•  981 806 528 & 670 594 685 info@coralia.gal

historia de compostela

O meu Camiño

150 150 CORALIA

O meu Camiño

Por NOVA BASTANTE

Artista e activista LGTBIQ+

Din que o Camiño te chama, te convida e chega no momento idóneo. No preciso instante que máis o necesitas. Dou fe diso. Aos meus 31 anos, unha forza interior levoume a realizalo, despois de que o meu compañeiro de vida o levase a cabo semanas antes.

Logo dun mes de promoción de NOVA: De niño a mujer, libro autobiográfico sobre transexualidade escrito man a man co xornalista palentino Óscar de la Hoz, sentín a necesidade de desconectar por completo da capital madrileña e decidín facer esta viaxe máxica, para volver conectarme comigo mesma e seguir avanzando no meu crecemento persoal.

O meu obxectivo principal era poder gozar ao máximo da convivencia, do pracer de compartir, coñecendo persoas de todos os lugares, e abrirme a diferentes culturas. Demostrarme que podía facer o Camiño, a pesar dos múltiples temores que albergaba no meu interior, tras vivir unha vida na que o bullying e a discriminación estiveran moi presentes polas miñas diferenzas co socialmente estabelecido. Unha muller transxénero no Camiño de Santiago!

Autorretrato

Nos momentos de baixón, permitíame escoitar a banda sonora da miña vida, que levaba almacenada no teléfono. E cando o son dos ríos e os paxaros non bastaba para lograr a desconexión total escoitaba a Fangoria, Cher ou Yurena. A miña alma punk esixía uns minutos de relax coa música que sempre me levantou do chan.

Coa credencial de peregrina na man, decanteime polo Camiño Francés, e por Burgos como a localidade onde principiar a miña andaina rumbo a Santiago. Meu pai acompañoume nun principio, aconsellándome sobre todo aquilo que baixo a súa experiencia debía coñecer con respecto aos albergues, o coidado persoal, a climatoloxía, e posíbeis complicacións típicas no camiñar de calquera peregrino. Despois de facer noite nas ruínas do albergue de Santo Antón, aventureime no camiño a paso firme e veloz (e xa en solitario), coa vantaxe de saber, que o meu proxenitor gardaba as miñas costas, por se puidese necesitar a súa axuda nos días sucesivos. Ao mesmo tempo que camiñaba, documentaba parte do traxecto mediante fotografías e vídeos, que eu mesma ía compartindo nas miñas redes sociais para convidar os membros do colectivo LGTBIQ, a vivir tan apaixonante experiencia.

Cada persoa ten o seu camiño persoal; único, xenuíno e sagrado. Eu elixín facer o meu cun orzamento mínimo, decidida a deixar o ego tan atrás como fose posíbel. Renunciei así ás comodidades dos hoteis e á exquisita comida dos restaurantes e hospedarías. Tamén excluín do meu plan diario as lavadoras e secadoras.

O meu obxectivo principal era poder gozar ao máximo da convivencia, do pracer de compartir, coñecendo persoas de todos os lugares, e abrirme a diferentes culturas. Demostrarme que podía facer o Camiño, a pesar dos múltiples temores que albergaba no meu interior, tras vivir unha vida na que o bullying e a discriminación estiveran moi presentes polas miñas diferenzas co socialmente estabelecido. Unha muller transxénero no Camiño de Santiago! Todo un reto que desexaba superar, tendo en conta que estaba percorrendo recunchos nos que calquera mostra de diversidade aínda segue a espertar medo e rexeitamento nos seus habitantes.

Xunto ao teléfono móbil, a miña mochila, a esteira e o saco de durmir eran os únicos compañeiros de viaxe. Quizais por iso, desde os primeiros días acompañoume a sensación de liberdade. Visitaba as diferentes comarcas e pasaba a noite en calquera tipo de albergues, tanto nos municipais como nos que funcionaban con donativos, onde unha ducha quente tan común na cidade, era todo un luxo tras camiñar entre 30 e 40 quilómetros. Elexía as cafetarías con mellor atmosfera para tomar o café da mañá, amosando interese polos habitantes das localidades por onde pasaba e informándome sobre a súa arquitectura e mais a gastronomía. E, aos poucos, mantiña fascinantes conversacións cos peregrinos de todas as nacionalidades cos que compartía camiño.

Cando crucei Castrojeriz, un primeiro incidente marcoume de forma inesperada. Tras entrar nun estabelecemento para almorzar, roubáronme o saco de durmir e a esteira, tan imprescindíbeis á hora de descansar. Intúo que non foi un acto de subtracción por necesidade, pois cando me viron entrar, as persoas que estaban sentadas empezaron a rir ás gargalladas. Este incidente non fixo máis que reforzar as miñas ganas de seguir adiante. Paso a paso reforzaba a miña autoestima, á vez que compartía as miñas experiencias co resto de peregrinos cos que cheguei a formar a miña particular «familia do camiño». Nos momentos de baixón, permitíame escoitar a banda sonora da miña vida, que levaba almacenada no teléfono. E cando o son dos ríos e os paxaros non bastaba para lograr a desconexión total escoitaba a Fangoria, Cher ou Yurena. A miña alma punk esixía uns minutos de relax coa música que sempre me levantou do chan.

Estoulle moi agradecida ao Camiño, mais non quero trasladar un concepto idílico do que supón realizalo. De igual xeito que gocei do amor e xenerosidade de moitos hospitaleiros, tamén sufrín transfobia. En Calzadilla de Cózaa, por exemplo, onde tras selar a credencial e comprobar que na miña documentación estaba rexistrado o meu xénero como muller, dúas voluntarias elixiron dirixirse a min todo o tempo usando o termo muchacho. Ao deixar atrás a cidade de León agardaríanme novas burlas e faltas de respecto. Pero nada disto fixo minguar o meu desexo de alcanzar a meta do Obradoiro. Ese foi o instante culminante da miña viaxe, cando por fin puiden contemplar pampa a catedral de Santiago. Logo de máis de 500 quilómetros percorridos a pé, o sentimento de paz e serenidade invadíame por completo. Que viaxe tan apaixonante! Tombada na pedra, collida da man da miña amiga Nikol, respirei profundamente e sentinme feliz por ter superado todas as etapas que me conducirían até tan fermoso lugar. Gran gozo non renderse, enfocar os obxectivos e ir por eles!

Contido extraído do núm. 13.

Aquí tes máis contidos relevantes:

«A miña patria é a miña infancia»

Por JOSÉ ANTONIO LIÑARES

Mulleres Lilas, coirazas de cores

por MANUELA DOMÍNGUEZ

Compostela: Sinfonía de notas

Por ENCARNA OTERO CEPEDA

Coirazas de cores

150 150 CORALIA

Mulleres lilas, coirazas de cores

Por MANUELA DOMÍNGUEZ

Sabemos que o vestiario, o peiteado e a maquillaxe complementan a identidade de ficción dunha actriz ou un actor e lle dan información ao público sobre a súa condición cultural, social ou profesión, ademais de interactuar en perfecta harmonía coa escenografía e o espazo escénico, ata moldear un todo cun valor plástico simbólico.

O proceso creativo do vestiario teatral e a propia moda liban na memoria histórica, na fantasía, na rúa, na cultura, na pintura, na arquitectura…, ao servizo das contornas do corpo humano. A moda é frívola, caprichosa, tirana e pagada de si mesma. Esmorece ao pouco e así é como pasa a ser lembrada, tan fuxidía coma o teatro.

A moda e o teatro son coma o espello e o seu reflexo. Ambas as galaxias estéticas teñen a responsabilidade de facernos persoas e distinguirnos coa nosa propia personalidade, coa nosa propia máscara.

A escolma das cores, a caída do tecido, a voluptuosidade das formas..., todo queda plasmado nas pequenas obras de arte dos figurinos e, como non, nalgunha que outra peza que sobrevive ao paso do tempo converténdose en obxecto de copia, culto ou colección.

A moda e o teatro son coma o espello e o seu reflexo. Ambas as galaxias estéticas teñen a responsabilidade de facernos persoas e distinguirnos coa nosa propia personalidade, coa nosa propia máscara. A escolma das cores, a caída do tecido, a voluptuosidade das formas…, todo queda plasmado nas pequenas obras de arte dos figurinos e, como non, nalgunha que outra peza que sobrevive ao paso do tempo converténdose en obxecto de copia, culto ou colección. Así aconteceu en Hollywood con Yves Saint Laurent e Coco Chanel; ou coa atmosfera vaporosa das obras de Tamara de Lempicka na escenografía do videomusical Open your heart de Madonna.

E agora, xoguemos coas agullas do reloxo e coa historia, volvamos cara a atrás, para atoparnos en Compostela con Maruxa e con Coralia, dúas costureiras e bordadoras de sona, coma a súa nai. No seu humilde obradoiro, situado na mellor peza da casa e ateigado de clientela, ole a cola, un indescritíbel cheiro que procede do curruncho onde o seu pai remenda zapatos. Unha máquina de coser -Singer, Alfa, Refrey… -vai ti saber-, dúas pranchas de ferro con carbón do lume dentro, dous candís de gas e moita, moitísima dignidade.

E agora, xoguemos coas agullas do reloxo e coa historia, volvamos cara a atrás, para atoparnos en Compostela con Maruxa e con Coralia, dúas costureiras e bordadoras de sona, coma a súa nai. No seu humilde obradoiro, situado na mellor peza da casa e ateigado de clientela, ole a cola, un indescritíbel cheiro que procede do curruncho onde o seu pai remenda zapatos. Unha máquina de coser -Singer, Alfa, Refrey… -vai ti saber-, dúas pranchas de ferro con carbón do lume dentro, dous candís de gas e moita, moitísima dignidade.

O groso dos encargos son pequenos arranxos dos humildes de Compostela, farrapos de labregos, xornaleiros e algúns comerciantes de pano máis fino. De cando en vez, un vestido, un traxe. Aloumiñan a tea e pásana polas meixelas con agarimo procurando o carreiro do fío antes de facer o corte. Que ilusión!

Tamén podían facer o máis difícil: facer fermosa e atractiva unha peza vella, gastada e remendada, a cambio dunha mínima independencia económica.

Despois do golpe de Estado do 36, que dicir… Maruxa e Coralia sofren nunha Compostela empobrecida, devastada, dividida, sañuda, de estraperlo, paseos e exilio, onde as súas clientas de sempre, cheas de dor, só visten roupaxes negras de loito e onde as máis suspenden os seu encargos para non sinalarse. Xa estaban no punto de mira da infamia.

Na Compostela calvario de Maruxa e Coralia, riadas de costureiras ambulantes coa máquina de coser á cabeza van de porta en porta ofrecendo os seus servizos en xornadas de sol a sol por uns cantos patacóns e dúas comidas. Outras, as aprendizas, corren lizgairas para facer recados e un peto co que cumprir o soño de mercar a súa propia cosedora ou ser contratadas por casas de moda de prestixio.

Coser, pois, era unha habelencia que se aprendía desde pequenas e un oficio só para mulleres. Xornadas interminábeis e mal pagadas, no mellor dos casos. O obradoiro de costura era epicentro de revolucións, motor de cambio de moitas sociedades, espazo de creación e loita das mulleres que argallaron as primeiras marchas reivindicativas, demandas sindicais e folgas.

Mentres Carolina Otero agarda a ser atendida para recoller a saia e un corpiño que quere estrear na súa próxima actuación en Niza, vemos a Maruxa e a Coralia deseñando o vestiario dunha compañía teatral de primeira liña, formando equipo con María Miramontes, tamén costureira, dona de Ánxel Casal e inspiradora da súa traxectoria cultural e política.

Na Compostela calvario de Maruxa e Coralia, riadas de costureiras ambulantes coa máquina de coser á cabeza van de porta en porta ofrecendo os seus servizos en xornadas de sol a sol por uns cantos patacóns e dúas comidas. Outras, as aprendizas, corren lizgairas para facer recados e un peto co que cumprir o soño de mercar a súa propia cosedora ou ser contratadas por casas de moda de prestixio. Sempre atarefadas cos encargos de confección, rebolen no seu ir e vir ás casas da xente ben de Compostela, mercando fíos e botóns, ou levando á capela de Salomé a sotana nova do párroco.

Leiteiras por aquí, peixeiras coas patelas de sardiñas e xurelos por acolá. Mulleres trasfegando auga ás sellas na fonte do Toural, peregrinos penitentes, gallofos… Compostela era un bulebule!

As donas dos obradoiros de costura, ben vestidas, levan tesoiras penduradas do pescozo, que lles esvaran polo peito coma péndulos do tempo. Talle de abellas, moños recollidos, sempre poñendo orde no balbordo das modistas e aprendizas, que tan pronto atenden a unha dona con necesidades dun vestido para o próximo baile do Casino, para a Ofrenda do Apóstolo ou unha misa principal nas Ánimas, como a continuación lle toman as medidas a un groso cabaleiro que quere lucir na apertura de curso da Universidade.

Coser, pois, era unha habelencia que se aprendía desde pequenas e un oficio só para mulleres. Xornadas interminábeis e mal pagadas, no mellor dos casos. O obradoiro de costura era epicentro de revolucións, motor de cambio de moitas sociedades, espazo de creación e loita das mulleres que argallaron as primeiras marchas reivindicativas, demandas sindicais e folgas. Unidas todas para sempre ao día 8 de marzo, coas traballadoras do téxtil en lugar preferente. As súas armas: medias transparentes, fóra corsés, veñan a min pantalóns e minisaias, bañadores de dúas pezas…, que deixaban ao descuberto todo un universo de explotación e submisión, vencellado ao mundo da máscara no sentido grego do termo.

Seguimos imaxinando como tería sido a vida de Maruxa e Coralia sen esa «longa noite de pedra» da nosa historia?

Mentres Carolina Otero agarda a ser atendida para recoller a saia e un corpiño que quere estrear na súa próxima actuación en Niza, vemos a Maruxa e a Coralia deseñando o vestiario dunha compañía teatral de primeira liña, formando equipo con María Miramontes, tamén costureira, dona de Ánxel Casal e inspiradora da súa traxectoria cultural e política. Tómanlle medidas a unha María Casares moi nova ao tempo que falan enfeitizadas polos figurinos deseñados por Maruxa Mallo, e sen deixar de mirar de esguello os delicados trazos dos decorados que está creando -por deferencia con Galicia- Camilo Díaz Valiño -con contratos coa Ópera Garnier de París, o Albert Hall de Londres, o Teatro la Fenice de Venecia ou La Scala de Milán, entre outros-, para o próximo espectáculo que se vai estrear no Salón Teatro.

Non puido ser. Que mágoa. No seu subconsciente, como estrategos da aparencia, coma soñadoras do que puido ser unha época dourada, sabían que unha boa posta en escena precisa desas teas que falen co público, que deixen a marca de imaxes perennes na memoria; como acontece coa inesquecíbel lixeireza e hipnotismo da seda que portaba Isadora Duncan, as ondas descontroladas da gasa plisada da saia branca de Marilyn Monroe ao pé da ventilación do metro na Lexington Avenue de Manhattan, a caída do veludo vermello do pano dun Teatro, a enerxética cor laranxa dun monxe tibetano ou a túnica púrpura de Calígula, tinguida coas tinturas extraídas das cañaíllas recollidas nas costas areosas da miña benquerida Andalucía.

Maruxa e Coralia, ás dúas en punto, paseaban a súa dignidade e os seus engruñados e febles corpos enfeitados con vestidos de cores, acartonados coma coirazas, mentres representaban a súa magna peza de rebeldía con bicos ao ar e ollos vivaces que dicían:

Olládenos! Aquí seguimos! Resistimos e somos libres!

Aquí tes máis contidos relevantes:

Compostela e os músicos da rúa

por HELENA VILLAR JANEIRO

A cidade con música

Por PILAR SAMPEDRO

María Miramontes: modista e galega

Por ENCARNA OTERO CEPEDA

Tareixa Navaza

150 150 CORALIA

Sen necesidade de darlle nome a unha rúa, a unha aula da facultade de Ciencias da Comunicación ou a uns premios de xornalismo, Tareixa Navaza goza dun merecido prestixio profesional que, igual que o cariño do público, vai a máis ano tras ano.

Narradora excepcional dun período fundamental da historia recente de Galicia, Navaza segue a rebelarse contra as inxustizas e as arbitrariedades coa mesma paixón coa que sempre o fixo na radio, na televisión e na prensa escrita.

Fiel a un estilo co que creou escola, Tareixa Navaza comparte con Coralia a súa perspectiva da vida e do difícil momento que vive o xornalismo, mantendo intactos os principios, a actitude e o sorriso cos que gañou á audiencia galega desde que se asomou por primeira vez á pequena pantalla.

SOCIEDADE

Témosche oído dicir que a mente é coma un paracaídas que só funciona se se abre. Con curiosidade e ganas de saber nácese ou é un exercicio que se aprende?
Creo que se aprende, que a vida é unha aprendizaxe. A mente é coma unha plastilina que ti vas traballando día a día. Eu o que valoro nas persoas é como empregan a mente, como traballan o seu cerebro. O físico vén dado, pero temos un dito que pon de manifesto que a partir dos 40 cada un ten a cara que traballou. Eu son da opinión de que a cara reflicte o interior, que é unha mestura de moitas cousas: de sentirte ben contigo mesma, de encher o corpo coas cousas que che enriquecen e, sobre todo, do afecto que dás aos demais.

Como era a Compostela de 1965, cando principiaches a traballar na radio, e en que te pareces a aquela rapaza?
Sigo a ter a mesma ilusión e a mesma curiosidade, pero Santiago xa non se parece en nada! Eu daquela vivía na Raíña, fronte ao Gato Negro, así que transitaba decote polo Vilar, por onde non pasaba practicamente ninguén en xullo, e que en agosto se convertía nun deserto de pedra, marabilloso, pero un deserto. Eu vivín en Ibiza desde os 11 aos 14, por mor do traballo do meu pai, que era militar, e alí a xente era moi respectuosa; respirábase liberdade polos poros e iso contaxióuseme a min. Cando regresei aquí notei falta de tolerancia e de respecto cara aos demais, polos gustos, polas vestimentas etcétera. Pero pasou o tempo, cambiou a xente e cambiaron os costumes. A cidade é menos provinciana, menos reaccionaria, menos conservadora. Afortunadamente, Compostela cambiou para mellor.

«A mente é coma unha plastilina que ti vas traballando día a día. Eu o que valoro nas persoas é como empregan a mente, como traballan o seu cerebro».

«Creo que para converterte nun bo profesional de calquera ramo non tes por que marchar do teu país. A min encantoume desenvolver a miña carreira profesional aquí, na miña terra».

«Visto desde a óptica actual, sinto orgullo e penso que ninguén se atrevería a facer o que eu fixen no ano 84; e, malia que aquela retransmisión representou un custo profesional para Cribeiro e para min, acepteino moi ben».

«O xornalista é unha correa de transmisión: tes que presentarlle á cidadanía todas as visións dun problema, para que cada quen se faga a súa propia composición».

«Creo que na televisión daquel tempo, incluso no 73, cando empezamos, se facía unha televisión moitísimo máis digna da que se fai agora en determinadas canles, incluída TVE».

A radio foi a túa escola, pero tras compatibilizar radio e televisión durante anos, nos 80 escolliches a televisión. Para ti, o primeiro amor non foi o verdadeiro?
Si; si, foi o verdadeiro; de feito, a radio é o medio de comunicación que máis me gusta, o que case sempre teño posto na casa. O que aconteceu foi que a SER se centralizou naquel momento, para facer o máis groso da programación desde Madrid, dando así menos cancha á «periferia». E, cando tiven que elixir, decanteime pola televisión, na que tiña agromado un movemento a prol da democratización de TVE en Galicia. Naquel grupo pequeno había cohesión para contar o que pasaba no país, con lealdade e desde a dignidade. Creo que na televisión daquel tempo, incluso no 73, cando empezamos, se facía unha televisión moitísimo máis digna da que se fai agora en determinadas canles, incluída TVE.

Ser o primeiro rostro da televisión en contar en galego a actualidade significou entrar a formar parte do día a día de fogares de toda Galicia. Aquela popularidade supuxo máis vantaxes ou máis inconvenientes?
Pasaba todo o tempo pechada, tentando compaxinar a radio coa televisión e con La Voz de Galicia, así que non tiña tempo nin sequera para quedar a falar coa xente coñecida, ou para que me abordaran na rúa, porque apenas a pisaba. Houbo épocas, durante dous anos, nas que durmía tres horas. Saía da radio preto das dúas da mañá, porque pechaba a emisora, e volvía ás seis da mañá. Logo pasaba toda a mañá e parte da tarde na tele, para volver ás oito á radio! Pero, desde a miña perspectiva, a popularidade ten moitísimas vantaxes: ter mesa sempre que chegas a un restaurante, notar o cariño da xente, poder axudar ás persoas que che piden o teu apoio contando ben a súa historia… Estas cuestións a min sempre me pareceron vantaxes e non inconvenientes. A min a popularidade nunca me amolou.

Galicia sempre foi a meta ou nalgún momento consideraches dar o salto a Madrid, como fixeron Castaño ou Mariñas?
Non. Pedíronmo da radio e da televisión, pero a min teríame custado moito deixar Galicia. Por xente coñecida sabía que Madrid era unha xungla tremenda onde cada día espertas pensando se conservarás o traballo do día anterior. E, aínda que é certo que traballando en Madrid es máis coñecido, esa popularidade pode chegar a ser molesta. Creo que para converterte nun bo profesional de calquera ramo non tes por que marchar do teu país. A min encantoume desenvolver a miña carreira profesional aquí, na miña terra.

A retransmisión da chegada dos restos de Castelao a Compostela é historia da televisión. Pasado o tempo, que espazo ocupa no teu arquivo o 28 de xuño do 84?
Naquel momento parecíame que estaba a facer algo absolutamente normal porque con Alexandre Cribeiro na dirección tiña liberdade para facelo. Pensei que todo o mundo falaba de Castelao, pero que moi pouca xente o lera, porque Castelao era o dos debuxos humorísticos, o do teatro, era o de Os vellos nos deben de namorarse, así que collín Sempre en Galiza e fixen un resumo. A miña sorpresa foi atoparme no xornal do día seguinte a un persoeiro da cultura dicindo: ‘Unha terrorista transmitiu a chegada dos restos de Castelao’. E ou non coñeces a Castelao, o que é vergoñento desde a óptica dun intelectual, ou o coñeces e tratas de enterralo e que non se fale do Castelao político. Por fortuna, moitísima xente amosoume o seu afecto, como fixo Ferrín coa contraportada Tareixa Navaza, a voz da liberdade. Visto desde a óptica actual, sinto orgullo e penso que ninguén se atrevería a facer o que eu fixen no ano 84; e, malia que aquela retransmisión representou un custo profesional para Cribeiro e para min, acepteino moi ben.

O compromiso e o xornalismo son un cóctel perigoso ou a identidade e a coherencia sempre pagan a pena?
Kapuściński dicía que para ser bo xornalista tes que ser boa persoa, e para min ser boa persoa significa non mentir, ser leal. O xornalista é unha correa de transmisión: tes que presentarlle á cidadanía todas as visións dun problema, para que cada quen se faga a súa propia composición. A min considerábanme moi ousada, moi impulsiva. Dicían que facía as cousas sen pensar e que iso podía ter consecuencias negativas para min… Pero é unha cuestión de egoísmo, porque polas noites quero durmir, quero mirarme nun espello e recoñecerme, saber que non teño traizoado ao país do que estou tentando ser voz a través dunha cámara ou dun micrófono.

Un sabor fixado na túa memoria?
O chocolate que tomaba na casa da miña avoa materna, en Mazarelos, co soar das campás das Mercedarias.
Hai alguén imprescindíbel?
Todas as persoas que loitan por mellorar a sociedade.

Como se dixire o converterse en referente da comunicación en Galicia ao tempo que TVE te envía ao faiado? Como vives os anos de mobbing?
Daquela xa estaba a traballar coas feministas, coa asociación galega da muller, cos ecoloxistas, coa xente en defensa do medio ambiente; traballaba cos pacifistas e cos que non querían facer a mili… Era portavoz de moitos colectivos, e participaba en moitas mesas redondas e manifestacións. Que tomara parte en tantas actividades molestaba a quen me castigaba, mandándome ao faiado. Cheguei a sentir unha tristura enorme polo feito de cobrar unha nómina a fin de mes por non facer nada ou simplemente por poñerlle a voz a un texto dun compañeiro, porque a min me negaban a posibilidade de escribir, de saír en imaxe etcétera; pero asumín que non traballaba porque non o quixese facer, senón porque así o quería quen o tiñan que decidir, os comisarios políticos. E eu, para que quen me machacaba non me vise un mal xesto ou unha bágoa, era «la alegría de la huerta». Nunca pensei, mira o que me pasa! E esa era a miña situación cando o BNG me propón entrar a formar parte do Consello de Administración da CRTVG. Porén, eu nunca suspirei por un despacho, ou por ser directora, ou por ser xefa de non sei que! A min o que máis me gustaba era coñecer persoas novas, facer entrevistas, facer reportaxes, facer comunicación.

Ves de renunciar ao premio co que a Xunta de Galicia quería agasallarte no día da muller por mor da decadencia dos medios públicos. Cando o poder moldea a información ao seu gusto, a democracia é pura ficción?
Pura ficción. Considero que a democracia en España é moi fráxil. Non hai máis que ver o que está pasando co Partido Popular e co Partido Socialista! É unha situación dramática e dáme moitísima magoa. Sublévame esa pasividade do «todos son iguais», do «que máis ten», do «xa que estes están no poder, que sigan». A xente non se dá conta da manipulación ata que se converte en parte dos colectivos en conflito. Eu hoxe infórmome fundamentalmente na prensa dixital, onde podo ler artigos de opinión moi bos e onde me contan cousas que os xornais en papel non contan.

Un bo plan para o outono?
Pasar todo novembro metida en Cineuropa. Ver moito cine, moito teatro, ler, e escoitar música.
Ingredientes da túa receita da felicidade?
Tratar conscientemente de non facer mal a ninguén e ser leal cos teus.

En que se parece o Panorama de Galicia actual ao que conducías desde os estudos do pazo de Raxoi? A muller e a cidadanía son máis libres ou o conformismo está a gañar a batalla?
O conformismo está a gañar a batalla. Cando fas un varrido polos informativos das diferentes canles, case todos falan sobre os mesmos temas. É como se houbese un toque de corneta e todo o mundo tivese que falar de a, b, c e punto.

A que persoa, grupo ou institución molestaría máis un libro de memorias de Tareixa Navaza? Non sentes o desexo de contar a túa historia sen censuras?
Os meus amigos dinme que debería escribir as miñas memorias, pero eu digo que non pode ser, porque tería que contar a verdade, e iso sería terríbel para moitas persoas consideradas ídolos e líderes de opinión. As miñas memorias morrerán comigo.

«É tremendo comprobar que, aínda que se teña avanzado moito, a muller segue sen ter cargos de responsabilidade. Na facultade de xornalismo o 90% son mulleres, pero seguen sen acadar cargos de responsabilidade real».

«Para resistir neste país hai que ter fundamentalmente dúas cousas: bo humor e mal leite». Con esta frase lapidaria remata Tareixa Navaza. A voz da liberdade, o documental co que te homenaxeou o Consello da Cultura Galega. Esa combinación resiste ao paso do tempo?
Totalmente. Hai que rirse moito, moitísimo! como se estiveses no ximnasio; e despois hai que ter carácter e non ser submiso. É tremendo comprobar que, aínda que se teña avanzado moito, a muller segue sen ter cargos de responsabilidade. Na facultade de xornalismo o 90% son mulleres, pero seguen sen acadar cargos de responsabilidade real. Levan cultura e sociedade, pero a economía e a política dificilmente lles toca ás mulleres. Segue parecendo fatal que a muller teña criterio e que o defenda fronte a un xefe home, e iso é duro de rillar. Por iso hai que botarlle humor á vida.

Queres ollar outros contidos relevantes?

María Miramontes: modista e galega

150 150 CORALIA

María Miramontes: modista e galega

Por ENCARNA OTERO CEPEDA

Historiadora

María Dolores Miramontes Matos (Bergondo, 1885-Bos Aires, 1964) naceu nunha familia de xornaleiros. Con 11 anos, entrou de aprendiza nun obradoiro de costura; os tecidos, as agullas, os fíos e o bo facer no labor marcarán a súa vida de emprendemento e achega económica a tantos proxectos de Galiza. Naquela Coruña republicana e galeguista, na busca dos dereitos e liberdades das mulleres, vai alimentar María as súas inquedanzas culturais e políticas e, así, entra a militar nas Irmandades da Fala, e xunto a outras irmás -Elvira Bao, Amparo López Jeán e moitas máis- crean a Sección Femenina da Irmandade da Fala da Coruña no 1918. Nesta sección, María será vogal. Xuntas, as irmás traballan a prol dos dereitos das mulleres e actúan facendo teatro en galego, bordando bandeiras e solidarizándose coas loitas agraristas e cos dereitos das tabaqueiras da Coruña.

Naquela Coruña republicana e galeguista, na busca dos dereitos e liberdades das mulleres, vai alimentar María as súas inquedanzas culturais e políticas e, así, entra a militar nas Irmandades da Fala, e xunto a outras irmás -Elvira Bao, Amparo López Jeán e moitas máis- crean a Sección Femenina da Irmandade da Fala da Coruña no 1918.

Son elas as que convencen ao resto das Irmandades para que os manifestos nacionalistas, e moi en especial o da Asamblea de Lugo, recollan como punto político os dereitos das mulleres. Neste círculo da Irmandade da Coruña coñece ao home co que vai partillar a súa vida: Ánxel Casal -galeguista, republicano e comprometido cos dereitos de Galiza-. Os proxectos da Editorial Lar, da Editorial Nós, das Escolas de Ensino galego, a militancia no Partido Galeguista, o primeiro Estatuto de Galiza e, mesmo, a alcaldía de Compostela, en 1936, son soños e traballo en común.

Vive tamén un drama persoal que a marcou de por vida: un aborto que lle impedirá ser nai.

Ánxel Casal e María Miramontes trasládanse a vivir a Compostela en 1931. Nesta cidade, María desenvolverá até 1936 o seu traballo de modista. As rúas das Hortas, do Inferniño (hoxe rúa de Xelmírez) e do Vilar saben ben do traballo exclusivo desta muller: vestimenta feita con cariño, desde a moda que chegaba de París e de América, a través da emigración, con tecidos de calidade, con mestría na agulla e na tesoira; moda compostelá que tan ben recolleu Francisco Vázquez Díaz (Compostela) no seu conxunto de debuxos titulado Berros, oficios, servicios, cerimonias e sucedidos. 1935-1936. Quizais no seu camiñar pola cidade, na busca de tecidos, na entrega de traballo, moitas veces en compañía de Ánxel Casal, coincidiu con Xulia Martínez, con Elvira Santiso, con Concha Castroviejo, con varias das irmás Fandiño Ricart, con María Vázquez Suárez e con tantas mulleres que, en Compostela, vivían anos de liberdade e de ledicia.

Residen na Coruña até 1931, onde María monta unha tenda de retallos que compaxina co seu traballo de modista.

A Editorial Nós, na que traballaba Ánxel Casal, e que publicaba tamén libros en galego para nenos e nenas da Escola Pública -escola obrigatoria até os 14 anos tal e como a II República lexislara e aprobara na Constitución-, a campaña do Estatuto Galego de 1936 e o Partido Galeguista (do que María era militante) coñeceron tamén a achega económica desta modista valorada na cidade.

Consello da Cultura Galega
Arquivo fotográfico

Neste círculo da Irmandade da Coruña coñece ao home co que vai partillar a súa vida: Ánxel Casal -galeguista, republicano e comprometido cos dereitos de Galiza-. Os proxectos da Editorial Lar, da Editorial Nós, das Escolas de Ensino galego, a militancia no Partido Galeguista, o primeiro Estatuto de Galiza e, mesmo, a alcaldía de Compostela, en 1936, son soños e traballo en común.

Logo da aprobación do Estatuto de Autonomía, no mes de xuño de 1936, Ánxel Casal vai a Madrid e, de volta, trala sublevación militar franquista do 18 de xullo, ponse ao fronte do Comité de Defensa da República na cidade. Ánxel vai ser detido e encarcerado na Falcona de Compostela e brutalmente asasinado e tirado a unha gábea na estrada de Cacheiras, na noite do 18 ao 19 de agosto. María Miramontes, despois desta nova traxedia na súa vida, agóchase na Coruña e, en novembro, sae por Lisboa para Bos Aires, onde traballará de modista, bordando de novo bandeiras galegas para o exilio. Casa cun curmán emigrado e relaciónase con xente do exilio, sobre todo con Maruxa e Luis Seoane. Este fará a crónica na prensa do seu pasamento no ano 1964 en Bos Aires. Alí pechou os ollos, pero o seu corazón xa estaba morto desde 1936.

Aquí tes máis contidos relevantes:

Compostela e os músicos da rúa

por HELENA VILLAR JANEIRO

A miña música compostelá

Por CARME HERMIDA GULÍAS

Compostela futura na miña memoria

Por XEMA VARELA

«A miña patria é a miña infancia»

150 150 CORALIA

«A miña patria é a miña infancia» escribiu o poeta Baudelaire...

Por JOSÉ ANTONIO LIÑARES

Hotel-Terraza Costa Vella

Cada ano, o primeiro sábado de xuño celebramos no barrio de San Martiño Pinario a festa “50 anos aló”. O obxectivo é rememorar e ambientar na medida do posíbel as rúas da contorna da fermosa praza de San Martiño como si viaxaramos no tempo cincuenta anos atrás. Os veciños e os festeiros máis atrevidos caracterizámonos como persoeiros de época, escoitamos música dos sesenta e setenta e dámolo todo na pista de baile. A cousa é pásalo ben cunha escusa tan boa como calquera outra.

Cada ano, o primeiro sábado de xuño celebramos no barrio de San Martiño Pinario a festa “50 anos aló”. O obxectivo é rememorar e ambientar na medida do posíbel as rúas da contorna da fermosa praza de San Martiño como si viaxaramos no tempo cincuenta anos atrás.

Cando era neno o portal que hoxe dá entrada ao xardín do hotel Costa Vella no principio da rúa da Porta da Pena sempre permanecía pechado e a porta estaba medio estragada, por mor, en boa parte, dos continuos golpes de balón que recibía por ser unha das portarías do noso campo de fútbol; a outra portería debuxabámola cun cacho de tella en fronte, na casa grande na que vivía unha dona misteriosa e elegante á que chamabamos A rusa.

Aquí nunca pasou nada. Non quero pensar cantas ordenanzas municipais se estarían a violar hoxe en día se a un grupiño de nenos se lles ocorre cortar unha rúa cunha boa fogueira sen lle solicitar permiso ao consistorio.

Eu vivín neste barrio practicamente toda a vida e desde aquel tempo as cousas mudaron moito. Cando era neno o portal que hoxe dá entrada ao xardín do hotel Costa Vella no principio da rúa da Porta da Pena sempre permanecía pechado e a porta estaba medio estragada, por mor, en boa parte, dos continuos golpes de balón que recibía por ser unha das portarías do noso campo de fútbol; a outra portería debuxabámola cun cacho de tella en fronte, na casa grande na que vivía unha dona misteriosa e elegante á que chamabamos A rusa.

Moi de vez en cando pasaba un coche que interrompía os xogos na rúa, pese ao cal sempre había un garda regulando o tráfico na curva da rúa de San Roque coas Rodas. A súa presenza representaba un gran misterio para nós xa que por aquel tempo case que non había tráfico e os vehículos e autobuses urbanos eran moito máis pequenos.

A pesar disto, un axente permanecía ocioso a maior parte da súa xornada no medio da curva dirixindo un tráfico practicamente inexistente. Por sorte, a poucos pasos estaban os bares de Olegario e Manolo para que o Bacinilla que tocase -como lles chamabamos aos gardas por mor da forma do seu casco- puidese tomar un ribeiro a 5 pesetas e aliviar o seu aburrimento.

Hoxe en día o tráfico é infernal e non hai Bacinilla, os bares mencionados están pechados e as cuncas deixaron paso aos viños de «alta expresión». Tamén había naqueles tempos varias pensións de estudantes universitarios no barrio, e lembro que cando chegaba a noite de San Xoán, xa a finais de curso, algúns aproveitaban para queimar apuntamentos vellos de materias xa superadas na cacharela. E, aínda que a cacharela do barrio era de dimensións considerábeis, non era necesario obter permiso algún, nin tan sequera botabamos area na base, porque non pasaba nada. Aquí nunca pasou nada. Non quero pensar cantas ordenanzas municipais se estarían a violar hoxe en día se a un grupiño de nenos se lles ocorre cortar unha rúa cunha boa fogueira sen lle solicitar permiso ao consistorio.

Co paso do tempo a peonalización chegou ao barrio, os estudantes foron deixando paso aos turistas e as vellas pensións transformáronse en hoteliños con encanto.

Agora resulta practicamente imposíbel aparcar, as cacharelas están prohibidas, non se pode xogar ao fútbol na rúa e tampouco se poden facer hoteis. Mesmo nos van matar de aburrimento.

A miña patria é a miña infancia.

Contido extraído do número 6.

Aquí tes máis contidos relevantes:

María Miramontes: modista e galega

Por ENCARNA OTERO CEPEDA

Compostela e os músicos da rúa

por HELENA VILLAR JANEIRO

Compostela: Sinfonía de notas

Por ENCARNA OTERO CEPEDA

Compostela: Sinfonía de notas

150 150 CORALIA

Compostela: Sinfonía de notas

Por ENCARNA OTERO CEPEDA

Historiadora

Santiago de Compostela dispón dun territorio onde a auga canta, o silencio fala e a néboa soña. Está chea de sons, de músicas. É territorio de artistas mulleres que aledaron e aledan a vida coas súas cantigas e das que cómpre saber e coñecer para poder gozalas.

Eugenia Osterberger1, a compositora galega da Belle Epoque, naceu en Santiago no 1852. A súa familia, de orixe alsaciano, vivía e traballaba en Compostela. O seu pai era tipógrafo nun negocio da Rúa do Vilar. Eugenia formouse en Santiago e en Francia. O instrumento elixido foi o piano e as paredes da súa casa familiar da Rúa Nova aínda gardan notas e sons. Traballou dando aulas de francés e piano en Santiago. Tras o seu casamento con Francisco Saunier (enxeñeiro na fábrica de gas de Compostela), a parella asenta na Coruña por traslado do seu marido. Na Coruña, Eugenia continúa a tocar e compoñer, musicando, entre outros textos, poemas de Filomena Dato. No salón literario e artístico da súa casa, frecuentado pola meirande parte da intelectualidade coruñesa, Eugenia traba amizade con Sofía Casanova, que se converte en amiga persoal súa, mentres traballan conxuntamente na Liga Gallega. Sofía dedicaralle un poema e será tamén ela quen poñerá a Eugenia en contacto cos membros da Cova Céltica. Tamén tivo unha fonda amizade con Emilia Pardo Bazán coa que traballará no nacemento da Sociedad de Folklore Gallego. Eugenia foi así mesmo académica correspondente da Real Academia Galega.

Santiago de Compostela dispón dun territorio onde a auga canta, o silencio fala e a néboa soña. Está chea de sons, de músicas. É territorio de artistas mulleres que aledaron e aledan a vida coas súas cantigas e das que cómpre saber e coñecer para poder gozalas.

Fina Sanz, violonchelista, deleitaba co seu saber musical os concertos do Café Saboy, como nos relata a prensa do ano 1935, que tamén sinala a actividade musical doutras concertistas, sobre todo de piano.

Mais falabamos de Compostela que, co tempo, continuou o ronsel marcado por Eugenia. Fina Sanz, violonchelista, deleitaba co seu saber musical os concertos do Café Saboy, como nos relata a prensa do ano 1935, que tamén sinala a actividade musical doutras concertistas, sobre todo de piano.

Hoxe este ronsel de mulleres asolaga o granito de Compostela e, a modo de fervenza, enche o mundo de sons, músicas e cantigas: Laura Alonso Padín, Uxía Senlle, Mercedes Peón, Leilía, Tanxugueiras, De Vacas, A Banda da Loba son só unha pequena mostra das numerosas compostelás que non poden ter cabida neste curto relato e que dan continuidade a este inmenso labor e seitura musical.

A Real Filharmonía e a Banda Municipal de Música tamén teñen mulleres instrumentistas dunha inmensa calidade e tesón no seu labor, moitas veces pouco recoñecido.

E mesmo Compostela ten na Rúa Nova, na mesma rúa na que naceu e estudou música Eugenia Osterberger, un espazo comercial, que baixo o nome de O Pazo das Musas, ofrece mercadorías que alimentan o corazón musical das persoas residentes e visitantes desta cidade sempre tan querida que é Santiago de Compostela.

Santiago de Compostela, 28 de decembro de 2017

1 Beatriz López-Suevos, Susana de Lorenzo e Rosario Martínez Martínez: Eugenia Osterberger. A compositora galega da Belle Epoque (1852-1932). Libro-CD. Editorial Ouvirmos (2017)

Aquí tes máis contidos relevantes:

María Miramontes: modista e galega

Por ENCARNA OTERO CEPEDA

Niké

Por ANXO RABUÑAL

Compostela futura na miña memoria

Por XEMA VARELA

Carmen Eixo

150 150 CORALIA

Logo de case corenta anos da apertura do Dado Dadá Jazz Club, primeiro club de jazz de Galicia, a empresaria Carmen Eixo segue a reivindicar a maxia da música en vivo e unha identidade propia para o lecer nocturno do ensanche compostelán, ao igual que fixera Carlos Asorey ata o seu pasamento hai dez anos.

Muller sabia e sensíbel, Carmen Eixo evita sempre ser foco de atención e prefire outorgar aos demais os seus méritos, talvez porque ela, co corazón cheo de melodías compartidas, non precisa aplausos.

Noite tras noite, Carmen Eixo segue proporcionando felicidade a propios e estraños, improvisando esa banda sonora singular capaz de facer irrepetíbel cada noite compostelá.

Grazas a Carmen e ao Dado Dadá, na zona nova o ritmo está máis vivo ca nunca e o jazz continúa a facer historia.

SOCIEDADE

Cal é a melodía que che transporta máis atrás no tempo?
Cada vez que me ven a memoria Ansiedad, cantada por Nat King Cole, volvo moi atrás.

E cal é a primeira melodía que asocias ao Dado?
A Carlos gustáballe moito poñer a Frank Sinatra, e inda que probabelmente non sexa o que máis se escoitaba, é o que eu recordo con máis nitidez.

A apertura do Club en pleno ensanche compostelán en 1980 nos sitúa diante dunha cidade moi diferente á actual. Como era aquela cidade e como encaixou a apertura do local?
Aquela era unha cidade con moitas gañas de vivila rúa e con moita xente nova, pero naquel Santiago non se atopaban nin gran número de locais nocturnos nin espazos con oferta musical diferenciada. Foi nese Santiago no que naceu o Dado ofertando jazz, clásica e folk, uns estilos moi minoritarios que por mor da súa singularidade atraían clientela de todo tipo. Había quen nos visitaba porque se sentía identificado coa música, e tamén quen o facía porque era o local de moda.

E como eran Carmen Eixo e Carlos Asorey naquela época?
Carlos era moi novo naquel tempo. E aínda que el sempre era amábel, por mor da súa introversión non daba moita conversa até coller un chisco de confianza. A Carlos gustáballe moito a maxia e a música, e houbo moita xente que lle colleu aprecio pola súa personalidade diferente e leal. Moitos sentiron o seu falecemento e aínda hoxe seguen visitando o local e lémbrano con cariño… En canto a min, non sei que dicir. Quizais podería falar mellor de min a xente que me coñece.

Carme Eixo, Dado Dadá Jazz Club

«Aquela era unha cidade con moitas gañas de vivila rúa e con moita xente nova, pero naquel Santiago non se atopaban nin gran número de locais nocturnos nin espazos con oferta musical diferenciada. Foi nese Santiago no que naceu o Dado ofertando jazz, clásica e folk, uns estilos moi minoritarios que por mor da súa singularidade atraían clientela de todo tipo».

Ser pioneiros ten connotacións boas e menos boas. Selo do jazz en Galicia foi doado?
Para nós foi un factor positivo. De feito, ás jam session viñan músicos de toda Galicia e até de fóra da comunidade porque non había outro local no que se fixeran. Ademais, a novidade sempre resulta atractiva, até o punto de chegarmos a ter cinco camareiros traballando. Tamén fomos pioneiros na retransmisión en directo dos concertos, iso que agora se coñece como streaming, unha actividade que por mor de dificultades técnicas non puido manterse no tempo.

Co corenta aniversario chamando á porta, a túa análise da evolución do consumo da música en vivo e do ocio nocturno ten moito peso. Para Carmen Eixo, calquera tempo pasado foi mellor? Que queda daqueles inicios?
Agora hai máis oferta cultural, pois a exclusividade é parte do pasado. A competencia obrigounos a agudizar o enxeño, pero a entrada de outros actores tamén favoreceu a adquisición do costume do consumo da música en directo por parte de públicos novos. O ocio nocturno ten cambiado como cambiou a sociedade! Nos oitenta, ao non haber redes sociais, quedábase a unha hora nun local e a xente íase movendo polos mesmos sitios. Era a maneira que había de facer vida social, pero agora a vida social faise desde a casa. O que non creo que cambiara daquela a agora é o obxectivo: divertirse e pasar un rato agradábel, por iso nós sempre procuramos e procuraremos facer o que estea na nosa man para que así sexa. Un sorriso e amosar interese polos clientes non custa nada.

En tempos, a cabina e os vinilos ocupaban un espazo central do Dado. O boom do vinilo entre os consumidores de música gravada pode representar unha nova época dourada para clubs e locais nocturnos?
Penso que si. Que a xente valore máis o traballo que hai detrás da música, tanto da gravada como da que se fai en vivo, sempre é positivo. Que se merque música, dunha maneira ou da outra, axúdanos a continuar.

A listaxe de promesas e estrelas que teñen actuado no teu club é un tesouro para Compostela, pero para ti cales son eses artistas que, até o momento, teñen dado nome ás noites máis inesquecíbeis?
Non sei se debería dar nomes logo de 37 anos, porque vou esquecer moita xente. Tanto os músicos, como os magos, como os clientes habituais merecerían ser lembrados. No Dado temos pasado noites memorábeis con músicos como os que formaban Clunia Jazz, un dos primeiros tríos de jazz -senón o primeiro- de Galicia, e do que formaban parte Nani García, Baldo Martínez e Fernando Llorca. Tamén temos pasado moitas noites memorábeis e forxado estreitas amizades co pianista Abe Rábade, co saxofonista Pablo Sax, ou con magos como Anthony Blake -que estudou en Santiago-, co mago Antón ou con Tamariz, que aínda hoxe nos visita sempre que pode. Gustaríame salientar asemade a gravación do disco en directo de Pedro Iturralde, do que somos produtores, Etnofonías: peregrinaje musical a Compostela, do que moita xente aínda hoxe se lembra. Tamén foron inesquecíbeis as noites de presentación dos dous primeiros discos de Milladoiro.

Desde sempre, figuras de primeira liña e novos valores comparten escenario e aplausos no Dado. Como será este ano no que ás actuacións en vivo se refire?
Hai nomes que poidas anunciar ou o segredo é o mellor aliado das salas? Temos moitas propostas entre mans, pero poucas datas pechadas así que de momento é preferíbel manter o calendario en segredo. O que si podemos dicir é que contaremos con figuras recoñecidas do circuíto estatal. Os tempos cambiaron moito e hoxe, utilizamos as redes sociais para anunciar as actuacións. Para teren a información máis actualizada, os lectores poden seguirnos en Facebook (dadodada.jazzclub).

Cunha paixón tan grande como o Dado, que significa na túa traxectoria Lamas de Abade?
Durante moitos anos, Lamas de Abade permitiume manter contacto con diferentes xeracións de xente nova á que lle gardo moito aprecio, á quen ademais tamén lle gustaba visitar o Dado. Por outro lado, era un sustento económico que nos permitía arriscar un pouco máis no negocio da música. Dei clase no ciclo de próteses dentais até que os problemas de alerxias aos produtos utilizados me impediron continuar, pero aquel tamén era un oficio que me gustaba.

Que é mellor para mirar a vida con tenrura? Unhas lentes sen montura ou as de cu de botella de Juan Tamariz?
Para enfocar a vida non se precisan lentes. Para vela con tenrura o mellor é mirala co corazón. A maxia é consubstancial ao club.

Cal é ese truco que non pasa de moda e cal ese truco que a Carmen lle gustaría dominar?
As aparicións e as desaparicións non pasan de moda. E algo que a min me gustaría dominar para poder utilizalo na vida diaria.

A canción da túa vida?
«My Way» de Frank Sinatra ou «Garota de Ipanema», que tamén é un clásico das jams. Cando as escoito, vánseme os pés sen darme conta.
A noite máis memorábel que lembras?
Hai moitas, pero, por exemplo, recordo un
día en que invitamos a actuar a Juan Tamariz, coincidindo coa súa participación nun congreso. O congreso cancelouse, pero el non nos dixo nada e veu actuar igual. Pasamos horas e horas de conversa e maxia. Xamais o esquecerei.
O día é bo para...?
O día ben aproveitado comporta soños felices. No día podes facer moitas cousas distintas, pero procurando sacarlle o máximo proveito.
Cantas horas dormes nun día normal?
Durmo pouco e mal. A verdade é que nun día normal non soneo máis de 5 horas.
O jazz que é?
É improvisación. Ademais de ser unha arte recoñecida en todo o mundo, o jazz é un estilo de vida.

«Para enfocar a vida non se precisan lentes. Para vela con tenrura o mellor é mirala co corazón»

O Dado é unha declaración de amor en toda regra, pero para que locais con historia como o teu sigan a facer anos e sigan a construír cidade, que mimos necesitan?
Necesitamos apoio, sobre todo, dos clientes. Que valoren o esforzo que se fai á hora de tentar manter intacta a esencia dun local con tantos anos ás costas. É relativamente fácil poñer un local de moda baixando os prezos ou poñendo a música comercial do momento, pero nós preferimos ser selectivos nese aspecto, aínda que nos custe, para conservar o que o Dado quixo ser desde a súa orixe. Tamén é importante o apoio dos medios de comunicación, das administracións públicas e de patrocinadores privados que de cando en vez nos dan un empurrón. Teño que salientar, iso si, que a prensa se porta moi ben con nosoutros. Tamén quero destacar o apoio que estamos a recibir de 1906 para poder continuar programando música en directo.

E cal é a percepción que tes, como empresaria e como integrante do Pleno da Cámara de Comercio, do momento que vive o lecer no Ensanche compostelán en relación á zona monumental? Cara onde vai a noite?
A miña percepción do estado do lecer nocturno quizais non é a máis acertada porque é a hora que a min me toca traballar e non podo ver o que pasa noutros sitios. O que si que penso é que o ensanche está un pouco silenciado con respecto á zona monumental, polo menos no que ao turismo se refire. Non debería haber diferenzas, tendo en conta a escasa distancia que hai dunha punta á outra da cidade. Máis que representar competencia, unha maior oferta hostaleira no ensanche beneficiaríanos. Neste senso, a miña sensación é que a zona se está empezando a mover algo máis e que nestes últimos dous anos se está a apreciar unha interesante reapertura de locais de viños e petiscos, pero tamén que queda moito por facer.

E por último, que é máis doado? facer realidade un soño ou manter ese soño vivo?
As dúas son cuestións que entrañan gran dificultade, pero hai que persistir!

Carme Eixo, Dado Dadá Jazz Club

Entrevista extraída do número 8.

Queres ollar outros contidos relevantes?

María Rosaura Leis

150 150 CORALIA

Os seus pasos dirixíanse cara á Nefroloxía ata que o seu mestre e mentor, o doutor Rafael Tojo, lle sinalou o seu verdadeiro destino: «Ti serás pediatra!».

Hoxe, María Rosaura Leis é profesora titular de Pediatría da Facultade de Medicina da USC, coordinadora de Gastroenteroloxía, Hepatoloxía e Nutrición Pediátrica do CHUS, e codirectora, entre outras moitas responsabilidades, do Grupo de Investigación do IDIS.

Defensora infatigábel da dieta atlántica, a doutora Leis prevennos nesta entrevista sobre as consecuencias da inactividade e o sedentarismo infantil, que levarán os nenos a padeceren enfermidades «de vello» como o alto colesterol ou a alta resistencia á insulina. Para poñerlle freo, María Rosaura Leis convídanos a apagar a televisión e a tableta, e a fomentar entre os nenos o brilé, as agachadas e o matado.

SOCIEDADE

Con dez anos xa sabías que querías estudar medicina. O máis difícil foi escoller especialidade?
Nunca crin que acabaría sendo pediatra. Os nenos gustábanme moito, pero non os quería ver enfermos. Lembro que, sendo alumna de último curso, o profesor Tojo díxome un día que tiña para min unha tese de licenciatura que podería desenvolver. Acaeceu cando viña de asinala co profesor Antonio del Río, para facela en Nefroloxía. «Ti serás pediatra!» asegurou Tojo, considerando que estaba errada. E, a pesar de facer a miña tese de licenciatura en Nefroloxía, cando rematei a carreira, decidín quedar como alumna interna en Pediatría, para facer a tese de doutoramento. Ao ano seguinte, obtiven unha bolsa do Ministerio de Educación en profesorado e persoal investigador, coa que deu comezo a miña formación en Pediatría.

Como era Santiago e a vida estudantil en 1980 cando chegaches ao colexio maior?
En liñas xerais, non era moi distinta á de agora. Eu viña de estudar toda a vida na Estrada, pero ao ser filla única, quería estar con outras nenas, quería vivir a universidade. Teño que recoñecer que no colexio e no instituto tiven grandes mestras, como Noni, que xa nos falaba da universidade en quinto de EXB, así que, cando cheguei a Santiago, fíxeno con toda a ilusión por aprender e poder compartir a aprendizaxe coas miñas compañeiras. Lembro que cheguei ao Colexio Maior Rodríguez Cadarso -que naquel intre se chamaba Generalísimo Franco-, o día da festa colexial. En canto nos sentamos no tresillo que había na entrada a agardar pola directora e escoitei: «Onde está o secador de pelo? Sube pintarme as uñas!», souben que aquel era o meu sitio! Desde o meu punto de vista é moi importante salientar o valor dos colexios maiores na vida da Universidade. Son un plus a maiores da formación que recibes na carreira. Marcou, sen ningunha dúbida, a miña vida e a miña decisión por seguir na Universidade.

En que mudou a carreira de Medicina na Universidade de Santiago, desde os anos 80 ata a actualidade?
Mudou moito. En Medicina, con Boloña e co grao, agora hai unha formación máis práctica. É certo que os alumnos precisan ter unha boa formación teórica, pero esta formación teórica, sen a práctica, sen estar ao pé da cama do paciente, sen ver unha historia clínica, sen entender como se sente un paciente, queda coxa. Non só se trata a enfermidade, trátase unha persoa e hai que saber chegar a ela, entender o que nos di e o que nos deixa de dicir. Penso que nunca houbo xeración mellor preparada ca a de agora. Hoxe os estudantes veñen con ganas e moi boa formación en idiomas e informática, esenciais para traballar con equipos doutros lugares. O que boto en falta é que non lle poidamos ofertar a estes alumnos, tan ben preparados, unha saída laboral.

Moitos dos seus mestres convertéronse co paso do tempo en compañeiros de claustro, pero cal son desde o teu punto de vista os grandes referentes da medicina compostelá?
A Escola Médica Compostelá ten unha antiga e prestixiosa historia, e un presente e futuro moi prometedores. Ao falarmos de referentes, dalgún xeito estamos a analizar a nosa historia. Do período da miña licenciatura debo sinalar o profesor Domínguez en Fisioloxía, o profesor Puente en Cirurxía, e o profesor Novo en Obstetricia e Xinecoloxía. E debo facer unha mención especial no campo da Pediatría, que é a miña especialidade, ao profesor Peña, mestre da Pediatría santiaguesa e española; ao seu sucesor e o meu mestre, o profesor Tojo, un referente na Pediatría e na Nutrición Pediátrica española e europea. E ademais gustaríame mencionar os profesores Fraga, Pombo, Castro Gago e Martinón, líderes en distintas especialidades pediátricas, que despois foron os meus compañeiros de Departamento.

Onde radica a orixe da altísima valoración da Medicina da USC dentro e fóra de Galicia?
A medicina compostelá sempre foi boa. Cando eu era pequena, xa se viña a Santiago visitar o doutor, porque a de Santiago xa era a Facultade de Medicina de Galicia. O éxito tamén reside na centralización de recursos e no traballo de todos os compañeiros, pero non só dos médicos, senón dos profesionais de Enfermaría, Odontoloxía e das outras facultades que serven de apoio a Medicina, como Química ou Farmacia. O profesor Carracedo de Xenética, o profesor Casanueva en Endocrinoloxía, o profesor Diéguez, director do Ciber de Obesidade, o profesor Castillo, director do Instituto de Investigacións Sanitarias de Santiago e do Servizo de Neuroloxía, son coordinadores de importantes grupos de investigación que están a situar a Medicina Compostelá no máis alto nivel.

Para a coordinadora da Unidade de Gastroenteroloxía, Hepatoloxía e Nutrición Pediátrica do CHUS, a que problemas se enfronta a área de Compostela?
En relación ás patoloxías, enfrontámonos a unha alta demanda asistencial, xa que son moitas as enfermidades que teñen relación co aparato dixestivo e coa nutrición. Precisamos máis persoal para atendermos a demanda e para introducir novas técnicas. Ademais, deberíamos dispor dunha unidade de obesidade pediátrica, xa que a Organización Mundial da Saúde (OMS) recoñece a obesidade como a gran pandemia do noso século, que require de unidades especializadas para poder coordinar a asistencia integral ao neno obeso. Hoxe xa sabemos que moitas enfermidades teñen a orixe no útero materno e están relacionadas coa alimentación da nai, da xestante e da que aleita, e que a marca metabólica asociada a eses balances desnutricionais vai ser decisiva á hora de saber de que imos enfermar e morrer. Hai que sinalar que, cando ao ano de vida o neno se incorpora á mesa familiar, pasa de comer verdura a comer patacas fritidas. Esquecémonos da verdura porque na casa non estamos a facer unha boa dieta. O neno e o adulto teñen que facer cinco comidas ao día, e cando se fai unha comida rápida, empeora a inxestión de toda a xornada e xa non somos quen de compensar esa comida. En realidade, non hai alimentos prohibidos, o que hai son malas dietas. E malia que un chourizo do país estea moi rico, non podemos tomalo todos os días. Temos que ser capaces de facer un dieta sa, variada e diversa. 

«O neno e o adulto teñen que facer cinco comidas ao día, e cando se fai unha comida rápida, empeora a inxestión de toda a xornada e xa non somos quen de compensar esa comida. En realidade, non hai alimentos prohibidos, o que hai son malas dietas»

«O ambiente obesoxénico é o ambiente facilitador ou xerador de obesidade. O peso excesivo e a obesidade aumentaron dun xeito exponencial nos últimos anos e, Aínda que no último estudo Aladino do Ministerio parece frearse, en Galicia, triplicouse segundo o Galinut»

Que significa liderar o Grupo de Investigación de Nutrición Pediátrica do IDIS e cal é o obxectivo de CIBERobn?
Tras tomar o relevo do profesor Tojo, lidero o Grupo de Nutrición Pediátrica dentro do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago (IDIS). Desde o Centro de Investigación Biomédica en Rede-Fisiopatoloxía da Obesidade e Nutrición (CIBERobn), traballamos na prevención e no tratamento da obesidade infantil. Os nosos traballos de campo -entre os que hai que lembrar o estudo Galinut, que principiou o profesor Tojo en 1970 e ao que eu me sumei no 87- conclúen que a obesidade na comunidade autónoma se ten triplicado! Así, apareceron enfermidades asociadas á obesidade en idade pediátrica que eran impensábeis como o colesterol alto ou a resistencia á insulina. Cando o profesor Tojo comezou a investigar, o principal problema pediátrico era a desnutrición. Galicia era e é unha zona deficitaria en vitamina D, pola baixa irradiación e polo ángulo co que aquí inciden os raios ultravioletas na pel, que desfavorece a produción desta vitamina. Hai tempo, isto traducíase en raquitismo e deformacións óseas, pero hoxe vemos déficits de vitamina D que non derivan en raquitismo, que están ligados á obesidade, porque a graxa corporal atrapa a vitamina D e non deixa que o noso organismo a empregue. A Organización Mundial da Saúde xa fala da hipovitaminose D como unha nova pandemia.

Que é unha sociedade obesoxénica e que representa a curto e medio prazo?
O ambiente obesoxénico é o ambiente facilitador ou xerador de obesidade. O peso excesivo e a obesidade aumentaron dun xeito exponencial nos últimos anos e, Aínda que no último estudo Aladino do Ministerio parece frearse, en Galicia, triplicouse segundo o Galinut. E non é que haxa máis obesos, é que os obesos teñen máis adiposidade, moita máis graxa corpórea. Son máis gordos e polo tanto presentan máis risco de padecer enfermidades. O ambiente obesoxénico é produto da globalización da dieta e da falta de adherencia ás dietas tradicionais. No caso de Galicia, ademais de respectar a dieta atlántica, é necesario crear máis espazos para a práctica do deporte nos colexios e fomentar carrís para bicicletas.

Dun tempo a esta parte, estás a introducir o microbioma no noso vocabulario. Acaso hai un novo órgano dentro do noso organismo?
O microbiota é o conxunto de xermes que habitan no noso organismo, e chamámoslle microbioma á relación saprófita que se produce entre o home e os xermes. Hai millóns de xermes que habitan saprofitamente no noso organismo e hai moitos máis xermes que proceden desas células ca das células humanas, por iso se fala do microbioma. As alteracións nesa relación teñen como consecuencia a desbiose, unha invasión de xermes patóxenos e fungos que produce inflamación. Hoxe, a inflamación parece estar na base da maioría das enfermidades, desde o cancro á diabete, pasando polas enfermidades cardiovasculares. Hoxe tamén sabemos que os nenos que nacen por cesárea teñen máis risco de desbiose intestinal ca os que nacen por parto vaxinal; que os nenos prematuros que van a unidades neonatais sofren máis alteracións nas súas microbiotas ca os que nacen co peso normal; e que o uso de antibióticos nos primeiros anos aumenta o risco de desbiose. Xunto a todo isto, a baixa no aleitamento materno tamén está a ter consecuencias.

Nos últimos anos, a USC está a promover a dieta atlántica entre os universitarios. Para quen está en idade de estudar, cales serían os principais beneficios do menú atlántico?
En 2009 o profesor Tojo, Senén Barro, Xosé Pereira -que hoxe é o noso vicerreitor-, e mais eu consideramos promover menús atlánticos nos comedores universitarios dos colexios maiores e das facultades. Creáronse entón as pirámides atlánticas para que nos autoservizos dos comedores os alumnos puideran comprobar se ían consumir un menú atlántico ou non. Aos estudantes recomendaríalles que fixeran unha dieta saudábel porque, cando teñen 18, 19 ou 20 anos, adoitan pensar que a enfermidade está moi lonxe. Un estudante da USC ten que coñecer a súa dieta, que non é máis ca a dieta da súa casa, a dieta tradicional. E ten que tentar mantela! Hai que tomar tres pezas de froita ao día, dúas racións de verdura -unha cociñada e outra crúa-, peixe como mínimo tres veces á semana -preferentemente azul-, cereais integrais, pan -como o de Cea- e lácteos a diario -que poden ser desnatados. Hai que beber augas de mananciais e, no caso dos adultos, podemos acompañar a comida cun pouco de viño. E, logo, hai que incorporar algunha actividade física á vida diaria, como pode ser baixar e subir escaleiras. E, se vivo a media hora do traballo, o mellor sería deixar o coche no garaxe e ir camiñando.

O azucre está detrás da chamada morte branca. Contra a adicción ao azucre, que podemos facer?
En efecto, o incremento das enfermidades asociadas á obesidade está en clara relación coa inxestión de azucres simples. Os carbohidratos e os azucres complexos son a base da pirámide nutricional, ocupando un 55% da dieta; é dicir, temos que tomar os hidratos de carbono que achegan os cereais, a froita e as verduras, pero controlando a inxestión de azucre engadido, o chamado azucre de mesa, que non debe achegar máis do 10% desas calorías ao día. Na actualidade observamos un aumento no consumo de bebidas brandas, como os refrescos e os sucedáneos de froitas e zumes, que non son zumes e que teñen azucres engadidos. Porén, as bebidas fundamentais en idade pediátrica son a auga e o leite, que é clave para alcanzar o grao de mineralización ósea adecuado. A súa substitución por bebidas brandas pode poñernos, ademais, en risco de padecermos osteoporose. Polo tanto, moita vixilancia fronte ás bebidas azucradas e fronte aos azucres ocultos. E vixilancia tamén fronte a alimentos graxos como os bolos industriais que, xunto á achega de graxa saturada e graxa trans, levan azucre.

Un pecado nutricional no que caer?
Peixes e mariscos, por ser menos calóricos.
O mellor momento da semana?
O luns pola mañá.
Unha frase motivadora para arrancar o día?
Veña, hoxe hai moito que facer!

Hai anos que o tabaco deixou de anunciarse na televisión. Os alimentos nocivos para saúde deberían quedar fóra dos horarios infantís para lle facer fronte á obesidade?
A publicidade deste tipo de produtos en horario infantil tería que estar prohibida, como a do tabaco e o alcol. E o mesmo que pasa coa disposición destes produtos nos centros comerciais, que acostuman situarse nos andeis máis baixos, ao alcance da man dos rapaces. Pero, o certo é que a obesidade é responsabilidade de todos. É culpa dos cambios sociais. A realidade é que a incorporación da muller ao ámbito laboral fixo que empeoraran os hábitos alimentarios. Pero iso significa que a muller ten que quedar na casa facendo o guiso? Non! Significa que temos que compartir e analizar que facemos. Se estou traballando ata altas horas, ao mellor quero consumir un produto manufacturado, pero haberá manufacturados saudábeis, non si? É unha cuestión de concienciación. Todos temos que ser conscientes de que a infancia é o noso futuro, que a infancia é o noso ben máis prezado.

«A realidade é que a incorporación da muller ao ámbito laboral fixo que empeoraran os hábitos alimentarios. Pero iso significa que a muller ten que quedar na casa facendo o guiso? Non! Significa que temos que compartir e analizar que facemos»

Entrevista extraída do número 5.

A educación nutricional infantil é hoxe a gran materia pendente do noso sistema educativo?
Para min é un orgullo poder contar que agora mesmo hai arredor de 160 institutos galegos impartindo unha materia optativa que analiza os estilos de vida saudábeis. É unha materia implantada recentemente, en cuxa xestación participei coa Consellería de Educación, Galicia Saudable e a Fundación de Deporte Galego. Que este tipo de formación teña tanta demanda en primeiro da ESO é un grande avance, pero o certo é que a formación nutricional xa debería estar presente nas escolas. Estamos avanzando, pero debemos ir máis alá.

O Laboratorio de Hixiene, Inspección e Control de Alimentos (Lhica) da USC está a desenvolver alimentos funcionais e alimentos nutritivos sen riscos de alerxias. Cara a onde dirías que vai, para rematar, a nutrición do futuro?
Vai cara á nutrición individualizada; é dicir, cara ao estudo das necesidades de nutrientes e dos compoñentes nutricionais de cada individuo, que nos permita acadar dietas diversificadas. Tamén vai cara á terapia nutricional, que permitirá tratar enfermidades a través da dieta, pero sen esquecer que nutrirse significa asemade alimentarse e gozar coa comida, e que a comida debe seguir sendo un acto social e un momento para compartir. A nutrición do futuro deberá, pois, promover e salvagardar as dietas tradicionais saudábeis, ensinar a comer e gozar da comida, e garantir achegas de nutrientes saudábeis xunto a dietas que nos axuden a combater enfermidades.

Queres ollar outros contidos relevantes?

Sabela Arán

150 150 CORALIA

Atravesa un excelente momento profesional, avalada polos premios e co recoñecemento de público e compañeiros de profesión, pero o seu gran éxito, interpretando á Socorrito de A Esmorga, e a Gloria de Serramoura na TVG, non lle quita perspectiva nin altera os seus valores e afectos.

Sabela Arán, brillante actriz co corazón repartido entre Compostela e Portosín, está chamada a ser grande entre as grandes. Posuidora dunha beleza cativadora, nunca lle di non a un novo reto profesional, a unha xuntanza familiar ou a un paseo polas rúas da vella Compostela.

SOCIEDADE

Cando chega o éxito é difícil manter os pés na terra?
En realidade, este é un traballo como calquera outro traballo. O resto do tempo levas unha vida como a de todo o mundo. Sempre fago o mesmo, coa mesma xente. Teño as mesmas rutinas. Ao mellor é que non cheguei a un punto de éxito que me cegue. Todo o que me está pasando son cousas que no tempo se prolongan moito: a candidatura a un premio non ven dun día para outro e unha temporada grávase en dous meses, así que tes moito tempo para pensar, reflexionar e considerar a túa vida. E cando tes tanto tempo para darlles tantas voltas ás cousas e te das conta de cal é a realidade, non hai nada que che separe da terra.

«Cando son boa, son moi boa, cando son mala son aínda mellor»: a frase é de Mae West, pero podería ser de Gloria de Serramoura?
Gloria podería axustarse perfectamente ao que dixo Mae! Aínda que actualmente estamos vendo unha Gloria diferente, con máis sentimentos, e iso pode ser positivo. Como actriz, sempre que fas un personaxe moi afastado de ti é moito máis interesante. A min gústame facer de «mala», pero é un reto facer de «boa», porque ata o momento na miña carreira sempre me topei co problema do físico, e ao ter as faccións moi marcadas e o xesto un pouco serio, a maior parte da xente considera que non teño faccións de «boa». Cando fixemos Vilamor tiven que dulcificar moito iso. E foi tamén un reto para min porque ás veces podo ser un pouco brusca á hora de falar e transmitir algo que non é. Ambas as dúas situacións son retos, pero eu persoalmente pásoo mellor facendo de «mala».

«Todo o que me está pasando son cousas que no tempo se prolongan moito: a candidatura a un premio non ven dun día para outro e unha temporada grávase en dous meses, así que tes moito tempo para pensar, reflexionar e considerar a túa vida».

«A min gústame facer de 'mala', pero é un reto facer de 'boa', porque ata o momento na miña carreira sempre me topei co problema do físico, e ao ter as faccións moi marcadas e o xesto un pouco serio, a maior parte da xente considera que non teño faccións de 'boa'».

Cun éxito como Serramoura é difícil ter vida privada?
Gloria é un personaxe que, sendo como é, un pouco retorcida, cae fenomenal. A xente achégase a min con moitísimo cariño e Gloria estame dando moitas satisfaccións nese sentido. En Madrid, na etapa que estiven en Puente Viejo, o trato era máis impersoal. Aquí, na casa, a xente trátate cun respecto diferente e eu procuro ser natural con todo o mundo. Estoulle eternamente agradecida á xente, porque para os actores, ese feedback, ese saber como caes, é fundamental. A verdade é que sempre tiven una consideración moi boa por parte do público.

Probabelmente, a súa decisión máis difícil foi elixir a interpretación fronte a profesións máis estábeis e con maior percorrido. «Se necesitas respirar para vivir, necesitas esforzarte para conseguir un traballo. Eu creo que son unha persoa bastante perseverante e xa que tomei a decisión de ser actriz, teño que ir con todas as consecuencias». Así que, convencida da súa decisión e tras licenciarse en 2009 en Comunicación Audiovisual pola Universidade de Santiago, Sabela marchou a Madrid para formarse en interpretación e dobraxe, e tomar parte ao mesmo tempo en diferentes curtametraxes e series web que lle foron proporcionando táboas, ata que no ano 2012 a súa actuación na longametraxe Vilamor de Ignacio Vilar, a fixo merecedora do Mestre Mateo á mellor actriz. A partir dese momento o seu rostro tense feito enormemente popular entre o público, grazas a series tan premiadas como Matalobos, Gran Hotel, Serramoura e Códice, e a longametraxes como Blockbuster ou a A Esmorga. O seu é un oficio fermoso, pero complexo. «Todos os días hai unha parte de min que pensa se estou facendo o correcto –revela Sabela sen dubidar–, porque é unha profesión inestábel, sen ningún tipo de seguridade a nivel administrativo, e economicamente sen garantías, na que non tes unha xubilación nin unha carreira asegurada ata os 65. Para min, tomar a decisión de ser actriz, podendo facer outras cousas que tamén me gustaban moitísimo, foi a decisión máis importante. Porque despois todos os personaxes que fixen ata o momento tiveron algo interesante. Pero a profesión é enfastiada, tan bonita como enfastiada».

Os Mestre Mateo proporcionan máis amigos ou inimigos?
Os Mestre Mateo nunca fan inimigos, porque son unha maneira de darlle recoñecemento a un traballo que se vai facer igualmente. Eu non estou interpretando a Gloria pensando no Mestre Mateo, nin eu nin ninguén, quero pensar. Hai que ter en conta que a familia audiovisual de Galicia é unha familia na que todos somos amigos. Ti podes pertencer máis a un grupo ou levarte mellor con outra persoa, pero en realidade sempre estás implicado dalgunha forma, ou emocional ou profesionalmente coa xente que vai levar o premio. A min pasoume no caso da Socorrito, que non levei, e non me sentín mal, porque recoñecía o traballo de compañeiras. Antes de entregarse os premios felicitoume moitísima xente polo meu traballo. Compañeiros que non coñecía persoalmente felicitáronme polo traballo que fixen. Son compañeiros que ademais de público forman parte do oficio, e recibir o seu parabén para min é fundamental.

Marilyn Monroe queixábase hai máis de medio século de que en Hollywood importaba moito máis o peiteado que a virtude das actrices. Como é o panorama audiovisual hoxe?
Marilyn pertencía a unha época na que se valoraban outras moitas cousas antes que as dotes interpretativas. No audiovisual hai unha desigualdade absoluta da muller con respecto ao home. A presenza masculina vai ser, na maioría dos casos, maior, e a vida profesional das actrices máis curta. No audiovisual non se escribe tanto para nós, e entre todos temos que corrixilo e darlle cabida a historias contadas pola boca de mulleres. Depende de nós como profesión, pois o público vai aceptar esas historias igualmente. A cuestión é valorar o que realmente importa: o talento. En Galicia están a traballar actrices e actores de todas as características e nese sentido é un plus para o noso audiovisual porque está facendo as cousas moi ben. Ás veces sacrificando un pouco tardas máis en chegar, pero chegas dunha maneira máis honrada.

Que sacrificios implica a interpretación?
Neste traballo trabállase desde moi cedo, como en moitos, e teño que pasar moitísimas horas en tacóns, coa roupa que lle toque ao personaxe… Pero non me atopei con ninguén que me pedira cambios físicos. Non me pediron nin engordar nin adelgazar; pedíronme como moito lavar o cabelo con xabrón Lagarto, que polo visto lle quita o brillo. O sacrificio é manterse.

A quen che gustaría darlle vida no futuro?
Ser outro sexo nunha interpretación. Facer directamente de home. É algo moi complicado que me esperta moita curiosidade. Tamén me gustaría facer un papel que implique un esforzo físico, en liña coa Hilary Swank de Million Dollar Baby ou da Tenente O’Neil de Demi Moore.

Con que directores quererías traballar?
A verdade é que me gustaba moito a maneira de traballar de Kubrick, pero está morto e non pode ser. Teño moita curiosidade por David Fincher, por Coppola, e entre os máis achegados, Montxo Armendáriz, que tamén ten unha sensibilidade moi especial e Almodóvar porque é un tipo bastante peculiar á hora de dirixir e darlles forma aos personaxes.

« No audiovisual hai unha desigualdade absoluta da muller con respecto ao home».

Sabela Arán, lonxe dos focos, saborea enormemente as pequenas grandes cousas. Encántalle perderse polas rúas da zona vella da Santiago. «Co paso do tempo desfruto moitísimo máis de tomar uns viños ou unhas cañas pola zona vella coa compaña que eu escolla que facendo outras cousas. A min perderme pola pedra compostelá gústame moitísimo». Sen embargo, cando busca tranquilidade o seu destino favorito é Portosín: «É un sitio paradisíaco. A auga da praia non está quente, non é o Caribe, nin podes esquiar, pero si que podes tomar un viño no bar de sempre, saudar aos veciños de sempre e, sobre todo, estar tranquila, coa familia e preto do mar». De feito, esta localidade forma parte de moitos dos seus momentos máis entrañábeis: «Sendo moi pequena, as angulas eran un prato que non se podía tomar todos os días, e cando comiamos todos xuntos, a miña avoa Leonor, que faleceu hai ano e pico, convidábanos aos meus irmáns e a min a tomar as angulas porque sabía que nos facía especial ilusión. Cando penso na miña infancia recordo moito ese sabor, porque xa non se comen e forman parte do pasado».

Poderías desvelarnos os ingredientes dun día perfecto?
Para min sería un día no que haxa un pouco de todo. Unha parte de traballo, porque iso me faría sentir que fago o que quero, faríame sentir realizada como traballadora. Unha xuntanza familiar ao redor dunha mesa, pois na miña casa iso sempre se valorou moito, con sobremesa e conversas que se prolongan horas e horas e horas. E, pola noite, estar na casa descansando, estar vendo unha película, ou lendo un rato ou escoitando algo de música… Sentir que cumpro todas as miñas necesidades vitais: o traballo, o amor da familia, dos amigos, da miña parella e a tranquilidade. Eu son unha persoa que por momentos quero estar con moita xente, pero preciso estar comigo mesma tamén.

Tes feito algunha loucura por amor?
O amor é o motor fundamental, pero ata o momento non tiven demasiado amor de parella. Así que non fixen aínda nada moi esaxerado, pero podería facer calquera cousa!

E por último, con que soña Sabela Arán?
Coa familia xa conto, porque teño unha familia estupenda, e a saúde vai vir ou non vai vir. Eu principalmente co que soño é con poder vivir do meu traballo. Soño cun futuro un pouco estábel, que supoño que é algo que está na cabeza de todos no seu oficio. Esforzarme por conseguir o meu obxectivo e vivir do que me gusta.

Núa Moda Vestiario
Espadela Aditamentos
Rois Llongueras Peiteado e maquillaxe
Álex Regueiro Estilista
Fred Iglesias Fotógrafo
Lucía Cabrera Aux. de produción
Dado Dadá Jazz Club Localización

Entrevista extraída do número 1.

Queres ollar outros contidos relevantes?

Os risos da nenez

150 150 CORALIA

Os risos da nenez

Por ENCARNA OTERO CEPEDA

Historiadora

Canta ledicia dá a nenez, esa fase da vida na que os soños e os xogos invaden o tempo, na que toda a utopía de vida é posíbel. Por iso cómpre gardar sempre, nun dos moitísimos caixóns que partillan o corazón, un chisco da nosa nenez. E, por iso, os territorios onde a nenez abonda teñen tanta esperanza e tanto futuro.

Canta ledicia dá a nenez, esa fase da vida na que os soños e os xogos invaden o tempo, na que toda a utopía de vida é posíbel. Por iso cómpre gardar sempre, nun dos moitísimos caixóns que partillan o corazón, un chisco da nosa nenez. E, por iso, os territorios onde a nenez abonda teñen tanta esperanza e tanto futuro.

As cidades cun bo modelo urbano para a nenez tamén son bos espazos para o resto da poboación. Esas cidades deben ser peonís prioritariamente, con servizos públicos de calidade, cidades que aposten pola conciliación, polo traballo de calidade, polos dereitos das mulleres, é dicir, pola calidade humana como medida de todo.

Os países nórdicos xa puxeron en marcha hai tempo políticas demográficas e sociais, con resultados moi positivos. Se é preciso, que o goberno galego vaia alí aprender. Para gobernar ben tamén é preciso ir á escola.

Francesco Tonucci1 reflexiona sobre o importante que é que as cidades teñan moitos nenos e nenas, subliñando a importancia de que o espazo urbano estea adaptado ao seu modo de vida. As cidades cun bo modelo urbano para a nenez tamén son bos espazos para o resto da poboación. Esas cidades deben ser peonís prioritariamente, con servizos públicos de calidade, cidades que aposten pola conciliación, polo traballo de calidade, polos dereitos das mulleres, é dicir, pola calidade humana como medida de todo.

Cómpre reflexionarmos, pois, sobre o debate tan falso, hipócrita e mesquiño que desde o goberno galego se está a promover en relación ao problema demográfico de Galiza: se vivimos nun país tan avellentado, onde a nenez é un ben cada vez máis escaso, non se lles pode cargar a responsabilidade ás mulleres. O movemento feminista, coa lucidez de análise que o caracteriza, resume na consigna: «sexualidade non é maternidade. Parir non é o destino da muller», a idea segundo a cal ter nenos e nenas é un ben social, non persoal; unha responsabilidade colectiva, non individual, máis aló de que só as mulleres poidan parir. Pero os nenos e nenas son un ben e unha riqueza para o conxunto dun pobo. E, se este ben é imprescindíbel e tan importante, por que non se impulsan medidas públicas para garantilo?, medidas que signifiquen traballo de calidade, conciliación da vida e o traballo para pais e nais, espazos colectivos de coidados etc; é dicir, investindo o diñeiro público en felicidade e en futuro e en medidas que permitan frear a sangría da emigración da mocidade, única capacitada bioloxicamente para ter fillos e fillas. Os países nórdicos xa puxeron en marcha hai tempo políticas demográficas e sociais, con resultados moi positivos. Se é preciso, que o goberno galego vaia alí aprender. Para gobernar ben tamén é preciso ir á escola.

E, falando de escola, este goberno galego ao que tanto preocupa a demografía, ten o centro de educación infantil de Santa Susana, un dos centros que reúne mellores condicións para a nenez, pechado desde hai dous cursos, cando na capital de Galiza, nestes dous anos, se leva investido diñeiro público na Igrexa nunha contía superior aos 10 millóns de euros. Velaí o que lle importa a nenez!

A pesar diso, os nenos e as nenas seguen a ser un ben imprescindíbel, un berro de vida, de ledicia e de esperanza. Agardemos que, desde o Pazo de Raxoi, o goberno e as forzas políticas alí representadas tomen as medidas necesarias para que Compostela sexa xa unha cidade feita e dimensionada para a nenez e para que os parques públicos estean invadidos polos xogos dos nenos e das nenas, e non só polos animais de compañía. Santiago de Compostela, 15 de setembro de 2017

1 Francesco Tonucci: A cidade da nenez. Ed. Kalandraka.

Contido extraído do número 7.

Aquí tes máis contidos relevantes:

«A miña patria é a miña infancia»

Por JOSÉ ANTONIO LIÑARES

Mulleres Lilas, coirazas de cores

por MANUELA DOMÍNGUEZ

Compostela: Sinfonía de notas

Por ENCARNA OTERO CEPEDA

Política de privacidade

Se consente a utilización de cookies, continúa navegando ou fai clic nalgún link entenderase que consinte a nosa política de cookies e, por tanto, a instalación das mesmas no seu equipo ou dispositivo.

Se vostede quere, pode cambiar a configuración de cookies en calquera momento, configurando o seu navegador para aceptar, ou non, as cookies que recibe ou para que o navegador o avise cando un servidor queira gardar unha cookie.

Esta web utiliza cookies.
error: Contido protexido