•  981 806 528 & 670 594 685 info@coralia.gal

carme hermida

A miña música compostelá

150 150 CORALIA

A miña música compostelá

Por CARME HERMIDA GULÍAS

Lingüista

O meu percorrido vital dos primeiros anos 80 ten como escenario Compostela, a onde eu chegara dende moi lonxe para iniciar os estudos universitarios, e como banda sonora a música que aquí se oía.

Polo día, a música das rúas polas que transitaba facíaa un velliño, nunca souben o seu nome, que se situaba co acordeón fronte á entrada da igrexa das Orfas. A súa compañeira, sempre sentada ó seu carón, era a encargada de sorrir a quen deixaba unha esmola e de recoller, cando era necesario, o contido do prato. Pola semana chegaban á mesma hora e, mentres ela acudía ó mercado, el ficaba só cun tocar triste que se aledaba coa volta da súa acompañante. Tamén aquela muller que baixaba polo Preguntoiro, hoxe diriamos que facía rap ou hip-hop, recitando algo que soaba a «A xustiza pola man» de Rosalía de Castro ou o John Balan que visitaba Santiago e se colocaba nunha porta do Franco para mostrar o seu talento rítmico. Así, unha vez esgotado o crédito televisivo e o acumulado nas actuacións do verán, conseguía o necesario para tomar uns viños e volver en tren a Marín. Polas rúas tamén se escoitaban as notas dos pianos que se coaban polas xanelas das casas ben e as que arrincaba a monxa que tocaba na igrexa de San Paio, na Vía Sacra, que imaxinabamos pensando no amor mentres desprazaba os dedos polas teclas; ou a tradicional que, ás bafaradas, despedía a porta da sé de Cantigas e Agarimos, hoxe silenciosa e brutalmente silenciada.

Así se forxou unha amizade que durou toda a carreira (e moito máis aló): contra a tuna, a súa estética e os seus ritmos. Mais non contra a música, porque as nosas saídas, que podían ser calquera día, comezaban na rúa da Conga nunha das mesas do fondo do Galo d’Ouro, case debaixo do cartel de «Prohibido fumar porros».

Non deixabamos o local sen escoitar na máquina de discos os acordes de Suzanne de Leonard Cohen e de Le Métèque de Georges Moustaki: «Avec ma gueule de métèque, / de juif errant, de pâtre grec / et mes cheveux aux quatre vents».

Neses remates de festa oín falar por primeira vez de Silvio Rodríguez e de Joaquín Sabina, despois xa non os esquecín. E na honra dos nosos lugares, aprendemos os Catro vellos mariñeiros cos da Mariña e o O rodaballo cos de Marín.

Era un domingo pola tarde do mes de outubro do meu primeiro ano e Compostela estaba chea de tunos de diferentes lugares que acudiran a un encontro musical. Eu entrara cunha amiga no Paris, polas tapas, que xa nos servían de merenda, e porque alí non había tunos. Uníronsenos outros compañeiros que chegaban pola mesma razón e, ó non haber sitio libre, sentaron connosco. Pasamos a tarde procurando outro lugar na zona vella onde non houbese un tuno. Como non o atopamos, paseamos e falamos. Así se forxou unha amizade que durou toda a carreira (e moito máis aló): contra a tuna, a súa estética e os seus ritmos. Mais non contra a música, porque as nosas saídas, que podían ser calquera día, comezaban na rúa da Conga nunha das mesas do fondo do Galo d’Ouro, case debaixo do cartel de «Prohibido fumar porros».

Non deixabamos o local sen escoitar na máquina de discos os acordes de Suzanne de Leonard Cohen e de Le Métèque de Georges Moustaki: «Avec ma gueule de métèque, / de juif errant, de pâtre grec / et mes cheveux aux quatre vents».

E despois a música faciámola nós polas rúas, entre local e local, e, sobre todo, n’O Porrón, nas Casas Reais, taberna onde remataban as nosas veladas populares. Alí, desafinando, pero con boa intención, dabámoslle a todo: alguén sacaba a peza e o resto acompañaba. Só en dous casos estaba permitida a voz solista: cando soaba Ojalá, cantado pola de Burela, e Pongamos que hablo de Madrid, que era a especialidade da de Viveiro. Nunca esas cancións me soaron tan ben, mesmo cando anos despois llelas escoitei en directo ós seus autores orixinais. Neses remates de festa oín falar por primeira vez de Silvio Rodríguez e de Joaquín Sabina, despois xa non os esquecín. E na honra dos nosos lugares, aprendemos os Catro vellos mariñeiros cos da Mariña e o O rodaballo cos de Marín.

Nas aulas tamén había música. A que eu lembro con maior claridade foi a que Paulino Novo e Uxía Senlle lle puxeron ó remate dunha campaña para representantes do alumnado na aula 11 de Filoloxía. O primeiro deixou os vieiros da música para dedicarse a outros mesteres profesionais. Uxía Senlle velaí a está. Eran compañeiros; un de Filoloxía Galega e a outra de Francesa.

Escenarios para actuacións en directo había poucos. Para a de Os Resentidos, que o noso curso organizara para conseguir cartos para unha viaxe a Portugal, houbera que botar man do local do SEU, aló entre Farmacia e Dereito. Na igrexa da Compañía, en Mazarelos, programábase sobre todo música clásica, pero non lembro ningunha interpretación que me impresionase. Nas salas comúns do Burgo adoitaba haber música que facían residentes e visitantes, pero antes do Auditorio de Galicia, ese era, sobre todo, o lugar en que pacía o burro que amenizaba as inauguracións dos cursos académicos. O concerto de Luis Eduardo Aute, o que máis me impresionou nestes meus primeiros anos composteláns, fora no auditorio do Colexio La Salle, alí onde tamén se programaban as obras de teatro que traía a Universidade.

As rúas e os locais eran o noso mellor escenario, por iso non entendín nin entendo a persecución contra a música na rúa. Debe ser cousa dos tristes que non queren que a cidade teña banda sonora orixinal.

Contido extraído do número 7.

Aquí tes máis contidos relevantes:

Mulleres Lilas, coirazas de cores

por MANUELA DOMÍNGUEZ

A liberdade de SER. Que liberdade?

Por CRISTINA PALACIOS

A pequena Compostela gusta da lectura

Por PILAR SAMPEDRO

Política de privacidade

Se consente a utilización de cookies, continúa navegando ou fai clic nalgún link entenderase que consinte a nosa política de cookies e, por tanto, a instalación das mesmas no seu equipo ou dispositivo.

Se vostede quere, pode cambiar a configuración de cookies en calquera momento, configurando o seu navegador para aceptar, ou non, as cookies que recibe ou para que o navegador o avise cando un servidor queira gardar unha cookie.

Esta web utiliza cookies.
error: Contido protexido