•  981 806 528 & 670 594 685 info@coralia.gal

casa do cabido

Christian Escuredo

150 150 CORALIA

De sorriso permanente e ollar curioso, Escuredo mantén intactas a frescura e enerxía do seu debut (Inesperadamente, de 2004), xunto ás ganas de divertirse e aprender cada día.

Con só trinta e dous anos, é unha estrela que, sen renunciar á súa esencia ou ás persoas e lugares importantes, saborea tranquilamente o seu éxito maiúsculo.

Diplomado en educación musical, licenciado en arte dramática e cun posgrao en artes escénicas, Christian transita do cine ao teatro e da música á danza con absoluta naturalidade.

O protagonista das longametraxes El silencio de los objetos de Iván Rojas, A pesar de todo, quérote, de Jorge Algora ou Barreiros de Simón Casal de Miguel, e o Carlos Grandío da premiada serie Libro de familia (TVG), é hoxe por hoxe un dos imprescindíbeis da carteleira madrileña.

A compostelá Casa do Cabido é o escenario perfecto para a conversa e un decorado ideal para fotografar un dos rostros máis atractivos da escena actual.

Christian Escuredo, actor

SOCIEDADE

Desde o outono de 2014 Christian é Adam, un Adán que reina no Broadway madrileño subido a unhas plataformas de vertixe. Icona da tolerancia e a diversidade, o irreverente personaxe da superprodución musical Priscilla, reina del desierto é un ser complexo, tenro e divertido, ao que dotou de vida e autenticidade este recoñecido actor e músico valdeorrés.

Premiado como actor revelación de 2014, o mellor actor de musical de 2015 vive un momento absolutamente doce na profesión, recoñecido por público e crítica grazas a un personaxe que lle proporcionou incontábeis alegrías.

Cando o éxito te acompaña ano tras ano, é difícil manterse pegado á realidade?
Eu manteño os pés na terra estando conectado co presente. A min amólame moito pensar no futuro e gústame espremer cada día. Vivir as cousas que suceden en cada momento é quizais o que me permite manterme centrado. O que de verdade me gusta é vivir o presente!

Ser o mellor actor de musical en España de 2015 faiche pensar en dar o salto a Londres ou Broadway?
Non, precisamente. O que fai é darme pulos para seguir dedicándome ao que máis me apetece, sen que signifique que iso teña que ocorrer en Londres, Broadway, Madrid ou Santiago de Compostela.

Despois de tantas representacións, hai algunha función que sexa máis memorable ca o resto?
Por suposto que si. Os parabéns da última función de Priscilla en Madrid, ao igual que as do Fan day, que coincidiu co meu aniversario, foron algo máis que aplausos, supoñían a constatación da especial gratitude de moita, moita xente. Ao mesmo tempo, eses momentos recompénsante interiormente por todo o esforzo, por todo o traballo de cada día. Para min, ese é o xeito de ver como a sementeira vai dando o seu froito.

A viaxe de Adam, Bernadette e Tick, os tres protagonistas do musical de Sidney a Alice Springs é un viaxe de gran crecemento persoal. Que significou no teu caso?
Para min esta viaxe foi un descubrimento constante, tanto á hora de preparar o personaxe como traballando as súas circunstancias ao longo de cincocentas doce funcións. Unha viaxe que me deu a posibilidade de descubrir un universo que descoñecía e do que puiden empaparme completamente.

Terse subido a unhas plataformas día tras día durante tantas funcións, permítelle a Christian ver o mundo desde un punto de vista sorprendente: «dáme unha perspectiva máis divertida do mundo, desde a que vivir a vida coma se dun xogo se tratara». É aí talvez onde se orixina a súa gran versatilidade, que lle permite ser Rolf, o mensaxeiro nazi do musical Sonrisas y lágrimas, e a drag Felicia de Priscilla. Humanizando o personaxe, Christian construíu un Adam moi sólido «máis galego que australiano», que lle esixiu dedicación constante mañá, tarde e noite desde moito antes da estrea do musical. «Levo unha vida monacal» recoñece o actor, que foi quen de transformar as dúas horas e media de coreografía con continuos cambios de vestiario, perrucas e maquillaxe, nun exercicio natural e absolutamente fluído.

A mellor hora do día?
O momento de meterme na cama para durmir.
Un ritual diario acostumado?
Beber un vaso de auga nada máis erguerme.
Que é indispensábel para ter o corazón contento?
Non deitarse enfadado nunca.
Recuncho favorito de Compostela.
Hai moitos...! O parque de Bonaval, por exemplo. É moi bonito.
Unha canción para compartir?
Calquera de Gregory Porter.
Non adormeces sen...
Poñer o espertador (moitos risos)!
Un desexo.
O que máis desexo é que nos entendamos todos.
Unha persoa fundamental?
A miña nai.

O afecto do público é fundamental nunha carreira de éxito pero, chega a resentirse a vida persoal pola sobreexposición mediática ou vai no oficio?
Vai no oficio, porque vives do público e tes que ser consciente de que a repercusión do factor público na túa vida pode variar segundo o momento. É algo que vai no oficio, que aprendes a relativizar.

No Barco principiou o teu camiño, e é alí onde se atopa o seu refuxio. Que camiño é máis doado de facer? O que leva de Soulecín a Madrid ou de Madrid a Soulecín?
Máis doado é ir de Madrid a Valdeorras, porque cando regresas á casa sabes que vas atopar.

Ars Mediterránea International acaba de concederche o Gran Premio de España polo teu labor coma pedagogo teatral. En cal das dúas vertentes es máis feliz? Na de intérprete ou na de docente?
Eu son feliz nas dúas por igual. Como docente, o que tento facer é compartir o que experimento como intérprete. E como intérprete, gústame moito descubrir matices e traballar personaxes, para amosar o mellor de min no escenario ou diante da cámara e poder poñer en práctica todo o que me ensinaron os meus mentores e todo o que me ensinan os meus compañeiros, que é cos que máis aprendo da profesión.

É posíbel sobrevivir a unha superprodución coma Priscilla, reina del desierto? Cales serán as túas próximas paradas?
(Entre risos) Claro que sobrevives! Como non vas sobrevivir! Sobrevivir, sobrevives a todo! Os seres humanos estamos configurados para a adaptación e para superar calquera experiencia. E polo que se refire á miña próxima parada vai ser… Valdeorras. Toca descansar un pouco!

Contido extraído do núm. 2

Christian Escuredo, actor

Alalá I Who Killed Bambi? I Francis Montesinos Vestimenta
Rois Llongueras Peiteado e maquillaxe
Álex Regueiro Estilismo
Alfredo Iglesias Fotografía
Casa do Cabido Localización

Queres ollar outros contidos relevantes?

Olga Prieto

150 150 CORALIA

Durante décadas, as irmás Fandiño Ricart mantiveron acesa unha chama de liberdade que lle insuflou vida ao vello corazón de Compostela. Pasado o tempo, é un deber cidadán devolverlle ese alento e ese amor a Maruxa e a Coralia; por iso nos gusta facelo a través da moda que se viste e que se le.

MODA POR FERNANDO FRANJO

«Só as mans crean cousas únicas. Gústanme as pedras de formas caprichosas que me permiten crear pezas exclusivas». Desde o seu pequeno obradoiro de México D.F, a deseñadora Olga Prieto fala das súas creacións en xoiaría como dunha mestura de deseño e traballo artesán. Na súa propia definición Prieto fai seu o término grego Meraki, a unión de alma, creatividade e paixón. Coruñesa de nacemento, fixo a súa carreira de Farmacia na Universidade de Santiago, pero, en 2003, unha historia de amor levouna á capital azteca e foi alí onde trocou definitivamente a súa vida cando, no pequeno mercado de San Angel, se deixou seducir polo traballo dos artesáns, a golpe de martelo. Sen moldes.

Olga pertence a esa xeración de creadores galegos que asentaron a súa vida, as súas inquedanzas fora do noso país seguindo o fío do destino. Tras rematar a súa carreira universitaria en Compostela e con só 25 anos de idade, deu o salto a Caracas e despois a México, onde, ao tempo que facía un diplomado universitario e impartía clases de Física nunha escola empezou a facer as súas primeiras pezas mentres formaba a súa familia persoal e profesional o que a levou a deixar de lado a ciencia e optar pola súa verdadeira paixón: a xoiaría.

A tintura amarela do latón, as pedras preciosas seleccionadas e o traballo manual son as tres claves desde as súas primeiras obras. Cando na súa xuventude Olga percorría as rúas de pedra de Compostela e cruzaba as escaleiras de Praterías ou da Quintana, nin se imaxinaría a bo seguro que un día as súas pezas feitas a man partirían do seu pequeno obradoiro mexicano e viaxarían por Europa, América ou Asia ou que lle darían cor, entre outras moitas, ás portadas de Vogue, Elle, Harper´s Bazaar ou Glamour.

«Só as mans crean cousas únicas. Gústanme as pedras de formas caprichosas que me permiten crear pezas exclusivas».

As súas xoias visten o que outras non poden vestir, danlle cor á pel e engúrranse nos tecidos de modelos xa habituais das súas coleccións como Nati Abascal, Eugenia Silva, Elsa Pataky ou Julieta Venegas.

Cando na súa xuventude Olga percorría as rúas de pedra de Compostela e cruzaba as escaleiras de Praterías ou da Quintana, nin se imaxinaría a bo seguro que un día as súas pezas feitas a man partirían do seu pequeno obradoiro mexicano e viaxarían por Europa, América ou Asia ou que lle darían cor, entre outras moitas, ás portadas de Vogue, Elle, Harper´s Bazaar ou Glamour.

Olga Prieto elixiu hai xa case quince anos como principal sinal de identidade o uso do color metálico que se traballa en México, terceiro produtor de prata no mundo e un dos principais en ouro, ópalo, ámbar ou cuarzo.

Olga Prieto ven demostrar que a moda e moito máis que un look de tempada; é unha raíz, unha peza que non ten custe, senón valor e, precisamente, é a man do artista a que lle da esa identidade engadida.

Miriam Figueiredo de Pina Modelo
Rois Llongueras Peiteado e maquillaxe
Álex Regueiro Estilista
Fred Iglesias Fotógrafo
Casa do Cabido Localización

As súas xoias visten o que outras non poden vestir, danlle cor á pel e engúrranse nos tecidos de modelos xa habituais das súas coleccións como Nati Abascal, Eugenia Silva, Elsa Pataky ou Julieta Venegas. Reflicten o que que só o autor pode crear.

O seu obxectivo é a elegancia allea ás modas e as tendencias das pedras e metais do universo máis cool. Os seus deseños en pendentes, colares, pulseiras, brazaletes e aros do seu look book escorregan con elegancia sobre as delicadas meixelas de distintas cores nas xanelas da Casa do Cabido, que se deita desde hai case trescentos anos sobre as Praterías.

Aquel pano pétreo, o mesmo no que locen agora as pezas de Olga Prieto, nace no gran Barroco compostelán da man do arquitecto Fernández Sarela para disfrazar e dar feitizo a unhas vivendas que se asomaban á escena románica que aínda perdura no corazón da cidade. A que foi, e aínda é hoxe, unha das máis recoñecidas testemuñas urbanas da cidade convértese agora nun privilexiado escenario de arte que captou os reflexos da creadora galega que repousan xunto aos vidros e respiran a súa inquedanza por mostrar en cada peza a pegada do artesán. Do mesmo artesán que cicela, martela ou queima os metais para dar a forma ás súas xoias.

A tradición da ourivaría de Compostela levou a que prateiros e acibecheiros teñan derramada unha praza na contorna da Catedral. Precisamente aquí onde no noso tempo a prata e o acibeche como símbolo do Camiño de Santiago asoman ás rúas como o fixeran os torques desde os altos castrexos.

A través dunha visión europea, Olga Prieto elixiu hai xa case quince anos como principal sinal de identidade o uso do color metálico que se traballa en México, terceiro produtor de prata no mundo e un dos principais en ouro, ópalo, ámbar ou cuarzo. Desde o seu obradoiro a poucos metros da casa museo de Frida Kahlo e Diego Rivera, Olga Prieto busca e consegue o protagonismo desa artesanía en latón (www.olgaprieto.es) que aos seus ollos converte esta forma de traballo manual nun reto diario que busca a fermosura imperfecta, a verdadeira riqueza dese outro México natural da tradición e da imaxinación.

A marca Prieto atopa os materiais e o sistema de elaboración que non prexudique ao usuario e a súa contorna. As súas son pezas sobrias, intemporais, sen dono nen idades. Teñen un carácter propio, que se adapta ás feituras femininas e que adoitan a súa personalidade ao ritmo da fundición. Cada unha das súas pedras, que van desde zafiros, augamariñas, labradoritas ou cuarzos é coidadosamente seleccionada por una creadora que non cre na xoiaría vangardista e está afeita as técnicas ancestrais dominadas ao longo de xeracións de artesáns da cultura indíxena.

A xoiaría mexicana é moi valorada e un dos principais consumidores de metais preciosos do mundo. Desde tempos anteriores á conquista, a prata foi un dos materiais máis apreciados polos ourives mesoamericanos, que asociaban o metal coa noite, coa lúa. Neste século, Olga Prieto ven demostrar que a moda e moito máis que un look de tempada; é unha raíz, unha peza que non ten custe, senón valor e, precisamente, é a man do artista a que lle da esa identidade engadida. Alquimia e maxia.

Queres ollar outros contidos relevantes?
Política de privacidade

Se consente a utilización de cookies, continúa navegando ou fai clic nalgún link entenderase que consinte a nosa política de cookies e, por tanto, a instalación das mesmas no seu equipo ou dispositivo.

Se vostede quere, pode cambiar a configuración de cookies en calquera momento, configurando o seu navegador para aceptar, ou non, as cookies que recibe ou para que o navegador o avise cando un servidor queira gardar unha cookie.

Esta web utiliza cookies.
error: Contido protexido