•  981 806 528 & 670 594 685 info@coralia.gal

dado dadá

Carmen Eixo

150 150 CORALIA

Logo de case corenta anos da apertura do Dado Dadá Jazz Club, primeiro club de jazz de Galicia, a empresaria Carmen Eixo segue a reivindicar a maxia da música en vivo e unha identidade propia para o lecer nocturno do ensanche compostelán, ao igual que fixera Carlos Asorey ata o seu pasamento hai dez anos.

Muller sabia e sensíbel, Carmen Eixo evita sempre ser foco de atención e prefire outorgar aos demais os seus méritos, talvez porque ela, co corazón cheo de melodías compartidas, non precisa aplausos.

Noite tras noite, Carmen Eixo segue proporcionando felicidade a propios e estraños, improvisando esa banda sonora singular capaz de facer irrepetíbel cada noite compostelá.

Grazas a Carmen e ao Dado Dadá, na zona nova o ritmo está máis vivo ca nunca e o jazz continúa a facer historia.

SOCIEDADE

Cal é a melodía que che transporta máis atrás no tempo?
Cada vez que me ven a memoria Ansiedad, cantada por Nat King Cole, volvo moi atrás.

E cal é a primeira melodía que asocias ao Dado?
A Carlos gustáballe moito poñer a Frank Sinatra, e inda que probabelmente non sexa o que máis se escoitaba, é o que eu recordo con máis nitidez.

A apertura do Club en pleno ensanche compostelán en 1980 nos sitúa diante dunha cidade moi diferente á actual. Como era aquela cidade e como encaixou a apertura do local?
Aquela era unha cidade con moitas gañas de vivila rúa e con moita xente nova, pero naquel Santiago non se atopaban nin gran número de locais nocturnos nin espazos con oferta musical diferenciada. Foi nese Santiago no que naceu o Dado ofertando jazz, clásica e folk, uns estilos moi minoritarios que por mor da súa singularidade atraían clientela de todo tipo. Había quen nos visitaba porque se sentía identificado coa música, e tamén quen o facía porque era o local de moda.

E como eran Carmen Eixo e Carlos Asorey naquela época?
Carlos era moi novo naquel tempo. E aínda que el sempre era amábel, por mor da súa introversión non daba moita conversa até coller un chisco de confianza. A Carlos gustáballe moito a maxia e a música, e houbo moita xente que lle colleu aprecio pola súa personalidade diferente e leal. Moitos sentiron o seu falecemento e aínda hoxe seguen visitando o local e lémbrano con cariño… En canto a min, non sei que dicir. Quizais podería falar mellor de min a xente que me coñece.

Carme Eixo, Dado Dadá Jazz Club

«Aquela era unha cidade con moitas gañas de vivila rúa e con moita xente nova, pero naquel Santiago non se atopaban nin gran número de locais nocturnos nin espazos con oferta musical diferenciada. Foi nese Santiago no que naceu o Dado ofertando jazz, clásica e folk, uns estilos moi minoritarios que por mor da súa singularidade atraían clientela de todo tipo».

Ser pioneiros ten connotacións boas e menos boas. Selo do jazz en Galicia foi doado?
Para nós foi un factor positivo. De feito, ás jam session viñan músicos de toda Galicia e até de fóra da comunidade porque non había outro local no que se fixeran. Ademais, a novidade sempre resulta atractiva, até o punto de chegarmos a ter cinco camareiros traballando. Tamén fomos pioneiros na retransmisión en directo dos concertos, iso que agora se coñece como streaming, unha actividade que por mor de dificultades técnicas non puido manterse no tempo.

Co corenta aniversario chamando á porta, a túa análise da evolución do consumo da música en vivo e do ocio nocturno ten moito peso. Para Carmen Eixo, calquera tempo pasado foi mellor? Que queda daqueles inicios?
Agora hai máis oferta cultural, pois a exclusividade é parte do pasado. A competencia obrigounos a agudizar o enxeño, pero a entrada de outros actores tamén favoreceu a adquisición do costume do consumo da música en directo por parte de públicos novos. O ocio nocturno ten cambiado como cambiou a sociedade! Nos oitenta, ao non haber redes sociais, quedábase a unha hora nun local e a xente íase movendo polos mesmos sitios. Era a maneira que había de facer vida social, pero agora a vida social faise desde a casa. O que non creo que cambiara daquela a agora é o obxectivo: divertirse e pasar un rato agradábel, por iso nós sempre procuramos e procuraremos facer o que estea na nosa man para que así sexa. Un sorriso e amosar interese polos clientes non custa nada.

En tempos, a cabina e os vinilos ocupaban un espazo central do Dado. O boom do vinilo entre os consumidores de música gravada pode representar unha nova época dourada para clubs e locais nocturnos?
Penso que si. Que a xente valore máis o traballo que hai detrás da música, tanto da gravada como da que se fai en vivo, sempre é positivo. Que se merque música, dunha maneira ou da outra, axúdanos a continuar.

A listaxe de promesas e estrelas que teñen actuado no teu club é un tesouro para Compostela, pero para ti cales son eses artistas que, até o momento, teñen dado nome ás noites máis inesquecíbeis?
Non sei se debería dar nomes logo de 37 anos, porque vou esquecer moita xente. Tanto os músicos, como os magos, como os clientes habituais merecerían ser lembrados. No Dado temos pasado noites memorábeis con músicos como os que formaban Clunia Jazz, un dos primeiros tríos de jazz -senón o primeiro- de Galicia, e do que formaban parte Nani García, Baldo Martínez e Fernando Llorca. Tamén temos pasado moitas noites memorábeis e forxado estreitas amizades co pianista Abe Rábade, co saxofonista Pablo Sax, ou con magos como Anthony Blake -que estudou en Santiago-, co mago Antón ou con Tamariz, que aínda hoxe nos visita sempre que pode. Gustaríame salientar asemade a gravación do disco en directo de Pedro Iturralde, do que somos produtores, Etnofonías: peregrinaje musical a Compostela, do que moita xente aínda hoxe se lembra. Tamén foron inesquecíbeis as noites de presentación dos dous primeiros discos de Milladoiro.

Desde sempre, figuras de primeira liña e novos valores comparten escenario e aplausos no Dado. Como será este ano no que ás actuacións en vivo se refire?
Hai nomes que poidas anunciar ou o segredo é o mellor aliado das salas? Temos moitas propostas entre mans, pero poucas datas pechadas así que de momento é preferíbel manter o calendario en segredo. O que si podemos dicir é que contaremos con figuras recoñecidas do circuíto estatal. Os tempos cambiaron moito e hoxe, utilizamos as redes sociais para anunciar as actuacións. Para teren a información máis actualizada, os lectores poden seguirnos en Facebook (dadodada.jazzclub).

Cunha paixón tan grande como o Dado, que significa na túa traxectoria Lamas de Abade?
Durante moitos anos, Lamas de Abade permitiume manter contacto con diferentes xeracións de xente nova á que lle gardo moito aprecio, á quen ademais tamén lle gustaba visitar o Dado. Por outro lado, era un sustento económico que nos permitía arriscar un pouco máis no negocio da música. Dei clase no ciclo de próteses dentais até que os problemas de alerxias aos produtos utilizados me impediron continuar, pero aquel tamén era un oficio que me gustaba.

Que é mellor para mirar a vida con tenrura? Unhas lentes sen montura ou as de cu de botella de Juan Tamariz?
Para enfocar a vida non se precisan lentes. Para vela con tenrura o mellor é mirala co corazón. A maxia é consubstancial ao club.

Cal é ese truco que non pasa de moda e cal ese truco que a Carmen lle gustaría dominar?
As aparicións e as desaparicións non pasan de moda. E algo que a min me gustaría dominar para poder utilizalo na vida diaria.

A canción da túa vida?
«My Way» de Frank Sinatra ou «Garota de Ipanema», que tamén é un clásico das jams. Cando as escoito, vánseme os pés sen darme conta.
A noite máis memorábel que lembras?
Hai moitas, pero, por exemplo, recordo un
día en que invitamos a actuar a Juan Tamariz, coincidindo coa súa participación nun congreso. O congreso cancelouse, pero el non nos dixo nada e veu actuar igual. Pasamos horas e horas de conversa e maxia. Xamais o esquecerei.
O día é bo para...?
O día ben aproveitado comporta soños felices. No día podes facer moitas cousas distintas, pero procurando sacarlle o máximo proveito.
Cantas horas dormes nun día normal?
Durmo pouco e mal. A verdade é que nun día normal non soneo máis de 5 horas.
O jazz que é?
É improvisación. Ademais de ser unha arte recoñecida en todo o mundo, o jazz é un estilo de vida.

«Para enfocar a vida non se precisan lentes. Para vela con tenrura o mellor é mirala co corazón»

O Dado é unha declaración de amor en toda regra, pero para que locais con historia como o teu sigan a facer anos e sigan a construír cidade, que mimos necesitan?
Necesitamos apoio, sobre todo, dos clientes. Que valoren o esforzo que se fai á hora de tentar manter intacta a esencia dun local con tantos anos ás costas. É relativamente fácil poñer un local de moda baixando os prezos ou poñendo a música comercial do momento, pero nós preferimos ser selectivos nese aspecto, aínda que nos custe, para conservar o que o Dado quixo ser desde a súa orixe. Tamén é importante o apoio dos medios de comunicación, das administracións públicas e de patrocinadores privados que de cando en vez nos dan un empurrón. Teño que salientar, iso si, que a prensa se porta moi ben con nosoutros. Tamén quero destacar o apoio que estamos a recibir de 1906 para poder continuar programando música en directo.

E cal é a percepción que tes, como empresaria e como integrante do Pleno da Cámara de Comercio, do momento que vive o lecer no Ensanche compostelán en relación á zona monumental? Cara onde vai a noite?
A miña percepción do estado do lecer nocturno quizais non é a máis acertada porque é a hora que a min me toca traballar e non podo ver o que pasa noutros sitios. O que si que penso é que o ensanche está un pouco silenciado con respecto á zona monumental, polo menos no que ao turismo se refire. Non debería haber diferenzas, tendo en conta a escasa distancia que hai dunha punta á outra da cidade. Máis que representar competencia, unha maior oferta hostaleira no ensanche beneficiaríanos. Neste senso, a miña sensación é que a zona se está empezando a mover algo máis e que nestes últimos dous anos se está a apreciar unha interesante reapertura de locais de viños e petiscos, pero tamén que queda moito por facer.

E por último, que é máis doado? facer realidade un soño ou manter ese soño vivo?
As dúas son cuestións que entrañan gran dificultade, pero hai que persistir!

Carme Eixo, Dado Dadá Jazz Club

Entrevista extraída do número 8.

Queres ollar outros contidos relevantes?

Sabela Arán

150 150 CORALIA

Atravesa un excelente momento profesional, avalada polos premios e co recoñecemento de público e compañeiros de profesión, pero o seu gran éxito, interpretando á Socorrito de A Esmorga, e a Gloria de Serramoura na TVG, non lle quita perspectiva nin altera os seus valores e afectos.

Sabela Arán, brillante actriz co corazón repartido entre Compostela e Portosín, está chamada a ser grande entre as grandes. Posuidora dunha beleza cativadora, nunca lle di non a un novo reto profesional, a unha xuntanza familiar ou a un paseo polas rúas da vella Compostela.

SOCIEDADE

Cando chega o éxito é difícil manter os pés na terra?
En realidade, este é un traballo como calquera outro traballo. O resto do tempo levas unha vida como a de todo o mundo. Sempre fago o mesmo, coa mesma xente. Teño as mesmas rutinas. Ao mellor é que non cheguei a un punto de éxito que me cegue. Todo o que me está pasando son cousas que no tempo se prolongan moito: a candidatura a un premio non ven dun día para outro e unha temporada grávase en dous meses, así que tes moito tempo para pensar, reflexionar e considerar a túa vida. E cando tes tanto tempo para darlles tantas voltas ás cousas e te das conta de cal é a realidade, non hai nada que che separe da terra.

«Cando son boa, son moi boa, cando son mala son aínda mellor»: a frase é de Mae West, pero podería ser de Gloria de Serramoura?
Gloria podería axustarse perfectamente ao que dixo Mae! Aínda que actualmente estamos vendo unha Gloria diferente, con máis sentimentos, e iso pode ser positivo. Como actriz, sempre que fas un personaxe moi afastado de ti é moito máis interesante. A min gústame facer de «mala», pero é un reto facer de «boa», porque ata o momento na miña carreira sempre me topei co problema do físico, e ao ter as faccións moi marcadas e o xesto un pouco serio, a maior parte da xente considera que non teño faccións de «boa». Cando fixemos Vilamor tiven que dulcificar moito iso. E foi tamén un reto para min porque ás veces podo ser un pouco brusca á hora de falar e transmitir algo que non é. Ambas as dúas situacións son retos, pero eu persoalmente pásoo mellor facendo de «mala».

«Todo o que me está pasando son cousas que no tempo se prolongan moito: a candidatura a un premio non ven dun día para outro e unha temporada grávase en dous meses, así que tes moito tempo para pensar, reflexionar e considerar a túa vida».

«A min gústame facer de 'mala', pero é un reto facer de 'boa', porque ata o momento na miña carreira sempre me topei co problema do físico, e ao ter as faccións moi marcadas e o xesto un pouco serio, a maior parte da xente considera que non teño faccións de 'boa'».

Cun éxito como Serramoura é difícil ter vida privada?
Gloria é un personaxe que, sendo como é, un pouco retorcida, cae fenomenal. A xente achégase a min con moitísimo cariño e Gloria estame dando moitas satisfaccións nese sentido. En Madrid, na etapa que estiven en Puente Viejo, o trato era máis impersoal. Aquí, na casa, a xente trátate cun respecto diferente e eu procuro ser natural con todo o mundo. Estoulle eternamente agradecida á xente, porque para os actores, ese feedback, ese saber como caes, é fundamental. A verdade é que sempre tiven una consideración moi boa por parte do público.

Probabelmente, a súa decisión máis difícil foi elixir a interpretación fronte a profesións máis estábeis e con maior percorrido. «Se necesitas respirar para vivir, necesitas esforzarte para conseguir un traballo. Eu creo que son unha persoa bastante perseverante e xa que tomei a decisión de ser actriz, teño que ir con todas as consecuencias». Así que, convencida da súa decisión e tras licenciarse en 2009 en Comunicación Audiovisual pola Universidade de Santiago, Sabela marchou a Madrid para formarse en interpretación e dobraxe, e tomar parte ao mesmo tempo en diferentes curtametraxes e series web que lle foron proporcionando táboas, ata que no ano 2012 a súa actuación na longametraxe Vilamor de Ignacio Vilar, a fixo merecedora do Mestre Mateo á mellor actriz. A partir dese momento o seu rostro tense feito enormemente popular entre o público, grazas a series tan premiadas como Matalobos, Gran Hotel, Serramoura e Códice, e a longametraxes como Blockbuster ou a A Esmorga. O seu é un oficio fermoso, pero complexo. «Todos os días hai unha parte de min que pensa se estou facendo o correcto –revela Sabela sen dubidar–, porque é unha profesión inestábel, sen ningún tipo de seguridade a nivel administrativo, e economicamente sen garantías, na que non tes unha xubilación nin unha carreira asegurada ata os 65. Para min, tomar a decisión de ser actriz, podendo facer outras cousas que tamén me gustaban moitísimo, foi a decisión máis importante. Porque despois todos os personaxes que fixen ata o momento tiveron algo interesante. Pero a profesión é enfastiada, tan bonita como enfastiada».

Os Mestre Mateo proporcionan máis amigos ou inimigos?
Os Mestre Mateo nunca fan inimigos, porque son unha maneira de darlle recoñecemento a un traballo que se vai facer igualmente. Eu non estou interpretando a Gloria pensando no Mestre Mateo, nin eu nin ninguén, quero pensar. Hai que ter en conta que a familia audiovisual de Galicia é unha familia na que todos somos amigos. Ti podes pertencer máis a un grupo ou levarte mellor con outra persoa, pero en realidade sempre estás implicado dalgunha forma, ou emocional ou profesionalmente coa xente que vai levar o premio. A min pasoume no caso da Socorrito, que non levei, e non me sentín mal, porque recoñecía o traballo de compañeiras. Antes de entregarse os premios felicitoume moitísima xente polo meu traballo. Compañeiros que non coñecía persoalmente felicitáronme polo traballo que fixen. Son compañeiros que ademais de público forman parte do oficio, e recibir o seu parabén para min é fundamental.

Marilyn Monroe queixábase hai máis de medio século de que en Hollywood importaba moito máis o peiteado que a virtude das actrices. Como é o panorama audiovisual hoxe?
Marilyn pertencía a unha época na que se valoraban outras moitas cousas antes que as dotes interpretativas. No audiovisual hai unha desigualdade absoluta da muller con respecto ao home. A presenza masculina vai ser, na maioría dos casos, maior, e a vida profesional das actrices máis curta. No audiovisual non se escribe tanto para nós, e entre todos temos que corrixilo e darlle cabida a historias contadas pola boca de mulleres. Depende de nós como profesión, pois o público vai aceptar esas historias igualmente. A cuestión é valorar o que realmente importa: o talento. En Galicia están a traballar actrices e actores de todas as características e nese sentido é un plus para o noso audiovisual porque está facendo as cousas moi ben. Ás veces sacrificando un pouco tardas máis en chegar, pero chegas dunha maneira máis honrada.

Que sacrificios implica a interpretación?
Neste traballo trabállase desde moi cedo, como en moitos, e teño que pasar moitísimas horas en tacóns, coa roupa que lle toque ao personaxe… Pero non me atopei con ninguén que me pedira cambios físicos. Non me pediron nin engordar nin adelgazar; pedíronme como moito lavar o cabelo con xabrón Lagarto, que polo visto lle quita o brillo. O sacrificio é manterse.

A quen che gustaría darlle vida no futuro?
Ser outro sexo nunha interpretación. Facer directamente de home. É algo moi complicado que me esperta moita curiosidade. Tamén me gustaría facer un papel que implique un esforzo físico, en liña coa Hilary Swank de Million Dollar Baby ou da Tenente O’Neil de Demi Moore.

Con que directores quererías traballar?
A verdade é que me gustaba moito a maneira de traballar de Kubrick, pero está morto e non pode ser. Teño moita curiosidade por David Fincher, por Coppola, e entre os máis achegados, Montxo Armendáriz, que tamén ten unha sensibilidade moi especial e Almodóvar porque é un tipo bastante peculiar á hora de dirixir e darlles forma aos personaxes.

« No audiovisual hai unha desigualdade absoluta da muller con respecto ao home».

Sabela Arán, lonxe dos focos, saborea enormemente as pequenas grandes cousas. Encántalle perderse polas rúas da zona vella da Santiago. «Co paso do tempo desfruto moitísimo máis de tomar uns viños ou unhas cañas pola zona vella coa compaña que eu escolla que facendo outras cousas. A min perderme pola pedra compostelá gústame moitísimo». Sen embargo, cando busca tranquilidade o seu destino favorito é Portosín: «É un sitio paradisíaco. A auga da praia non está quente, non é o Caribe, nin podes esquiar, pero si que podes tomar un viño no bar de sempre, saudar aos veciños de sempre e, sobre todo, estar tranquila, coa familia e preto do mar». De feito, esta localidade forma parte de moitos dos seus momentos máis entrañábeis: «Sendo moi pequena, as angulas eran un prato que non se podía tomar todos os días, e cando comiamos todos xuntos, a miña avoa Leonor, que faleceu hai ano e pico, convidábanos aos meus irmáns e a min a tomar as angulas porque sabía que nos facía especial ilusión. Cando penso na miña infancia recordo moito ese sabor, porque xa non se comen e forman parte do pasado».

Poderías desvelarnos os ingredientes dun día perfecto?
Para min sería un día no que haxa un pouco de todo. Unha parte de traballo, porque iso me faría sentir que fago o que quero, faríame sentir realizada como traballadora. Unha xuntanza familiar ao redor dunha mesa, pois na miña casa iso sempre se valorou moito, con sobremesa e conversas que se prolongan horas e horas e horas. E, pola noite, estar na casa descansando, estar vendo unha película, ou lendo un rato ou escoitando algo de música… Sentir que cumpro todas as miñas necesidades vitais: o traballo, o amor da familia, dos amigos, da miña parella e a tranquilidade. Eu son unha persoa que por momentos quero estar con moita xente, pero preciso estar comigo mesma tamén.

Tes feito algunha loucura por amor?
O amor é o motor fundamental, pero ata o momento non tiven demasiado amor de parella. Así que non fixen aínda nada moi esaxerado, pero podería facer calquera cousa!

E por último, con que soña Sabela Arán?
Coa familia xa conto, porque teño unha familia estupenda, e a saúde vai vir ou non vai vir. Eu principalmente co que soño é con poder vivir do meu traballo. Soño cun futuro un pouco estábel, que supoño que é algo que está na cabeza de todos no seu oficio. Esforzarme por conseguir o meu obxectivo e vivir do que me gusta.

Núa Moda Vestiario
Espadela Aditamentos
Rois Llongueras Peiteado e maquillaxe
Álex Regueiro Estilista
Fred Iglesias Fotógrafo
Lucía Cabrera Aux. de produción
Dado Dadá Jazz Club Localización

Entrevista extraída do número 1.

Queres ollar outros contidos relevantes?
Política de privacidade

Se consente a utilización de cookies, continúa navegando ou fai clic nalgún link entenderase que consinte a nosa política de cookies e, por tanto, a instalación das mesmas no seu equipo ou dispositivo.

Se vostede quere, pode cambiar a configuración de cookies en calquera momento, configurando o seu navegador para aceptar, ou non, as cookies que recibe ou para que o navegador o avise cando un servidor queira gardar unha cookie.

Esta web utiliza cookies.
error: Contido protexido