•  981 806 528 & 670 594 685 info@coralia.gal

libraria couceiro

Coralia en verán

150 150 CORALIA

Entre bambú e xasmín, na idílica terraza do Hotel San Miguel presentouse o novo número de Coralia, unha revista dedicada ao verán e ás súas festas. E como non podía ser de outra forma, os amigos e as amigas ateigaron este fermoso recuncho demostrando que a familia de Coralia medra número a número.

Crónica e imaxes de MATEO CODESIDO

O pasado día 1 presentouse o número de verán de Coralia. O escenario era perfecto para unha presentación ao aire libre, a pesar das nubes ameazantes e do norte  que fixeron ás chaquetas protagonistas. Momentos antes de chegar os asistentes, Budiño probaba o son, enmarcado pola descomunal portada número 13, até deter o paso do tempo. Coas guitarras xa afinadas, o mestre do vento aclarou a súa voz cun té con limón mentres confesaba que para el todo isto de cantar era novo. «Aínda estou aprendendo» afirmaba cun sorriso transparente mentres o seu compañeiro de actuación, Brais Morán, dicía entre risos, «se ti es o que estás aprendendo, non sei como estaremos os demais».

A xente foi chegando e a exuberante terraciña do Solleiros quedouse pequena para unha gran xuntanza de amigos na que non faltaron saúdos efusivos, reencontros e gargalladas. Estiveron con nós moitas autoridades municipais: Gonzalo Muíños (quen interveu no acto), Mila Castro e Mercedes Rosón, do PsdeG, Martiño Noriega e Jorge Duarte, de Compostela Aberta ou Goretti Sanmartín, do BNG. Tamén nos acompañaron altos representantes do goberno autonómico como a conselleira de Educación, Carmen Pomar, o director xeral de Políticas Culturais, Anxo Lorenzo, a directora xeral de Comercio e Consumo, Sol María Vázquez Abeal, o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García Gómez, o xerente do SERGAS, Antonio Fernández-Campa ou a xerente da Fundación Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro. Todos gozaron desta festa como amigos que son de Coralia. Canda eles estaban persoeiros como Charo Froján, directora artística de D-Due, Carmen Fernández, decana da Facultade de Educación, a activista cultural Pilar Sampedro, os creadores Xema Varela, Rosa FigueroaKatuxa PlateroMónica Mura e Edu Valiña, a editora Isabel Patiño ou, entre outros moitos, a profesora Concha Fernández e a xornalista Tareixa Navaza. Empresarios de éxito como Lucía Freitas, Cyra Calvo, Chus Moure, Manuel Moscoso, Álex Sande, Carmen Rabuñal ou Delmiro Prieto tamén fixeron un oco na súa axenda á presentación da revista. Dar conta de toda a xente especial que alí se congregou é unha tarefa imposíbel, pois por sorte os eventos de Coralia hai tempo que representan datas sinaladas do calendario.

Non imos negar que nos encheu de ledicia contar coa compaña de Margarita Ledo, Tino Martínez, María Solar e Encarna Otero, que xa foron portada da revista e son parte desta gran familia que é Coralia.

Por terceira vez, entregamos as Peneiras, xentileza de Tórculo -ao igual que o fondo do escenario-, cuxos gañadores foron elixidos polas lectoras e lectores da revista a través do noso Facebook. Estes son gañadores da primavera:

Parque de Bonaval
A nosa zona verde favorita
Entrega Beti López
Recolle Mila Castro

Restaurante San Clemente
O establecemento co mellor aperitivo da cidade
Entrega Chus Moure
Recolle Emilia Vázquez Losada

San Pedro
A nosa rúa favorita para irmos de compras
Entrega Katuxa Platero
Recolle Mercedes Rosón

Bodeguilla de Santa Marta
A cociña máis creativa de Compostela
Entrega Pablo Couceiro
Recolle Jose Míguez

Bico de Xeado
O mellor xeado da cidade
Entrega Budiño
Recolle José María Calo Faraldo

Xosé A. Sánchez Bugallo
O máis votado para a alcaldía de Santiago
Entrega Vítor Belho
Recolle Mercedes Rosón

Martiño Noriega
O máis votado para a alcaldía de Compostela
Entrega Vítor Belho
Recolle Martiño Noriega

Suso do Dezaseis
O número 1 do portal coralia.gal
Entrega Jacobo Bermejo
Recolle Alba Belho

E ao fin chegou o momento máis agardado: o showcase de Budiño a dúo. Xosé Manuel, na compaña de Brais Morán, abraiou aos asistentes coa súa fermosa voz presentando varios temas de Fulgor, o seu traballo máis recente. Por certo, todos os discos postos á venda para recadar fondos para o Refuxio de Bando voaron, así que se o queredes escoitar bulide a mercalo. Paga verdadeiramente a pena.

O acto rematou como debe rematar unha xuntanza de amigos, con risos, unha copa de bo viño e uns petiscos xentileza do espazo gastronómico Solleiros e Pan da Moa.

A xuntanza prolongouse durante horas até que as obrigas deixaron as conversas en suspenso -quizais até a festa do outono-. Nunha noite de verán tipicamente compostelá as estrelas volveron brillar intensamente. Grazas!

Tamén é actualidade en Coralia:

Coralia en primavera

150 150 CORALIA

O número de primavera de Coralia presentábase este martes, 26 de marzo, no templo da cultura compostelá, a Libraria Couceiro, que este ano cumpre medio século de vida. Personalidades, autoridades e representantes do mundo da política, a cultura ou o comercio acudiron a unha cita que precisou de máis espazo para dar cabida á grande afluencia de amizades que quixeron acompañarnos.

Crónica e fotografías de MATEO CODESIDO

Cheguei pasadas as sete e media á Libraria Couceiro. «Que lugar máis apropiado para a presentación!», foi o primeiro que pensei. No corazón da Praza de Cervantes, emblema do comercio compostelán, preséntase unha revista dedicada ao comercio. Todo ben.

Non puiden ter un recibimento mellor. Xesús Couceiro en persoa e o seu fillo Pablo déronme a benvida e indicáronme amabelmente que o evento se celebraría no segundo andar. Ao ser a libraría máis antiga de Compostela non contaba con el, pero ao chegar arriba decateime de que había ascensor; unha libraría adaptada e accesible. Eu, que podo, subín as escaleiras gozando da maxia de cada espazo.

No camiño atopei a Valeria Pereiras, redactora xefa da revista e, hoxe tamén, anfitrioa. Apenas cinco ou seis persoas agardaban a chegada dos asistentes. Entre elas Álex e Alfredo, entre impacientes e expectantes. Axiña foron chegando os primeiros asistentes. O alcalde de Santiago, Martiño Noriega e a candidata do BNG e vicepresidenta da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín, foron as primeiras autoridades en facer acto de presenza. Representantes do Goberno galego, como a conselleira de Educación Carmen Pomar e o secretario xeral de Política Lingüística Valentín García, os candidatos á alcaldía do PP e Compromiso por Galicia, Agustín Hernández e Xoan Bascuas, a xerente da Fundación Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro, e moitas outras persoas convidadas foron enchendo o segundo piso de Couceiro de saúdos, bicos, apertas, risos e a sensación de que estaban nun evento que apetecía. Como a cea de Nadal cando levas moito tempo sen comer marisco. A xente tíñalle ganas.

Cando me din conta, as cadeiras estaban todas ocupadas, e a xente ateigaba as escaleiras tanto de subida como de baixada, coma paxariños nas pólas dunha carballeira. Coralia non quixo demorar e arrincou a presentación, incluída a actuación de Falua. Mentres gozabamos da súa fermosa música, apareceu Encarna Otero, a protagonista da capa, que chegaba tarde doutro evento –«a maxia de Compostela», dixo, «tantos eventos e cousas interesantes»–. Entrevistada por Valeria Pereiras para este número 12 da revista Encarna Otero, exprofesora de Álex e Alfredo, é a personificación do amor incondicional por Compostela, unha muller comprometida pensando constantemente en como mellorar a vida da cidadanía de Santiago.

Os risos compartidos e as sorpresas dominaron a presentación. Non foi un «yo he venido aquí a hablar de mi libro». As anécdotas, o dinamismo e o humor irreverente co que acostuman encandear Álex e Alfredo foron a tónica do evento. Di que si. Xa está ben de tanto discurso politicamente correcto. Tamén houbo tempo para reivindicar e mandar algunha indirecta. Nalgún momento víase baixar algunha cabeza como cando na escola che mandaban corrixir un exercicio e ti non o tiñas feito. Mais, ao final, o sorriso foi unánime.

Presentación Coralia primavera

Encarna foi a encargada de descubrir a capa da revista. Despois do «Ooooooh!» xeneralizado a sala arrincou en aplausos contemplando a ilustración de Encarna Otero realizada polo director de arte da publicación.

E o gran momento da noite produciuse coa entrega das peneiras. Eses distintivos cos que as lectoras e os lectores de Coralia elixen a «crème de la crème» da cidade. Desta vez os galardóns eran ben xeitosos. Patrocinounos Tórculo. Descoñecía eu que fixeran ese tipo de traballos.

A peneira de Coralia
Tórculo Mazarelos
Máis información aquí
Telf. 981 806 528

Parque da Alameda
O lugar máis romántico de Compostela
Entrega Ana Portals —do espazo gastronómico Solleiros—
Recolle Martiño Noriega Sánchez, alcalde de Santiago

O Dezaseis
O favorito para ir de viños
Entrega Elena Fabeiro, xerente da Fundación Artesanía de Galicia
Recolle Esteban Vázquez

Praia de Compostela (Vilagarcía)
A praia de Compostela
Entrega Cristina Doel, de Catrineta
Recolle Valentín García Gómez, secretario xeral de Política Lingüística

San Clemente
A mellor tapa
Entrega Elías Rozas, de Compostela Campers
Recolle Juan Ramón Vidal

A peneira de Coralia

Pub Momo
O pub máis enxebre
Entrega Eva Cividanes, de Queroté
Recolle Begoña, do pub Momo

Merlín e familia
A artesanía máis auténtica
Entrega Rita Sobrado, vicepresidenta da Asociación Hostelería Compostela
Recolle Patricia, de Merlín e familia

Casa das Crechas
O local con máis marcha
Entrega Óscar de Toro, de Café Venecia
Recolle Esteban Vázquez

Coas peneiras entregadas, Falua cerrou o acto e todo o mundo se dispuxo a recoller un exemplar da revista.

Coma sempre, a presentación non defraudou. Detrás dun acto coma este hai sempre unha maneira diferente de facer e contar as cousas.

Foi a primeira vez que acudía desde que son parte de Miranda Priestly, empresa editora da revista, e para min supuxo toda unha experiencia. O mesmo habería que ir reservando data e modelo para a presentación do número de verán porque vai ser boa! Prometido.

Coralia na libraria Couceiro

Tamén é actualidade en Coralia:

Xesús Couceiro

150 150 CORALIA

O comercio que abriu hai case medio século na rúa de San Pedro converteuno na gran referencia do país no activismo a favor do libro en galego. Hoxe atopámonos con Xesús Couceiro no espléndido local de cinco andares que rexenta na praza de Cervantes para rememorar a súa historia: a dun executivo de vendas que con 28 anos decidiu deixar un emprego ben remunerado para atopar un oficio que lle proporcionase felicidade. Daquela xa pensaba que esa felicidade non sería completa até que en Galicia houbese tantas librarías coma tabernas.

Xesús Couceiro, fundador del la Libraria Couceiro

«O que sempre tiven claro é que hai que evolucionar, e de feito, cos anos, fun deixando atrás os capítulos que menos me gustaban aínda que eran os que máis cartos deixaban»

Entrevista de JUAN OLIVER
Fotografías de ÓSCAR CORRAL

Teño un fillo de nove anos co que veño de negociar un trato: por cada media hora que lea, terá media hora de tablet.
Non é mala idea. Pero vai telo complicado: é máis cómodo quedar diante da pantalla.

Como fai vostede cos seus netos para meterlles ese virus do libreiro?
Para o de libreiro aínda son moi novos…

Pero vostede di que para ser bo libreiro hai que ser bo lector.
O importante é que veñan pola libraría e que vaian ulindo. Que teñan libros na casa. Porque se non dificilmente van coller o vicio de ler, que se colle de neno. É importante que vexan libros ao seu redor, que os seus pais lles lean contos…

Na súa casa había libros?
Na casa onde eu nacín?

Si.
Non. Só había toxos rodeando un lugar infumábel.

Entón non tiña acceso á lectura.
Non. O meu foi moi tardío. E daquela, na ditadura, os libros que había case era un castigo lelos.

Un amigo seu contoume que o seu pai coñecera a Foucellas, o guerrilleiro antifranquista.
Naceron a carón o un do outro, en dúas parroquias de Mesía. O meu pai, en Albixoi, e Foucellas, en Cabrui. Chamábase Benigno Andrade, pero alcumábano Foucellas pola aldea da parroquia onde naceu. Ademais, penso que eran familiares. O meu pai era Couceiro García, e o Foucellas, Andrade García.

O seu amigo díxome que lle preguntase se o seu pai tiña acollido o Foucellas.
Que eu saiba, non. De feito, eu nin sequera souben nunca que o meu pai o coñecía. Nunca o dixo, había moito medo. Anos despois da morte de Franco, un amigo da miña irmá quería falar con alguén que tivera coñecido a Foucellas. Foron alí e preguntaron ao meu tío, que tamén era amigo del. El pechouse no cuarto e dixo que non quería falar con ninguén.

Aínda tiña medo?
Non era medo. Era terror. As parroquias das que falo estaban rodeadas de tres destacamentos da Garda Civil, e o máis pequeno, o de Xanceda, tiña cincuenta gardas. Nese cuartel mataron a paus a unha rapaza de vinte poucos anos. Un que a levara de criada para a súa casa ao parecer quería máis servizos dos que contratara, pero a rapaza rexeitouno. Denunciouna no cuartel porque lle roubara un queixo, ou algo así, detivérona e mazaron nela até que a mataron. Os rapaces tiñámoslle máis medo á Garda Civil que aos lobos.

Cal é o primeiro libro que recorda?
O que lembro é que sempre que podía ler algún libro, facíao. Normalmente eran libros técnicos que tiñan máis que ver co meu oficio anterior, como La ciencia y el arte de vender, un tocho que prestei a moita xente, e que hoxe sigo a prestar.

Cales son a ciencia e a arte de vender un libro?
É moi diferente a venda na libraría á venda domiciliaria, que é moi agresiva. A venda na libraría é gratificante, porque sempre vas aprendendo á conta dos clientes.

E non ao revés?
Sempre practiquei o contrario do que se practicaba habitualmente. Unha das cousas que fixen foi poñer os libros ao alcance do público. Até entón non o estaban. E nós puxémolos nas mesas para que os clientes os puidesen consultar.

Xesús Couceiro, fundador del la Libraria Couceiro 24/07/18

«Nós non estabamos na libraría para vender, pero tampouco esperando que viñeran comprar. Faciamos exposicións, traiamos autores, patrocinabamos actividades escolares, festas... Fixemos exposicións de libro galego en Suíza, en Barcelona, por todo Portugal, a conta da libraría e sen subvencións»

Xesús Couceiro, fundador del la Libraria Couceiro

Como fai un libreiro para vender?
Nunca tentei vender un libro. Podo recomendar, pero a miña teoría sempre foi a de non vender. Que compren. Imaxino que inconscientemente ten que ver coa experiencia da miña ocupación anterior, pero tamén co meu descoñecemento do oficio.

Cando decidiu facerse libreiro, non tiña a concepción da libraría como negocio?
Non. Estaba nun traballo de moitas horas no que gañaba moitos cartos, pero que empezou a complicarme a vida polas partes desagradábeis que tiña. Era xerente nunha empresa de venda de electrodomésticos, Industrias Miranda. Os que vendían eran os vendedores, pero cando alguén non pagaba e había que retirar unha mercadoría, tiña que acompañalos. Esa parte non me chistaba.

Por que lle deu pola libraría?
Ao principio estiven a piques de montar un comercio téxtil. Pero vin que non me ía gustar, e xurdiu o dos libros. Pensei que ía ser o meu traballo de futuro, e foino. O que sempre tiven claro é que hai que evolucionar, e de feito, cos anos, fun deixando atrás os capítulos que menos me gustaban aínda que eran os que máis cartos deixaban. Até quedarme cunha libraría especializada en libro galego, aínda que por entón case non existía o libro galego.

Soa romántico: un executivo de éxito de 28 anos que o deixa todo para montar unha libraría…
Moitas veces guiámonos polos beneficios dun traballo sen pensar na felicidade que nos pode proporcionar. Tratamos de evolucionar nun negocio pensando nos beneficios, e non na satisfacción persoal. Facelo é moi custoso para un negocio. Na libraría, os capítulos que fomos eliminando eran os que menos satisfacción daban, pero os que máis rendían.

Que capítulos non lle satisfacían?
Pois ter que ir polas empresas vendendo papelería, os libros de texto… Cando deixamos de vendelos, convoquei unha rolda de prensa explicando que era unha estafa social.

Por que?
No ano 70, os libros dun curso para nenos custaban noventa pesetas. No 71, coa Lei de Educación de Villar Palasí, pasaron a custar entre setecentas e oitocentas pesetas. Iso trouxo moitos problemas para moita xente, e a min, problemas de conciencia. Anunciei un 20% de desconto para todas as familias necesitadas ou numerosas, sen máis documento que unha notiña do mestre. Aos poucos días chegoume unha amoestación do Ministerio de Cultura obrigándome a rectificar e a eliminar o desconto.

Foi iso o que lle levou a deixar de vender libro de texto?
Non só iso. Facenda fíxome pagar 200.000 pesetas, fun o segundo contribuínte que máis pagou aquel ano na provincia da Coruña, no 72 ou no 73. A inspectora chegou a dicirme que eu tiña que ter moito máis do que declaraba porque estaba todos os días nos medios de comunicación. E tiven que ir a preito.

Gañou?
Si, devolvéronme os cartos tres ou catro anos máis tarde. Pero quedei marcado e cada ano tiña inspección.

Daquela propúxose impulsar a asociación dos libreiros.
É que, para defender o meu, tiña que defender o de todos.

Comezou sen experiencia e acabou sendo a referencia.
O de ser referencia vén por outras cousas, vén por activista, non como libreiro profesional. Nós non estabamos na libraría para vender, pero tampouco esperando que viñeran comprar. Faciamos exposicións, traiamos autores, patrocinabamos actividades escolares, festas… Fixemos exposicións de libro galego en Suíza, en Barcelona, por todo Portugal, a conta da libraría e sen subvencións. Estabamos todos os días nos medios, como dixera aquela inspectora, pero porque faciamos cousas. Eu andaba fóra máis tempo que no local. Era presidente dos libreiros de Galicia, vicepresidente dos de España e logo presidente. Tiña que viaxar dous veces ao mes a Madrid e unha a Barcelona… E facía exposicións en Portugal case todos os meses.

Teño ouvido que cruzou todas as raias co maleteiro cargado de libros, porque en Tui sempre o paraban.
Si, sempre daban a lata. Os libros non pagaban aranceis, pero non querían que os trouxera. O libro era terrorismo. Pero para servir un libro a un cliente eu non podía tardar seis meses. O que facía era ir a Portugal e traer unha ou dúas caixas. Parábanme, requisaban os libros e expedían un recibo. Eu volvía aos catro ou cinco días, daba unha volta por Valença e recollíaos.

Desas viaxes aínda conserva unha boa amizade con Otelo Saraiva de Carvalho, un dos estrategas da Revolución dos Cravos.
En Portugal cheguei a tratar os escritores punteira da época, como Saramago, e os editores coñecíaos a todos. Unha desas amizadas era Otelo Saraiva.

En Portugal hai certo tráfico de libro galego, pero en Galicia non pasa o mesmo co libro portugués.
Cabréanme esas cousas. Todo ese traballo facíao porque estaba convencido de que a relación entre Galicia e Portugal era moi conveniente, sobre todo para Galicia. Pero colaboraban moito máis os portugueses que as administracións de aquí. E iso sen pedirlles subvencións.

Dá a impresión de que os galegos…
Os galegos temos metido na cabeza que o galego só vale para chegar ao Padornelo, o que nos ensinaron durante o franquismo. Pero o galego, coa excepción do chinés, é a terceira lingua do mundo. A primeira, o inglés, a segunda, o español e a terceira, o galego-portugués. Imaxine se os vascos ou os cataláns tivesen esas posibilidades! Que pasou aquí? Que alguén se beneficiaba de termos de costas a Portugal. Aquí atopámonos editoriais que traducían ao galego os libros portugueses.

Os nenos galegos non len literatura portuguesa.
Hai uns anos fixemos unha exposición de libro portugués na delegación de Cultura en Santiago, na rúa do Vilar, na que xuntamos nunha mesa a Manuel Rodrigues Lapa, a Ricardo Carvalho Calero e a Constantino García. Se esas relacións seguisen, teriamos andado moito camiño. Hai responsábeis de que iso non sucedera. Os mesmos que entón o impedían, din agora que a lusofonía é importante.

«O galego, coa excepción do chinés, é a terceira lingua do mundo. A primeira, o inglés, a segunda, o español e a terceira, o galego-portugués. Imaxine se os vascos ou os cataláns tivesen esas posibilidades!»

Ademais da libraría, vostede ten outros fillos: as editoriais Laiovento, Cerne…
Laiovento xurdiu pola falta de liberdade, que facía que as editoriais lles pechasen as portas aos autores que non escribían na forma oficial. Laiovento decidiu non rexeitar ningunha obra de calidade aínda que estivera escrita en formas non oficiais. Estaba fundada por seis persoas: Xosé Manuel Beiras, Pancho Pillado, Manolo González, Pepe Carreiro e Alfonso Rivas. Chamáronme porque pensaban que entendía de comercialización de libros.

E Cerne?
Dáme moitas satisfaccións, aínda que non lle presto moita atención. A libraría absorbe a miña enerxía.

Pois as edicións que fan son unha marabilla.
Principiáronas Luis Mariño e Carlos Delgado, e levou os primeiros premios á calidade da edición daquel tempo. Cando a compramos, procuramos non desmellorar esa traxectoria. E decidimos non publicar libros con dereitos de autor. É moito máis cómodo, e como hai suficientes libros interesantes para publicar… O próximo vai ser un de cociña do ano 1653, dun galego que se chamaba Francisco Martínez Montiño, cociñeiro do rei. Nunca vira o libro até que o atopei nunha biblioteca que comprei.

Segue a mercar bibliotecas e a taxalas?
É unha boa maneira de facer esas descubertas.

E dálle a satisfacción que tanto busca no traballo.
Si, porque descobres cousas que nin sospeitabas que existían. O malo é que as bibliotecas nunca as venden os que as fan, senón os herdeiros. E véndenas cando xa están en malas condicións. A única que compramos en boas condicións, e non estaba completa, só un cacho, foi a de Cunqueiro.

«Laiovento xurdiu pola falta de liberdade, que facía que as editoriais lles pechasen as portas aos autores que non escribían na forma oficial. Laiovento decidiu non rexeitar ningunha obra de calidade aínda que estivera escrita en formas non oficiais. Estaba fundada por seis persoas: Xosé Manuel Beiras, Pancho Pillado, Manolo González, Pepe Carreiro e Alfonso Rivas. Chamáronme porque pensaban que entendía de comercialización de libros»

Traballa tamén o libro vello.
Gozo moito con el, pero é moi custoso. Hai que restauralo, limpalo, poñelo en condicións para vendelo…

Vostede é un pouco vidente. Moitas das cousas que prognosticou que ían pasar, pasaron.
Fixéronme hai anos unha entrevista para unha revista na que eu falaba contra as subvencións. Era o ano 1993 e dicía que iso era pan para hoxe e fame para mañá. Cumpriuse. Nós estamos vivindo a costa da miseria, das editoriais que se arruinaron e ás que lles compramos os fondos que non venderon. Porque recibiran subvencións e os libros quedaban nos almacéns. Moitas arruináronse porque non podían pagalos, resultaba máis caro o espazo que a mercadoría. As subvencións son moi boas para quen as dá, malas para quen as recibe e moi malas para a sociedade.

Agora as tiradas de libros son moi pequenas: douscentos exemplares, trescentos, cincocentos…
Antes eran de dous, tres mil, até de cinco mil… E eu dicía: «Hai que reservar unha parte da subvención para promoción». O libro, aínda que ten outras connotacións, é un produto comercial, e ningún produto comercial pode subsistir sen promoción. Como funciona un produto no mercado? Creando a necesidade. Se non se crea a necesidade, non funciona. Por moi bo que sexa.

Como era Santiago cando chegou aquí?
Tétrico. A cidade non existía a partir das nove da noite.

Cal foi o primeiro sitio onde viviu?
Na pensión Xiadás, que co tempo pasou a ser o hostal Giadás, na praza do Matadoiro número 2. Estiven alí como se fose un máis da casa. Os fillos da dona eran como os meus irmáns e aínda hoxe conservamos a mesma relación.

Dígame un lugar ideal para sentarse a ler un libro.
Pois aí, na praza do Matadoiro.

Estamos no 2018, así que hai cincuenta anos estaría vostede dándolle voltas á decisión de abrir a primeira libraría.
Os cincuenta anos cumpriranse o ano que vén.

Pero a decisión de deixar o seu traballo e facerse libreiro tomouna antes.
Si, é verdade. Abrín en marzo do 69 aínda que a decisión tomeina no 68.

Que lle fixo tomar a decisión final?
Pois… Probabelmente tomeina grazas a un dos familiares da Xiadás. O irmán da dona da pensión, que era cura e tiña un local na rúa de San Pedro. Viña moitas veces a comer e alí comiamos todos en familia. Un día díxome: «Oíches? Eu teño un localiño alí, na rúa de San Pedro, no número 69, e quero 1.500 pesetas de aluguer. Até o de agora non houbo quen mas dera. Se ti mas dás, pos alí o que queiras e pagas cando poidas, que eu non necesito os cartos». E eu vin o localiño, nun portal de 23 metros cadrados, e pensei: «Isto para o único que me vale é para unha pequena libraría».

«Como funciona un produto no mercado? Creando a necesidade. Se non se crea a necesidade, non funciona. Por moi bo que sexa»

Entrevista extraída do número 10.

Queres ollar outros contidos relevantes?
Política de privacidade

Se consente a utilización de cookies, continúa navegando ou fai clic nalgún link entenderase que consinte a nosa política de cookies e, por tanto, a instalación das mesmas no seu equipo ou dispositivo.

Se vostede quere, pode cambiar a configuración de cookies en calquera momento, configurando o seu navegador para aceptar, ou non, as cookies que recibe ou para que o navegador o avise cando un servidor queira gardar unha cookie.

Esta web utiliza cookies.
error: Contido protexido