•  981 806 528 & 670 594 685 info@coralia.gal

coralia

PADRÓN

150 150 CORALIA

PADRÓN

COS CINCO SENTIDOS

Reportaxe ALBERTO REY CASTRO & SUSANA OTERO VÁZQUEZ
Fotografías ALBERTO REY CASTRO & VICENTE DOMÍNGUEZ VARELA

Localidade ligada intimamente ao Camiño de Santiago, Padrón presume de ser a orixe do Xacobeo, dunha gastronomía singular, dun incrible patrimonio, dunha literatura universal, natureza senlleira, e múltiples actividades ao aire libre para toda a familia. Padrón é camiño e destino. É parada de varias rutas dos Camiños de Santiago, e tamén é destino: fin dunha das rutas máis ancestrais como é o Camiño da Pedronía que desde antigo fan os peregrinos para descubrir o lugar ao que chegou a barca que trouxo os restos mortais do apóstolo Santiago.

Padrón conta cun amplo patrimonio histórico no seu territorio. Do seu amplísimo catálogo monumental, a nosa primeira parada só pode ser a igrexa parroquial de Santiago de Padrón, templo reedificado no século XIX que custodia baixo o seu altar maior o Pedrón, unha ara romana dedicada ao deus Neptuno, onde a tradición conta que foi amarrada a barca que trouxo o corpo do apóstolo Santiago ata o porto de Iria Flavia, porto importante da romana Gallaecia, situado moi preto de onde se edificou a primitiva igrexa de Santiago.

«Inda vexo onde xogaba, cas meniñas qu’eu quería, o enxidiño onde folgaba, os rosales que coidaba, i a fontiña onde bebía», versos da autora Rosalía de Castro lembrando a súa infancia polas rúas de Padrón que nos leva a un pasado de xogos e risas, rúas empapadas de literatura, historia e gastronomía.

Na contorna da igrexa atopamos outros elementos que nos levan a outras épocas pasadas que seguen vivas e conviven coa veciñanza na súa vida cotiá e cos centos de peregrinos que se achegan á vila. Un destes espazos é o Paseo do Espolón, lugar onde se celebra, baixo os impoñentes e centenarios plataneiros de sombra, o mercado de Padrón, un dos máis populares e concorridos de Galicia. A súa sona atrae cada domingo milleiros de visitantes de todas as idades procedentes tamén doutras comunidades, algúns na compaña da familia ou amigos, e outros en grupos de excursións. A orixe deste mercado popular remóntase a tempos inmemoriais. Xa na Idade Media estaba considerado un dos máis importantes de Galicia, e centrábase principalmente na venda de gando e outras mercadorías. A variedade de produtos que se poden adquirir no mercado de Padrón é un dos seus principais sinais de identidade. Unha amálgama de cores vivas e olores que anuncian a presenza de artigos téxtiles, calzado e complementos, e de gran diversidade de produtos de alimentación (como froitas e verduras de tempada, queixos, embutidos ou licores), xunto a apeiros de labranza, mobles e outros artigos curiosos. Claro que o gran protagonista do mercado de Padrón é o polbo á feira. Os fogóns das polbeiras e o seu tentador aroma marcan a hora do petisco: polbo, churrasco, vermú, viño e café son aquí os protagonistas.

Se levantamos a vista podemos ver, ao outro lado do río Sar, o convento do Carme. Desde o seu magnífico adro é doado admirar as vistas do casco vello da localidade rosaliana e o propio curso do río ata a súa desembocadura. Moi preto deste lugar nacen as 132 escaleiras que conducen ata un espazo máxico, envolto en lendas antigas e o embruxo das romarías familiares cada 25 de xullo, o Santiaguiño do Monte. Un lugar de esparexemento vinculado á figura do apóstolo Santiago, que a tradición oral sinala como o punto onde lles predicou en vida aos xentís da zona. A sensación de pasar as mans polas 10 rochas deste promontorio cheas de historias e lendas, e o atrevemento de tentar atravesar os 3 ocos que alí se atopan, que representan o ceo, o purgatorio e o inferno, faranos protagonistas dunha experiencia única.

Para recuperar folgos despois deste percorrido nada mellor que un aperitivo na zona vella de Padrón, deténdonos a gozar das súas terrazas e degustar os seus afamados pementos de Herbón, que, como di o dito, uns pican e outros non! A particularidade deste produto singular, bandeira desta localidade e apreciado no mundo enteiro, fai que só sexa posible degustalo na súa tempada, a que vai do mes de maio a outubro.

Aínda así é certo que cada vez existen máis produtos gastronómicos vinculados ao pemento elaborados coa súa materia prima como a marmelada, confeitura, queixos, bombóns, licores etc. que se saborean todo o ano.
De visita obrigada é tamén o Xardín Botánico Artístico de Padrón, considerado un dos máis antigos de Galicia. Nun espazo dunha hectárea concentra preto de 300 especies distintas, entre as que figuran varias incluídas no Catálogo de Árbores Senlleiras de Galicia. É este un lugar perfecto para deixar voar a imaxinación polos labirintos na procura do recuncho máis fermoso ou a especie máis singular, que para moitos é a Coroa de Cristo, árbore centenaria que imita a coroa que Xesús levou na cruz. Outro evocador recanto do Xardín Botánico Artístico é o Banco dos Namorados, onde un pode sentar, pechar os ollos e escoitar o cantar dos paxaros e o rumor da auga das súas fontes de pedra, sentir a cálida brisa, e deixarse empapar da súa latente inspiración, como facía Rosalía de Castro baixo a sequoia vermella que leva o seu nome.

Camiñar, sentir e aprender tamén é posible en Padrón. A tan só 3 quilómetros do centro, na parroquia de Herbón agárdanos unha ruta moi especial, a Ruta do Pemento. Esta ruta circunda o convento franciscano de Santo Antonio de Herbón, un edificio con máis de 600 anos de historia, onde chegaron, procedentes de América, as primeiras plantas de pementos. Percorrendo esta ruta, e grazas aos códigos QR que iremos atopando, poderemos descubrir a historia do convento, a orixe do pemento, o seu cultivo, cociña, características ou curiosidades. Incluso poderemos descubrir por que pican.

Moi preto de aquí, situase a monumental igrexa de Santa María de Herbón, un magnífico exemplo de románico compostelán, así como as espectaculares pesqueiras, construcións que, segundo indican algúns historiadores, poden ter orixe romana, destinadas á pesca da lamprea, peixe prehistórico que non deixa indiferente a ninguén polo seu intenso sabor. A súa tempada vai desde o mes de xaneiro ata abril. E, habitualmente, no mes de marzo, o concello de Padrón organiza unhas xornadas gastronómicas que, ademais de obradoiros de cociña e actividades para toda a familia, permite saborear os ‘menús lampreeiros’ nos restaurantes da localidade, que inclúen entrantes, prato principal, sobremesa e bebida por só 30 euros.

Así mesmo, nas augas que bañan as terras de Padrón tamén é posible realizar actividades deportivas como o descenso en kaiak ou rafting, ademais de actividades de tiro ou rappel, experiencias perfectas para quen busca vivir emocións intensas.
Claro que non poderiamos falar de Padrón sen falar da literatura. Padrón é unha vila que conta cunha longa e histórica tradición literaria, e é berce de autores do porte de Macías o Namorado, trobador medieval (s. XIII–XIV), Juan Rodríguez de la Cámara ou de Padrón (1390-1450), a universal poetisa Rosalía de Castro (1837–1885), Nicasio Pajares Ogeros (1881-1956), Manuel Vázquez Castro, coñecido por ‘Manuel Barros’ (1844–1888) ou o premio Nobel de Literatura, Camilo José Cela (1916–2002).

En Padrón é unha parada obrigatoria a Casa-Museo de Rosalía de Castro, o lugar onde pasou os seus derradeiros días, que nos permitirá coñecer como era a casa nesa época e onde tamén poderemos pasear polo seu xardín, ulir as camelias, o loureiro ou a figueira que se cre podería ser datada na súa época, ou sentarnos a ler á sombra da viña que ten en fronte da súa casa, tal e como facía a propia autora.

Non moi lonxe de alí, en Iria Flavia, centro romano hai 2000 anos, atopamos a Fundación P.G. Camilo José Cela, un espazo que nos envolve na súa escrita e no cal poderemos aprender moito da figura do premio Nobel, gozando dunha visión menos coñecida deste persoeiro tan importante. Ademais, o seu Museo ten unhas vistas envexables da igrexa de Santa María a Maior de Iria Flavia, considerada o primeiro templo dedicado á virxe María e con centos de anos de historia nos seus grosos muros, moi ligada á tradición do apóstolo Santiago e á historia compostelá.

Ao longo de todos os meses do ano, Padrón é sinónimo de calidez e hospitalidade.

De carácter acolledor, a súa veciñanza recibe o visitante cos brazos abertos, feliz de poder compartir a súa riqueza patrimonial material e inmaterial. Padrón é, en todas as ocasións, camiño e destino.

Queres ollar outros contidos relevantes?

OFRENDAS

150 150 CORALIA

OFRENDAS

DE LUZ

Reportaxe LAURA RAMOS CUBA
Fotografías TINO MARTÍNEZ

Todos os anos en Galicia miles de persoas enchen autocares, vehículos particulares e camiños para vivir a gratitude e a emoción que nacen en sitios como Santo André de Teixido, Amil, Xende ou Ribarteme. Viaxamos a través do país das mil romarías, no que cada parroquia prende un facho de devoción sincera para as persoas que queiran achegar o corpo… e o espírito.

Romaría. A historia apréndenos que a orixe da palabra procede de Roma e designaba a peregrinación das persoas católicas á cidade dos papas. Co tempo, o termo acabou por abarcar as viaxes a calquera santuario da cristiandade. Hoxe en día, ir de romaría non só implica o camiño –a pé ou en transporte motorizado–, senón tamén a viaxe íntima e colectiva cara ao Santo. «Vaise visitar un Santo como se vai visitar un amigo: canto máis longo sexa o camiño, canto maiores sexan as dificultades, máis se lle demostra o afecto», analiza o antropólogo Marcial Gondar.

A romaxe, xa que logo, non enraíza o seu sentido no pracer da viaxe –a miúdo incómoda debido ás dificultades de acceso– nin no sacrificio que poida implicar a ofrenda ao Santo. A romaxe non é unha comenencia. É a sinceridade aberta do agradecemento, o recoñecemento honesto dunha persoa que recibiu favores divinos nunhas circunstancias adversas para si ou para os seus. Unha operación que saíu ben, unha doenza que sanda, un accidente sen feridos. En Galicia, a romaría galega por excelencia é desde hai séculos Santiago de Compostela. Un distante punto do continente que, a través dunha rede de vieiros que cruzan fragas, serras, ríos e mares… acabou por vertebrar Europa.

TEIXIDO OU AS PORTAS DO ALÉN

Tan célebre chegou a ser a sona da romaría deste apóstolo que Santo André, xa arribado na súa barca de pedra aos monumentais acantilados de Cedeira, mostrou a súa mágoa ante Deus polo descoñecemento e abandono que sufría. Os romeiros e as romeiras preferían visitar o templo de Santiago, máis grande e con máis fama. Conmovido pola súa coita, o Señor compensaría a aldraxe coa promesa de que «irá de morto, quen non foi de vivo», unha máxima que aínda a día de hoxe move milleiros de peregrinos. Neste lugar, é lei entre visitantes e locais non matar ou ferir ningún animal baixo a crenza de que pode ser a encarnación de alguén que non cumpriu en vida a sentenza divina.

Aínda na súa presenza corpórea, tres deses peregrinos foron os escritores Otero Pedrayo, Vicente Risco e Ben-Cho-Sey, que en xullo de 1927 viaxaron a pé desde Ourense ata Teixido polo camiño de Cedeira. Esta vía convive co vieiro dos Romeiros ou Camiño Vello (que principia en Porto do Cabo) e o camiño de Valdoviño, indicado para romeiros da Coruña ou Ferrol. Otero Pedrayo deu conta no libro Pelerinaxes I das súas observacións durante a viaxe ata este modesto templo da parroquia de Santa María da Régoa.

Aínda que sexa posible encadrar a datación da ermida por volta do século XII, o certo é que o culto arredor de Santo André de Teixido parece orixinarse moito antes. Calquera persoa do século XXI que hoxe asome a vista aos 140 metros de precipicios graníticos que rompen o abrazo atlántico da Capelada poderá entender como os antigos castrexos acreditaban que alí se encontraban as portas do alén. Miles de anos despois, os rituais foron transformados e o simbolismo mudou, mais unha corrente subterránea de fe fura a través da historia.

O viaxeiro que chega a Santo André de Teixido ficará cativado pola inmensidade catedralicia dos que gardan a paisaxe, mais tamén pola solemnidade sinxela dos amilladoiros, pequenos túmulos de pedras amontoados por outros romeiros, testemuñas da súa travesía. Unha vez no templo, calquera visitante poderá ofrecerlle os seus respectos ao Santo, que garda no seu interior fotografías e exvotos doutros crentes, mais tamén poderá beber da Fonte de Tres Canos, adquirir un sanandresiño (símbolo do santuario elaborado con miga de pan) ou recoller o ramo de Santo André, elaborado con teixo, abeleira, herba de namorar ou xuncos do ben parir. Se ben, ao igual ca en Compostela, o romeiro pode asistir todo o ano ao lugar de culto, hai certas datas con especial significado, como é a fin de semana de Pentecostés, San Xoán, o 30 de novembro ou a terceira fin de semana de setembro.

O terceiro domingo de setembro, a Pobra do Caramiñal acolle a súa romaría, o Divino Nazareno. A festividade recibe centos de ofrecidos que participan na procesión vestidos con mortallas ou portando cadaleitos e exvotos.

O URBANO DIVINO NAZARENO

Na mesma data, o terceiro domingo de setembro, a Pobra do Caramiñal acolle a súa romaría, o Divino Nazareno. A festividade recibe centos de ofrecidos que participan na procesión vestidos con mortallas ou portando cadaleitos e exvotos. O Nazareno foi tamén un punto de inflexión na vida de Tino Martínez (Santiago, 1943), «ofrecido de por vida… á fotografía», matiza cun sorriso. O fotógrafo compostelán andaba na procura dun proxecto artístico persoal cando, en 1969, visitou a festividade cun amigo. «Encontreime con 40 ou 50 caixas desfilando pola procesión e impactoume porque a miña primeira vocación foi ser Xesuíta e iso quedoume dentro, como unha brasa que sempre dá calor», explica.

A celebración, declarada Festa de Interese Turístico en Galicia, remonta as súas orixes ao século XVI, cando o rexedor Xoán de Liñares sería salvado da morte por intercesión do Santo Cristo e, en agradecemento, foi en procesión diante da súa propia caixa mortuoria. Séculos despois os ataúdes seguen saíndo da igrexa do Deán. No barrio da Covecha lánzanlle pétalos á figura desde os bloques de apartamentos e saúdana con bombas de palenque que, cun zunido, parten o ceo nun áxil marco de fume. Mentres, policías e gardas civís recollen bebés, carteiras e bolsos para rozar contra o seu manto, na procura da beizón.

«A partir do Nazareno comecei a investigar outras romarías que tivesen esa consistencia, ese algo diferente: exvotos, mortallas, ataúdes, grandes cadeas… nelas notas a forma en que a xente se entrega á santa e á fe porque é algo tanxible, podes tocala», comparte o fotógrafo. Con máis de medio século de asistencia e un arquivo con máis de 50.000 negativos de diferentes romaxes, «xa hai quen me di que son máis Nazareno que o propio Nazareno».

Ao pé do desfile e da música solemne a carballeira garda risos e polbeiras, familias a xantar sobre o mosaico de luz que cosen as follas na herba. Entre os contos e o viño esténdese unha atmosfera de ledicia que fai máis lixeiras as penas da vida diaria. Lonxe, na altura das montañas, foguetes de sete estalos coroan o día grande no almanaque das persoas ofrecidas. Ao contrario que noutras celebracións, onde a persoa chega a ir dentro da caixa, na Lama os romeiros acostuman levar os ataúdes sobre as súas cabezas. E detrás de cada exvoto, hai unha historia. Un ofrecemento de por vida por unha filla cunha cardiopatía, outro por un neto que estivo á beira da morte cando bebé ou unha ferida fonda que lastra despois da morte dunha nai. «Un historiador, un xornalista ou outro fotógrafo non oe nin ve o que eu, porque eu fíxome na xente, non no impacto fácil», sentencia Martínez.

Outrora parte do arciprestado de Soutomaior e célebre polos seus canteiros, a parroquia de Xende recibe todos os anos a multitude proveniente de todo o país que vén participar na procesión. Centos de anos distan entre os nosos días e as primeiras referencias –do século XVIII– a esta romaxe que, sen ser a máis grande do país, si parece ficar inmutable ao desgaste dos anos. O fotógrafo Tino Martínez reflexiona sobre o mantemento destes rituais en Galicia. Noutras partes do globo tamén existen estas prácticas e, porén, ningún se pode comparar ao país das mil romarías. «Penso que aquí todo isto vén dado grazas ás mulleres, que son quen dirixen isto», recoñece.

Ao contrario que noutras celebracións, onde a persoa chega a ir dentro da caixa, na Lama os romeiros acostuman levar os ataúdes sobre as súas cabezas. E detrás de cada exvoto, hai unha historia.

UN MAR DE ARDORA EN AMIL

Case 40 quilómetros ao norte de Xende encontramos o santuario da Virxe dos Milagres de Amil. Situado en Ruibal, na parroquia de Santo Amedio (Moraña), o lugar celebra cada 8 de setembro a súa romaría. Ducias de persoas realizan unha peregrinación nocturna ao lugar santo. No camiño, candeas e lanternas viaxan a través da noite nun mar de ardora que desemboca no santuario, no lugar da Chan.

A historia detrás deste culto remonta ao século XVIII, cando a Virxe dos Milagres tería feito brotar un manancial en Rozavella para o arrieiro Sebastián de Castro. En agradecemento o home construíu unha fonte e recadou esmolas para construír a ermida actual, nun terreo máis firme. O templo, arrodeado de fragas e camelias, presenta unha planta poligonal e un estilo neoclásico que cada mes de setembro é arrodeado por unha sinfonía de aromas, cores e sons.

Cada 8 de setembro, en Amil, nace un día para separarmos dos outros días. Brotan os postos de melindres, torres de rosquillas e pan de diferentes tipos e feituras. Panos de cores, obxectos de agasallo, gasosas e barquillos. Fronte ás portas da igrexa, centos de candeas de cera acumúlanse sobre a herba. A virxe sae fachendosa con ducias de billetes cosidos ao seu vestido. Familias e turistas reúnense co repenicar das campás no adro do santuario, polo simple feito de estar xuntos, pola necesidade esencial de compartir a mesma vitalidade e a mesma euforia.

O CORPIÑO, ‘O LOURDES GALEGO’

Ao nivel da multitude que visita Amil encontramos tamén a romaría da Nosa Señora do Corpiño, no concello pontevedrés de Lalín, considerada por moitos ‘o Lourdes galego’. O santuario está situado xusto aos pés do monte Carrío e dentro da parroquia de Santa Baia de Lousón. Aínda que aberto todo o ano, o templo recibe o groso de romeiros no día de San Xoán e na véspera, días grandes da romaxe.

A Nosa Señora do Corpiño é recoñecida popularmente como intercesora contra o meigallo ou doenzas psíquicas e posesións. O seu párroco, José Criado, é o exorcista máis novo de toda a Igrexa católica, unha práctica que dista dos rituais realizados nos séculos pasados, en que introducían un hisopo mollado en aceite na boca da persoa posuída. Agora cómpre obedecer certos requirimentos para recibir un exorcismo e calquera pode ver a virxe a través da retransmisión en streaming do altar do santuario.

Porén, mesmo con estes avances, o culto ao Corpiño segue intacto desde a súa orixe no século VIII, cando nas inmediacións do monte Carrío vivía un ermitán devoto da Virxe. Hoxe, as santeiras véndenlles cruces e candeas aos confrades que, vestidos con túnicas verdes, arrodean a igrexa en procesión. Moitas persoas ofrecidas tamén pasan por penitencias adicionais como camiñar de xeonllos arredor do templo ou facer a peregrinación sen comer.

As persoas alleas á tradición poderían tachar esta imaxe como ‘excéntrica’. Por iso, Martínez critica o labor dos medios na difusión deste ritual. «O 98% dos fotógrafos fan fotografías ridiculizantes das romarías e non captan o sentimento», sinala. O xeito en que entregan as pregarias ou como as persoas ollan para o Santo, «como os seus ollos non poden evitar expresar cando estás pedíndolle algo moi importante á Santa, para ti ou para os teus» son algúns dos fragmentos de realidade que o fotógrafo capta na súa obra, dominada polos planos curtos, fechados.

Fronte ás portas da igrexa, centos de candeas de cera acumúlanse sobre a herba. A virxe sae fachendosa con ducias de billetes cosidos ao seu vestido.

A ROMARÍA DAS MORTALLAS DE RIBARTEME

Da mesma sona do Corpiño como romaxe de ofrecidos tamén goza Santa Marta de Ribarteme, no concello das Neves. Segundo a Biblia, Santa Marta era a irmá de Lázaro, que intercedeu ante Xesús para que resucitase o seu irmán. Todos os anos, e despois de ser salvadas dunha doenza moi grave ou dun perigo mortal, as persoas maniféstanlle a súa fonda gratitude á Santa. Cada 29 de xullo, arredor de dez cadaleitos saen nunha longa procesión que se estende por un camiño de ata 6 quilómetros, acompañados de amortallados e outros ofrecidos. Dentro deles e baixo unha calor de xustiza, vemos asomar nos ataúdes os seus ocupantes portando abanos, botellas de auga ou panos para se cubriren do sol. Detrás deles, o coro canta: «Virxe de Santa Marta, estrela do norte, que lle deu a vida ó que estivo á morte». As campás da capela –reconstruída despois dun incendio na noite de San Xoán de 1939– tocan a morto cando a comitiva entra na igrexa e os ofrecidos érguense do sepulto, como Lázaro, para rezar.

A estampa, impoñente para os visitantes, valeulle o título de segunda festa máis singular do mundo, segundo o xornal británico The Guardian. Tino Martínez, que comezou a retratar a festa no ano 1980, ve nesta representación da morte un acto de liberación. Representar a morte é evitala, unha forma de catarse, do íntimo ao público. «Enérvame cando din que en Ribarteme hai un culto á morte. Como que culto á morte? É culto á vida! A persoa vai pedir por outro, e vai pedir saúde, vai pedir vida. De onde sacan iso do culto á morte ou da Galicia profunda?», reproba. Contra a ignorancia e o escurantismo da ollada allea, o artista abre a porta á luz e á comprensión. «Por que non vas un día e ves o que hai, as súas caras? Están na superficie, mostrándose diante de todo o mundo e están desexando abrirse e soltar o lastre que levan dentro… Choran e dincho», conta.

Pasan os séculos e as décadas e «o único que cambia é a vestimenta, os peiteados e que agora as persoas falan polo teléfono móbil a carón do ataúde, mais a mesma idea segue aí, as crianzas seguen aí», afirma Martínez. Todos os anos, milleiros de persoas asolagan camiños e estradas para unha festa distante. Aí están as familias que acordan verse nas romaxes, os emigrantes que levan convidados estranxeiros e os visitantes que acoden curiosos a unha cita cun espazo e cun tempo distinto, un tempo de gratitude, de fe, de comuñón. «A morte é un lugar comprensivo», escribe a poeta Lupe Gómez. «Un terremoto de flores. Un abrazo de profundo silencio».

 

 

Queres ollar outros contidos relevantes?

RIBEIRA SACRA

150 150 CORALIA

RIBEIRA SACRA

Un estado mental

Reportaxe JORGE GUITIÁN
Fotografías ALEJANDRO MORENO | GRUPO 76 PUBLICIDAD | LUISA RUBINES | EDUARDO ARMADA

Hai lugares capaces de transmitir unha atmosfera, un carácter que vai máis alá dos seus elementos visibles e que o empapa todo. É o caso da Ribeira Sacra lucense, dese recuncho no que se atopan o Sil e o Miño, que se van presentar como o nexo de unión duns territorios con moita historia e moito futuro que contar.

Volver á Ribeira Sacra lucense significa regresar sempre a un lugar novo. Velaí o seu encanto, a súa forza case magnética. O territorio marcado no mapa polo encontro dos ríos Miño e Sil capta por igual a atención de quen o elixe como o seu lugar no mundo e de quen o descobre por vez primeira.

Pode que os que coñecemos ben este espazo cheguemos a perder de vista esta sensación que flúe agochada e que nos volve levar cara a eses vales dun xeito cíclico e constante. Por iso convén volver percorrer as súas estradas xunto a alguén capaz de relatar as súas singularidades coa ollada nova de quen chegou de fóra para atopar un territorio que ía moito máis alá do que os tópicos se empeñan en contar.

Regresamos á Ribeira Sacra dispostos a redescubrila da man de Dolores Redondo, a escritora de orixe vasca que decidiu ambientar aquí a súa novela Todo esto te daré, convertendo estas paisaxes nun personaxe máis da súa narración.

«Para os meus libros escollo sempre escenarios esixentes, fermosos, nos que se sinta a espiritualidade. A Ribeira Sacra é un deles. Teño un compromiso especial coa paisaxe, co escenario, porque para min non é un simple lugar polo que transitan os personaxes senón que procuro que a paisaxe sexa esixente con eles», explícanos a escritora, antes de engadir: «Gústame que o lugar force os personaxes a sacar á luz o mellor e o peor deles mesmos, que os obrigue a contraer unha débeda cultural e vital».

Desta volta non percorremos a Ribeira Sacra cos monumentos ou coas paisaxes como fío condutor. Haberá paisaxes, como vai haber monumentos no camiño –non pode ser doutro xeito aquí- máis o que nos vai guiar por estas terras de Asma e de Lemos, como guiou a escritora, é a xente; guiarannos as persoas que levan aquí toda a súa vida, as que marcharon para volver máis adiante e as que, sendo oriúndas doutros territorios, decidiron que este era o lugar.

«O orgullo pola pertenza a un lugar é algo que sempre me interesou» sinala Redondo. «Segundo fun internándome na zona e coñecendo máis recunchos puiden captar mellor a esencia do orgullo de quen vive na Ribeira Sacra».

Unha esencia que leva a que, baixo unha aparencia de permanencia, todo aquí vaia mudando progresivamente e a que a Ribeira Sacra, consciente do seu pasado, sexa hoxe un lugar completamente novo, transformado por quen aposta por el como alternativa de futuro.

O ESPAZO E A XENTE

Percorremos este territorio histórico, a cabalo entre as dúas beiras do Miño, para atopar os artífices do seu futuro, as persoas que están preservando a personalidade única desta terra que se estende desde os pés da serra do Faro –os antigos montes do Navego- ata os montes de Lóuzara e os primeiros contrafortes do Courel no leste.

Imos á procura de xente que entendeu as raíces como un legado, como un activo de cara ao futuro, e nunca como unha carga. E comezamos por un centro simbólico, polo lugar no que o río Miño xongue as terras de Lemos e as do Asma: o territorio entre Belesar e o Cabo do Mundo. Foi neste punto onde o adegueiro Juan Luis Méndez Rojo lle deu forma a un proxecto que sintetiza en boa medida todo o que está a acontecer neste sur lucense.

Vía Romana é cultura do viño, é escala e paisaxe. Nada aquí é grandioso, de dimensións desproporcionadas. Ao contrario, esta adega pendurada sobre o val ten as dimensións propias do lugar, domésticas, amables. Amosa coma poucas o valor do pequeno, da proporción humana. A grandiosidade reside nos detalles que se van atopando na visita: nos muros de pedra que poden lerse coma un libro, desvelando os capítulos construtivos a quen os procure con atención; a súa grandiosidade reside nun balcón. Nese balcón.

«Cheguei ata alí por Belesar», relata a escritora gañadora do Premio Planeta 2016. «Nunca esquecerei a impresión que me causou aquel pequeno lugar, á beira do Miño, e a estrada de curvas bordeando as terrazas empinadas de viñedos. Fascinoume a simpatía do persoal da adega (…) E as vistas desde o balcón». Tanto foi así que o lugar, o edificio, a súa situación sobre o val acabaron por inspirar a adega Heroica de Todo esto te daré.

O val, unha coitelada verdella de norte a sur, acubilla centos de anos de historia nos socalcos que gabean polas costas de Amedo a Pincelo, o embigo desta paisaxe de ecos mitolóxicos, onde a viticultura é heroica, dando lugar a adegas que só teñen razón de ser neste lugar do mundo. É a vía romana, transformada co paso do tempo no que hoxe coñecemos como Camiño de Inverno, un dos ramais menos transitados do Camiño de Santiago, que baixa por Diomondi para ascender logo, lenta, cara a A Ermida e de alí a Líncora.

Todo isto, A Ribeira Sacra que hoxe vemos, ese territorio que se modernizou en poucos anos é o froito da historia. Mais, ao mesmo tempo, é o froito do empeño de xente que viu o potencial de futuro desta terra.

Xente como Roberto, que desde o restaurante Os Pendellos reivindica a cultura gastronómica de sempre, a do polbo á feira, a do produto e receitario local, apostando desde hai anos por unha fórmula, hoxe recoñecida, que no seu momento foi revolucionaria na zona. Unha polbeira contemporánea? A cociña máis esencial como razón de ser? Por que non?

Xente como Luisa, que volveu despois de anos en Londres para poñer en marcha Quinta Sacra, un pioneiro proxecto de actividades náuticas que posibilita que xente de todo o mundo poida descubrir o Miño desde unha perspectiva inédita.

Xunto a eles, xunto ao seu esforzo, ducias de pequenos proxectos dan vida a estas terras de resonancias míticas. Xa non son soamente as igrexas románicas ou os vestixios arqueolóxicos os que lle dan sentido ao mapa senón que este aparece agora punteado tamén con queixerías, con establecementos hostaleiros, con casas rurais.

Ou con neoartesáns. Como Elías, que na casa reitoral de Gundivós (en Sober) mantén vivo o legado de Lula Rodríguez, de Agapito González, de Federico Díaz ou de Xosé Ventura, chamados a ser os derradeiros oleiros de Gundivós e que foron quen de trasladar a sabedoría de séculos de artesáns da aldea á seguinte xeración.

Aquí agardan por nós casas rurais como Cabo do Mundo, pioneira na beira do Asma, a Casa Grande de Rosende, outra das fundacionais, do outro lado do Miño, ou os Apartamentos Río Sil, por mencionar un proxecto de absoluta actualidade. Entre elas podemos marcar un dos moitos percorridos posibles, que ben pode pasar xunto á foz inmensa da presa de Belesar, ao pé da impresionante igrexa de Ribas de Miño. Ou deterse no mosteiro do Divino Salvador de Ferreira de Pantón, xa sexa pola súa arquitectura ou polos doces que as monxas nos ofrecen a través do torno.

O noso camiño ben podería desviarse ata os miradoiros e achegarse ao da Cova, ao pé do castro de Arxeriz. E desde alí poderiamos dirixirnos ao Miradoiro das Marabillas, sobre a aldea de Marce e a fervenza máxica de Augacaída, para continuar cara aos da Pena Pombeiro, A Cividade e Santiorxo, antes de visitar o mítico santuario das Cadeiras. Non sería un mal plan volver despois por Proendos, cuxo nome posúe sonoridade mítica; unha localidade levantada sobre unha vila romana que, aos poucos, comeza a deixarse descubrir. E se despois pasamos por Atán ou Eiré, poderemos comprobar que hai mil románicos distintos na Ribeira Sacra, como confirman as capelas que agroman entre as viñas para vixiar o val.

Daquela banda era parte da miña familia. Os Guitián de Casar de Cima. Un deles namorou dunha muller de Cristosende, na Teixeira. Tan preto e tan lonxe. Apenas 4 quilómetros en liña recta que lle supuxeron ao meu bisavó baixar con frecuencia case 600 metros de ladeira para subilos, a continuación, gabeando costa arriba ata a casa pendurada sobre o val. E así ata que casaron.
E a nosa historia familiar prosegue, coma tantas na Ribeira, en Monforte, onde o meu avó estudou no internado dos Escolapios, no Colexio do Cardeal. Mais esa é outra historia. Unha de tantas de xente que marchou e agora, con frecuencia, retorna para lle dar nova vida a este recuncho do sur da provincia. Ou para tratar de relatala, como é o caso.

A ENOGASTRONOMÍA

Outro dos motivos que fan especial á Ribeira Sacra lucense é a súa enogastronomía. Do viño xa temos falado. E máis que falaremos, cada vez que entremos nunha casa de comidas, cada vez que nos acheguemos a Amandi ou a Doade, a Bolmente ou a Cascortés, a Belesar, a Costoira ou a Fondo da Vila. Falaremos del no Centro do Viño da Ribeira Sacra, buscando tabernas no Monforte de herdanza sefardí ou nos bares de Chantada. Neste intre non podemos deixar de falar dos pratos, das receitas antigas, e xunto a elas, dos cociñeiros da comarca que están a propoñer unha nova cociña.
Falamos xa de Roberto e dos seus Pendellos, como poderiamos ter falado do caldo de ósos de Taboada ou das ferroviarias sopas de allo monfortinas. Do pan, das zocas, das castañas, do leite mazado.
Temos que falar, aínda, do traballo que fai Toño no restaurante A Faragulla, un motivo máis para percorrer devagar o casco antigo de Chantada e para descubrir como a cociña das Terras do Asma se postula como unha ferramenta de futuro. Estando aquí sería boa cousa visitar o Mánix e descubrir as súas empanadillas. Esta convivencia entre tradición e modernidade dálle sentido aquí a moitas cousas.

E tamén temos que falar de Ana, Ricardo e Xesús, e da súa queixería Airas Moniz, que en poucos anos foi quen de colocarse entre as máis prestixiosas (traendo ao presente o nome do trobador, Airas Moniz d’Asma). E das cerdeiras, que estouran de froita por todo o val anunciando o verán. Ou achegarnos a Penasillás, ao pé do Faro, a tomar unha carne ao caldeiro. Temos, en definitiva, que percorrer paseniñamente os seus camiños para entender o universo da Ribeira Sacra.

A Ribeira Sacra lucense é, en certo sentido, unha versión a escala da Galicia contemporánea: un lugar que se reinventa, en constante cambio, que crece e acolle proxectos con alma; un territorio creativo que aspira a converterse en referencia para un turismo responsable e consciente, capaz de xerar valor engadido. Un turismo, en palabras de Dolores Redondo «sustentable, de calidade, que trate o lugar co máximo respecto», un lugar orgulloso de seu e do seu lugar no mundo «sinónimo de autenticidade para sempre».

Poucas bisbarras teñen deixado unha pegada tan fonda e tan nidia no noso imaxinario coma esta. E poucas, ao mesmo tempo, son tan descoñecidas como o é a Ribeira Sacra, unha terra que esixe vir e cambiar de ritmo, que só pode ser descuberta desprendéndose de ideas preconcibidas e entendendo que un lugar é moito máis ca un territorio: é un xeito de vida. É un estado mental.

Queres ollar outros contidos relevantes?

OURENSE

150 150 CORALIA

OURENSE

A capital de moda

Reportaxe JORGE GUITIÁN
Fotografías ELÍAS OTERO

As orixes romanas, o esplendoroso pasado medieval e a vibrante realidade contemporánea dun destino que é quen de reinventarse a cada paso préstanse para ducias de percorridos. Mais como por algures hai que comezar, esta é a nosa proposta para un achegamento relaxado e relaxante á cidade das Burgas, unha ollada desenfadada que se mergulla a pulmón no corazón da ‘ourensanía’.

E que é iso da ‘ourensanía’? Un carácter, unha maneira de ser e de estar no mundo, un xeito de ver pasar o tempo e de enfrontarse á vida sen renunciar a certa dose de retranca e lonxe das présas de cidades máis grandes. Ourense fai gala do seu tamaño mediano, asumible; suficientemente grande como para dar lugar a unha oferta cultural e de ocio diversa, suficientemente pequeno, ao tempo, como para preservar unha forma de vida de escala humana na que o rural e o tradicional acaban por mesturarse co contemporáneo e o urbano dun xeito único.

Cruzamento de camiño histórico e cidade de pouso culto, Ourense é hoxe un destino tan atractivo como descoñecido polo turismo de masas. Iso permite que poida presumir dun dos cascos históricos máis auténticos do noroeste peninsular e das vantaxes de estar a pouco máis dunha hora de boa parte das outras cidades galegas ao tempo que é quen de preservar unha atmosfera e un ritmo de seu.

A CHEGADA

Sexa do norte ou do sur, chegue un da costa ou da meseta, o xeito natural de entrar en Ourense é cruzando o río. Desde o barrio da Ponte e a Ribeira de Canedo cómpre achegarse a través desa barreira simbólica que é o Miño para apreciar as pontes: a romana, por suposto, a do Milenio. E ao norte, coa elegancia discreta da arquitectura do ferro doutros tempos, a Ponte Nova.

Mais para entrar a Ourense convén cumprir con certos rituais. E un deles é o do polbo. Porque o polbo, nesta provincia, non é tanto un animal ou un prato como algo simbólico e de raizame fonda, algo que nos resitúa e nos fai entender onde estamos, que nos relaciona coas terras de Cea e do Carballiño, que nos pon en relación coas antigas feiras e mercados, con tratantes e arrieiros.

E para cumprir co ritual comezamos, como tantos viaxeiros chegados nos últimos 150 anos, no barrio da estación, na polbeira A Feira, de sona merecida, desde a que, despois, podemos ir baixando pola avenida das Caldas para atravesar a Ponte Vella e, desde alí, continuar pola rúa Progreso, facendo un alto para repoñer forzas na Confeitería Milhojas ou probando os xeados artesanais de La Central Heladera na rúa do Paseo.

O ROTEIRO DA ARQUITECTURA MODERNA

Unha das grandes sorpresas de Ourense é a súa arquitectura moderna, a impoñente nómina de edificios construídos a unha beira e á outra do ano 1900 e que marcan, aínda hoxe, o seu carácter.
A Casa Taboada e o Pazo da Deputación, ambas obra do arquitecto Vázquez Gulías, sinalan os estremos do noso percorrido pola avenida, mais tamén dúas etapas dun dos grandes arquitectos da provincia, que foi quen de saltar dun certo eclecticismo propio de finais de século a unha art nouveau adaptada ao lugar, como pon de manifesto tamén a súa espectacular Casa Junquera, hoxe sede da Fundación Abanca.

O mercado, na outra beira da rúa, forma xunto coa alameda outro dos conxuntos máis netamente ourensáns. O edificio principal, de 1929, destaca entre as casetas nas que se venden pan, verduras e flores, e polas que paga a pena baixar, sen présas, ata chegar ás Burgas.

Poucas cidades hai en Europa que concentren nun só punto o pasado romano, a tradición e a contemporaneidade como o fai aquel lugar, un dos pouquísimos baños termais ao aire libre inseridos nun casco histórico e o símbolo máis salientable dun dos grandes destinos do turismo de auga e saúde de Europa.

Para entrar a Ourense convén cumprir con certos rituais. E un deles é o do polbo. Porque o polbo, nesta provincia, non é tanto un animal ou un prato como algo simbólico e de raizame fonda, algo que nos resitúa e nos fai entender onde estamos.

 

OS VIÑOS

Os viños son, en Ourense como en calquera outra parte do mundo, unha bebida. Aquí os viños son, ademais, unha cultura. E, por se non abondase, son tamén unha zona do casco vello. E un xeito de ourensanear. Aquí, as palabras, crecen con significados alternativos. E o viño non é unha excepción.

Cruzamos a Praza Maior cara á confluencia da rúa do Paseo con Cardeal Quiroga e comezamos o noso propio itinerario de viños polo centro. Subindo –sempre será mellor deixar a baixada para o final– atopamos Sybaris 2.0, un ecléctico local que mestura restaurante e tenda de produtos gastronómicos e que conta cunha das máis interesantes e mellor nutridas cartas de viño da provincia, a de Jacobo Mojón, á que o cociñeiro Luís Romaní soubo axeitar a súa cociña.

Praza do Ferro. Entramos aquí no cerne do máis tradicional dos viños ourensáns. Non poden faltar clásicos como o Fuentefría, o Atarazana ou o Orellas. Seguimos, entre as rúas Pizarro, Fornos e Lepanto: O Comellón, O Arco da Vella, O Cogumelo. Cada un deles cunha especialidade propia.

Tal é o éxito da cultura dos viños que a zona desbordou os seus límites, crecendo cara ao sur para envolver a Catedral con propostas actuais como Glabistró ou, cara ao norte, nas Mercedes, con lugares como o Portovello que nos van levando de tapa en tapa, de viño en viño, cara á cidade nova.

O CORAZÓN DA CIDADE HISTÓRICA

A catedral de San Martiño, a un paso dos viños, é un resumo en pedra da historia da cidade. O exterior fortificado, o incrible Pórtico do Paraíso, o extraordinario retablo obra de Cornelis de Holanda. E, máis recentemente, o gaiteiro da catedral, que cada mañá ás 11.30 horas saúda a cidade desde o alto, ataviado cunha capa deseño de Adolfo Domínguez, ao son de Ourense no Solpor.

Continuamos, improvisando, descubrindo recunchos, alternando a escala da monumental Praza Maior coa daquelas que son algúns dos segredos mellor gardados da cidade. Praciñas como a dos Suaves, que son parte da mitoloxía auriense contemporánea e teñen gañado o seu sitio en calquera percorrido ourensán.

Ou a praciña do Trigo, en tempos un cemiterio e que hoxe é xa parte indisoluble desas rutas de viños a través de propostas actualizadas como a do Umami, que combina unha interesante oferta de cociña cunha atractiva carta de cócteles.

Baixamos a escalinata de Santa María Nai, ao pé desa impoñente fachada barroca que recolle columnas da antiga catedral sueva, para parar no Tamarindo e continuar o noso particular roteiro de cócteles con personalidade que se vai abrindo camiño na cidade histórica.

Se andamos á procura dun ambiente máis tradicional, podemos deixar pasar o tempo na praza de Santa Eufemia, coa sensación de que a fachada barroca da igrexa homónima tende os seus estremos para abrazarnos. Ou no agochado Eironciño dos Cabaleiros, no que resoan os ecos dos coloquios de décadas pasadas.

 

Aquí os viños son unha cultura. E, por se non abondase, son tamén unha zona do casco vello. É un xeito de ouresanear.

A VIDA CULTURAL

Ourense é un dos grandes polos culturais do interior de Galicia. Cidade universitaria e cruzamento de camiños, punto quente no imaxinario da Xeración Nós, é o lugar perfecto para tomarlle o pulso á cultura galega de hoxe e de sempre. Comezando polo Teatro Principal, levantado arredor de 1830 e que pagaría a pena visitar aínda que só fora polos frescos da súa bóveda, obra de Xaime Quessada.

O roteiro avanza cara ao Museo Municipal, un dos grandes descoñecidos, que alberga unha colección enfocada aos artistas ourensáns: Cándido Fernández Mazas, Prego de Oliver, Xaime Quessada, Acisclo Manzano, Virxilio Fernández ou Buciños son só algúns dos moitos nomes que forman parte da súa colección e que falan da magnitude da vida artística na cidade.

Un pouco máis abaixo xorde a sala de exposicións Abanca (a maior da cidade), e a un paso o Centro Cultural Marcos Valcarcel, interesante tamén pola súa arquitectura. E o Museo da Catedral, claro, co seu Missale Auriensis, impreso en Verín, na que foi a primeira imprenta de Galicia, en 1494.

HORA DE COMER

Son moitas as opcións que o casco vello e as súas inmediacións ofrecen para comer. Se queremos ir máis alá dos petiscos podemos optar por algúns dos locais xa citados –Glabistró, Sybaris 2.0, Portovello, Umami– e explorar propostas informais como a do Tizar, ou de máis calado como a do restaurante Ceibe, se o que buscamos é cociña posta ao día. Podemos, incluso, saltar por un momento fóra do casco, aínda que non moi lonxe, para descubrir a oferta heterodoxa do Café Pacífico.

Mais se andamos á procura de cociña máis tradicional, de lugares nos que explorar a cociña galega de sempre, o casco ten tamén unha oferta do máis interesante: da excelente selección de produto do restaurante O Pingallo á taberna ilustrada que é Adega San Cosme (Casa Leopoldo). Sen esquecer o que é un dos grandes clásicos da cidade, A Taberna, rexentado por Javier Outumuro e no que hai que probar, en tempada, a súa lamprea ou encargar especialidades como o seu polo de curral con lumbrigante.

E despois, seguramente, un café nun deses locais do casco que aínda manteñen o ambiente doutro tempo, ese ambiente que se conserva en La Coruñesa ou o Latino e que tan ben encaixa con aquilo que comentabamos de ourensanear. Porque se algo queda claro despois de percorrer o centro da cidade das Burgas ao longo dun par de días é que, aquí, a vida leva o seu ritmo. E que o mellor que podemos facer é deixarnos levar por el, ser parte por unhas horas desa ‘ourensanía’ e asumila como estilo de vida, como un xeito de reconectar co que significa unha cidade que é sempre, como a primeira vez, un achado sorprendente.

 

Cidade universitaria e cruzamento de camiños, punto quente no imaxinario da Xeración Nós, é o lugar perfecto para tomarlle o pulso á cultura galega de hoxe e de sempre.

Queres ollar outros contidos relevantes?

Ailá

150 150 CORALIA

Ailá

O baile e a música festiva 

Entrevista de Redacción
Fotografías de Sara Pardo Lareo

Xotas, muñeiras, valses e pasodobres. Sexan soltos ou sexan agarrados, Ailá chega para sacar punto e facer bailar. O grupo composto por Xan Pampín, Ángela Carou, Manuele Pardo e Abel Gañete, lanza o seu primeiro traballo discográfico: Ailá. O álbum, que conta cun avance de sete cortes nas plataformas dixitais Youtube, Spotify, Deezer e Amazon, pódese adquirir na tenda Trisquel Artesanía, de Santiago de Compostela.

 

A banda, fraguada nas noites de foliada na Casa das Crechas e representante de Galicia no Festival Celtic Connection 2020, publica nesta primavera un álbum que propón achegar ao público unha óptica moderna da tradición oral galega acompañada de sonoridades festivas e actuais:«Queremos espallar e compartir a enerxía universal tan propia do canto e do baile tradicional de Galicia, a súa esencia máis fonda, a súa alegría», expón o grupo. Ailá conta cun repertorio conformado por unha ducia de temas, máis un de agasallo, que se nutre da análise e investigación realizada por Xan Pampín en numerosos arquivos sonoros e recollidas particulares, «grazas á inmensa xenerosidade das informantes, mulleres de toda Galicia que abriron as portas das casas para compartir co mundo o sei xeito de ver a vida», apunta o músico. Cantos de lugares tan dispares coma Laxoso (Ponte Caldelas), Santa Mariña do Barro (A Baña), Abeneiros (Ordes), Coles (Ourense), San Martiño de Galegos (Frades) ou Os Seixedos (Covelo) serven de inspiración á hora de compoñer o álbum, que Ailá completa con arranxos que beben de ritmos contemporáneos e foráneos.

Instrumentos como o acordeón, a pandeireta, o bombo, o fliscorno, as tarrañolas ou a gaita «rosca» mistúranse con naturalidade coas cunchas ou mesmo as tixolas, ofrecendo así un curioso percorrido musical por Galicia. Unha viaxe sonora con aires de charanga e corazón de serán. Unha proposta de carácter festivo, na que tamén colaboran Andrés Vilán, Manuel Amigo, Nikolai Velikov, Pedro Lamas ou Pedro Pascual, entre outros; e coa que Ailá dá boa conta do inmenso patrimonio vinculado ao canto e danza tradicional que ten Galicia. «Somos conscientes de que cada xeración quere dar unha nova volta á tradición musical e revitalizala. Nós identificámonos co tradi. Para nós é moito máis que unha etiqueta: é un xeito de ver e de entender a vida desde unha perspectiva transversal, na que a música é un eixo vertebrador da comunidade e un elemento fundamental para favorecer as relacións interxeracionais», explica Ailá.

 

Ailá ao vivo

A primeira ocasión na que o público poderá coñecer ao vivo este traballo ao completo será o 28 de maio en Cangas. As entradas para o concerto, que se celebrará no Auditorio Municipal, xa están á venda a través da plataforma Ataquilla.com.

Queres ollar outros contidos relevantes?

Andrea Pousa

150 150 CORALIA

Andrea Pousa

«A base de picar pedra»

Entrevista de LAURA RAMOS CUBA
Fotografías FONDO ANDREA POUSA

Fóra do escenario é simplemente Andrea de Tomiño, unha máis do grupo de amizades. Porén, ao prender os focos emerxe unha voz, distinta e igual ao mesmo tempo. Unha voz que bebe dunha longa herdanza de grandes cantoras como Dulce Pontes e Amália Rodrigues, mais tamén un son eléctrico presente nas mesmas coordenadas que artistas internacionais como Nicki Nicole ou Billie Eilish.

“Até a canción máis ridícula pode achegarche ideas, toda a música me inflúe”, afirma con alegría na voz. Andrea Pousa viste a empatía, a naturalidade e o tesón como emblemas da súa carreira artística. A cantante, cunha longa e sólida traxectoria, é integrante da compañía Queiman e Pousa desde 2014, mais nos últimos anos comezou a deixar un rastro de fortes pegadas no panorama musical. En Miami, en México ou na gran pantalla, Pousa pisa forte e leva, con naturalidade e sen complexos, a lingua galega e a irmandade con Portugal mundo adiante.

Lanzas o teu álbum Retorno, do que xa tivemos un adianto coa Triloxía Meiga. Cal é a principal diferenza con Respirar (2017), o teu anterior -e primeiro- traballo?

Posiblemente a miña implicación a nivel de composición. No primeiro quixen rodearme de grandes profesionais como Nani García e Xavier Ferreiro porque non tiña experiencia. Neste impliqueime coa composición e quixen innovar. Deixeime levar por correntes máis modernas, máis vangardistas… e conseguín un son bastante diferente mais sen perder a esencia.

Como abordas tu o proceso creativo para Retorno?

Neste álbum a composición está feita por min ao 80%, xunto con Paulo Borges, o produtor musical. Xuntámonos os dous nunha casa en Vilanova de Cerveira e estivemos compóndoo en catro ou cinco fases. El comezaba tocando algunha harmonía e eu encaixaba as melodías con algunhas letras que xa fixera a propósito para este disco. Foi un proceso rápido, porque cada día podiamos facer dous temas, e tamén foi fermoso poder ver como nacen as cancións.

Son temas que falan sobre o amor, o desamor… mais tamén son cancións cargadas de positividade e empoderamento porque sempre me gusta darlle unha volta de cor a todo, un toque positivo. Aínda que algo sexa moi negro, eu sempre quedo co mellor. E ese tamén é o balance que estou facendo deste ano.

A Triloxía Meiga son cancións en galego. Porén, Retorno inclúe tamén cancións en español e en portugués. Que motivou esta decisión a empregar varias linguas?

Realmente foi algo natural. Eu son galega e son bilingüe, claro, mais tamén teño raíces portuguesas e vivín sempre de cara a Portugal. Son de Tomiño e téñoo de fronte, polo que sempre estiven moi pegada ao país, á súa cultura, a súa fala… Considérome, xa que logo, trilingüe, teño tres idiomas nai porque así o quixen.

Velaí a ligazón de Retorno con Portugal.

Retorno é unha volta renovada ás miñas raíces, a esa raíz galaicoportuguesa, como digo moitas veces. Trato de conectar con Portugal e coa raia. Na Galiza parece que vivimos de costas a Portugal en moitos sentidos, e este tipo de traballos unen a nosa cultura. Cando canto en galego, os portugueses séntense máis próximos a nós. Aconteceume no confinamento, cando versionei en galego cancións míticas como Shallow, de Lady Gaga. A xente portuguesa que me escoitaba sorprendíase. O simple feito de traducir a canción facíame estar máis próxima a Portugal. E sempre trato de estar próxima ao país, considérome tamén parte del e penso que debemos unir máis as nosas culturas, estar máis presentes uns cos outros.

A miúdo os prexuízos reducen a lingua galega a certos tópicos ou xéneros artísticos. A nivel musical, tu es unha diva que canta en galego, unha imaxe que semella infrecuente. Desde a túa visión do panorama artístico, ves o galego na música limitado a certos espazos? Ou é unha visión arcaica?

Pois esa é a miña loita diaria! Precisamente compuxen a Triloxía Meiga con ese propósito: pódese facer música en galego sen ningún tipo de fronteira. De feito, vexo que moitas veces somos os propios galegos quen nos limitamos. Eu estreei Camiñares en México e Alalá Meigo en Miami, e nunca tiven ese complexo de inferioridade por facelo en galego. Mostrei o que somos con empoderamento. Sabes? Vexo que ese complexo é a miúdo unha cousa nosa, que somos nós quen poñemos eses límites. É xente galega quen me insiste: “Por que o cantas en galego? Non te van entender, iso non vai saír de Galicia”. E a min o galego abriume máis portas do que poden imaxinar! Conéctame con Portugal, conéctame con Angola, con Cabo Verde, con Brasil… Deume máis fortunas que desgrazas. E lévoo con amor propio e orgullo, por min e por todas as persoas que loitan para empoderar a nosa lingua, porque somos nós quen temos que facernos valorar. E ese é o meu traballo diario.

Obviamente, tamén canto en castelán e non teño problema ningún porque son bilingüe, e de aí este traballo, con esta mensaxe e con ese obxectivo: empoderar e sacar o galego desas etiquetaxes de “lingua do canto tradicional”, “lingua de gañáns”… Sacala diso porque se non nos valoramos, seremos sempre uns coitadiños e a min si que non me dá a gana de ser unha coitada.

«Precisamente compuxen a Triloxía Meiga con ese propósito: pódese facer música en galego sen ningún tipo de fronteira»

Como mencionas, este último traballo presentáchelo fóra. En México, para sermos máis exactas.

Era o obxectivo, si, presentar fóra de Galicia. Desgraciadamente, ninguén é profeta na súa terra, pero Camiñares xa foi lanzado en México a propósito. É un país co que conectei moi ben as veces que fun. A xente é moi fiel e agarimosa, con unha conexión especial con Galicia e España. Foron eles quen me propuxeron estrear o single alá, nun programa de televisión a nivel nacional que ven miles de persoas. No momento da entrevista, as miñas redes sociais ardían e as miñas amizades mexicanas alucinaban. Dicíanme “Andrea, que pasa contigo? Saes máis aquí que calquera artista nacional!” E destacaban tamén a cantidade de tempo que me dedicaban. Normalmente tes que pagar para aparecer tres minutos, e eu estiven quince minutos na televisión nacional mexicana, falando de Galicia, da miña música, do galego… Defendendo o que somos con total naturalidade. É o meu obxectivo, unir culturas con respecto e sen imposicións, porque é algo totalmente natural.

O idioma logo resultou unha barreira ou unha ponte?

Unha ponte, por suposto. Dános riqueza. Todo o que saibamos, todo o que somos… non ocupa lugar. É máis, pode darche riqueza e axudarche. Xa digo, a min o galego abriume moitas portas en moitos países. Teño amizades en Angola, en Cabo Verde, en Brasil… e é en parte grazas ao galego. Hai moitas persoas que falan galego pero féchanse ao portugués e non! Eu sempre tiven a mente aberta, de meter a pata co idioma ás veces, pero querer conectar cos demais e facelo.

Nas túas letras fas unha crítica sobre o desleixo que existe na sociedade actual. Avogas polo autocoñecemento, o espírito de superación ou a necesidade humana de conexión, cunha propia e cos demáis.

De feito, o seguinte sinxelo fala precisamente diso. As miñas letras son pequenas reflexións do que me pasa e do que pasa ao meu arredor. En Axendados, por exemplo, falo de como moitas veces nos sentimos máis interesantes por termos unha axenda chea, do remuíño de compromisos e responsabilidades, das redes sociais que nos fan ser máis superficiais… No inicio de 2020 considerabámonos os mellores porque tiñamos unha axenda chea. Eu, por exemplo, a finais de 2019 non tiña datas libres para todo 2020.  E ao final estabamos nun bucle, nunha espiral que nos leva a perder a nosa esencia. Por iso para min é tan importante desconectar, porque cando desconectas saes renovada e volves retomar. Cando xa non son produtiva gústame estar cos amigos e non ser nin cantante nin nada, son Andrea de Tomiño, son eu.

Após 2020… este ano foi para sacar algunha aprendizaxe como sociedade?

É para sacala! Un máster en aprendizaxe e unha toma de terra, porque todos tocamos terra. Era ano previo ao Xacobeo e todos tiñamos a axenda chea, con moita actividade cultural e moi produtivo e, de súpeto, tivemos que reinventarnos. No meu caso, o día 13 de marzo tiña un espectáculo de Queiman e Pousa en Portugal para trinta mil persoas e cancelouse unha semana antes. Que facemos? Eu, por exemplo, tiven a sorte ou a visión de, pasados dous días de shock, comecei a activarme, a crear e a estudar. Fixen conexións, concertos online… Non parei un segundo e daba ánimos, porque todos nos deprimíamos coas noticias, pero eu non quería entrar nesa corrente nin perder enerxía.

Na túa carreira e nas túas declaracións destacas sempre o teu traballo e a túa constancia para lograr chegar onde estás. É este tamén un valor que queres compartir?

A miña experiencia na carreira artística é de picar pedra. Levo toda unha vida traballando e non coñezo outro métoo que non sexa o traballo constante, o tesón e estar aí ao pé do canón todos os días. A min e aos meus compañeiros non nos agasallan nada, por iso odio que nos digan “ai, cantos éxitos, que sorte”. Como que sorte? Levo anos traballando para lograr isto mais, claro, non se ve o que hai detrás: moito traballo, horas e cousas que perdes, igual que outros traballos.

Moitas nenas que queren ser cantantes fálanme e pregúntanme, e eu sempre lles digo que o importante é que lles guste e que o teñan claro, porque é tamén un traballo duro e inestable: tes que estar sempre creando, na onda, non te podes vir abaixo e tes que estar súper activa… Eu sempre o tiven claro e sempre traballei por ese obxectivo, e aí querer é poder.

En 2021 vai ser a estrea de El niño Dios, un filme de Ignacio Ortiz sobre o nacemento e a figura de Xesús de Nazaret. Como foi esta aventura?

Foi unha experiencia enriquecedora! Era a miña primeira incursión no cinema e sobre todo apreciei traballar con xente coñecida que coñecía desde a infancia a través das telenovelas. Compartía plano con eles e descubrín xente moi profesional, con moitas táboas que me axudaron moito. O meu foi un papel pequeno mais estou moi orgullosa de dar ese paso e non descarto dar máis nese sentido. Obviamente son cantante, pero o de ser actriz é algo paralelo que vai da man e que ten cabida na miña vida perfectamente.

Que outros soños ten Andrea Pousa?

Pois un soño que teño, un é que tamén me gustaría compoñer unha banda sonora para algún filme ou serie. É un obxectivo para o que estou traballando. A verdade, gústame colocarme pequenas metas e chegar a elas e, despois, poñer outra meta. Son pequenas grandes metas porque realmente o importante é soñar, loitar e nunca perder a esperanza de que podemos logralo.

«A min o galego abriume máis portas do que poden imaxinar! Conéctame con Portugal, conéctame con Angola, con Cabo Verde, con Brasil...Deume máis fortunas que desgrazas»

 

Queres ollar outros contidos relevantes?

Coralia núm. 18

150 150 CORALIA

Coralia núm. 18

Regresamos cun número excepcional para festexarmos o quinto aniversario de Coralia!

Por ÁLEX REGUEIRO
Director de comunicación de Miranda Priestly, S.L.

Miranda Priestly, empresa editora da revista Coralia, presenta a primeira Guía de Viaxes de Galicia, unha coidadísima publicación de periodicidade anual que, ao longo de 116 páxinas, analiza os destinos, propostas e plans que farán da comunidade galega o destino máis desexado de 2021.

A Guía de Viaxes de Galicia (GVG) edítase ao abeiro do Fondo de proxectos culturais Xacobeo 2021 da Xunta de Galicia, e xorde como un achegamento á cultura da viaxe e ao mundo do turismo en Galicia que combina novos enfoques informativos e formulacións conceptuais orixinais.

A primeira edición de GVG fíxase como fin principal captar o interese das galegas e galegos que desfrutan percorrendo as infinitas Galicias que hai na nosa terra, un obxectivo ambicioso que, ao mesmo tempo, supón a oportunidade de ofrecer unha visión verdadeira e xenuinamente galega aos visitantes que elixan Galicia como destino en 2021.

2020 fixo agromar novas necesidades e dinámicas sociais que no ano 2021 se trasladarán indubidablemente ao mundo da viaxe. Como certifica a GVG, a experiencia personalizada será a protagonista indiscutible de viaxes e vacacións que promoverán a singularidade e a exclusividade, xa sexa para gozar dun solpor nas Torres de Oeste, dun polbo ao sal en Ourense ou dunha noite baixo as estrelas da Teixeira.

Os mellores plans para vivir Galicia inclúen unha viaxe ao país das mil romarías, a ruta das fariñas, historias de faros, rutas de bos soños, rutas de 5 leguas e visitas á arca do tesouro de Monterrei, Carballo, A Estrada, Lalín, Padrón, o proxecto Xeoparque do Cabo Ortegal ou Ourense.

A Guía de Viaxes de Galicia de Coralia é resultado do talento e bo facer (e do grande amor pola terra) de destacados profesionais da viaxe, xornalistas especializados, escritores e fotógrafos de primeira división, entre os que se figuran Manuel Gago, Jorge Guitián, Alberto Barciela, Estíbaliz Veiga, Rober Amado, Tino Martínez, Laura Ramos Cuba ou Armando Requeixo.

En 2021, Coralia vólvese máis viaxeira ca nunca para vivir ao grande o ano de Galicia!

 

Elena Ferro

150 150 CORALIA

Elena Ferro

Ás nos pés

Entrevista de ANA GARCÍA
Fotografías de ELÍAS OTERO

Con moitísimo tesón e un amor infinito por un oficio que na súa casa leva pasando de pais a fillos máis de cen anos, Ferro foi quen de lle dar nova vida ao noso calzado máis tradicional, achegándolle deseño, liñas orixinais e unha adaptabilidade total aos gustos de cada cliente. Despois de 25 anos de éxitos e de recibir recoñecementos como o Premio Nacional de Artesanía 2019, a zoqueira de Merza segue a ter os pés na terra e segue a elixir o seu propio camiño, sen présas, pero sen pausas, consciente de que é da súa autenticidade da que xorde ese equilibrio entre tradición e vangarda que namora homes e mulleres por todo o mundo. Visitamos o seu obradoiro de Vila de Cruces (Pontevedra) a piques de entrar no período con máis encargas do ano, cando a chuvia e o frío volven encher corredoiras, rúas e prazas coas cores e o estilo inigualable de Eferro.

Zocos e pan de millo foron durante séculos sinónimo de dificultades. De que o serían hoxe?
Sono do rescate da nosa cultura. Tanto os zocos coma o pan de millo dignifican o noso pasado. A finais dos anos 70, por mor dos cambios sociais, os zocos deixaron de demandarse.

Voso é o mérito de devolverlles a dignidade e o uso. Cales son os factores determinantes deste rexurdimento?
O traballo e o esforzo, a insistencia. Eu comecei a facer cambios no zoco tradicional no ano 95. Eses cambios que fun introducindo eran cambios necesarios. A xente acostuma pensar que un día me levantei, fixen zocos de cores e que, vaia, foi unha marabilla!, cando o certo é que foi necesario facer un traballo moi grande e moi complexo para conseguir que foran ben aceptados.

Que soños lle quedan por cumprir a aquela rapariga que paseaba polas terras do Deza subida a un John Deere 505?
Creo que o máis importante que podía facer polos zocos xa está feito: revivir o oficio e dignificar un calzado en desuso. Penso que non podo facer nada máis grande nin que me quede nada por facer, así que creo que, neste aspecto, os meus soños están cumpridos.

Traballar na aldea achégalle unha identidade especial ao teu traballo?
Na aldea pódese traballar con tranquilidade. Agora temos unha tenda na Coruña, pero antes só tiñamos o obradoiro, ata onde a xente comezou a vir e continuou a vir. Conseguir que a xente viñese ata a aldea para mercar no noso taller é un labor moi, moi importante, e como lle digo sempre á xente, aquí chegas e aparcas, non tes que estar buscando sitio para deixar o coche nin sofres estrés de condución nin nada. Para min, traballar na aldea só ten vantaxes.

Conquistar o público con zocos vén a ser algo así como facer que o lobo se namore da carapuchiña vermella. Nesta relación cal cres que é a clave para manter viva a paixón?
Pois… [colle aire], é crer no que fas! e tentar que a xente vexa o teu traballo! Eu sempre pensei que o calzado que protexeu do frío e da humidade os labregos e as labregas durante tanto tempo, non podía ser tan malo. Para min, foi e é un orgullo rescatar e poñer en valor o calzado da xente máis humilde.

En que se sustenta o voso éxito? A teimosía e o cariño polo tradición son dous piares importantes?
Si, claro, por suposto! O respecto á tradición é o principio de todo; é de aí de onde xorden o resto de traballos que facemos. Segundo a miña experiencia, con amor é como mellor se traballa.

Pintar a madeira ou cambiar a cor da pel semellarían verdadeiras tolarías a finais dos anos 90…
Si, claro. De feito, foi co que empecei. Daquela a xente pensaba que os zocos xa tiñan que ter desaparecido, así que cando empecei a pintar as madeiras de cores e a cambiar o zoco tradicional non o entendía, pero hai que ser insistentes e crer no que fas!

Cos zocos Voa mariquiña, voa gañaches o premio Antón Fraguas da Deputación da Coruña á innovación artesanal no ano 2010. Que supuxo ese galardón?
Ademais do recoñecemento, deume a oportunidade de demostrarlle á xente, incluso ao xurado dese certame, que os zocos non estaban mortos e que supoñían un eido cheo de posibilidades. Nas feiras de artesanía, en máis dunha ocasión, chegáronme a dicir que os zocos eran un calzado en desuso, polo que non se tiña moi en conta o seu valor. O premio permitiume demostrar que os zocos seguían vivos e que tiñan moito que andar.

«Creo que o máis importante que podía facer polos zocos xa está feito: revivir o oficio e dignificar un calzado en desuso. Penso que non podo facer nada máis grande nin que me quede nada por facer»

Hai un século o teu avó ía de casa en casa facendo zocos. Hoxe os zocos dos Ferro seguen caracterizándose pola personalización. Ata onde pode chegar?
É difícil sabelo. A pesar de que aquí temos moitísimos modelos en stock, á xente gústalle facer un traballo personalizado para ter máis exclusividade, así que non sei ata onde pode chegar a personalización. O que si sei é que este foi un factor importante á hora de funcionar mellor, á hora de ter máis clientes.

O tempo cambiou o uso e ata o territorio natural dos zocos. Agora paséanse orgullosos polas rúas e prazas das capitais, e a adaptación ás novas necesidades trouxo novas inclinacións e o uso, por exemplo, da abeleira. Hai marxe aínda para seguir rexuvenecéndoos?
Por suposto! No noso oficio hai marxe para seguir innovando, como fixemos cos zocos flexibles. No noso obradoiro usamos as madeiras que se usaban tradicionalmente, xa que son as que mellor van para as nosas condicións climáticas. Haber hai outras madeiras que tamén irían ben para facer zocas, como a da nogueira e o loureiro, pero que serían máis devastadoras por mor da súa escaseza. O que non se pode facer nunca é estancarse e acomodarse. Se pensas que o tes todo feito, aí está todo perdido!

En tempos, os negros eran os zocos dos domingos. Poderíase dicir que hoxe os vosos zocos están dando lugar a novos costumes? Hai en Galicia unha nova xeración zoqueira?
O uso que se lle dá agora mesmo aos zocos, a verdade, é cotián, tanto para ir traballar como para acudir a unha festa, a un evento etc. É un emprego moi diferente ao habitual hai quince anos, cando se empregaban para traballar no campo e, en menor maneira, para ir pola rúa. No rural, por desgraza, están caendo en desuso, mentres que nas vilas se ven cada vez máis. Tamén estamos a notar que cando un neno ou nena os leva ao colexio, outros nenos e nenas queren os seus zocos.

As vosas coleccións suman deseño e confort a partes iguais. Pero por onde van as preferencias dentro e fóra de Galicia?
Hai uns modelos que son os que máis se venden e que funcionan igual de ben aquí ca fóra, o zoco vermello liso, tamén o modelo Barrio, a cor café con leite… Pero non temos unha variña máxica! Ás veces fas un modelo que cres que se vai vender ben e, despois, non acontece así.

Ata as noivas optan polas túas creacións para o día da súa voda. Que cres que ten en común o voso público?
En común que son persoas, porque despois hai tantos gustos coma clientes. Cando chegan aquí ven a verdade, ven que non tento vender algo que non somos. No noso caso, o que ves nas redes sociais é o que ves aquí. O traballo que se fai nas redes, fágoo eu. Se me queres coñecer, nas redes podes ver o que fago e as cousas que me gustan, ou como me sinto ou o que atrae [ri], é iso, a verdade!

Cada día cativas a miles e miles de seguidores nas redes sociais. É Internet o teu mellor escaparate?
Si [é contundente]. Foi un grande impulso á hora de facer marca. Para un taller artesán é moi difícil lograr que a marca se recoñeza e, aínda que moita xente nos coñecía das feiras, non acontecía o mesmo coa marca. As montaxes para as redes, que comezaron como unha broma, fixeron que a xente espallase o que facía. Esta acción trouxo e trae moitos clientes ata Merza. E aínda que moita xente pensa que lle pagamos a unha empresa para facer isto, en realidade son eu quen o fai. Eu non teño coñecementos de fotografía, polo que recorro ao móbil. Capto o que o meu ollo ve.

Témosche escoitado dicir que a inspiración pode xurdir onde menos o esperas. Que pode ocorrer nun xantar familiar ou no parto dunha porquiña. Cal dirías que é ata agora o teu maior atrevemento?
Ao principio estas montaxes para as redes sociais eran consecuencia dun estado de absoluta efervescencia, pero logo de cinco anos realizándoas, ás veces xórdenme dúbidas de que poderei facer despois, aínda que ao final o resultado sempre vai ser unha instantánea dos meus sentimentos. O que tento transmitir é como me sinto en cada momento e o amor ten moito que ver con todo isto.

A actualización de formas e materiais é parella á evolución na xeito de mercar. Internet acabará por liquidar as feiras?
Non. As feiras foron e seguen a ser un lugar de encontro necesario.

En tempos, o coiro era o maior obstáculo para producir zocos. De cara ao futuro, cal pode ser o maior reto ao que lle deberá facer fronte unha zoqueira artesá?
No futuro deberemos respectar máis a natureza. O compromiso ecolóxico levaranos a empregar madeiras sostibles para lograr produtos sostibles.

Por último, se Elena Ferro fora uns zocos, que modelo sería?
Eu son, claramente, un zoco tradicional.

«Eu comecei a facer cambios no zoco tradicional no ano 95. Eses cambios que fun introducindo eran cambios necesarios. A xente acostuma pensar que un día me levantei, fixen zocos de cores e que, vaia, foi unha marabilla!, cando o certo é que foi necesario facer un traballo moi grande e moi complexo para conseguir que foran ben aceptados»

Queres ollar outros contidos relevantes?

Miguel Ángel Santalices Vieira

150 150 CORALIA

Miguel Ángel Santalices Vieira

«Galicia foi, é e será terra de heroes»

Entrevista de ÁLEX REGUEIRO
Fotografías de FRED IGLESIAS

Hai múltiples razóns que explican o porqué da alta valoración que de Miguel Ángel Santalices Vieira (Bande, 1955) teñen as súas señorías, pero independentemente dos motivos individuais ou do partido, todas coinciden en recoñecer o seu fondo compromiso coa nosa terra, coas súas xentes e coa institución que preside, a primeira de Galicia. Despois, hai quen fai fincapé no Santalices médico galeguista seducido pola política, quen non dubida ao cualificalo como o político humanista que máis sabe de sanidade pública, os que apuntan o seu bo ollo como coleccionista de arte, os que destacan o seu espírito viaxeiro, e tamén quen conta del que é o anfitrión perfecto.

Visitar o Parlamento de Galicia canda el proporciona unha visión moi nidia do necesario e a miúdo descoñecido traballo que nel se leva a cabo, mais tamén do orgullo e respecto que sente o seu presidente polo posto para o que foi elixido a comezos de 2016.

Co Pazo do Hórreo agardando as señorías que lidarán cos retos da XI lexislatura, o presidente Santalices ábrelle a Coralia as portas da cámara autonómica para darnos o seu diagnóstico do estado de saúde do parlamentarismo galego e para mirar cara a atrás e tamén cara a adiante.

Bande e o Xurés son as paisaxes da súa infancia. Din que os arraiáns teñen un carácter especial.
Si, é certo. Vivir nunha zona separada de Portugal por unha raia marca o devir da vida diaria nesa terra marabillosa e o devir do teu futuro. Pola miña terra refírese á historia dun científico estadounidense que sinalou o Xurés como o lugar onde faría a súa casa de producirse unha catástrofe ecolóxica… Non sei se a historia é certa ou non, pero o que si é certo é que aquela marabillosa serra confire un carácter especial.

Un neno non se levanta un día dicindo «De maior quero ser presidente do Parlamento de Galicia», ou si?
Non, un neno levántase dicindo que quere ser bombeiro ou que quere ser médico, que quere ser arquitecto ou fontaneiro. O encargo de ser presidente do Parlamento supón un mérito singular que no meu caso é consecuencia da marcha da nosa presidenta a Madrid, e non dun plan orquestrado para converterme en presidente.

Chegou a Santiago para estudar medicina a principios dos anos 70, como era aquel mozo?
A miña mocidade estivo condicionada pola procedencia rural porque, como o meu pai era boticario en Bande, fun moi prematuramente separado do ambiente familiar para ir estudar fóra, primeiro aos xesuítas de Vigo, logo a Ourense, e posteriormente a Santiago. Fronte á tutela dos internados, a universidade supuxo máis liberdade e un escenario máis aberto para un mozo que daquela tiña un bo pelo negro e tamén barba negra [ri].

Na Baixa Limia exerceu a medicina por primeira vez. Foi naquel tempo cando decidiu orientarse cara á xestión?
Ao acabar Medicina [en 1979] nomeáronme médico na Baixa Limia, substituíndo os médicos que ían de vacacións. Ese mes, no que amais fun médico de urxencias de Ourense –pois daquela non había tantos médicos–, condicionou o meu futuro e propiciou que me distanciara da práctica clínica. Foi, en realidade, o único mes no que a exercín, ademais de nalgunha substitución puntual cando estaba na Inspección Médica.

Precisamente foi o éxito da súa xestión da Sanidade en Ourense o que lle abriu as portas da política. É verdade que vostede entrou na política en ascensor?
Esa situación vivina eu cando xa era xerente do hospital, logo de manter unha reunión co presidente do partido en Ourense, Xosé Luís Baltar, quen no tempo que lle leva a un ascensor baixar dun noveno andar a un baixo, me falou da posibilidade de ir nunha lista para as eleccións do ano 97. Ao deterse o ascensor dime: «xa falamos, xa falamos» e aí quedou a cousa. Logo, en efecto, chamáronme e decidín entrar na política. Eu xa tiña simpatizado coa militancia do partido e tamén coa das formacións das que vén o partido. A miña militancia vén moi condicionada polo galeguismo que inspirou a Centristas de Galicia, formación que acabaría integrándose no Partido Popular.

O galeguismo que é e como se exerce?
É a miña forma de ser galego e español. Procedo –e así o teño dito moitas veces– dunha familia cristiá e galeguista. Os meus devanceiros foron amigos de boa parte dos artistas e intelectuais galegos desde comezos do século pasado. O meu avó, que era médico, mesmo foi represaliado despois da Guerra Civil. De feito, antes de me decantar por estudar medicina, fun co meu pai ver a Don Ramón Otero Pedrayo para lle pedir consello. Celso Emilio Ferreiro frecuentaba a miña casa de Bande; e así moitos outros persoeiros que nos deron exemplo de integridade e compromiso, polo que resultan sempre fonte de inspiración. Son galeguista porque penso que a nosa cultura e a nosa lingua son dous tesouros que temos a obriga de preservar e compartir. Son galeguista porque me considero tan galego coma español, porque son europeo de pleno dereito e porque creo que estamos especialmente obrigados a cultivar as relacións cos países irmáns iberoamericanos.

A pesar disto, a entrada na política foi unha decisión difícil, por mor da oposición paterna.
Foi unha decisión moi complicada xa que o meu pai non quería que entrara na política porque consideraba que eu tiña un brillante futuro como xestor sanitario. Lembro as súas palabras: «Ten presente unha cousa se dás o paso de meterte en política, coñézote ben, que es o meu fillo, e tes uns defectos que eu che perdoo porque son o teu pai, pero cando entres na política non chos van perdoar, vanchos facer públicos e armaranche unha lea de envergadura, ti verás o que fas». Pero, ao final, escoitei a chamada da política, a pesar das reservas do meu pai, a quen miña nai tivo que levar a rastro ao meu primeiro mitin, que dei en Bande…, e mira ti!

«É moi interesante comprobar como a política aproveita o humanismo dos médicos para procurar o beneficio dos demais; de feito, penso que ese é o verdadeiro obxectivo da política e que por iso hai bastantes médicos dentro da política, aínda que nun número menor ca no pasado»

A medicina ten dado nomes moi relevantes á política galega. Onde conectan ambas as especialidades?
Véñenme moitos nomes á cabeza, pero a referencia para min máis clara é Gerardo Fernández Albor, un home presidido por esa bonhomía e por ese humanismo que debe acompañar a nosa profesión de médico. É moi interesante comprobar como a política aproveita o humanismo dos médicos para procurar o beneficio dos demais; de feito, penso que ese é o verdadeiro obxectivo da política e que por iso hai bastantes médicos dentro da política, aínda que nun número menor ca no pasado.

Desgasta máis a alta xestión sanitaria ou poñer orde nos plenos do Hórreo?
A xestión sanitaria, sen ningunha dúbida. Ser xerente dun hospital é un dos postos máis difíciles que hai porque é un ente conformado por colectivos moi grandes e de distinta complexidade no que todo ten que funcionar coma unha única engrenaxe de precisión, porque o seu funcionamento impacta directamente na saúde da poboación. Nada é máis complexo ca a xerencia de hospital e, dentro do ámbito galego, non hai ningunha consellería máis complexa ca a de Sanidade.

Cal é o estado de saúde do parlamentarismo galego a día de hoxe?
É razoablemente bo. Temos un parlamento no que se pode debater con normalidade, que é algo que ao mellor non pasa noutros; temos un parlamento eficiente, un parlamento no que se traballa arreo, tanto nos plenos coma nas comisións, e un parlamento capaz de chegar a acordos en temas especialmente importantes. O noso é tamén un parlamento con autonomía propia e cuxo custo para as arcas públicas é moi inferior ao que supoñen outros parlamentos.

Reprender os parlamentarios sen perder as formas é un exercicio que a miúdo requirirá boas doses de control. Hai algún segredo?
Paciencia e prudencia. É un deses postos no que un non se pode deixar levar polo ímpeto, onde hai que analizar moitas variables antes de tomar unha decisión. É moi importante ter posta toda a atención no que se fala para saber en que momento se debe cortar ou non, ou se se debe reconducir un debate, e tamén a tranquilidade de saber como conducir unha situación sen deixarse levar por impulsos internos.

A maioría absoluta fai máis doado ou máis complexo o seu traballo?
O presidente do Parlamento está aí para garantir debates profundos e para garantir que os membros da cámara poidan expresarse libremente, dentro dunha orde e respecto cara aos demais, e niso non inflúe a maioría absoluta, inflúe o sentido común.

É máis aburrido o parlamento galego ca o catalán ou o vasco? Hai máis similitudes ou hai máis diferenzas?
Depende. Teño visto sesións no parlamento vasco e no parlamento catalán nas que se viven situacións límite que menoscaban a dignidade dos deputados. En Galicia iso é moi difícil que aconteza porque aquí temos unha retranca especial á hora de dicir as cousas e, de cando en vez, o enxeño das súas señorías mesmo provoca certa distensión no hemiciclo. Teño pasado mañás moi agradables coa excepcional retranca dalgún deputado e dalgunha deputada, e o certo é que en Galicia o debate faise máis ameno cando tiramos do noso ADN e de retranca; é isto nin o saben facer os cataláns nin os vascos.

«O presidente do Parlamento está aí para garantir debates profundos e para garantir que os membros da cámara poidan expresarse libremente, dentro dunha orde e respecto cara aos demais, e niso non inflúe a maioría absoluta, inflúe o sentido común»

Para Miguel Santalices, cantas Galicias teñen oco no Parlamento?
Unha.

Pero hai unha soa ou moitas definicións aceptables de Galicia?
Téñense utilizado moitas expresións para definir Galicia, aínda que a min gústame particularmente unha de Manuel María: «Galicia é un sentimento». En Galicia temos a nosa propia identidade, a nosa propia lingua, a nosa forma de andar pola vida, o noso acento, as nosas dúbidas, as nosas certezas… Por iso, penso que Galicia é un sentimento.

A día de hoxe é vostede capaz de imaxinar unha Galicia sen autonomía e sen parlamento propio?
Non. Custou moito, custou moito conseguilo. O Estatuto significou unha serie de transferencias á comunidade, entre as que eu, como médico, destaco as sanitarias. Lembro enviar enfermos para operar do corazón a Valdecilla porque en Galicia non tiñamos cirurxía cardíaca. Hoxe temos tres unidades. E todo veu da man das transferencias.

No difícil momento que estamos a vivir, a saúde é unha cuestión que nos preocupa por riba das demais. Desde marzo, a actualidade xirou exclusivamente arredor da Covid-19. Como viviu vostede esa etapa?
É lóxico que todo xirase arredor da pandemia, pola súa letalidade, e por todas as consecuencias de carácter sanitario, social e económico que dela derivan. Vivín esta etapa –e sígoa vivindo– con moita atención, en confinamento cando así foi ordenado, e preocupándome polas persoas afectadas. Fun testemuña, coma toda a cidadanía, do comportamento heroico do persoal do noso sistema sanitario, e tamén do de todos os profesionais que garantiron, e garanten, o funcionamento dos servizos esenciais, desde os corpos e forzas de seguridade, ao persoal dos supermercados, por citar só dous exemplos dos moitos que todos presenciamos. No ámbito institucional, co Parlamento disolto e o posterior aprazamento da convocatoria electoral por mor da pandemia, activamos un plan de continxencia na propia Cámara, que se traduciu, por exemplo, na celebración das sesións da deputación permanente co mínimo de deputados e con cobertura informativa telemática para minimizar riscos.

«Se falamos do conxunto do sistema sanitario, e os seus profesionais, o comportamento foi excepcional. Todo o persoal sanitario –facultativo e non facultativo– entregouse ata a extenuación. E así llo recoñeceu o conxunto da sociedade cos aplausos de todas as tardes»

Que opinión lle merece a xestión da crise por parte das autoridades?
Como profesional do sistema sanitario público –que coñezo ben–, e como cidadán, creo que esa análise se pode efectuar desde diferentes ópticas. Se falamos do conxunto do sistema sanitario, e os seus profesionais, o comportamento foi excepcional. Todo o persoal sanitario –facultativo e non facultativo– entregouse ata a extenuación. E así llo recoñeceu o conxunto da sociedade cos aplausos de todas as tardes. Quero recoñecer expresamente o esforzo do persoal das residencias da terceira idade, que mantivo unha actitude exemplar que mesmo nalgúns casos o levou a illarse cos propios residentes para coidalos e minimizar riscos. Por iso é tremendamente inxusto poñer en cuestión todo un sector, especialmente todo o persoal que traballa nestes centros con independencia da súa titularidade. Canda eles hai moitos outros heroes anónimos que antepuxeron o interese xeral fronte aos seu propios riscos: falo de corpos e forzas de seguridade, forzas armadas, sectores como a alimentación, o transporte, as farmacias, as telecomunicacións, os medios de comunicación e tantos outros que poderiamos enumerar. Galicia foi, é e será terra de heroes.

E o Goberno?
No ámbito do Goberno do Estado, houbo momentos que me provocaron unha profunda desilusión e desánimo. Descoordinación, dúas faccións abertamente enfrontadas, membros do Goberno saltando a corentena, inoperancia para a adquisición de material, atrasos imperdoables na reacción inicial, e así un longo etcétera, propio dun Executivo deseñado para as accións mediáticas, pero escasamente capacitado para a xestión dunha crise de tal envergadura. Xa no plano galego, a Administración autonómica, coas limitacións propias deste tipo de situacións, que as hai e sería absurdo negalas, foi exemplo de reacción temperá, mesmo anticipándose ao Goberno central, e dunha xestión rigorosa, propia dun equipo experimentado e con todas as engrenaxes funcionando perfectamente. A experiencia do presidente da Xunta como xestor sanitario –hai que lembrar que, no pasado, foi vicepresidente e secretario xeral do Servizo Galego de Saúde e director do Insalud– e de todo o seu equipo, explica que a Covid-19 tivese en Galicia unha incidencia moi inferior respecto ao conxunto do Estado. Como o propio Feijóo recordou no Parlamento, en Galicia houbo respiradores para todos os enfermos que o precisaron. Creo que é unha boa radiografía da situación.

Cre que o sistema e a sociedade estaban preparados para esta situación?
Que Galicia rexistrase un número de vítimas sensiblemente inferior e que, en termos xerais, houbese recursos altamente complexos, como camas UCI para todos os enfermos que o precisaron, revela que o sistema sanitario galego estivo á altura das circunstancias. Os fallos rexistrados no ámbito do Ministerio de Sanidade poñen de manifesto que este departamento debe ser obxecto dunha profunda reflexión unha vez superada esta crise. Os médicos sabemos que as epidemias e as pandemias son unha constante ao longo da historia. Algúns falan dunha gran pandemia cada cen anos –aí o exemplo da gripe de 1918–, mentres outros incluso sitúan varias ao longo de cada século. Por outra parte, a sociedade occidental, tecnolóxica e globalizada, estaba sumida nunha autoconfianza e unha suficiencia que carecían de auténtica base real. Malia que nos custe recoñecelo, o ser humano continúa a ser vulnerable. Dito iso, as capacidade científicas e os recursos materiais de 2020 nada teñen que ver cos de hai un século, afortunadamente para nós.

Cambiaremos moito como sociedade unha vez superada a Covid-19?
Eu agardo algún cambio, e confío en que para mellor, aínda que hai opinións para todos os gustos. Medidas como o distanciamento social en caso de infección respiratoria, o uso de máscaras de protección cando a situación o requira, ou o lavado frecuente de mans, agardo que se afiancen na sociedade occidental. Nalgúns países orientais, este tipo de prácticas están fondamente arraigadas, o que explica a relativamente baixa incidencia do coronavirus en nacións como Corea do Sur ou Xapón. Outra variable será a derivada do confinamento prolongado. Probablemente vaiamos a outro tipo de vivendas –seguramente con máis espazos abertos, máis en contacto coa natureza– e mesmo a unha maior presenza do teletraballo. Estes dous factores probablemente acaben beneficiando a denominada España baleira, en detrimento da elevadísima aglomeración poboacional dalgunhas cidades. Creo e agardo que este fenómeno acabe beneficiando e Galicia, tanto coa recuperación do interese por áreas agora despoboadas que poden ofrecer unha elevada calidade de vida para os seus habitantes coma no relacionado co turismo rural ou a experiencia do Camiño de Santiago. O tempo dirá.

Xunto ás cuestións de índole social, na súa última intervención como delegado rexio durante a festividade da Translación reivindicou a política que axude a construír un futuro de oportunidades en lugar de destruír o adversario. O Parlamento ten algo de ring de boxeo?
Máis ca un ring, o Parlamento é un gran foro no que cada quen pode expresar libremente a súa postura. Eu, desde que me elixiron presidente [o 12 de xaneiro fixo catro anos], aprendín moito, porque estar nos plenos e escoitar debater os parlamentarios é unha fonte de coñecemento inesgotable.

«O Parlamento é un gran foro no que cada quen pode expresar libremente a súa postura. Eu, desde que me elixiron presidente, aprendín moito, porque estar nos plenos e escoitar debater os parlamentarios é unha fonte de coñecemento inesgotable»

Cales son para Miguel Santalices os momentos máis sobresaíntes do décimo período lexislativo?
Todos aqueles nos que fomos capaces de adoptar un acordo útil para a cidadanía á que nos debemos. Por exemplo, o acordo unánime do Parlamento para crear a Unidade de lesionados medulares de Vigo, que hoxe lle presta unha asistencia de calidade a persoas que, doutro xeito, estarían obrigadas a percorrer moitos quilómetros para acudir á revisión á Coruña. Outro grande exemplo foi a creación do Rexistro de infarto agudo de miocardio, clave para a implantación de unidades de hemodinámica en Galicia.

Tamén haberá conflitos e choques dignos de lembrar, non?
En xeral, todos aqueles nos que se tentou ignorar a esencia do parlamentarismo, que consiste na busca do ben común mediante a palabra e a procura do acordo seguindo as regras de xogo baseadas no respecto que entre todos nos temos dado.

O Parlamento leva tempo promovendo o seu coñecemento entre os escolares e entre a poboación en xeral con programas de visitas guiadas e a través da participación activa. Está a cidadanía galega aproveitando estas ferramentas?
Os cidadáns están a aproveitar algunhas das ferramentas que temos ao seu dispor como as proposicións non de lei de iniciativa popular e as preguntas aos parlamentarios. Queremos que estes mecanismos sexan coñecidos pola xente e a cousa non vai mal, pero penso que deberiamos facer un esforzo para mellorar o seu uso.

Esta é a casa onde se practica a arte da política, pero nestes últimos anos tamén é o lugar onde se atopan arte e política.
Si. Posiblemente temos a maior colección pública de arte galega, na que ao carón dos mestres hai espazo para os que están comezando, para os que están despuntando. As fórmulas son variadas, incluíndo o depósito, unha vez recibido o visto e prace da Real Academia de Belas Artes.

A arte é unha das súas paixóns, como o é viaxar. Tendo, pois, un guía de luxo como vostede, encantaríanos volver ao principio, a Bande, para facermos unha visita de proveito pola Baixa Limia.
Comezariamos en Celanova, para visitar o mosteiro e mais a capela de San Miguel. Despois pasaría polo Alto do Vieiro, desde cuxo cumio se divisa Bande e toda a súa contorna, como ben dixo Celso Emilio Ferreiro no poema dedicado a Bande. Chegados alí, gozaría do seu bonito casco urbano que, por certo, conta cunha praza onde os vellos sentan a ver pasar os coches, pois por alí pasa a estrada principal que vai a Entrimo. Iría despois ata Lobeira para visitar o lugar onde se fai a romaría do Viso todos os anos, a cuxa virxe se lle ten moita devoción e da que Xocas ten falado moito. Logo admirariamos a igrexa visigótica de Santa Comba de Bande, do século VII, para a continuación achegarnos ao campamento romano de Aquis Querquennis. Desde alí iría a Muíños, para gozar da praia do Corgo antes de seguir ruta cara a Lobios, onde me detería a ver os Milarios. E, estando dentro da marabillosa Serra do Xurés, non deixaría de visitar as Caldas do Gerês. E, cos pulmóns cheos de oxíxeno, volvería entrar desde Portugal pola fronteira de Entrimo. Na Baixa Limia somos moi de carne de cachena, e tanto en Bande coma en Lobios hai bos restaurantes onde comer os imprescindibles callos limiaos, mentres que en Lobeira é onde se saborean os mellores cabritos do mundo… E se o que se quere é apreciar a Baixa Limia nun momento verdadeiramente especial, o Entroido podería ser a época perfecta.

Logo deste percorrido, diría que un concello coma o de Bande, onde a poboación se reduciu nun 75% desde que vostede era un neno, é hoxe o mellor lugar no que vivir?
Hai que facelo, hai que facer que sexa o mellor sitio para vivir e para iso hai que apostar claramente por liñas que favorezan a vida no rural. Para reverter o éxodo hai que dar facilidades, baixar impostos e procurar traballo. Aquel contorno é marabilloso e hoxe conta cunha autovía magnífica, coa proxección de que no seu día poida chegar a Portugal. Lembro cando tardabamos dúas horas en chegar a Ourense no coche de liña, e hoxe poñémonos na capital en vinte minutos. Eu, como médico, recoméndolle ao cen por cento o concello de Bande a calquera persoa que queira levar unha vida verdadeiramente saudable. Hai que ter moi presente que hoxe vivimos moito máis, e que somos con Xapón o país onde máis se vive. Co cambio de parámetros, os galegos deberemos facerlles fronte a retos tan importantes coma o da crise demográfica e, en cuestións tan importantes coma esta, non vale levarse mal porque o que está en xogo é o noso futuro.

 

Queres ollar outros contidos relevantes?

Eran a modernidade

150 150 CORALIA

Eran a modernidade

Por VÍCTOR F. FREIXANES

 

Alguén pode pensar que o título deste ensaio é un chisco esaxerado. Pero eran así. Eran modernidade. Un grupo de escritores, pensadores, artistas, intelectuais que, en tempos ben distantes (e distintos), nos primeiros anos do pasado século, soñaron un horizonte diferente para o país: un horizonte ambicioso, sen complexos, aberto ao mundo, afirmado na propia identidade (a consciencia do que somos) e ao mesmo tempo comprometido cos valores universais da liberdade, a democracia, o coñecemento. «Galicia está a seiscentos quilómetros de Madrid», dicía Vicente Risco, «e a cinco mil quilómetros de Nova York. Cómpre urxentemente reducir esta segunda distancia». A frase, que pode semellar boutade ou arroutada, non pretendía máis que salientar a necesidade de abrir a cultura galega, o noso pensamento, o discurso da nosa creatividade a horizontes e experiencias anovadoras sen necesidade de pasar pola capital de España, que era onde todos se miraban, sen dependencias, sen fielatos que pagar. Nota para os lectores novos: os fielatos eran oficinas, casetos de alfándega ou aduanas que ata ben entrada a década dos anos 50 do pasado século se instalaban na entrada das cidades para cobrar impostos de acceso ás persoas que querían introducir mercadorías coas que comerciar no interior das vilas. O que quería dicir Vicente Risco coa frase é que a súa xeración, reivindicando un novo xeito de entender a cultura galega (a produción cultural de noso), non aceptaban nin aduanas nin intermediacións.

Non eran moitos. No núcleo fundacional da revista que lle deu nome ao grupo (a revista Nós) figuraban Vicente Risco, Ramón Otero Pedrayo, Florentino López Cuevillas, Alfonso R. Castelao e se acaso Antón Losada Diéguez, que foi mestre e animador de todos eles, aínda que finou moi cedo en Pontevedra, no ano 1929, e mais Arturo Noguerol, ourensán, que se encargaba dos números e da administración. Ourense era o centro de operacións, onde naceu a idea da revista. Alí estaba o núcleo fundacional, capitaneado por Risco. A outra cidade de referencia foi Pontevedra, onde residía Castelao, que asumiu o deseño gráfico da publicación. O 20 de outubro dese ano 1920 saía do prelo o primeiro número.

Compromiso, ambición e universalidade
Non se trata de enunciar aquí as características artísticas e intelectuais do grupo. A súa significación está en todas as historias da literatura galega. O que nos interesa é a idea de modernidade, que se fundamentaba en tres puntos esenciais: o compromiso co país e coa súa lingua, por riba de complexos, alén das eivas que viñan de atrás, prexuízos que situaban o idioma e a nosa produción cultural en ámbitos moi concretos, reducionistas, acoutados aos espazos do folclore, o rexistro local e certo lirismo costumista. Follas Novas (1880) de Rosalía de Castro foi desde o primeiro momento unha excepción, mesmo que non fose ben comprendida polos seus contemporáneos.

O segundo punto que hai que salientar é o diálogo coas culturas todas do seu tempo, conscientes de que só abordando en pé de igualdade a relación entre elas, poderemos alimentar a nosa, enriquecela, dotándoa dos recursos necesarios para establecer, chegado o momento, unha relación libre que nos poña no mundo. Ensaiar novas formas, novos xéneros, novos asuntos que tratar, novos discursos, mesmo novas xeografías significaba apostar por unha nova dimensión. Plácido Castro viaxa a Irlanda, Otero Pedrayo traduce capítulos do Ulysses de James Joyce directamente ao galego, cando aínda non se intentara noutras linguas do Estado, Castelao visita os grandes centros artísticos de Europa (1921), igual ca Risco (Mitteleuropa, 1934) e o propio Otero. París e Berlín eran daquela os grandes centros culturais que atraían poderosamente os nosos autores. En Arredor de si, a novela que Otero Pedrayo publica en 1930, o protagonista (Adrián Solovio) percorre as principais cidades europeas de cultura procurando a identidade propia, que descubrirá despois diante da Carta Xeométrica de Domingo Fontán, de regreso na casa. Diálogo enriquecedor (porque non estamos sós no mundo) e, asemade, desmitificador (porque o que pinta mundo non sempre ten o interese que se lle dá, e sempre faltará algo se non estamos nós).

A terceira achega esencial e a vocación de universalidade. Universalidade que pasa por unha inequívoca vocación europea e europeísta. En 1948 Castelao escribe un premonitorio e entusiasta artigo: «Perante a Unión Europea», publicado no exilio, nas páxinas de A Nosa Terra, no que sitúa o discurso do galeguismo na construción do gran proxecto que despois da Segunda Guerra Mundial algúns anunciaban e que o autor de Rianxo enxerga xa entón con lucidez. Cando o Partido Galeguista formulaba a súa visión de «Galicia, célula de universalidade», reivindicaba a existencia de Galicia non como algo subalterno, senón como centro ou capital do mundo, sen complexos, formulación que procedía do discurso do grupo Nós.

A semente que prende e dá froito
Non eran moitos, repito, pero eran a modernidade. O pequeno núcleo ourensán, paseniñamente, foise ampliando ata conformar unha nómina sobranceira de magníficos colaboradores, novos e menos novos, desde Ramón Cabanillas a Ricardo Carballo Calero, Xosé María Álvarez Blázquez, Bouza Brey, Álvaro Cunqueiro, e mesmo de fóra de Galicia, principalmente de Portugal: o primeiro número abre cun poema de Teixeira de Pascoães.

Se lemos, número a número, a relación de colaboradores que aparecen na mancheta observaremos a pluralidade e a variedade dos mesmos, así como a diversidade de temas que se abordan: literatura, etnografía, historia, folclore, cuestión sociais e laborais, música, sociedade, tecnoloxías da comunicación (a radio), mesmo notas deportivas (asinadas por Handicap). Algo semellante sucedera anos antes co movemento das Irmandades da Fala (1916), que nace na cidade da Coruña a partir dun artigo de xornal de Antón Villar Ponte e axiña se espalla por toda Galicia. Defensa da lingua e, coa lingua, defensa da dignidade dos galegos e galegas (porque tamén había galegas nas bancadas). Ollada a súa pegada coa perspectiva do tempo (cen anos) decatámonos do moito que lles debemos, da significación do seu discurso, mesmo da súa ousadía (afouteza) cara ás xeracións que viñeron despois, incluso para comprender a forza que axudou a resistir o trebón terrible da guerra civil, o exilio, o ostracismo de tantos anos de silencio. A sementeira da intelixencia e de coñecemento, que podemos encarnar asemade en institucións como o Seminario de Estudos Galegos (1923) ou no propio Partido Galeguista e no Estatuto de Autonomía de Galicia plebiscitado en 1936, a sementeira de intelixencia e compromiso, digo, constitúe sen dúbida a grande achega desta xeración, da que dunha maneira ou doutra todos somos herdeiros.

Cada xeración ten o seu futuro
E cada tempo a súa sazón, dicían os vellos. Que lección poden tirar as novas xeracións daquel grupo aparentemente pequeno, media ducia de persoas no pulo primeiro, e non obstante tan significativo? Os tempos mudaron moito, certamente, mais a vontade de ser, a ambición de non abaixarse, o entusiasmo están vixentes, seguen tendo sentido. Volvemos ao título deste ensaio: «eran a modernidade». Cada xeración, cada momento histórico ten a súa oportunidade, que é tamén un desafío. Oportunidade e desafío de seren elas mesmas, sen dependencias nin intermediacións, ollando de cara ao mundo que nos toca vivir, sen complexos. Reproduzo un parágrafo das Primeiras Verbas que serven de adro no numero 1 da publicación, o 30 de outubro de 1921. Coa ortografía da época:

«Oxe chegou á vida na Nosa Terra, unha xeneración que se deprocatou do seu imperioso deber social de crearen para sempre a cultura galega». ¿Ambición? Abofé que si. E mais engaden algúns parágrafos mais adiante: «Nós (a revista) ha ser a repersentación no mundo da personalidade galega na sua ansia de s’afirmare coma valor universal, autóctono, diferenciado, dentro ou fóra da Terra».

Deitade unha rápida ollada ao que está a producir hoxe o noso pais no ámbito do cinema, as artes escénicas, a literatura, a música, as artes plásticas, mesmo na investigación e no universo das novas tecnoloxías, no deseño industrial, na pesca, na agroindustria, na gastronomía, no turismo, na produción cara a mercados interiores e exteriores. Ollade o que somos na universidade, na empresa, no i+D*i… Ollade o que somos e, sobre todo, o que podemos ser a pouco que organicemos as nosas estratexias de proxección exterior e de crecemento. Tal é o espírito de Nós que arestora cumpre cen anos: a modernidade. Cada tempo histórico (cada xeración) ten a súa, herdeira en parte de todo o que se fixo antes. Outra cousa é que saibamos aproveitalo. Eles non tiñan nada, comparado cos recursos que hoxe temos nós. Brión, decembro de 2019

Contido extraído do número 15.

Aquí tes máis contidos relevantes:

«A miña patria é a miña infancia»

Por JOSÉ ANTONIO LIÑARES

Mulleres Lilas, coirazas de cores

por MANUELA DOMÍNGUEZ

Compostela: Sinfonía de notas

Por ENCARNA OTERO CEPEDA

Política de privacidade

Se consente a utilización de cookies, continúa navegando ou fai clic nalgún link entenderase que consinte a nosa política de cookies e, por tanto, a instalación das mesmas no seu equipo ou dispositivo.

Se vostede quere, pode cambiar a configuración de cookies en calquera momento, configurando o seu navegador para aceptar, ou non, as cookies que recibe ou para que o navegador o avise cando un servidor queira gardar unha cookie.

Esta web utiliza cookies.
error: Contido protexido