•  981 806 528 & 670 594 685 info@coralia.gal

helena villar janeiro

Compostela e os músicos da rúa

150 150 CORALIA

Compostela e os músicos da rúa

Por HELENA VILLAR JANEIRO

Escritora

A aparición de músicos na rúa debeu ser unha compensación pola perda dos paxaros cantores que aborreceron os tellados, os lousados, o cemento e o asfalto, e non quixeron habitar a cidade por lles parecer impropia da vida libre.

Nada pode estrañarnos, polo tanto, ese engado que ten para os artistas do efémero unha cidade como Compostela cos seus soportais que prestan tanto estiño.

Non debemos esquecer que paxaros e músicos teñen que comer e que ser humanos aínda trae máis gastos arredor.

A aparición de músicos na rúa debeu ser unha compensación pola perda dos paxaros cantores que aborreceron os tellados, os lousados, o cemento e o asfalto, e non quixeron habitar a cidade por lles parecer impropia da vida libre. Habemos remontarnos non á historia senón á lenda, para termos noticia dos beneficios salutíferos dos paxaros e, segundo o meu modo de mirar, igualmente os que proporcionan os músicos da rúa, que adoitan ser case tan libres como os canoros soltos.

Asclepio, o semideus curador de Hélade, recibía no templo de Epidauro, aló na vella Argólida pola época das fantasías fundadoras, os afectados polos desequilibrios psicolóxicos da polis e poñíaos en contacto cos chíos dos cantores que aniñaban naquel paraíso de adelfas, loureiros e cipreses. Os voadores improvisaban desde as árbores as súas melodías e os enfermos corrían en coiros ao seu compás ou danzaban ao son daquela música chovida para eles desde o alto polo mandado sandador do poderoso fillo de Apolo, recuperando así a natureza. Asegura a lenda que a maioría dos ambulantes se volvían sensatos e mesmo felices, que sempre foi tarefa máis difícil.

Canto máis se apartan as cidades do ser da terra verbo dos materiais de que están construídas e das proporcións, ritmos e harmonías da súa arquitectura, máis se lles afastan os paxaros e, como anuncia o mito grego, menos avogosas son para a saúde integral dos habitantes. Quizabes sexa esa a razón pola que as zonas históricas das cidades poliseculares son benqueridas polos emuladores dos cantores naturais. A elas veñen interpretar músicas que poden mesturar a voz e os instrumentos. A querenza dos músicos polas rúas históricas tamén se debe a que a xente transita por elas con usos antigos e párase a escoitar o que de certo lle presta e, agradecida, solta algo dos petos a favor da arte doada nos recipientes armados para tal fin. Non debemos esquecer que paxaros e músicos teñen que comer e que ser humanos aínda trae máis gastos arredor.

Nada pode estrañarnos, polo tanto, ese engado que ten para os artistas do efémero unha cidade como Compostela cos seus soportais que prestan tanto estiño. Desde os trobadores medievais con escola propia –Bernal de Bonaval, Airas Nunes, Xohán Airas, Abril Ares…- creou diversos escenarios e actores nos que a delicada arte que transmite o aire se produce e se goza. Parque da música, Auditorio no que executa concertos a Real Filharmonía de Galicia e non só ela, outros Auditorios, conservatorio e escolas para aspirantes, tuna, Escola de Altos Estudos Musicais, banda, coros, grupos e formacións diversas, e o curso anual «Música en Compostela» configuran un amplo espazo de sons acomodados a cada gusto nas diversas horas do día e até da noite. E os músicos da rúa son quen completan esta oferta coas súas postas en escena. Non hai moito, polas Orfas, chamaba a atención un home entrado en anos que, mentres tocaba a frauta doce, lía poemas nun libro que lle servía de apoio para o instrumento.

Hai pianos que desbordan dalgún piso por certas rúas centrais dándonos unha ducha percutida, que se agradece. Pero sobre todo están eles, os que alegran a vida do bosque de pedra con programas difusos e aleatorios, frescura de aprendiz, virtuosismo de inmigrante do leste, dominio de instrumento de resonancia mística a sopridos… Ora te poñen en contacto co Mozart que coñeces, ora chegas paseando até un bolero que te fai tremelar e te volve a outra época e a outro amor. Por veces, estas pezas espértanche todo o corpo e, coa velocidade dun lóstrego, pasa a ulir, tocar ou sentir algo que te percorre como unha cambra de luz brillante… Outras veces son memoria xeográfica fría que volves percorrer ou, polo contrario, unha ansia de descubrimento de mundos simbólicos aos que quixeras voar sobre esas notas para ver que hai detrás da creación que destila misterio milenario.

E se vas camiñando cara o arco de Palacio, adoita haber alí, tan cerquiña das estatuas de Mateo, alguén que cunha gaita e os sons da nosa marcha antiga, solta ao aire toda a señardade do que puido ser, pero non foi, o reino de D. García.

Contido extraído do número 8.

Aquí tes máis contidos relevantes:

Compostela futura na miña memoria

Por XEMA VARELA

A liberdade de SER. Que liberdade?

Por CRISTINA PALACIOS

A pequena Compostela gusta da lectura

Por PILAR SAMPEDRO

Helena Villar Janeiro

150 150 CORALIA

Na casa que comparte co seu compañeiro Xesús Rábade Paredes na parroquia de Abuín, en Rianxo, Helena Villar Janeiro (Becerreá, 1940) ultima o seu primeiro libro de haikus, unha escolma de 50 pezas de entre máis de 800 e que titulará Poesía mínima. Tamén xunta materiais para un volume de memorias. Poeta de expresión aguzada, narradora «por me retar a min mesma» e importante autora de literatura infantil que, porén, non cre na xuvenil, Villar Janeiro repasa nesta conversa parte da súa biografía, o machismo do mundo literario ou a súa relación coa figura de Rosalía de Castro.

CULTURA

Naceu en Becerreá, pero residiu moitos anos en Santiago.
Nacín en Becerreá e fixen o bacharelato por libre. Non estaba escolarizada. A min a escola non me ensinou nada. Logo estudei maxisterio en Lugo. Estiven un ano traballando nos Ancares, en Vilaver (Cervantes), como interina nunha escola. Aprobei as oposicións no 62. Déronme outra escola en Quintá de Cancelada, de onde procede a miña familia paterna. Foi quizais a parte máis importante da miña vida, dos 22 aos 28 anos. Empecei a estudar filosofía, aprendín árabe eu soa…

Árabe?
Seguín árabe en vez de grego porque non estudara bacharelato. É gracioso, relaciono aquelas montañas co árabe.

Por que non a escolarizaron?
Un día alguén nos agasallou na casa cun libro moi bonito, de tapiñas encarnadas de pel. Sen pedir permiso, con seis anos, leveino á escola. Aquel libro fora roubado e a dona estaba na miña clase. Devolveuse o libro, pedíronse desculpas. Pero houbo algo moi desagradábel para a miña familia. Calibrando que non se aprendía moito, que o trato era discriminatorio respecto das nenas ricas, leváronme para a casa. Pero nin eu nin o meu irmán estivemos desatendidos. As letras non era difícil estudalas, porque liamos moito, había libros na casa. E as matemáticas aprendíamas un preso político que volvera do cárcere, moi amigo do meu pai. O meu pai ten dous mortos, un irmán e un cuñado, asasinados. Ando a ver se recupero os ósos. Parece que están na foxa de Vilarraso (no concello de Aranga).

Como lle afectou non asistir á escola?
Fun profesora sen experiencia escolar. Ao mellor por iso fun moi liberal. A Compostela cheguei por primeira vez en setembro do 64, para examinarme e entrar en pedagoxía. Pero non me instalei ate o ano 75, xa con Suso (Xesús Rábade, o seu compañeiro, tamén escritor, e pai dos seus fillos, a poeta e profesora María do Cebreiro e o pianista de jazz Abe Rábade).

«A Compostela quérolle moito. É a única cidade na que podería vivir».

Hai algún recanto de Compostela ao que vostede lle garde un agarimo particular?
A Compostela quérolle moito. É a única cidade na que podería vivir. Gústame Bonaval, o Sar, a Alameda, a praza da Universidade. Até a praza de Abastos.

Que lembra máis da súa infancia?
O frío. Traspasou a miña vida de nena. Traballaba co meu pai, que era xastre, desde os oito anos. Era un oficio quieto nunha casa sen calefacción. A pana, o material que se traballaba no inverno, é moi húmida, friísima, e colocábala enriba dos xeonllos. E despois, a tristeza. A pequena horta da casa lindaba co cárcere. Había presos políticos. E presos comúns, que o primeiro día cantaban, o segundo calaban e o terceiro choraban. A prisión tiña unha pequena ventá enreixada que daba á horta e pola que se podían coar botellas de auga, cousas así. E os parentes dos encarcerados viñan onda meu pai por se lles deixaba. Meu pai deixaba, claro. Era un comunista convencido. E de práctica, non só de teoría. Traballaba para os xitanos e non lles cobraba. Se algún cliente non lle pagaba e era pobre, pasaba. Pero en relación á familia foi unha infancia feliz.

Contos do Sol e da Lúa, un libro dirixido aos pequenos, é a súa última obra. Para que serve a literatura infantil?
Teño unha relación coa literatura infantil moi particular. Gústame escribila, pero non son unha especialista. Limítame a expresión. Entregueille moitos afectos porque é fundamental achegarlle a palabra literaria á infancia e os meus propios nenos non tiñan esa literatura en galego. Había tres, catro libros, Os soños na gaiola (de Manuel María), O bosque de Ouriol (de Arcadio López Casanova), Pericles e a balea (de Xohana Torres)… Eu cantáballe á nena anainas. Suso díxome: «Faillas ti, xa que compós música e es poeta». Empecei e despois el axudoume. Era unha literatura doméstica, para nós. Pero cando se convocou o festival de canción Cantareliña no 83, alguén lles dixo aos de Saraibas (promotores do concurso) que nós tiñamos cancións para nenos. Pedíronnos que as compartísemos. Logo decatáronse de que os nenos cantaban e pediron que os deixásemos cantar. Gañaron o primeiro certame. Ao segundo non fomos. Pero ao terceiro pedíronnos que seguísemos. Non queriamos, pero nunca nos puidemos negar a facer cousas que o país necesitase.

Considera necesario este tipo de literatura para se achegar á lectura?
Non creo na literatura xuvenil. Unha persoa que pasa de dez ou doce anos pode e debe ler o que queira. Pero cando eu falo de literatura infantil falo de nenos moi pequenos. E neses primeiros anos creo que si, que estes libros axudan. Unha criatura que non está en contacto coa poesía, co texto literario -tamén pode ser oral, non fago distincións-, vaille ser máis difícil dar o paso a outra literatura.

Que lugar ocupa a infancia na súa obra?
A montaña, sen dúbida ningunha, dá unha visión da vida. Estiven 35 anos nesa paisaxe telúrica e configuroume. Únete co universo. Esas invernías, esa primavera tan notoria, tan diferente. Non na expresión, pero a miña vivencia da montaña é moi parecida á de Novoneyra: esa paisaxe agreste e ao tempo rica, diversa, cambiante, chea de intriga. Porque detrás da montaña non ves nada.

«As letras non era difícil estudalas, porque liamos moito, había libros na casa. E as matemáticas aprendíamas un preso político que volvera do cárcere, moi amigo do meu pai»

«O meu pai ten dous mortos, un irmán e un cuñado, asasinados. Ando a ver se recupero os ósos. Parece que están na foxa de Vilarraso (no concello de Aranga)»

«Fun profesora sen experiencia escolar. Ao mellor por iso fun moi liberal»

Foi unha muller que tomou a palabra en público nun mundo, o da literatura galega, en que non era usual. Bateu co machismo?
Moito. Eu empecei cun libro que se chama Alalalás, en castelán. Non sabía escribir galego. Nós non viramos nunca galego escrito nin se nos falara galego no sistema educativo. Aceptei que a poesía era Juan Ramón. Hoxe non son juanramoniana, pero sácolle o sombreiro e emociónome moito con el. Débolle ser poeta. Un día dáste conta e dis: «Que teña que expresar o que sinto traducido noutra lingua…». Rebélaste. Pero fas unha poesía costumista, porque non liches os teus clásicos como debías. Entón dei cun libro, para min decisivo, Escolanía de merlos de Faustino Rey Romero. O soneto «O merlo morto» deixoume tocada. Agora estou cun proxecto moi bonito, 50 haikus con 50 fotografías miñas que se vai publicar o ano que vén…

«Non na expresión, pero a miña vivencia da montaña é moi parecida á de Novoneyra: esa paisaxe agreste e ao tempo rica, diversa, cambiante, chea de intriga. Porque detrás da montaña non ves nada»

Os haikus que amosa en Twitter?
Si, algúns, pero seleccionados, porque teño 800 e sairán 50. Sempre hai un paxaro morto. Aquí viñan moitos paxaros (sinala á galería da casa onde transcorre a entrevista) e morrían contra a galería. Teño unha colección de paxaros mortos. Impresiona moito. É un tema delicadísimo da poesía lírica. E é polo poema ao merlo morto de Faustino que empecei a escribir en castelán. Logo pasei ao galego. O contacto con Suso favoreceu esa conversión.

Preguntáballe polo machismo no mundo literario.
Si. Suso tivo a idea, porque lle gusta moito traballar en colaboración, de que escribísemos libros xuntos. Pero a xente non o entendía. Pensaba que era un señor bo, que casaba con aquela señora e que lle deixaba poñer a firma nun libro no que ela puña unha liña. Escribimos o libro dos símbolos de Galicia, A bandeira, o escudo e o himno, para un concurso escolar. Levamos o premio. E alguén moi ilustre dos que nolo entregou díxolle a Suso: «Parabéns, señor Rábade». Suso respondeu: «Mire, ela tamén é autora». E el contestou: «Todos sabemos quen pon os ladrillos». Imaxina o que isto supón cando vas recibir un premio. Porque hoxe éme indiferente, pero daquela non. Houbo moitas historias. E acabas dicindo: «Non podemos seguir porque isto nos separa». Póñenche como contrincante a persoa que máis queres. Decidimos divorciarnos literariamente para non nos divorciar de forma real.

O machismo retrocedeu?
Non no 100%. Pero as mulleres gañaron terreo. Nas artes máis ca noutras profesións. Con todo, non podo sentirme conforme coa sorte que correron moitas mulleres que puideron ser escritoras e non chegaron a selo. Pero a historia é a que é. Non me atrevo a cualificalas de grandes escritoras porque esa obra desgraciadamente non se produciu. Míroas con agarimo, pero non boto de menos unha obra que non existe. Cando fixen o libro de poemas Festa do corpo houbo algún gran poeta que se escandalizou dos contidos. Pasa iso hoxe? Non. Fomos rompendo. Eu non tiña tanta conciencia de estar axudando a andar un camiño, como foi verdade que axudei a andar.

Que significa Rosalía de Castro para vostede?
No 79 empecei a ir moito pola Casa da Matanza. Con Suso fixemos un libro didáctico, conmemorativo do centenario de Follas Novas. A el fixérono membro do padroado. A min non. Isto indica unha anomalía. Pero en 2005, cando a casa quedou orfa, e non era un pastel agradábel para llo dar a ninguén, fun chamada para presidila. Lina, relina, traducina… Para traducir unha poeta hai que lela cunha profundidade inmensa. Subxugoume.

Foi unha atracción serodia.
Si, non cheguei a ela por casualidade nin polo que o meu pai falaba dela. O meu pai era un feminista que me puña de modelo a Rosalía, a Rosa Luxemburgo, á Pasionaria, a Victoria Kent e a Hildegard.

Bos modelos.
Grandes modelos. Pero non cheguei a Rosalía a través dese desiderátum, senón a través da lectura. É unha persoa diferente ao que se intentou vender. Foi moi manipulada. Ser o noso mito nacional favoreceuna en tanto que é moi querida, pero non a favoreceu en tanto que literata.

A popularización da figura de Rosalía implica certa banalización. Como se debe relacionar a sociedade cunha poeta desta envergadura?
Rosalía pódese poñer en camisetas. Xa non sei se se pode facer un uso contrario ao que ela pensaba. No meu paso pola Fundación, o plenario decidiu que non podía seguir facendo a misa de Rosalía, por exemplo. O que non pode ser é Rosalía para todo e sen lela. Non lela é banalizala, porque se a les entendes que cousas lle podían gustar e que cousas non. Mesmo as súas contradicións.

Esas contradicións percíbense nos poemas, e fanos grandes.
Rosalía ten contradicións debidas ao seu sentido do humor. O prólogo de Follas, por exemplo, é contrario ao libro. Posibelmente estaba farta e dixo: «Vou poñer que as mulleres fan o que poden e que pobriña de min». Logo les ese librazo. Ao que, por outro lado, lle facía falta unha escolmiña. Pero uns cantos poemas prescindíbeis non lle quitan calidade a un libro así.

«No 79 empecei a ir moito pola Casa da Matanza. Con Suso fixemos un libro didáctico, conmemorativo do centenario de Follas Novas. A el fixérono membro do padroado. A min non»

As escritoras que se adiantan ao seu tempo acaban topando con contradicións que non poden historicamente resolver. Puido ser o caso de Rosalía.
Ela ten esa conciencia cando di que escribe para un pobo que non a vai ler. A Rosalía auténtica, á que non lle vexo impostura debida ao estilo ou á época, é a de Follas. Porque En las orillas del Sar vexo trazos románticos e do posromanticismo, algo de discurso baleiro.

Cando escribía en castelán sentía unha tradición daquela máis forte.
«Negra sombra» é un gran poema porque está escrito en galego, non ten modelo e tira por onde quere. Mentres que En las orillas ten certo sabor á moda do seu momento. Sobre todo tendo en conta que a lingua que ela falaba era o castelán. Non imaxino a Rosalía falando galego habitualmente. Sábeo falar, claro, porque se non, non o escribe desa maneira.

Entrevista extraída do número 7.

Aquí tes máis contidos relevantes:

Política de privacidade

Se consente a utilización de cookies, continúa navegando ou fai clic nalgún link entenderase que consinte a nosa política de cookies e, por tanto, a instalación das mesmas no seu equipo ou dispositivo.

Se vostede quere, pode cambiar a configuración de cookies en calquera momento, configurando o seu navegador para aceptar, ou non, as cookies que recibe ou para que o navegador o avise cando un servidor queira gardar unha cookie.

Esta web utiliza cookies.
error: Contido protexido