•  981 806 528 & 670 594 685 info@coralia.gal

Galicia

Adrián Mosquera, o home de moda

150 150 CORALIA

Son as cinco da tarde dun dos días de calor máis sufocante de todo o verán. Na praia Xardín ou na de Barraña non hai un metro de area libre e o paseo marítimo de Boiro é un continuo ir e vir de bañistas buscando o frescor dos xeados, as terrazas ou a sombra dos piñeiros. Non semellan as mellores condicións para realizar unha sesión fotográfica co outono como pretexto e un protagonista que nos recibe na porta do seu club afirmando que o seu non é posar.

O caso é que a súa semana de descanso, tras tomar parte no Mundial de Szeged (Hungría), vai chegando ao seu fin e deixar pasar a oportunidade de coñecer máis de preto o campión Mosquera non é unha opción que se poida considerar. Á fin e ao cabo Adrián é, por moitas razóns, o home de moda de Coralia.

«O posto acadado (oitavo en K1-L3) sabe a pouco porque levamos anos traballando para acadar unha praza olímpica, pero as complicacións coa piragua fixérono imposible. Non puiden competir coa que emprego aquí, nin empregar o mesmo modelo nin as mesmas medidas, e iso que xa a tiñamos alugada con dous meses e pico de antelación. Tiven que lidar con ese contratempo e, mentalmente, significou un baixón. Foi un duro golpe e a competición foi mal». Na súa análise do mundial, Adrián é severo e non hai marxe para a indulxencia. Explícase cunha madurez infrecuente en rapaces da súa idade, incluso ao valorar as súas características en relación á categoría na que vén de participar en Szeged: «En K1-L3 compite xente con discapacidade leve. A miña desvantaxe cos demais é que son o que máis discapacidade ten porque a min fáltame a perna por enriba do xeonllo, e a vantaxe, baixo a miña humilde opinión, é que son o que máis habilidades ten para a vida cotiá e para o adestramento». Dito isto, Adrián esboza un sorriso sereno e mirando ao mar fai un anuncio importante: «Os xogos nos que vou estar en plenas condicións físicas e mentais son os de París (2024)».

Apenas ten 23 anos, pero horas e horas de adestramento téñenlle proporcionado mans curtidas e un físico poderoso que facilmente poderían explicar a súa historia de superación e esforzo sen facer falta cruzar unha soa palabra. «Son as ganas que lle poño o que me permite adestrar a gusto e dar o mellor de min en cada serie». Non tardamos en comprender que a salmoira hai tempo que cicatrizou antigas feridas e tamén que na súa traxectoria non hai oco para inseguridades ou para frouxidades. O atropelo que con doce anos o levou a unha cadeira de rodas e a ter que aprender a camiñar de novo, fíxoo procurar novos horizontes. Preguntes a quen lle preguntes sobre as virtudes de Adrián, sempre recibes a mesma resposta: o espírito de superación «traballeino desde pequeno -explica Adrián- e desde logo é a miña vantaxe. O meu positivismo é o que máis me gusta de min».

«Boiro é a miña segunda casa, pero antes fixen remo en Rianxo, o meu fogar de sempre, até que se desfixo o club por falta de xente. Non cheguei ao piragüismo até os dezaseis anos, unha especialidade na que, como acontece co fútbol, convén comezar máis novo. O ideal é principiar cara aos trece para ir dominando a técnica do padexo que, ao final, é o que máis custa. Despois de ver como me ía desenvolvendo nos campionatos e de gañar o de España, en 2017 o meu adestrador e mais eu falamos e decidimos probar sorte coas probas internacionais e procurar a clasificación a nivel dos xogos olímpicos». Clave na súa espectacular progresión é o traballo realizado polo seu técnico, Luis Ourille. «El foi o que me deu a confianza para poder facer todo isto. Teño plena confianza nel tanto na práctica como na técnica, xa que todo o que traballamos até o de agora funcionou. Teño plena confianza en que vai seguir sendo así». Asemade, Adrián ten moi boas palabras para Teresa Portela, referente internacional da súa especialidade, que seguiu moi de preto o seu traballo de preparación de cara aos mundiais: «Ela é o exemplo máis claro que podo ter do que se pode lograr. Non hai outro piragüista ou remeiro en toda España que che dea os consellos que che dá Teresa, que te axude coas técnicas para remar e a maneira de optimizar os exercicios como fai ela».

«Neste deporte ou tes patrocinios ou traballas, por iso eu ando a voltas coas oposicións, porque o piragüismo non dá cartos. Eu é porque teño club, que si non...»

«Gústame moito o automobilismo, no que compito virtualmente, e xogar ao fútbol. De feito, de non ser piragüista querería ser piloto de Fórmula 1»

Como nunha engrenaxe de precisión, as pezas que lle dan forma ao éxito no deporte son moitas e basta encallar nun elemento para que un ano de traballo vaia a pique. De feito, nas semanas anteriores ás competicións Mosquera non fai máis axustes nos seus costumes que adecuar os horarios de adestramento ás horas nas que vai competir «para acostumar o corpo a remar a esas horas. Polo demais, manteño a miña pauta, durmindo entre oito e nove horas, e sigo a dieta marcada polo nutricionista para gañar masa muscular, que inclúe para empezar o día cun café negro, unha tortilla de avea con clara de ovo e froitos secos. Ao mediodía toca proteína e antes de adestrar, creatina, e mentres remo repoño líquidos con bebidas tipo Aquarius. Rematado o adestramento acostumo tomar outra dose de proteína. Comer, como arroz con polo, lentellas, garavanzos e o noso caldo, con todo menos o touciño que ten moita graxa. E a media tarde, acostumo merendar unha lata de atún».

Escoitando a Adrián describir a realidade do seu día a día é doado entender que o fai grande. Na súa disección da realidade do deporte en Galicia, hai moita verdade e cero reproches, que non dan títulos: «Nos deportes minoritarios coma o meu, teste que mover seguido e se non tes cartos non te podes mover nin comprar o necesario para practicar deporte. Nos deportes de equipo aínda zafas, pero nun deporte individual como é o piragüismo teste que mover lonxe: a Andalucía, a Asturias… O que máis cerca está é Verdecido (en Vigo), onde só se celebra unha proba cada ano. Neste deporte ou tes patrocinios ou traballas, por iso eu ando a voltas coas oposicións, porque o piragüismo non dá cartos. Eu é porque teño club, que se non…».

Un bo empurrón para a súa carreira deportiva sería obter a acreditación como deportista de alto nivel, pero dáse o paradoxo de que na súa categoría non hai o número mínimo de participantes de clubs distintos que esixe o regulamento estatal, polo que só poden aspirar a ese status os seis primeiros clasificados a nivel europeo. «Desde o departamento de deportes de Rianxo, que é o que me está axudando con todo o tema dos papeis, xa lle pediron á Xunta o cambio desta norma». Pero, a pesar desta contrariedade, Adrián segue a superar hándicaps e faino coa satisfacción que supón formar parte da selección española. Unha convocatoria da que se amosa moi agradecido e que o impulsa a ir máis lonxe. «Cada vez que cruzo a meta, son os meus pais e o meu irmán os que primeiro me veñen á cabeza. Son a miña base fundamental, os que desde o accidente e na miña reincorporación á vida social me levaron e acompañaron a todas as partes».

No transcurso da tarde quedou en evidencia que Adrián, a auga, a súa pa son verdadeiramente inseparables, que Mosquera é un home tranquilo «niso saíu ao meu pai», ao que só desesperan os aeroportos, que sorrí facilmente e que non precisa de moitas palabras para contar quen ou como é, xa que leva tatuadas na súa pel probas e vitorias suficientes.

Coa posta de sol deixamos ir o campión disposto a espremer as últimas horas de descanso antes de volver ao traballo, porque cun calendario tan apertado, é difícil sacar tempo para gozar das súas outras paixóns: «Gústame moito o automobilismo, no que compito virtualmente, e xogar ao fútbol. De feito, de non ser piragüista querería ser piloto de Fórmula 1».

Non tardará Adrián Mosquera en voar sobre a ría e en lograr o billete para os xogos olímpicos. Non temos a menor dúbida diso. Tampouco as temos da súa fotoxenia. Ás probas nos remitimos.

Así é o noso home de moda. Un campión de longo percorrido.

Queres ollar outros contidos relevantes?

D-due

150 150 CORALIA

Coma un pintor no seu lenzo, Charo Froján e Alfredo Olmedo desenvolven as súas coleccións a través dun proceso creativo e artístico que convida a deixarse levar pola ironía e a poética. As pezas de D-due respiran o aire salgado do mar de Rianxo, no estuario arousán, terra de intelectuais galeguistas como Castelao, Dieste ou Manuel Antonio, onde a firma crea, produce e tamén exporta as súas singulares e exclusivas pezas.

Texto de VALERIA PEREIRAS
Fotografías de JESÚS MADRIÑÁN

Máis de corenta anos de experiencia avalan a tradición téxtil desta firma, tan creativa como persoal, que comezou a súa andaina como empresa familiar nos anos sesenta e que hoxe conta cunha flagship store en Tokio e presenza en numerosos países ao redor do mundo. 

O seu éxito en Xapón non é casualidade. Unha acusada personalidade que gusta do tradicional, combinada cunha aposta decidida polo deseño e as Belas Artes, na que os patróns son fundamentais para armar e coser pezas únicas, feitas a man e próximas a conceptos moi plásticos, resultan moi atractivas no país nipón, berce de deseñadores que comparten estes mesmos canons, como Rei Kawakubo, Yohji Yamamoto ou Issey Miyake.   

D-due comezou como un pequeno taller de modista de alta calidade, e continúa a estar radicada nas instalacións orixinais. A infraestrutura ampliaríase nos anos noventa coa construción dun novo espazo de traballo, o estudo de deseño que daría lugar á marca, completado en 2010 con D-due LAB, un espazo de investigación que fai dela un proxecto de modo de vida máis que unha mera etiqueta de moda, co deseño como motor de innovación e competitividade.

O equipo de confección e deseño de patróns que forman Froján e Olmedo, xunto cun grupo de deseñadores novos, reinterpreta cada colección de maneira meticulosa, prestando unha atención minuciosa a cada detalle. O resultado deste proxecto singular son pezas exclusivas, que definen un estilo de vida en consonancia coa identidade da firma, cos rituais que definen a proximidade ao mar e á natureza nunha relación máxica que lles serve de inspiración nas súas creacións.

Ese é o caso de D-due in Blue, básicos cun toque moderno que se presentan cada tempada en azul atlántico: unha cor tan profunda como a do océano que rompe contra as nosas costas e vai moldeando as rías. As tradicionais Festas do Carme, que cada 16 de xullo celebran decenas de concellos do litoral galego na honra da virxe protectora dos mariñeiros, é o leitmotiv da colección primavera verán 2019 da firma: Welcome to the Summer. A través de catro partes nas que se divide este día festivo –Misa, Procesión, Romería e Verbena–, D-due reinventa as distintas vestimentas acordes a cada momento nun look book que mestura os deseños actuais con fotos antigas. Tamén vincula a identidade da firma cos distintos rituais e costumes asociados a esta festividade relixiosa e pagá que tan ben define Galicia.

A vila que inspirou a canción A rianxeira, inspira tamén esta colección. Os valores, as orixes e as esencias que definen a súa xente están á marxe das modas, e D-due soubo captalas e trasladalas ao deseño cunha colección que sitúa Galicia no centro e que combina arte e estilo con tradición e identidade.

Contido extraído do núm. 12

Queres ollar outros contidos relevantes?

Manuel de Gotor

150 150 CORALIA

Manuel De Gotor, visionario creador que apostou por cambiar o xeito de entender a roupa interior dos homes hai xa tres décadas, invítanos a reflexionar sobre a evolución do ideal de beleza masculino, a través das súas pezas máis icónicas. A súa reinvención dos bóxer ou os slips, para realzar a figura masculina, representou unha auténtica revolución na lenzaría a eles destinada, que hoxe, máis que nunca, é (tamén) cousa de homes.

Manuel de Gotor

A estética é volúbel e o habitual é que o que antes se consideraba fermoso agora xa non é e viceversa.

Texto de VALERIA PEREIRAS
Fotografías de ENRIQUE MORENO ESQUIBEL, CARLOS BUENO, JUAN CARLOS VEGA, VÍCTOR CUCART e JOAN CRISOL

Non o fixo na mesma medida que a feminina, pero a evolución da beleza masculina tamén ten sufrido importantes modificacións nas últimas décadas. Sempre existiron canons de beleza, con todo tipo de corpos e volumes como protagonistas. O que no pasado foi tendencia agora parécenos demodé ou mesmo absurdo, pois a estética é volúbel e o habitual é que o que antes se consideraba fermoso agora xa non é e viceversa.

O vintage ou o revival de certas tendencias estéticas rebaten isto. É certo. Mais é innegábel que, con matices, no caso dos homes se ten producido unha auténtica revolución no que a beleza se refire. Pode argumentarse en contra que os corpos torneados e musculosos ou as barbas poboadas, tan de moda na actualidade, xa o foron tamén na Antigüidade, pero non é menos certo que hoxe en día os coidados que se dedican moitos homes non teñen nada que ver con aquela época.

O da beleza masculina é un sector que cada vez está a cobrar máis importancia. A publicidade incita os homes a empregar produtos como cremas, tinguiduras ou mesmo a facer a manicura o que ten derivado nun cambio estético innegábel. Así, se na década dos 60 non existían máis modelos que os galáns de cine -especialmente do western-, nos 90 asistimos a un salto cualitativo na moda masculina coa chegada dos anuncios e as pasarelas e o que se deu en coñecer como «metrosexuais»: homes definidos, sen pelo en peito e ‘sorriso Profidén’.

Co paso dos anos, este prototipo de beleza mantívose pero ampliouse, dando cabida a outros máis espontáneos e menos artificiais e musculosos; homes con outro tipo de encantos como o toque sedutor, o estilo lánguido ou ultraskinny e no que tamén aparece a androxinia, esvaéndose as liñas de xénero.

E chegamos así á actualidade, na que as redes sociais cos seus likes, seguidores e comentarios miden que é o que se leva ou non e constitúen o barómetro que marca o éxito ou fracaso dun determinado estilo ou dunha marca. Neste escenario dixital, os influencers destacan nun mercado da moda que foi rebaixando a importancia do físico para dar entrada a múltiples factores, que agora entran en xogo e que inclúen pautas variables e de difícil predición.

A roupa interior masculina atravesou un proceso similar. Desde o taparrabos pasando polo mameluco de flanela até os diminutos bóxers de lycra que se empregan hoxe, os homes teñen experimentado diferentes cambios no seu fondo de armario máis íntimo, até converterse nun accesorio básico da moda masculina. Dun uso basicamente protector contra a irritación da pel até converterse en instrumento de sedución, tense asistido a unha evolución da roupa interior de home que facilitou a aparición da lenzaría fina e novos modelos con distintos tecidos (encaixe, tule, lycra…).

Esta evolución traduciuse en conxuntos que combinan elegancia e suavidade con sensualidade. Moitos creadores deseguido comprenderon a relación deste tipo de lenzaría coa estética, o corpo e a beleza e enfocaron as súas pezas cara un home actual, que se coida, sensíbel e ao que lle gusta amosar os seus atributos de maneira sexy sen abandonar a comodidade que debe primar neste tipo de pezas.

No panorama español o creador máis destacado é o deseñador bilbaíno Manuel De Gotor (1964) que leva xa trinta anos presentando as súas exclusivas coleccións en pasarelas tan importantes como Cibeles, Milán ou París cunha grande acollida por parte da crítica especializada. Afincado en Madrid desde 1990, De Gotor comezou no mundo da moda nos anos 80. Tras formarse na escola de deseño Goymar da capital do Estado, regresa a Bilbao para abrir a súa primeira tenda. En 1989 debuta cunha colección de lenzaría masculina dentro do Festival de Moda de San Sebastián. Desde esa iniciática Todo tuyo (verán 1990) -a primeira colección deste tipo realizada en España e segunda en Europa-, que significou o seu despegue definitivo como creador de moda, até Monumental Cities (verán 2019) o seu mundo masculino foise ampliando pasando da lenzaría ás coleccións de baño e complementos tamén para home.

Ao longo destas tres décadas Manuel De Gotor ten conquistado as pasarelas nacionais e internacionais converténdose nun referente da moda íntima masculina. Traxes de baño, toallas, slips, bóxers, camisetas, pixamas e monos ou batas son algunhas das pezas incluídas en coleccións con nomes tan suxestivos como Renacimiento, Fuego eterno, Corazón de hielo ou Marajás, entre outras moitas, todas co obxectivo de os homes se sintan guapos por fóra mais tamén no seu aspecto máis privado e persoal.

Comisario e produtor de importantes exposicións de grandes artistas, representacións teatrais e eventos, como a homenaxe que dirixiu en 2011 ao mestre Cristóbal Balenciaga, De Gotor concibe a moda como «arte». Galardoado con prestixiosos premios, como The best of fashion (1998) xunto a firmas tan coñecidas como Loewe ou Cristhian Lacroix, algunhas das súas creacións téñense convertido tamén en pezas de museo e obxecto de exposición, como La otra piel, 25 años de Manuel De Gotor pasando por lugares tan emblemáticos como o Pedralbes Centre de Barcelona ou o Axel Hotel de Madrid; unha conmemoración que pechou coa edición dun libro no que se repasa a súa traxectoria no mundo da moda.

Neste trinta aniversario, Manuel De Gotor prepara novos proxectos que inclúe en 2019 unha xira de desfiles conmemorativos daquel primeiro de lenzaría masculina co que se deu a coñecer a finais dos 80 e a través dos cales poderemos coñecer a evolución deste sector en auxe, que De Gotor impulsou en España e que o ten levado ao máis alto do panorama internacional da moda íntima para homes.

Queres ollar outros contidos relevantes?

Boina Galega

150 150 CORALIA

Texto de IGNACIO REPÁREZ & Fotografías de ALFREDO IGLESIAS

Sandra Vilas crea «téxtiles con alma que estimulan os sentidos». Quere dicir que crea pezas que dialogan. Desas que falan con nós e cos demais, porque, dalgún xeito, adquiren vida cando as vestimos e as lucimos. Son pezas que adoitan comportarse como seres animados, acariciando as nosas apetencias, sustentando a nosa personalidade, deseñando a nosa imaxe, regalándonos os ollos e o espírito. Pezas que nos falan a nós e ao tempo falan de nós, contando que(n) somos, de onde vimos, que é o que nos gusta e de que nos gabamos. Das que nos distinguen mostrando diante de quen nos rodean a nosa orixe, as nosas crenzas, o noso estilo de vida. O que somos e o que queremos ser.

boina galega

A artesá compostelá Sandra Vilas é a alma máter de Boina Galega, firma dedicada desde o ano 2016 á fabricación de boinas e complementos que, nas súas propias verbas, «fusionan tradición e vangarda». Logo non é estraño que desenvolva o seu proxecto en Compostela, unha das poucas cidades do mundo que, sendo das máis antigas, tamén é das máis novas. Que outro lugar do planeta coñecen que poida levar miles de anos presumindo ininterrompidamente de modernidade, como fai a capital de Galicia?

Vestir boina, dalgunha maneira, tamén é presumir de modernidade, dese vangardismo que se fundamenta no ancestral, na tradición, no clásico. Contan os tratados de arqueoloxía que xa se vestían boinas na Creta da civilización minoica, e non hai máis que botar unha ollada ás rúas máis frecuentadas das cidades máis universais do planeta para constatar que a boina, en calquera das súas versións, segue a ser hoxe, entrado o século XXI, un clásico de calquera vestiario.

É certo que a boina é universal, pero tamén o é que é a peza máis recoñecíbel de Galicia. E da galeguidade. Un sombreiro de aldea, si, dirán algúns. Pero de orgullosa aldea global. Precisamente hai quen di que Santiago é unha aldea. Seica coñecen no mundo un lugar máis global e cosmopolita que este? Algunha vila onde a boina teña máis sentido que nestas rúas milenarias?

É certo que a boina é universal, pero tamén o é que é a peza máis recoñecíbel de Galicia. E da galeguidade. Un sombreiro de aldea, si, dirán algúns. Pero de orgullosa aldea global.

Rembrandt retratábase con ela. Picasso lucíaa nas fotos que se deixaba tomar nese París existencialista do primeiro terzo do século XX, no que as mulleres a tomaron como referencia e símbolo dun estilo de vida que en Galicia xa tiña manifestacións intelectuais abondo. Porque aquí a boina tamén era a imaxe do país desde moitos séculos antes. Ergo, a imaxe dos seus paisanos.

Vexan os deseños de Castelao para Os dous de sempre. Non atoparán nin un só debuxo no que o idealista Rañolas e o Pedriño o conformista, as dúas representacións desa maneira galega de manexarse pola vida que só se entenden conxuntamente, aparezan tocados sen as súas respectivas boinas. Dez anos despois de que Castelao morrera no exilio tras publicar Os dous de sempre, unha foto de Alberto Korda, Guerilleiro heroico, convertería a boina en símbolo revolucionario da mesma loita pola xustiza no mundo que el sementou en Galicia.

Os deseños de Sandra para Boina Galega teñen por condición estar feitos de materiais naturais, producidos con métodos respectuosos co medio. Outro sinal de galeguidade nun país que ten conformada a súa historia, a súa lingua e o seu carácter arredor da convivencia ancestral co medio e a natureza. Especialmente, Sandra emprega la de ovella meiriña da mellor calidade, pero tamén seda, algodón, liño… En moitas desas elaboracións, a artista usa tinguidos naturais sen químicos agresivos a partir de plantas e froitas, como aguacates ou estrugas.

Unha foto de Alberto Korda, Guerilleiro heroico, convertería a boina en símbolo revolucionario da mesma loita pola xustiza no mundo que el sementou en Galicia.

boina galega

Velaí uns exemplos dos modelos que produce: a boina Nuno vermella, feita de organdí de seda e la meiriña feltradas coa técnica Nuno, que fusiona ambas as fibras nun só tecido, e engalanada con broche de bolas de meiriño. A boina Chispas Shibori gris e amarela, feita con la meiriña natural gris con inclusións de algodón amarelo con ondas shibori. Ou a boina Cortiza gris, de la meiriña superfina con cortes.

Atrévanse. Descubran a Boina Galega. Descubran as creacións con alma de Sandra Vilas e descúbranse fronte a elas. Transiten pola escaleira da galeguidade e deixen que a Boina Galega os sorprenda, deixen que lles fale xusto na metade do camiño, desde ese chanzo no que conflúen o ancestral e o moderno, a aldea e a cidade, Galicia e o mundo, o campo e as estrelas.

Queres ollar outros contidos relevantes?

A fosa de Vilarraso

150 150 CORALIA

Reportaxe de LAURA. R. CUBA I Fotografías de ROBERTO MOURIZ

Entullo, tellas, restos de nichos, terra. Todo isto colle na primeira capa, superficial, dun cadrado de terreno cabo dunha igrexa. Aprofundando un pouco máis, comezan a aparecer os corpos.

Os restos mortais de vinte e unha persoas xacen nunha fosa común da parroquia de Vilarraso, no concello coruñés de Aranga. Moitas delas aínda conservan o proxectil que as asasinou incrustado nos ósos do cranio. É un día de verán e chove. A equipa da ARDF (Asociación pola Recuperación dos Desaparecidos no Franquismo) culmina con este achado sete anos de investigacións e esforzos en común.

O proxecto remóntase a 2011, cando a asociación retomou traballo xa feito coas familias e investigou as fosas de Vilarraso e Fervenzas, ambas parroquias de Aranga. Despois da primeira fase de documentación, a entidade chegou a un acordo coa Deputación da Coruña para facer unha exhumación. Finalmente, ningunha axuda chegou a porto. Porfiada, a xente de ARDF non desistiu e decidiu continuar cun fondo de doazóns e con diñeiro do propio peto. A campaña de crowdfunding, o sitio web e mesmo a páxina de Facebook sufriron hackeos que bloquearon o financiamento e tiveron que ser denunciados perante a Garda Civil. Non obstante, continuaron. A forza motriz que tiraba deles ten nome e apelidos.

A campaña de crowdfunding, o sitio web e mesmo a páxina de Facebook sufriron hackeos que bloquearon o financiamento e tiveron que ser denunciados perante a Garda Civil. Non obstante, continuaron. A forza motriz que tiraba deles ten nome e apelidos.

ZAPATOS DE MULLER E UNHA DENTADURA

Mercedes Romero era mestra e desapareceu. A súa filla, Marisa Mazariego, forma parte do colectivo de familias que son, ao tempo, vítimas e principal motivación do proxecto. O seu irmán finou durante o último ano e, canda el, numerosas testemuñas directas deste xenocidio van ficando sen voz ou sen forza para reivindicaren unha memoria digna. É por iso que a ARDF pulou con urxencia contra os obstáculos e logrou artellar unha equipa de até 40 profesionais para poder desenterrar os corpos.

A escavación comezou o 2 de xullo e acabou o 28 do mesmo mes. Máis de tres semanas nas que extraer a man todo o entullo, delimitar as fosas, sacar os restos mortais e limpar o lugar. «Unha vez sacamos os cascotes foi todo moi sinxelo», conta Santiago Carcas, presidente da ARDF, quen destaca a colaboración do persoal técnico e voluntariado e a boa disposición do arcebispado, das autoridades locais e da propia veciñanza.

A estimación inicial cifraba en 37 as vítimas que descansaban en Vilarraso. Porén, os desfeitos desa primeira capa indican un intento de facer desaparecer estes restos do exterminio. «Parece que a fosa foi aberta entre 1945 e 1950 para, con case toda a seguridade, tentar facela desaparecer», di. Na altura terían logrado levar os 16 corpos que se atopaban na primeira base e encheron o oco de terra con despeces, deixando 21 restos mortais atrás que hoxe ven a luz.

Entre os elementos recollidos nas escavacións, un dos restos tiña unha dentadura e uns zapatos de muller. «Aínda a falta de probas de ADN, é claro que estamos fronte aos restos de Mercedes, a mestra», engade o profesional. O estudo antropolóxico, que pretende ser realizado pola asociación nun laboratorio galego, analizará o material xenético e confirmará as sospeitas do grupo de arqueólogas, chegando a cuestións máis definitivas.

Cos ósos ao aire, a equipa arqueolóxica puido comprobar in situ que a meirande parte das vítimas foran torturadas e asasinadas cun tiro na caluga. Oitenta anos despois, os traumatismos e os golpes poden ser lidos nos restos. «Nós non só sacamos ósos, nós recuperamos crimes», mantén Carcas. A Garda Civil acode a cada fosa, que é posta en coñecemento do xuíz de garda, quen arquiva a causa. Ademais, a documentación gráfica do procedemento, os obxectos asociados e a información científica é presentada ante Nacións Unidas, institución que xa ten denominado o acontecido como «crimes de lesa humanidade». Crimes de odio que levaron por diante alcaldes, sindicalistas, mestras e operarios.

«Nós non só sacamos ósos, nós recuperamos crimes».

DESENTERRAR A VERDADE

Contra a oposición ás exhumacións, na ARDF son claros. «Hai un segmento da sociedade española que está tentando agochalo porque foron os seus pais e avós os que botaron mortos nas cunetas, os mesmos que nós estamos recuperando. Se fosen demócratas, non terían ningún medo á verdade», sentencia Carcas. A verdade non entendida como unha versión, «a palabra duns contra a doutros», senón como a difusión do que aconteceu, con datos contrastados e informacións rigorosas.

Para a tarefa de concienciación da sociedade, familias e asociacións sinalan que cómpre o compromiso público, desde a Administración estatal, pasando polas Deputacións até os Concellos. Do mesmo xeito que as persoas que viviron o conflito están a desaparecer, outra recua de persoas novas chegan ao mundo, cegas a este pasado, que é omitido nas escolas, institutos e universidades.

«Non se estuda ben e, dese xeito, cando se revelan os segredos, a mocidade de agora non fará nada porque os seus pais e avós, que seremos nós, xa teremos falecido e non haberá ninguén interesado en facer nada», detalla. Botar luz e non terra sobre as fosas é clave para non volver repetir erros do pasado e devolver a dignidade á memoria das vítimas. «Nós estamos a recoller probas dese xenocidio, e mentres se continúen a agochar estes crimes vai haber xente ignorante que pense o contrario», afirma Carcas.

A Historia sempre é reescrita polos que a recuperan. Unha gran Historia que é formada por pequenas historias como a de Mercedes Romero ou como a de José González Ledo, tamén enterrado en Vilarrraso. Traballador na editorial Espasa-Calpe, Ledo foi acusado na altura de ser homosexual e comunista. Non tardaron nin un mes en prendelo e paseárono tan só unha semana despois. Tiña 26 anos.

«A ollada dos voluntarios está posta xa no vindeiro ano, cando a asociación volverá para traballar nas fosas de Fervenzas ou de Santa Mariña, en Guitiriz, onde tamén agardan outras mestras e outros mozos. ‘Galicia está chea de fosas comúns’, manifesta o presidente da ARDF».

LAMA, SANGUE E BÁGOAS NOS SULCOS

Fronte aos signos da barbarie pasada, a ARDF finca os pés –e as mans– na terra. «Téñennos enfronte, aos demócratas e aos que mantemos a memoria viva polas vítimas do franquismo, imos deixar a alma e o espírito incompleto», declara Santiago Carcas. A ollada dos voluntarios está posta xa no vindeiro ano, cando a asociación volverá para traballar nas fosas de Fervenzas ou de Santa Mariña, en Guitiriz, onde tamén agardan outras mestras e outros mozos. «Galicia está chea de fosas comúns», manifesta o presidente da ARDF.

Nestas outras fosas, a comunidade mantén acesa a chama da memoria. «Recuperar foi un proceso lento porque tivemos que liberarnos dun medo, dunha lousa que había enriba», explica Alfonso Blanco sobre as investigacións. Este crego chegou a Santa Mariña en 1982 e leva anos a colaborar con numerosas iniciativas dentro da parroquia para dar a coñecer a fosa localizada dentro do cemiterio. As persoas están alí soterradas desde hai décadas, cando a propia Garda Civil indicaba á veciñanza que se encargasen de dar sepultura ás mortas abandonadas nas cunetas. Como párroco, Blanco non desliga o seu deber comunitario delas. «Para min xa son veciños, porque están nese lugar tan importante das nosas comunidades como son os cemiterios, os agros ao pé da igrexa… Están aí sempre, escoitando a música cando hai festa, as nosas bágoas cando enterramos un parente…», relata.

Segundo o sacerdote, a procura da xustiza e da restauración da dignidade para estas vítimas é indivisíbel do recoñecemento da súa identidade e da súa historia. «É un deber da xustiza, porque a ollos de Deus, todas as historias desas persoas merecen saír á luz, porque ademais eran homes e mulleres mártires de gran dignidade que deron a vida pola liberdade e a paz», defende o crego. Perante a gravidade destas mortes, o esquecemento é igual de grave.

En 1937, máis de oito décadas antes de que un arqueólogo voluntario e un cura digan estas palabras, Luís Pimentel albiscaba, tan só un ano despois do estoupido da Guerra Civil, o inicio do desastre e escribía en Lugo: «¡Os milleiros de horas, de séculos, / que fixeron falla / para faguer un home! / Teñen que se encher aínda / as cunetas / con sangue de mestres ou de obreiros. / Lama, sangue e bágoas nos sulcos / son semente. / Ti sabes que todos os días / hai un home morto na cuneta, / que ninguén coñece aínda.»

«Para min xa son veciños, porque están nese lugar tan importante das nosas comunidades como son os cemiterios, os agros ao pé da igrexa… Están aí sempre, escoitando a música cando hai festa, as nosas bágoas cando enterramos un parente…».

«É un deber da xustiza, porque a ollos de Deus, todas as historias desas persoas merecen saír á luz, porque ademais eran homes e mulleres mártires de gran dignidade que deron a vida pola liberdade e a paz».

Reportaxe extraída do número 10.

Queres ollar outros contidos relevantes?

Carla Lopez

150 150 CORALIA

MODA REDACCIÓN

Será en 2014 cando, logo de dous anos de investigación, a pontesa Carla López e a ferrolá Emilia Arzúa lancen oficialmente a súa primeira colección de bolsos —á que hai que engadir no último ano unha primeira colección de aneis—.

Unha mesma concepción da moda, así como a súa capacidade transformadora para facer que a xente conecte cos seus sentidos e emocións máis profundas, impulsou, desde os seus primeiros momentos, o proceso creativo. Esa provocación deliberada é precisamente a que levou a CARLA LOPEZ a facerse un oco dentro do panorama da moda.

Cada peza CARLA LOPEZ xorde do encontro entre a arte, o luxo e a tradición artesanal. Son, de feito, pezas enfocadas ao coleccionismo, grazas á alta calidade dos seus materiais, a súa simplicidade e ao carácter intemporal dos seus deseños. Neste universo, cargado de ironía e simbolismo, van ser a procura do contraste e a creación de texturas as ferramentas que identifiquen a marca e que dean forma a pezas tan provocadoras como sorprendentes, impregnadas pola influencia de disciplinas tan dispares como o Surrealismo ou a decoración. CARLA LOPEZ é de colección.

Cada peza CARLA LOPEZ xorde do encontro entre a arte, o luxo e a tradición artesanal. Son, de feito, pezas enfocadas ao coleccionismo, grazas á alta calidade dos seus materiais, a súa simplicidade e ao carácter intemporal dos seus deseños.

Queres ollar outros contidos relevantes?

Mateo martínez

150 150 CORALIA

SOCIEDADE

Como te presentarías en poucas palabras?
A miña adolescencia estivo chea de deporte, así que non foi difícil atopar na fisioterapia a miña vocación. Tras formarme nesta disciplina e como instrutor de pilates, e logo de varios anos adquirindo experiencia, decidín montar unha clínica que innovase nesas dúas materias para apoiar e axudar a quen o puidese precisar. Sigo, iso si, sendo un apaixonado do deporte, e, agás fútbol, practícoos case todos. En especial, ciclismo. O certo é que son un namorado do meu traballo e da vida que levo.

A que persoa viva admiras?
Os meus pais, Tino e Fina. O meu pai é para min o exemplo perfecto dunha persoa que se reinventou desde a nada; a viva imaxe dun loitador. A miña nai admíroa por ser o exemplo perfecto do amor puro.

Se puideras elixir en que ou quen reencarnarte, quen ou que quererías ser?
Guitarrista dun grupo de rock dos 60.

Un libro que mereza a pena?
La tregua de Mario Benedetti.

Na cociña es un artista facendo que cousa?
Din que o shushi.

Podes imaxinar a vida sen internet?
Pódoa imaxinar. Sería un chisco máis aburrida e un pouquiño máis difícil, pero si que a podo imaxinar.

Onde viaxas para perderte?
A un pequeno lugar dos Pireneos franceses que se chama Luz-Saint-Sauveur. A miña bici e mais eu.

Cal é o teu animal de compañía favorito?
Seis, o pastor alemán que tiñamos na casa.

A que che gusta dedicar as horas mortas?
Teño a sorte de poder facer todo o que me apetece e, xestionando agora mesmo as horas mortas, adícoas a facer Legos.

Algo que antes che gustara e que agora aborrezas?
Telecinco.

E, ao contrario?
O puré de verduras.

Contido extraído do número 9.

Cales son para ti os ingredientes da felicidade?
Sen dúbida, a saúde; a miña e a da miña familia. Despois, poder dedicarme a algo que me gusta, que me apaixona e que me fai traballar con ganas todos os días.

Que personaxe histórico che produce máis animadversión?
Franco.

Cal é o teu medo máis recorrente?
O medo real non o quero contar para que non o coñezan os afectados, pero a súa consecuencia sería envellecer e morrer só.

Cal é o mellor día da semana?
O sábado.

Cal é o teu maior éxito?
A clínica e o cariño que a xente nos amosa co que facemos.

Hai algún don que botes en falta?
A memoria visual.

Cal é a característica que máis admiras nun home?
A empatía pola dor.

E nunha muller?
O mesmo.

Tes algunha manía ou ritual de obrigado cumprimento cada día?
Dúchome con auga moi quente nada máis espertar e tamén antes de deitarme.

Como che afecta o Nadal?
Nin fu nin fa. Nin frío nin calor. Non son unha persoa que se ilusione ou emocione coas datas, polo que creo que tampouco me afecta tantísimo como para pórme triste.

Que querías ser cando eras pequeno?
Parece ser que corredor.

Dos cinco, cal é para ti o sentido máis importante…?
O tacto.

Cal é o principal trazo do teu carácter?
O ser cariñoso.

Que canción non podes deixar de cantaruxar?
«Pequeña gran revolución» de IZAL.

Con que defectos es máis compresivo?
Coa impaciencia.

Cal é o teu maior atractivo?
As mans.

Cales son as loitas coas que máis te identificas?
A da convivencia entre ciclista e coche na estrada.

Noctámbulo ou madrugador?
Madrugador.

Que che inspira Compostela?
A tranquilidade de saber que estás vivindo no teu fogar.

Queres ollar outros contidos relevantes?

Sara de Sousa

150 150 CORALIA

SOCIEDADE

Como te presentarías en poucas palabras?
Atendendo ás miñas diferentes paixóns, ocupacións e facetas, poderiamos dicir que son Sara de Sousa, cantante de Falua (músicas da lusofonía) e unha das voces do novo traballo de Liridade Noctâmbula; Sara Rodríguez, mestra e investigadora, e Violência Goterres, que é o pseudónimo literario co que se pode procurar a miña páxina de poesía en Facebook.

A que persoa viva admiras?
A moitas, por exemplo a Méndez Ferrín, un dos máis grandes escritores vivos en lingua galega.

Se puideras elixir en que ou quen reencarnarte, quen ou que quererías ser?
Gustaríame ser unha cabareteira dos anos vinte.

Un libro que mereza a pena?
No ventre do silencio de Méndez Ferrín

Podes imaxinar a vida sen internet?
Si, perfectamente; de feito penso que sería mellor.

Onde viaxas para perderte?
A Portugal. Sobre todo a Porto.

Tes algunha manía ou ritual de obrigado cumprimento cada día?
A verdade é que non. Fago cousas distintas cada día, así que nunca sei o que me vai a pasar.

Que querías ser cando eras pequena?
Cantante.

Cal é o teu animal de compañía favorito?
O meu gato, Paco.

A que che gusta dedicar as horas mortas?
A moitas cousas diferentes, a escribir, a debuxar, a facer cancións…

Cal é o principal trazo do teu carácter?
Son inqueda e moi nerviosa.

Algo que antes che gustara e que agora aborrezas?
Son unha persoa moi visceral. O que me gusta, gústame moito e o que non me gusta, non me gusta nada.

E, ao contrario?
Os callos.

Cales son para ti os ingredientes da felicidade?
Vivir nunha cidade como Santiago, na que me sinto cómoda, na que teño a miña familia, os meus amigos, e poder dedicarme ao que me gusta, que é a arte en xeral: a música, escribir, debuxar e todas estas pequenas cousas que me fan feliz.

Que personaxe histórico che produce máis animadversión?
(Logo de rir moito) Os Reis Católicos.

Cal é o teu medo máis recorrente?
Morrer sen deixar unha pegada neste mundo.

Cal é o mellor día da semana?
O venres cando se acaba o traballo e comeza a fin de semana.

Cal é o teu maior éxito?
Poder vivir do que me gusta: a música.

Hai algún don que botes en falta?
Moitísimos! Son terríbel para as matemáticas. Tamén son un pouco desordenada.

Cal é a característica que máis admiras nun home?
Que me faga rir; que sexa unha persoa divertida e que se dedique á arte.

E nunha muller?
Igual.

Como che afecta o Nadal?
Aínda que non son crente, gústame o Nadal para reunirme coa familia.

Na cociña es unha artista facendo… que cousa?
As sobremesas, sobre todo, pero como non podo tomar glute deixei de facelas.

Dos cinco, cal é para ti o sentido máis importante…?
O ouvido.

Que canción non podes deixar de cantaruxar?
Nestes últimos días unha de Luis Eduardo Aute: «Mientras tanto amando».

Con que defectos es máis compresiva?
Cos defectos son, en xeral, comprensiva, porque todos os temos.

Cal é o teu maior atractivo?
A voz.

Cales son as loitas coas que máis te identificas?
A loita pola defensa da arte, pola defensa da música e pola defensa da cultura e a lingua galega.

Noctámbula ou madrugadora?
Pola semana madrugadora e na fin de semana noctámbula.

Que che inspira Compostela?
Moitas cousas: felicidade, amigos, arte, música…

Contido extraído do número 8.

Queres ollar outros contidos relevantes?

Diana Nogueira

150 150 CORALIA

SOCIEDADE

Tiña apenas 17 anos cando iniciou a súa andaina profesional no concurso máis famoso da Televisión de Galicia. Aquela moza de Vigo só precisou un sorriso para namorar á cámara, pero foi a base de seriedade e constancia como se fixo un nome dentro do audiovisual galego. Tras varias tempadas no prime time, quixo arredarse dos platós para principiar unha nova etapa dedicándose ao que estudara (anatomía patolóxica). E, a xeito de despedida da moda e da televisión, aceptou presentarse ao certame Miss Galicia de 1999, un concurso que terminaría por gañar. Ese éxito tamén a acompañaría a nivel estatal e mundial, chegando a converterse na segunda dama de honra de Miss Universo, un recoñecemento que lle abriu as portas da moda a nivel internacional e lle deu a oportunidade de estudar interpretación en Madrid e facer da súa gran paixón a súa profesión.

Presentadora experimentada e actriz de sona, dentro e fóra de Galicia, Diana Nogueira é a fermosísima protagonista do noso editorial de moda.

Ritual diario imprescindíbel?
Erguerse de bo humor e lavar a cara con auga fría antes de almorzar.

Cal é o valor da beleza?
Se falamos das persoas, a beleza exterior é un don que non vale para nada se non a hai interior.

Un segredo para ter o corazón contento?
A xenerosidade.

Recuncho favorito de Compostela?
Calquera da Alameda.

Unha persoa imprescindíbel?
O meu fillo.

Onde está o teu escenario favorito?
En Galicia.

Un adxectivo que che defina?
Escoller un só é imposíbel!

Actriz ou actor de referencia?
Meryl Streep.

Madrid ou Vigo?
Vigo.

Cal é o traballo do que máis satisfeita te sentes ata agora?
Da miña personaxe da tía Deli en Libro de Familia.

Unha meta?
Enfrontar novos retos como actriz.

Contido extraído do número 4.

Queres ollar outros contidos relevantes?

Falua

150 150 CORALIA

É TENDENCIA

FALUA

Música de preto

A meirande parte das formacións musicais soñan con encher estadios e grandes coliseos, e son moi poucas as que elixen acariñar o corazón a curta distancia e a media luz. Falua pertence a esta categoría, a da música en estado puro, unha música que traspasa fronteiras e épocas.

Sara de Sousa e Gom de Abadim, voz e guitarra de Falua, están a renovar a sonoridade da música galega, portuguesa e mesmo brasileira, aportándolle a temas de sempre unha nova identidade. Son ambos os dous músicos de longo percorrido e, antes de formar dúo, Sara foi solista de Fado Maior, Sara de Sousa Trío e Bolero en Clave de Son, e Gom, guitarrista de A Quenlla, A Banda das Crechas, Davide Salvado e Brath. Os d’Baixo e Tis-che-tein son as súas outras formacións.

Falua ven de editar o seu primeiro álbum homónimo, un percorrido sentimental polas cancións de ambos os dous lados da raia, e por emocións e sentimentos universais. Sara e Gom, mestres de formación e músicos de vocación, recoñécense nas palabras do cantautor arxentino León Gieco: «a música é unha cousa ampla, sen límites, sen fronteiras, sen bandeiras», e aínda que consideran que a música é unha linguaxe universal, ao permitir a todas as persoas comunicarse a través dela, sinten que son os estilos e peculiaridades de cada lugar os que en verdade a enriquecen e lle dan carácter.

«Para un artista o mellor regalo é ver que a xente se emociona coa túa música; guitarra e voz son a mestura perfecta cando se quere namorar»

Contido extraído do número 1.

A autoedición garantízalle a Falua liberdade absoluta nos arranxos, na proposta estética e na selección dos temas –incluso para renovar a listaxe de cancións de cando en vez–. É en directo cando o repertorio do dúo se multiplica, e cando a suma de voz e guitarra crea momentos de maxia e verdadeira comunicación co público. «É moi cómodo –apunta Gom–, e as veces tamén é agradábel para o tímpano. Non fan falla tantos timbres diferentes para obter gozo musical. Ás veces a xente agradece escoitar unha música máis tranquila, ter unha horiña de calma. É unha combinación cálida, cercana. Algo sinxelo, agarimoso, que a xente agradece entre tanta estridencia e tanto efectismo. É como unha ventaniña pola que entra un pouco de aire fresco».

«Para un artista o mellor regalo é ver que a xente se emociona coa túa música; guitarra e voz son a mestura perfecta cando se quere namorar.» –confirma Sara, cuxa poderosísima voz alcanza rexistros de gran fermosura interpretando un repertorio do que forman parte verdadeiras xoias galaico-lusas: Campanas de Bastabales, Quen puidera namorala, Aí ven o Maio, Verdes são os campos ou Menina estás à janela.

Namorados da música de raíz tradicional, Gom e Sara lembran con morriña a década dos noventa, cando a música galega soaba en todos os rincóns do mundo e en todos os rincóns de Compostela podía escoitarse música en vivo. «Para min, Santiago e música son un todo –explica Gom–. Cando cheguei aquí, hai case vinte anos, en moitos sitios diferentes había unha actuación pequeniña: aquí había un dúo, alí un trío ou unha actriz que cantaba… E iso para a cidade era un tesouro, sobre todo para Santiago que vive do turismo. Iso perdeuse moitísimo».

Sara, co corazón dividido entre Porto e Santiago, entre o fado e a música galega, cre que hai que respectar o pasado e manter a inspiración na tradición, pero dando a benvida ás melloras. Ao que Gom engade: «Os usos cambiaron. Xa ninguén canta mentres se malla porque ninguén malla, ou ninguén canta mentres se fía porque xa non se fía a man, pero a nosa música é un tesouro do que debemos nutrirnos».

Por iso, na medianoite de Compostela, Falua dalle nova vida á gaivota de Amália Rodrigues e á pomba dourada de Álvaro Cunqueiro. De preto e sen artificios. Facendo música en estado puro.

Queres ollar outros contidos relevantes?
Política de privacidade

Se consente a utilización de cookies, continúa navegando ou fai clic nalgún link entenderase que consinte a nosa política de cookies e, por tanto, a instalación das mesmas no seu equipo ou dispositivo.

Se vostede quere, pode cambiar a configuración de cookies en calquera momento, configurando o seu navegador para aceptar, ou non, as cookies que recibe ou para que o navegador o avise cando un servidor queira gardar unha cookie.

Esta web utiliza cookies.
error: Contido protexido