•  981 806 528 & 670 594 685 info@coralia.gal

casa das crechas

Coralia en verán

150 150 CORALIA

Entre bambú e xasmín, na idílica terraza do Hotel San Miguel presentouse o novo número de Coralia, unha revista dedicada ao verán e ás súas festas. E como non podía ser de outra forma, os amigos e as amigas ateigaron este fermoso recuncho demostrando que a familia de Coralia medra número a número.

Crónica e imaxes de MATEO CODESIDO

O pasado día 1 presentouse o número de verán de Coralia. O escenario era perfecto para unha presentación ao aire libre, a pesar das nubes ameazantes e do norte  que fixeron ás chaquetas protagonistas. Momentos antes de chegar os asistentes, Budiño probaba o son, enmarcado pola descomunal portada número 13, até deter o paso do tempo. Coas guitarras xa afinadas, o mestre do vento aclarou a súa voz cun té con limón mentres confesaba que para el todo isto de cantar era novo. «Aínda estou aprendendo» afirmaba cun sorriso transparente mentres o seu compañeiro de actuación, Brais Morán, dicía entre risos, «se ti es o que estás aprendendo, non sei como estaremos os demais».

A xente foi chegando e a exuberante terraciña do Solleiros quedouse pequena para unha gran xuntanza de amigos na que non faltaron saúdos efusivos, reencontros e gargalladas. Estiveron con nós moitas autoridades municipais: Gonzalo Muíños (quen interveu no acto), Mila Castro e Mercedes Rosón, do PsdeG, Martiño Noriega e Jorge Duarte, de Compostela Aberta ou Goretti Sanmartín, do BNG. Tamén nos acompañaron altos representantes do goberno autonómico como a conselleira de Educación, Carmen Pomar, o director xeral de Políticas Culturais, Anxo Lorenzo, a directora xeral de Comercio e Consumo, Sol María Vázquez Abeal, o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García Gómez, o xerente do SERGAS, Antonio Fernández-Campa ou a xerente da Fundación Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro. Todos gozaron desta festa como amigos que son de Coralia. Canda eles estaban persoeiros como Charo Froján, directora artística de D-Due, Carmen Fernández, decana da Facultade de Educación, a activista cultural Pilar Sampedro, os creadores Xema Varela, Rosa FigueroaKatuxa PlateroMónica Mura e Edu Valiña, a editora Isabel Patiño ou, entre outros moitos, a profesora Concha Fernández e a xornalista Tareixa Navaza. Empresarios de éxito como Lucía Freitas, Cyra Calvo, Chus Moure, Manuel Moscoso, Álex Sande, Carmen Rabuñal ou Delmiro Prieto tamén fixeron un oco na súa axenda á presentación da revista. Dar conta de toda a xente especial que alí se congregou é unha tarefa imposíbel, pois por sorte os eventos de Coralia hai tempo que representan datas sinaladas do calendario.

Non imos negar que nos encheu de ledicia contar coa compaña de Margarita Ledo, Tino Martínez, María Solar e Encarna Otero, que xa foron portada da revista e son parte desta gran familia que é Coralia.

Por terceira vez, entregamos as Peneiras, xentileza de Tórculo -ao igual que o fondo do escenario-, cuxos gañadores foron elixidos polas lectoras e lectores da revista a través do noso Facebook. Estes son gañadores da primavera:

Parque de Bonaval
A nosa zona verde favorita
Entrega Beti López
Recolle Mila Castro

Restaurante San Clemente
O establecemento co mellor aperitivo da cidade
Entrega Chus Moure
Recolle Emilia Vázquez Losada

San Pedro
A nosa rúa favorita para irmos de compras
Entrega Katuxa Platero
Recolle Mercedes Rosón

Bodeguilla de Santa Marta
A cociña máis creativa de Compostela
Entrega Pablo Couceiro
Recolle Jose Míguez

Bico de Xeado
O mellor xeado da cidade
Entrega Budiño
Recolle José María Calo Faraldo

Xosé A. Sánchez Bugallo
O máis votado para a alcaldía de Santiago
Entrega Vítor Belho
Recolle Mercedes Rosón

Martiño Noriega
O máis votado para a alcaldía de Compostela
Entrega Vítor Belho
Recolle Martiño Noriega

Suso do Dezaseis
O número 1 do portal coralia.gal
Entrega Jacobo Bermejo
Recolle Alba Belho

E ao fin chegou o momento máis agardado: o showcase de Budiño a dúo. Xosé Manuel, na compaña de Brais Morán, abraiou aos asistentes coa súa fermosa voz presentando varios temas de Fulgor, o seu traballo máis recente. Por certo, todos os discos postos á venda para recadar fondos para o Refuxio de Bando voaron, así que se o queredes escoitar bulide a mercalo. Paga verdadeiramente a pena.

O acto rematou como debe rematar unha xuntanza de amigos, con risos, unha copa de bo viño e uns petiscos xentileza do espazo gastronómico Solleiros e Pan da Moa.

A xuntanza prolongouse durante horas até que as obrigas deixaron as conversas en suspenso -quizais até a festa do outono-. Nunha noite de verán tipicamente compostelá as estrelas volveron brillar intensamente. Grazas!

Tamén é actualidade en Coralia:

Coralia en primavera

150 150 CORALIA

O número de primavera de Coralia presentábase este martes, 26 de marzo, no templo da cultura compostelá, a Libraria Couceiro, que este ano cumpre medio século de vida. Personalidades, autoridades e representantes do mundo da política, a cultura ou o comercio acudiron a unha cita que precisou de máis espazo para dar cabida á grande afluencia de amizades que quixeron acompañarnos.

Crónica e fotografías de MATEO CODESIDO

Cheguei pasadas as sete e media á Libraria Couceiro. «Que lugar máis apropiado para a presentación!», foi o primeiro que pensei. No corazón da Praza de Cervantes, emblema do comercio compostelán, preséntase unha revista dedicada ao comercio. Todo ben.

Non puiden ter un recibimento mellor. Xesús Couceiro en persoa e o seu fillo Pablo déronme a benvida e indicáronme amabelmente que o evento se celebraría no segundo andar. Ao ser a libraría máis antiga de Compostela non contaba con el, pero ao chegar arriba decateime de que había ascensor; unha libraría adaptada e accesible. Eu, que podo, subín as escaleiras gozando da maxia de cada espazo.

No camiño atopei a Valeria Pereiras, redactora xefa da revista e, hoxe tamén, anfitrioa. Apenas cinco ou seis persoas agardaban a chegada dos asistentes. Entre elas Álex e Alfredo, entre impacientes e expectantes. Axiña foron chegando os primeiros asistentes. O alcalde de Santiago, Martiño Noriega e a candidata do BNG e vicepresidenta da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín, foron as primeiras autoridades en facer acto de presenza. Representantes do Goberno galego, como a conselleira de Educación Carmen Pomar e o secretario xeral de Política Lingüística Valentín García, os candidatos á alcaldía do PP e Compromiso por Galicia, Agustín Hernández e Xoan Bascuas, a xerente da Fundación Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro, e moitas outras persoas convidadas foron enchendo o segundo piso de Couceiro de saúdos, bicos, apertas, risos e a sensación de que estaban nun evento que apetecía. Como a cea de Nadal cando levas moito tempo sen comer marisco. A xente tíñalle ganas.

Cando me din conta, as cadeiras estaban todas ocupadas, e a xente ateigaba as escaleiras tanto de subida como de baixada, coma paxariños nas pólas dunha carballeira. Coralia non quixo demorar e arrincou a presentación, incluída a actuación de Falua. Mentres gozabamos da súa fermosa música, apareceu Encarna Otero, a protagonista da capa, que chegaba tarde doutro evento –«a maxia de Compostela», dixo, «tantos eventos e cousas interesantes»–. Entrevistada por Valeria Pereiras para este número 12 da revista Encarna Otero, exprofesora de Álex e Alfredo, é a personificación do amor incondicional por Compostela, unha muller comprometida pensando constantemente en como mellorar a vida da cidadanía de Santiago.

Os risos compartidos e as sorpresas dominaron a presentación. Non foi un «yo he venido aquí a hablar de mi libro». As anécdotas, o dinamismo e o humor irreverente co que acostuman encandear Álex e Alfredo foron a tónica do evento. Di que si. Xa está ben de tanto discurso politicamente correcto. Tamén houbo tempo para reivindicar e mandar algunha indirecta. Nalgún momento víase baixar algunha cabeza como cando na escola che mandaban corrixir un exercicio e ti non o tiñas feito. Mais, ao final, o sorriso foi unánime.

Presentación Coralia primavera

Encarna foi a encargada de descubrir a capa da revista. Despois do «Ooooooh!» xeneralizado a sala arrincou en aplausos contemplando a ilustración de Encarna Otero realizada polo director de arte da publicación.

E o gran momento da noite produciuse coa entrega das peneiras. Eses distintivos cos que as lectoras e os lectores de Coralia elixen a «crème de la crème» da cidade. Desta vez os galardóns eran ben xeitosos. Patrocinounos Tórculo. Descoñecía eu que fixeran ese tipo de traballos.

A peneira de Coralia
Tórculo Mazarelos
Máis información aquí
Telf. 981 806 528

Parque da Alameda
O lugar máis romántico de Compostela
Entrega Ana Portals —do espazo gastronómico Solleiros—
Recolle Martiño Noriega Sánchez, alcalde de Santiago

O Dezaseis
O favorito para ir de viños
Entrega Elena Fabeiro, xerente da Fundación Artesanía de Galicia
Recolle Esteban Vázquez

Praia de Compostela (Vilagarcía)
A praia de Compostela
Entrega Cristina Doel, de Catrineta
Recolle Valentín García Gómez, secretario xeral de Política Lingüística

San Clemente
A mellor tapa
Entrega Elías Rozas, de Compostela Campers
Recolle Juan Ramón Vidal

A peneira de Coralia

Pub Momo
O pub máis enxebre
Entrega Eva Cividanes, de Queroté
Recolle Begoña, do pub Momo

Merlín e familia
A artesanía máis auténtica
Entrega Rita Sobrado, vicepresidenta da Asociación Hostelería Compostela
Recolle Patricia, de Merlín e familia

Casa das Crechas
O local con máis marcha
Entrega Óscar de Toro, de Café Venecia
Recolle Esteban Vázquez

Coas peneiras entregadas, Falua cerrou o acto e todo o mundo se dispuxo a recoller un exemplar da revista.

Coma sempre, a presentación non defraudou. Detrás dun acto coma este hai sempre unha maneira diferente de facer e contar as cousas.

Foi a primeira vez que acudía desde que son parte de Miranda Priestly, empresa editora da revista, e para min supuxo toda unha experiencia. O mesmo habería que ir reservando data e modelo para a presentación do número de verán porque vai ser boa! Prometido.

Coralia na libraria Couceiro

Tamén é actualidade en Coralia:

Sumrrá

150 150 CORALIA

O domingo 3 de decembro de 2017 Sumrrá ofreceu o seu concerto número «setenta e pico» na Casa das Crechas de Santiago de Compostela. Ao día seguinte, entraron no estudio dispostos a rexistrar o seu sexto disco. Para este trío de jazz -Xacobe Martínez Antelo ao contrabaixo, LAR Legido á percusión e Manuel Gutiérrez ao piano- o que importa é tocar. E é no directo onde realmente expresa a potencia e a singularidade dunha proposta que, segundo os propios músicos, excede os límites do jazz.

Entrevista de DANIEL SALGADO
Fotografías de JUAN LUIS AMADO & SEUN YULL NAH

O nome do trío é unha homenaxe ao músico de jazz Sun Ra?
LAR. Houbo unha sesión de improvisación e, non sei por que, soou a palabra «sumrrá». A verdade é que non sabiamos ben que nome poñernos. E dixen: «Gústavos Sumrrá?». A eles deulles igual.
Xacobe. Fíxonos graza. Non pensabamos que fósemos estar todo este tempo con este proxecto. Non por nada, senón porque os grupos son efémeros. Daquela iamos facer unha serie de concertos no [pub] Medusa. «Oe, hai que poñerlle un nome». Entón saíu Sumrrá. Temos que explicar o por que a cada pouco [risos].

Sumrra

«Coincidimos tocando xuntos de maneira informal, nalgunha jam session, e xurdiu de forma natural. O primeiro en propoñelo foi Xacobe: «Por que non quedamos para tocar?». E ao final o de quedar para tocar acabou en «por que non un grupo?» E até hoxe»

«O feito de que agora ao público lle guste, porque funcionamos a nivel de público, é un pouco un paradoxo, unha desas voltas do destino. Porque é o proxecto menos comercial que podes imaxinar. Isto non está pensado para gustarlle a ninguén. E temos a sorte de que, desde o principio, existe respecto mutuo. Respectámonos abondo como para que cada un sexa libre dentro desta historia. O que é dificilísimo dentro da música»

Adóitase asociar o jazz con instrumentos de vento. O trío de piano, contrabaixo e batería non é, porén, tan inhabitual. Mais, por que esta formación?
Manuel. Coincidimos tocando xuntos de maneira informal, nalgunha jam session, e xurdiu de forma natural. O primeiro en propoñelo foi Xacobe: «Por que non quedamos para tocar?». E ao final o de quedar para tocar acabou en «por que non un grupo?» E até hoxe.

Case vinte anos, cinco discos e medio mundo percorrido.
Xacobe. Si, pero xurdiu así. Se fosen outros instrumentos tamén xurdiría.

Mais non foi algo programado en plan «imos facer un trío de piano».
Xacobe. Que va. Con Sumrrá creo que non programamos nada.
Manuel. De feito, eu creo que intentei montar algún trío con Luis e non fun quen.

Por que?
Manuel. Porque sempre dicía que non. Unha vez intentamos montar un trío e acabou en cuarteto.
Xacobe. Eu lembro que nas jam, cando quedabamos os tres, había algo súper especial. Abríase un relanzo, «tío, que pasa aquí?». Despois de falar moito de música con Manuel démonos conta de que había moitas cousas sobre as que pensabamos igual. O impulso era musical. O feito de que agora ao público lle guste, porque funcionamos a nivel de público, é un pouco un paradoxo, unha desas voltas do destino. Porque é o proxecto menos comercial que podes imaxinar. Isto non está pensado para gustarlle a ninguén. E temos a sorte de que, desde o principio, existe respecto mutuo. Respectámonos abondo como para que cada un sexa libre dentro desta historia. O que é dificilísimo dentro da música.
Manuel. E que ademais funcione como grupo.

Sentídesvos cómodos baixo a etiqueta jazz?
Manuel. Eu particularmente non creo nas etiquetas. Porque é imposíbel abranguer cunha etiqueta toda a historia do jazz, cousas tan diferentes. É como se dis «música clásica». Iso que é? De Mozart a Stockhausen hai algo de diferenza. É inabarcábel. Pero é certo que cando hai elementos improvisados e precisas unha referencia, ou se hai un festival de jazz e queres tocar nel, si é unha etiqueta que funciona.

Talvez sexa mellor falar dunha tradición jazz en que, dalgunha maneira, estades inscritos.
Xacobe. O tema é apaixonante. Se analizamos o background musical de cada un de nós é un cacao absoluto. Eu creo que Sumrrá si se pode entender como jazz porque formalmente partimos dun trío de jazz, da exposición dun tema, dun solo… Non é tanto que haxa swing ou non. Porque despois, como interpretamos material orixinal, hai un pouco de todo. Si que non sería honesto dicir: «Isto non é jazz».
Manuel. Formalmente si o é.
Xacobe. Totalmente. É un trío de jazz. E estou encantado con esa definición. Despois hai quen nos ve e di: «Pero isto non é jazz». E sempre o din como algo positivo, como dicindo: «Hostia, pensei que era jazz pero non, é algo mellor». Ao final, o obxectivo é conseguir que te vexan e que gocen.
LAR. En Sumrrá tamén depende de onde estivemos cada un dos tres. Se no rock, se no jazz, se no swing, se na música contemporánea…
Xacobe. Se fas un listado de dez discos que recomendarías a un extraterrestre habería un pouco de todo. Unha das cousas que máis me gustan de Sumrrá é que sexamos tres cans verdes e cada un cunha entidade moi particular. E o feito de que cada un, dende a súa película persoal, achega música ao trío.

Sumrrá xa ten un son definido, persoal no primeiro disco. Como entendedes a evolución?
LAR. Ah, si? [Escéptico] Entendo.
Xacobe. É a sensación que che dicía das jam, desde o primeiro intre foi así. Foi natural e como é natural, a evolución é natural.
Manuel. Eu creo que evolución si que hai. O que pasa é que como é progresiva, natural, e ao longo de moitos anos, igual non está tan clara nos discos. Pero se paras a mirar tema por tema, si que hai diferenza.

En que sentido?
Manuel. Na composición. O que pasa é que a personalidade de cada un cando tocamos sempre se nota e había algo en común aí. Somos as mesmas persoas. Pero si que hai evolución. O que non hai é unha programación tipo «imos facer un disco que soe a» ou «co concepto de non sei que».

Sumrrá desprega toda a súa intensidade en directo. Como tomades a decisión de publicar un disco?
Xacobe. O noso modus operandi é tocar en directo. É o que facemos, o que nos interesa. E a actividade que a nós, como músicos profesionais, nos rende economicamente. E dende o primeiro momento, Sumrrá decidiu traballar con material orixinal. A clave foi esa. Fixemos bastante material orixinal, e tocouse, até que de maneira natural se xeraron ganas de máis material. E así até cinco veces, os cinco discos. E o sexto disco, que gravaremos agora. Daquela, non é tanto que os discos sexan un produto discográfico senón mais ben como unha foto, unha polaroid do intre dese repertorio. De feito, seguimos tocando o repertorio que se gravou no 2001. Aos discos non lle damos tanta importancia, non somos tan fetichistas. É máis ben unha ferramenta para dicir: «A música queda aí gravada por se alguén quere un recordo de Sumrrá». Pero claro, non levas Sumrrá, levas Sumrrá o 3 de xullo de 2008 na Sala Nasa.

Que papel xoga a improvisación na vosa música?
[Longo silencio] LAR. Non sei, a verdade é que eu improviso todo. [Risos]. Igual hai unha frase que me queda aí e de súpeto fágoa, pero en xeral estou improvisando.

[A Xacobe e Manuel] Entendo que vós, como compositores, non.
Manuel. A parte composta é realmente pequena. É como no jazz: sobre temas simples hai un desenvolvemento posterior. De improvisación hai moito. Mesmo a exposición dos temas nunca é igual. O que está composto, se fose un discurso, serían unhas anotacións, non un texto.
LAR. Pasa o mesmo que coa pregunta de se é jazz ou non, se é improvisación ou non. É unha lea…
Xacobe. A xente non está familiarizada co concepto de improvisación, pero realmente é o que estás facendo ti nesta entrevista. Vés aquí con información, a raíz do que dicimos lembras outras cousas e achégalas, pero se antes dicimos outras cousas xa non dis as mesmas… O que nos facemos é iso. Tocamos tal tema, sabémolo, está en torno a este tempo, normalmente respéctase a exposición, a melodía do tema. Agora poderiamos xogar a desfacer moitísimo máis os límites e seguiriamos estando aí. Hai tamén un equilibrio. Ás veces pénsase que a improvisación é a liberdade e non improvisar ou improvisar nun perfil baixo é menos divertido. Con todo, moitas veces gozamos do rol de ser un contrabaixista, de ser un batería, de ser un pianista.

Existe unha fronteira a non cruzar cando improvisades?
Xacobe. Non o sei.
LAR. Que non se enfade ninguén. [Risos]
Xacobe. Comparemos a música con esta conversa. Se de súpeto ti empezas a falar en chinés, está guai, escoitamos un anaco. Se botas cinco minutos falando en chinés, fago un vídeo e cólgoo. E chega un intre en que deixa de ser conversa. Todo é posíbel, pero a música ten unhas regras e unha linguaxe. Improvisamos constantemente en todo. Pero se nós os catro nos metemos aquí para unha conversa, o ideal é ter unha conversa caralluda. Esa é a nosa idea, facer música e facer música caralluda. Hai días que podemos estar súper espelidos e enxeñosos e encaixamos. E hai outras veces que eu estou falando e el está mirando para o móbil. Isto sucede na música. O bo que ten Sumrrá nestes últimos dous anos é que tocamos moitísimo.

Visto desde fóra, Sumrrá deu un salto en repercusión. Tedes esas sensación?
Xacobe. Este ano foi espectacular.
LAR. Houbo unha aposta para saír de Galicia e tocar en festivais, unha dedicación. Pero o máis importante é estar tocando, é o que ten forza e o que ten sentido.

Como é a recepción fóra?
LAR. Aquí é impresionante, pero en China… De súpeto había colas para asinar discos.
Xacobe. Lembro a primeira viaxe longa, a Suráfrica. E foi a hostia. Vendemos nun concerto 90 discos, case todo o que levabamos. A resposta é como se foses familia.
LAR. A xente enténdeo.
Xacobe. E iso na nosa cabeciña tamén inflúe. Porque non é o mesmo estar sempre tocando máis no inmediato que, de súpeto, viaxar a Corea, China, Bolivia, México, Nicaragua, Suráfrica, Bulgaria… Sitios e xente que loxicamente non te coñece de nada e que moitas veces nin viran un contrabaixo diante. A partir do primeiro minuto a xente empeza a vibrar na onda. A maioría das veces son concertos moi enriquecedores.

Existe o jazz galego?
Xacobe. Nin de coña. Hai algo que si pode definir a familia do jazz galego: en xeral levámonos ben. Pode parecer unha parvada pero non o é. Estilisticamente? Non, porque non nos nutrimos da mesma historia. Hai xente máis centrada no jazz europeo de vangarda, hai outra xente máis centrada no mainstream americano, xente que vén doutras disciplinas…
Manuel. No mundo actual a influencia non son as túas raíces, se non o que escoitas nos medios. Porque estás conectado e en certo modo elixes as túas raíces. Desde o momento en que decides que música escoitar, que libros ler, estás decidindo ti cales son as túas raíces. Xa non hai esa continuidade tan clara de que, como nacín aquí, fago esta música.

É curioso, porque o jazz ten unha orixe moi concreta.
Manuel. Se partísemos das raíces, para empezar non tocariamos jazz.

E cales son as raíces que, como Sumrrá, escollestes?
Xacobe. Como Sumrrá ningunha. As raíces son tres, Luis, Xacobe e Manuel. Non temos referentes como grupo. Cada un ten os seus. O que nos uniu foi tocar xuntos. Botamos máis tempo tocando xuntos que facendo calquera outra cousa xuntos. Non somos tampouco ese perfil de grupo de tres tipos que sexan do mesmo barrio, que van á mesma escola… Somos tres tipos aos que nos uniu a música. Facemos o que podemos, tío.

Hai algún lugar de Compostela importante na vosa historia?
Xacobe. Todos os sitios onde tocamos. O primeiro concerto foi no Medusa.
LAR. A ver que pasa co Dado, o Dado que?
Xacobe. Pero no Dado non era como Sumrrá.
Manuel. Igual houbo un intre en que si. Pero no Medusa houbo unha época en que tocamos meses enteiros varios días á semana.
Xacobe. Foi onde se empezou a cocer. Temos a sorte de coñecer unha cidade onde se fai música en practicamente calquera sitio. E nós somos defensores e activistas diso, porque estamos todas as semanas aquí [nas Crechas], como estivemos na Borriquita, no Dado, no Medusa…

«O máis importante é estar tocando, é o que ten forza e o que ten sentido»

Sumrra

«Unha das cousas que máis me gustan de Sumrrá é que sexamos tres cans verdes e cada un cunha entidade moi particular»

Sumrra

«No mundo actual a influencia non son as túas raíces, se non o que escoitas nos medios. Porque estás conectado e en certo modo elixes as túas raíces. Desde o momento en que decides que música escoitar, que libros ler, estás decidindo ti cales son as túas raíces»

Sumrra

«As raíces son tres, Luis, Xacobe e Manuel. Non temos referentes como grupo. Cada un ten os seus. O que nos uniu foi tocar xuntos»

Entrevista extraída do número 8.

Queres ollar outros contidos relevantes?
Política de privacidade

Se consente a utilización de cookies, continúa navegando ou fai clic nalgún link entenderase que consinte a nosa política de cookies e, por tanto, a instalación das mesmas no seu equipo ou dispositivo.

Se vostede quere, pode cambiar a configuración de cookies en calquera momento, configurando o seu navegador para aceptar, ou non, as cookies que recibe ou para que o navegador o avise cando un servidor queira gardar unha cookie.

Esta web utiliza cookies.
error: Contido protexido