•  981 806 528 & 670 594 685 info@coralia.gal

ourense

RIBEIRA SACRA

150 150 CORALIA

RIBEIRA SACRA

Un estado mental

Reportaxe JORGE GUITIÁN
Fotografías ALEJANDRO MORENO | GRUPO 76 PUBLICIDAD | LUISA RUBINES | EDUARDO ARMADA

Hai lugares capaces de transmitir unha atmosfera, un carácter que vai máis alá dos seus elementos visibles e que o empapa todo. É o caso da Ribeira Sacra lucense, dese recuncho no que se atopan o Sil e o Miño, que se van presentar como o nexo de unión duns territorios con moita historia e moito futuro que contar.

Volver á Ribeira Sacra lucense significa regresar sempre a un lugar novo. Velaí o seu encanto, a súa forza case magnética. O territorio marcado no mapa polo encontro dos ríos Miño e Sil capta por igual a atención de quen o elixe como o seu lugar no mundo e de quen o descobre por vez primeira.

Pode que os que coñecemos ben este espazo cheguemos a perder de vista esta sensación que flúe agochada e que nos volve levar cara a eses vales dun xeito cíclico e constante. Por iso convén volver percorrer as súas estradas xunto a alguén capaz de relatar as súas singularidades coa ollada nova de quen chegou de fóra para atopar un territorio que ía moito máis alá do que os tópicos se empeñan en contar.

Regresamos á Ribeira Sacra dispostos a redescubrila da man de Dolores Redondo, a escritora de orixe vasca que decidiu ambientar aquí a súa novela Todo esto te daré, convertendo estas paisaxes nun personaxe máis da súa narración.

«Para os meus libros escollo sempre escenarios esixentes, fermosos, nos que se sinta a espiritualidade. A Ribeira Sacra é un deles. Teño un compromiso especial coa paisaxe, co escenario, porque para min non é un simple lugar polo que transitan os personaxes senón que procuro que a paisaxe sexa esixente con eles», explícanos a escritora, antes de engadir: «Gústame que o lugar force os personaxes a sacar á luz o mellor e o peor deles mesmos, que os obrigue a contraer unha débeda cultural e vital».

Desta volta non percorremos a Ribeira Sacra cos monumentos ou coas paisaxes como fío condutor. Haberá paisaxes, como vai haber monumentos no camiño –non pode ser doutro xeito aquí- máis o que nos vai guiar por estas terras de Asma e de Lemos, como guiou a escritora, é a xente; guiarannos as persoas que levan aquí toda a súa vida, as que marcharon para volver máis adiante e as que, sendo oriúndas doutros territorios, decidiron que este era o lugar.

«O orgullo pola pertenza a un lugar é algo que sempre me interesou» sinala Redondo. «Segundo fun internándome na zona e coñecendo máis recunchos puiden captar mellor a esencia do orgullo de quen vive na Ribeira Sacra».

Unha esencia que leva a que, baixo unha aparencia de permanencia, todo aquí vaia mudando progresivamente e a que a Ribeira Sacra, consciente do seu pasado, sexa hoxe un lugar completamente novo, transformado por quen aposta por el como alternativa de futuro.

O ESPAZO E A XENTE

Percorremos este territorio histórico, a cabalo entre as dúas beiras do Miño, para atopar os artífices do seu futuro, as persoas que están preservando a personalidade única desta terra que se estende desde os pés da serra do Faro –os antigos montes do Navego- ata os montes de Lóuzara e os primeiros contrafortes do Courel no leste.

Imos á procura de xente que entendeu as raíces como un legado, como un activo de cara ao futuro, e nunca como unha carga. E comezamos por un centro simbólico, polo lugar no que o río Miño xongue as terras de Lemos e as do Asma: o territorio entre Belesar e o Cabo do Mundo. Foi neste punto onde o adegueiro Juan Luis Méndez Rojo lle deu forma a un proxecto que sintetiza en boa medida todo o que está a acontecer neste sur lucense.

Vía Romana é cultura do viño, é escala e paisaxe. Nada aquí é grandioso, de dimensións desproporcionadas. Ao contrario, esta adega pendurada sobre o val ten as dimensións propias do lugar, domésticas, amables. Amosa coma poucas o valor do pequeno, da proporción humana. A grandiosidade reside nos detalles que se van atopando na visita: nos muros de pedra que poden lerse coma un libro, desvelando os capítulos construtivos a quen os procure con atención; a súa grandiosidade reside nun balcón. Nese balcón.

«Cheguei ata alí por Belesar», relata a escritora gañadora do Premio Planeta 2016. «Nunca esquecerei a impresión que me causou aquel pequeno lugar, á beira do Miño, e a estrada de curvas bordeando as terrazas empinadas de viñedos. Fascinoume a simpatía do persoal da adega (…) E as vistas desde o balcón». Tanto foi así que o lugar, o edificio, a súa situación sobre o val acabaron por inspirar a adega Heroica de Todo esto te daré.

O val, unha coitelada verdella de norte a sur, acubilla centos de anos de historia nos socalcos que gabean polas costas de Amedo a Pincelo, o embigo desta paisaxe de ecos mitolóxicos, onde a viticultura é heroica, dando lugar a adegas que só teñen razón de ser neste lugar do mundo. É a vía romana, transformada co paso do tempo no que hoxe coñecemos como Camiño de Inverno, un dos ramais menos transitados do Camiño de Santiago, que baixa por Diomondi para ascender logo, lenta, cara a A Ermida e de alí a Líncora.

Todo isto, A Ribeira Sacra que hoxe vemos, ese territorio que se modernizou en poucos anos é o froito da historia. Mais, ao mesmo tempo, é o froito do empeño de xente que viu o potencial de futuro desta terra.

Xente como Roberto, que desde o restaurante Os Pendellos reivindica a cultura gastronómica de sempre, a do polbo á feira, a do produto e receitario local, apostando desde hai anos por unha fórmula, hoxe recoñecida, que no seu momento foi revolucionaria na zona. Unha polbeira contemporánea? A cociña máis esencial como razón de ser? Por que non?

Xente como Luisa, que volveu despois de anos en Londres para poñer en marcha Quinta Sacra, un pioneiro proxecto de actividades náuticas que posibilita que xente de todo o mundo poida descubrir o Miño desde unha perspectiva inédita.

Xunto a eles, xunto ao seu esforzo, ducias de pequenos proxectos dan vida a estas terras de resonancias míticas. Xa non son soamente as igrexas románicas ou os vestixios arqueolóxicos os que lle dan sentido ao mapa senón que este aparece agora punteado tamén con queixerías, con establecementos hostaleiros, con casas rurais.

Ou con neoartesáns. Como Elías, que na casa reitoral de Gundivós (en Sober) mantén vivo o legado de Lula Rodríguez, de Agapito González, de Federico Díaz ou de Xosé Ventura, chamados a ser os derradeiros oleiros de Gundivós e que foron quen de trasladar a sabedoría de séculos de artesáns da aldea á seguinte xeración.

Aquí agardan por nós casas rurais como Cabo do Mundo, pioneira na beira do Asma, a Casa Grande de Rosende, outra das fundacionais, do outro lado do Miño, ou os Apartamentos Río Sil, por mencionar un proxecto de absoluta actualidade. Entre elas podemos marcar un dos moitos percorridos posibles, que ben pode pasar xunto á foz inmensa da presa de Belesar, ao pé da impresionante igrexa de Ribas de Miño. Ou deterse no mosteiro do Divino Salvador de Ferreira de Pantón, xa sexa pola súa arquitectura ou polos doces que as monxas nos ofrecen a través do torno.

O noso camiño ben podería desviarse ata os miradoiros e achegarse ao da Cova, ao pé do castro de Arxeriz. E desde alí poderiamos dirixirnos ao Miradoiro das Marabillas, sobre a aldea de Marce e a fervenza máxica de Augacaída, para continuar cara aos da Pena Pombeiro, A Cividade e Santiorxo, antes de visitar o mítico santuario das Cadeiras. Non sería un mal plan volver despois por Proendos, cuxo nome posúe sonoridade mítica; unha localidade levantada sobre unha vila romana que, aos poucos, comeza a deixarse descubrir. E se despois pasamos por Atán ou Eiré, poderemos comprobar que hai mil románicos distintos na Ribeira Sacra, como confirman as capelas que agroman entre as viñas para vixiar o val.

Daquela banda era parte da miña familia. Os Guitián de Casar de Cima. Un deles namorou dunha muller de Cristosende, na Teixeira. Tan preto e tan lonxe. Apenas 4 quilómetros en liña recta que lle supuxeron ao meu bisavó baixar con frecuencia case 600 metros de ladeira para subilos, a continuación, gabeando costa arriba ata a casa pendurada sobre o val. E así ata que casaron.
E a nosa historia familiar prosegue, coma tantas na Ribeira, en Monforte, onde o meu avó estudou no internado dos Escolapios, no Colexio do Cardeal. Mais esa é outra historia. Unha de tantas de xente que marchou e agora, con frecuencia, retorna para lle dar nova vida a este recuncho do sur da provincia. Ou para tratar de relatala, como é o caso.

A ENOGASTRONOMÍA

Outro dos motivos que fan especial á Ribeira Sacra lucense é a súa enogastronomía. Do viño xa temos falado. E máis que falaremos, cada vez que entremos nunha casa de comidas, cada vez que nos acheguemos a Amandi ou a Doade, a Bolmente ou a Cascortés, a Belesar, a Costoira ou a Fondo da Vila. Falaremos del no Centro do Viño da Ribeira Sacra, buscando tabernas no Monforte de herdanza sefardí ou nos bares de Chantada. Neste intre non podemos deixar de falar dos pratos, das receitas antigas, e xunto a elas, dos cociñeiros da comarca que están a propoñer unha nova cociña.
Falamos xa de Roberto e dos seus Pendellos, como poderiamos ter falado do caldo de ósos de Taboada ou das ferroviarias sopas de allo monfortinas. Do pan, das zocas, das castañas, do leite mazado.
Temos que falar, aínda, do traballo que fai Toño no restaurante A Faragulla, un motivo máis para percorrer devagar o casco antigo de Chantada e para descubrir como a cociña das Terras do Asma se postula como unha ferramenta de futuro. Estando aquí sería boa cousa visitar o Mánix e descubrir as súas empanadillas. Esta convivencia entre tradición e modernidade dálle sentido aquí a moitas cousas.

E tamén temos que falar de Ana, Ricardo e Xesús, e da súa queixería Airas Moniz, que en poucos anos foi quen de colocarse entre as máis prestixiosas (traendo ao presente o nome do trobador, Airas Moniz d’Asma). E das cerdeiras, que estouran de froita por todo o val anunciando o verán. Ou achegarnos a Penasillás, ao pé do Faro, a tomar unha carne ao caldeiro. Temos, en definitiva, que percorrer paseniñamente os seus camiños para entender o universo da Ribeira Sacra.

A Ribeira Sacra lucense é, en certo sentido, unha versión a escala da Galicia contemporánea: un lugar que se reinventa, en constante cambio, que crece e acolle proxectos con alma; un territorio creativo que aspira a converterse en referencia para un turismo responsable e consciente, capaz de xerar valor engadido. Un turismo, en palabras de Dolores Redondo «sustentable, de calidade, que trate o lugar co máximo respecto», un lugar orgulloso de seu e do seu lugar no mundo «sinónimo de autenticidade para sempre».

Poucas bisbarras teñen deixado unha pegada tan fonda e tan nidia no noso imaxinario coma esta. E poucas, ao mesmo tempo, son tan descoñecidas como o é a Ribeira Sacra, unha terra que esixe vir e cambiar de ritmo, que só pode ser descuberta desprendéndose de ideas preconcibidas e entendendo que un lugar é moito máis ca un territorio: é un xeito de vida. É un estado mental.

Queres ollar outros contidos relevantes?

OURENSE

150 150 CORALIA

OURENSE

A capital de moda

Reportaxe JORGE GUITIÁN
Fotografías ELÍAS OTERO

As orixes romanas, o esplendoroso pasado medieval e a vibrante realidade contemporánea dun destino que é quen de reinventarse a cada paso préstanse para ducias de percorridos. Mais como por algures hai que comezar, esta é a nosa proposta para un achegamento relaxado e relaxante á cidade das Burgas, unha ollada desenfadada que se mergulla a pulmón no corazón da ‘ourensanía’.

E que é iso da ‘ourensanía’? Un carácter, unha maneira de ser e de estar no mundo, un xeito de ver pasar o tempo e de enfrontarse á vida sen renunciar a certa dose de retranca e lonxe das présas de cidades máis grandes. Ourense fai gala do seu tamaño mediano, asumible; suficientemente grande como para dar lugar a unha oferta cultural e de ocio diversa, suficientemente pequeno, ao tempo, como para preservar unha forma de vida de escala humana na que o rural e o tradicional acaban por mesturarse co contemporáneo e o urbano dun xeito único.

Cruzamento de camiño histórico e cidade de pouso culto, Ourense é hoxe un destino tan atractivo como descoñecido polo turismo de masas. Iso permite que poida presumir dun dos cascos históricos máis auténticos do noroeste peninsular e das vantaxes de estar a pouco máis dunha hora de boa parte das outras cidades galegas ao tempo que é quen de preservar unha atmosfera e un ritmo de seu.

A CHEGADA

Sexa do norte ou do sur, chegue un da costa ou da meseta, o xeito natural de entrar en Ourense é cruzando o río. Desde o barrio da Ponte e a Ribeira de Canedo cómpre achegarse a través desa barreira simbólica que é o Miño para apreciar as pontes: a romana, por suposto, a do Milenio. E ao norte, coa elegancia discreta da arquitectura do ferro doutros tempos, a Ponte Nova.

Mais para entrar a Ourense convén cumprir con certos rituais. E un deles é o do polbo. Porque o polbo, nesta provincia, non é tanto un animal ou un prato como algo simbólico e de raizame fonda, algo que nos resitúa e nos fai entender onde estamos, que nos relaciona coas terras de Cea e do Carballiño, que nos pon en relación coas antigas feiras e mercados, con tratantes e arrieiros.

E para cumprir co ritual comezamos, como tantos viaxeiros chegados nos últimos 150 anos, no barrio da estación, na polbeira A Feira, de sona merecida, desde a que, despois, podemos ir baixando pola avenida das Caldas para atravesar a Ponte Vella e, desde alí, continuar pola rúa Progreso, facendo un alto para repoñer forzas na Confeitería Milhojas ou probando os xeados artesanais de La Central Heladera na rúa do Paseo.

O ROTEIRO DA ARQUITECTURA MODERNA

Unha das grandes sorpresas de Ourense é a súa arquitectura moderna, a impoñente nómina de edificios construídos a unha beira e á outra do ano 1900 e que marcan, aínda hoxe, o seu carácter.
A Casa Taboada e o Pazo da Deputación, ambas obra do arquitecto Vázquez Gulías, sinalan os estremos do noso percorrido pola avenida, mais tamén dúas etapas dun dos grandes arquitectos da provincia, que foi quen de saltar dun certo eclecticismo propio de finais de século a unha art nouveau adaptada ao lugar, como pon de manifesto tamén a súa espectacular Casa Junquera, hoxe sede da Fundación Abanca.

O mercado, na outra beira da rúa, forma xunto coa alameda outro dos conxuntos máis netamente ourensáns. O edificio principal, de 1929, destaca entre as casetas nas que se venden pan, verduras e flores, e polas que paga a pena baixar, sen présas, ata chegar ás Burgas.

Poucas cidades hai en Europa que concentren nun só punto o pasado romano, a tradición e a contemporaneidade como o fai aquel lugar, un dos pouquísimos baños termais ao aire libre inseridos nun casco histórico e o símbolo máis salientable dun dos grandes destinos do turismo de auga e saúde de Europa.

Para entrar a Ourense convén cumprir con certos rituais. E un deles é o do polbo. Porque o polbo, nesta provincia, non é tanto un animal ou un prato como algo simbólico e de raizame fonda, algo que nos resitúa e nos fai entender onde estamos.

 

OS VIÑOS

Os viños son, en Ourense como en calquera outra parte do mundo, unha bebida. Aquí os viños son, ademais, unha cultura. E, por se non abondase, son tamén unha zona do casco vello. E un xeito de ourensanear. Aquí, as palabras, crecen con significados alternativos. E o viño non é unha excepción.

Cruzamos a Praza Maior cara á confluencia da rúa do Paseo con Cardeal Quiroga e comezamos o noso propio itinerario de viños polo centro. Subindo –sempre será mellor deixar a baixada para o final– atopamos Sybaris 2.0, un ecléctico local que mestura restaurante e tenda de produtos gastronómicos e que conta cunha das máis interesantes e mellor nutridas cartas de viño da provincia, a de Jacobo Mojón, á que o cociñeiro Luís Romaní soubo axeitar a súa cociña.

Praza do Ferro. Entramos aquí no cerne do máis tradicional dos viños ourensáns. Non poden faltar clásicos como o Fuentefría, o Atarazana ou o Orellas. Seguimos, entre as rúas Pizarro, Fornos e Lepanto: O Comellón, O Arco da Vella, O Cogumelo. Cada un deles cunha especialidade propia.

Tal é o éxito da cultura dos viños que a zona desbordou os seus límites, crecendo cara ao sur para envolver a Catedral con propostas actuais como Glabistró ou, cara ao norte, nas Mercedes, con lugares como o Portovello que nos van levando de tapa en tapa, de viño en viño, cara á cidade nova.

O CORAZÓN DA CIDADE HISTÓRICA

A catedral de San Martiño, a un paso dos viños, é un resumo en pedra da historia da cidade. O exterior fortificado, o incrible Pórtico do Paraíso, o extraordinario retablo obra de Cornelis de Holanda. E, máis recentemente, o gaiteiro da catedral, que cada mañá ás 11.30 horas saúda a cidade desde o alto, ataviado cunha capa deseño de Adolfo Domínguez, ao son de Ourense no Solpor.

Continuamos, improvisando, descubrindo recunchos, alternando a escala da monumental Praza Maior coa daquelas que son algúns dos segredos mellor gardados da cidade. Praciñas como a dos Suaves, que son parte da mitoloxía auriense contemporánea e teñen gañado o seu sitio en calquera percorrido ourensán.

Ou a praciña do Trigo, en tempos un cemiterio e que hoxe é xa parte indisoluble desas rutas de viños a través de propostas actualizadas como a do Umami, que combina unha interesante oferta de cociña cunha atractiva carta de cócteles.

Baixamos a escalinata de Santa María Nai, ao pé desa impoñente fachada barroca que recolle columnas da antiga catedral sueva, para parar no Tamarindo e continuar o noso particular roteiro de cócteles con personalidade que se vai abrindo camiño na cidade histórica.

Se andamos á procura dun ambiente máis tradicional, podemos deixar pasar o tempo na praza de Santa Eufemia, coa sensación de que a fachada barroca da igrexa homónima tende os seus estremos para abrazarnos. Ou no agochado Eironciño dos Cabaleiros, no que resoan os ecos dos coloquios de décadas pasadas.

 

Aquí os viños son unha cultura. E, por se non abondase, son tamén unha zona do casco vello. É un xeito de ouresanear.

A VIDA CULTURAL

Ourense é un dos grandes polos culturais do interior de Galicia. Cidade universitaria e cruzamento de camiños, punto quente no imaxinario da Xeración Nós, é o lugar perfecto para tomarlle o pulso á cultura galega de hoxe e de sempre. Comezando polo Teatro Principal, levantado arredor de 1830 e que pagaría a pena visitar aínda que só fora polos frescos da súa bóveda, obra de Xaime Quessada.

O roteiro avanza cara ao Museo Municipal, un dos grandes descoñecidos, que alberga unha colección enfocada aos artistas ourensáns: Cándido Fernández Mazas, Prego de Oliver, Xaime Quessada, Acisclo Manzano, Virxilio Fernández ou Buciños son só algúns dos moitos nomes que forman parte da súa colección e que falan da magnitude da vida artística na cidade.

Un pouco máis abaixo xorde a sala de exposicións Abanca (a maior da cidade), e a un paso o Centro Cultural Marcos Valcarcel, interesante tamén pola súa arquitectura. E o Museo da Catedral, claro, co seu Missale Auriensis, impreso en Verín, na que foi a primeira imprenta de Galicia, en 1494.

HORA DE COMER

Son moitas as opcións que o casco vello e as súas inmediacións ofrecen para comer. Se queremos ir máis alá dos petiscos podemos optar por algúns dos locais xa citados –Glabistró, Sybaris 2.0, Portovello, Umami– e explorar propostas informais como a do Tizar, ou de máis calado como a do restaurante Ceibe, se o que buscamos é cociña posta ao día. Podemos, incluso, saltar por un momento fóra do casco, aínda que non moi lonxe, para descubrir a oferta heterodoxa do Café Pacífico.

Mais se andamos á procura de cociña máis tradicional, de lugares nos que explorar a cociña galega de sempre, o casco ten tamén unha oferta do máis interesante: da excelente selección de produto do restaurante O Pingallo á taberna ilustrada que é Adega San Cosme (Casa Leopoldo). Sen esquecer o que é un dos grandes clásicos da cidade, A Taberna, rexentado por Javier Outumuro e no que hai que probar, en tempada, a súa lamprea ou encargar especialidades como o seu polo de curral con lumbrigante.

E despois, seguramente, un café nun deses locais do casco que aínda manteñen o ambiente doutro tempo, ese ambiente que se conserva en La Coruñesa ou o Latino e que tan ben encaixa con aquilo que comentabamos de ourensanear. Porque se algo queda claro despois de percorrer o centro da cidade das Burgas ao longo dun par de días é que, aquí, a vida leva o seu ritmo. E que o mellor que podemos facer é deixarnos levar por el, ser parte por unhas horas desa ‘ourensanía’ e asumila como estilo de vida, como un xeito de reconectar co que significa unha cidade que é sempre, como a primeira vez, un achado sorprendente.

 

Cidade universitaria e cruzamento de camiños, punto quente no imaxinario da Xeración Nós, é o lugar perfecto para tomarlle o pulso á cultura galega de hoxe e de sempre.

Queres ollar outros contidos relevantes?

Coralia núm. 18

150 150 CORALIA

Coralia núm. 18

Regresamos cun número excepcional para festexarmos o quinto aniversario de Coralia!

Por ÁLEX REGUEIRO
Director de comunicación de Miranda Priestly, S.L.

Miranda Priestly, empresa editora da revista Coralia, presenta a primeira Guía de Viaxes de Galicia, unha coidadísima publicación de periodicidade anual que, ao longo de 116 páxinas, analiza os destinos, propostas e plans que farán da comunidade galega o destino máis desexado de 2021.

A Guía de Viaxes de Galicia (GVG) edítase ao abeiro do Fondo de proxectos culturais Xacobeo 2021 da Xunta de Galicia, e xorde como un achegamento á cultura da viaxe e ao mundo do turismo en Galicia que combina novos enfoques informativos e formulacións conceptuais orixinais.

A primeira edición de GVG fíxase como fin principal captar o interese das galegas e galegos que desfrutan percorrendo as infinitas Galicias que hai na nosa terra, un obxectivo ambicioso que, ao mesmo tempo, supón a oportunidade de ofrecer unha visión verdadeira e xenuinamente galega aos visitantes que elixan Galicia como destino en 2021.

2020 fixo agromar novas necesidades e dinámicas sociais que no ano 2021 se trasladarán indubidablemente ao mundo da viaxe. Como certifica a GVG, a experiencia personalizada será a protagonista indiscutible de viaxes e vacacións que promoverán a singularidade e a exclusividade, xa sexa para gozar dun solpor nas Torres de Oeste, dun polbo ao sal en Ourense ou dunha noite baixo as estrelas da Teixeira.

Os mellores plans para vivir Galicia inclúen unha viaxe ao país das mil romarías, a ruta das fariñas, historias de faros, rutas de bos soños, rutas de 5 leguas e visitas á arca do tesouro de Monterrei, Carballo, A Estrada, Lalín, Padrón, o proxecto Xeoparque do Cabo Ortegal ou Ourense.

A Guía de Viaxes de Galicia de Coralia é resultado do talento e bo facer (e do grande amor pola terra) de destacados profesionais da viaxe, xornalistas especializados, escritores e fotógrafos de primeira división, entre os que se figuran Manuel Gago, Jorge Guitián, Alberto Barciela, Estíbaliz Veiga, Rober Amado, Tino Martínez, Laura Ramos Cuba ou Armando Requeixo.

En 2021, Coralia vólvese máis viaxeira ca nunca para vivir ao grande o ano de Galicia!

 

Política de privacidade

Se consente a utilización de cookies, continúa navegando ou fai clic nalgún link entenderase que consinte a nosa política de cookies e, por tanto, a instalación das mesmas no seu equipo ou dispositivo.

Se vostede quere, pode cambiar a configuración de cookies en calquera momento, configurando o seu navegador para aceptar, ou non, as cookies que recibe ou para que o navegador o avise cando un servidor queira gardar unha cookie.

Esta web utiliza cookies.
error: Contido protexido