cucharas para que todo el mundo tenga algo que llevarse a la boca en este país», ou polos Guerrilleros de Cristo Rey, que comandaba Blas Piñar, cando fixen un saldo de coitelos ao que acompañei dun letreiro que dicía «Corta Blas, que no me vas». Ese era o humor que non tiñan as rúas e que eu sacaba por onde podía.

Coa retranca, nácese ou é unha arte que se aprende?
Eu supoño que se nace, como se nace con condicións para pintar ou para versificar. Pero se naces en Galicia a retranca é conxénita. Vén connosco.

E cal é o mellor público, o máis agradecido?
Para min o público máis agradecido é o da emigración. Debe ser que o meu personaxe, ademais de levarlle unha mensaxe do humor, leváballes a mensaxe do recordo do avó que deixaron cando eran nenos, do paxaro que cantaba na silveira camiño da escola, da aldea… Cada vez que subín a un escenario da emigración, non sei se había máis bágoas ou máis gargalladas.

O xoves é para varias xeracións o día das Cousas de Farruco en Radio Galicia. Pasen os anos que pasen, hai no teu repertorio historias ou personaxes infalíbeis?
Tiña ao mellor dezaoito anos cando entrei en Radio Galicia para facer o meu primeiro personaxe, en Farruco e o veterinario, con Ángel de la Peña. Pero teño que dicir que, a min, quen me deu moito xogo foi don Manuel. Don Manuel Fraga foi unha das «vítimas» do meu humor. Outra vítima foi don Xerardo Fernández Albor, o que fora presidente da Xunta, un compostelán de toda a vida, moi querido e moi boa xente, ao que bauticei coma don Geranio Fernández en Flor. Un día paroume na rúa, e con moito humor e cariño pediume que deixase de chamalo así, porque todo o mundo estaba a chamalo Geranio en Flor.

Con máis de cen trofeos, mencións e diplomas honoríficos, incluído o diploma da Academia do Humor, cal consideras que foi -ata o momento- o teu mellor momento profesional?
Posibelmente, cando conseguín disciplinarme e liberarme da miña anarquía, e intentei entrar no mundo do audiovisual. O meu mellor momento quizais foi aquel no que pateaba camiños, festas, romarías e aldeas; facía o programa diario na radio Cousas de Farruco, que tiña moito éxito; traballaba polas tardes en Tardes con Ana, con Ana Kiro, e facía de veterinario na serie Terras de Miranda, un personaxe que me deu moitas satisfaccións.

Entrevista extraída do número 3.

E para rematar, hai algunha partitura que te transporte instantaneamente ao Vilar?
Triste y sola se queda Fonseca transpórtame a Compostela, estea onde estea.

Queres ollar outros contidos relevantes?
Política de privacidade

Se consente a utilización de cookies, continúa navegando ou fai clic nalgún link entenderase que consinte a nosa política de cookies e, por tanto, a instalación das mesmas no seu equipo ou dispositivo.

Se vostede quere, pode cambiar a configuración de cookies en calquera momento, configurando o seu navegador para aceptar, ou non, as cookies que recibe ou para que o navegador o avise cando un servidor queira gardar unha cookie.

Esta web utiliza cookies.
error: Contido protexido