•  981 806 528 & 670 594 685 info@coralia.gal

JAVIER PEÑA LOPEZ

Unha viaxe de dez anos

150 150 CORALIA

Agora que se popularizou nas redes sociais o Ten Years Challenge, que consiste en que o usuario comparta dúas fotografías de si mesmo, unha de 2009 e outra actual, e que serve para pouco máis que demostrar o moito que melloraron os filtros dixitais, sería interesante realizar o mesmo desafío (mellor chamémoslle xogo) cos comercios da améndoa histórica de Santiago.

I

maxinemos que un compostelán que pasou fóra unha década ininterrompida, ao regresar a casa en 2019, decide dar un paseo polas arterias tradicionais do comercio santiagués. Imaxinemos o seu susto ao ver o espectáculo surrealista de snacks americanos, galletas francesas e xamón de Salamanca a carón da casa na que viviu Eugenio Granell.

Acordemos, antes de nada, que ese centro histórico é o que traza Ramón Villares no volume Historia de Santiago. Concéntrase, desde a segunda metade do XIX, nos arredores do que era a Praza do Pan ou do Campo, e na actualidade coñecemos como Cervantes. Despois discorre por esa gran rúa con lixeiros meandros á que chamamos con tres nomes distintos: Preguntoiro, Caldeirería e Orfas, até desembocar no Toural. Podemos prolongar un pouco o paseo pola Rúa do Vilar. Coido que quen máis quen menos convirá en que a ruta de peregrinación do comercio histórico da nosa capital non debería ser moi distinta a esa.

Mais volvamos ao noso santiagués imaxinario que coma outro Ulises moderno regresa á súa Compostela natal despois dun periplo de dez anos. Imaxinémolo chantado fronte ao escaparate do que foron os Almacenes Olmedo na Praza do Toural, nunha das situacións máis emblemáticas da cidade vella compostelá. Por se acaso esquecera o que se erguía antes no lugar, lémbrallo o vello letreiro de letras corpóreas de metal: ALMACENES OL EDO. O segundo M caeu. Talvez algún veciño ou peregrino teña na casa un pisapapeis xigante con forma de M. O M non está, mais o seu espírito segue tatuado na parede. O trazo da letra debúxase con menor sucidade que o resto da pedra; ten o estraño mérito de ser menos sucio, algo que de ningunha maneira o converte en limpo.

Se o Ulises asoma ao antigo escaparate da que fora unha das referentes da moda compostelá desde os anos 40, verá a definición gráfica do abandono. Unha baeta amarela de supermercado, un rolo de papel hixiénico engurrado pola humidade, a cabeza dunha flor á que lle falta o tallo, unha rampla de madeira que non conduce a ningures, manchas sospeitosas coma as desa festa na que se che foi a man… Hai catro anos fora o centro de campaña de Compostela Aberta para as Municipais. Rumoreouse varias veces que un Hard Rock Cafe abriría alí as súas portas. Mais polo de agora non é senón o símbolo máis visíbel dos estertores do comercio histórico.

Alex & Fred, en Coralia

A Ferretería Torres permanece pechada a cal e canto, xa só serve coma escenario para filmes. O monfortino Dani de la Torre rodou alí con Luís Tosar a súa última película, La sombra de la ley. Unha imaxe ben descritiva do que é o centro de Santiago: o fermoso escenario, pictórico, fotográfico, cinematográfico, dunha cidade histórica que está a deixar de existir. A estrela que seguimos ver brillar despois de morta.

Petróglifo histórico cruciforme

Nunha das portas de Olmedo hai un papel cuadriculado escrito a man cun teléfono de contacto; na outra porta, adhesivos e pintadas. Os afeccionados máis radicais do Celta quixeron deixar alí proba das súas cores. Algo semellante fixeron noutro comercio histórico, a Papelería Compostela, que botou o peche en 2017. Os seus escaparates, antes ateigados de cadernos, material de oficina e un curioso higrómetro no que un monxe predicía o tempo cunha variña, agora están tamén comidos por adhesivos de todo o tipo. Semella que son necesarias só unhas semanas para que a xente vaia chantándoos nos cristais. Medran coma a mala herba, coma as enredadeiras nas casas de campo.

Cinco metros ao norte da Papelería Compostela está o corpo insepulto da tenda de electrodomésticos na que o noso santiagués hai non tanto compraba reprodutores e cintas de casete desas que se enrolaban e había que arranxar cun boli Bic e un movemento de pulso. Compraba pilas meirandes que Iphones e outros aparatos analóxicos que lle fan pensar no rápido que se fixo vello. A tenda tamén está engulida polos adhesivos. O curioso é que na porta está pendurado o cartel de Prohibido Fixar Carteis. Responsable a Empresa Anunciadora. Quen pega os adhesivos ri desas advertencias. A palabra responsable non a entende (en realidade, cústalle entender calquera palabra, especialmente as que poñen os seus adhesivos).

Enfronte da tenda de electrodomésticos estaba a froitería Las Delicias, que botou o ferrollo na primeira semana deste ano. Uns pasos máis aló, a Ferretería Torres permanece pechada a cal e canto, xa só serve coma escenario para filmes. O monfortino Dani de la Torre rodou alí con Luís Tosar a súa última película, La sombra de la ley. Unha imaxe ben descritiva do que é o centro de Santiago: o fermoso escenario, pictórico, fotográfico, cinematográfico, dunha cidade histórica que está a deixar de existir. A estrela que seguimos ver brillar despois de morta. Preto de Torres outra ferraxaría, Casas Chico, en Casas Reais, apura os seus últimos días aberta mentres escribimos estas liñas. Un comercio que leva vendendo desaparafusadores aos composteláns desde 1858. Pero xa ninguén merca parafusos nin desaparafusadores. Para que? Se xa vén todo na bolsiña de plástico do Ikea, e todo o montamos cunha desas chaves Allen, ou como se chamen.

Deixamos que o Ulises dea volta e se desquite de tanto desgusto mercando un libro nesas librarías do centro que tanto lle gustaban. Primeiro terá que pasar polo que era a Fábrica de Chocolates Raposo, no Preguntoiro, da que lembra o marabilloso cheiro a chocolate que derramaba pola rúa. O peche da chocolataría foi anterior á marcha do noso santiagués imaxinario, mais cando el marchou polo menos era unha tenda de roupa: Esnou. Máis tarde foi a flagship store de Viriato. Agora é só un local abandonado coas cortinas botadas e unha vitrina que garda un nobelo de lá de Viriato que amarela co tempo.

Nese momento, o santiagués imaxinario xa estará algo triste ao ver os referentes da infancia sometidos ao abandono. Mais poucas cousas lle doerán como a que lle espera alá onde toda a vida estivo a libraría Galí. É certo que xa pechara cando marchou (pechou en 2006). Durante un tempo foi a libraría máis antiga de España, un lugar centenario ao que os estudantes universitarios acudían buscar os seus manuais especializados. O noso inxenuo santiagués pensou que quizais alguén puidera reutilizar o local para abrir outra libraría que devolvera ao Vilar un chisco do brillo perdido. Non a hai, non. Nada máis lonxe da realidade. O que abriron foi unha tenda de souvenirs. Unha máis! Onde antes había libros, hai figuriñas de rás e de bruxas e camisetas de Alguén foi a Santiago e só me comprou esta merda de camiseta. A esas alturas Ulises preguntarase se realmente paga a pena vivir nun mundo onde a xente prefire unha camiseta que di Soy el pulpo a la gallega antes ca un libro. Onde estaba González, a libraría máis espazosa que se lembra en Santiago, agora hai unha pizzaría. Onde estaba a libraría Toural, ágora de faladoiros interminábeis, agora hai unha tenda de roupa, non precisamente de Haute couture ou Prêt-à-porter.

É xusto admitir que tamén onde houbo certos comercios históricos érguense agora locais que non só mantiveron a estrutura e aspecto do inmóbel, senón que achegan unha vizosa actividade á améndoa. O Benboa abriu recentemente as portas onde, entre 1837 e 2015, estivo a Droguería Pérez Labarta; o que fora Almacenes El Pilar é o Auditorio de Afundación, o Riquela ocupa o espazo que desde 1932 foi o de Calzados Severino (agora mudáronse á Caldeirería), a histórica Farmacia Bermejo (1879) é na actualidade a tenda de roupa Fábrika Fan, un baixo que cando o Ulises marchou de Santiago en 2009 era a oficina de Correos provisional mentres a do Franco estaba en obras.

Alex & Fred, ilustración

Imaxinemos por un momento que o noso santiagués retornado toma un respiro e decide entrar en Catrineta Conserveira, na ruela de Altamira, bo exemplo de renovación do comercio histórico. Alí, tras o mostrador, encontrarase con Cristina Doel, que lle contará que onde hoxe está Catrineta antes estivo Ultramarinos Recouso e antes del outro ultramarinos: O Raposo. «A estética de Recouso é a que recollemos nós», di Cristina. Catrineta Conserveira ofrece algunhas pistas para a supervivencia do pequeno comercio: «Hoxe en día a superespecialización é case unha obriga. Vemos que as novas tendas que están xurdindo son todas superespecializadas», di Cristina. Outro valor engadido: o produto propio. «O noso leitmotiv é a conserva, que é algo moi noso. Ofrecemos produto galego e portugués. Está claro que o cliente valora o produto de proximidade». A carón de Catrineta, Boles Galicia segue este precepto ofrecendo artesanía galega de calidade, igual que fai Merlín e Familia desde a Rúa Xelmírez. Non obstante, nin coa superespecialización nin a proximidade, Cristina acaba de ser optimista: «Eu vexo un futuro semellante a aquela película de Pixar, Wall-E, na que a xente estaba todo o día metida nunha cápsula dándolle a un botón. A min paréceme tristérrimo, pero seica é cara onde avanzamos».

Tampouco atopa Ulises optimista a Ana Porto, de Maravalla, negocio especializado en cosmética que dá nova vida ao local histórico da Farmacia Moderna na Rúa das Orfas. «Se che digo a verdade, hoxe cóllesme un pouco pesimista, mira o día que fai». Fóra escóitase o ruído da chuvieira golpeando o chan. A súa receita: «Eu aposto por facer o que eu quero, o que me gusta e o que me gustaría atopar. Penso que iso é o que se debería facer, logo vender ou non vender xa é outra cousa. A nós o negocio funciónanos coa xente de aquí». Ana tamén é das que pensa que o comercio tradicional, máis pronto ou máis tarde, acabará desaparecendo. «O que percibo é que no futuro todos compraremos desde a casa. Cando pecha un negocio dicimos: oh, que pena. Pois non se trata diso, trátase de facer algo antes de que iso ocorra, non?».

Hainos que, como Astérix, aínda resisten ao invasor. Levan máis dun século facéndoo. Algún como Ultramarinos Carro (1880), no Toural, apostaron por modernizar o negocio e transformarse nun comercio de alimentación gourmet. A Sombrerería Iglesias (1912) é un deses negocios superespecializados dos que nos falaba Cristina. Resisten tamén estabelecementos míticos coma Comercial Tojo (1913), Confecciones Riande (1923) ou Confecciones Garabal (1906), malia que esta última cambiou de donos.

Un dos meirandes motivos da morte do comercio histórico foi o cambio da Lei de Arrendamentos Urbanos, a coñecida como Lei Boyer, que provocou que o 1 de xaneiro de 2015 desapareceran os alugueiros de renda antiga e fixo que o prezo de alugueiro dos inmóbeis do centro histórico se multiplicaran até por dez. Isto conduciu ao peche de moitos negocios. En moitos casos, os arrendadores preferiron manter os baixos baleiros antes que rebaixar as súas pretensións.

Petróglifo histórico cruciforme

«Só coa xente desta praza xa podías vivir. Agora xa non vive ninguén. Veñen turistas, que pasan aquí un día ou dous. Os turistas están moi ben, pero no comercio, do que vivimos, é da xente de Santiago»

José Luis Cepeda

Petróglifo histórico cruciforme

Non poden confiarse, porén. O invasor é metódico, constante, imparábel. As súas estratexias son variadas, e loitar contra elas, complexo. «É a economía, estúpido», dicían na campaña que levou a Clinton á Casa Branca. Segue a ser a economía, estúpido, disfrazada de globalización, dixitalización, xentrificación e moitas outras palabras rematadas en -ción.

Un dos meirandes motivos da morte do comercio histórico foi o cambio da Lei de Arrendamentos Urbanos, a coñecida como Lei Boyer, que provocou que o 1 de xaneiro de 2015 desapareceran os alugueiros de renda antiga e fixo que o prezo de alugueiro dos inmóbeis do centro histórico se multiplicaran até por dez. Isto conduciu ao peche de moitos negocios. En moitos casos, os arrendadores preferiron manter os baixos baleiros antes que rebaixar as súas pretensións.

A miúdo os inmóbeis eran propiedade das familias, o cal posibilitou que algúns seguiran desenvolvendo o seu labor. Mais o ilustre pasado tamén fai habitual que eses comercios sexan rexentados por persoas que superan amplamente a idade de xubilación. Hainos que non atopan relevo e acaban pechando. Son negocios que esixen un esforzo enorme; cómpre ter en conta a competencia que desde hai longos anos exercen grandes superficies comerciais como El Corte Inglés ou As Cancelas. E nos últimos, a explosión do comercio online e a ditadura de Amazon.

Por se fora pouco, a propia idiosincrasia de Santiago como foco turístico e a puxanza do Camiño fan de apartamentos, restaurantes e tendas de recordos os negocios máis rendíbeis. O mundo estase a uniformar, perdemos riqueza e diversidade. Compostela é cada vez máis un espazo global: está a deixar de ser nosa para ser de todos.

Antes falabamos de Astérix e a súa loita contra o invasor. Quizais unha das ideas máis reviradas de Xulio César contra os galos foi aquela de construír un edificio de vivendas para romanos preto da aldea gala. A eses «turistas» romanos non se lles escapou que a vila de Astérix lles ofrecía precisamente o que buscaban: algo pintoresco e, sobre todo, barato. Comezaron a comprarlles antigüidades ao ferreiro Esautomátix e peixe ao peixeiro Ordenalfabétix. En moi pouco tempo a metade dos galos da aldea abriran unha peixaría. A outra metade abrira unha tenda de antigüidades. Xa en 1971, no volume A Residencia dos Deuses, Goscinny e Uderzo viron o que se nos viña enriba.

Pero regresemos ao noso santiagués imaxinario. Imaxinemos que, abatido, regresa ao punto de partida. Á Praza de Cervantes. Alí resiste un dos comercios históricos por excelencia de Santiago: Ultramarinos Cepeda (1888). É posíbel que non sexas un verdadeiro santiagués se non probaches as améndoas a granel de Cepeda. Ademais de mercar as delicatessen da tenda, no seu interior un pode ter a oportunidade de falar co seu dono, José Luis Cepeda, historia viva de Santiago. Iso é o que fai o noso Ulises.

«Meu pai colleu esta tenda en 1931, e eu levo xa sesenta anos», cóntalle José Luis, «pero o que está a ocorrer agora co comercio histórico é unha pena. Deprime». Cepeda láiase: «Isto antes estaba cheo de xente, de veciños, a poboación do casco histórico era moito maior». Nese intre, unha clienta entra a mercar améndoas sen sal e introdúcese na conversa: «É unha tristeza ver como está Santiago agora», di, «eu non sei onde imos chegar». «Ti sabes o que era o ambiente aquí (en Cervantes) hai trinta anos?», di Cepeda. «Que pena dá. Nesa casa (sinala o Centro Obra Social ABANCA) vivían antes seis familias, abaixo estaba o Banco Gallego, que antes foi o Banco de Olimpio Pérez, e o xefe vivía aí coa súa familia. E aí, na esquina, vivía Porto, que foi o alcalde de Santiago e tiña dez fillos. Só coa xente desta praza xa podías vivir. Agora xa non vive ninguén. Veñen turistas, que pasan aquí un día ou dous. Os turistas están moi ben, pero no comercio, do que vivimos, é da xente de Santiago».

Antes de marchar derrotado, Ulises decide mercar el tamén unhas améndoas en Cepeda. Porque, se algo saca en limpo deste paseo é que a única solución para combater o paso do tempo, a única arma para combater todas esas palabras que rematan en –ción, é comprar no comercio histórico. Non só miralo, non só valoralo, non só querelo: facer uso del. Iso é o que cómpre facer. Se queremos que a nosa aldea gala non se converta nun lugar de peixarías e antigüidades. Se queremos seguir sendo eses irredutíbeis que resistan hoxe e sempre ao invasor.

Queres ollar outros contidos relevantes?

Glòria Serra

150 150 CORALIA

Poucas voces hai en España tan distinguíbeis como a de Glòria Serra. Mentres charlamos con ela, a voz, grave, segura, perfectamente modulada, envólveo todo. Semella, por momentos, unha conversa co televisor. Coma se unha noite de venres calquera sintonizásemos La Sexta no aparato e interactuásemos en directo coa presentadora de Equipo de Investigación. Coma se puidéramos preguntarlle a esa presentadora sobre xornalismo e televisión, sobre democracia e liberdade de expresión, sobre Marta del Castillo e María José Arcos. Coma se puidéramos descubrir que é unha «namorada de Santiago», que considera Galicia a súa «segunda terra», ou que é «militante convencida» do pequeno comercio. Así é a nosa charla con Glòria: unha pequena viaxe ao interior da televisión da man dun dos referentes catódicos da década.

Entrevista de JAVIER PEÑA LÓPEZ & Fotografías de ROBERTO GARVER

Equipo de Investigación vén de cumprir oito anos desde que botara a andar en Antena 3. En 2013 pasou a La Sexta, onde segue a ser un referente da noite dos venres, unha das franxas televisivas máis complicadas. Como se consegue isto nun panorama televisivo tan volátil como o actual?
É un auténtico milagre. E non só agora que a televisión, como dis, é enormemente volátil. Mesmo coa televisión clásica tamén era practicamente imposíbel. Se botas un ollo ao pasado, moi poucos programas superaban os dous, tres, ou cinco anos en antena. É que falamos dun programa que non é de espectáculo, non é o Un, Dos, Tres, é un programa de información pura e dura, sesenta minutos referidos a un único tema. Iso faino aínda máis difícil.

Cal é, entón, o segredo do seu éxito?
O primeiro e principal foi conseguir que Atresmedia apostase por nós e nos dera un voto de confianza até consolidarnos na grella. Pensa que cando comezamos arrincaba tamén a crise! Un formato coma o noso ten moito persoal, xornalistas formados que suman moitas nóminas e un custo elevado de preparación. Se non tes a confianza da empresa que está detrás, non tes nada. Pero máis aló diso, temos conseguido configurar un modelo moi recoñecíbel para o espectador, cuns sinais de identidade. O principal, a credibilidade, mais tamén que convertemos cada investigación nunha historia.

Eses sinais de identidade son a clave da fidelidade dos teus seguidores?
É certo que hai xente moi fiel, moi adicta ao programa. Non deixa de sorprenderme que haxa espectadores que ven dúas, tres e catro veces a mesma reportaxe. Saben perfectamente o que lles imos contar, pero segue a gustarlles a forma como llelo contamos.

É o éxito do programa unha proba de que a audiencia segue a demandar ese xornalismo de investigación que agora xa non abunda en televisión?
A audiencia o que quere son produtos de calidade. Por suposto, tamén a información. Como non van querer estar informados das cousas que ocorren ao seu arredor? Pero a referencia ten que ser a calidade. E a calidade, na televisión, como en todos os aspectos da vida, é cara. O que nós temos claro é que non facemos programas para saír do paso. Se non o facemos ben, non emitimos. Hai programas que non chegamos a emitir por considerar que non cumpren o estándar. Hai que estar moi forte e moi seguro para facer algo así.

Como se prepara un programa de Equipo de Investigación? Os temas comezan a traballarse ao inicio da temporada ou van semana a semana?
Somos uns kamikazes! Agora mesmo, mentres falo contigo, estou parada en Madrid rematando de gravar o programa que imos emitir mañá. Non a semana que vén: mañá! Cando saín da redacción, aínda non se fixera a locución do vídeo, imaxina. Traballamos semana a semana, estamos divididos en catro equipos e traballamos catro temas ao mesmo tempo. En investigación xornalística non dis: vou investigar isto e tal día estará terminado. Non vai así. Ás veces tes sorte e as cousas van máis rápido do que prevías, pero decote as reportaxes encallan. Traballando con catro temas ao tempo temos garantida a posibilidade de acelerar un ou outro, e ter sempre un programa para emitir.

Levas xa máis de trinta anos exercendo o xornalismo. Mudou moito o oficio ao longo destas tres décadas?
Tivo momentos mellores e peores. Flutuou moito coa crise económica. Non é o mesmo unha redacción de informativos como a nosa, con bos profesionais, ben pagados, motivados, ca unha redacción na que tes problemas económicos e a xente marcha. Mais o xornalismo é o mesmo. O mesmo que eu aprendín hai trinta anos: buscar a verdade, contrastala e contala do xeito máis ameno e comprensíbel. Non hai máis misterio. Iso é o que vas facer ti: vas coller esta entrevista e vala contar da forma máis amena, collendo as partes que che parecen máis interesantes, sendo rigoroso co que eu digo… E sen inventar nada, claro!

Prometo que non inventarei nada. Mais o certo é que en Internet si circula moita invención. As redes sociais están a transformar moito, se non o xornalismo, si a información.
Si, ese é o fenómeno novo, a irrupción dun novo medio, pero a min non me preocupa. Do mesmo xeito que a tele non matou a radio, creo que Internet non vai matar a tele, vaina transformar, só iso. O que ocorre é que aínda non estamos educados para saber quen nos minte e quen non a través de Internet. Esa é a diferenza, e coido que é cuestión de tempo. As fake news non son máis que a mentira de toda a vida, pero co altofalante tan potente e rápido que supoñen as redes sociais. Eu creo que as fake news acabarán onde acaban sempre as mentiras. Haberá xente que as crea, pero cada vez hai máis xente que non cre calquera parvada que lle mandan por Whatsapp.

Gloria Serra en Coralia

«A audiencia o que quere son produtos de calidade. Por suposto, tamén a información. Como non van querer estar informados das cousas que ocorren ao seu arredor? Pero a referencia ten que ser a calidade. E a calidade, na televisión, como en todos os aspectos da vida, é cara. O que nós temos claro é que non facemos programas para saír do paso. Se non o facemos ben, non emitimos»

«Do mesmo xeito que a tele non matou a radio, creo que Internet non vai matar a tele, vaina transformar, só iso. O que ocorre é que aínda non estamos educados para saber quen nos minte e quen non a través de Internet. Esa é a diferenza, e coido que é cuestión de tempo. As fake news non son máis que a mentira de toda a vida, pero co altofalante tan potente e rápido que supoñen as redes sociais»

Non hai moito, transcenderon as imaxes dunha manifestación de falanxistas que te increpaba mentres gravabas un programa sobre Franco. É duro ter que aturar ese tipo de cousas?
Tampouco esperabamos flores, son persoas que non están a favor da prensa libre, así que… Quizais os que levaron a peor parte foron os meus compañeiros cámaras. A eles cuspíronlles e empurráronos bastante. Non che direi que non me afecta porque é unha situación moi desagradábel, pero vai dentro do meu traballo e hai cousas bastante máis duras. Se penso nos países nos que ser xornalista é unha heroicidade, sinceramente isto paréceme unha anécdota. Somos un país cunha cultura democrática curta e nótase en todo, non só no xornalismo. Ás veces esquécesenos como funciona isto. Confúndese a prensa libre coa prensa que di o que a min me gusta. É un pouco absurdo, pero é así. Por iso estamos a ter tantos problemas coa liberdade de expresión. Pensan: como non dis o que me gusta vou mallar en ti para que deixes de dicilo. Nese sentido, Donald Trump é un exemplo de persoa con nula cultura democrática.

Dicías antes que hai situacións máis difíciles que ser increpada, houbo algún Equipo de Investigación que fora especialmente duro para ti?
Varios. Agora mesmo estamos traballando nun que para min é moi complicado, que é o de Marta del Castillo [a entrevista foi realizada antes da emisión do capítulo «La sombra de Marta»]. Fáiseme costa arriba porque a única cousa que eu quero contar de Marta del Castillo é onde está para que a familia poida descansar, despedila e chorala. Ese tipo de programas aféctanme porque te pos no seu lugar. Tamén me ofenden profundamente todos os de estafas, especialmente a xente vulnerábel, sobre todo á xente maior. Son temas que me sublevan, cos que me ferve o sangue.

En Santiago temos o caso de María José Arcos. Todo apunta a un asasinato e mesmo houbo un sospeitoso, pero nunca se puido probar nada. A familia leva máis de dúas décadas loitando sen descanso e só hai unhas semanas que decidiu solicitar no xulgado que a declarasen falecida…
A única maneira de solucionar isto é atopar o culpábel porque se non o fas, condenas a un montón de xente a non poder seguir a súa vida. Recentemente fixemos un programa do crime de Almonte, un crime horríbel, pai e filla acoitelados máis de cento cincuenta veces. Xulgaron a parella da exesposa do falecido e foi exculpado, pero a maioría dos veciños seguen convencidos de que é culpábel, empezando pola familia das vítimas. Este home hai pouco fixo unha rolda de prensa na que dicía: eu quero seguir coa miña vida. E nós pensabamos: pero como vas seguir coa túa vida se a metade dos teus veciños cren que es un asasino?

Faise difícil imaxinar un escenario peor que o destes casos.
É o peor imaxinábel. Durísimo. E non é algo que lle suceda a persoas raras, case toda a xente á que lle pasa é exactamente coma nós, coma ti ou coma min. De hoxe para mañá a súa vida cambia de forma radical por un feito lutuoso deste estilo. É terríbel porque condena a moitos membros de varias familias a vivir con esa pena, con esa dor, con esa rabia. Condénaos a non poder seguir coas súas vidas. Son temas que doe moito cubrir porque te pos no seu lugar e porque compartes a frustración dos propios investigadores.

É moi grande esa frustración?
Nalgúns casos é enorme. Nós traballamos moito coa Policía e a Garda Civil, e senten moito a frustración. Eu coñecín policías autenticamente obsesionados con algún caso, policías que se tiraron trinta anos con esa carpeta e que logo ao xubilarse lla pasan a un compañeiro. Policías que tiveron as familias das vítimas moitas veces sentadas no despacho e senten unha débeda moral con eles.

«Nós traballamos moito coa Policía e a Garda Civil, e senten moito a frustración. Eu coñecín policías autenticamente obsesionados con algún caso, policías que se tiraron trinta anos con esa carpeta e que logo ao xubilarse lla pasan a un compañeiro. Policías que tiveron as familias das vítimas moitas veces sentadas no despacho e senten unha débeda moral con eles»

Pensas que o traballo que desenvolvedes en Equipo de Investigación pode chegar a complementar o traballo policial?
Non. A investigación policial ten unhas características radicalmente distintas ao que nós facemos. Somos xornalistas, non xusticeiros. Unha persoa allea á investigación pode chegar a chafala: ao mellor atopa datos, pero pode contaminar unha proba e facer que o sospeitoso non poida ser xulgado. No que si pode ser importante o noso traballo, e así nolo recoñecen os investigadores, é cando se ven na obriga de pechar un caso porque pasaron moitos anos e non se avanza. Que un xornalista volva a ese crime anos despois, reabra o debate público… Iso axúdalles a defender ante os seus superiores a posibilidade de darlle unha volta a eses casos.

Cambiando un pouco de tema, coñeces Santiago?
Coñezo moito Santiago, é unha cidade que me encanta. Por motivos familiares, vou a miúdo a Galicia. Tamén fomos moitas veces traballar, aínda que agora hai un pouquiño de tempo que non nos achegamos por alí. Non é que coñeza Santiago, coñezo toda Galicia. Eu, que son catalá, estou namoradísima desa segunda terra miña.

Supoño entón que es consciente da transformación que a cidade está a experimentar por mor do turismo.
Si que o teño notado, si. Eu son de Barcelona, traballo en Madrid, e o fenómeno da xentrificación das cidades paréceme terríbel. Non é só a atracción turística, o que pasa é que se están a utilizar elementos básicos para a nosa vida, como o comercio e a vivenda, para facer negocio. Ese é o problema principal.

Gloria Serra en Coralia

«Coñezo moito Santiago, é unha cidade que me encanta. Por motivos familiares, vou a miúdo a Galicia. Tamén fomos moitas veces traballar, aínda que agora hai un pouquiño de tempo que non nos achegamos por alí. Non é que coñeza Santiago, coñezo toda Galicia. Eu, que son catalá, estou namoradísima desa segunda terra miña»

«A min dóeme ver o que lle está a pasar a cidades que quero, como Santiago, unha cidade que me parece unha xoia, unha xoia fermosa, pequena, co tamaño perfecto para pasear, para vivir con comodidade, coa familia, cos amigos. Que se converta noutra cousa, que expulsemos á xente das cidades, paréceme unha perda difícil de reparar»

Contido extraído do núm. 12

Unha das preocupacións en Santiago é a desaparición de comercios históricos que se van substituíndo por multinacionais ou, moito peor, por baixos comerciais abandonados.
O que está claro é que o comercio non pode quedar coma unha foto: mira que comercio histórico máis bonito, fago unha foto, paso por diante e non entro. Esas baixas que experimentades en Santiago, eu chóroas cada semana en Barcelona e Madrid, que son as cidades que coñezo máis. Se non consumimos alí, se compramos todo por Internet, despois non podemos queixarnos.

Polo que dis, entendo que fas uso do pequeno comercio…
Moito. Son moi de barrio, pero moito; de verdade. En Barcelona vivo no Eixample e apenas me movo do meu barrio. Fágoo todo alí. Teño o meu zapateiro, o meu mercado, a miña peixaría, todas as tendas de referencia téñoas alí. Son unha militante convencida disto. A diferenza de prezo non é tanta, porque ademais compensa coa atención que recibes. Penso que esa é a única maneira de que as nosas cidades sigan tendo vida. Se nos encerramos todos na casa comprando por Internet, logo cando saiamos estará todo pechado e non nos recoñeceremos.

Véseche realmente concienciada.
A min dóeme ver o que lle está a pasar a cidades que quero, como Santiago, unha cidade que me parece unha xoia, unha xoia fermosa, pequena, co tamaño perfecto para pasear, para vivir con comodidade, coa familia, cos amigos. Que se converta noutra cousa, que expulsemos á xente das cidades, paréceme unha perda difícil de reparar. Isto non quere dicir que o comercio teña que durar toda a vida, ten que evolucionar, pero o que non podemos facer é, efectivamente, queixarnos se antes non fixemos un uso militante del.

Queres ollar outros contidos relevantes?

Petróglifos, os tesouros de Teo

150 150 CORALIA

Manuel Rivas comparounos cun «libro sagrado impreso en granito». en palabras de César Antonio Molina, os heroes épicos galegos deixaron neles «as súas pegadas» en lugar de «en suntuosos mármores». Os nosos petróglifos levan case tres séculos atraendo a historiadores, intelectuais, escritores, e aos galegos en xeral, desde que en 1745 Frei Martín Sarmiento chamara a atención sobre eles.

Reportaxe de XABIER LÓPEZ
Fotografías de ALFREDO IGLESIAS

Estes singulares gravados, con nome derivado do grego petra (pedra) e glyphein (tallar), conforman un dos elementos arqueolóxicos de maior relevancia en Galicia. Enigmáticos e misteriosos, todo o que podemos facer hoxe é elucubrar sobre o seu significado. Coma unhas discretas liñas de Nazca, ás veces cústanos dilucidar se os fixeron os nosos devanceiros da Idade de Bronce ou, en realidade, son obra daqueles mouros dos que falaban Risco ou Cunqueiro, eses seres mitolóxicos que viven baixo terra e gardan tesouros.

Petróglifos, os tesouros de Teo

Carballeira de Cornide

Desde hai tres meses no Concello de Teo, en concreto nas parroquias de Calo e Luou, contamos cunha excelente oportunidade de coñecer os petróglifos de preto ao tempo que realizamos un percorrido de sendeirismo polas fermosas paisaxes naturais da nova Ruta dos Petróglifos teense.

Unha ruta que une as dúas áreas arqueolóxicas máis importantes do municipio: a de Monte Angueira e a de Monte Piquiño. Son pouco máis de trece quilómetros de andaina, agradábel e sen complicacións, que se poden realizar tranquilamente nunha mañá. O percorrido foi acondicionado e sinalizado polo Concello de Teo, e estamos pendentes de que sexa homologado pola Federación Galega de Montaña (dita homologación precisa superar unha serie de requirimentos. Por exemplo: que ao longo do trazado haxa como máximo un dez por cento de asfalto), e se converta así na primeira ruta que acade esa consideración no concello; un itinerario que xa foi validado pola Axencia de Turismo de Galicia.

Pronto haberá seis anos desde que o Colectivo A Rula, asociación cultural da comarca de Compostela que promove a protección e divulgación da arte rupestre, comezara a organizar itinerarios nocturnos no verán para ver os petróglifos de Teo. Grazas ao uso de focos, os visitantes poden contemplar motivos que, polo día, a causa do desgaste dos gravados, resultan máis difícil observar. Aproveitando esta experiencia previa, o Concello de Teo apostou polo acondicionamento e sinalización da ruta para facilitar o achegamento aos petróglifos, ao mesmo tempo que propoñen unha alternativa de lecer e ocio activo ao aire libre, e poñen en valor unha fermosa zona da comarca compostelá non tan coñecida como merece.

O concello de Teo apostou polo acondicionamento e sinalización da ruta para facilitar o achegamento aos petróglifos, ao mesmo tempo que propoñen unha alternativa de lecer e ocio activo ao aire libre, e poñen en valor unha fermosa zona da comarca compostelá non tan coñecida como merece.

Petróglifos de Teo

Petróglifo histórico cruciforme

Son quince, en total, as estacións arqueolóxicas catalogadas que atoparemos na nosa andaina ao longo da ruta. Porén, tres delas concentran un interese patrimonial especial. Pablo Sanmartín, arquiveiro do concello de Teo e secretario do Colectivo A Rula, explícanos as principais características destes tres petróglifos e por que son destacados. «Temos, por unha banda, o da Pena Bicuda de Loureiro, que é o que máis gravados ten, tanto de carácter naturalista como de carácter xeométrico, desde cervos a combinacións circulares e espirais». Este petróglifo de Pena Bicuda de Loureiro atópase na zona de Monte Piquiño, igual que sucede co de Outeiro do Corno. «Cun escudo e un puñal, a do Outeiro do Corno é unha das rochas panoplias (é dicir, que representa armas) que hai na comarca. Non existen moitos exemplos así nos arredores de Santiago, o petróglifo de Conxo e este serían os máis importantes», di Pablo Sanmartín. O terceiro petróglifo esencial da ruta atópase na outra área, a de Monte Angueira. É o petróglifo de Río Angueira. «O que fai especial a esta estación é a escena de monta, na que se poden atopar varios xinetes», dinos ao respecto o secretario de A Rula. Unha escena de monta que a nós volve traernos á cabeza a Manuel Rivas e o texto que xa citamos ao comezo: «Na milenaria linguaxe das pedras, o rei é o cabalo». Na Ruta dos petróglifos de Teo estas tres estacións, Pena Bicuda de Loureiro, Outeiro do Corno e Río Angueira, son tamén as raíñas. As tres, sumadas, compoñen un dos conxuntos máis importantes do chamado grupo galaico de arte rupestre. As tres, sumadas, supoñen un motivo de sobra para coñecer a ruta. Pero non son, nin moito menos, o único motivo.

Se un se aventura a comezar a andaina desde a carballeira de Cornide (na parroquia de Calo), pode elixir entre visitar os gravados da aldea de Mouromorto (aquí volven aparecer os mouros nesta narración, e non será a última vez), a cincocentos metros do punto de partida, ou ben dirixirse xa cara a ribeira do río Angueira. Alí, antes de chegar ao petróglifo da escena de monta do que falamos con anterioridade, o camiñante verá como se abre ante si unha interesante e fermosa área de edificación de ribeira. Varios son os muíños cos que nos cruzaremos polo camiño: o de Cornide, o das Picariñas, e un pouco máis adiante o de Bouza. Boa representación destas construcións nas que os nosos antepasados moían o millo, o trigo ou o centeo. Elementos etnográficos esenciais para entender a Galicia tradicional; base da alimentación, da economía e da vida das xentes. Basta pensar un momento no nome do baile galego por antonomasia. A muiñeira, efectivamente.

Encontraremos tamén nesta área pontellas que unen as dúas beiras do Angueira e un lavadoiro. É este un treito ben fermoso, repleto de construcións recuperadas. Tamén de valores naturais, coma as diversas especies de fieitos, así como un cadoiro e un pozo do río ao pasar por un pequeno desnivel do terreo.

Non menos interesante é a zona que une Monte Angueira con Monte Piquiño, á que chaman Outeiro do Chan, área de gran valor paisaxístico. Ese valor foi unha das cousas que premiou a Federacion Galega de Montaña na homologación da ruta.

Chegando xa ao Piquiño o percorrido imita un dos gravados circulares das rochas e realiza unha pequena circunferencia que ofrece unhas inmellorábeis vistas panorámicas das terras do Val do Ulla. Ao pisar ese terreo atoparémonos xa na necrópole máis importante de toda a comarca. Ningunha outra contén trinta e tres mámoas catalogadas coma esta, se ben só seis ou sete gozan na actualidade dunha visibilidade suficiente. Desde o Concello de Teo están a estudar xa a posibilidade de realizar unha segunda fase de traballo sobre o terreo para que o visitante poida gozar tamén da vista destas mámoas.

Pena Bicuda de Loureiro

Petróglifo do Trono da Raíña

As mámoas, como é sabido, son túmulos funerarios. E aquí, na Eira dos Mouros, rodean o que puido ser un crómlech vinculado á necrópole, se facemos caso ao que contan as lendas. Agora, forma unha focha circular que no inverno se inunda e semella unha fermosa lagoa natural. Os crómlechs son círculos líticos, é dicir, círculos de pedras, que cumprían as funcións de recinto sacro e estaban asociados a motivos funerarios. O crómlech máis famoso do mundo é o de Stonehenge no Reino Unido, construído a finais do Neolítico ou nos albores da Idade de Bronce.

Non existen evidencias arqueolóxicas de que realmente na Eira dos Mouros da Lagoa existira tal círculo lítico, pero, como nos conta Pablo Sanmartín, as narracións tradicionais entre os habitantes da zona fan crer que puido ser así: «Segundo contan as crónicas antigas, existía un círculo de pedras con grandes fitos de cuarzo que os veciños acabaron utilizando para facer peches e outras construcións populares. Nunca se fixeron escavacións nin sondaxes polo que tampouco podemos dicir se existe ou non un patrimonio arqueolóxico nese lugar. O que si hai, de seguro, son moitas lendas. O que si hai, de seguro, é un gran patrimonio inmaterial ao respecto entre os veciños». E claro, inevitabelmente, os mouros que viven baixo terra volven aparecer aquí. Os mouros que lle dan á Eira o seu nome. Os mouros dos que dixo o profesor Filgueira Valverde «que poden saír a poñer ao sol os seus tesouros, a comprar nas feiras, a poñer a proba ou adoutrinar aos vivos». Os mouros que Filgueira chamou «a outra realidade», con expresión tan acertadamente galega.

Varios son os muíños cos que nos cruzaremos polo camiño: o de Cornide, o das Picariñas, e un pouco máis adiante o de Bouza. Boa representación destas construcións nas que os nosos antepasados moían o millo, o trigo ou o centeo. Elementos etnográficos esenciais para entender a Galicia tradicional; base da alimentación, da economía e da vida das xentes.

Malia que a meteoroloxía non ten sido clemente nestes primeiros meses do ano, varias asociacións de sendeirismo teñen probado xa a nova ruta teense e a súa experiencia ten sido moi satisfactoria, tal como eles mesmos referiron. Non é para menos, esta Ruta dos Petróglifos de Teo ofrece a posibilidade de achegarse un pouco á historia dos antigos poboadores de Galicia, de retrotraernos ás orixes das nosas lendas, de camiñar polos vieiros dos nosos costumes. Desde os ritos funerarios neolíticos, aos muíños e pontellas. Desde os crómlechs (imaxinarios ou reais) até os cadoiros do río Angueira. Desde as trinta e tres mámoas até a diversidade de fentos. Un paseo pola paisaxe do Val do Ulla. Unha viaxe polo que fomos, polo que somos e polo que seremos. Unha andaina para coñecer a comarca de Compostela ao tempo que nos coñecemos a nós mesmos. Aos galegos de agora e aos de antes. Foran eses galegos mouros ou non, esta Ruta dos Petróglifos de Teo amósanos unha parte dos fermosos tesouros que tan ben gardados e escondidos mantiñan.

Queres ollar outros contidos relevantes?

Cecilia Pereira

150 150 CORALIA

Citámonos con Cecilia Pereira, a comisaria do Xacobeo, un venres pola tarde no CGAC. Chega cansa e algo revolucionada. Móvese con rapidez. Quedan aínda dous anos para o Xacobeo, pero Cecilia non para. Fainos un aceno para que agardemos por ela e saúda cariñosamente aos traballadores do Museo, moitos deles excolegas seus. Tras doce anos fóra de Santiago, Cecilia retornou en 2018 para afrontar o maior reto da súa carreira: liderar a organización do Xacobeo que máis se demorou (once anos) desde que no 93 comezaran os Xacobeos modernos. É unha empresa titánica, pero Cecilia afróntaa con seguridade. A mesma coa que nos expón as súas ideas sobre o Ano Santo, o Camiño, Santiago, o turismo ou o comercio. A conversa prolóngase tanto que nos acaban botando da cafetaría do CGAC porque, sen decatarnos, superamos amplamente a hora de peche.

Entrevista de JAVIER PEÑA LÓPEZ
Fotografías de ALFREDO IGLESIAS

Como foi a chamada na que se che ofreceu ser comisaria do Xacobeo?
Non foi algo inmediato. A primeira chamada produciuse moitos meses antes do nomeamento. Polo que eu sei, había outros dous candidatos, pero nunca cheguei saber os nomes. Houbo varias entrevistas, pedíronme un proxecto, un programa… O contacto inicial foi a finais de xullo de 2017 e a chamada do presidente Feijóo para dicirme que fora elixida recibina regresando de México. Nunca o esquecerei. Volvía de pasar fin de ano en Oaxaca. Así que foi un proceso de varios meses.

E que foi o primeiro que pensaches ao ser elixida: vaia oportunidade ou vaia papeleta?
O primeiro que pensei foi que era a única oportunidade pola que eu volvería a Galicia, porque estaba moi contenta cos proxectos que estaba facendo en Madrid.

Que era o que facías?
Eu marchei de Santiago en 2006 para ser directora de actividades da Sociedade Estatal de Exposicións Internacionais, que se ocupaba de definir, crear e xestionar os pavillóns de España nas grandes Exposicións internacionais e universais. Ocupámonos de varias, entre elas a de Zaragoza en 2008. Fun directora do pavillón de España na Expo Universal de Shanghai en 2010 e foi unha experiencia alucinante [remarca cada unha das sílabas]. En 2012 vivín en Corea e fun comisaria xeral de España na Expo de Yeosu.

«O que queremos é que este sexa o xacobeo de toda galicia, ese é o noso lema. Ten que ser unha celebración que goce toda a comunidade»

Es consciente, polo tanto, de que hai moitas expectativas postas neste Xacobeo despois de once anos de espera?
Si que o son. O que queremos é que sexa o Xacobeo de toda Galicia, ese é o noso lema. Ten que ser unha celebración que goce toda a comunidade. Queremos desestacionalización, descentralización…

Ese é un camiño que xa se abriu en 2010.
Iso teño entendido. Eu non o vivín porque entón non residía aquí. Desexamos impulsar aínda máis ese camiño, e que cada unha das persoas que viven en Galicia sinta o Xacobeo como algo propio.

É o Xacobeo 2010 un espello no que se mirar?
Eu iría aínda máis atrás. Lembro a ilusión do Xacobeo 93. Que me gustaría? Recuperar esa ilusión, esa maxia, ese descubrimento.

Que lembras daquel primeiro Xacobeo moderno?
Era unha época na que todos viaxabamos infinitamente menos. Recordo ver no Obradoiro aos Derviches Xiróvagos [bailaríns da danza sufí que executan unha das cerimonias máis coñecidas de Turquía]. Como me fascinaron! Foi tamén a primeira vez que vin teatro xaponés. Que marabilla! Pero é certo que traer agora aos Derviches cando case todo o mundo estivo en Istambul… non abraiaría igual. Moita xente agarda o anuncio de estrelas internacionais. Seguro! E claro que as haberá. Pero creo que un obxectivo maior é redescubrir o propio. Cada ano están vindo máis de 327.000 peregrinos, cada un coa súa enerxía e a súa historia. Recompilemos esas historias! O Camiño supón para nós un Erasmus xigantesco. Eu son da última xeración que non puido gozar do Erasmus e dáme unha rabia infinita. E logo penso: pero se o Erasmus estivo sempre no Camiño… Ese intercambio, esa contaminación positiva, iso é o que me gustaría conseguir.

Cecilia Pereira, comisaria do Xacobeo

«Moita xente agarda o anuncio de estrelas internacionais. Seguro! E claro que as haberá. Pero creo que un obxectivo maior é redescubrir o propio. Cada ano están vindo máis de 327.000 peregrinos, cada un coa súa enerxía e a súa historia. Recompilemos esas historias! O Camiño supón para nós un Erasmus xigantesco»

Os grandes concertos en ocasións chegan a devorar toda a celebración…
É certo que un concerto ten unha capacidade de convocatoria brutal, pero só nun momento concreto, nun día. Outros eventos teñen unha capacidade de convocatoria máis sostida no tempo. É algo que aínda necesitamos debater nós internamente, pero en xeral hai unha tendencia que pon en cuestión eses grandes eventos e busca outros máis pequenos e sostibles.

Dáche pena que todo un Xacobeo permaneza na memoria coma aquel no que veu Dylan ou aqueloutro no que viñeron os Rolling?
Haberá para quen este será o Xacobeo no que coñeceu ao seu mozo ou no que mercou un piso… Ao final todo vai moi rápido e precisas dúas ou tres imaxes. E cales son? As dos concertos, as das visitas máis impactantes. Estou convencida de que se conseguiramos traer a Obama sería o Xacobeo de Obama. Ao final, cada quen vivirá a súa propia experiencia.

É posible conciliar a presenza das grandes figuras co fomento da cultura propia?
Iso é precisamente o que che dicía antes, que a min o que me gusta é o intercambio, a contaminación. A mín gústame ir cear a Lume de Lucía Freitas e tomarme un xiao long bao pero recheo de porco celta. Hai algo moi positivo na capacidade de contaminarnos, de integrarnos. Non todo ten que ser cocido, nin todo ten que ser pizza.

«Gustaríame facer un xacobeo con programas que foran un pouco patchwork, con retallos duns e doutros, e que o xacobeo fora só o elemento de sutura. hai moi boas ideas e temos moi boa materia prima»

Para 2020 están previstas as eleccións autonómicas. Podería ser que chegue o Xacobeo que preparaches durante tres anos e xa non sexas a Comisaria. Como se traballa con ese horizonte?
É algo do que son consciente desde o principio. A un noméano e césano, e non hai problema. Teño iniciado un montón de proxectos que ao cabo dos anos me desmotivaron ou se terminaron e son unha riqueza para min. De feito, estou encantada de ter regresado a Santiago e traballar neste proxecto, pero manteño o meu piso en Madrid, porque me encantaría volver alí.

Pero sería como unha directora de cine á que apartan da película antes da estrea…
Sabes o que me pasa a min? Eu son como os artistas, a min encántame o proceso. Son como ese cociñeiro que cando cociña xa está gozando, non ten necesidade nin sequera de comer o prato.

Unha das frases que máis repetía Roberto Varela, o conselleiro de Cultura no Xacobeo 2010, era a do medo «a morrer de éxito». Tes tamén ese medo?
Si, si que o teño. Antes de vir, como non traballara no núcleo do Xacobeo, tiña outro concepto distinto do que era o Camiño. Todos estes meses servíronme para ver as posturas que hai: os que critican que o promocionamos demasiado, os peregrinos máis esenciais, os que din que é unha riqueza para todos… Eu reúnome con alcaldes de pequenos concellos que me din: Cecilia, sen o Camiño teríamos desaparecido, sen el non existiriamos.

Mais o Camiño mudou. Esa espiritualidade orixinal xa case non existe.
Haina! Claro que si! Ao mellor non se ve tanto porque porcentualmente é menor. En inverno veñen os peregrinos esenciais, veñen todos os asiáticos, que pasan frío por paisaxes nevadas, en soidade. Os australianos que veñen gastando unha pasta para chegar ata España e empregan 32 días da súa vida en albergues públicos pasando penalidades. E cando vas a Carretas emociónaste ao ver a acollida espiritual en tantos idiomas, e segues vendo o poder que ten o Camiño para atopar respostas.

«Cando vas a Carretas emociónaste ao ver a acollida espiritual en tantos idiomas, e segues vendo o poder que ten o Camiño para atopar respostas»

«Que precisamos? Máis líderes, xente que teña máis visión e arrastre. Só hai que lembrar como era antes a Praza de Abastos! De repente abren o Abastos 2.0 e empezan a aparecer Sr. Nilsson, Lume… As boas prácticas ao final contáxianse»

Por que cres que segue a ter ese poder?
Hoxe en día o contacto coas outras persoas é moito máis virtual, a través de aplicacións e chats. A xente o que demanda é ver. Ver como te comportas, ver que che pasa, ver como es.

O que non se pode negar é que o Camiño está a cambiar radicalmente a morfoloxía de Santiago…
O Camiño e tamén as aeroliñas low cost

Non sentes un pouco a falta do Santiago de antes?
Un pouco, non, estráñoo moito. Cando acabei a carreira, vivía en Porta da Pena, para min era algo máxico. Cando vou agora en inverno, percorro San Martiño Pinario, a Casa Gótica, o Museo das Peregrinacións, as Cinco Calles… É algo fascinante. Logo fágoo no verán e non o recoñezo. O cambio é brutal. Pero é lei de vida.

Lei de vida ou non, a améndoa estase despoboando e moitos comercios históricos teñen que pechar.
É certo que a marcha da poboación de Santiago do centro histórico é un problema. Eu quixen vivir na parte vella e conseguino. Vivo na Virxe da Cerca porque teño unha amiga que me alugou un apartamento. Pero non foi nada fácil, eh? Pasei meses buscando. E non atopei porque está carísimo e a xente prefire destinalo aos turistas e Airbnb. Dáme moita pena, claro.

Cal pode ser a solución para os comerciantes?
Hai negocios que están enfocados á xente que vive na proximidade. Unha ferraxaría, por exemplo. Ningún turista vai vir e comprar un martelo. Penso que cada vez máis os visitantes buscan lugares, locais singulares que ofrezan produtos propios. Hai comercios que supoñen un excelente exemplo. O primeiro que se me ocorre é Catrineta. É unha tenda extraordinaria para marchar cargado de latas. Coñezo xente que, como non as pode levar no bolso de man, pide que llas envíen por correo. Ao lado está Boles, unha marabilla; vaia unha selección de produtos artesanais! Todas as pequenas tendas que se abriron na Praza de Abastos…

«É que hai comercios marabillosos. A sombreiraría da rúa do Vilar... É que non puido saír en máis anuncios! Pero como a xente non vai querer ver iso? Se é o que nos diferencia! Eu creo que ningún turista quere ver repetidos os mesmos recordos ou merchandising cutre…»

Cecilia Pereira

Ou sexa que apostas pola renovación do comercio.
É que o comercio tamén cambiou e hai que ter un criterio, hai que ter un gusto, hai que fomentar unha atención ao cliente. Se é que o pequeno comercio é unha marabilla! Mira que sentín que pecharan a Papelería Compostela, aquel pracer de ir alí comprar as etiquetas Kraft, que chas envolveran, que chas puxeran cun cordel. Ten un encanto que non ten unha cadea onde vas comprar bolígrafos Pilot, claro. Está sendo duro, pero Santiago segue a ter moito comercio con encanto.

Pensas que o Xacobeo pode axudar a reavivar o comercio histórico no casco vello compostelán?
Pois espero que si, traballarei para que sexa así.

Tes algunha idea para facelo?
Pois non, pero agora que mo preguntas haberá que pensar algunha. Tamén espero que os comerciantes teñan iniciativas para nós. Estar no Xacobeo é como estar nun minarete ao que un montón de xente se achega a presentarche proxectos, a posibilidade de crear sinerxías é case infinita. Gustaríame facer un Xacobeo con programas que foran un pouco patchwork, con retallos duns e doutros, e que o Xacobeo fora só o elemento de sutura. Hai moi boas ideas e temos moi boa materia prima.

Deixámoslle entón aquí esa invitación aos comerciantes a que che presenten propostas…
Pois claro que si! Se é que hai comercios marabillosos. A sombreiraría da rúa do Vilar… É que non puido saír en máis anuncios! Pero como a xente non vai querer ver iso? Se é o que nos diferencia! Eu creo que ningún turista quere ver repetidos os mesmos recordos ou merchandising cutre…

Se non os quixeran non proliferarían esas tendas, non cres?
Pois eu creo que se lles poden ofrecer outras cousas aos turistas. Eu admiro á xente nova que está traballando noutro tipo de merchandising e de recordos, que traballa con ilustradores, que está a crear outro imaxinario de Compostela. Son unha gran compradora e consumidora dese tipo de produtos. Eu augúrolles moito futuro, o outro é flor dun día. Se conseguimos que o turismo cambie e cada vez teña un nivel cultural maior, tamén irá demandando iso.

O turismo masivo e a cultura viaxeira, polo momento, non demostran ir unidos…
Tes razón, a xente viaxa porque é o que mandan os tempos. Agora xa non importa ter un coche tan bo. Do que presumes é de experiencias, do número de países que viches.

A cuestión é que ese turismo está a mudar as cidades e cando pase de moda xa non haberá volta atrás na súa transformación.
En realidade son moitos procesos os que están en marcha. Volvendo ao comercio, tamén creo que hai unha xeración que xa non se quere facer cargo dos negocios dos seus pais. Hai moitos que pechan por xubilación. Temos outro concepto do lecer, do traballo, unha mentalidade moi de funcionarios. Queremos traballar menos horas e dispoñer de máis tempo libre. O comercio é moi escravo. A ver cantos mozos queren estar con xornadas de doce horas abertos de luns a sábado.

«Un sempre traballa coa ilusión de deixar pegada. Ninguén asume unha responsabilidade coma esta pensando no fracaso. Eu estou moi ilusionada e con moita enerxía. Un antes e un despois? Oxalá. O que non queremos é que se repita a situación que se atoparon en 2009 cando houbo que preparar un Xacobeo ás présas e correndo. Queremos facelo ben. Sabemos que o Camiño e o Xacobeo son a mellor Marca Galicia que hai. A marca pola que nos recoñecen fóra»

E despois está o comercio online que é un fero competidor.
Tamén é un recurso para que moitos comercios sobrevivan e sexan coñecidos. Eses comercios de Santiago que me encantan e dos que che falei antes nos meses máis frouxos de turismo ao mellor viven grazas a que teñen comercio online. Hai que renovarse. E hai iniciativas moi interesantes.

Por exemplo?
Un bo exemplo é o dos percorridos polo comercio tradicional de Santiago que te levan por zonas deliciosas, como a rúa de San Pedro. Mira como conseguiu ser unha rúa con personalidade! É unha rúa con carácter polos negocios e pola gastronomía. Uns chaman aos outros. Que precisamos? Máis líderes, xente que teña máis visión e arrastre. Só hai que lembrar como era antes a Praza de Abastos! De repente abren o Abastos 2.0 e empezan a aparecer Sr. Nilsson, Lume… As boas prácticas ao final contáxianse.

Para Santiago este Xacobeo vai significar un antes e un despois?
Un sempre traballa coa ilusión de deixar pegada. Ninguén asume unha responsabilidade coma esta pensando no fracaso. Eu estou moi ilusionada e con moita enerxía. Un antes e un despois? Oxalá. O que non queremos é que se repita a situación que se atoparon en 2009 cando houbo que preparar un Xacobeo ás présas e correndo. Queremos facelo ben. Sabemos que o Camiño e o Xacobeo son a mellor Marca Galicia que hai. A marca pola que nos recoñecen fóra.

Tes vivido ese papel do Camiño como embaixador de Galicia nas túas estancias no estranxeiro?
Moitísimo. Lembro ir á misa nunha pequena cidade de Corea do Sur porque a daban en castelán. Os que falabamos castelán tentabamos ir alí co Padre José, un sacerdote mexicano maior que facía un esforzo considerable para ir os domingos a oficiar esa misa. Só na miña última semana alí me decatei de que as fotos do calendario de parede me soaban. Estaba todo en coreano, pero era un calendario do Camiño de Santiago! Quedei perplexa. Iso é o Camiño.

Contido extraído do núm. 12

Queres ollar outros contidos relevantes?
Política de privacidade

Se consente a utilización de cookies, continúa navegando ou fai clic nalgún link entenderase que consinte a nosa política de cookies e, por tanto, a instalación das mesmas no seu equipo ou dispositivo.

Se vostede quere, pode cambiar a configuración de cookies en calquera momento, configurando o seu navegador para aceptar, ou non, as cookies que recibe ou para que o navegador o avise cando un servidor queira gardar unha cookie.

Esta web utiliza cookies.
error: Contido protexido