•  981 806 528 & 670 594 685 info@coralia.gal

moda galicia

Adrián Mosquera, o home de moda

150 150 CORALIA

Son as cinco da tarde dun dos días de calor máis sufocante de todo o verán. Na praia Xardín ou na de Barraña non hai un metro de area libre e o paseo marítimo de Boiro é un continuo ir e vir de bañistas buscando o frescor dos xeados, as terrazas ou a sombra dos piñeiros. Non semellan as mellores condicións para realizar unha sesión fotográfica co outono como pretexto e un protagonista que nos recibe na porta do seu club afirmando que o seu non é posar.

O caso é que a súa semana de descanso, tras tomar parte no Mundial de Szeged (Hungría), vai chegando ao seu fin e deixar pasar a oportunidade de coñecer máis de preto o campión Mosquera non é unha opción que se poida considerar. Á fin e ao cabo Adrián é, por moitas razóns, o home de moda de Coralia.

«O posto acadado (oitavo en K1-L3) sabe a pouco porque levamos anos traballando para acadar unha praza olímpica, pero as complicacións coa piragua fixérono imposible. Non puiden competir coa que emprego aquí, nin empregar o mesmo modelo nin as mesmas medidas, e iso que xa a tiñamos alugada con dous meses e pico de antelación. Tiven que lidar con ese contratempo e, mentalmente, significou un baixón. Foi un duro golpe e a competición foi mal». Na súa análise do mundial, Adrián é severo e non hai marxe para a indulxencia. Explícase cunha madurez infrecuente en rapaces da súa idade, incluso ao valorar as súas características en relación á categoría na que vén de participar en Szeged: «En K1-L3 compite xente con discapacidade leve. A miña desvantaxe cos demais é que son o que máis discapacidade ten porque a min fáltame a perna por enriba do xeonllo, e a vantaxe, baixo a miña humilde opinión, é que son o que máis habilidades ten para a vida cotiá e para o adestramento». Dito isto, Adrián esboza un sorriso sereno e mirando ao mar fai un anuncio importante: «Os xogos nos que vou estar en plenas condicións físicas e mentais son os de París (2024)».

Apenas ten 23 anos, pero horas e horas de adestramento téñenlle proporcionado mans curtidas e un físico poderoso que facilmente poderían explicar a súa historia de superación e esforzo sen facer falta cruzar unha soa palabra. «Son as ganas que lle poño o que me permite adestrar a gusto e dar o mellor de min en cada serie». Non tardamos en comprender que a salmoira hai tempo que cicatrizou antigas feridas e tamén que na súa traxectoria non hai oco para inseguridades ou para frouxidades. O atropelo que con doce anos o levou a unha cadeira de rodas e a ter que aprender a camiñar de novo, fíxoo procurar novos horizontes. Preguntes a quen lle preguntes sobre as virtudes de Adrián, sempre recibes a mesma resposta: o espírito de superación «traballeino desde pequeno -explica Adrián- e desde logo é a miña vantaxe. O meu positivismo é o que máis me gusta de min».

«Boiro é a miña segunda casa, pero antes fixen remo en Rianxo, o meu fogar de sempre, até que se desfixo o club por falta de xente. Non cheguei ao piragüismo até os dezaseis anos, unha especialidade na que, como acontece co fútbol, convén comezar máis novo. O ideal é principiar cara aos trece para ir dominando a técnica do padexo que, ao final, é o que máis custa. Despois de ver como me ía desenvolvendo nos campionatos e de gañar o de España, en 2017 o meu adestrador e mais eu falamos e decidimos probar sorte coas probas internacionais e procurar a clasificación a nivel dos xogos olímpicos». Clave na súa espectacular progresión é o traballo realizado polo seu técnico, Luis Ourille. «El foi o que me deu a confianza para poder facer todo isto. Teño plena confianza nel tanto na práctica como na técnica, xa que todo o que traballamos até o de agora funcionou. Teño plena confianza en que vai seguir sendo así». Asemade, Adrián ten moi boas palabras para Teresa Portela, referente internacional da súa especialidade, que seguiu moi de preto o seu traballo de preparación de cara aos mundiais: «Ela é o exemplo máis claro que podo ter do que se pode lograr. Non hai outro piragüista ou remeiro en toda España que che dea os consellos que che dá Teresa, que te axude coas técnicas para remar e a maneira de optimizar os exercicios como fai ela».

«Neste deporte ou tes patrocinios ou traballas, por iso eu ando a voltas coas oposicións, porque o piragüismo non dá cartos. Eu é porque teño club, que si non...»

«Gústame moito o automobilismo, no que compito virtualmente, e xogar ao fútbol. De feito, de non ser piragüista querería ser piloto de Fórmula 1»

Como nunha engrenaxe de precisión, as pezas que lle dan forma ao éxito no deporte son moitas e basta encallar nun elemento para que un ano de traballo vaia a pique. De feito, nas semanas anteriores ás competicións Mosquera non fai máis axustes nos seus costumes que adecuar os horarios de adestramento ás horas nas que vai competir «para acostumar o corpo a remar a esas horas. Polo demais, manteño a miña pauta, durmindo entre oito e nove horas, e sigo a dieta marcada polo nutricionista para gañar masa muscular, que inclúe para empezar o día cun café negro, unha tortilla de avea con clara de ovo e froitos secos. Ao mediodía toca proteína e antes de adestrar, creatina, e mentres remo repoño líquidos con bebidas tipo Aquarius. Rematado o adestramento acostumo tomar outra dose de proteína. Comer, como arroz con polo, lentellas, garavanzos e o noso caldo, con todo menos o touciño que ten moita graxa. E a media tarde, acostumo merendar unha lata de atún».

Escoitando a Adrián describir a realidade do seu día a día é doado entender que o fai grande. Na súa disección da realidade do deporte en Galicia, hai moita verdade e cero reproches, que non dan títulos: «Nos deportes minoritarios coma o meu, teste que mover seguido e se non tes cartos non te podes mover nin comprar o necesario para practicar deporte. Nos deportes de equipo aínda zafas, pero nun deporte individual como é o piragüismo teste que mover lonxe: a Andalucía, a Asturias… O que máis cerca está é Verdecido (en Vigo), onde só se celebra unha proba cada ano. Neste deporte ou tes patrocinios ou traballas, por iso eu ando a voltas coas oposicións, porque o piragüismo non dá cartos. Eu é porque teño club, que se non…».

Un bo empurrón para a súa carreira deportiva sería obter a acreditación como deportista de alto nivel, pero dáse o paradoxo de que na súa categoría non hai o número mínimo de participantes de clubs distintos que esixe o regulamento estatal, polo que só poden aspirar a ese status os seis primeiros clasificados a nivel europeo. «Desde o departamento de deportes de Rianxo, que é o que me está axudando con todo o tema dos papeis, xa lle pediron á Xunta o cambio desta norma». Pero, a pesar desta contrariedade, Adrián segue a superar hándicaps e faino coa satisfacción que supón formar parte da selección española. Unha convocatoria da que se amosa moi agradecido e que o impulsa a ir máis lonxe. «Cada vez que cruzo a meta, son os meus pais e o meu irmán os que primeiro me veñen á cabeza. Son a miña base fundamental, os que desde o accidente e na miña reincorporación á vida social me levaron e acompañaron a todas as partes».

No transcurso da tarde quedou en evidencia que Adrián, a auga, a súa pa son verdadeiramente inseparables, que Mosquera é un home tranquilo «niso saíu ao meu pai», ao que só desesperan os aeroportos, que sorrí facilmente e que non precisa de moitas palabras para contar quen ou como é, xa que leva tatuadas na súa pel probas e vitorias suficientes.

Coa posta de sol deixamos ir o campión disposto a espremer as últimas horas de descanso antes de volver ao traballo, porque cun calendario tan apertado, é difícil sacar tempo para gozar das súas outras paixóns: «Gústame moito o automobilismo, no que compito virtualmente, e xogar ao fútbol. De feito, de non ser piragüista querería ser piloto de Fórmula 1».

Non tardará Adrián Mosquera en voar sobre a ría e en lograr o billete para os xogos olímpicos. Non temos a menor dúbida diso. Tampouco as temos da súa fotoxenia. Ás probas nos remitimos.

Así é o noso home de moda. Un campión de longo percorrido.

Queres ollar outros contidos relevantes?

D-due

150 150 CORALIA

Coma un pintor no seu lenzo, Charo Froján e Alfredo Olmedo desenvolven as súas coleccións a través dun proceso creativo e artístico que convida a deixarse levar pola ironía e a poética. As pezas de D-due respiran o aire salgado do mar de Rianxo, no estuario arousán, terra de intelectuais galeguistas como Castelao, Dieste ou Manuel Antonio, onde a firma crea, produce e tamén exporta as súas singulares e exclusivas pezas.

Texto de VALERIA PEREIRAS
Fotografías de JESÚS MADRIÑÁN

Máis de corenta anos de experiencia avalan a tradición téxtil desta firma, tan creativa como persoal, que comezou a súa andaina como empresa familiar nos anos sesenta e que hoxe conta cunha flagship store en Tokio e presenza en numerosos países ao redor do mundo. 

O seu éxito en Xapón non é casualidade. Unha acusada personalidade que gusta do tradicional, combinada cunha aposta decidida polo deseño e as Belas Artes, na que os patróns son fundamentais para armar e coser pezas únicas, feitas a man e próximas a conceptos moi plásticos, resultan moi atractivas no país nipón, berce de deseñadores que comparten estes mesmos canons, como Rei Kawakubo, Yohji Yamamoto ou Issey Miyake.   

D-due comezou como un pequeno taller de modista de alta calidade, e continúa a estar radicada nas instalacións orixinais. A infraestrutura ampliaríase nos anos noventa coa construción dun novo espazo de traballo, o estudo de deseño que daría lugar á marca, completado en 2010 con D-due LAB, un espazo de investigación que fai dela un proxecto de modo de vida máis que unha mera etiqueta de moda, co deseño como motor de innovación e competitividade.

O equipo de confección e deseño de patróns que forman Froján e Olmedo, xunto cun grupo de deseñadores novos, reinterpreta cada colección de maneira meticulosa, prestando unha atención minuciosa a cada detalle. O resultado deste proxecto singular son pezas exclusivas, que definen un estilo de vida en consonancia coa identidade da firma, cos rituais que definen a proximidade ao mar e á natureza nunha relación máxica que lles serve de inspiración nas súas creacións.

Ese é o caso de D-due in Blue, básicos cun toque moderno que se presentan cada tempada en azul atlántico: unha cor tan profunda como a do océano que rompe contra as nosas costas e vai moldeando as rías. As tradicionais Festas do Carme, que cada 16 de xullo celebran decenas de concellos do litoral galego na honra da virxe protectora dos mariñeiros, é o leitmotiv da colección primavera verán 2019 da firma: Welcome to the Summer. A través de catro partes nas que se divide este día festivo –Misa, Procesión, Romería e Verbena–, D-due reinventa as distintas vestimentas acordes a cada momento nun look book que mestura os deseños actuais con fotos antigas. Tamén vincula a identidade da firma cos distintos rituais e costumes asociados a esta festividade relixiosa e pagá que tan ben define Galicia.

A vila que inspirou a canción A rianxeira, inspira tamén esta colección. Os valores, as orixes e as esencias que definen a súa xente están á marxe das modas, e D-due soubo captalas e trasladalas ao deseño cunha colección que sitúa Galicia no centro e que combina arte e estilo con tradición e identidade.

Contido extraído do núm. 12

Queres ollar outros contidos relevantes?
Política de privacidade

Se consente a utilización de cookies, continúa navegando ou fai clic nalgún link entenderase que consinte a nosa política de cookies e, por tanto, a instalación das mesmas no seu equipo ou dispositivo.

Se vostede quere, pode cambiar a configuración de cookies en calquera momento, configurando o seu navegador para aceptar, ou non, as cookies que recibe ou para que o navegador o avise cando un servidor queira gardar unha cookie.

Esta web utiliza cookies.
error: Contido protexido