•  981 806 528 & 670 594 685 info@coralia.gal

entroido

Mateo martínez

150 150 CORALIA

SOCIEDADE

Como te presentarías en poucas palabras?
A miña adolescencia estivo chea de deporte, así que non foi difícil atopar na fisioterapia a miña vocación. Tras formarme nesta disciplina e como instrutor de pilates, e logo de varios anos adquirindo experiencia, decidín montar unha clínica que innovase nesas dúas materias para apoiar e axudar a quen o puidese precisar. Sigo, iso si, sendo un apaixonado do deporte, e, agás fútbol, practícoos case todos. En especial, ciclismo. O certo é que son un namorado do meu traballo e da vida que levo.

A que persoa viva admiras?
Os meus pais, Tino e Fina. O meu pai é para min o exemplo perfecto dunha persoa que se reinventou desde a nada; a viva imaxe dun loitador. A miña nai admíroa por ser o exemplo perfecto do amor puro.

Se puideras elixir en que ou quen reencarnarte, quen ou que quererías ser?
Guitarrista dun grupo de rock dos 60.

Un libro que mereza a pena?
La tregua de Mario Benedetti.

Na cociña es un artista facendo que cousa?
Din que o shushi.

Podes imaxinar a vida sen internet?
Pódoa imaxinar. Sería un chisco máis aburrida e un pouquiño máis difícil, pero si que a podo imaxinar.

Onde viaxas para perderte?
A un pequeno lugar dos Pireneos franceses que se chama Luz-Saint-Sauveur. A miña bici e mais eu.

Cal é o teu animal de compañía favorito?
Seis, o pastor alemán que tiñamos na casa.

A que che gusta dedicar as horas mortas?
Teño a sorte de poder facer todo o que me apetece e, xestionando agora mesmo as horas mortas, adícoas a facer Legos.

Algo que antes che gustara e que agora aborrezas?
Telecinco.

E, ao contrario?
O puré de verduras.

Contido extraído do número 9.

Cales son para ti os ingredientes da felicidade?
Sen dúbida, a saúde; a miña e a da miña familia. Despois, poder dedicarme a algo que me gusta, que me apaixona e que me fai traballar con ganas todos os días.

Que personaxe histórico che produce máis animadversión?
Franco.

Cal é o teu medo máis recorrente?
O medo real non o quero contar para que non o coñezan os afectados, pero a súa consecuencia sería envellecer e morrer só.

Cal é o mellor día da semana?
O sábado.

Cal é o teu maior éxito?
A clínica e o cariño que a xente nos amosa co que facemos.

Hai algún don que botes en falta?
A memoria visual.

Cal é a característica que máis admiras nun home?
A empatía pola dor.

E nunha muller?
O mesmo.

Tes algunha manía ou ritual de obrigado cumprimento cada día?
Dúchome con auga moi quente nada máis espertar e tamén antes de deitarme.

Como che afecta o Nadal?
Nin fu nin fa. Nin frío nin calor. Non son unha persoa que se ilusione ou emocione coas datas, polo que creo que tampouco me afecta tantísimo como para pórme triste.

Que querías ser cando eras pequeno?
Parece ser que corredor.

Dos cinco, cal é para ti o sentido máis importante…?
O tacto.

Cal é o principal trazo do teu carácter?
O ser cariñoso.

Que canción non podes deixar de cantaruxar?
«Pequeña gran revolución» de IZAL.

Con que defectos es máis compresivo?
Coa impaciencia.

Cal é o teu maior atractivo?
As mans.

Cales son as loitas coas que máis te identificas?
A da convivencia entre ciclista e coche na estrada.

Noctámbulo ou madrugador?
Madrugador.

Que che inspira Compostela?
A tranquilidade de saber que estás vivindo no teu fogar.

Queres ollar outros contidos relevantes?

Teo e os Xenerais

150 150 CORALIA

Crónica de FERNANDO FRANJO & Fotografías de FRED IGLESIAS 

Arrincan os desfiles dos Xenerais do Entroido da Ulla nas parroquias do Concello de Teo. As tropas levarán porta por porta atranques e coplas no transcurso desta Festa de Interese Turístico, única manifestación destas características na Europa Occidental.

Din as lecturas da historia e a lenda que o Entroido da Ulla ten a súa orixe nas loitas que hai dous séculos enfrontaban ao pobo e ao invasor. O folclore galego ten moitas máscaras, vestimentas e expresións, e, do mesmo xeito que acontece no triángulo máxico ourensán -cos peliqueiros de Laza, os cigarróns de Verín ou as pantallas de Xinzo-, a singularidade e a orixinalidade son características dos Correos, Xenerais e coros que desfilan polas beiras do Ulla. Durante uns días, as xentes e as súas vilas mudan por completo entre estoupidos de cor que permiten transgredir por uns días as regras do cotián mesturando humor, ironía e historia. É esta unha festa ritual con traxes, máscaras e comportamentos dramatizados que posúe unha personalidade única.

Non se coñecen testemuñas escritas para concretar a xénese dos encontros dos Xenerais. A primeira documentación da que dispoñemos vén da man do ilustre político compostelán Alfredo Vicenti, un apaixonado coñecedor da comarca que en 1875 recolleu nuns artigos baixo o nome «A Orillas del Ulla» e publicados en El Heraldo Gallego, o enfrontamento entre milicias e veciños das parroquias estradenses de Arnois e Oca. O conxuro da memoria, lenda e tradición fai pensar que é nas loitas contra as tropas napoleónicas nas se reflicte a verdadeira orixe da festa, aínda que as batallas contra a francesada, puideron non ser a única causa da recreación dos desfiles, espellos tamén doutros episodios históricos como as guerras carlistas ou a revolución de 1846 que habería de rematar nos campos de Teo coa Batalla de Cacheiras. Sexa cal sexa a súa xénese, o retrato mantense vivo despois de case douscentos anos no imaxinario colectivo como a única manifestación festiva das súas características na Europa Occidental.

«Declarada Festa de Interese Turístico en 2013, a comunidade dos oito concellos que configura a comarca natural da Ulla (www.xeneraisdaulla.com) decideu facer fronte común para difundir e dotar de máis autenticidade e recoñecemento público á festa, afondando, ao tempo, na recuperación e consolidación deste patrimonio inmaterial como un atractivo recoñecido por todos os concellos»

Versos e coplas recollidos na parroquia teense de Cacheiras:

O encontro entre Roosevelt, Hitler e Churchill (1950):
Hitler: «Soy un general alemán, que me enfrento a Inglaterra, y a partir deste momento, yo le declaro la guerra».
Churchill: «Yo como primer ministro, defenderé mi nación y acepto la declaración».
Transición democrática (1983):
«Cando chegou a democracia entrou Adolfo Suárez e xa foi cando empezaron a queimarnos os pinares».
«No País Vasco e Cataluña, cando foi a inundación, para alí correron cartos, carallo, volcouse toda a nación».
Diálogo entre Fraga e Caballero (1990):«Yo soy Manuel Fraga, permitan que me presente, por maioría absoluta fun nombrado presidente».«Coa súa sorna señor Fraga, tivo a esta xente engañada, pero eses refráns galegos, non lle valen para nada».

Cunha escenografía perfectamente coidada e mantida ao longo de xeracións, centos de xinetes vistosamente engalanados con traxes militares, sombreiros e fitas de cor, levan de porta en porta unha tradición consolidada pola necesidade de autoafirmación da estrutura social de casas, aldeas e parroquias. Na Ulla son, de feito, as parroquias as que marcan os límites e as que manteñen viva ano tras ano esa xenerosa rivalidade entre veciños, festeiros e visitantes. Son elas, ao fin e ao cabo, as que loitan da man duns poucos para recoñecer a celebración da parranda. Estas xornadas de diversión nas que non hai nin noites longas, nin días fríos, nin treboadas, comezan dúas semanas antes do Domingo de Entroido. Entón, os camiños e rueiros vense sorprendidos por unha tropa multicolor, á fronte da cal se sitúan os Xenerais, ao lombo de briosos e engalanados cabalos. Coros, bonitos e vellos, músicos e abandeirados chegan precedidos polos Correos ou Lanceiros. Eles son os encargados de pedir en cada porta a entrada do xefe da tropa, que entoará os seus vivas a cambio dunha achega económica, coa que tamén a parroquia poderá manter viva a tradición outro ano máis.

Chegan entón os atranques. É o momento máis esperado pola veciñanza e visitantes, esa solemne loita dialéctica entre dous ou máis Xenerais, que para algúns é herdeira da pugna entre mouros e cristiáns. Homes e mulleres ataviados con luxo que, envoltos na súa indumentaria militar e baixo a cor de sombreiros e gorretas, recollen con solemnidade e respecto a memoria dos enfrontamentos bélicos que a historia pon nas súas mans.

Tal e como di o calendario festivo, cada parroquia ou aldea ten a consideración de nación independente, mais a súa oposición ás demais non significa ruptura de relacións. Isto queda reflectido, por exemplo, no costume de trocar os traxes dos Xenerais ou as bestas, estabelecendo deste xeito lazos interparroquiais de amizade e veciñanza. Porque o Entroido é algo máis que a súa historia. É unha interpretación atractiva da realidade social e unha crónica a cara descuberta. Nunha manifestación de marcada orixe patriarcal, é o novo papel da muller o que precisamente lle achega á festa un dos seus valores máis significativos. Tampouco sería xusto esquecer os factores puramente atávicos, nin o determinante papel que nesta creación colectiva xogan outros actores como os artesáns, as costureiras ou os xastres, e á par deles os escritores de textos populares.

En todos os concellos desta comarca natural (da que forman parte A Estrada, Vedra, Vila de Cruces, Silleda, Boqueixón, Touro, Santiago de Compostela, Padrón e Teo) os versos constitúen un dos seus bens inmateriais máis prezados. É este un elemento que mudou co paso dos anos para deixar de ser reflexo satírico da propia parroquia ou comarca e transformarse en crítica de acontecementos da actualidade nacional ou internacional; esas ‘faíscas de inconformismo e atranques de aldea recollidos polo pobo’ das que fala o profesor Xesús Alonso Montero e que en moitas ocasións foron perdéndose co tempo.

Unha boa mostra desta memoria é a obra da veciña de Teo Edita Cobas, Cantares e desafíos do Entroido, a única recompilación das coplas, cantares e atranques levados aos camiños ao longo de máis de trinta anos. Porque máis alá dalgunhas referencias literarias nas obras de autores como Fermín Bouza Brey, Manuel García Barros ou Manuel Gómez Reboredo, e de pequenos retratos xornalísticos e imaxes sobre as cores da festa, a verdadeira historia deste patrimonio inmaterial da Ulla aínda está por escribir e por recoñecer. Pero este ben cultural está en perigo ao descansar a súa singularidade no equilibrio entre a posta en escena e uns textos que se refuxian e se esquecen de xeito anónimo en follas voandeiras.

«É esta unha festa ritual con traxes, máscaras e comportamentos dramatizados que posúe unha personalidade única»

Desde que está documentado, o Entroido da Ulla vense celebrando sen interrupción, aínda que con algunha excepción puntual. Tras a Guerra Civil, foi retomado inmediatamente despois -tal e como testemuñan as coplas, atranques e cantares-, para levar aos camiños de Teo e ás beiras do Ulla, por boca da veciñanza que se converteu en xograría, unha crónica social que non podía chegar ás rúas urbanas.

Declarada Festa de Interese Turístico en 2013, a comunidade dos oito concellos que configura a comarca natural da Ulla (www.xeneraisdaulla.com) decideu facer fronte común para difundir e dotar de máis autenticidade e recoñecemento público á festa, afondando, ao tempo, na recuperación e consolidación deste patrimonio inmaterial como un atractivo recoñecido por todos os concellos. É importante subliñar tamén que o Entroido da Ulla non se entendería sen o seu compoñente turístico. A Burga, O Xirimbao ou Pontevea, esa ponte que une concellos, provincias e entroidos, dálle á festa unha memoria viva. O paso por riba dos perfís de pedra sobre o Ulla, curtido en mil batallas, é toda unha honra para quen nestas datas alzan as súas espadas e bandeiras con orgullo.

O Entroido, primeira festa popular que se celebra despois da matanza, é un momento de fartura e de abundancia na mesa, a antítese da Coresma, tempo de prohibicións que está por vir. Nestes días, o porco convértese aquí no rei do xantar, con menús nos que abundan o lacón, o cocido, a cacheira, as filloas ou as orellas, pratos de enorme tradición na comarca.

Logo dun ano de espera, os xinetes de Teo xa están preparados para trotar. Correos e Xenerais sairán nas súas bestas o 28 de xaneiro na parroquia de Rarís, dúas semanas antes do Domingo de Entroido, como recollen os almanaques; tamén o farán o 3 e o 4 en Reis, onde a singular figura do Demo será un ano máis parte dos desfiles; o 10 veranse na parroquia de Teo; ese mesmo día e ao día seguinte visitarán Cacheiras; e na véspera do Domingo de Piñata, o día 17, os Xenerais percorrerán a parroquia de Baamonde. Porque como di o xeneral no seu alto: «Viva a festa señores, imos cantar o Entroido!!!».

Contido extraído do número 8.

Queres ollar outros contidos relevantes?

Sara de Sousa

150 150 CORALIA

SOCIEDADE

Como te presentarías en poucas palabras?
Atendendo ás miñas diferentes paixóns, ocupacións e facetas, poderiamos dicir que son Sara de Sousa, cantante de Falua (músicas da lusofonía) e unha das voces do novo traballo de Liridade Noctâmbula; Sara Rodríguez, mestra e investigadora, e Violência Goterres, que é o pseudónimo literario co que se pode procurar a miña páxina de poesía en Facebook.

A que persoa viva admiras?
A moitas, por exemplo a Méndez Ferrín, un dos máis grandes escritores vivos en lingua galega.

Se puideras elixir en que ou quen reencarnarte, quen ou que quererías ser?
Gustaríame ser unha cabareteira dos anos vinte.

Un libro que mereza a pena?
No ventre do silencio de Méndez Ferrín

Podes imaxinar a vida sen internet?
Si, perfectamente; de feito penso que sería mellor.

Onde viaxas para perderte?
A Portugal. Sobre todo a Porto.

Tes algunha manía ou ritual de obrigado cumprimento cada día?
A verdade é que non. Fago cousas distintas cada día, así que nunca sei o que me vai a pasar.

Que querías ser cando eras pequena?
Cantante.

Cal é o teu animal de compañía favorito?
O meu gato, Paco.

A que che gusta dedicar as horas mortas?
A moitas cousas diferentes, a escribir, a debuxar, a facer cancións…

Cal é o principal trazo do teu carácter?
Son inqueda e moi nerviosa.

Algo que antes che gustara e que agora aborrezas?
Son unha persoa moi visceral. O que me gusta, gústame moito e o que non me gusta, non me gusta nada.

E, ao contrario?
Os callos.

Cales son para ti os ingredientes da felicidade?
Vivir nunha cidade como Santiago, na que me sinto cómoda, na que teño a miña familia, os meus amigos, e poder dedicarme ao que me gusta, que é a arte en xeral: a música, escribir, debuxar e todas estas pequenas cousas que me fan feliz.

Que personaxe histórico che produce máis animadversión?
(Logo de rir moito) Os Reis Católicos.

Cal é o teu medo máis recorrente?
Morrer sen deixar unha pegada neste mundo.

Cal é o mellor día da semana?
O venres cando se acaba o traballo e comeza a fin de semana.

Cal é o teu maior éxito?
Poder vivir do que me gusta: a música.

Hai algún don que botes en falta?
Moitísimos! Son terríbel para as matemáticas. Tamén son un pouco desordenada.

Cal é a característica que máis admiras nun home?
Que me faga rir; que sexa unha persoa divertida e que se dedique á arte.

E nunha muller?
Igual.

Como che afecta o Nadal?
Aínda que non son crente, gústame o Nadal para reunirme coa familia.

Na cociña es unha artista facendo… que cousa?
As sobremesas, sobre todo, pero como non podo tomar glute deixei de facelas.

Dos cinco, cal é para ti o sentido máis importante…?
O ouvido.

Que canción non podes deixar de cantaruxar?
Nestes últimos días unha de Luis Eduardo Aute: «Mientras tanto amando».

Con que defectos es máis compresiva?
Cos defectos son, en xeral, comprensiva, porque todos os temos.

Cal é o teu maior atractivo?
A voz.

Cales son as loitas coas que máis te identificas?
A loita pola defensa da arte, pola defensa da música e pola defensa da cultura e a lingua galega.

Noctámbula ou madrugadora?
Pola semana madrugadora e na fin de semana noctámbula.

Que che inspira Compostela?
Moitas cousas: felicidade, amigos, arte, música…

Contido extraído do número 8.

Queres ollar outros contidos relevantes?
Política de privacidade

Se consente a utilización de cookies, continúa navegando ou fai clic nalgún link entenderase que consinte a nosa política de cookies e, por tanto, a instalación das mesmas no seu equipo ou dispositivo.

Se vostede quere, pode cambiar a configuración de cookies en calquera momento, configurando o seu navegador para aceptar, ou non, as cookies que recibe ou para que o navegador o avise cando un servidor queira gardar unha cookie.

Esta web utiliza cookies.
error: Contido protexido