•  981 806 528 & 670 594 685 info@coralia.gal

katuxa platero

FITUR

150 150 CORALIA

Coincidindo coa saída do número 15 da revista, vimos de presentar unha edición especial de Coralia, coa que agasallar aos visitantes do stand institucional de Galicia na Feria Internacional del Turismo de Madrid. A súa presentación nas Adegas Méndez-Rojo de Chantada o pasado sábado 11 de xaneiro foi todo un acontecemento, no que autoridades de diferentes eidos quixeron festexar connosco a saída desta edición tan especial.

Crónica de FRED IGLESIAS I Fotografías de MARÍA DE LA FUENTE SEOANE

Hai tres meses desfrutamos dunha experiencia absolutamente máxica nas chantadinas adegas Vía Romana (A Ermida, Belesar). Foi unha intensa xornada de vendima heroica na deliciosa compaña de Lucía Pérez, a quen fotografamos e entrevistamos no corazón dunha Ribeira Sacra atestada de verdes e púrpuras, nun luns de outono no que o sol brillaba con intensidade e as nespras ían e viñan a centos seguindo o doce arrecendo da uva madurada. Foi un día perfecto, tanto que cando o equipo estudaba os posibles emprazamentos para a presentación do número que ía ir a Fitur, todos e todas tivemos claro que non podería haber mellor escenario que as adegas da familia Méndez-Rojo, onde nos recibiran cos brazos abertos e todo foran facilidades. Sabiamos que regresando a Chantada viviriamos un día inesquecible e que quen acudira á nosa chamada o sábado 11 de xaneiro volvería a casa co mellor sabor de boca e desexando regresar o antes posible á Ribeira Sacra. Pola nosa parte, só podemos dicir que o afecto, a capacidade organizativa e a xenerosidade de Juan Luis Méndez-Rojo e do seu equipo -do que non podemos deixar de mencionar a  Jimena Santalices e a Dioniso Oseira-, superou amplamente as nosas expectativas. Grazas!

Casiano Fernández, Sara Inés Vega e Lucía Pérez

Cecilia Pereira e José Manuel Balseiro Orol

Román Rodríguez e Juan Luis Méndez-Rojo

Román Rodríguez e Ana Pastor

Para presentar o número de Fitur contamos coa mellor compaña:
Ana Pastor, vicepresidenta segunda do Congreso dos Deputados; Carmen Pomar, conselleira de Educación; Román Rodríguez, conselleiro de Cultura e Turismo; Valentín García Gómez, secretario xeral de Política Lingüística; Borja Verea Fraiz, secretario xeral de Economía; Susana López Abella, secretaria xeral de Igualdade; José Manuel Balseiro Orol, delegado territorial da Xunta en Lugo; Mª José Gómez Rodríguez, xefa territorial de Cultura e alcaldesa de Guntín; Elena Candia, alcadesa de Mondoñedo; Sara Inés Vega, alcaldesa de Castro Caldelas; Manuel Varela, alcalde de Chantada; Luis Fernández, alcalde de Sober; Héctor Corujo, alcalde do Incio; Cecilia Pereira, comisaria do Xacobeo21; Iria Otero, concelleira de Turismo do Concello de Teo, ou Marta Lucio, directora do Museo do Mar de Vigo. 

Luis Fernández Guitián, Manuel Varela, Román Rodríguez, Ana Pastor, Juan Luis Méndez-Rojo, José Luis Álvarez, José Manuel Balseiro Orol, Mª José Gómez Rodríguez e Héctor Corujo

Foi unha honra contar coa súa presenza, como o foi ter a compaña de Suso do DezaseisLucía PérezJorge Mira, Budiño, Elena Salgado, Vizcaíno, María Solar, Jaime Pérez, Prado Loureiro, Yessenia Guerrero, Manuel Carrete, Alberto Ribas, Carmen Lago, Katuxa Platero, Isabel Patiño, Airas Moniz, Xema Varela, Dolche peluqueros, Paula Cabaleiro, María Caldelas, Rodrigo Mosquera, Mercedes Vázquez, Bea Barril, Yago López Cabanas, Ángel Souto, Patricia Jack, José Antonio Vázquez e todas os amigos e amigas que celebraron connosco a chegada da Edición Fitur de Coralia.
Aos uns e aos outros queremos darvos as grazas por tanto afecto e por tanto calor.

Suso do Dezaseis e Álex Regueiro

Fred Iglesias e Álex Regueiro

Fred Iglesias e Iria Otero

Actuou como mestre de cerimonias Álex Regueiro, director de comunicación de Miranda Priestly, empresa editora da revista Coralia, que quixo dar as grazas a todas e todos os que nos axudan a medrar e tiran de nós -como é o caso de Valentín García Gómez, secretario xeral de Política Lingüística, e Suso do Dezaseis-, e a todos os que lle fixeron un oco na súa axenda e no seu corazón a Coralia.

Ana Pastor, Manuel Varela e Álex Regueiro

Chegaron a continuación as intervencións máis agardadas, que abriu Manuel Varela, alcalde de Chantada, á que seguiron a de Juan Luis Méndez-Rojo, o anfitrión do evento, a do conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez (que é entrevistado neste número), e a de Ana Pastor, vicepresidenta segunda do Congreso dos Deputados, cuxa presenza nas adegas foi gardada en segredo ata o último momento, e cuxa accesibilidade e profundo coñecemento da realidade da comarca cativou aos presentes. Todos coincidiron en facer unha apaixonada defensa da candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio da Humanidade e referir todas as marabillas que garda Chantada e toda a súa área de influencia. E todos foron xenerosísimos con Coralia e coa súa perspectiva do ser e o sentir galego.

Juan Luis Méndez-Rojo, Román Rodríguez, Ana Pastor e Manuel Varela

Igual de xenerosa foi Lucía Pérez, protagonista da portada deste número, que puxo o broche de ouro ao acto coa súa sensibilidade, dozura e beleza. Cativounos coa súa autenticidade e emocionounos a carón de Vizcaíno, dándolle voz á terra e á montaña.

Lucía Pérez e Vizcaíno

E, despois de tantos instantes únicos que gardar no álbum de Coralia, brindamos e brindamos e volvemos brindar polos noso anfitrións, pola Ribeira Sacra e polo éxito en Fitur. Brindamos cos viños que non entenden de présas: os soberbios VR BarricaVía Romana Godello, Vía Romana Mencía e Vía Romana Rosado. Ademais, Galicia Calidade agasallounos cunha magnífica selección de queixos de Anzuxao, embutidos de Torre de Núñez, melindres da Tahona de Melide e conservas de Luis Escurís Batalla, unhas delicias que foron excelentemente acollidas polos asistentes; como tamén o foron os impresionantes xeados de La Central Heladera, cuxas mesturas, presentación e variedade de sabores nos deixaron sen palabras.

Todos os que facemos a revista agardamos que a Edición de Coralia para Fitur sexa do voso agrado, e faríanos moi, moi felices que nalgunha das súas páxinas recoñecerades a Galicia que tanto amades e que tanto amamos.

Valentín García Gómez e Marta Lucio

Budiño e Elena Salgado

Juan Luis Méndez-Rojo, Jimena Santalices, Cecilia Pereira, Dionisio Oseira e Jorge Mira

Grazas a todas e a todos.

Rosa Illodo

Tamén é actualidade en Coralia:

A festa do outono

150 150 CORALIA

Entre lusco e fusco, embriagados polo doce arrecendo das mazas en sazón e aloumiñados polo delicioso repenique da súa fonte central, o máxico xardín do hotel terraza Costa Vella luciu todo o seu esplendor para acoller a presentación do noso número de outono.

Crónica de LAURA CIENFUEGOS I Fotografías de MARÍA DE LA FUENTE SEOANE

O equipo de profesionais que fai posible a revista quería festexar catro anos alucinantes e agradecer ás persoas, empresas e institucións que colaboran con nós o seu apoio e confianza. O Costa Vella e José Antonio Liñares, os nosos anfitrións, foron a mellor das eleccións posibles. De feito, escollemos a data do 2 de outubro, por ser a xornada no que o emblemático establecemento compostelán -que acollía por terceira vez unha presentación da revista- cumpría vinte anos da súa apertura.

Para descubrir esta nova Coralia, achegáronse bos amigos e amigas, grandes empresarios e altas autoridades que cren e apoian a nosa publicación. Grazas a todas e a todos!

Foi un pracer desfrutar da compaña do Alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo; da conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional, Carmen Pomar Tojo;  do subdirector xeral de ordenación e innovación educativa e formación do profesorado, Juan Carlos Varela Vázquez; do secretario xeral técnico da consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional, Jesús Oitavén Barcala; do secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García Gómez; da concelleira de Deportes e Benestar Animal, Esther Pedrosa; da concelleira de Urbanismo, Vivenda, Cidade Histórica e Acción Cultural, Mercedes Rosón; da xerente da Fundación Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro; ou do xefe do gabinete da conselleira de Educación, José Antonio Vázquez.

Foron moitos os persoeiros que se achegaron até a rúa da Pena para brindar pola nova andaina que comeza Coralia. Alí vimos a Xosé Manuel Budiño, a Elena Salgado, a Lucía Pérez, a Diana Nogueira, a Vizcaino, a María Solar, a Helena Villar Janeiro, a Xesús Rábade, a Encarna Otero Cepeda, a Delmiro Prieto, a Susi Gesto, a Katuxa Platero, a Edu Valiña, a Monica Mura, a Isaac Castelo, a Susan Alejandra Toro, a Manuel Carrete, a Alberto Ribas, a Xema Varela, a Isabel Patiño, a Jacobo Bugarín, a Manuel Moledo e a Gloria Rico, entre outros.

Ao seu carón, atopamos aos empresarios Pablo Lodeiros (Bodegas Lodeiros), Natalia Palmou (70 Mandarinas), Cristina Doel (Catrineta), Ana Porto (Maravalla), Beti López (Boles Galicia), Carmen Rabuñal e Álex Sande (Ámboa), Carmela Valiño e Marta Álvarez (Muuhlloa), Carlos Martínez Vidal (Wrong Shop), Elias Rozas (Pedra Salgada) ou Marta Rabuñal (A Gramola).

Co de outono chegamos ao noso número 14, que vén cheo de novidades -como xa intuíamos tres meses atrás-. Cumprir 14 supón cambios e tamén un marabilloso reto, pois, a partir de agora a nosa revista faise máis grande, poñendo en valor á súa singularidade editorial, independencia creativa e curiosidade sen límites. Coralia quere estrear emocións, contidos e espazos, poñendo en cada número o foco no que hai de novo neste noso ‘País das Marabillas’.

Co 14 principiamos un curso que nos vai cambiar para sempre. E para inaugurar curso por todo o alto contamos coa máis alta autoridade na materia, a conselleira Carmen Pomar, que nos dedicou fermosas palabras durante o acto de presentación e é protagonista do número xunto ao escritor Manuel Rivas, a curadora Paula Cabaleiro ou o piragüista Adrián Mosquera, a quen levamos á portada da revista, por representar todo o que Coralia é e quere ser.

Foi unha festa. Unha festa de verdade. Na que se conversou, riu e bailou. Unha festa na que Os da Porfía encheron o xardín de música e cantos, e nos emocionaron ca súa arte e a súa autenticidade. Unha festa na que triunfaron o mencía de Vía Romana, as deliciosas especialidades de Pan da Moa e os cócteles e vermús de Lodeiros.

Grazas a todos e a todas por facer irrepetible este outono.

Tamén é actualidade en Coralia:

Katuxa Platero

150 150 CORALIA

A xoiaría de Katuxa Platero, situada no número 3 da compostelá Rúa dos Bautizados, posúe unha atmosfera singular, a medio camiño do glamour de París e a maxestuosidade de Vicenza. Para falarmos invítanos a acompañala á parte superior do establecemento, o lugar onde asesora os seus clientes, e onde tamén ten o seu espazo especial (aquel ao que no seu día nin sequera puido pasar un conselleiro da Xunta); é o lugar onde a maxia flúe para crear pezas únicas: o obradoiro de Katuxa. Poderiamos pensar que Santiago é unha praza atípica para unha especialidade como o deseño de xoias, máis asociada ás millas de ouro de Madrid ou Barcelona, onde «o modelo está máis normalizado», mais a capital galega é o escenario perfecto para facer realidade calquera soño. Así o proba Platero, quen brilla na súa profesión desde hai anos e é, por méritos propios, unha xoia de Compostela.

Entrevista de MATEO CODESIDO & Fotografías de ALFREDO IGLESIAS

De apelido Platero, parece un nome artístico…
Si, de feito teño moitísimos problemas porque en todas as partes me poñen «Katuxa Plateros», coma se tivese a moitísima xente traballando comigo [ri]. Veño dunha familia de artesáns que se apelidan Platero. Cando deixei a carreira de Dereito e me cambiei á xoiaría, o nome non o pensei moito.

Desde cativa fuches amiga de experimentar coas artes. Definiuse xa daquela a túa visión creativa?
Creo que, en xeral, a infancia marca moitísimo. Na miña practiquei ballet clásico, cantei nunha coral, e ademais xogaba coas peles que tiña meu avó nun anfiteatro. Iso ten que marcar si ou si. Eu quedábame horas mirando como traballaba el coas mans. Iso márcate. E cando es máis maior, levántaste un día e dis, nin avogacía ni nada, eu quero crear como o meu avó.

Que parte desa herdanza recibiches?
Eu recordo de pequena que os meus avós tiñan uns estantes marabillosos de madeira até o teito e eu buscaba os ollais e os remates das fibelas para poñelas nos dedos e colocalas no pescozo. Daquela xa facía cintos con todo o que atopaba. Pouca xente ten a oportunidade de acceder a un obradoiro desde pequena. Moi pouca xente ten a sorte de ir vendo a creación desde cero, esa maxia da peza formándose paso a paso. Iso si que o herdei deles, esa paixón pola man, polo ben feito, polo coidado.

Katuxa Platero, en Coralia

Conservas algunha das súas ferramentas?
Teño unha bigornia, o seu snap, a súa navalla de cortar, que fixo el mesmo. A verdade é que era un home que tiña unhas mans marabillosas; ogallá algún día tivese eu a profesionalidade que tiña el.

O sector conta con apoios que antes non se tiñan como os de Artesanía de Galicia, o Colexio de Xoieiros, Galicia Calidade… En que situación se atopa a profesión actualmente?
Eu creo que a xoiaría tradicional de compra e venda xa non está de moda. Hai un cambio de consumo. A xente nova non está tan interesada nin educada na xoiaría. A túa avoa, a miña nai… sabían ben o que era un zafiro, un topacio e valorábano. Á xente nova que vén por aquí gústalles, pero unha vez que llo explicas e entran no mundiño. Entón, creo que non estamos de moda entre ese público máis novo, pero xa se está empezando a chegar saíndo nos medios, dando un pouco máis de publicidade… A xoiaría debería revisarse, ten que haber un cambio, temos que unirnos á moda e a outros sectores para facernos un chisco máis fortes.

Como funciona un negocio como o teu en Compostela?
Eu teño un negocio superatípico, moi persoal. É unha xoiaría de autor, só vendo as miñas pezas, só o que eu deseño. Por exemplo, este ano o pantone é Living Coral, pois daquela fago fincapé nunha colección un pouco máis grande de coral. Pero gústame facer ao revés, crear as pezas introspectivamente, do que sae das miñas emocións cara a fóra, non do que vexo do exterior.

«Teño unha clientela fiel porque fago xoias moi persoais, feitas de maneira artesanal e creo que están dirixidas a clientes que aprecian un bo deseño, unha boa calidade, unhas pedras naturais e un traballo exclusivo»

Ir contra corrente, fai máis difícil atopar as materias primas?
Eu importo materiais de todo o mundo. Traballo cos mellores profesionais que me proporcionan tallas antigas únicas. Aínda que me apaixonan as pedras, eu son xoieira e traballo o metal. Pero a alma da peza é a pedra. Traballo desde a semi até a máxima categoría, pero sempre pedras naturais, non sintéticas.

Por canto se pode comprar unha das túas pezas?
Eu podo facerche a peza que queiras. Non hai límite. Podes levar unha peza única por 50€, pero o límite sempre o vas poñer ti. Eu podo traerche a peza que ti queiras sen ningún tipo de problema. Non teño aquí sete diamantes de dous quilates, pero se queres, eu consígochos. Diamantes amarelos, diamantes rosas… Traballo cos mellores dentro e fóra de España. Levo moitos anos nisto e cada vez somos menos deseñadores traballando a xoiaría de autor.

Rexeitaches algunha vez algún encargo?
Si, moitas veces. Ti podes pedirme unha cuncha de prata, por exemplo, pero eu non che vou facer unha que se poida atopar en calquera lugar. Nin que veñas cunha malla de Cartier e queiras que cha faga igual. Eu non fago pezas doutras empresas. Outra cousa é que veñas cun modelo de algo que che gusta e me propoñas darlle unha volta. Aí podemos empezar a falar, e sobre todo a traballar.

Como é hoxe a clientela de Katuxa Platero?
Teño clientela fixa en Santiago. Desde nenas moi noviñas até señoras maiores. E até teño familias enteiras de nais con fillas, que as intercambian entre elas, e iso é marabilloso. Teño clientes en moitas cidades galegas, de toda España e tamén no estranxeiro. Agora estou esperando por unha empresaria taiwanesa, que cada vez que vén pregúntame polas novidades. Teño unha clientela fiel porque fago xoias moi persoais, feitas de maneira artesanal e creo que están dirixidas a clientes que aprecian un bo deseño, unha boa calidade, unhas pedras naturais e un traballo exclusivo. Hoxe, a túa mesma cazadora encóntrala por Santiago moitas veces, parece que vestimos o mesmo. Gústame a xente que quere saírse un pouco dos canons e do estandarizado.

Desde unha rúa tan transitada como Os Bautizados, cal é a túa percepción do estado do pequeno comercio na cidade e máis en concreto na zona monumental?
Estamos de capa caída. É unha pena. Os cascos antigos de todas as cidades que eu coñezo teñen as mellores boutiques, as tendas referentes… e Santiago, creo que é a única que non ten iso. É un problema, ao meu modo de entender. Non temos as mellores boutiques, nin as grandes firmas, pero non as grandes firmas do estilo de Chanel, senón tendas de artesanía de calidade, que vendan un bo produto e que ademais saiban envolvelo, que iso é algo que nos falta aquí, o packaging. En Galicia temos un produto marabilloso, pero fáltanos o marketing, o saber vendernos ben fóra.

Hai iniciativas, tendas que están apostando por iso…
Pero con axuda… No pequeno comercio, o de comprar e vender acabouse. Veñen tendas moi grandes, vén Internet e o que podes conseguir ti pódeo conseguir esta xente, entregándocho mañá e probabelmente a mellor prezo ca ti. Eu creo que o pequeno comercio o que ten que facer é diferenciarse até o punto de dicir: «Isto só o teño eu, se o queres ven por el, eu pódocho enviar, pero a experiencia da compra vai ser mellor se ves por el». É a única maneira, senón estamos condenados a que non haxa tendas, nin no casco antigo nin en ningún lado.

Por iso, a renovación do comercio é imprescindíbel…
Bótannos moito na cara que non nos renovamos. E si, hai que renovarse. Entendo que despois de 40 anos detrás dun mostrador, que veñan e che digan: «Mira, é que tes que renovarte», pode chegar a amolar. Pero hai que facelo. Eu sempre o digo, unha peixeira e eu temos os mesmos retos unha vez que abrimos a tenda. A peixeira terá que ver a luz que lle vén mellor ao peixe para que se vexa máis fresco e eu o mesmo coas xoias. E cada un dentro das súas posibilidades. Non lle vou a pedir á señora que vaia a todas as feiras internacionais como podo ir eu, pero dentro das súas posibilidades, ten que ver a maneira de atraer máis público. Porque cada vez hai máis oferta e menos demanda, entón tes que ser o mellor, buscar a mellor luz, a mellor decoración, así como o mellor trato.

Coa bagaxe que che proporcionan as feiras internacionais, cara onde dirías que se dirixen os teus pasos?
Agora estamos tratando cuns neoiorquinos, pero é complicado chegar alí a nivel empresarial. Eu expuxen en París, e quedei decepcionada. As máis divertidas eramos unha italiana que tiña uns bikinis marabillosos e eu. Estamos vivindo un momento espantoso na xoiaría na que todo é «pauciño, cadradiño, circuliño». Aínda así, veume moi ben a experiencia porque nomeáronme a «creativa a descubrir», e iso abriume moitas portas. Gústame moito Vicenza. Acabo de vir de alí e para min é a cidade máis forte de Europa neste eido. Fan moitas feiras durante todo o ano e puiden coñecer a Lydia Courteille, unha das miñas deseñadoras favoritas de quen Karl Lagerfeld dixo que era «a xoiaría en esencia». Alí ves outro concepto de xoiaría, as súas pezas comezan en 30.000€ e hai xente comprándoas. Aínda que iso xa non son xoias, son obras de arte. Alí ves que a xoiaría aínda pode resistir, que hai xente que aínda a valora e que hai que saber buscala.

«Non temos as mellores boutiques, nin as grandes firmas, pero non as grandes firmas do estilo de Chanel, senón tendas de artesanía de calidade, que vendan un bo produto e que ademais saiban envolvelo, que iso é algo que nos falta aquí, o packaging. En Galicia temos un produto marabilloso, pero fáltanos o marketing, o saber vendernos ben fóra»

Katuxa Platero en Coralia

«Creo que o pequeno comercio o que ten que facer é diferenciarse até o punto de dicir: ‘Isto só o teño eu, se o queres ven por el, eu pódocho enviar, pero a experiencia da compra vai ser mellor se ves por el’. É a única maneira, senón estamos condenados a que non haxa tendas, nin no casco antigo nin en ningún lado»

É este entón un dos camiños con máis futuro polo que á xoiaría se refire?
Un deles. Ese é un tipo de xoiaría que está moi enfocado á arte e a moda. Eu penso que por aí deberiamos de enfocar a xoiaría, ou polo menos o meu tipo de xoiaría, da xente que deseñamos. O deseñador e o artesán teñen unha diferenza clave. O artesán pode especializarse nunha serie de pezas até tal punto de ser o mellor do mundo facendo iso, pero esa peza vaise repetir e calquera pode ter a mesma que o veciño. O deseñador, en cambio, á parte de ter a técnica e o gusto pola tradición, dálle un punto e ponlle personalidade.

Para que tipo de persoa deseñas? Hai alguén en concreto a quen che gustaría ver levando algunha das túas creacións?
Eu non deseño para alguén en concreto. Eu creo que te tes que namorar das miñas pezas. Ten que haber un frechazo. As miñas xoias funcionan así. Non existe iso de «esa peza quédalle moi ben á miña amiga, vouna poñer». Non, porque ao mellor a ela quédalle moi ben e ti tes uns trazos faciais que piden outras cores e outras formas. Nós, insistimos moito niso. Que pares diante do espello e tal e como pasas dúas horas buscando uns vaqueiros, pases dúas horas buscando un pendente que che favoreza e que fale de ti. Necesitas pasar un tempo diante do espello e dicir: «Que cores me favorecen? Que formas me favorecen? Encáixame? Si. Namórame? Si. Síntome unha deusa? Entón tes que levalo. Non me sinto unha deusa? Non o leves». Unha xoia ten que facercho sentir. Unha xoia tente que namorar. Non creo que sexa necesario poñer unha cousa por poñer.

E para rematar, podes contarnos cales serán as claves das tendencias na xoiaría de cara a esta primavera?
Lévase moitísimo o coral. Os vermellos, os laranxas… Tamén os hai desa cor. A min gústame moito rescatar a perla sempre. Pero non a perla redonda «Jackie Kennedy» que nos pon un montón de anos enriba. Si unha perla barroca, unha perla que nos aporte luz. Coco Chanel era moi lista, a partir dos corenta xa se poñía perlas, e era por algo. A perla é luz. Estamos nun momento da nosa vida no que todo é negro, branco, gris… e cando comezamos a ter certa idade o que máis nos favorece é esa luz na cara. Penso que unha perla barroca é o que máis favorece a unha muller. É moi complicado competir cunha perla. Pero tes que atopar a túa. Tes que buscala, como fas cos vaqueiros.

Queres ollar outros contidos relevantes?

Coralia en verán

150 150 CORALIA

Entre bambú e xasmín, na idílica terraza do Hotel San Miguel presentouse o novo número de Coralia, unha revista dedicada ao verán e ás súas festas. E como non podía ser de outra forma, os amigos e as amigas ateigaron este fermoso recuncho demostrando que a familia de Coralia medra número a número.

Crónica e imaxes de MATEO CODESIDO

O pasado día 1 presentouse o número de verán de Coralia. O escenario era perfecto para unha presentación ao aire libre, a pesar das nubes ameazantes e do norte  que fixeron ás chaquetas protagonistas. Momentos antes de chegar os asistentes, Budiño probaba o son, enmarcado pola descomunal portada número 13, até deter o paso do tempo. Coas guitarras xa afinadas, o mestre do vento aclarou a súa voz cun té con limón mentres confesaba que para el todo isto de cantar era novo. «Aínda estou aprendendo» afirmaba cun sorriso transparente mentres o seu compañeiro de actuación, Brais Morán, dicía entre risos, «se ti es o que estás aprendendo, non sei como estaremos os demais».

A xente foi chegando e a exuberante terraciña do Solleiros quedouse pequena para unha gran xuntanza de amigos na que non faltaron saúdos efusivos, reencontros e gargalladas. Estiveron con nós moitas autoridades municipais: Gonzalo Muíños (quen interveu no acto), Mila Castro e Mercedes Rosón, do PsdeG, Martiño Noriega e Jorge Duarte, de Compostela Aberta ou Goretti Sanmartín, do BNG. Tamén nos acompañaron altos representantes do goberno autonómico como a conselleira de Educación, Carmen Pomar, o director xeral de Políticas Culturais, Anxo Lorenzo, a directora xeral de Comercio e Consumo, Sol María Vázquez Abeal, o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García Gómez, o xerente do SERGAS, Antonio Fernández-Campa ou a xerente da Fundación Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro. Todos gozaron desta festa como amigos que son de Coralia. Canda eles estaban persoeiros como Charo Froján, directora artística de D-Due, Carmen Fernández, decana da Facultade de Educación, a activista cultural Pilar Sampedro, os creadores Xema Varela, Rosa FigueroaKatuxa PlateroMónica Mura e Edu Valiña, a editora Isabel Patiño ou, entre outros moitos, a profesora Concha Fernández e a xornalista Tareixa Navaza. Empresarios de éxito como Lucía Freitas, Cyra Calvo, Chus Moure, Manuel Moscoso, Álex Sande, Carmen Rabuñal ou Delmiro Prieto tamén fixeron un oco na súa axenda á presentación da revista. Dar conta de toda a xente especial que alí se congregou é unha tarefa imposíbel, pois por sorte os eventos de Coralia hai tempo que representan datas sinaladas do calendario.

Non imos negar que nos encheu de ledicia contar coa compaña de Margarita Ledo, Tino Martínez, María Solar e Encarna Otero, que xa foron portada da revista e son parte desta gran familia que é Coralia.

Por terceira vez, entregamos as Peneiras, xentileza de Tórculo -ao igual que o fondo do escenario-, cuxos gañadores foron elixidos polas lectoras e lectores da revista a través do noso Facebook. Estes son gañadores da primavera:

Parque de Bonaval
A nosa zona verde favorita
Entrega Beti López
Recolle Mila Castro

Restaurante San Clemente
O establecemento co mellor aperitivo da cidade
Entrega Chus Moure
Recolle Emilia Vázquez Losada

San Pedro
A nosa rúa favorita para irmos de compras
Entrega Katuxa Platero
Recolle Mercedes Rosón

Bodeguilla de Santa Marta
A cociña máis creativa de Compostela
Entrega Pablo Couceiro
Recolle Jose Míguez

Bico de Xeado
O mellor xeado da cidade
Entrega Budiño
Recolle José María Calo Faraldo

Xosé A. Sánchez Bugallo
O máis votado para a alcaldía de Santiago
Entrega Vítor Belho
Recolle Mercedes Rosón

Martiño Noriega
O máis votado para a alcaldía de Compostela
Entrega Vítor Belho
Recolle Martiño Noriega

Suso do Dezaseis
O número 1 do portal coralia.gal
Entrega Jacobo Bermejo
Recolle Alba Belho

E ao fin chegou o momento máis agardado: o showcase de Budiño a dúo. Xosé Manuel, na compaña de Brais Morán, abraiou aos asistentes coa súa fermosa voz presentando varios temas de Fulgor, o seu traballo máis recente. Por certo, todos os discos postos á venda para recadar fondos para o Refuxio de Bando voaron, así que se o queredes escoitar bulide a mercalo. Paga verdadeiramente a pena.

O acto rematou como debe rematar unha xuntanza de amigos, con risos, unha copa de bo viño e uns petiscos xentileza do espazo gastronómico Solleiros e Pan da Moa.

A xuntanza prolongouse durante horas até que as obrigas deixaron as conversas en suspenso -quizais até a festa do outono-. Nunha noite de verán tipicamente compostelá as estrelas volveron brillar intensamente. Grazas!

Tamén é actualidade en Coralia:

Coralia en primavera

150 150 CORALIA

O número de primavera de Coralia presentábase este martes, 26 de marzo, no templo da cultura compostelá, a Libraria Couceiro, que este ano cumpre medio século de vida. Personalidades, autoridades e representantes do mundo da política, a cultura ou o comercio acudiron a unha cita que precisou de máis espazo para dar cabida á grande afluencia de amizades que quixeron acompañarnos.

Crónica e fotografías de MATEO CODESIDO

Cheguei pasadas as sete e media á Libraria Couceiro. «Que lugar máis apropiado para a presentación!», foi o primeiro que pensei. No corazón da Praza de Cervantes, emblema do comercio compostelán, preséntase unha revista dedicada ao comercio. Todo ben.

Non puiden ter un recibimento mellor. Xesús Couceiro en persoa e o seu fillo Pablo déronme a benvida e indicáronme amabelmente que o evento se celebraría no segundo andar. Ao ser a libraría máis antiga de Compostela non contaba con el, pero ao chegar arriba decateime de que había ascensor; unha libraría adaptada e accesible. Eu, que podo, subín as escaleiras gozando da maxia de cada espazo.

No camiño atopei a Valeria Pereiras, redactora xefa da revista e, hoxe tamén, anfitrioa. Apenas cinco ou seis persoas agardaban a chegada dos asistentes. Entre elas Álex e Alfredo, entre impacientes e expectantes. Axiña foron chegando os primeiros asistentes. O alcalde de Santiago, Martiño Noriega e a candidata do BNG e vicepresidenta da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín, foron as primeiras autoridades en facer acto de presenza. Representantes do Goberno galego, como a conselleira de Educación Carmen Pomar e o secretario xeral de Política Lingüística Valentín García, os candidatos á alcaldía do PP e Compromiso por Galicia, Agustín Hernández e Xoan Bascuas, a xerente da Fundación Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro, e moitas outras persoas convidadas foron enchendo o segundo piso de Couceiro de saúdos, bicos, apertas, risos e a sensación de que estaban nun evento que apetecía. Como a cea de Nadal cando levas moito tempo sen comer marisco. A xente tíñalle ganas.

Cando me din conta, as cadeiras estaban todas ocupadas, e a xente ateigaba as escaleiras tanto de subida como de baixada, coma paxariños nas pólas dunha carballeira. Coralia non quixo demorar e arrincou a presentación, incluída a actuación de Falua. Mentres gozabamos da súa fermosa música, apareceu Encarna Otero, a protagonista da capa, que chegaba tarde doutro evento –«a maxia de Compostela», dixo, «tantos eventos e cousas interesantes»–. Entrevistada por Valeria Pereiras para este número 12 da revista Encarna Otero, exprofesora de Álex e Alfredo, é a personificación do amor incondicional por Compostela, unha muller comprometida pensando constantemente en como mellorar a vida da cidadanía de Santiago.

Os risos compartidos e as sorpresas dominaron a presentación. Non foi un «yo he venido aquí a hablar de mi libro». As anécdotas, o dinamismo e o humor irreverente co que acostuman encandear Álex e Alfredo foron a tónica do evento. Di que si. Xa está ben de tanto discurso politicamente correcto. Tamén houbo tempo para reivindicar e mandar algunha indirecta. Nalgún momento víase baixar algunha cabeza como cando na escola che mandaban corrixir un exercicio e ti non o tiñas feito. Mais, ao final, o sorriso foi unánime.

Presentación Coralia primavera

Encarna foi a encargada de descubrir a capa da revista. Despois do «Ooooooh!» xeneralizado a sala arrincou en aplausos contemplando a ilustración de Encarna Otero realizada polo director de arte da publicación.

E o gran momento da noite produciuse coa entrega das peneiras. Eses distintivos cos que as lectoras e os lectores de Coralia elixen a «crème de la crème» da cidade. Desta vez os galardóns eran ben xeitosos. Patrocinounos Tórculo. Descoñecía eu que fixeran ese tipo de traballos.

A peneira de Coralia
Tórculo Mazarelos
Máis información aquí
Telf. 981 806 528

Parque da Alameda
O lugar máis romántico de Compostela
Entrega Ana Portals —do espazo gastronómico Solleiros—
Recolle Martiño Noriega Sánchez, alcalde de Santiago

O Dezaseis
O favorito para ir de viños
Entrega Elena Fabeiro, xerente da Fundación Artesanía de Galicia
Recolle Esteban Vázquez

Praia de Compostela (Vilagarcía)
A praia de Compostela
Entrega Cristina Doel, de Catrineta
Recolle Valentín García Gómez, secretario xeral de Política Lingüística

San Clemente
A mellor tapa
Entrega Elías Rozas, de Compostela Campers
Recolle Juan Ramón Vidal

A peneira de Coralia

Pub Momo
O pub máis enxebre
Entrega Eva Cividanes, de Queroté
Recolle Begoña, do pub Momo

Merlín e familia
A artesanía máis auténtica
Entrega Rita Sobrado, vicepresidenta da Asociación Hostelería Compostela
Recolle Patricia, de Merlín e familia

Casa das Crechas
O local con máis marcha
Entrega Óscar de Toro, de Café Venecia
Recolle Esteban Vázquez

Coas peneiras entregadas, Falua cerrou o acto e todo o mundo se dispuxo a recoller un exemplar da revista.

Coma sempre, a presentación non defraudou. Detrás dun acto coma este hai sempre unha maneira diferente de facer e contar as cousas.

Foi a primeira vez que acudía desde que son parte de Miranda Priestly, empresa editora da revista, e para min supuxo toda unha experiencia. O mesmo habería que ir reservando data e modelo para a presentación do número de verán porque vai ser boa! Prometido.

Coralia na libraria Couceiro

Tamén é actualidade en Coralia:
Política de privacidade

Se consente a utilización de cookies, continúa navegando ou fai clic nalgún link entenderase que consinte a nosa política de cookies e, por tanto, a instalación das mesmas no seu equipo ou dispositivo.

Se vostede quere, pode cambiar a configuración de cookies en calquera momento, configurando o seu navegador para aceptar, ou non, as cookies que recibe ou para que o navegador o avise cando un servidor queira gardar unha cookie.

Esta web utiliza cookies.
error: Contido protexido