•  981 806 528 & 670 594 685 info@coralia.gal

encarna otero cepeda

Encarna Otero

150 150 CORALIA

Cunha enerxía envexábel, intacto o seu compromiso —pese a levar anos fóra da primeira liña política—, Encarna Otero vai respondendo coa paixón de quen quere mellorar a sociedade na que vive. Falamos de feminismo, benestar, xestión política e participación cidadá coa profesora de historia, veciña do Carme e exconcelleira nacionalista, que ocupou entre outros postos o de delegada para a rehabilitación do casco histórico ou o de directora xeral de Vivenda da Xunta bipartita. Retomar o diálogo e o consenso, tecendo unha rede e implicando a sociedade, é a súa receita para «recuperar Santiago, a icona que no mundo fala de Galiza». O de Encarna é amor incondicional por Compostela.

Entrevista de VALERIA PEREIRAS & Fotografías de ALFREDO IGLESIAS

Escolliches o Hostal por algo máis que a tranquilidade para facer esta entrevista?
Eu son das compostelás as que lle gusta gozar do Hostal. Non sei por que ten que ser para a xente de fóra. É algo que reivindico, que Santiago sexa para nós porque nos están expulsando. Tiña unha tía de Lugo, que era profesora e que foi modelo para min, e cando viña de visita quedabamos aquí. Recordo que eu estaba no colexio e que ela sempre me convidaba a tomar un chocolate.

Víñase máis antes?
Non o sei, eu sigo vindo. E cando estaba no Concello, daquela viña sempre aquí, por proximidade. É un espazo que reivindico, traio a moita xente a velo. Non se visita moito e é precioso, e tamén hai que pensar na historia do edificio. Aquí está a habitación onde se encerraron os dezaseis do Estatuto de Autonomía e tamén é un lugar excelente para gozar da música, tan importante en Compostela. Penso que o Hostal é como unha representación a pequena escala da cidade, do descoñecemento e da falla de uso e apropiación derivada do amor, porque se quere aquilo que se coñece.

Estás xubilada, pero iso no teu caso non significou para nada un parón. En que anda metida Encarna?
Acabo de ler o libro de Carmen Alborch, que di que as mulleres da nosa xeración estamos inventando unha nova maneira de vivir cando nos xubilamos. Coincido con ela en que son moitísimas as actividades ás que temos acceso neste momento, se a saúde acompaña. Ademais, esta cidade é un espazo de oportunidades marabilloso. Agora estou en Compostela Territorio de Mulleres, na Comisión de Igualdade do Consello da Cultura Galega, como voluntaria no Museo do Pobo Galego e quéroche dar unha primicia. Eu tamén era voluntaria de Proxecto Home, pero Ramón Crespo e a Igrexa acaban de cargarse a comunidade terapéutica de Cernadas, onde eu traballaba. Creo que a Igrexa vai ter que dar conta a esta cidade de moitas cousas, e esa é unha delas. E o asilo de Carretas, onde tamén traballaba até que me botaron.

Encarna Otero, en Coralia 12

«A xente xubilada podemos ser voluntarias e voluntarios porque temos o tempo e o coñecemento, un legado que debemos compartir e que a sociedade ten que utilizar. Eu defendo o voluntariado, ben entendido, como aportación sen suplir nunca nin agochar traballo. É unha riqueza social que hai que aproveitar. As persoas de idade non son unha carga, son unha riqueza. Isto os xaponeses sábeno moi ben»

Coa Igrexa topamos.
As cousas da Igrexa nunca saen á luz e eu reivindico que, xa que en Santiago roubaron o asilo de Carretas, que a Igrexa faga no casco histórico un centro de día. Hai sitios marabillosos, eu téñolle botado o ollo a varios, para que a xente maior teña un espazo onde poder reunirse, socializar, poder pasear a pé tranquilamente e que alguén se ocupe un pouco da súa saúde. Non necesitan máis. Eu vou moito ao Incio a visitar amizades e cando paso pola residencia de maiores que hai alí dáme moita pena. Métenos alí, onde non ven vida, un lugar onde non hai nada máis que monte e onde están apartados da sociedade.

Non reciben o trato que merecen.
Ti pensa no papel que a xente xubilada está a cumprir, produto da crise. Avós e avoas que están criando netos e dando apoio e soporte, que a ver cando llelo recoñecemos. Hoxe en día, hai unha parte da economía importantísima, que non sae ao mercado laboral, unha economía de afectos e de diñeiro que explica por que todo ese mundo precario sae adiante. A ver se o goberno se decata. A xente xubilada podemos ser voluntarias e voluntarios porque temos o tempo e o coñecemento, un legado que debemos compartir e que a sociedade ten que utilizar. Eu defendo o voluntariado, ben entendido, como aportación sen suplir nunca nin agochar traballo. É unha riqueza social que hai que aproveitar. As persoas de idade non son unha carga, son unha riqueza. Isto os xaponeses sábeno moi ben.

Para as mulleres, como dicías, até agora non existía a xubilación.
Si, agora estamos inventándoa porque isto é algo que antes non se daba, e que segue sen darse en moitos casos. Pero estamos vivindo un tempo no que accedemos á vida laboral cunha certa dignidade, a pesar das diferenzas salariais. Aínda que a prestación por xubilación das mulleres está un 37% por debaixo da dos homes, temos uns recursos económicos que nos permiten vivir con dignidade e tempo libre. O 90% dos coidados no marco do Estado español, de cativos e maiores, fanos as mulleres. Iso economicamente non se contabiliza, non forma parte do PIB, e implica que as mulleres, ademais do traballo que fan, non poidan gozar do seu tempo libre. Pero tamén é certo que, por primeira vez, está ocorrendo unha cousa curiosa, que os homes exercen de pais e avós e velos paseando os carriños, cambiando cueiros, cociñando… Iso antes non pasaba.

O benestar debería cotizar, non cres?
Ti podes dar amor, pero unha cousa é ser nai ou avoa e outra os coidados, que son un beneficio social que pagamos cos nosos impostos e que debería verse reflectido. Os afectos e os coidados son cousas diferentes e unha fonte de traballo fundamental. E esta cidade debe ser pioneira en sectores como o do benestar, territorio ou alimentación. Agora chámanlle gastronomía. As mulleres levan toda a vida alimentando e nunca lle chamaron así. Santiago ten todas as condicións para poder facelo. Conta cunha facultade de Medicina cun nivel de investigación excelente, un entorno natural de parques cunha das taxas europeas máis alta e ademais ten unha facultade de Enxeñaría Química que está especializada en temas de auga. Niso debe Santiago poñerse á cabeza, nese tipo de economía, e xerar emprego. Santiago precisa dun proxecto industrial, pero de empresas ao servizo das persoas. Non falo de chemineas, guindastres e formigón, que é no que pensamos inmediatamente cando falamos de industria. Non, eu falo de calidade de vida, de medio ambiente…

«Temos que facernos responsábeis da nosa cidade. Necesitamos crear unha conciencia crítica, positiva, construtiva, que retome o diálogo e o consenso e que busque metas que aproveiten o que hai: a Universidade, a iniciativa empresarial, de pensamento, de actividades culturais, as hortas ou a agricultura de proximidade e a Praza de Abastos...»

Encarna Otero, en Coralia 12

E como se podería abordar isto?
Defendo que agora mesmo a cidade precisa dun proxecto cívico colectivo. Temos que facernos responsábeis da nosa cidade. Necesitamos crear unha conciencia crítica, positiva, construtiva, que retome o diálogo e o consenso e que busque metas que aproveiten o que hai: a Universidade, a iniciativa empresarial, de pensamento, de actividades culturais, as hortas ou a agricultura de proximidade e a Praza de Abastos… Que nos fagamos donos da nosa cidade, recuperala para quen a habita.

Hai tres anos, nunha entrevista no primeiro número de Coralia, afirmabas que vías a cidade perdida para a súa xente. Segues tendo esa imaxe?
A min gústame moito andar, e tomas café aquí e alá e todas as persoas che din o mesmo. Pois tezamos unha rede, como facemos as mulleres, e poñámonos en marcha. A min neste momento unha cousa que me anima moito é que vexo moitas iniciativas pequenas de xente nova. Por citar só dúas: Numax e Unitaria. Xente que empeza con pouco, cun espazo pequeno e unha idea ben clara. Ademais de crear postos de traballo, pensa na vida e a alegría que lle dan á cidade.

Maila aportación que fan á cultura, non si?
Exacto, porque ademais a cultura é todo. É saber comer, ter a cidade limpa, saber mirar as pedras. A cultura é saber tratar a xente con educación, a cultura do non ruído. Cales son os fitos polos que Santiago se coñece no mundo? Cineuropa, Womax, Curtocircuíto. Temos tamén un dos mellores panadeiros, unha estupenda praza de abastos, as Marías. As irmás Fandiño Ricart son un símbolo, unha icona da Compostela represaliada polo franquismo. Só hai que poñelo en valor.

E a Cidade da Cultura de Galicia, como a ves?
Eu mantiven sempre que a Cidade da Cultura era un proxecto fóra de escala que a cidade non necesitaba, porque a cidade da cultura de Santiago é a cidade mesma. Agora podo dicir que é un furúnculo de pus. Non o dicía así cando era concelleira porque non podía, pero agora si. Leva todo o orzamento de cultura do país e nin así ese furado sae a flote. Haberá que mirar que facer con iso, non podemos facelo desaparecer, pero a Xunta ten que estudalo, drenalo e ver como se sostén.

Volvendo ao proxecto cívico que comentabas. Lanzaches a rede… e recolliches peixe?
Hai moita xente que pensa igual. No Casco Histórico xa se están organizando, tecendo alianzas. Xa fixeron un mapa, teñen un circuíto alternativo a toda esta degradación e deterioro. Que ocorre? Eu téñoo claro, e aínda que os tempos cambiaron, a cidade precisa dun proxecto político. O proxecto que a xente vai votar terá que recuperar o diálogo e o consenso. Conde Roa foi un desastre, unha hecatombe da que esta cidade aínda non se recuperou. O seu goberno foi moito peor que a crise. Eliminou a autoestima da cidade, creou unha crispación enorme, destruíu unha parte do persoal funcionario e da administración do Concello. E eliminou aquelas políticas de consenso que a cidade tiña dentro da propia corporación e do marco do Consorcio, onde todo ten que ser por consenso e onde hai tres administracións que unhas veces son dunha cor e outras doutra. Desde entón rompeuse o diálogo coa Xunta. A Feijóo non lle importa nada Santiago. Nin sequera vive en Monte Pío. Perdeuse gran parte do peso que Santiago tiña en Europa, e Galiza non pode esquecer que Santiago é a icona que no mundo fala dela.

Pensas que non se recuperou o diálogo?
O que ninguén pode pensar é que 25 concelleiros e concelleiras fan unha cidade. Debe existir un proxecto social que acompañe e participe. Na nosa época puxéronse en marcha os orzamentos participativos. Agora, con este novo Goberno de Compostela Aberta, abríronse todas esas vías de diálogo, pero logo hai unha cousa moi importante que é a xestión diaria. Así como as vías de diálogo están moi abertas, a xestión diaria está fraca, moito. E isto é como un cesto, os vimbios precisan estar unidos. A xestión e a participación, iso é o que fai cidade.

«Eu mantiven sempre que a cidade da cultura era un proxecto fóra de escala que a cidade non necesitaba, porque a cidade da cultura de Santiago é a cidade mesma. Agora podo dicir que é un furúnculo de pus. Non o dicía así cando era concelleira porque non podía, pero agora si. Leva todo o orzamento de cultura do país e nin así ese furado sae a flote»

Entre as túas responsabilidades políticas destacan as vinculadas ao urbanismo e a vivenda. Desde esa experiencia, pensas que Santiago corre perigo de sufrir ese fenómeno denominado turistificación do que tanto se fala?
A Santiago déronlle o recoñecemento da UNESCO de mellor modelo de rehabilitación, precisamente, por non expulsar a poboación. Creo que hai zonas de Santiago que aínda son así, e que son as que temos que mirar. A Rúa de San Pedro, as algalias, o Preguntoiro e a Caldeirería, Sar… Hai que tomar nota de onde funcionan as cousas. Cando Xerardo Estévez puxo en marcha o Plan Especial, este implicaba protexer o casco histórico da especulación inmobiliaria. Que ocorre? Que hai unha parte do casco que por múltiples razóns se vai deshabitando. Hai que retomar un proxecto que o devolva ao que sempre foi: vivo e multisocial. O zapateiro tiña o taller no baixo, a señora da praza vivía no primeiro, no segundo o catedrático da universidade e no terceiro un doutor. Iso, na Améndoa agora é difícil. Son casas moi grandes, de moitos herdeiros, pero para iso está o público. Hai que retomar os pisos tutelados, o rexistro de soares que agora copiou a Xunta, e poñer vivenda en alugueiro para xente moza que revitalice a zona. E hai cousas que tecnicamente hai que resolver. Se a Universidade ou o Hostal teñen fibra, non a poden ter as casas? A min que me digan. É cuestión de facer as contas e fixar prioridades. Digo iso como digo que hai que renovar os servizos municipais. Regular o paso á zona vella, controlar a tonelaxe que entra. Cada vez que abres un espazo turístico hai que telo en conta. O turismo xera lixo, vidro, os turistas van ao baño… Todo isto hai que velo porque son millóns de euros todos os anos.

Encarna Otero, en Coralia 12

Moito investimento.
Hai que negociar coa Igrexa. Xa está ben. A Igrexa ten que devolverlle a esta cidade todo o que leva recibido, e non o fai. Teñen inmóbeis baleiros, non pagan os impostos que lles corresponden pola actividade económica que desenvolven, agás San Francisco, que é a única que está legal urbanística e fiscalmente. Hai que mirar centros de día, residencias para maiores, albergues para persoas sen teito. A doutrina da igrexa non fala da xustiza e de axudar os pobres? Hai que negocialo.

«Á Igrexa hai que sentala a negociar e ten que devolver a esta cidade todo o leva recibido, que non sabemos nin canto é. Non poden roubar, como fixeron co asilo de Carretas para montar a Compostelana»

Como?
Hai unha ferramenta moi boa. A cantidade que se lle está dando de diñeiro público non é de balde. Un ente ao que lle rouban dous millóns de euros e non se entera, xa me dirás… Á Igrexa hai que sentala a negociar e ten que devolver a esta cidade todo o leva recibido, que non sabemos nin canto é. Non poden roubar, como fixeron co asilo de Carretas para montar a Compostelana. Xa verás como acaban abrindo un albergue, exactamente igual que pasa con San Martiño Pinario. Acaban de pedir licenza para o de Belvís, que leva tempo funcionando de xeito ilegal. Non pode ser, non poden ter privilexios. Teñen que actuar, primeiro, conforme á súa doutrina, e segundo o seu patrimonio ten que poñerse ao servizo da cidadanía. É unha das materias pendentes. É difícil pero hai que facerllo ver, como se fixo noutros sitios. En Italia está resolto, en Allariz conseguírono pola vía xudicial.

Queres ollar outros contidos relevantes?

A cidade de Encarna Otero

150 150 CORALIA

Muller, filla, irmá, amiga, compañeira, mestra. Todas elas son Encarna. Tamén o son a loitadora, a política, a historiadora, a xestora ou a escritora. E o son a galega, a compostelá e a veciña do Carme; a que le con entusiasmo o Sempre en Galiza de Castelao e O segundo sexo de Simone de Beauvoir; a que gusta das cereixas e os figos collidos da árbore, e a que desfruta dun refrescante baño estival no mar ou dun tranquilo paseo dominical polo Pedroso.

CULTURA

Woody Allen afirma que «a xubilación é para a xente que pasou toda unha vida odiando o que facía». Dicimos a verdade ao afirmar que Encarna Otero segue a gozar intensamente en todos os seus campos de actividade?
Coido que si. A xubilación é un dereito cando levas unha vida de labor. Un dereito sobre todo a algo, a ter seguridade e poder ocupar o teu tempo naquilo que antes non puideches facer pola razón que sexa, é dicir, perder as horas e gañar tempo, o tempo para empregalo en ti.

Neste tempo novo, hai novos proxectos dos que nos poidas falar? Volverás á dirección tras a experiencia en A luz do negro?
Na Comisión de Igualdade do Consello da Cultura temos unha liña de traballo para recuperarmos as memorias das mulleres que aínda viven e das que se perderan as pegadas do seu traballo, se non se recuperasen. Nese sentido, hai toda unha liña de proxectos que van continuar.

Para cambiar o mundo, que é máis importante? Crear unha nova literatura infantil, ensinar a amar a Historia aos adolescentes? A mellora da calidade de vida dos adultos? Ou a posta en valor do coñecemento e experiencia dos nosos maiores?
Todo. É que mudar o mundo é un traballo de formigas, como adoitamos facer as mulleres, no que todo é imprescindíbel. Todo iso, e moitísimo máis, é necesario para cambialo, e sobre todo o que é imprescindíbel é o traballo das persoas, día a día, porque esas son as cousas inmensas e enormes que transforman a vida.

Cales son para ti as luces e sombras do sistema educativo actual?
A gran sombra é que está ameazado como sistema público, como base fundamental da vida, e ademais está terribelmente recortado nos seus recursos. Esa é a gran sombra. As grandes luces son que aínda, grazas á loita das persoas, se segue mantendo, e logo os e as profesionais que traballan nel e, sobre todo, que a xente o vexa como un dereito imprescindíbel no que hai que obrigar a investir os nosos impostos.

A profesora Encarna Otero cativaba coa súa percepción única da Historia, á que sempre achegaba actualidade e proximidade. O labor máis complicado é converter a Historia con maiúscula na historia propia de cada un de nós?
Pois si. Evidentemente, o que se trata de transmitir no ensino é como as xeracións anteriores fixeron cousas que nos poden influír na nosa vida de todos os días e que formamos parte dun elo que xa vén de atrás e seguirá cara ao futuro, e temos a obriga de transmitilo. A Historia ten que servir para actuarmos na nosa vida de todos os días.

A literatura infantil descubriulle ao gran público toda a tenrura de Encarna, que nos tiña máis acostumados a publicacións de contido histórico-social. A tenrura é compatíbel coa vida pública?
É completamente imprescindíbel. Eu creo que a tenrura é un compoñente moi feminino e oxalá os homes aprendesen tamén a vivir con ela e para ela. É imprescindíbel na vida de todos os días porque a tenrura tamén che permite firmeza, afouteza e enfadarte cando é necesario, para de aí saíres cara a adiante. Hai que plasmala en todos os instantes da vida.

As satisfaccións da actividade pública chegan a compensar os sacrificios?
Se tes moi claro o servizo público, si, é dicir, en todo dás e deixas sempre, e a vida mesma é unha liña na que dás e deixas. O esforzo, o traballo, non ter tempo e ter que prescindir de moitas cousas claro que forman parte da túa vontade e vocación de servizo público.

Galicia é un matriarcado liderado por homes. Isto é así porque as mulleres son menos ambiciosas cós homes ou porque a política segue a discriminar a muller?
En Galiza o que hai é unha inmensa presenza das mulleres porque traballan moito, pero iso non se traduce nin en toma de decisións nin en poder, é dicir, o empoderamento das mulleres en Galiza aínda non chegou e tampouco o acceso aos recursos económicos. E aínda queda moito. Mira a diferenza entre Amancio Ortega e Rosalía Mera, estuda a proxección empresarial dun e da outra e verás a diferenza. O feminismo teno moi ben estudado e cando as mulleres non participan nin están presentes nin se empoderan é por múltiples razóns, pero entre outras moitas, son moi importantes os obstáculos inmensos que se lles poñen para poder exercer ese traballo e ese poder. É verdade que ás veces dan marcha atrás, pero porque non están dispostas a pagar o inmenso esforzo que lles supón estar en postos de dirección, por iso o empoderamento das mulleres é imprescindíbel porque, cando as mulleres se empoderan, xeran unha mellor calidade de vida para todos, para homes e mulleres.

«Eu creo que a tenrura é un compoñente moi feminino e oxalá os homes aprendesen tamén a vivir con ela e para ela. É imprescindíbel na vida de todos os días porque a tenrura tamén che permite firmeza, afouteza e enfadarte cando é necesario, para de aí saíres cara a adiante»

Que queda da Compostela que deixaches cando saíches a Francia nos anos setenta?
Case nada! Ollo, nestes últimos catro anos de goberno PP pensei que ía volver esa Compostela escura, gris, negra, clasista e terríbel! Porque por sorte, Compostela a partir dos anos oitenta e noventa mudou, mudou moitísimo: democratizouse, urbanisticamente mellorou, tivo un proxecto do que vivimos hoxe aínda. Daquela Compostela quedan os barrios con identidade, que tiñan vida propia e que eu creo que son imprescindíbeis, pero pouco máis, por sorte. Esperemos non retroceder.

O Santiago da actualidade está máis pensado para turistas e visitantes de paso que para o benestar dos composteláns e das compostelás?
A cidade está moi perdida para a súa propia xente. Primeiro, hai que pensar e reflexionar sobre o modelo turístico porque pode morrer de saturación, é dicir, de éxito, que a cidade non sexa capaz de xestionar o turismo que entra nela. Isto, ademais, xa está ocorrendo noutros sitios e xa se está estudando e Santiago ten que estudalo. E en segundo lugar, é verdade que case todas as políticas de benestar se eliminaron e cómpre recuperalas, porque non hai máis que ver a cantidade de pobreza e de marxinación que a cidade ten; e a iso hai que darlle unha alternativa e unha saída. Agardemos que nestes catro anos, co consenso das forzas políticas que están na corporación, de todas aquelas que se din ao servizo das persoas, se recupere esa política de benestar, esa política de convivencia, esa política de consensos e se empece a reflexionar sobre o turismo, que pode ser pan de hoxe e fame de mañá

Que tiñan Rosalía ou as irmáns Fandiño Ricart en común coas compostelás de hoxe en día?
Tiñan soños, tiñan esperanza, tiñan ilusión por viviren nun mundo mellor e tiñan moitísima tenrura e amor por Compostela. E ademais, unha coa súa poesía e a súa obra –moitas veces máis de amor, outras veces máis de rabia e de loita–, e as outras co seu colorido produciron unha luz inmensa que xa non é de Compostela, é universal. E eu creo que ese tamén debe ser un obxectivo das mulleres compostelás hoxe.

Facer país, facer cidade, facer barrio é unha declaración de amor de Encarna Otero a Galicia, a Santiago e ao Carme. Ese amor non lle fai reconsiderar o retorno á política activa?
Cando me fun da vida municipal despois de doce anos tiña moi claro que me ía porque hai que deixar paso á xente nova, á xente que teña o folgo e a forza que eu tiña cando traballei por esta cidade, o cal non quere dicir que non participe en política, porque política é todo, non só estar como representante municipal no concello. Agora formo parte dunha asociación de veciños, na que tamén estamos facendo política desde o momento que facemos barrio. Esa é outra esfera de traballo na que continuarei, imaxino, ata que volva á terra que foi de onde saín.

Para rematarmos, cres como Castelao que «o verdadeiro heroísmo consiste en trocar os anceios en realidades, as ideias en feitos»?
Si. Eu estou completamente de acordo con iso. Hai que falar, arar e ao mesmo tempo que o arar sirva para dar froito, o que sexa. Eu coincido con Castelao e volvo á imaxe das formigas, que ao traballaren todos os días fan un esforzo ímprobo por construíren e así é como hai que traballar. Isto último dígollo a toda a xente que en Compostela quere iniciar algo, que o faga e persevere e que xogue co único co que en Galiza podemos xogar, coa calidade e as cousas ben feitas, porque só así poderemos volver colocar a Compostela no mundo, que é o que necesitamos neste momento.

«En Galiza o que hai é unha inmensa presenza das mulleres porque traballan moito, pero iso non se traduce nin en toma de decisións nin en poder, é dicir, o empoderamento das mulleres en Galiza aínda non chegou e tampouco o acceso aos recursos económicos»

«A cidade está moi perdida para a súa propia xente. Primeiro, hai que pensar e reflexionar sobre o modelo turístico porque pode morrer de saturación, é dicir, de éxito, que a cidade non sexa capaz de xestionar o turismo que entra nela»

Entrevista extraída do número 1.

Aquí tes máis contidos relevantes:

Política de privacidade

Se consente a utilización de cookies, continúa navegando ou fai clic nalgún link entenderase que consinte a nosa política de cookies e, por tanto, a instalación das mesmas no seu equipo ou dispositivo.

Se vostede quere, pode cambiar a configuración de cookies en calquera momento, configurando o seu navegador para aceptar, ou non, as cookies que recibe ou para que o navegador o avise cando un servidor queira gardar unha cookie.

Esta web utiliza cookies.
error: Contido protexido