•  981 806 528 & 670 594 685 info@coralia.gal

Coralia magazine

Coralia núm. 18

150 150 CORALIA

Coralia núm. 18

Regresamos cun número excepcional para festexarmos o quinto aniversario de Coralia!

Por ÁLEX REGUEIRO
Director de comunicación de Miranda Priestly, S.L.

Miranda Priestly, empresa editora da revista Coralia, presenta a primeira Guía de Viaxes de Galicia, unha coidadísima publicación de periodicidade anual que, ao longo de 116 páxinas, analiza os destinos, propostas e plans que farán da comunidade galega o destino máis desexado de 2021.

A Guía de Viaxes de Galicia (GVG) edítase ao abeiro do Fondo de proxectos culturais Xacobeo 2021 da Xunta de Galicia, e xorde como un achegamento á cultura da viaxe e ao mundo do turismo en Galicia que combina novos enfoques informativos e formulacións conceptuais orixinais.

A primeira edición de GVG fíxase como fin principal captar o interese das galegas e galegos que desfrutan percorrendo as infinitas Galicias que hai na nosa terra, un obxectivo ambicioso que, ao mesmo tempo, supón a oportunidade de ofrecer unha visión verdadeira e xenuinamente galega aos visitantes que elixan Galicia como destino en 2021.

2020 fixo agromar novas necesidades e dinámicas sociais que no ano 2021 se trasladarán indubidablemente ao mundo da viaxe. Como certifica a GVG, a experiencia personalizada será a protagonista indiscutible de viaxes e vacacións que promoverán a singularidade e a exclusividade, xa sexa para gozar dun solpor nas Torres de Oeste, dun polbo ao sal en Ourense ou dunha noite baixo as estrelas da Teixeira.

Os mellores plans para vivir Galicia inclúen unha viaxe ao país das mil romarías, a ruta das fariñas, historias de faros, rutas de bos soños, rutas de 5 leguas e visitas á arca do tesouro de Monterrei, Carballo, A Estrada, Lalín, Padrón, o proxecto Xeoparque do Cabo Ortegal ou Ourense.

A Guía de Viaxes de Galicia de Coralia é resultado do talento e bo facer (e do grande amor pola terra) de destacados profesionais da viaxe, xornalistas especializados, escritores e fotógrafos de primeira división, entre os que se figuran Manuel Gago, Jorge Guitián, Alberto Barciela, Estíbaliz Veiga, Rober Amado, Tino Martínez, Laura Ramos Cuba ou Armando Requeixo.

En 2021, Coralia vólvese máis viaxeira ca nunca para vivir ao grande o ano de Galicia!

 

Elena Ferro

150 150 CORALIA

Elena Ferro

Ás nos pés

Entrevista de ANA GARCÍA
Fotografías de ELÍAS OTERO

Con moitísimo tesón e un amor infinito por un oficio que na súa casa leva pasando de pais a fillos máis de cen anos, Ferro foi quen de lle dar nova vida ao noso calzado máis tradicional, achegándolle deseño, liñas orixinais e unha adaptabilidade total aos gustos de cada cliente. Despois de 25 anos de éxitos e de recibir recoñecementos como o Premio Nacional de Artesanía 2019, a zoqueira de Merza segue a ter os pés na terra e segue a elixir o seu propio camiño, sen présas, pero sen pausas, consciente de que é da súa autenticidade da que xorde ese equilibrio entre tradición e vangarda que namora homes e mulleres por todo o mundo. Visitamos o seu obradoiro de Vila de Cruces (Pontevedra) a piques de entrar no período con máis encargas do ano, cando a chuvia e o frío volven encher corredoiras, rúas e prazas coas cores e o estilo inigualable de Eferro.

Zocos e pan de millo foron durante séculos sinónimo de dificultades. De que o serían hoxe?
Sono do rescate da nosa cultura. Tanto os zocos coma o pan de millo dignifican o noso pasado. A finais dos anos 70, por mor dos cambios sociais, os zocos deixaron de demandarse.

Voso é o mérito de devolverlles a dignidade e o uso. Cales son os factores determinantes deste rexurdimento?
O traballo e o esforzo, a insistencia. Eu comecei a facer cambios no zoco tradicional no ano 95. Eses cambios que fun introducindo eran cambios necesarios. A xente acostuma pensar que un día me levantei, fixen zocos de cores e que, vaia, foi unha marabilla!, cando o certo é que foi necesario facer un traballo moi grande e moi complexo para conseguir que foran ben aceptados.

Que soños lle quedan por cumprir a aquela rapariga que paseaba polas terras do Deza subida a un John Deere 505?
Creo que o máis importante que podía facer polos zocos xa está feito: revivir o oficio e dignificar un calzado en desuso. Penso que non podo facer nada máis grande nin que me quede nada por facer, así que creo que, neste aspecto, os meus soños están cumpridos.

Traballar na aldea achégalle unha identidade especial ao teu traballo?
Na aldea pódese traballar con tranquilidade. Agora temos unha tenda na Coruña, pero antes só tiñamos o obradoiro, ata onde a xente comezou a vir e continuou a vir. Conseguir que a xente viñese ata a aldea para mercar no noso taller é un labor moi, moi importante, e como lle digo sempre á xente, aquí chegas e aparcas, non tes que estar buscando sitio para deixar o coche nin sofres estrés de condución nin nada. Para min, traballar na aldea só ten vantaxes.

Conquistar o público con zocos vén a ser algo así como facer que o lobo se namore da carapuchiña vermella. Nesta relación cal cres que é a clave para manter viva a paixón?
Pois… [colle aire], é crer no que fas! e tentar que a xente vexa o teu traballo! Eu sempre pensei que o calzado que protexeu do frío e da humidade os labregos e as labregas durante tanto tempo, non podía ser tan malo. Para min, foi e é un orgullo rescatar e poñer en valor o calzado da xente máis humilde.

En que se sustenta o voso éxito? A teimosía e o cariño polo tradición son dous piares importantes?
Si, claro, por suposto! O respecto á tradición é o principio de todo; é de aí de onde xorden o resto de traballos que facemos. Segundo a miña experiencia, con amor é como mellor se traballa.

Pintar a madeira ou cambiar a cor da pel semellarían verdadeiras tolarías a finais dos anos 90…
Si, claro. De feito, foi co que empecei. Daquela a xente pensaba que os zocos xa tiñan que ter desaparecido, así que cando empecei a pintar as madeiras de cores e a cambiar o zoco tradicional non o entendía, pero hai que ser insistentes e crer no que fas!

Cos zocos Voa mariquiña, voa gañaches o premio Antón Fraguas da Deputación da Coruña á innovación artesanal no ano 2010. Que supuxo ese galardón?
Ademais do recoñecemento, deume a oportunidade de demostrarlle á xente, incluso ao xurado dese certame, que os zocos non estaban mortos e que supoñían un eido cheo de posibilidades. Nas feiras de artesanía, en máis dunha ocasión, chegáronme a dicir que os zocos eran un calzado en desuso, polo que non se tiña moi en conta o seu valor. O premio permitiume demostrar que os zocos seguían vivos e que tiñan moito que andar.

«Creo que o máis importante que podía facer polos zocos xa está feito: revivir o oficio e dignificar un calzado en desuso. Penso que non podo facer nada máis grande nin que me quede nada por facer»

Hai un século o teu avó ía de casa en casa facendo zocos. Hoxe os zocos dos Ferro seguen caracterizándose pola personalización. Ata onde pode chegar?
É difícil sabelo. A pesar de que aquí temos moitísimos modelos en stock, á xente gústalle facer un traballo personalizado para ter máis exclusividade, así que non sei ata onde pode chegar a personalización. O que si sei é que este foi un factor importante á hora de funcionar mellor, á hora de ter máis clientes.

O tempo cambiou o uso e ata o territorio natural dos zocos. Agora paséanse orgullosos polas rúas e prazas das capitais, e a adaptación ás novas necesidades trouxo novas inclinacións e o uso, por exemplo, da abeleira. Hai marxe aínda para seguir rexuvenecéndoos?
Por suposto! No noso oficio hai marxe para seguir innovando, como fixemos cos zocos flexibles. No noso obradoiro usamos as madeiras que se usaban tradicionalmente, xa que son as que mellor van para as nosas condicións climáticas. Haber hai outras madeiras que tamén irían ben para facer zocas, como a da nogueira e o loureiro, pero que serían máis devastadoras por mor da súa escaseza. O que non se pode facer nunca é estancarse e acomodarse. Se pensas que o tes todo feito, aí está todo perdido!

En tempos, os negros eran os zocos dos domingos. Poderíase dicir que hoxe os vosos zocos están dando lugar a novos costumes? Hai en Galicia unha nova xeración zoqueira?
O uso que se lle dá agora mesmo aos zocos, a verdade, é cotián, tanto para ir traballar como para acudir a unha festa, a un evento etc. É un emprego moi diferente ao habitual hai quince anos, cando se empregaban para traballar no campo e, en menor maneira, para ir pola rúa. No rural, por desgraza, están caendo en desuso, mentres que nas vilas se ven cada vez máis. Tamén estamos a notar que cando un neno ou nena os leva ao colexio, outros nenos e nenas queren os seus zocos.

As vosas coleccións suman deseño e confort a partes iguais. Pero por onde van as preferencias dentro e fóra de Galicia?
Hai uns modelos que son os que máis se venden e que funcionan igual de ben aquí ca fóra, o zoco vermello liso, tamén o modelo Barrio, a cor café con leite… Pero non temos unha variña máxica! Ás veces fas un modelo que cres que se vai vender ben e, despois, non acontece así.

Ata as noivas optan polas túas creacións para o día da súa voda. Que cres que ten en común o voso público?
En común que son persoas, porque despois hai tantos gustos coma clientes. Cando chegan aquí ven a verdade, ven que non tento vender algo que non somos. No noso caso, o que ves nas redes sociais é o que ves aquí. O traballo que se fai nas redes, fágoo eu. Se me queres coñecer, nas redes podes ver o que fago e as cousas que me gustan, ou como me sinto ou o que atrae [ri], é iso, a verdade!

Cada día cativas a miles e miles de seguidores nas redes sociais. É Internet o teu mellor escaparate?
Si [é contundente]. Foi un grande impulso á hora de facer marca. Para un taller artesán é moi difícil lograr que a marca se recoñeza e, aínda que moita xente nos coñecía das feiras, non acontecía o mesmo coa marca. As montaxes para as redes, que comezaron como unha broma, fixeron que a xente espallase o que facía. Esta acción trouxo e trae moitos clientes ata Merza. E aínda que moita xente pensa que lle pagamos a unha empresa para facer isto, en realidade son eu quen o fai. Eu non teño coñecementos de fotografía, polo que recorro ao móbil. Capto o que o meu ollo ve.

Témosche escoitado dicir que a inspiración pode xurdir onde menos o esperas. Que pode ocorrer nun xantar familiar ou no parto dunha porquiña. Cal dirías que é ata agora o teu maior atrevemento?
Ao principio estas montaxes para as redes sociais eran consecuencia dun estado de absoluta efervescencia, pero logo de cinco anos realizándoas, ás veces xórdenme dúbidas de que poderei facer despois, aínda que ao final o resultado sempre vai ser unha instantánea dos meus sentimentos. O que tento transmitir é como me sinto en cada momento e o amor ten moito que ver con todo isto.

A actualización de formas e materiais é parella á evolución na xeito de mercar. Internet acabará por liquidar as feiras?
Non. As feiras foron e seguen a ser un lugar de encontro necesario.

En tempos, o coiro era o maior obstáculo para producir zocos. De cara ao futuro, cal pode ser o maior reto ao que lle deberá facer fronte unha zoqueira artesá?
No futuro deberemos respectar máis a natureza. O compromiso ecolóxico levaranos a empregar madeiras sostibles para lograr produtos sostibles.

Por último, se Elena Ferro fora uns zocos, que modelo sería?
Eu son, claramente, un zoco tradicional.

«Eu comecei a facer cambios no zoco tradicional no ano 95. Eses cambios que fun introducindo eran cambios necesarios. A xente acostuma pensar que un día me levantei, fixen zocos de cores e que, vaia, foi unha marabilla!, cando o certo é que foi necesario facer un traballo moi grande e moi complexo para conseguir que foran ben aceptados»

Queres ollar outros contidos relevantes?

Miguel Ángel Santalices Vieira

150 150 CORALIA

Miguel Ángel Santalices Vieira

«Galicia foi, é e será terra de heroes»

Entrevista de ÁLEX REGUEIRO
Fotografías de FRED IGLESIAS

Hai múltiples razóns que explican o porqué da alta valoración que de Miguel Ángel Santalices Vieira (Bande, 1955) teñen as súas señorías, pero independentemente dos motivos individuais ou do partido, todas coinciden en recoñecer o seu fondo compromiso coa nosa terra, coas súas xentes e coa institución que preside, a primeira de Galicia. Despois, hai quen fai fincapé no Santalices médico galeguista seducido pola política, quen non dubida ao cualificalo como o político humanista que máis sabe de sanidade pública, os que apuntan o seu bo ollo como coleccionista de arte, os que destacan o seu espírito viaxeiro, e tamén quen conta del que é o anfitrión perfecto.

Visitar o Parlamento de Galicia canda el proporciona unha visión moi nidia do necesario e a miúdo descoñecido traballo que nel se leva a cabo, mais tamén do orgullo e respecto que sente o seu presidente polo posto para o que foi elixido a comezos de 2016.

Co Pazo do Hórreo agardando as señorías que lidarán cos retos da XI lexislatura, o presidente Santalices ábrelle a Coralia as portas da cámara autonómica para darnos o seu diagnóstico do estado de saúde do parlamentarismo galego e para mirar cara a atrás e tamén cara a adiante.

Bande e o Xurés son as paisaxes da súa infancia. Din que os arraiáns teñen un carácter especial.
Si, é certo. Vivir nunha zona separada de Portugal por unha raia marca o devir da vida diaria nesa terra marabillosa e o devir do teu futuro. Pola miña terra refírese á historia dun científico estadounidense que sinalou o Xurés como o lugar onde faría a súa casa de producirse unha catástrofe ecolóxica… Non sei se a historia é certa ou non, pero o que si é certo é que aquela marabillosa serra confire un carácter especial.

Un neno non se levanta un día dicindo «De maior quero ser presidente do Parlamento de Galicia», ou si?
Non, un neno levántase dicindo que quere ser bombeiro ou que quere ser médico, que quere ser arquitecto ou fontaneiro. O encargo de ser presidente do Parlamento supón un mérito singular que no meu caso é consecuencia da marcha da nosa presidenta a Madrid, e non dun plan orquestrado para converterme en presidente.

Chegou a Santiago para estudar medicina a principios dos anos 70, como era aquel mozo?
A miña mocidade estivo condicionada pola procedencia rural porque, como o meu pai era boticario en Bande, fun moi prematuramente separado do ambiente familiar para ir estudar fóra, primeiro aos xesuítas de Vigo, logo a Ourense, e posteriormente a Santiago. Fronte á tutela dos internados, a universidade supuxo máis liberdade e un escenario máis aberto para un mozo que daquela tiña un bo pelo negro e tamén barba negra [ri].

Na Baixa Limia exerceu a medicina por primeira vez. Foi naquel tempo cando decidiu orientarse cara á xestión?
Ao acabar Medicina [en 1979] nomeáronme médico na Baixa Limia, substituíndo os médicos que ían de vacacións. Ese mes, no que amais fun médico de urxencias de Ourense –pois daquela non había tantos médicos–, condicionou o meu futuro e propiciou que me distanciara da práctica clínica. Foi, en realidade, o único mes no que a exercín, ademais de nalgunha substitución puntual cando estaba na Inspección Médica.

Precisamente foi o éxito da súa xestión da Sanidade en Ourense o que lle abriu as portas da política. É verdade que vostede entrou na política en ascensor?
Esa situación vivina eu cando xa era xerente do hospital, logo de manter unha reunión co presidente do partido en Ourense, Xosé Luís Baltar, quen no tempo que lle leva a un ascensor baixar dun noveno andar a un baixo, me falou da posibilidade de ir nunha lista para as eleccións do ano 97. Ao deterse o ascensor dime: «xa falamos, xa falamos» e aí quedou a cousa. Logo, en efecto, chamáronme e decidín entrar na política. Eu xa tiña simpatizado coa militancia do partido e tamén coa das formacións das que vén o partido. A miña militancia vén moi condicionada polo galeguismo que inspirou a Centristas de Galicia, formación que acabaría integrándose no Partido Popular.

O galeguismo que é e como se exerce?
É a miña forma de ser galego e español. Procedo –e así o teño dito moitas veces– dunha familia cristiá e galeguista. Os meus devanceiros foron amigos de boa parte dos artistas e intelectuais galegos desde comezos do século pasado. O meu avó, que era médico, mesmo foi represaliado despois da Guerra Civil. De feito, antes de me decantar por estudar medicina, fun co meu pai ver a Don Ramón Otero Pedrayo para lle pedir consello. Celso Emilio Ferreiro frecuentaba a miña casa de Bande; e así moitos outros persoeiros que nos deron exemplo de integridade e compromiso, polo que resultan sempre fonte de inspiración. Son galeguista porque penso que a nosa cultura e a nosa lingua son dous tesouros que temos a obriga de preservar e compartir. Son galeguista porque me considero tan galego coma español, porque son europeo de pleno dereito e porque creo que estamos especialmente obrigados a cultivar as relacións cos países irmáns iberoamericanos.

A pesar disto, a entrada na política foi unha decisión difícil, por mor da oposición paterna.
Foi unha decisión moi complicada xa que o meu pai non quería que entrara na política porque consideraba que eu tiña un brillante futuro como xestor sanitario. Lembro as súas palabras: «Ten presente unha cousa se dás o paso de meterte en política, coñézote ben, que es o meu fillo, e tes uns defectos que eu che perdoo porque son o teu pai, pero cando entres na política non chos van perdoar, vanchos facer públicos e armaranche unha lea de envergadura, ti verás o que fas». Pero, ao final, escoitei a chamada da política, a pesar das reservas do meu pai, a quen miña nai tivo que levar a rastro ao meu primeiro mitin, que dei en Bande…, e mira ti!

«É moi interesante comprobar como a política aproveita o humanismo dos médicos para procurar o beneficio dos demais; de feito, penso que ese é o verdadeiro obxectivo da política e que por iso hai bastantes médicos dentro da política, aínda que nun número menor ca no pasado»

A medicina ten dado nomes moi relevantes á política galega. Onde conectan ambas as especialidades?
Véñenme moitos nomes á cabeza, pero a referencia para min máis clara é Gerardo Fernández Albor, un home presidido por esa bonhomía e por ese humanismo que debe acompañar a nosa profesión de médico. É moi interesante comprobar como a política aproveita o humanismo dos médicos para procurar o beneficio dos demais; de feito, penso que ese é o verdadeiro obxectivo da política e que por iso hai bastantes médicos dentro da política, aínda que nun número menor ca no pasado.

Desgasta máis a alta xestión sanitaria ou poñer orde nos plenos do Hórreo?
A xestión sanitaria, sen ningunha dúbida. Ser xerente dun hospital é un dos postos máis difíciles que hai porque é un ente conformado por colectivos moi grandes e de distinta complexidade no que todo ten que funcionar coma unha única engrenaxe de precisión, porque o seu funcionamento impacta directamente na saúde da poboación. Nada é máis complexo ca a xerencia de hospital e, dentro do ámbito galego, non hai ningunha consellería máis complexa ca a de Sanidade.

Cal é o estado de saúde do parlamentarismo galego a día de hoxe?
É razoablemente bo. Temos un parlamento no que se pode debater con normalidade, que é algo que ao mellor non pasa noutros; temos un parlamento eficiente, un parlamento no que se traballa arreo, tanto nos plenos coma nas comisións, e un parlamento capaz de chegar a acordos en temas especialmente importantes. O noso é tamén un parlamento con autonomía propia e cuxo custo para as arcas públicas é moi inferior ao que supoñen outros parlamentos.

Reprender os parlamentarios sen perder as formas é un exercicio que a miúdo requirirá boas doses de control. Hai algún segredo?
Paciencia e prudencia. É un deses postos no que un non se pode deixar levar polo ímpeto, onde hai que analizar moitas variables antes de tomar unha decisión. É moi importante ter posta toda a atención no que se fala para saber en que momento se debe cortar ou non, ou se se debe reconducir un debate, e tamén a tranquilidade de saber como conducir unha situación sen deixarse levar por impulsos internos.

A maioría absoluta fai máis doado ou máis complexo o seu traballo?
O presidente do Parlamento está aí para garantir debates profundos e para garantir que os membros da cámara poidan expresarse libremente, dentro dunha orde e respecto cara aos demais, e niso non inflúe a maioría absoluta, inflúe o sentido común.

É máis aburrido o parlamento galego ca o catalán ou o vasco? Hai máis similitudes ou hai máis diferenzas?
Depende. Teño visto sesións no parlamento vasco e no parlamento catalán nas que se viven situacións límite que menoscaban a dignidade dos deputados. En Galicia iso é moi difícil que aconteza porque aquí temos unha retranca especial á hora de dicir as cousas e, de cando en vez, o enxeño das súas señorías mesmo provoca certa distensión no hemiciclo. Teño pasado mañás moi agradables coa excepcional retranca dalgún deputado e dalgunha deputada, e o certo é que en Galicia o debate faise máis ameno cando tiramos do noso ADN e de retranca; é isto nin o saben facer os cataláns nin os vascos.

«O presidente do Parlamento está aí para garantir debates profundos e para garantir que os membros da cámara poidan expresarse libremente, dentro dunha orde e respecto cara aos demais, e niso non inflúe a maioría absoluta, inflúe o sentido común»

Para Miguel Santalices, cantas Galicias teñen oco no Parlamento?
Unha.

Pero hai unha soa ou moitas definicións aceptables de Galicia?
Téñense utilizado moitas expresións para definir Galicia, aínda que a min gústame particularmente unha de Manuel María: «Galicia é un sentimento». En Galicia temos a nosa propia identidade, a nosa propia lingua, a nosa forma de andar pola vida, o noso acento, as nosas dúbidas, as nosas certezas… Por iso, penso que Galicia é un sentimento.

A día de hoxe é vostede capaz de imaxinar unha Galicia sen autonomía e sen parlamento propio?
Non. Custou moito, custou moito conseguilo. O Estatuto significou unha serie de transferencias á comunidade, entre as que eu, como médico, destaco as sanitarias. Lembro enviar enfermos para operar do corazón a Valdecilla porque en Galicia non tiñamos cirurxía cardíaca. Hoxe temos tres unidades. E todo veu da man das transferencias.

No difícil momento que estamos a vivir, a saúde é unha cuestión que nos preocupa por riba das demais. Desde marzo, a actualidade xirou exclusivamente arredor da Covid-19. Como viviu vostede esa etapa?
É lóxico que todo xirase arredor da pandemia, pola súa letalidade, e por todas as consecuencias de carácter sanitario, social e económico que dela derivan. Vivín esta etapa –e sígoa vivindo– con moita atención, en confinamento cando así foi ordenado, e preocupándome polas persoas afectadas. Fun testemuña, coma toda a cidadanía, do comportamento heroico do persoal do noso sistema sanitario, e tamén do de todos os profesionais que garantiron, e garanten, o funcionamento dos servizos esenciais, desde os corpos e forzas de seguridade, ao persoal dos supermercados, por citar só dous exemplos dos moitos que todos presenciamos. No ámbito institucional, co Parlamento disolto e o posterior aprazamento da convocatoria electoral por mor da pandemia, activamos un plan de continxencia na propia Cámara, que se traduciu, por exemplo, na celebración das sesións da deputación permanente co mínimo de deputados e con cobertura informativa telemática para minimizar riscos.

«Se falamos do conxunto do sistema sanitario, e os seus profesionais, o comportamento foi excepcional. Todo o persoal sanitario –facultativo e non facultativo– entregouse ata a extenuación. E así llo recoñeceu o conxunto da sociedade cos aplausos de todas as tardes»

Que opinión lle merece a xestión da crise por parte das autoridades?
Como profesional do sistema sanitario público –que coñezo ben–, e como cidadán, creo que esa análise se pode efectuar desde diferentes ópticas. Se falamos do conxunto do sistema sanitario, e os seus profesionais, o comportamento foi excepcional. Todo o persoal sanitario –facultativo e non facultativo– entregouse ata a extenuación. E así llo recoñeceu o conxunto da sociedade cos aplausos de todas as tardes. Quero recoñecer expresamente o esforzo do persoal das residencias da terceira idade, que mantivo unha actitude exemplar que mesmo nalgúns casos o levou a illarse cos propios residentes para coidalos e minimizar riscos. Por iso é tremendamente inxusto poñer en cuestión todo un sector, especialmente todo o persoal que traballa nestes centros con independencia da súa titularidade. Canda eles hai moitos outros heroes anónimos que antepuxeron o interese xeral fronte aos seu propios riscos: falo de corpos e forzas de seguridade, forzas armadas, sectores como a alimentación, o transporte, as farmacias, as telecomunicacións, os medios de comunicación e tantos outros que poderiamos enumerar. Galicia foi, é e será terra de heroes.

E o Goberno?
No ámbito do Goberno do Estado, houbo momentos que me provocaron unha profunda desilusión e desánimo. Descoordinación, dúas faccións abertamente enfrontadas, membros do Goberno saltando a corentena, inoperancia para a adquisición de material, atrasos imperdoables na reacción inicial, e así un longo etcétera, propio dun Executivo deseñado para as accións mediáticas, pero escasamente capacitado para a xestión dunha crise de tal envergadura. Xa no plano galego, a Administración autonómica, coas limitacións propias deste tipo de situacións, que as hai e sería absurdo negalas, foi exemplo de reacción temperá, mesmo anticipándose ao Goberno central, e dunha xestión rigorosa, propia dun equipo experimentado e con todas as engrenaxes funcionando perfectamente. A experiencia do presidente da Xunta como xestor sanitario –hai que lembrar que, no pasado, foi vicepresidente e secretario xeral do Servizo Galego de Saúde e director do Insalud– e de todo o seu equipo, explica que a Covid-19 tivese en Galicia unha incidencia moi inferior respecto ao conxunto do Estado. Como o propio Feijóo recordou no Parlamento, en Galicia houbo respiradores para todos os enfermos que o precisaron. Creo que é unha boa radiografía da situación.

Cre que o sistema e a sociedade estaban preparados para esta situación?
Que Galicia rexistrase un número de vítimas sensiblemente inferior e que, en termos xerais, houbese recursos altamente complexos, como camas UCI para todos os enfermos que o precisaron, revela que o sistema sanitario galego estivo á altura das circunstancias. Os fallos rexistrados no ámbito do Ministerio de Sanidade poñen de manifesto que este departamento debe ser obxecto dunha profunda reflexión unha vez superada esta crise. Os médicos sabemos que as epidemias e as pandemias son unha constante ao longo da historia. Algúns falan dunha gran pandemia cada cen anos –aí o exemplo da gripe de 1918–, mentres outros incluso sitúan varias ao longo de cada século. Por outra parte, a sociedade occidental, tecnolóxica e globalizada, estaba sumida nunha autoconfianza e unha suficiencia que carecían de auténtica base real. Malia que nos custe recoñecelo, o ser humano continúa a ser vulnerable. Dito iso, as capacidade científicas e os recursos materiais de 2020 nada teñen que ver cos de hai un século, afortunadamente para nós.

Cambiaremos moito como sociedade unha vez superada a Covid-19?
Eu agardo algún cambio, e confío en que para mellor, aínda que hai opinións para todos os gustos. Medidas como o distanciamento social en caso de infección respiratoria, o uso de máscaras de protección cando a situación o requira, ou o lavado frecuente de mans, agardo que se afiancen na sociedade occidental. Nalgúns países orientais, este tipo de prácticas están fondamente arraigadas, o que explica a relativamente baixa incidencia do coronavirus en nacións como Corea do Sur ou Xapón. Outra variable será a derivada do confinamento prolongado. Probablemente vaiamos a outro tipo de vivendas –seguramente con máis espazos abertos, máis en contacto coa natureza– e mesmo a unha maior presenza do teletraballo. Estes dous factores probablemente acaben beneficiando a denominada España baleira, en detrimento da elevadísima aglomeración poboacional dalgunhas cidades. Creo e agardo que este fenómeno acabe beneficiando e Galicia, tanto coa recuperación do interese por áreas agora despoboadas que poden ofrecer unha elevada calidade de vida para os seus habitantes coma no relacionado co turismo rural ou a experiencia do Camiño de Santiago. O tempo dirá.

Xunto ás cuestións de índole social, na súa última intervención como delegado rexio durante a festividade da Translación reivindicou a política que axude a construír un futuro de oportunidades en lugar de destruír o adversario. O Parlamento ten algo de ring de boxeo?
Máis ca un ring, o Parlamento é un gran foro no que cada quen pode expresar libremente a súa postura. Eu, desde que me elixiron presidente [o 12 de xaneiro fixo catro anos], aprendín moito, porque estar nos plenos e escoitar debater os parlamentarios é unha fonte de coñecemento inesgotable.

«O Parlamento é un gran foro no que cada quen pode expresar libremente a súa postura. Eu, desde que me elixiron presidente, aprendín moito, porque estar nos plenos e escoitar debater os parlamentarios é unha fonte de coñecemento inesgotable»

Cales son para Miguel Santalices os momentos máis sobresaíntes do décimo período lexislativo?
Todos aqueles nos que fomos capaces de adoptar un acordo útil para a cidadanía á que nos debemos. Por exemplo, o acordo unánime do Parlamento para crear a Unidade de lesionados medulares de Vigo, que hoxe lle presta unha asistencia de calidade a persoas que, doutro xeito, estarían obrigadas a percorrer moitos quilómetros para acudir á revisión á Coruña. Outro grande exemplo foi a creación do Rexistro de infarto agudo de miocardio, clave para a implantación de unidades de hemodinámica en Galicia.

Tamén haberá conflitos e choques dignos de lembrar, non?
En xeral, todos aqueles nos que se tentou ignorar a esencia do parlamentarismo, que consiste na busca do ben común mediante a palabra e a procura do acordo seguindo as regras de xogo baseadas no respecto que entre todos nos temos dado.

O Parlamento leva tempo promovendo o seu coñecemento entre os escolares e entre a poboación en xeral con programas de visitas guiadas e a través da participación activa. Está a cidadanía galega aproveitando estas ferramentas?
Os cidadáns están a aproveitar algunhas das ferramentas que temos ao seu dispor como as proposicións non de lei de iniciativa popular e as preguntas aos parlamentarios. Queremos que estes mecanismos sexan coñecidos pola xente e a cousa non vai mal, pero penso que deberiamos facer un esforzo para mellorar o seu uso.

Esta é a casa onde se practica a arte da política, pero nestes últimos anos tamén é o lugar onde se atopan arte e política.
Si. Posiblemente temos a maior colección pública de arte galega, na que ao carón dos mestres hai espazo para os que están comezando, para os que están despuntando. As fórmulas son variadas, incluíndo o depósito, unha vez recibido o visto e prace da Real Academia de Belas Artes.

A arte é unha das súas paixóns, como o é viaxar. Tendo, pois, un guía de luxo como vostede, encantaríanos volver ao principio, a Bande, para facermos unha visita de proveito pola Baixa Limia.
Comezariamos en Celanova, para visitar o mosteiro e mais a capela de San Miguel. Despois pasaría polo Alto do Vieiro, desde cuxo cumio se divisa Bande e toda a súa contorna, como ben dixo Celso Emilio Ferreiro no poema dedicado a Bande. Chegados alí, gozaría do seu bonito casco urbano que, por certo, conta cunha praza onde os vellos sentan a ver pasar os coches, pois por alí pasa a estrada principal que vai a Entrimo. Iría despois ata Lobeira para visitar o lugar onde se fai a romaría do Viso todos os anos, a cuxa virxe se lle ten moita devoción e da que Xocas ten falado moito. Logo admirariamos a igrexa visigótica de Santa Comba de Bande, do século VII, para a continuación achegarnos ao campamento romano de Aquis Querquennis. Desde alí iría a Muíños, para gozar da praia do Corgo antes de seguir ruta cara a Lobios, onde me detería a ver os Milarios. E, estando dentro da marabillosa Serra do Xurés, non deixaría de visitar as Caldas do Gerês. E, cos pulmóns cheos de oxíxeno, volvería entrar desde Portugal pola fronteira de Entrimo. Na Baixa Limia somos moi de carne de cachena, e tanto en Bande coma en Lobios hai bos restaurantes onde comer os imprescindibles callos limiaos, mentres que en Lobeira é onde se saborean os mellores cabritos do mundo… E se o que se quere é apreciar a Baixa Limia nun momento verdadeiramente especial, o Entroido podería ser a época perfecta.

Logo deste percorrido, diría que un concello coma o de Bande, onde a poboación se reduciu nun 75% desde que vostede era un neno, é hoxe o mellor lugar no que vivir?
Hai que facelo, hai que facer que sexa o mellor sitio para vivir e para iso hai que apostar claramente por liñas que favorezan a vida no rural. Para reverter o éxodo hai que dar facilidades, baixar impostos e procurar traballo. Aquel contorno é marabilloso e hoxe conta cunha autovía magnífica, coa proxección de que no seu día poida chegar a Portugal. Lembro cando tardabamos dúas horas en chegar a Ourense no coche de liña, e hoxe poñémonos na capital en vinte minutos. Eu, como médico, recoméndolle ao cen por cento o concello de Bande a calquera persoa que queira levar unha vida verdadeiramente saudable. Hai que ter moi presente que hoxe vivimos moito máis, e que somos con Xapón o país onde máis se vive. Co cambio de parámetros, os galegos deberemos facerlles fronte a retos tan importantes coma o da crise demográfica e, en cuestións tan importantes coma esta, non vale levarse mal porque o que está en xogo é o noso futuro.

 

Queres ollar outros contidos relevantes?

Eran a modernidade

150 150 CORALIA

Eran a modernidade

Por VÍCTOR F. FREIXANES

 

Alguén pode pensar que o título deste ensaio é un chisco esaxerado. Pero eran así. Eran modernidade. Un grupo de escritores, pensadores, artistas, intelectuais que, en tempos ben distantes (e distintos), nos primeiros anos do pasado século, soñaron un horizonte diferente para o país: un horizonte ambicioso, sen complexos, aberto ao mundo, afirmado na propia identidade (a consciencia do que somos) e ao mesmo tempo comprometido cos valores universais da liberdade, a democracia, o coñecemento. «Galicia está a seiscentos quilómetros de Madrid», dicía Vicente Risco, «e a cinco mil quilómetros de Nova York. Cómpre urxentemente reducir esta segunda distancia». A frase, que pode semellar boutade ou arroutada, non pretendía máis que salientar a necesidade de abrir a cultura galega, o noso pensamento, o discurso da nosa creatividade a horizontes e experiencias anovadoras sen necesidade de pasar pola capital de España, que era onde todos se miraban, sen dependencias, sen fielatos que pagar. Nota para os lectores novos: os fielatos eran oficinas, casetos de alfándega ou aduanas que ata ben entrada a década dos anos 50 do pasado século se instalaban na entrada das cidades para cobrar impostos de acceso ás persoas que querían introducir mercadorías coas que comerciar no interior das vilas. O que quería dicir Vicente Risco coa frase é que a súa xeración, reivindicando un novo xeito de entender a cultura galega (a produción cultural de noso), non aceptaban nin aduanas nin intermediacións.

Non eran moitos. No núcleo fundacional da revista que lle deu nome ao grupo (a revista Nós) figuraban Vicente Risco, Ramón Otero Pedrayo, Florentino López Cuevillas, Alfonso R. Castelao e se acaso Antón Losada Diéguez, que foi mestre e animador de todos eles, aínda que finou moi cedo en Pontevedra, no ano 1929, e mais Arturo Noguerol, ourensán, que se encargaba dos números e da administración. Ourense era o centro de operacións, onde naceu a idea da revista. Alí estaba o núcleo fundacional, capitaneado por Risco. A outra cidade de referencia foi Pontevedra, onde residía Castelao, que asumiu o deseño gráfico da publicación. O 20 de outubro dese ano 1920 saía do prelo o primeiro número.

Compromiso, ambición e universalidade
Non se trata de enunciar aquí as características artísticas e intelectuais do grupo. A súa significación está en todas as historias da literatura galega. O que nos interesa é a idea de modernidade, que se fundamentaba en tres puntos esenciais: o compromiso co país e coa súa lingua, por riba de complexos, alén das eivas que viñan de atrás, prexuízos que situaban o idioma e a nosa produción cultural en ámbitos moi concretos, reducionistas, acoutados aos espazos do folclore, o rexistro local e certo lirismo costumista. Follas Novas (1880) de Rosalía de Castro foi desde o primeiro momento unha excepción, mesmo que non fose ben comprendida polos seus contemporáneos.

O segundo punto que hai que salientar é o diálogo coas culturas todas do seu tempo, conscientes de que só abordando en pé de igualdade a relación entre elas, poderemos alimentar a nosa, enriquecela, dotándoa dos recursos necesarios para establecer, chegado o momento, unha relación libre que nos poña no mundo. Ensaiar novas formas, novos xéneros, novos asuntos que tratar, novos discursos, mesmo novas xeografías significaba apostar por unha nova dimensión. Plácido Castro viaxa a Irlanda, Otero Pedrayo traduce capítulos do Ulysses de James Joyce directamente ao galego, cando aínda non se intentara noutras linguas do Estado, Castelao visita os grandes centros artísticos de Europa (1921), igual ca Risco (Mitteleuropa, 1934) e o propio Otero. París e Berlín eran daquela os grandes centros culturais que atraían poderosamente os nosos autores. En Arredor de si, a novela que Otero Pedrayo publica en 1930, o protagonista (Adrián Solovio) percorre as principais cidades europeas de cultura procurando a identidade propia, que descubrirá despois diante da Carta Xeométrica de Domingo Fontán, de regreso na casa. Diálogo enriquecedor (porque non estamos sós no mundo) e, asemade, desmitificador (porque o que pinta mundo non sempre ten o interese que se lle dá, e sempre faltará algo se non estamos nós).

A terceira achega esencial e a vocación de universalidade. Universalidade que pasa por unha inequívoca vocación europea e europeísta. En 1948 Castelao escribe un premonitorio e entusiasta artigo: «Perante a Unión Europea», publicado no exilio, nas páxinas de A Nosa Terra, no que sitúa o discurso do galeguismo na construción do gran proxecto que despois da Segunda Guerra Mundial algúns anunciaban e que o autor de Rianxo enxerga xa entón con lucidez. Cando o Partido Galeguista formulaba a súa visión de «Galicia, célula de universalidade», reivindicaba a existencia de Galicia non como algo subalterno, senón como centro ou capital do mundo, sen complexos, formulación que procedía do discurso do grupo Nós.

A semente que prende e dá froito
Non eran moitos, repito, pero eran a modernidade. O pequeno núcleo ourensán, paseniñamente, foise ampliando ata conformar unha nómina sobranceira de magníficos colaboradores, novos e menos novos, desde Ramón Cabanillas a Ricardo Carballo Calero, Xosé María Álvarez Blázquez, Bouza Brey, Álvaro Cunqueiro, e mesmo de fóra de Galicia, principalmente de Portugal: o primeiro número abre cun poema de Teixeira de Pascoães.

Se lemos, número a número, a relación de colaboradores que aparecen na mancheta observaremos a pluralidade e a variedade dos mesmos, así como a diversidade de temas que se abordan: literatura, etnografía, historia, folclore, cuestión sociais e laborais, música, sociedade, tecnoloxías da comunicación (a radio), mesmo notas deportivas (asinadas por Handicap). Algo semellante sucedera anos antes co movemento das Irmandades da Fala (1916), que nace na cidade da Coruña a partir dun artigo de xornal de Antón Villar Ponte e axiña se espalla por toda Galicia. Defensa da lingua e, coa lingua, defensa da dignidade dos galegos e galegas (porque tamén había galegas nas bancadas). Ollada a súa pegada coa perspectiva do tempo (cen anos) decatámonos do moito que lles debemos, da significación do seu discurso, mesmo da súa ousadía (afouteza) cara ás xeracións que viñeron despois, incluso para comprender a forza que axudou a resistir o trebón terrible da guerra civil, o exilio, o ostracismo de tantos anos de silencio. A sementeira da intelixencia e de coñecemento, que podemos encarnar asemade en institucións como o Seminario de Estudos Galegos (1923) ou no propio Partido Galeguista e no Estatuto de Autonomía de Galicia plebiscitado en 1936, a sementeira de intelixencia e compromiso, digo, constitúe sen dúbida a grande achega desta xeración, da que dunha maneira ou doutra todos somos herdeiros.

Cada xeración ten o seu futuro
E cada tempo a súa sazón, dicían os vellos. Que lección poden tirar as novas xeracións daquel grupo aparentemente pequeno, media ducia de persoas no pulo primeiro, e non obstante tan significativo? Os tempos mudaron moito, certamente, mais a vontade de ser, a ambición de non abaixarse, o entusiasmo están vixentes, seguen tendo sentido. Volvemos ao título deste ensaio: «eran a modernidade». Cada xeración, cada momento histórico ten a súa oportunidade, que é tamén un desafío. Oportunidade e desafío de seren elas mesmas, sen dependencias nin intermediacións, ollando de cara ao mundo que nos toca vivir, sen complexos. Reproduzo un parágrafo das Primeiras Verbas que serven de adro no numero 1 da publicación, o 30 de outubro de 1921. Coa ortografía da época:

«Oxe chegou á vida na Nosa Terra, unha xeneración que se deprocatou do seu imperioso deber social de crearen para sempre a cultura galega». ¿Ambición? Abofé que si. E mais engaden algúns parágrafos mais adiante: «Nós (a revista) ha ser a repersentación no mundo da personalidade galega na sua ansia de s’afirmare coma valor universal, autóctono, diferenciado, dentro ou fóra da Terra».

Deitade unha rápida ollada ao que está a producir hoxe o noso pais no ámbito do cinema, as artes escénicas, a literatura, a música, as artes plásticas, mesmo na investigación e no universo das novas tecnoloxías, no deseño industrial, na pesca, na agroindustria, na gastronomía, no turismo, na produción cara a mercados interiores e exteriores. Ollade o que somos na universidade, na empresa, no i+D*i… Ollade o que somos e, sobre todo, o que podemos ser a pouco que organicemos as nosas estratexias de proxección exterior e de crecemento. Tal é o espírito de Nós que arestora cumpre cen anos: a modernidade. Cada tempo histórico (cada xeración) ten a súa, herdeira en parte de todo o que se fixo antes. Outra cousa é que saibamos aproveitalo. Eles non tiñan nada, comparado cos recursos que hoxe temos nós. Brión, decembro de 2019

Contido extraído do número 15.

Aquí tes máis contidos relevantes:

«A miña patria é a miña infancia»

Por JOSÉ ANTONIO LIÑARES

Mulleres Lilas, coirazas de cores

por MANUELA DOMÍNGUEZ

Compostela: Sinfonía de notas

Por ENCARNA OTERO CEPEDA

Encargos de amor

150 150 CORALIA

Encargos de amor

Por PILAR SAMPEDRO

Activista cultural

Un día, hai anos, díxome Nieves Modia: «Fai que valoren o noso, que queiran a Galicia». Lembro a ocasión do encontro e lembro a petición; naquel momento tiña sentido e a min quedoume aí, nalgún recuncho da memoria como perdido no bosque orixinal, dando voltas, petando detrás do occipital dereito.

Hoxe quero cumprir esa encomenda. Procurarei razóns para responder a pregunta: por que? Por que querela? Non por chauvinismo. Non hai razón para ocultarse. Só temos que mirarnos, pensarnos e dicirnos. Alá imos!

Somos un país pequeno que contén mundos variados, xeografías diversas, realidades distintas: unha costa que comeza no Cantábrico, con paisaxes como a praia de Augas Santas ou das Catedrais, onde paseamos entre as rochas coma quen percorre as naves de varias sés. Unha beiramar con acantilados que se sitúan entre os máis altos de Europa, ao pé de Santo Andrés de Teixido; santuario ao que vai de morto o que non foi de vivo e que debe ser visitado con coidado de non pisar ningún animal que puidera ser unha alma en pena que ande a peregrinar reencarnada. Cando fores, merca os sanandresiños (amuletos modelados co miolo do pan e pintados con forma de flor, a barca, o santo, a sardiña, a escaleira, a man, a coroa e a pomba), colle herba de namorar e pásaa pola fonte antes ou despois de entrar na igrexa. Todas as crenzas se xuntan nunha, nun sincretismo que se apoia no panteísmo dunha paisaxe grandiosa, fronte a esa natureza que nos emociona.

O ollo de Deus ou a torre de Hércules míranos cando pasamos, un faro da antigüidade observa o paso do tempo pola cidade e as desgrazas de todo tipo no mar.

Se continuamos polo litoral, chegamos á Costa da Morte: faros e naufraxios, pequenas vilas: Camariñas, co repenique das palilleiras facendo encaixe e a canción que leva o seu nome como banda sonora; Fisterra, na fin da terra coñecida para os romanos e ata onde camiñan os peregrinos que continúan buscando o solpor; Camelle, onde un home coñecido como Man morreu de amor polo mar ou o Ézaro, dominado polas ciclópeas rochas do monte Pindo e onde o Xallas desauga no mar en forma de fervenza.

Logo virán as rías máis suaves, eses fiordes formados polas desembocaduras dos ríos, que seica se configuraron cando o Deus creador apoiou a man para descansar, deixando a pegada dos seus dedos afundidos nos vales fluviais. Ao seguir baixando atoparemos os piñeiros de Castelao tocando auga, cidades que viven mirando illas, mosteiros que mollan a cantaría no mar, o Templo Votivo do Mar e a Virxe da Rocha, saídos da man do arquitecto Palacios para gloria de Galicia. E o Miño, que fai de fronteira natural coas terras irmás de Portugal; onde ao mirarnos nas augas, o idioma vai e vén, recoñecéndose.

O interior lévanos ao país dos mil ríos, as selvas de Esmelle que nos remiten ao ciclo artúrico, aos lugares onde sempre foi bosque no dicir de Novoneyra, ás carballeiras, soutos e fragas. Aí está a Ribeira Sacra na que os mosteiros erguen as torres sobre o verde, coma os templos de Tikal sobre a selva, nun illamento que fai posible vivir para a meditación e a comunicación coa transcendencia. Aquí, onde as voltas dos ríos forman meandros imposibles, como o Cabo do Mundo, nas ladeiras de montes a viticultura heroica ofrece o outono máis colorido en ocres e granates; tamén bosques que conservan a masa forestal primixenia e que acabarán atraendo o turismo culto e delicado que ama a beleza que fai vibrar as membranas internas.

Son Os Ancares e O Courel as montañas redondeadas das vellas terras, as custodias do silencio espeso dos mundos que ficaron atrás.

Entra o inverno e collemos o tren en Ourense cara a Castela, mentres que nas beiras do río rachan de amarelo as mimosas nun dos percorridos máis atraentes. Irresistibles son tamén os xardíns de inverno, coas árbores que acostumamos ver no outro extremo da Terra: magnolias e camelias preñadas de flores ofrecéndonos o espectáculo dos chans estrados de pétalos.

Temos vilas nas que o tempo quixo deterse e marabillarnos como Betanzos, Cambados, Noia, Muros, Allariz, Celanova, Mondoñedo…; unha cidade dentro da muralla pola que paseamos como se se tratase dunha alameda; encoros que deixan ver vilas romanas en épocas de seca, castros ou aldeas; calzadas e camiños reais; castros en penínsulas, illas ou montañas; dolmens e mámoas diante dos que nos refuxiamos porque aí estaba o cranio da primeira nai; miliarios e torques que levaron os devanceiros e esculturas como as de Asorey que nacen do humus moitos séculos despois. Entre nós, a arte románica e a barroca eríxense como estilos nacionais. A primeira delas florece en Santiago nese Pórtico da Gloria que nos leva a acadar o ceo en vida; a segunda, escribe no granito a lingua que non podía desenvolverse na escrita ao longo dos Séculos Escuros. Enrolouse o Barroco en si mesmo cando Domingo de Andrade deseñou a escaleira de Bonaval…

Non chega o espazo para anunciar a beleza desta terra!

Queda tanto por dicir ao chegar ao final que para pechar quero lembrar a dedicatoria de Martín Garzo no Libro dos encargos (Libro de los encargos): «Que todos os encargos sexan de amor».

Contido extraído do número 15.

Aquí tes máis contidos relevantes:

«A miña patria é a miña infancia»

Por JOSÉ ANTONIO LIÑARES

Mulleres Lilas, coirazas de cores

por MANUELA DOMÍNGUEZ

Compostela: Sinfonía de notas

Por ENCARNA OTERO CEPEDA

A ruta da camelia en Galicia

150 150 CORALIA

Galicia posúe as características óptimas para o cultivo da camelia. Un clima húmido, temperaturas suaves e chans fértiles e ácidos fan que o crecemento destas plantas sexa espectacular e sorprenda a expertos de todo o mundo.

Imaxes  I Turismo de Galicia

As camelias chegaron a Galicia a finais do século XVIII, procedentes de países afastados como China e Xapón. Nun principio instaláronse nos xardíns dos pazos e casas señoriais da nobreza galega, pero co tempo introducíronse nos xardíns e leiras, tanto públicos como privados, de toda a nosa xeografía, ata converter Galicia nun referente internacional no cultivo e produción desta planta. Na actualidade, a comunidade atesoura case 8.000 variedades diferentes de camelia.

E así, con este potencial, Turismo de Galicia propón varios roteiros por algúns dos xardíns máis espectaculares de Galicia para penetrarse nos fascinantes espazos verdes que albergan os pazos máis singulares das provincias da Coruña e Pontevedra.

A través deste roteiro pódense coñecer todos os segredos que ocultan tanto as pedras como as especies botánicas destes lugares cheos dun encanto particular. Os produtos típicos e os viños de cada territorio intensificarán a exquisitez da nosa viaxe.

As camelias chegaron a Galicia a finais do século XVIII, procedentes de países afastados como China e Xapón.

Na actualidade, a comunidade atesoura case 8.000 variedades diferentes de camelia.

A través deste roteiro pódense coñecer todos os segredos que ocultan tanto as pedras como as especies botánicas destes lugares cheos dun encanto particular.

Pazo de Oca

Hai que meterse no ambiente do Roteiro da Camelia: un suxestivo percorrido do norte ao sur de Galicia a través de 12 pazos e xardíns, públicos e privados, onde a camelia reina en todo o seu esplendor.

Pazo de Mariñán

O Roteiro da Camelia é un suxestivo percorrido do norte ao sur de Galicia a través de 12 pazos e xardíns, públicos e privados, onde a camelia reina en todo o seu esplendor.

Pazo de Oca

Preto de 8.000 variedades en xardíns vinculados ao patrimonio histórico de Galicia. Como o Pazo Quiñones de León, cun camelio cuxa copa mide máis de 15m de diámetro, ou os exemplares de camelia reticulata dos pazos de Oca e Santa Cruz de Ribadulla, quizá os máis antigos de Europa.

Pazos e paisaxes dunha elegante decadencia, auténticos xardíns botánicos creados con esmero e sabedoría que, se sabes ver, descóbrenche os seus segredos de beleza.

Casa-Museo de Rosalía de Castro

Pazos e paisaxes dunha elegante decadencia, auténticos xardíns botánicos creados con esmero e sabedoría que, se sabes ver, descóbrenche os seus segredos de beleza.

Museo Quiñones de León

Estas contornas únicas son: os pazos de Mariñán e Santa Cruz de Ribadulla, Casa-Museo de Rosalía de Castro e a Alameda de Santiago de Compostela, na provincia da Coruña, e os pazos de Oca, Rubiáns, A Saleta, Quinteiro da Cruz e Lourizán, que xunto co Castelo de Soutomaior, o parque de Castrelos e o Museo Quiñones de León, na provincia de Pontevedra, conforman esta oferta galega tan especial.

A ruta da camelia en Galicia permítenos visitar algúns dos xardíns máis espectaculares de Galicia e os fascinantes espazos verdes que albergan os pazos máis singulares das provincias da Coruña e Pontevedra.

Queres ollar outros contidos relevantes?

Galicia, preparada para seguir reactivando o turismo

150 150 CORALIA

A Xunta de Galicia mantén activas varias liñas de reactivación coa vista posta no turismo nacional e interno.

Nun ano tan atípico e complexo como o que estamos a vivir, Galicia está a demostrar este verán que é quen de resistir mellor que o conxunto de España o forte impacto da crise sanitaria da covid-19 no turismo. A Comunidade recibiu preto de 400.000 viaxeiros en xullo, nunha tímida recuperación que inclúe tamén a progresiva reapertura empresarial con 800 hoteis máis abertos en xullo que en xuño. Ademais, Galicia foi unha das Comunidades nas que menos baixaron os prezos. Caeron menos dun 1% fronte ao 15% no resto de España.

Agora, e con vistas ao outono, o sector e a Xunta continúan a folla de ruta marcada nos últimos meses para seguir impulsando a supervivencia das empresas turísticas e incentivar o consumo tamén neste último trimestre. Están xa en marcha o 75% das medidas do Plan de reactivación dos sectores cultural e turístico dotado con 58 millóns de euros. O obxectivo agora está en reforzar aínda máis as experiencias turísticas dirixidas ao mercado máis próximo, é dicir, ao nacional e o dos propios galegos que se despracen pola comunidade.

Catedral de Mondoñedo

En concreto, estanse a deseñar novos produtos e experiencias e a adaptar formatos ao momento de enorme dificultade no que nos atopamos. Trabállase tamén para impulsar a dixitalización, por exemplo, do turismo rural a través dunha nova plataforma de comercialización para facilitar as reservas online. Incentivaranse tamén as largas estadías neste tipo de establecementos agasallando experiencias turísticas complementarias en xeo-destinos ou cidades galegas. Tamén se vai reforzar este ano o papel do turismo enogastronómico, en colaboración coas Asociacións das Rutas dos viños de Galicia e está en marcha o Bono Turístico, que supón unha inxección de 5 millóns de euros nas empresas turísticas, e que permitirá fomentar o turismo interno nos últimos meses do ano.

Foron xa máis de 15.000 os empregados dos sectores sanitario e socio-sanitario que traballaron en primeira liña na loita contra a covid-19 que solicitaron o bono turístico, que poden empregar ata decembro nas máis de 400 empresas adheridas.

Están xa en marcha o 75% das medidas do Plan de reactivación dos sectores cultural e turístico dotado con 58 millóns de euros. O obxectivo agora está en reforzar aínda máis as experiencias turísticas dirixidas ao mercado máis próximo, é dicir, ao nacional e o dos propios galegos que se despracen pola comunidade.

Ribeiras de San Fiz

Seis de cada dez peregrinos, reservan online

O Camiño de Santiago, que durante o verán comezou tamén a súa progresiva reactivación, tamén será clave no novo escenario. Entre xullo e agosto houbo un incremento do 70%, pasando de 9.752 a 16.572 peregrinos, é dicir, un total de 26.324. Son síntomas de que a Ruta Xacobea continúa espertando interese e contribúe á reactivación económica e emocional de Galicia. Por iso, de cara ao outono segue en marcha a batería de medidas que están facendo posible esta reactivación no marco do programa Camiño Seguro e se está a realizar un traballo conxunto en colaboración co Instituto para la Calidad Turística Española (ICTE) para o desenvolvemento de materiais que recollen recomendacións e inciden na prevención.

Están a ter boa acollida outras iniciativas como a nova plataforma online que permite reservar praza nos albergues públicos para dar maiores garantías aos peregrinos. Posta en marcha o pasado 1 de xullo, xa é empregada por seis de cada 10 peregrinos que fan uso dos albergues públicos.

Un ano máis, dáse continuidade estes meses tamén ao Outono Gastronómico, a proposta da Administración autonómica que permite aloxarse nas casas rurais participantes e desfrutar experiencias gastronómicas e actividades paralelas en contacto coa natureza, cuxa campaña comeza o 11 de setembro. Tamén o programa Elixe Galicia, a primeira edición desta iniciativa viaxeira dirixida a mozos, familias e maiores na que participarán máis de 4.300 persoas que poderán desfrutar de estadías en zonas costeiras, rutas de patrimonio cultural, rutas de natureza e estadías en balnearios.

O turismo de congresos tamén poderá vivir a súa reactivación nestes últimos meses do ano. A Xunta xa puxo a disposición do sector un novo plató virtual para a celebración deste tipo de eventos que permite complementar esta opción coa presenza de asistentes con aforo reducido e adaptado á situación sanitaria. Recentemente celebrouse o primeiro evento nestas instalacións, o Congreso Internacional de Intelixencia Artificial, e hai unha vintena de solicitantes para celebrar eventos nos vindeiros meses.

Situado na Cidade da Cultura de Galicia, o estudo é un dos compromisos coa Asociación de Organizadores Profesionais de Congresos de Galicia ao abeiro do Plan de reactivación dos sectores cultural e turístico. Ten dous sets que simulan un estudo de televisión, onde se poden celebrar eventos presenciais, virtuais ou híbridos. Cóntase con canle de streaming de ata 1.000 asistentes, que permite a realización de videoconferencias con capacidade de ata 500 asistentes.

Un ano máis, dáse continuidade estes meses tamén ao Outono Gastronómico, a proposta da Administración autonómica que permite aloxarse nas casas rurais participantes e desfrutar experiencias gastronómicas e actividades paralelas en contacto coa natureza, cuxa campaña comeza o 11 de setembro.

En definitiva, Galicia e o Camiño de Santiago continúan en outono co obxectivo de preservar o emprego e reactivar a economía ofrecendo a posibilidade de seguir desfrutando dun turismo tranquilo e hospitalario, un turismo que busca o contacto co territorio, tan necesario nestes días.

Queres ollar outros contidos relevantes?

guía

150 150 CORALIA

Guía de Viaxes
de Galicia

O prestixio e recoñecemento social acadado por Coralia como revista das tendencias de Galicia desde a saída do primeiro número, en xaneiro de 2016, anima a Miranda Priestly, S.L. a lanzar esta guía de viaxes, unha publicación de luxo de periodicidade anual dedicada integramente ao sector turístico, na que os contidos e a aparencia seguirán a coidarse ata o máis mínimo detalle.

A Guía de Viaxes de Galicia quere ser o mellor miradoiro ao que poder asomarse para desfrutar da diversidade turística galega de cara a 2021, e polo tanto unha magnífica ferramenta de promoción para o sector de cara ao ano Xacobeo 2021, dentro de Galicia, e tamén fóra.

Esta guía dará a coñecer e promoverá as máis atractivas experiencias lúdicas e turísticas que hoxe en día se poden desfrutar na nosa terra, propostas que procuran a excelencia e que aproveitan a capacidade competitiva do produto local para unha promoción global.

Como xa ven facendo a Revista de tendencias de Galicia, a Guía de viaxes de Galicia mostrará un país rico e diverso do que presumirmos: unha terra única na que se mesturan tradicións de vello e propostas innovadoras; unha terra chea de tesouros na que aínda queda moito por descubrir. Por iso, nesta primeira edición, a Guía de viaxes de Galicia poñerá o seu foco nos lugares, profesionais, espazos e experiencias que a día de hoxe fan da nosa terra o mellor destino do mundo. E farao, en todos os casos, creando contidos orixinais ex profeso.

Por todo o anterior e para favorecer a comunicación e a interrelación entre os distintos sectores con intereses ou vínculos co turismo, procederase a facer unha distribución estratéxica da guía co obxectivo de colocala nos principais enderezos sociais, empresariais e administrativos (entre os que figurarán a Xunta de Galicia, as Deputacións Provinciais, os concellos, as federacións deportivas, as universidades, as escolas profesionais técnicas e de negocios, e tamén os principais espazos comerciais, aloxamentos, restaurantes, clubs náuticos, clubs privados, clubs hípicos, campos de golf, espazos turísticos, áreas de ocio etc), e tamén nas feiras internacionais do sector.

O formato da publicación será o de revista fresada de 210 x 297 mm, que contará cun mínimo de 92 páxinas a toda cor, acabado semibrillante para as páxinas interiores (que terán unha gramaxe de 150 g) e acabado brillante para a cuberta (que terá unha gramaxe de 250 g).

A tiraxe gratuíta inicial será de 2000 exemplares, mentres que as seguintes edicións terán un PVP de 15 euros. E, en caso de demanda por parte do sector, producirase, imprimirase e distribuirase unha versión da guía en inglés.

Ata o 31 de xullo fixaremos os contidos principais da guía, que está aberta a todo tipo de propostas, entre as que figuran grandes e pequenas reportaxes, e formatos publicitarios convencionais —cuxas tarifas xa se poden consultar nesta ligazón: https://coralia.gal/viaxes/.

Encantaranos aclarar ou resolver calquera dúbida ao respecto, en persoa ou en liña.

Saúdos,

Álex Regueiro
Director de márketing e comunicación
670 594 685 I alexregueiro@coralia.gal

xeoparque de Cabo Ortegal

150 150 CORALIA

Afondar no proxecto de Xeoparque do cabo Ortegal significa iniciar unha viaxe ao interior da Terra, descubrir un patrimonio xeolóxico, cultural e paisaxístico único e internarse nunha iniciativa que suma forzas e entusiasmo nun obxectivo que pode significar un paso de xigante para un territorio singular.

Publirreportaxe. Fotografías do PROXECTO DE XEOPARQUE DO CABO ORTEGAL

Conseguir a declaración de Xeoparque por parte da Unesco leva a sumar enerxía de axentes públicos e privados na difusión internacional deste proxecto de gran relevancia para os concellos do territorio implicado.

“Unha das claves para o éxito do proxecto do Xeoparque do cabo Ortegal está na súa difusión e en dar a coñecer as súas fortalezas que son moitas nesta iniciativa na que tanto a deputación como os concellos participamos de maneira entusiasta”, sinala o vicepresidente e responsable de Turismo da Deputación da Coruña, Xosé Regueira, en relación ao proxecto que busca xestionar o riquísimo patrimonio xeolóxico dun territorio en que conflúe o Atlántico co Cantábrico.

Ensenada das Cortes

“Temos confianza plena na potencialidade do territorio do cabo Ortegal que encadra o proxecto do parque para o que xa se deron importantes pasos na consolidación dunha iniciativa que conta cunha especial unión dos concellos que camiñan na mesma dirección, algo de especial interese á hora de chegar ao obxectivo que promovemos desde a Deputación da Coruña”, destaca Xosé Regueira que na primeira fase da iniciativa visitou e estableceu contactos con entidades como o GeoParc de Catalunya Central ou o Xeoparque da Costa Vasca, dous exemplos de xestión de especial relevancia no desenvolvemento do proxecto do cabo Ortegal.

A área de Turismo da Deputación da Coruña, man a man cos concellos de Cariño, Cedeira, Cerdido, Moeche, Ortigueira, San Sadurniño e Valdoviño aposta polo Proxecto de Xeoparque de Ortegal como unha estratexia de desenvolvemento económico, de promoción turística e de conservación ambiental dunha terra especialmente fértil en patrimonio natural, xeolóxico, cultural e histórico.

Xeorruta na mina Piquito. Moeche

Comprende unha area de case 630 km2 e conta cun tesouro xeolóxico único compartido por sete concellos: Cariño, Cedeira, Cerdido, Moeche, Ortigueira, San Sadurniño e Valdoviño, de xeoloxía singular e moi pouco frecuente na superficie da Terra. O complexo do cabo Ortegal, como se coñece na comunidade científica, é todo un referente na xeoloxía europea e posiblemente tamén mundial.

Serra do Folgosel

Que é un xeoparque?

Un xeoparque é un territorio cun salientable patrimonio xeolóxico, que é o eixe principal dunha estratexia de desenvolvemento territorial sostible, apoiado nun programa europeo de promoción ao desenvolvemento local. Cómpre tamén indicar que non é un espazo natural protexido, aínda que defende a protección e a posta en valor do patrimonio xeolóxico dese territorio. Desde 2015 esta figura denomínase Xeoparque Mundial da UNESCO.

As trabes do proxecto

Comprende unha area de case 630 km2 e conta cun tesouro xeolóxico único compartido por sete concellos: Cariño, Cedeira, Cerdido, Moeche, Ortigueira, San Sadurniño e Valdoviño, de xeoloxía singular e moi pouco frecuente na superficie da Terra. O complexo do cabo Ortegal, como se coñece na comunidade científica, é todo un referente na xeoloxía europea e posiblemente tamén mundial.

Pero non todo é xeoloxía. Neste territorio atopamos tamén un destacado patrimonio biolóxico, histórico, etnográfico, cultural, deportivo e mesmo relixioso. Trátase, polo tanto, dun proxecto moi integrador e vital para potenciar os recursos e produtos locais mediante estratexias de desenvolvemento sostible.

Que atopamos no territorio do Proxecto Xeoparque de Ortegal?

Ademais dunha ampla, rica e singular oferta cultural, patrimonial, deportiva e gastronómica, o territorio ofrece:

· Os maiores e mellores afloramentos de todo o planeta dunhas rochas orixinadas a presións extremas, as ecloxitas.

· Unha paisaxe de cantís única na península e salientable a nivel europeo.

· A única praia de area negra non volcánica do noso planeta, e unha das poucas que hai con areas vermellas.

· Excepcionais macizos de rochas, propias de zonas moi internas da Terra que se atopan a máis de 70 quilómetros de profundidade.

· Vestixios de erupcións volcánicas moi explosivas, e mesmo de lavas almofadadas.

· Presenza das maiores estalactitas de sulfato de cobre (azuis) do noroeste peninsular.

· Salientables estruturas xeolóxicas, como unha dobra deitada de máis de 400 metros de altura.

Unha riqueza xeolóxica singular

A singularidade xeolóxica desta zona reside na presenza de rochas pouco habituais na superficie terrestre. Isto foi debido á formación da maior cordilleira montañosa que existiu na historia do noso planeta hai aproximadamente 350 millóns de anos. Ese conxunto de montañas foi o resultado do choque entre dous supercontinentes, Laurussia e Gondwana, que estaban inicialmente separados por un océano. Dese océano ou do fondo del xurdiron a maior parte das rochas que a día de hoxe conforman o proxecto do Xeoparque do cabo Ortegal.

Xeorruta na mina Piquito. Moeche

Lugares de interese xeolóxico e xeorrutas

No Proxecto Xeoparque do cabo Ortegal veñen de inventariarse 108 lugares de interese xeolóxico, é dicir, puntos ou áreas cun destacado patrimonio xeolóxico, que á súa vez poden ter un enfoque científico, didáctico ou turístico. Dado que estes lugares están considerados como “as xoias” do proxecto, a súa protección e correcta xestión é fundamental para garantir a súa conservación. E así poder seguir gozando deles no futuro e dalos a coñecer entre as novas xeracións.

As xeorrutas ou rutas xeolóxicas teñen por obxectivo dar a coñecer distintas zonas do proxecto con lugares de interese xeolóxico mediante andainas a pé ou en coche. Actualmente ofrécense 22 percorridos ao longo dos sete concellos, con diferentes niveis de dificultade e temática.

Contido extraído do núm. 15

Queres ollar outros contidos relevantes?

Lucía Pérez

150 150 CORALIA

Corría o ano 2003 cando nas radios e na televisión empezaban a soar os seus primeiros temas orixinais. Tiña só dezaoito anos, pero no currículo de Lucía xa había mil e un escenarios e estudios de televisión, pois a súa foi unha vocación prematura, a dunha voz nacida para cantar.

Desde aquel primeiro disco Amores y Amores ata o máis novo Quince soles, a súa paixón pola música non deixou de medrar, en idéntica medida a como o fixo o afecto do público. De feito, para cando en 2010 sacou á venda Dígocho en galego (o primeiro álbum cantado integramente en galego), Lucía Pérez xa era unha das cantantes máis queridas do noso país, moito antes de vivir o fulgor eurovisivo con Que me quiten lo bailao, un éxito para o que levaba moito tempo traballando, ao igual que para os que virían despois.

Vimos de pasar unha inesquecible xornada de vendima heroica na chantadina Ribeira Sacra xunto á inconfundible Voz do Incio, na que o sorriso e a luz de Lucía Pérez nos cativaron por completo.

Entrevista de BEGOÑA CASTAÑO
Fotografías de FRED IGLESIAS
Vestimenta de ALALÁ COUTURE
Xoias de KATUXA PLATERO
Peiteado e maquillaxe de DOLCHE PELUQUEROS
Estilismo de ÁLEX REGUEIRO
Localizacións en VÍA ROMANA ADEGAS E VIÑEDOS

«A mellor melodía é o silencio interrompido polos sons naturais, por eses sons que nos rodean, como o vento, como os paxariños, como a auga correndo...»

Logo dun día percorrendo estes fantásticos escenarios, poderiamos afirmar que Lucía Pérez é completamente feliz camiñando entre montañas?
Moito nos rimos e que ben o pasamos! E vaia momentazo pasamos no Land Rover polo medio da viña [cuxos balanceos foi compartindo en streaming nas redes]! A verdade é que son feliz entre estas montañas que están pretiño das do Incio nas que eu me sinto moi a gusto, cómoda, moi libre. É a miña terra, son de monte e, a verdade, é que a min é fácil sacarme un sorriso. Para min é moi bonito transmitirlle optimismo á xente.

Hai un son ou unha melodía que te faga voar ata un lugar tan singular coma este?
A mellor melodía é o silencio interrompido polos sons naturais, por eses sons que nos rodean, como o vento, como os paxariños, como a auga correndo…

Que o teu era a música, xa o tiñas claro de cativa. Como lembras os primeiros aplausos?
Seguramente os primeiros aplausos recibinos nunha función da escola cando ía ao parvulario, agora educación infantil. Tería catro ou cinco anos e cantei Chica ye-ye, con corpo de baile incluído que facían as miñas compañeiras da clase. Está claro que xa daquela era moi atrevida.

Na túa casa, ninguén dubidou nunca que o teu era a canción. Foron moitos os quilómetros que fixo Encarna, a túa nai, para axudarte a facer realidade o teu soño?
Foron moitos, moitos quilómetros…, e sempre que me fan esta pregunta non podo evitar emocionarme e recordar os meus comezos porque vivir nun lugar como Boo, no Incio, ten as súas vantaxes pero tamén obriga a redobrar esforzos. Pensa que a miña nai recollíame na parada do bus co bocata para írmonos ao conservatorio de Lugo, e non polas estradas que hai agora, con neve, con néboa, chovendo…, e tamén aos concursos, aos festivais… Os meus pais sabían que era coa música co que eu gozaba e nunca me puxeron trabas para ser feliz. Eu débolles todo a eles.

Gañar Canteira de Cantareiros supuxo o principio da túa carreira profesional. Pero foi o amor o que fixo posible a gravación do teu primeiro disco.
Si, foi o amor dos meus pais que viron en min unha vocación forte e quixeron darme a oportunidade de empezar esta carreira apoiándome para gravar o meu primeiro disco que se chamou Amores y amores. De non ser así, sería moi difícil poñer en marcha a miña carreira profesional.

Que canción ou actuación concreta te convenceu de que esta ía ser a túa vida?
Non houbo unha canción nin unha actuación en concreto que o puxera de manifesto. Iso non ocorre de repente. Non te levantas un día e dis ‘esta é a miña canción’. É co paso do tempo como te das conta de que es máis feliz facendo cousas relacionadas coa música, ben sexa ensinando, nun concerto ou facendo entrevistas de radio. Nos comezos debía compaxinar a música cos meus estudos e, xa daquela, era máis feliz cando podía facer algo relacionado coa música. Esta profesión vaite envolvendo pouco a pouco e agora non podería imaxinar a miña vida sen ela.

O compositor e produtor Chema Purón é un personaxe clave na túa traxectoria. Como xurdiu a vosa relación profesional e como evolucionou no tempo?
Xa hai máis de dezaseis anos que traballamos xuntos! Coñecino grazas ao músico galego Félix Cebreiro cando eu era unha nena, unha nena á que lle gustaba cantar e que quería facer un disco. Cando me deron a oportunidade de traballar con el, que lle tiña composto temas a Paloma San Basilio, da que eu era superfan, non o podía crer. Depositou en min a súa experiencia de máis de trinta anos, e voulle estar agradecida para sempre por confiar en min. Fíxate que en todos estes anos non tivemos nunca ningún conflito, porque sempre coincidimos no enfoque que había que darlle á miña carreira, e á hora de cumprir obxectivos. Chema Purón é, sen dúbida, unha persoa á que lle debo moito e da que sigo a aprender cada día.

Ana Kiro, antes de converterse na voz máis querida en Galicia, tamén acadou o éxito discográfico dentro e fóra do estado. Ela, que a piques estivo de acudir a Eurovisión no 69, elixiu o galego como o seu primeiro público. Hai algunha conexión entre as dúas traxectorias?
Asociar o nome de Ana Kiro á miña carreira e ao meu nome é un eloxio con maiúsculas. Ana Kiro sempre será un referente para min. Ela coñeceu os meus comezos e sempre me animou a perseguir este soño e a non quedar coas ganas. Penso que se hai algunha conexión entre as dúas traxectorias será seguramente o amor pola terra, aínda que a min gustaríame que tamén o fose a profesionalidade que ela tiña e que eu tento ter. Ana Kiro é para min un exemplo que hai que seguir, non só como artista senón tamén como muller galega.

Sobrevivir a Eurovisión semella cada vez máis complicado. Cales foron as túas claves para ter aproveitado ese trampolín sen morrer de ‘éxito’?
Creo que a clave está en non quedar ancorada no que significa o festival de Eurovisión, en pasar páxina e centrarse en novos obxectivos. Aínda que páxinas tan importantes coma esta sempre vaian estar presentes na miña vida, hai que mirar cara a adiante e seguir camiñando. Se non pasas a páxina de Eurovisión é cando podes morrer artisticamente, mais eu penso que non se morre de éxito, mórrese profesionalmente cando non se é capaz de atopar novos obxectivos.

Tes dito que coa canción Que me quiten lo bailao en Viña del Mar non terías pasado á final. Coa perspectiva que dan sete discos, que títulos do teu repertorio cres que retratan mellor a túa personalidade?
Cada festival ten as súas propias características e o de Eurovisión e Viña del Mar, sendo dous grandes festivais, non se parecen moito. O Festival de Eurovisión fala en diferentes idiomas e Viña del Mar está dirixido a un público de fala hispana, polo que te podes permitir o luxo de cantar unha canción na que a mensaxe teña moita máis importancia, que non era o caso de Que me quiten lo bailao, tema que, por outro lado, mostra a miña alegría e optimismo. En realidade, cada capítulo da miña vida artística ten diferentes títulos; cando un está a buscar o seu estilo, logo a voz vai adquirindo personalidade, vai adquirindo forza, así que pódese dicir que cada disco é o retrato de cada etapa da miña vida.

«Ana Kiro sempre será un referente para min. Ela coñeceu os meus comezos e sempre me animou a perseguir este soño e a non quedar coas ganas. Penso que se hai algunha conexión entre as dúas traxectorias será seguramente o amor pola terra, aínda que a min gustaríame que tamén o fose a profesionalidade que ela tiña e que eu tento ter. Ana Kiro é para min un exemplo que hai que seguir, non só como artista senón tamén como muller galega»

Hoxe, a televisión é unha aliada necesaria para facerse un nome e manterse. Ti naciches musicalmente na televisión e a televisión quérete ben. De todos os teus traballos para este medio cal che proporcionou ata agora máis alegrías?
A televisión é imprescindible para unha artista porque mantén viva a túa imaxe e o teu nome. Eu teño a gran fortuna de sentirme moi apoiada polos diferentes medios de Galicia, non só pola televisión, á que verdadeiramente lle estou moi agradecida. Para min, o proxecto televisivo máis emocionante foi Heicho cantar queridiña, un programa musical que compartín co grande actor e comunicador Sergio Zearreta, no que aprendín moito, gocei moito e rin moito; pero tampouco podo esquecerme do máis recente Destino Santiago, ese novo formato de televisión no que tiven a sorte de vivir e palpar o Camiño de Santiago ao longo de corenta días. Foi, sen dúbida, toda unha experiencia, unha experiencia con maiúsculas.

Logo de exercer de xurado na Liga dos cantantes extraordinarios, que nota te pos ao outro lado do escenario?
A nota non a teño que poñer eu, tena que poñer o público! Eu procuro ser esixente comigo mesma porque iso me axuda a mellorar, e en consecuencia sempre agradezo a súa sinceridade. Se me serve para avanzar…, benvida sexa unha nota non moi alta [ri]!

Dedicándote profesionalmente á música e co cantautor Vizcaíno como irmán, hai outro tema de conversa posible nas xuntanzas familiares?
Si, claro que hai outros temas de conversa. Falamos de música, mais tamén de viaxes, de cuestións de actualidade etc. Sería case que enfermizo estar o día enteiro falando do mesmo tema. Cando nos xuntamos falamos de todo.

Neste novo traballo volves cantar en galego e con convidados de luxo. Chenoa, Rosa Cedrón, Xabier Díaz e unha longa listaxe de nomes recoñecidos celebran os teus quince anos dedicada á música. Como son estes teus Quince soles?
Son quince cancións coas que lle dou as grazas ao público por seguir deixándome facer o que tanto me gusta, e tamén son quince autorregalos que me fixen a min mesma ao unir a miña voz á de grandes amigos e á de grandes artistas. Síntome moi feliz de ter a profesión máis marabillosa do mundo e encantaríame que este disco tivera unha vida moi longa. Para unha artista a maior satisfacción é que as súas cancións perduren no tempo.

No disco vólveslle poñer voz a Rosalía, pero a túa conexión cos seus versos vén de vello. Como lle explicarías a Rosalía a poesía que garda O Incio?
Pois co tema O Incio, a canción que compuxen con Chema Purón, unha fotografía musical da súa paisaxe e das súas xentes, da miña terra brava, como ben a cualificou Ánxel Fole, e que pariu mulleres grandes como Marica Campo.

Ademais de xirar co teu repertorio, nestes últimos tempos estaslle a dar unha boa volta ao cancioneiro tradicional con A Roda. Como recibe esa actualización o público?
Moi ben, ou así nolo trasladaron en cada concerto que demos. Creo que xa era hora de lles dar esa pequena revolta a versos de cancións tradicionais, que en realidade son bastante machistas, pois hai que pensar que ao final somos o que cantamos. A nosa sociedade está a avanzar e as cancións tamén teñen que avanzar e cambiar. Para min, como muller e como artista, foi marabilloso formar parte deste proxecto, desta proposta tan diferente e tan necesaria contra a violencia de xénero. Quen me ía dicir hai uns anos que estaría a cantar cos homes da Roda! Esas mesturas son xeniais! Que as cancións axuden á boa saúde da nosa sociedade é o mellor premio ao que podemos aspirar.

É aínda moi machista o mundo da música en Galicia?
Uf, é unha pregunta de resposta complicada! Non sei se é moito atrevemento pola miña parte apuntar que en Galicia ese machismo aínda persiste, no eido das orquestras por exemplo. No meu caso, desde logo, si podo afirmar que nunca o sentín a nivel profesional. Quero pensar que imos polo bo camiño e que, en pouco tempo, está pregunta xa non terá sentido.

«Eu como muller sinto a necesidade de ser a voz de moitas mulleres silenciadas que precisan berrarlle á súa parella 'quen te cres que eres'!»

Cal dirías que é a clave para ter sempre unha axenda tan cargada?
Non parar nunca de traballar e reinventarse constantemente! A xente non imaxina o traballo que hai detrás, ese traballo que non se ve. A vida dunha artista non é só saír ao escenario ou facer unha entrevista, detrás hai moito traballo de oficina que fai que sigas a avanzar e que ocupa unha gran parte da túa axenda. É un traballo primordial que a maior parte da xente descoñece.

Como é o teu momento actual?
Esta é unha carreira de fondo na que sempre hai proxectos nos que implicarse polos que paga a pena traballar arreo. Unhas veces móveste máis á présa, outras vas máis amodo, pero o importante é non parar nunca e seguir camiñando. Co paso do tempo conseguín gozar de cada paso que ía dando, sen necesidade de agardar á consecución dun obxectivo determinado. Creo que o importante é gozar no camiño, así que diríache que agora estou verdadeiramente resplandecente cos meus Quince Soles.

Tamén a nivel persoal?
Estou vivindo unha etapa moi feliz coa miña parella, de cambios… E, afortunadamente, a miña familia está ben de saúde, o que fai que eu estea tamén ben. Teño un avó de 95 anos que segue a contar historias marabillosas, e encantaríame que este momento durase moito!

A túa titulación en maxisterio e pedagoxía musical, e o grao medio de guitarra clásica evidencian a solidez da túa relación coa música a múltiples niveis. Como sería a profesora Lucía Pérez?
Querería transmitirlles aos estudantes amor pola música e sacar á luz toda a súa sensibilidade. A música non só é coñecer as notas ou tocar un instrumento, a música ten que ser capaz de emocionarte a ti e emocionar os que a escoitan, e eu creo que moitas veces, sobre todo nas aulas, isto déixase de lado e só se atende a cumprir obxectivos. Penso que se tiraramos máis polo lado emocional iríannos mellor as cousas.

Hai algunha canción coa que che gustaría lembrar 2019?
Hai dúas. A primeira sería Quen te cres que eres?, porque nós, as xentes que estamos de cara ao público, temos a obriga de transmitir as mensaxes que demanda a nosa sociedade. Falaba antes desa Roda da igualdade, con ese slogan tan claro ‘NON contra a violencia de xénero’. A esta sociedade fanlle falta mensaxes coma esta e eu como muller sinto a necesidade de ser a voz de moitas mulleres silenciadas que precisan berrarlle á súa parella ‘quen te cres que eres’! O segundo tema que escollería sería Terra, que incluín no meu último disco, un éxito de Xocaloma dos anos 80 que incide na problemática ecolóxica mundial, unha canción que nos invita a tomar conciencia de que só temos unha Terra que debemos coidar.

E que melodía conecta cos teus desexos de cara ao 2020?
É difícil atopar unha canción capaz de resumir todos os desexos para un novo ano, xa que o que a min me gustaría é que neste ano a vida e o mundo que nos rodea experimentasen melloras en moitos eidos, en especial no relativo ao papel da muller e ás problemáticas de corte social; por iso, ao que eu aspiro coa miña música é axudar a construír un mundo mellor.

Queres ollar outros contidos relevantes?
Política de privacidade

Se consente a utilización de cookies, continúa navegando ou fai clic nalgún link entenderase que consinte a nosa política de cookies e, por tanto, a instalación das mesmas no seu equipo ou dispositivo.

Se vostede quere, pode cambiar a configuración de cookies en calquera momento, configurando o seu navegador para aceptar, ou non, as cookies que recibe ou para que o navegador o avise cando un servidor queira gardar unha cookie.

Esta web utiliza cookies.
error: Contido protexido