•  981 806 528 & 670 594 685 info@coralia.gal

luis zahera

Luis Zahera

150 150 CORALIA

Collemos a Luis Zahera en Melilla nun descanso da rodaxe de La Unidad, a nova serie de Movistar que grava baixo a dirección do monfortino Dani de la Torre. «Estou moi contento porque nesta non fago de malo malísimo», cóntanos. Non é tarefa sinxela atopar un oco para falar con Luis, porque non para de traballar. O Goya que levantou en febreiro polo seu papel en El Reino consolidouno como un dos secundarios máis demandados do audiovisual español. Con tres décadas de profesión ás costas, confésanos que aínda lle custa «entender o choio este». Facemos con el un pequeno repaso dese «choio» que supón ser actor na actualidade, da súa traxectoria, e mesmo viaxamos máis atrás, aos anos nos que era un rapaz da Estila, facía bromas co Botafumeiro e escapaba de Coralia e Maruxa: «Mimá, que medo me daban», lembra divertido.

Entrevista de XABIER LÓPEZ & Fotografías de LA DIAPO

Que nos podes contar de La Unidad?
Pois é un thriller policial de acción, deses que lle gustan a Dani de la Torre. Vai sobre a Comisaría General de Información, que é a que recibe toda a información sobre a xihad islámica e trata de desarticular unha trama moi perigosa… E non che podo adiantar nada máis.

Será unha rodaxe longa. Se non me equivoco, prolongarase durante vinte semanas.
Si, iso é, vinte semanas. Van ir até Nixeria, filmar no porto de Lagos, a Barcelona, Madrid, Francia… Pero o groso da serie grávase en Galicia. Hai unha renovación da ficción e das plataformas que é impresionante. Os produtos que facemos agora hai anos eran inviábeis: unha serie de televisión en español polo mundo adiante, dirixida por un galego…

«Levo xa unha temporadiña nisto e é moi estraño. Eu sei de actores que son mil cincocentas veces mellores ca min, tecnicamente e de todos os xeitos, e non están a traballar. É que non sei, e nunca saberei, como funciona este choio»

Estamos inmersos na idade de ouro das series.
Si, é verdade. Estabamos afeitos, sen querer parecer pretensioso, a series como Mareas Vivas. A min Mareas pareceume unha cousa moi innovadora no 96, pero eran series que lle tiñan que gustar a todo o mundo: a papá, a mamá, ao avó… Agora, todo cambiou, e eu non podería imaxinar en todos os días da miña vida un rexurdimento así, este volume de traballo…

Sorprende até dentro da profesión?
É que eu non entendo como se poden producir esta cantidade de series, como se consomen. Eu son unha persoa que practicamente segue sendo analóxica. Para min, desde logo, é unha novidade, probabelmente saibas ti bastante máis ca min do tema.

Iso xa che aseguro que non.
En calquera caso, é un xiro copernicano, como nos dicían os Irmáns de La Salle. Ou como din os meus sobriños: tío, isto non é unha época de cambios, é un cambio de época. Debe de ser iso.

Algunha vez dixeches que o éxito era poder traballar regularmente.
Eu considérome un suertudo, un privilexiado. Pensa que a estatística dos actores que poden vivir da profesión é devastadora.

Mais a alta demanda de series permite traballar máis, non si?
Nunca na miña vida pensei que podería haber esta efervescencia. É un momento doce para a profesión, pero a ver o que dura, non? O galego pesimista que levo dentro pregúntase se isto será unha burbulla e rebentará algún día.

Un momento doce para a profesión e en especial para Luis Zahera. Tras o Goya puidemos ler nos xornais que eras o actor de moda…
Home, o da estatuíña é marabilloso. É gloria bendita. Pero eu que sei! Levo xa unha temporadiña nisto e é moi estraño. Eu sei de actores que son mil cincocentas veces mellores ca min, tecnicamente e de todos os xeitos, e non están a traballar. É que non sei, e nunca saberei, como funciona este choio.

O segredo é aproveitar o tirón mentres dure?
Claro, eu estou nun pequerrecho momento de gloria. Colleume nesa efervescencia da que falaba antes. Pero, sinceramente, non teño unha gran capacidade analítica sobre a situación. Aos meus 53 anos estou nesa dinámica, non podo crer este mogollón, pero moi feliz, claro.

Algúns dos personaxes que interpretaches son moi populares: Petróleo, Anselmo, Pertur, Releches… Algún ao que lle teñas especial cariño?
Eu non son nada fetichista dos personaxes. O traballo para min é como cando xogas de neno, só me interesa o seguinte xogo. Se á xente lle gustou Petróleo ou Pertur perfecto. Eu prefiro que fale o público. A min gústame o traballo, creo que a frase é de Gene Kelly: cal é o seu papel preferido? O meu papel favorito é o que está por vir. Pois eu son como Gene Kelly para iso. Vale, que non son fetichista, para non enrollarme como una persiana

Non, non, podes enrollarte o que queiras…
Pois, mira, o que si é certo é que lle teño moitísimo cariño a O Matachín, que foi a primeira curtametraxe que fixen. Eu creo que nos pasa a todos, supoño que ti tamén recordarás a primeira entrevista que fixeches. Eu recordo os personaxes que fixemos en O Matachín, tes un tipo de ilusión que é difícil de definir.

«Do Apóstolo teño o recordo de rapaz, de non ver polo fume da pólvora, de estar ben agarrado ás miñas irmás, e dos adultos que che dicían todo o tempo: non mires para arriba, non mires para arriba, porque caían as canas, millóns de canas… E ese cheiro a pólvora que me fascinaba»

Este número de Coralia ten a festa como protagonista. Que lembras das do Apóstolo sobre todo?
Home, o Apóstolo, cando ía aos fogos de rapaciño, que nin se enchía de todo, estábase comodamente no Obradoiro, había todo aquel fume… Ah! E o monstro de Guatemala na feira da Alameda, que iamos ver sempre e era unha cousa patética.

Que era o monstro de Guatemala? Non o lembro…
É que che falo de hai corenta anos, cando ía á feira disparar as escopetas de balotes. Era El monstruo de Guatemala (imita unha voz da feira), era un tipo cunha cabeza… Iso é o que lembro. Pero sobre todo lémbrome dos fogos no Obradoiro, que iamos toda a familia, as miñas irmás e o meu curmán Santi, que agora é rexedor en Luar, que non lle gustaban nada os fogos e pasábao bastante mal, e eu dicía para min: para que traerán este rapaz a unha cousa que non lle chista nada?

E algún outro recordo?
Había unha broma que se facía antes na misa mítica do Botafumeiro. O Botafumeiro vai pola nave pequena, sabes? Pero antes non había bancos. Agora hai bancos, elevaron o altar cunha tarima de madeira, dáste conta?

Si, si, doume conta.
Antes, cando eu era rapaz, na nave non había nada, todo o mundo se abeiraba e había dúas filas de xente de pé mirando o Botafumeiro. Meu pai poñíase dunha banda e meu tío Moncho doutra, e facíanlle unha broma á xente no momento que viña o Botafumeiro, que ás veces era unha bóla de lume pasando a toda velocidade. Daquela meu pai dicíame: cruza, e eu cruzaba dunha beira á outra por onde a bóla pasaba máis baixa. Todo o mundo se asustaba moito. Loxicamente, o Botafumeiro nunca che podía dar, é un efecto óptico. O truco era cruzar amodo e, se o facías así, vías como toda a xente se alporizaba.

Usábante a ti para a brincadeira.
A min, ao meu curmán… tiñas que ser pequeniño. Pero era como ser protagonista dun espectáculo, porque todo o mundo te miraba e ninguén te viña salvar. E como para salvarte! Con aquela cousa que fai fium, fium (imita o son do Botafumeiro) e aquel órgano que soa atronador… Era moi divertido.

Agora é todo moi distinto.
Claro! Cando eu era rapaz sacábase o Botafumeiro sete veces ao ano, agora van os dentistas a un congreso, pagan e, ala! Xa teñen Botafumeiro. Antes ías velo as sete veces. Agora a broma xa non se pode facer porque hai bancos, hai un altar. Cando eu era rapaz o Botafumeiro pasaba moi preto do chan… Era moitísimo máis espectacular.

E vés algunha vez ás festas do Apóstolo?
Non, que va. Agora hai unhas proxeccións, non? Eu xa me fixen maior. Do Apóstolo teño o recordo de rapaz, de non ver polo fume da pólvora, de estar ben agarrado ás miñas irmás, e dos adultos que che dicían todo o tempo: non mires para arriba, non mires para arriba, porque caían as canas, millóns de canas… E ese cheiro a pólvora que me fascinaba. Será que son un compostelán clásico.

Queres ollar outros contidos relevantes?

Política de privacidade

Se consente a utilización de cookies, continúa navegando ou fai clic nalgún link entenderase que consinte a nosa política de cookies e, por tanto, a instalación das mesmas no seu equipo ou dispositivo.

Se vostede quere, pode cambiar a configuración de cookies en calquera momento, configurando o seu navegador para aceptar, ou non, as cookies que recibe ou para que o navegador o avise cando un servidor queira gardar unha cookie.

Esta web utiliza cookies.
error: Contido protexido