•  981 806 528 & 670 594 685 info@coralia.gal

real academia galega

Margarita Ledo

150 150 CORALIA

Xornalista, cineasta, catedrática de Comunicación Audiovisual na Universidade de Santiago, poeta, novelista, membro da Real Academia Galega… A faciana pública de Margarita Ledo Andión convértea nunha humanista no sentido clásico do termo. É o que se di unha muller sabia. Pero cando un coñece os recunchos da súa vida, aventureira, comprometida e arriscada, empeza a pensar que esa sabedoría venlle máis pola experiencia e a creatividade que pola polifacética traxectoria profesional. Na súa produción literaria e cinematográfica, Ledo sempre xoga co poder da linguaxe para enmascarar a realidade, deseñando personaxes que sempre son moito máis do que parecen. Ela tamén. Elixe para a entrevista a cafetaría do Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) e chega con grandes lentes de sol para coidarse da fotofobia que padece. Curioso paradoxo nunha muller que leva décadas acendendo luces sobre a cultura galega.

Catedratica e membro da Real Academia Galega, Margarita Ledo

Entrevista de JUAN OLIVER
Fotografías de ÓSCAR CORRAL
Ilustración de ANA FER

Cando me citou no CGAC pensei que sería un lugar emblemático para vostede.
A min o lugar de Santiago que me gusta é a ruela de Caramoniña, en Bonaval. Pero esta cidade gústame toda. Vas andando e paras en calquera lugar. Quizais por iso temos o costume de pasmar e de quedar falando nas esquinas. O CGAC é un sitio con moitos espazos de sosego. Os espazos de Álvaro Siza sempre o son, aínda que é un home moi tenso. Quizais por iso os necesita. Para as entrevistas é un sitio moi tranquilo.

Lembra a primeira entrevista que fixo? Unha a Ramón Piñeiro. E outra a Amália Rodrigues. E a primeira reportaxe?
Lembro dúas. Unha era Traballadores do mar enfrontados. Falaba dun conflito entre os propios mariñeiros polo can; unha modalidade de arrastre. Era duro, mesmo na escola os pais duns rodeaban e berrábanlle aos fillos dos outros. Era un enfrontamento que non conducía a nada porque o que facía falta era unha reforma pesqueira, que era o que concluíamos na reportaxe. A outra foi sobre o naufraxio do Marbel, no inverno do 78. Terríbel. Afundiu achegándose a Cabo Silleiro e houbo moi poucos superviventes. Un remolcador achegouse por alí e intentou lanzarlles un cabo, pero non puido facer nada. Eu contactara cun radioafeccionado que ouvira como o patrón lles dicía por radio aos do remolcador: «Amiguiños, pasade outra vez, aínda hai esperanza.» Era un shock estar no medio deses acontecementos, nunha época na que sempre iamos ás fontes directas. Esas fontes daban o momento dramático, e permitían buscar máis fontes, saber por que sucedera aquilo, por que o remolcador tardara tanto, por que non había medios máis actualizados…

«A min o lugar de Santiago que me gusta é a ruela de Caramoniña, en Bonaval. Pero esta cidade gústame toda. Vas andando e paras en calquera lugar. Quizais por iso temos o costume de pasmar e de quedar falando nas esquinas. O CGAC é un sitio con moitos espazos de sosego. Os espazos de Álvaro Siza sempre o son, aínda que é un home moi tenso. Quizais por iso os necesita».

Vostede ía para Filosofía e Letras.
Non, fun para Filosofía e Letras por un accidente de coche cando saía de examinarme de PREU e rompín unha cadeira. Tiña que examinarme de Ingreso de Xornalismo en Barcelona e non puiden, así que quedei un ano facendo Filosofía e Letras.

Cando decidiu facerse xornalista?
Foi por un erro, por unha falsa noticia. Eu facía o bacharelato de Ciencias e un día vin na tele unha reportaxe de Miguel de la Quadra Salcedo atravesando a Amazonia. Era fantástico, eu estaba fascinada e quedei cunha imaxe dunha especie de galo enfrontándose a unha cobra. Mirei para o meu pai e dixen: «Quero ser xornalista».

Como foron os comezos? Responderon ás expectativas?
Rematei Xornalismo no ano 73 e traballei seis meses no Ideal Gallego. Logo pasei á clandestinidade, marchei a Portugal, volvín e montei A Nosa Terra… E empecei a facer entrevistas. Unha foi a Avilés de Taramancos, que viña de Colombia, onde levaba dez anos emigrado. Fun con Salvador García-Bodaño, que era moi amigo del. Pregunteille como era o seu día a día ao chegar a Colombia, e contoume que andaba sempre co Zamo, un amigo zamorano, e que durmían os dous nunhas hamacas nunha obra en construción. Un día chegaron á obra e atoparon a un tipo deitado nunha das hamacas. Era Miguel de la Quadra. Fixéronse amigos. E resulta que o Zamo herdara un millón de pesetas dunha tía da Coruña, e con eses cartos foron a atravesar a Amazonia e a rodar a reportaxe.

Que cara se lle puxo cando lembrou que a vira na tele?
Non sei. Pero gracias a Avilés de Taramancos souben que a cobra que tanto me fascinara estaba domesticada. Un fake. Así que eu son xornalista por un fake.

Catedratica e membro da Real Academia Galega, Margarita Ledo

«Amnistiáronme. Actuou un avogado de oficio, de Pontevedra, que nin sequera coñecía o caso. Dicíame que no expediente puña que eu roubara a pólvora dos fogos do Apóstolo. Delirante. Quixen explicarlle, pero a el tanto lle tiña. Nin sequera tiven que pasar á sala. Imaxino que xa estaba negociado, que as amnistías son así».

Catedratica e membro da Real Academia Galega, Margarita Ledo

«Aínda estamos nesa idea absurda de mulleres contra homes, creada polo patriarcado para manter o silencio sobre o que pasa de verdade: que a muller estivo sometida en todos os sentidos e, sobre todo, que foi vítima dun mutismo absoluto».

Falaba do seu exilio. Como foi?
O do exilio era algo que estaba á orde do día e eu tiña unha orde de busca e captura. Sucedeu que, ao redor do Día da Patria daquel ano, ocorréusenos unha innovación para repartir pasquíns. Eramos un grupo pequeno, de tres persoas, e entregalos en man era moi arriscado. Pensamos que tiñamos que inventar algunha forma que tamén chamara a atención. Porque na clandestinidade, cando fas algo que chama a atención, estás reforzando a túa decisión de enfrontarte á ditadura e mostrando que tes mecanismos para ridiculizala. Fixeramos un mecanismo de reloxería cun cartuchiño pequeno de pólvora. Programabas a hora e facía saltar os papeis polos aires.

Unha bomba de pasquíns.
Máis ben un petardo de pasquíns. Nas vésperas preparamos varios en varios puntos de Santiago a distintas horas. Na saída da misa de Rosalía, na Alameda, que había verbena, no barrio de San Pedro… Esa é a parte inocente destas historias, o de crer que por estar nun barrio popular a xente vai ter complicidade. Creo que foi na rúa Angustias, nunha casa en construción que estaba na esquina. Subín ao balconciño e puxen alí o paquetiño. A plena luz do día.

E collérona…
E acusáronme de acto de guerra. Entón desaparecín. Estaba traballando no Ideal pero tiven que pasar á clandestinidade até que me mandaron a Portugal.

Quen a mandou? A familia?
Non, o partido. A familia non sabía nada de min. E fun para alá dous anos.

Dous anos dun Portugal moi interesante.
Si, xa estaba en marcha o proceso que desembocaría na revolución de abril. Todo pasaba na rúa, accedías a coñecer cousas que nin imaxinabas, vías as dificultades de organización do poder popular… E tamén á embaixada americana en acción, con aquel embaixador, Frank Carlucci, que viñera de Chile de preparar o golpe contra Allende directamente a Lisboa. Falaba así: «A nosa administração…». E non se refería á americana, senón á portuguesa. Algo espectacular. Eu traballaba na Facultade de Letras e dedicábame a facer material de propaganda e publicacións. Lembro un cómic, que debe ser o primeiro cómic político, que deseñou Xan Casabella, o arquitecto.

O irmán de Miro Casabella.
Si. Eu coñecinos en Barcelona. En Lisboa facíamos ese tipo de cousas: publicacións, pins para as solapas… Incluso inventei outro mecanismo de distribución de propaganda cuns globos de papel que inflabamos con queroseno.

Era toda unha experta neses aparellos.
Si, pero só funcionaran dous ou tres globos. Dixéronme que o deixase, que me despreocupase do tema da distribución.

Daquela semella que había moita máis colaboración entre galegos e portugueses da que hai hoxe.
Pode ser. A solidariedade era total. E a UPG era unha organización pequena, non era unha organización histórica, das coñecidas. Levaba dez anos e era coñecida en sectores máis ligados a Coimbra, á revista Vértice… A sectores, digamos, máis intelectuais. Pero na sé do Partido Comunista Portugués vendíase propaganda da UPG e colaboraban sempre en todo. Montamos unha cooperativa, Árbore, e organizamos unhas xornadas sobre cultura galega no Porto no ano 75, nas que pasamos Universidad comprometida, de Carlos Velo, con mesas redondas ás que viña xente de aquí e de Coimbra… Digo de Coimbra referíndome a aquel grupo de Rodrigues Lapa, daqueles que xa estaban vinculados ao vello galeguismo, pero tamén os novos. Agora tamén se fai , pero dunha maneira… Para entendernos, máis sectorializada. Eu teño moita relación coa Universidade do Minho, coa Politécnica do Porto e coa Nova de Lisboa, por falar do mundo académico. Pero non acaba de callar ese espazo académico galego-portugués. Nin sequera a Eurorrexión. Hai anos mesmo se pensaba nunha escola de doutoramento conxunto, que sería moi interesante, pero… Seguramente quen máis avanzou foi Vigo con determinadas cuestións de innovación, de nanotecnoloxía e do Campus do Mar. Pero segue sendo resultado de proxectos concretos.

Non hai conciencia social sobre o tema.
Non hai conciencia social. E política, moita menos.

Como viviu o exilio? Foi tan intenso e interesante como semella?
Si, pero en presente non o notas. Era moi nova, estaba soa… A partir do 75 chegou máis xente, oito ou nove persoas, e xa formabamos un grupo. Pero o primeiro ano foi realmente duro. Facía un programa de radio de un cuarto de hora á semana na RTV portuguesa, O norte día a día. Anos despois, un investigador pasoume uns documentos desclasificados da CIA que o citaban. Acabaron pechando o programa no ano 75, tras a caída do Goberno de Vasco Gonçalves. O primeiro ano de exilio foi enriquecedor, pero a posteriori. No momento, o que sentes é soidade e a necesidade de volver.

Como fixo para regresar? A acusación de acto de guerra era grave.
Amnistiáronme. Actuou un avogado de oficio, de Pontevedra, que nin sequera coñecía o caso. Dicíame que no expediente puña que eu roubara a pólvora dos fogos do Apóstolo. Delirante. Quixen explicarlle, pero a el tanto lle tiña. Nin sequera tiven que pasar á sala. Imaxino que xa estaba negociado, que as amnistías son así.

E que sentiu ao ser amnistiada?
Nada. Xa tiña pasado aquí moitas veces.

Cruzaba a raia estando en busca e captura? Polo posto fronteirizo de Tui?
Non, por Tui foi a última vez, coa miña nai. Iamos recoller cousas, sobre todo libros. Pero eu xa falara coa miña avogada, Teruca Conde-Pumpido, e sabiamos que xa estaba dada a orde da amnistía.

E as outras veces?
A primeira foi a nado, polo río.

A nado polo Miño? Ao final vai ser que a súa vida foi máis intensa que a do Miguel de la Quadra.
Tiven que pasar a nado porque fallaron todos os outros medios. Era na desembocadura e había correntes fortes, e perdín a roupa, que a levaba atada nunha bolsa de plástico. Doutro lado esperaba un colega que me deixou roupa e me levou a un hotel do Porto, onde esperaba outro que me levou a Lisboa. Pasei varias veces, case sempre polo río. E outra pola ruta seca, que tamén chamaban a ruta dos porcos.

Iso é pola montaña de Ourense, non?
Si, xa era Ourense. Outra vez pasei pola zona de Arbo, e outra por Salvaterra, no ano 75. De noite, cun contrabandista, sentada nun pneumático de camión co petate enriba. El nadaba e tiraba do pneumático. Crucei con dúas portuguesas que ían cargadas de contrabando e que me deixaron pasar primeiro. Algo sospeitaron, ou foron solidarias.

Ao mellor impresionoulles que fora unha exiliada política.
Non o sabían, nin elas nin o contrabandista. Eu levaba só unha pequena bolsa, e algo deberon pensar. Creo que nin a policía podía imaxinar que fose todo tan precario.

Foi alá, en Portugal, onde descubriu a historia do secuestro do Santa María? A que anos despois contaría en Santa Liberdade, o seu primeiro documental.
Xa escoitara falar do Santa Liberdade cando tiña vinte ou vinte e un anos e viña a Santiago á misa de Rosalía, con Manuel María. Quedabamos con outra xente nalgunhas tabernas próximas, no Xustiño e estas de por aquí, e sempre falaban de Antón Moreda, que pasou anos no manicomio de Castro de Rei. Eu despois fixen un libro coa súa historia, Porta Blindada, e convertino dalgunha maneira na personaxe masculina de A cicatriz branca. Sempre falaban del, e de Pepe Velo, de Carlos Velo… Pero eu non vinculaba esa historia coa historia de piratería que lera de nena en El Progreso.

Así o vendeu a prensa daquela época, como un acto de piratería?
Si. E era un tipo de acción moi representativa daqueles anos. Poucos recursos e moita imaxinación. O Henrique Galvão era moi imaxinativo. O Pepe Velo tamén, pero o Henrique era un galán, sempre andaba rodeado de actrices.

«A nosa gran construción comunal é a lingua. É unha construción ao longo do tempo, un síntoma de comunidade, de como pensamos o mundo. O que en realidade mantemos como o que nos pode identificar; practicamente o único que nos queda. Por iso hai esa teimosía en esfarelala».

Catedratica e membro da Real Academia Galega, Margarita Ledo

«Eu facía o bacharelato de Ciencias e un día vin na tele unha reportaxe de Miguel de la Quadra Salcedo atravesando a Amazonia. Era fantástico, eu estaba fascinada e quedei cunha imaxe dunha especie de galo enfrontándose a unha cobra. Mirei para o meu pai e dixen: 'Quero ser xornalista'».

«Henrique Galvão era moi imaxinativo. O Pepe Velo tamén, pero o Henrique era un galán, sempre andaba rodeado de actrices».

«A Real Academia Galega xa emprega formas non excluíntes. O que seguramente terá que facer nalgún momento, se chega unha situación na que haxa que tomar posición, é manifestarse por unha linguaxe inclusiva. A RAG ten unha presencia moi forte de mulleres na súa executiva, e non o digo só pola cota».

Entrevista extraída do número 10.

Cando se lle ocorreu que todo iso tiña un documental, unha película ou unha narración audiovisual?
Eu estaba en Barcelona, onde empezaba a facer crítica de cine, e apareceran as primeiras axudas para o cine do Ministerio de Cultura. Mandei un proxecto que se chamaba Carte Postale, que falaba da relación entre as mulleres a través das postais e no que incorporaba a unha muller que ía no Santa María. Pero non me deron a axuda e aí quedou. No 91 volvín a Galicia a montar a facultade, que por certo, tamén é de Álvaro Siza, e empecei a impartir a materia de Documental, que non existía na universidade española nin nas escolas de cine. Despois duns anos ao redor da cultura do documental, tomei a decisión de pasar ao outro lado e facer Santa Liberdade. Non había nada feito e pensábase que era unha acción exclusivamente portuguesa.

Por que elixiu esa linguaxe narrativa, o documental tinguido de elementos de ficción?
Tamén Liste, pronunciado Líster ten eses elementos. Supoño que o fixen porque sempre, mesmo nas reportaxes, eu xogaba con linguaxes que ían máis cara ás imaxes visuais, con recursos da linguaxe máis literaria, que amplían moito a significación.

Nunha entrevista na que falaba do Antón Moreda dicía que a realidade nunca é o que semella. Que o Moreda, por exemplo, tíñao todo, era guapo, forte, atractivo… Pero estaba no manicomio. Esa era a súa realidade.
Sempre parto de materiais ou de feitos reais que me moven os pés do sitio. E a partir de aí, ese material vai a un lado ou ao outro. No caso do cinema, sempre eran feitos moi fortes. Pasados quince anos, cando a Documenta de Madrid fai unha retrospectiva, colle o documental como unha secuencia do século XX. Os anos sesenta, os anos dos soños… Cando o fas non te paras a analizar que vai ser a túa ollada sobre a historia, a túa ollada e a das outras miradas que te inflúen, claro. No meu caso sempre cito a Alain Badiou e o seu Le Siècle. É verdade que en ocasións a realidade é máis radical da que aparece contada con outras linguaxes.

No seu discurso de entrada na Real Academia Galega citaba moito a Badiou. E falaba ademais da cuestión de xénero e de como a linguaxe afecta a percepción social desa cuestión. Hai un debate sobre ese asunto na Real Academia Española que non sei se se dá tamén na RAG.
A orixe das academias é totalmente patriarcal. De todas. Cal é o problema? Que se teña conciencia diso. Porque o feminismo non é unha cuestión de xénero biolóxico. E aínda estamos nesa idea absurda de mulleres contra homes, creada polo patriarcado para manter o silencio sobre o que pasa de verdade: que a muller estivo sometida en todos os sentidos e, sobre todo, que foi vítima dun mutismo absoluto. Os homes podían berrar, facer guerras. As mulleres, non. Pero si me fai comparar, creo que é moito máis machista e máis retrógrada a Real Academia Española.

O debate sobre se a lingua española é machista ou non, non se dá ao mesmo nivel coa lingua galega, que tamén ten usos machistas.
A Real Academia Galega xa emprega formas non excluíntes. O que seguramente terá que facer nalgún momento, se chega unha situación na que haxa que tomar posición, é manifestarse por unha linguaxe inclusiva. A RAG ten unha presencia moi forte de mulleres na súa executiva, e non o digo só pola cota.

Outra das cousas que dicía naquel discurso era que os síntomas sempre anticipan o que vai pasar, e que era optimista porque o feito de que unha muller coma vostede entrara na Academia era un síntoma do futuro cara ao que camiñaban as cousas. Un futuro máis comprometido.
Sempre son optimista, pero aí referíame á RAG. A súa función é a defensa da lingua e da cultura galegas, non a tarifa eléctrica. Pero o maior indicador de como van cambiando as cousas telo cando a Academia toma posición fronte ao decreto do bilingüismo da Xunta.

Semella que tomar posición en defensa do galego neste país é unha cuestión política.
A razón de ser da RAG é o estudo, o coidado, a promoción da lingua… Pero hai un momento en que tivo que dar o paso á posición política. E deuno.

Cando empezou a dirixir A Nosa Terra en 1977 e a facer as reportaxes das que falabamos ao principio, imaxinaba que corenta anos despois non ía a atopar no quiosco nin un só xornal diario escrito en galego?
A estafa que temos vivido con iso é monumental. No Consello da Cultura Galega están dixitalizados os seis primeiros meses de A Nosa Terra. Por iso o puiden ver alí, porque se non, seguramente non o lembraría: no número das Letras Galegas do ano 78 fixemos un monográfico titulado «Por uns medios de comunicación galegos». E corenta anos despois… A nosa gran construción comunal é a lingua. É unha construción ao longo do tempo, un síntoma de comunidade, de como pensamos o mundo. O que en realidade mantemos como o que nos pode identificar; practicamente o único que nos queda. Por iso hai esa teimosía en esfarelala.

Como é posíbel que pase iso, se en Galicia hai niveis de uso, comprensión e coñecemento da lingua moito máis elevados que en Cataluña co catalán e en Euskadi co éuscaro?
Os medios de comunicación son operadores sociais. E o que aquí hai é unha operación de esfarelamento que pasa polos medios de comunicación. Chegar ao punto de que unha sociedade se auto liquide pasa por non ter un sistema de medios que responda a ese sentido de operador social. Os medios están só para contar o que pasa? Non. A súa función tamén é estrutural. E se non hai medios en lingua galega, vaste desligando da información. A xente pensa que é algo temporal. «Xa pasará». Pero esa pasividade que se está inoculando empobrece moito. Eu poño sempre o exemplo das romarías: hai un camión alá cun espectáculo estraño que parece unha pantalla de televisión, a xente á vinte metros, parada, e no medio, un baleiro non que non baila ninguén. E un bar no que te coces a gintonics. Esa é a imaxe da pasividade. Non me gustaría que dentro duns anos se falara da Galiza como unha sociedade que foi esmorecendo porque lle foron retirando todo até retirarlle a súa lingua.

Queres ollar outros contidos relevantes?

Política de privacidade

Se consente a utilización de cookies, continúa navegando ou fai clic nalgún link entenderase que consinte a nosa política de cookies e, por tanto, a instalación das mesmas no seu equipo ou dispositivo.

Se vostede quere, pode cambiar a configuración de cookies en calquera momento, configurando o seu navegador para aceptar, ou non, as cookies que recibe ou para que o navegador o avise cando un servidor queira gardar unha cookie.

Esta web utiliza cookies.
error: Contido protexido