•  981 806 528 & 670 594 685 info@coralia.gal

revista de tendencias

Galicia, preparada para seguir reactivando o turismo tamén en outono

150 150 CORALIA

A Xunta de Galicia mantén activas varias liñas de reactivación en outono coa vista posta no turismo nacional e interno.

Nun ano tan atípico e complexo como o que estamos a vivir, Galicia está a demostrar este verán que é quen de resistir mellor que o conxunto de España o forte impacto da crise sanitaria da covid-19 no turismo. A Comunidade recibiu preto de 400.000 viaxeiros en xullo, nunha tímida recuperación que inclúe tamén a progresiva reapertura empresarial con 800 hoteis máis abertos en xullo que en xuño. Ademais, Galicia foi unha das Comunidades nas que menos baixaron os prezos. Caeron menos dun 1% fronte ao 15% no resto de España.

Agora, e con vistas ao outono, o sector e a Xunta continúan a folla de ruta marcada nos últimos meses para seguir impulsando a supervivencia das empresas turísticas e incentivar o consumo tamén neste último trimestre. Están xa en marcha o 75% das medidas do Plan de reactivación dos sectores cultural e turístico dotado con 58 millóns de euros. O obxectivo agora está en reforzar aínda máis as experiencias turísticas dirixidas ao mercado máis próximo, é dicir, ao nacional e o dos propios galegos que se despracen pola comunidade.

Catedral de Mondoñedo

En concreto, estanse a deseñar novos produtos e experiencias e a adaptar formatos ao momento de enorme dificultade no que nos atopamos. Trabállase tamén para impulsar a dixitalización, por exemplo, do turismo rural a través dunha nova plataforma de comercialización para facilitar as reservas online. Incentivaranse tamén as largas estadías neste tipo de establecementos agasallando experiencias turísticas complementarias en xeo-destinos ou cidades galegas. Tamén se vai reforzar este ano o papel do turismo enogastronómico, en colaboración coas Asociacións das Rutas dos viños de Galicia e está en marcha o Bono Turístico, que supón unha inxección de 5 millóns de euros nas empresas turísticas, e que permitirá fomentar o turismo interno nos últimos meses do ano.

Foron xa máis de 15.000 os empregados dos sectores sanitario e socio-sanitario que traballaron en primeira liña na loita contra a covid-19 que solicitaron o bono turístico, que poden empregar ata decembro nas máis de 400 empresas adheridas.

Están xa en marcha o 75% das medidas do Plan de reactivación dos sectores cultural e turístico dotado con 58 millóns de euros. O obxectivo agora está en reforzar aínda máis as experiencias turísticas dirixidas ao mercado máis próximo, é dicir, ao nacional e o dos propios galegos que se despracen pola comunidade.

Ribeiras de San Fiz

Seis de cada dez peregrinos, reservan online

O Camiño de Santiago, que durante o verán comezou tamén a súa progresiva reactivación, tamén será clave no novo escenario. Entre xullo e agosto houbo un incremento do 70%, pasando de 9.752 a 16.572 peregrinos, é dicir, un total de 26.324. Son síntomas de que a Ruta Xacobea continúa espertando interese e contribúe á reactivación económica e emocional de Galicia. Por iso, de cara ao outono segue en marcha a batería de medidas que están facendo posible esta reactivación no marco do programa Camiño Seguro e se está a realizar un traballo conxunto en colaboración co Instituto para la Calidad Turística Española (ICTE) para o desenvolvemento de materiais que recollen recomendacións e inciden na prevención.

Están a ter boa acollida outras iniciativas como a nova plataforma online que permite reservar praza nos albergues públicos para dar maiores garantías aos peregrinos. Posta en marcha o pasado 1 de xullo, xa é empregada por seis de cada 10 peregrinos que fan uso dos albergues públicos.

Un ano máis, dáse continuidade estes meses tamén ao Outono Gastronómico, a proposta da Administración autonómica que permite aloxarse nas casas rurais participantes e desfrutar experiencias gastronómicas e actividades paralelas en contacto coa natureza, cuxa campaña comeza o 11 de setembro. Tamén o programa Elixe Galicia, a primeira edición desta iniciativa viaxeira dirixida a mozos, familias e maiores na que participarán máis de 4.300 persoas que poderán desfrutar de estadías en zonas costeiras, rutas de patrimonio cultural, rutas de natureza e estadías en balnearios.

O turismo de congresos tamén poderá vivir a súa reactivación nestes últimos meses do ano. A Xunta xa puxo a disposición do sector un novo plató virtual para a celebración deste tipo de eventos que permite complementar esta opción coa presenza de asistentes con aforo reducido e adaptado á situación sanitaria. Recentemente celebrouse o primeiro evento nestas instalacións, o Congreso Internacional de Intelixencia Artificial, e hai unha vintena de solicitantes para celebrar eventos nos vindeiros meses.

Situado na Cidade da Cultura de Galicia, o estudo é un dos compromisos coa Asociación de Organizadores Profesionais de Congresos de Galicia ao abeiro do Plan de reactivación dos sectores cultural e turístico. Ten dous sets que simulan un estudo de televisión, onde se poden celebrar eventos presenciais, virtuais ou híbridos. Cóntase con canle de streaming de ata 1.000 asistentes, que permite a realización de videoconferencias con capacidade de ata 500 asistentes.

Un ano máis, dáse continuidade estes meses tamén ao Outono Gastronómico, a proposta da Administración autonómica que permite aloxarse nas casas rurais participantes e desfrutar experiencias gastronómicas e actividades paralelas en contacto coa natureza, cuxa campaña comeza o 11 de setembro.

En definitiva, Galicia e o Camiño de Santiago continúan en outono co obxectivo de preservar o emprego e reactivar a economía ofrecendo a posibilidade de seguir desfrutando dun turismo tranquilo e hospitalario, un turismo que busca o contacto co territorio, tan necesario nestes días.

Queres ollar outros contidos relevantes?

xeoparque de Cabo Ortegal

150 150 CORALIA

Afondar no proxecto de Xeoparque do cabo Ortegal significa iniciar unha viaxe ao interior da Terra, descubrir un patrimonio xeolóxico, cultural e paisaxístico único e internarse nunha iniciativa que suma forzas e entusiasmo nun obxectivo que pode significar un paso de xigante para un territorio singular.

Publirreportaxe. Fotografías do PROXECTO DE XEOPARQUE DO CABO ORTEGAL

Conseguir a declaración de Xeoparque por parte da Unesco leva a sumar enerxía de axentes públicos e privados na difusión internacional deste proxecto de gran relevancia para os concellos do territorio implicado.

“Unha das claves para o éxito do proxecto do Xeoparque do cabo Ortegal está na súa difusión e en dar a coñecer as súas fortalezas que son moitas nesta iniciativa na que tanto a deputación como os concellos participamos de maneira entusiasta”, sinala o vicepresidente e responsable de Turismo da Deputación da Coruña, Xosé Regueira, en relación ao proxecto que busca xestionar o riquísimo patrimonio xeolóxico dun territorio en que conflúe o Atlántico co Cantábrico.

Ensenada das Cortes

“Temos confianza plena na potencialidade do territorio do cabo Ortegal que encadra o proxecto do parque para o que xa se deron importantes pasos na consolidación dunha iniciativa que conta cunha especial unión dos concellos que camiñan na mesma dirección, algo de especial interese á hora de chegar ao obxectivo que promovemos desde a Deputación da Coruña”, destaca Xosé Regueira que na primeira fase da iniciativa visitou e estableceu contactos con entidades como o GeoParc de Catalunya Central ou o Xeoparque da Costa Vasca, dous exemplos de xestión de especial relevancia no desenvolvemento do proxecto do cabo Ortegal.

A área de Turismo da Deputación da Coruña, man a man cos concellos de Cariño, Cedeira, Cerdido, Moeche, Ortigueira, San Sadurniño e Valdoviño aposta polo Proxecto de Xeoparque de Ortegal como unha estratexia de desenvolvemento económico, de promoción turística e de conservación ambiental dunha terra especialmente fértil en patrimonio natural, xeolóxico, cultural e histórico.

Xeorruta na mina Piquito. Moeche

Comprende unha area de case 630 km2 e conta cun tesouro xeolóxico único compartido por sete concellos: Cariño, Cedeira, Cerdido, Moeche, Ortigueira, San Sadurniño e Valdoviño, de xeoloxía singular e moi pouco frecuente na superficie da Terra. O complexo do cabo Ortegal, como se coñece na comunidade científica, é todo un referente na xeoloxía europea e posiblemente tamén mundial.

Serra do Folgosel

Que é un xeoparque?

Un xeoparque é un territorio cun salientable patrimonio xeolóxico, que é o eixe principal dunha estratexia de desenvolvemento territorial sostible, apoiado nun programa europeo de promoción ao desenvolvemento local. Cómpre tamén indicar que non é un espazo natural protexido, aínda que defende a protección e a posta en valor do patrimonio xeolóxico dese territorio. Desde 2015 esta figura denomínase Xeoparque Mundial da UNESCO.

As trabes do proxecto

Comprende unha area de case 630 km2 e conta cun tesouro xeolóxico único compartido por sete concellos: Cariño, Cedeira, Cerdido, Moeche, Ortigueira, San Sadurniño e Valdoviño, de xeoloxía singular e moi pouco frecuente na superficie da Terra. O complexo do cabo Ortegal, como se coñece na comunidade científica, é todo un referente na xeoloxía europea e posiblemente tamén mundial.

Pero non todo é xeoloxía. Neste territorio atopamos tamén un destacado patrimonio biolóxico, histórico, etnográfico, cultural, deportivo e mesmo relixioso. Trátase, polo tanto, dun proxecto moi integrador e vital para potenciar os recursos e produtos locais mediante estratexias de desenvolvemento sostible.

Que atopamos no territorio do Proxecto Xeoparque de Ortegal?

Ademais dunha ampla, rica e singular oferta cultural, patrimonial, deportiva e gastronómica, o territorio ofrece:

· Os maiores e mellores afloramentos de todo o planeta dunhas rochas orixinadas a presións extremas, as ecloxitas.

· Unha paisaxe de cantís única na península e salientable a nivel europeo.

· A única praia de area negra non volcánica do noso planeta, e unha das poucas que hai con areas vermellas.

· Excepcionais macizos de rochas, propias de zonas moi internas da Terra que se atopan a máis de 70 quilómetros de profundidade.

· Vestixios de erupcións volcánicas moi explosivas, e mesmo de lavas almofadadas.

· Presenza das maiores estalactitas de sulfato de cobre (azuis) do noroeste peninsular.

· Salientables estruturas xeolóxicas, como unha dobra deitada de máis de 400 metros de altura.

Unha riqueza xeolóxica singular

A singularidade xeolóxica desta zona reside na presenza de rochas pouco habituais na superficie terrestre. Isto foi debido á formación da maior cordilleira montañosa que existiu na historia do noso planeta hai aproximadamente 350 millóns de anos. Ese conxunto de montañas foi o resultado do choque entre dous supercontinentes, Laurussia e Gondwana, que estaban inicialmente separados por un océano. Dese océano ou do fondo del xurdiron a maior parte das rochas que a día de hoxe conforman o proxecto do Xeoparque do cabo Ortegal.

Xeorruta na mina Piquito. Moeche

Lugares de interese xeolóxico e xeorrutas

No Proxecto Xeoparque do cabo Ortegal veñen de inventariarse 108 lugares de interese xeolóxico, é dicir, puntos ou áreas cun destacado patrimonio xeolóxico, que á súa vez poden ter un enfoque científico, didáctico ou turístico. Dado que estes lugares están considerados como “as xoias” do proxecto, a súa protección e correcta xestión é fundamental para garantir a súa conservación. E así poder seguir gozando deles no futuro e dalos a coñecer entre as novas xeracións.

As xeorrutas ou rutas xeolóxicas teñen por obxectivo dar a coñecer distintas zonas do proxecto con lugares de interese xeolóxico mediante andainas a pé ou en coche. Actualmente ofrécense 22 percorridos ao longo dos sete concellos, con diferentes niveis de dificultade e temática.

Contido extraído do núm. 15

Queres ollar outros contidos relevantes?

Adrián Mosquera, o home de moda

150 150 CORALIA

Son as cinco da tarde dun dos días de calor máis sufocante de todo o verán. Na praia Xardín ou na de Barraña non hai un metro de area libre e o paseo marítimo de Boiro é un continuo ir e vir de bañistas buscando o frescor dos xeados, as terrazas ou a sombra dos piñeiros. Non semellan as mellores condicións para realizar unha sesión fotográfica co outono como pretexto e un protagonista que nos recibe na porta do seu club afirmando que o seu non é posar.

O caso é que a súa semana de descanso, tras tomar parte no Mundial de Szeged (Hungría), vai chegando ao seu fin e deixar pasar a oportunidade de coñecer máis de preto o campión Mosquera non é unha opción que se poida considerar. Á fin e ao cabo Adrián é, por moitas razóns, o home de moda de Coralia.

«O posto acadado (oitavo en K1-L3) sabe a pouco porque levamos anos traballando para acadar unha praza olímpica, pero as complicacións coa piragua fixérono imposible. Non puiden competir coa que emprego aquí, nin empregar o mesmo modelo nin as mesmas medidas, e iso que xa a tiñamos alugada con dous meses e pico de antelación. Tiven que lidar con ese contratempo e, mentalmente, significou un baixón. Foi un duro golpe e a competición foi mal». Na súa análise do mundial, Adrián é severo e non hai marxe para a indulxencia. Explícase cunha madurez infrecuente en rapaces da súa idade, incluso ao valorar as súas características en relación á categoría na que vén de participar en Szeged: «En K1-L3 compite xente con discapacidade leve. A miña desvantaxe cos demais é que son o que máis discapacidade ten porque a min fáltame a perna por enriba do xeonllo, e a vantaxe, baixo a miña humilde opinión, é que son o que máis habilidades ten para a vida cotiá e para o adestramento». Dito isto, Adrián esboza un sorriso sereno e mirando ao mar fai un anuncio importante: «Os xogos nos que vou estar en plenas condicións físicas e mentais son os de París (2024)».

Apenas ten 23 anos, pero horas e horas de adestramento téñenlle proporcionado mans curtidas e un físico poderoso que facilmente poderían explicar a súa historia de superación e esforzo sen facer falta cruzar unha soa palabra. «Son as ganas que lle poño o que me permite adestrar a gusto e dar o mellor de min en cada serie». Non tardamos en comprender que a salmoira hai tempo que cicatrizou antigas feridas e tamén que na súa traxectoria non hai oco para inseguridades ou para frouxidades. O atropelo que con doce anos o levou a unha cadeira de rodas e a ter que aprender a camiñar de novo, fíxoo procurar novos horizontes. Preguntes a quen lle preguntes sobre as virtudes de Adrián, sempre recibes a mesma resposta: o espírito de superación «traballeino desde pequeno -explica Adrián- e desde logo é a miña vantaxe. O meu positivismo é o que máis me gusta de min».

«Boiro é a miña segunda casa, pero antes fixen remo en Rianxo, o meu fogar de sempre, até que se desfixo o club por falta de xente. Non cheguei ao piragüismo até os dezaseis anos, unha especialidade na que, como acontece co fútbol, convén comezar máis novo. O ideal é principiar cara aos trece para ir dominando a técnica do padexo que, ao final, é o que máis custa. Despois de ver como me ía desenvolvendo nos campionatos e de gañar o de España, en 2017 o meu adestrador e mais eu falamos e decidimos probar sorte coas probas internacionais e procurar a clasificación a nivel dos xogos olímpicos». Clave na súa espectacular progresión é o traballo realizado polo seu técnico, Luis Ourille. «El foi o que me deu a confianza para poder facer todo isto. Teño plena confianza nel tanto na práctica como na técnica, xa que todo o que traballamos até o de agora funcionou. Teño plena confianza en que vai seguir sendo así». Asemade, Adrián ten moi boas palabras para Teresa Portela, referente internacional da súa especialidade, que seguiu moi de preto o seu traballo de preparación de cara aos mundiais: «Ela é o exemplo máis claro que podo ter do que se pode lograr. Non hai outro piragüista ou remeiro en toda España que che dea os consellos que che dá Teresa, que te axude coas técnicas para remar e a maneira de optimizar os exercicios como fai ela».

«Neste deporte ou tes patrocinios ou traballas, por iso eu ando a voltas coas oposicións, porque o piragüismo non dá cartos. Eu é porque teño club, que si non...»

«Gústame moito o automobilismo, no que compito virtualmente, e xogar ao fútbol. De feito, de non ser piragüista querería ser piloto de Fórmula 1»

Como nunha engrenaxe de precisión, as pezas que lle dan forma ao éxito no deporte son moitas e basta encallar nun elemento para que un ano de traballo vaia a pique. De feito, nas semanas anteriores ás competicións Mosquera non fai máis axustes nos seus costumes que adecuar os horarios de adestramento ás horas nas que vai competir «para acostumar o corpo a remar a esas horas. Polo demais, manteño a miña pauta, durmindo entre oito e nove horas, e sigo a dieta marcada polo nutricionista para gañar masa muscular, que inclúe para empezar o día cun café negro, unha tortilla de avea con clara de ovo e froitos secos. Ao mediodía toca proteína e antes de adestrar, creatina, e mentres remo repoño líquidos con bebidas tipo Aquarius. Rematado o adestramento acostumo tomar outra dose de proteína. Comer, como arroz con polo, lentellas, garavanzos e o noso caldo, con todo menos o touciño que ten moita graxa. E a media tarde, acostumo merendar unha lata de atún».

Escoitando a Adrián describir a realidade do seu día a día é doado entender que o fai grande. Na súa disección da realidade do deporte en Galicia, hai moita verdade e cero reproches, que non dan títulos: «Nos deportes minoritarios coma o meu, teste que mover seguido e se non tes cartos non te podes mover nin comprar o necesario para practicar deporte. Nos deportes de equipo aínda zafas, pero nun deporte individual como é o piragüismo teste que mover lonxe: a Andalucía, a Asturias… O que máis cerca está é Verdecido (en Vigo), onde só se celebra unha proba cada ano. Neste deporte ou tes patrocinios ou traballas, por iso eu ando a voltas coas oposicións, porque o piragüismo non dá cartos. Eu é porque teño club, que se non…».

Un bo empurrón para a súa carreira deportiva sería obter a acreditación como deportista de alto nivel, pero dáse o paradoxo de que na súa categoría non hai o número mínimo de participantes de clubs distintos que esixe o regulamento estatal, polo que só poden aspirar a ese status os seis primeiros clasificados a nivel europeo. «Desde o departamento de deportes de Rianxo, que é o que me está axudando con todo o tema dos papeis, xa lle pediron á Xunta o cambio desta norma». Pero, a pesar desta contrariedade, Adrián segue a superar hándicaps e faino coa satisfacción que supón formar parte da selección española. Unha convocatoria da que se amosa moi agradecido e que o impulsa a ir máis lonxe. «Cada vez que cruzo a meta, son os meus pais e o meu irmán os que primeiro me veñen á cabeza. Son a miña base fundamental, os que desde o accidente e na miña reincorporación á vida social me levaron e acompañaron a todas as partes».

No transcurso da tarde quedou en evidencia que Adrián, a auga, a súa pa son verdadeiramente inseparables, que Mosquera é un home tranquilo «niso saíu ao meu pai», ao que só desesperan os aeroportos, que sorrí facilmente e que non precisa de moitas palabras para contar quen ou como é, xa que leva tatuadas na súa pel probas e vitorias suficientes.

Coa posta de sol deixamos ir o campión disposto a espremer as últimas horas de descanso antes de volver ao traballo, porque cun calendario tan apertado, é difícil sacar tempo para gozar das súas outras paixóns: «Gústame moito o automobilismo, no que compito virtualmente, e xogar ao fútbol. De feito, de non ser piragüista querería ser piloto de Fórmula 1».

Non tardará Adrián Mosquera en voar sobre a ría e en lograr o billete para os xogos olímpicos. Non temos a menor dúbida diso. Tampouco as temos da súa fotoxenia. Ás probas nos remitimos.

Así é o noso home de moda. Un campión de longo percorrido.

Queres ollar outros contidos relevantes?

Lucía Pérez

150 150 CORALIA

Corría o ano 2003 cando nas radios e na televisión empezaban a soar os seus primeiros temas orixinais. Tiña só dezaoito anos, pero no currículo de Lucía xa había mil e un escenarios e estudios de televisión, pois a súa foi unha vocación prematura, a dunha voz nacida para cantar.

Desde aquel primeiro disco Amores y Amores ata o máis novo Quince soles, a súa paixón pola música non deixou de medrar, en idéntica medida a como o fixo o afecto do público. De feito, para cando en 2010 sacou á venda Dígocho en galego (o primeiro álbum cantado integramente en galego), Lucía Pérez xa era unha das cantantes máis queridas do noso país, moito antes de vivir o fulgor eurovisivo con Que me quiten lo bailao, un éxito para o que levaba moito tempo traballando, ao igual que para os que virían despois.

Vimos de pasar unha inesquecible xornada de vendima heroica na chantadina Ribeira Sacra xunto á inconfundible Voz do Incio, na que o sorriso e a luz de Lucía Pérez nos cativaron por completo.

Entrevista de BEGOÑA CASTAÑO
Fotografías de FRED IGLESIAS
Vestimenta de ALALÁ COUTURE
Xoias de KATUXA PLATERO
Peiteado e maquillaxe de DOLCHE PELUQUEROS
Estilismo de ÁLEX REGUEIRO
Localizacións en VÍA ROMANA ADEGAS E VIÑEDOS

«A mellor melodía é o silencio interrompido polos sons naturais, por eses sons que nos rodean, como o vento, como os paxariños, como a auga correndo...»

Logo dun día percorrendo estes fantásticos escenarios, poderiamos afirmar que Lucía Pérez é completamente feliz camiñando entre montañas?
Moito nos rimos e que ben o pasamos! E vaia momentazo pasamos no Land Rover polo medio da viña [cuxos balanceos foi compartindo en streaming nas redes]! A verdade é que son feliz entre estas montañas que están pretiño das do Incio nas que eu me sinto moi a gusto, cómoda, moi libre. É a miña terra, son de monte e, a verdade, é que a min é fácil sacarme un sorriso. Para min é moi bonito transmitirlle optimismo á xente.

Hai un son ou unha melodía que te faga voar ata un lugar tan singular coma este?
A mellor melodía é o silencio interrompido polos sons naturais, por eses sons que nos rodean, como o vento, como os paxariños, como a auga correndo…

Que o teu era a música, xa o tiñas claro de cativa. Como lembras os primeiros aplausos?
Seguramente os primeiros aplausos recibinos nunha función da escola cando ía ao parvulario, agora educación infantil. Tería catro ou cinco anos e cantei Chica ye-ye, con corpo de baile incluído que facían as miñas compañeiras da clase. Está claro que xa daquela era moi atrevida.

Na túa casa, ninguén dubidou nunca que o teu era a canción. Foron moitos os quilómetros que fixo Encarna, a túa nai, para axudarte a facer realidade o teu soño?
Foron moitos, moitos quilómetros…, e sempre que me fan esta pregunta non podo evitar emocionarme e recordar os meus comezos porque vivir nun lugar como Boo, no Incio, ten as súas vantaxes pero tamén obriga a redobrar esforzos. Pensa que a miña nai recollíame na parada do bus co bocata para írmonos ao conservatorio de Lugo, e non polas estradas que hai agora, con neve, con néboa, chovendo…, e tamén aos concursos, aos festivais… Os meus pais sabían que era coa música co que eu gozaba e nunca me puxeron trabas para ser feliz. Eu débolles todo a eles.

Gañar Canteira de Cantareiros supuxo o principio da túa carreira profesional. Pero foi o amor o que fixo posible a gravación do teu primeiro disco.
Si, foi o amor dos meus pais que viron en min unha vocación forte e quixeron darme a oportunidade de empezar esta carreira apoiándome para gravar o meu primeiro disco que se chamou Amores y amores. De non ser así, sería moi difícil poñer en marcha a miña carreira profesional.

Que canción ou actuación concreta te convenceu de que esta ía ser a túa vida?
Non houbo unha canción nin unha actuación en concreto que o puxera de manifesto. Iso non ocorre de repente. Non te levantas un día e dis ‘esta é a miña canción’. É co paso do tempo como te das conta de que es máis feliz facendo cousas relacionadas coa música, ben sexa ensinando, nun concerto ou facendo entrevistas de radio. Nos comezos debía compaxinar a música cos meus estudos e, xa daquela, era máis feliz cando podía facer algo relacionado coa música. Esta profesión vaite envolvendo pouco a pouco e agora non podería imaxinar a miña vida sen ela.

O compositor e produtor Chema Purón é un personaxe clave na túa traxectoria. Como xurdiu a vosa relación profesional e como evolucionou no tempo?
Xa hai máis de dezaseis anos que traballamos xuntos! Coñecino grazas ao músico galego Félix Cebreiro cando eu era unha nena, unha nena á que lle gustaba cantar e que quería facer un disco. Cando me deron a oportunidade de traballar con el, que lle tiña composto temas a Paloma San Basilio, da que eu era superfan, non o podía crer. Depositou en min a súa experiencia de máis de trinta anos, e voulle estar agradecida para sempre por confiar en min. Fíxate que en todos estes anos non tivemos nunca ningún conflito, porque sempre coincidimos no enfoque que había que darlle á miña carreira, e á hora de cumprir obxectivos. Chema Purón é, sen dúbida, unha persoa á que lle debo moito e da que sigo a aprender cada día.

Ana Kiro, antes de converterse na voz máis querida en Galicia, tamén acadou o éxito discográfico dentro e fóra do estado. Ela, que a piques estivo de acudir a Eurovisión no 69, elixiu o galego como o seu primeiro público. Hai algunha conexión entre as dúas traxectorias?
Asociar o nome de Ana Kiro á miña carreira e ao meu nome é un eloxio con maiúsculas. Ana Kiro sempre será un referente para min. Ela coñeceu os meus comezos e sempre me animou a perseguir este soño e a non quedar coas ganas. Penso que se hai algunha conexión entre as dúas traxectorias será seguramente o amor pola terra, aínda que a min gustaríame que tamén o fose a profesionalidade que ela tiña e que eu tento ter. Ana Kiro é para min un exemplo que hai que seguir, non só como artista senón tamén como muller galega.

Sobrevivir a Eurovisión semella cada vez máis complicado. Cales foron as túas claves para ter aproveitado ese trampolín sen morrer de ‘éxito’?
Creo que a clave está en non quedar ancorada no que significa o festival de Eurovisión, en pasar páxina e centrarse en novos obxectivos. Aínda que páxinas tan importantes coma esta sempre vaian estar presentes na miña vida, hai que mirar cara a adiante e seguir camiñando. Se non pasas a páxina de Eurovisión é cando podes morrer artisticamente, mais eu penso que non se morre de éxito, mórrese profesionalmente cando non se é capaz de atopar novos obxectivos.

Tes dito que coa canción Que me quiten lo bailao en Viña del Mar non terías pasado á final. Coa perspectiva que dan sete discos, que títulos do teu repertorio cres que retratan mellor a túa personalidade?
Cada festival ten as súas propias características e o de Eurovisión e Viña del Mar, sendo dous grandes festivais, non se parecen moito. O Festival de Eurovisión fala en diferentes idiomas e Viña del Mar está dirixido a un público de fala hispana, polo que te podes permitir o luxo de cantar unha canción na que a mensaxe teña moita máis importancia, que non era o caso de Que me quiten lo bailao, tema que, por outro lado, mostra a miña alegría e optimismo. En realidade, cada capítulo da miña vida artística ten diferentes títulos; cando un está a buscar o seu estilo, logo a voz vai adquirindo personalidade, vai adquirindo forza, así que pódese dicir que cada disco é o retrato de cada etapa da miña vida.

«Ana Kiro sempre será un referente para min. Ela coñeceu os meus comezos e sempre me animou a perseguir este soño e a non quedar coas ganas. Penso que se hai algunha conexión entre as dúas traxectorias será seguramente o amor pola terra, aínda que a min gustaríame que tamén o fose a profesionalidade que ela tiña e que eu tento ter. Ana Kiro é para min un exemplo que hai que seguir, non só como artista senón tamén como muller galega»

Hoxe, a televisión é unha aliada necesaria para facerse un nome e manterse. Ti naciches musicalmente na televisión e a televisión quérete ben. De todos os teus traballos para este medio cal che proporcionou ata agora máis alegrías?
A televisión é imprescindible para unha artista porque mantén viva a túa imaxe e o teu nome. Eu teño a gran fortuna de sentirme moi apoiada polos diferentes medios de Galicia, non só pola televisión, á que verdadeiramente lle estou moi agradecida. Para min, o proxecto televisivo máis emocionante foi Heicho cantar queridiña, un programa musical que compartín co grande actor e comunicador Sergio Zearreta, no que aprendín moito, gocei moito e rin moito; pero tampouco podo esquecerme do máis recente Destino Santiago, ese novo formato de televisión no que tiven a sorte de vivir e palpar o Camiño de Santiago ao longo de corenta días. Foi, sen dúbida, toda unha experiencia, unha experiencia con maiúsculas.

Logo de exercer de xurado na Liga dos cantantes extraordinarios, que nota te pos ao outro lado do escenario?
A nota non a teño que poñer eu, tena que poñer o público! Eu procuro ser esixente comigo mesma porque iso me axuda a mellorar, e en consecuencia sempre agradezo a súa sinceridade. Se me serve para avanzar…, benvida sexa unha nota non moi alta [ri]!

Dedicándote profesionalmente á música e co cantautor Vizcaíno como irmán, hai outro tema de conversa posible nas xuntanzas familiares?
Si, claro que hai outros temas de conversa. Falamos de música, mais tamén de viaxes, de cuestións de actualidade etc. Sería case que enfermizo estar o día enteiro falando do mesmo tema. Cando nos xuntamos falamos de todo.

Neste novo traballo volves cantar en galego e con convidados de luxo. Chenoa, Rosa Cedrón, Xabier Díaz e unha longa listaxe de nomes recoñecidos celebran os teus quince anos dedicada á música. Como son estes teus Quince soles?
Son quince cancións coas que lle dou as grazas ao público por seguir deixándome facer o que tanto me gusta, e tamén son quince autorregalos que me fixen a min mesma ao unir a miña voz á de grandes amigos e á de grandes artistas. Síntome moi feliz de ter a profesión máis marabillosa do mundo e encantaríame que este disco tivera unha vida moi longa. Para unha artista a maior satisfacción é que as súas cancións perduren no tempo.

No disco vólveslle poñer voz a Rosalía, pero a túa conexión cos seus versos vén de vello. Como lle explicarías a Rosalía a poesía que garda O Incio?
Pois co tema O Incio, a canción que compuxen con Chema Purón, unha fotografía musical da súa paisaxe e das súas xentes, da miña terra brava, como ben a cualificou Ánxel Fole, e que pariu mulleres grandes como Marica Campo.

Ademais de xirar co teu repertorio, nestes últimos tempos estaslle a dar unha boa volta ao cancioneiro tradicional con A Roda. Como recibe esa actualización o público?
Moi ben, ou así nolo trasladaron en cada concerto que demos. Creo que xa era hora de lles dar esa pequena revolta a versos de cancións tradicionais, que en realidade son bastante machistas, pois hai que pensar que ao final somos o que cantamos. A nosa sociedade está a avanzar e as cancións tamén teñen que avanzar e cambiar. Para min, como muller e como artista, foi marabilloso formar parte deste proxecto, desta proposta tan diferente e tan necesaria contra a violencia de xénero. Quen me ía dicir hai uns anos que estaría a cantar cos homes da Roda! Esas mesturas son xeniais! Que as cancións axuden á boa saúde da nosa sociedade é o mellor premio ao que podemos aspirar.

É aínda moi machista o mundo da música en Galicia?
Uf, é unha pregunta de resposta complicada! Non sei se é moito atrevemento pola miña parte apuntar que en Galicia ese machismo aínda persiste, no eido das orquestras por exemplo. No meu caso, desde logo, si podo afirmar que nunca o sentín a nivel profesional. Quero pensar que imos polo bo camiño e que, en pouco tempo, está pregunta xa non terá sentido.

«Eu como muller sinto a necesidade de ser a voz de moitas mulleres silenciadas que precisan berrarlle á súa parella 'quen te cres que eres'!»

Cal dirías que é a clave para ter sempre unha axenda tan cargada?
Non parar nunca de traballar e reinventarse constantemente! A xente non imaxina o traballo que hai detrás, ese traballo que non se ve. A vida dunha artista non é só saír ao escenario ou facer unha entrevista, detrás hai moito traballo de oficina que fai que sigas a avanzar e que ocupa unha gran parte da túa axenda. É un traballo primordial que a maior parte da xente descoñece.

Como é o teu momento actual?
Esta é unha carreira de fondo na que sempre hai proxectos nos que implicarse polos que paga a pena traballar arreo. Unhas veces móveste máis á présa, outras vas máis amodo, pero o importante é non parar nunca e seguir camiñando. Co paso do tempo conseguín gozar de cada paso que ía dando, sen necesidade de agardar á consecución dun obxectivo determinado. Creo que o importante é gozar no camiño, así que diríache que agora estou verdadeiramente resplandecente cos meus Quince Soles.

Tamén a nivel persoal?
Estou vivindo unha etapa moi feliz coa miña parella, de cambios… E, afortunadamente, a miña familia está ben de saúde, o que fai que eu estea tamén ben. Teño un avó de 95 anos que segue a contar historias marabillosas, e encantaríame que este momento durase moito!

A túa titulación en maxisterio e pedagoxía musical, e o grao medio de guitarra clásica evidencian a solidez da túa relación coa música a múltiples niveis. Como sería a profesora Lucía Pérez?
Querería transmitirlles aos estudantes amor pola música e sacar á luz toda a súa sensibilidade. A música non só é coñecer as notas ou tocar un instrumento, a música ten que ser capaz de emocionarte a ti e emocionar os que a escoitan, e eu creo que moitas veces, sobre todo nas aulas, isto déixase de lado e só se atende a cumprir obxectivos. Penso que se tiraramos máis polo lado emocional iríannos mellor as cousas.

Hai algunha canción coa que che gustaría lembrar 2019?
Hai dúas. A primeira sería Quen te cres que eres?, porque nós, as xentes que estamos de cara ao público, temos a obriga de transmitir as mensaxes que demanda a nosa sociedade. Falaba antes desa Roda da igualdade, con ese slogan tan claro ‘NON contra a violencia de xénero’. A esta sociedade fanlle falta mensaxes coma esta e eu como muller sinto a necesidade de ser a voz de moitas mulleres silenciadas que precisan berrarlle á súa parella ‘quen te cres que eres’! O segundo tema que escollería sería Terra, que incluín no meu último disco, un éxito de Xocaloma dos anos 80 que incide na problemática ecolóxica mundial, unha canción que nos invita a tomar conciencia de que só temos unha Terra que debemos coidar.

E que melodía conecta cos teus desexos de cara ao 2020?
É difícil atopar unha canción capaz de resumir todos os desexos para un novo ano, xa que o que a min me gustaría é que neste ano a vida e o mundo que nos rodea experimentasen melloras en moitos eidos, en especial no relativo ao papel da muller e ás problemáticas de corte social; por iso, ao que eu aspiro coa miña música é axudar a construír un mundo mellor.

Queres ollar outros contidos relevantes?

Román Rodríguez

150 150 CORALIA

É un dos rostros máis coñecidos do goberno galego, ao que se incorporou en 2015 para dirixir a Consellaría de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, carteira que pasaría a ser Cultura e Turismo, tras a remodelación de goberno de 2018.

Román Rodríguez ten o complexo e ambicioso reto de converter o Xacobeo 21 no mellor Xacobeo da historia, promovendo a descentralizando das celebracións e fomentando a maior participación cidadá posible. Co obxectivo último de converter o ano xubilar no mellor e máis proveitoso camiño de futuro para o noso país, o conselleiro Rodríguez (Lalín, 1968) fai gala a miúdo do don da ubicuidade, consecuencia quizais do seu doutoramento en xeografía, e dunha confianza infinita no potencial da marca Galicia.

A pesar de que na súa axenda dificilmente hai un oco libre, ou talvez precisamente por iso, Román Rodríguez nunca perde o sorriso nin a ilusión por chegar aínda máis lonxe.

Entrevista de ÁLEX REGUEIRO & Fotografías de FRED IGLESIAS

De ser eu coreano, con que argumentos me convencerías para que fora visitar O Vento, o teu lugar de orixe.
O Vento é un lugar que che vai chamar a atención pola súa natureza, onde vas poder ver como evolucionou nos últimos anos a Galicia rural, como se modificou a forma de asentamento e como mudou a paisaxe, e todo iso sen renunciar ás esencias de Galicia. Diría, ademais, que no Vento está a fonte Castiñeiroa que, segundo o matemático Rodríguez, mestre de Domingo Fontán, é o centro xeográfico de Galicia. Calquera persoa –coreano ou non– que queira coñecer Galicia pode, pois, facelo partindo do seu centro xeográfico.

E xa que andamos por Lalín, na encrucillada de ter que elixir unha ruta, que me ofrecería o Camiño de Inverno que non teña a Vía da Prata, e ao contrario?
Son dúas rutas diferentes, as dúas tremendamente fermosas, que se atopan en Lalín. O Camiño de Inverno, tras pasar pola Ribeira Sacra e cruzar O Faro, baixa ata o val do Deza atravesando unha paisaxe fermosísima; mentres que a Vía da Prata, logo de cruzar toda a provincia de Ourense, entra na comarca do Deza polas terras duras de Dozón, para ir enlazar co Camiño de Inverno en Bendoiro. Desde aquí son un único camiño. Como político non podería elixir unha ou outra ruta.

«Nun país como Galicia, un país demograficamente pequeno, nunha esquina de Europa, no que podemos facer e facemos boa cultura, debemos evitar estancarnos, de aí a importancia de acometer unha planificación e unha estratexia que estea orientada a mellorar a nosa acción cultural»

«O teu Xacobeo é un proxecto que vai de abaixo a arriba, concibido para estimular a participación da sociedade civil na planificación, desenvolvemento e execución das accións. Das 600 propostas que recibimos, seleccionouse algo máis do 50%, o que supuxo que houbera que duplicar o orzamento inicial, de 2 a 4,7 millóns. Todo o que ten que ver co Xacobeo debe favorecer a participación e ten que ser absolutamente libre, sen ningún tipo de sectarismo»

Nas últimas semanas, óese falar moito da Estratexia da Cultura Galega 2021. En que consiste?
É a primeira vez que a Xunta de Galicia aborda o reto de elaborar unha folla de ruta plurianual consensuada, pactada e negociada co sector, que busca mellorar a oferta cultural, lograr que a cultura chegue a todas as partes, fomentar e desenvolver novos públicos, e facer da cultura unha industria creadora de emprego. En Galicia, o cultural é un sector moi importante que lle dá emprego a cerca do 3% da poboación activa, arredor de 35.000 profesionais, un sector con grandes retos por resolver: novos mecanismos de comunicación, novas tecnoloxías, cambios nos comportamentos, mutacións das demandas sociais etc. Como país, temos que ser capaces de articular unha estratexia vertebradora e integradora, porque a cultura é un dos vectores básicos que nos definen como galegos. Nun país como Galicia, un país demograficamente pequeno, nunha esquina de Europa, no que podemos facer e facemos boa cultura, debemos evitar estancarnos, de aí a importancia de acometer unha planificación e unha estratexia que estea orientada a mellorar a nosa acción cultural.

Dentro dos retos desta folla de ruta está o apoio ao emprendemento por parte da Cidade da Cultura. Como cres que evolucionará o afecto dos galegos e as galegas cara ao complexo do monte Gaiás nos vindeiros dez anos?
Penso que nestes últimos doce anos evolucionou en positivo. Dotouse dunha oferta cultural propia e actuouse na contorna, o que, sen dúbida, atraeu unha cantidade de galegos enorme. A recente conexión coa autoestrada axudou moito, como o fará no futuro unha mellor mobilidade peonil entre O Gaiás e o casco histórico de Santiago. O Bosque de Galicia e o Bosque do Lago achegou as persoas, como tamén fará o edificio Fontán, cuxo proxecto arquitectónico xa estamos pechando, que promoverá a investigación e o traballo coas tres universidades.

Promover a valoración do galego é outro deses dez retos. O momento que vive a nosa lingua é doce ou é amargo?
Depende da perspectiva con que se mire. As estatísticas dos últimos cinco anos reflicten mellores datos no tocante ao número de galegofalantes, certificando tamén que soben os galegos que dominan a lingua galega, na escrita, na oral e tamén á hora da lectura. Asemade, temos os mellores datos en relación ao uso, na comparativa coas outras dúas comunidades autónomas con lingua propia. O que si temos que facer é favorecer un maior uso social, en absoluta liberdade e sen ningún tipo de estigma. Hoxe, as linguas conviven en harmonía na rúa e ambas as dúas poden abrir portas por todo o mundo.

A produción e o consumo cultural deben ir da man para propiciar a súa sostibilidade. Cales son os retos a nivel público de cara aos vindeiros anos?
A cultura é unha cadea de valor formada por diferentes elos: o elo creativo, o da produción, o da comercialización e, finalmente, o elo do público; e todos eles teñen que estar unidos e ser fortes. A Administración ten que apoiar os creadores, os distribuidores, os comercializadores, e tamén ten que favorecer o acceso á cultura por parte dos públicos finais, pero facéndoo desde unha posición secundaria, non intervencionista. Este é o noso gran reto: ter unha industria cultural sostible e libre, con capacidade para crear libremente e con independencia da axuda pública.

As liñas de axuda da iniciativa O teu Xacobeo están detrás de 352 proxectos, dos que moitos xa están en execución. Está a sociedade galega lista para converter os Camiños na súa galiña dos ovos de ouro?
O teu Xacobeo é un proxecto que vai de abaixo a arriba, concibido para estimular a participación da sociedade civil na planificación, desenvolvemento e execución das accións. Das 600 propostas que recibimos, seleccionouse algo máis do 50%, o que supuxo que houbera que duplicar o orzamento inicial, de 2 a 4,7 millóns. Todo o que ten que ver co Xacobeo debe favorecer a participación e ten que ser absolutamente libre, sen ningún tipo de sectarismo. Nin iamos ser déspotas ilustrados para facer unha programación de costas aos cidadáns, nin iamos mirarlles a matrícula ás propostas. Esta é unha aposta pola creatividade, sempre dentro do respecto, para favorecer a integración e para que todos poidamos formar parte da enorme celebración que ten que ser o Xacobeo.

O obxectivo da descentralización do Xacobeo semella alcanzado, vendo o éxito desta convocatoria entre a sociedade civil de toda a Comunidade. Cales son os eidos onde se están a obter mellores resultados?
Grazas a O teu Xacobeo conseguimos involucrar toda a sociedade civil nunha celebración colectiva. Os resultados non poderían ser máis satisfactorios, posto que logramos achegar o espírito desta celebración a toda Galicia grazas a entidades locais, asociacións e á iniciativa privada de toda a Comunidade. En concreto, destacou especialmente a resposta por parte das entidades sen ánimo de lucro, xa que máis da metade dos proxectos executados foron levados a cabo por asociacións que traballan neste eido. Ademais, entre as accións levadas a cabo polos beneficiarios destacan as actividades didácticas, as deportivas e as musicais.

«Creo que a cidadanía ve que o Xacobeo é unha oportunidade para Galicia, tanto no terreo da proxección exterior como nos terreos da actividade económica ou de orgullo de país. Eu considero que os galegos, na súa inmensa maioría, son conscientes do potencial do Camiño e das súas moi positivas repercusións en relación á creación de emprego e riqueza, así que, obviamente, preocuparíame que a oposición aplaudise un proxecto tan importante de goberno coma este!»

Os orzamentos do teu departamento para 2020 acadan os 157,2 millóns de euros, un 8,9 % máis que en 2019. Un de cada tres euros irá destinado a actuacións relacionadas co Xacobeo, algo que a oposición non ve con moi bos ollos. Pensas que pasa o mesmo entre a cidadanía?
Creo que a cidadanía ve que o Xacobeo é unha oportunidade para Galicia, tanto no terreo da proxección exterior como nos terreos da actividade económica ou de orgullo de país. Eu considero que os galegos, na súa inmensa maioría, son conscientes do potencial do Camiño e das súas moi positivas repercusións en relación á creación de emprego e riqueza, así que, obviamente, preocuparíame que a oposición aplaudise un proxecto tan importante de goberno coma este [ri]! Desde o punto de vista estratéxico, o Xacobeo ten que combinar unha serie de grandes eventos de carácter internacional –que nos proxecten fóra– coa cultura de base. Son compatibles e complementarios.

Moitos tememos que o fenómeno xacobeo acabe convertendo Compostela e os Camiños en parques temáticos. O crecemento constante no número de visitantes é sostible no tempo?
Segundo revelan as últimas enquisas da USC, a inmensa maioría dos seus usuarios non percibe esa masificación, sendo o mellor indicador da súa boa saúde que máis do 90% dos peregrinos que chegan a Santiago recomenda facer o Camiño. Certamente, todo apunta a que o número de peregrinos vai seguir medrando, polo que debemos estar preparados para evitar efectos perversos. Neste sentido, todos os integrantes da comisión organizadora do Xacobeo, onde estamos o Concello, a Igrexa, a Xunta e o propio Goberno do Estado, estamos moi concienciados da necesidade de evitar calquera tipo de problema asociado á conxestión. Somos moi conscientes de que o mellor embaixador do Camiño, de Compostela, de Galicia, da nosa cultura, do turismo, é precisamente a persoa que despois de visitarnos volve á súa vida cotiá falando ben de nós.

Cales son as intervencións máis importantes que hai que realizar nos Camiños de agora a 2021? Atallar o feísmo, rehabilitar os Bens de Interese Cultural…
O Camiño discorre por 1650 km das catro provincias, por 130 concellos, por montaña, vales… O feito de que por aí transiten moitas persoas require que actuemos cunha perspectiva integral en relación ao acondicionamento da propia traza. Temos un plan de mantemento licitado por 15 millóns de euros para concellos e particulares, investimento que se suma aos 12 millóns destinado a este fin nos últimos tempos. Tamén temos que actuar nos BIC.

Entre eles, este de San Martiño Pinario [onde ten lugar a entrevista e a sesión de fotos].
Si. No caso de San Martín Pinario, asinamos un convenio por valor de 600.000 euros destinado a mantemento e acción cultural.

A primeira exposición de entidade de cara ao Xacobeo 2021 é Galicia, un relato no mundo. Como cambiou a nosa visión de nós mesmos desde Galicia no tempo [cuxa sede foi San Martiño Pinario]?
Galicia cambiou moitísimo en 28 anos. Somos, afortunadamente, unha comunidade completamente homologable en dereitos, desenvolvemento e servizos públicos, das máis avanzadas de Europa. A historia da Galicia das últimas décadas é unha historia de éxito a todos os niveis, así que coa exposición Galicia, un relato no mundo pretendemos superar a visión do atraso ou de periferia. A través de Galicia, un relato no mundo quixemos contar que Galicia sempre tivo presenza nas tendencias e movementos mundiais. Creo que temos que superar esa idea do atraso para poder ser conscientes da forte evolución que experimentou Galicia, con cousas que mellorar, pero para ben.

Tres son as grandes exposicións que festexarán a chegada do 21. Cal é a conexión entre elas?
O fío condutor común é sabermos quen somos para sobre todo poder saber quen queremos ser: de onde vimos e cara a onde queremos ir, como galegos e como Galicia. Tras Galicia, un relato no mundo, teremos Galicia de Nós a Nós, conmemorando o centenario da Xeración Nós, que foi cando se configurou a idea de Galicia tal e como hoxe a entendemos, unha exposición que nos achegará ao que nos identifica, o que nos fai ser galegos hoxe. Será en 2021 cando se inaugure Galicia Futuro, pensada para ir máis alá da seguinte década e do seguinte Xacobeo, pensada para saber que é o que queremos ser no futuro.

«A través de Galicia, un relato no mundo quixemos contar que Galicia sempre tivo presenza nas tendencias e movementos mundiais. Creo que temos que superar esa idea do atraso para poder ser conscientes da forte evolución que experimentou Galicia, con cousas que mellorar, pero para ben»

«O turismo é unha fonte de riqueza importantísima para o país e a cultura é un dos nosos principais recursos turísticos. Canto máis potente sexa a nosa cultura e canto máis respectemos a nosa cultura e máis a poñamos en valor, máis turismo teremos, e canto máis turismo teñamos, máis oportunidades teremos tamén para potenciar a nosa cultura»

«A realidade é que somos os que máis medramos fóra da estación estival a nivel de demanda turística en áreas de climas inestables, froito da nosa riqueza gastronómica e paixasística, e do noso espírito acolledor»

Témosche oído dicir que este Xacobeo pode supoñer un 0,9% de incremento no PIB, mais a creación de 11.000 empregos directos. Cultura e turismo son dúas caras da mesma moeda?
A cultura é a alma do país e o turismo a súa face. O turismo é unha fonte de riqueza importantísima para o país e a cultura é un dos nosos principais recursos turísticos. Canto máis potente sexa a nosa cultura e canto máis respectemos a nosa cultura e máis a poñamos en valor, máis turismo teremos, e canto máis turismo teñamos, máis oportunidades teremos tamén para potenciar a nosa cultura. Máis alá da cuestión cuantitativa o que realmente importa é que os galegos vexamos o Xacobeo como unha oportunidade para presentarnos ao mundo, para presumir do que somos no mundo, porque non hai unha marca en Galicia tan coñecida a nivel internacional como o Camiño de Santiago.

O turismo en Galicia vén de vivir un dos mellores exercicios, cun forte crecemento nas pernoctacións e no número de visitantes estranxeiros. Non será polo tempo meteorolóxico, ou talvez si?
Depende, como diría un bo galego. Obviamente os meses centrais do verán son meses con maior afluencia turística porque tamén é cando as persoas temos máis tempo libre, hai vacacións escolares etc. A realidade é que somos os que máis medramos fóra da estación estival a nivel de demanda turística en áreas de climas inestables, froito da nosa riqueza gastronómica e paixasística, e do noso espírito acolledor.

En clave turística, que suporá que o AVE chegue en hora a Galicia?
O AVE traerá efectos moi positivos para o interior de Galicia de xeito inmediato. Desde Ourense, que vai ser a porta de Galicia, poderemos estar en media hora na Ribeira Sacra, podemos estar en moi pouco tempo coñecendo as paisaxes do interior de Galicia, vales como O Ribeiro, Monterrei, A Ulloa, as serras orientais do Caurel e Os Ancares e, por suposto, a propia cidade de Ourense e Lugo, que son dúas cidades tremendamente fermosas e que teñen moito que ofrecer. O AVE axuda a reducir distancias e xera accesibilidade e conectividade entre Galicia e os mercados emisores. Será un turismo máis respectuoso, moi sostible, un turismo de alta capacidade adquisitiva, con moito valor no 21 ou no 22…, no momento en que o goberno central lle poña remate.

O verán é a época máis animada do ano, no que a visitantes se refire e tamén no que respecta aos festivais. FestGalicia é ocio e diversión, pero tamén retorno económico. É Galicia unha potencia neste eido?
O turismo de festivais é un turismo en alza, sobre todo entre a xente moza que a miúdo programa as vacacións en función dos festivais. Temos un estudo da USC que fixa en máis de 40 millóns o impacto económico do turismo de festivais en Galicia. Estes eventos, ademais de ofrecer diversión e ocio, teñen un retorno económico importante e estimulan a nosa industria cultural. É, pois, unha tarefa importante afianzarnos como destino de festivais e darlle pulo á rede de festivais integrados en FestGalicia, cuxa oferta especializada está moi espallada polo territorio en pequenas localidades como Viveiro, a Illa de Arousa ou Caldas de Reis, e representa un gran revulsivo económico.

Illas Cíes-Parque Nacional das Illas Atlánticas de Galicia é a Ribeira Sacra agardan obter axiña o seu recoñecemento como Patrimonio da Humanidade. En que situación se atopan as súas candidaturas?
En xeral, quero dicir que a Xunta de Galicia ten desenvolto un importante traballo no eido do Patrimonio Mundial da UNESCO. Nestes últimos anos formamos parte de dúas candidaturas conxuntas que lograron o éxito, os Camiños do Norte, en 2015, e a Pedra Seca, en 2018 e actualmente, a Ribeira Sacra será a candidata de España no vindeiro 2021. Esta é a candidatura máis avanzada, pero temos ademais outros dous bens inscritos na Lista Indicativa Nacional e rexistrados na UNESCO. Refírome ás candidaturas das Illas Cíes-Parque Nacional das Illas Atlánticas de Galicia e a de Cidade de Ferrol: Porto da Ilustración, que apoiamos e faremos todo o posible por que sexan realidade no medio prazo.

O primeiro grande escaparate para Galicia de 2020 é Fitur. Que Galicia imos trasladar ao mundo?
Este ano é un ano especial, ao tratarse do último Fitur antes do Xacobeo 21. De feito, Galicia estreará un novo pavillón no que trasladaremos unha oferta turística renovada baseada nas potencialidades da nosa Comunidade como destino e que a distinguen doutros territorios, como son a aposta por un turismo de calidade, o impulso da nosa gastronomía, o noso patrimonio ou a nosa paisaxe. Ademais, tal e como comentaba, o Xacobeo 21 terá un papel destacado. Acabamos de presentar a programación do vindeiro Ano Santo que inclúe máis de 7.500 actividades para os anos 2020 e 2021 e que buscarán a participación da sociedade e a descentralización do evento nesta celebración.

CONTIDO EXTRAÍDO DO NÚM. 15
Queres ollar outros contidos relevantes?

BEME

150 150 CORALIA

Ata o 29 de maio, a Secretaría Xeral da Emigración mantén aberto o prazo para solicitar unha das Bolsas Excelencia Mocidade Exterior (BEME), que na súa cuarta edición ofrecen 150 prazas para que as mozas e mozos galegos do exterior fagan un mestrado en Galicia.

Como consecuencia da declaración de Estado de Alarma decretado en España pola crise do Covid-19, a Secretaría Xeral da Emigración decidiu ampliar nun mes o prazo para a solicitude das bolsas, inicialmente aberto ata o 30 de abril, co obxectivo de facilitar a tramitación e reunión da documentación necesaria por parte das mozas e mozos galegos do exterior interesados en vir cursar un mestrado nalgunha das universidades públicas galegas a partir do vindeiro outono.

As bolsas —cuxo proceso de solicitude é integramente telemático— están dotadas con 7.000 euros (no caso de persoas beneficiarias de Europa) ou 7.650 euros (no caso de persoas procedentes do resto do mundo) por curso completo de 60 créditos ECTS. En tanto que aquelas e aqueles que se matriculen nun curso de maior duración (90 créditos) disporán dun presuposto de ata 11.475 euros (en función do continente de procedencia do alumno ou alumna). As mozas e mozos do exterior que queiran beneficiarse deste programa de BEME deben ser galegas ou galegos por nacemento ou descendentes por consanguinidade, acreditar un mínimo de dous anos de residencia no exterior, e estar admitidas ou admitidos na preinscrición dalgún dos mestrados das universidades galegas.

BEME 2020

Convocatoria

BEME 2020

Prórroga

BEME 2020

preguntas frecuentes

Convocatoria en curso

Hai agora un ano, a enfermeira Nerea Couto Caldelas regresou a Galicia, despois de pasar 5 anos en Alemaña, decidida a completar a súa formación. «Actualmente estou cursando o Mestrado de Prevención de Riscos Laborais na facultade de Ciencias do Traballo de Ferrol. Cando o finalice, é una nova porta que se me abre no meu ámbito profesional, polo que non descarto tirar por ese camiño. Iso si, a miña vocación e a enfermería, polo que seguramente siga formándome neste ámbito, facendo cursos, xa que ata o momento foi un pouco complicado. Desde que comecei os meus estudos, o meu soño foi traballar no ámbito das emerxencias, e aínda que en Alemaña me foi posible, gustaríame traballar nese ámbito aquí, en Galicia».

Nerea Couto Caldelas

BEME 2020

Prazos de matrícula

BEME 2020

Presentación das solicitudes

BEME 2020

Listado de máteres

Nerea é unha das cento cincuenta mozas e mozos da Galicia exterior que actualmente están a cursar os seus mestrados nalgunha das tres universidades galegas, grazas ás Bolsas Excelencia Mocidade Exterior – BEME, programa pioneiro da Secretaría Xeral da Emigración que busca atraer os currículos máis brillantes das galegas e os galegos que viven no estranxeiro asociados a especialidades de fácil absorción por parte do tecido produtivo e laboral galego, e que desde a súa terceira edición promove o retorno do talento galego nado en Galicia, como acontece no caso de Couto Caldelas.

Explica Nerea que o seu paso por Alemaña fíxoa medrar a nivel persoal e laboral, precipitando cambios que seguramente non se terían producido de non terse animado a vivir esta experiencia. Tamén conta que lle encanta viaxar e coñecer novos sitios, pero que é aquí onde se sente máis realizada e onde agarda que os seus soños se fagan realidade. «A curto prazo, o meu obxectivo é acabar o mestrado e valorar o mercado laboral que este ámbito me vai a ofrecer. A medio prazo, sería conseguir estabilidade laboral, dentro do posíbel, e seguir a miña formación como enfermeira». Un plan de traballo en liña co principal obxectivo da Estratexia Retorna 2020, co que a Secretaría Xeral da Emigración busca fomentar Galicia como un destino profesional de calidade captador de talento.

O seu é un currículo brillante, resultado de anos de esforzo. «Moita xente deume ese consello (meus pais, mestres etc.). E eu tento todos os días esforzarme, todo o que meu corpo e a miña mente me permiten. Hai días que é máis sinxelo, polo ánimo, ganas etc. Outros días faise máis complicado, por falta de tempo, de forzas etc., pero eses días procuro dedicar uns minutos a ‘resetear’, priorizar e seguir adiante».

Benvidos todos e todas a casa.

Queres ollar outros contidos relevantes?

Calidade certificada

150 150 CORALIA

Galicia é a terceira comunidade autónoma española con máis produtos de calidade certificados. Falamos de ata 36 selos de denominación de orixe ou indicación xeográfica protexida. Por iso, a comunidade galega non se entende sen a súa gastronomía e, de feito, esta constitúe un dos principais atractivos da súa ampla oferta turística. Así, os visitantes acoden a Galicia atraídos, entre outras cousas, polos seus manxares, sendo esta unha das grandes motivacións para a súa viaxe.

Estas producións do campo galego víronse potenciadas nos últimos anos de forma cualitativa e cuantitativa grazas á dinamización dos coñecidos como produtos de calidade. Trátase de recursos alimentarios que constitúen unha das mellores ferramentas das que dispón o medio rural desta comunidade para asegurar o seu futuro, emprender novas vías de desenvolvemento e, mesmo, reinventarse.

Proxección internacional

Coa posta en valor dos produtos de calidade, a través das denominacións de orixe protexidas (D.O.P) e das indicacións xeográficas protexidas (I. G. P.), os produtos galegos alcanzaron unha nova dimensión, máis competitiva no mercado, atractiva para o consumidor e con todas as garantías de que o produto que se ofrece pasou rigorosos controis de calidade, como mostra do seu especial coidado no proceso de produción e comercialización.

Viños e augardentes

Galicia conta con cinco denominacións de orixe de viño (Ribeiro, Valdeorras, Rías Baixas, Ribeira Sacra e Monterrei). Cada unha cunha personalidade ben definida, pero todas cun denominador común: a calidade e a vinculación moi directa co territorio. Compre sinalar que os viños con indicación xeográfica (tamén coñecidos como Viños da Terra), cos que contamos con catro: Barbanza e Iria, Betanzos, Val do Miño-Ourense e Ribeiras do Morrazo.

A comunidade autónoma destaca tamén pola riqueza e variedade das súas bebidas espirituosas. As indicacións xeográficas dos augardentes e dos licores tradicionais de Galicia protexen tanto o bagazo como o augardente de herbas, o licor de herbas e o licor café, bebidas que forman parte inseparable do imaxinario colectivo desta terra.

Carnes

As carnes de Galicia sempre gozaron de prestixio e recoñecemento. No caso do vacún, existe un selo de calidade: Ternera Gallega, a indicación xeográfica máis importante no sector cárnico español.

A protección destas producións viuse potenciada nos últimos tempos coa creación da Indicación Xeográfica Protexida Vaca Gallega e Buey Gallego. Esta IGP naceu en 2017 para protexer e amparar o sector e ofrecer un produto tan relevante como a carne de vacún maior, garantindo a súa orixe e calidade, igual que se vén facendo desde hai 30 anos con Ternera Gallega.

Tamén o sector cárnico de porcino galego de calidade ten o seu recoñecemento coa IGP Lacón Galego e, no ámbito avícola, convén lembrar a incorporación aos selos de calidade do moi apreciado Capón de Vilalba.

Lácteos

Un dos puntos fortes de Galicia é o relacionado coa produción láctea. Neste sentido, hai que destacar, en primeiro lugar, a existencia dun indicativo que certifica o leite galego de calidade diferenciada. Trátase de ‘Galega 100%’, un selo que garante a excelencia do produto e que este, ademais, ten como orixe explotacións da comunidade autónoma.

Este selo promociónase durante todo o ano a través de distintos eventos, relacionados fundamentalmente coa gastronomía e co deporte, co obxectivo de incentivar o consumo de leite e de produtos lácteos galegos de calidade entre a poboación, tendo en conta os seus beneficios para a saúde. Neste senso, podemos destacar eventos promocionais como as carreiras pedestres de Frades, Angrois e Porto do Son, diversos partidos de baloncesto en Ourense e en distintos certames gastronómicos, como Xantar, Fórum Gastronómico da Coruña ou Salimat, entre outros.

Estas accións promocionais consisten, fundamentalmente, nun posto itinerante que conta cun mostrador-expositor para almacenaxe e distribución de bricks de leite. Tamén se empregan paneis e folletos informativos sobre a marca, para facilitar ao consumidor información sobre a maneira de identificar este leite nos diferentes puntos de venda, así como sobre as garantías e o seu significado. En todo o ano 2019 repartíronse case 60.000 unidades de bricks de leite amparado pola marca de garantía ‘Galega 100%’.

Polo demais, Galicia destaca tamén pola calidade dos seus queixos, con catro denominacións de orixe protexidas (Arzúa-Ulloa, Cebreiro, Tetilla e San Simón da Costa). Cada un ten a súa propia personalidade, pero todos coinciden en ofrecer ao consumidor un produto feito co máximo esmero e a partir dunha materia prima –o leite galego– de gran calidade.

Outros produtos

Merece, así mesmo, especial recoñecemento a calidade contrastada dos pementos que se producen en Galicia, os de Herbón, O Couto, Oímbra, Arnoia e Mougán. Son cinco tipos diferentes de pementos, amparados baixo o selo dunha denominación de orixe, no caso do primeiro, e de indicacións xeográficas protexidas nas restantes.

Os Grelos de Galicia son outro dos produtos da horta galega con calidade amparada por un indicativo específico, coa vista posta nunha maior proxección fóra da comunidade autónoma. Pódense atopar no mercado en varios formatos (fresco, conxelado ou en conserva), o que supón un elevado número de consumidores potenciais.

As castañas, as patacas ou o mel producidos en Galicia tamén contan con recoñecemento especial pola súa calidade. En canto á Castaña, a zona de orixe deste produto –inseparable do outono galego– abarca a maior parte do territorio de montaña, mentres que no caso do Miel de Galicia, a súa área de produción esténdese por toda a autonomía. A apicultura constitúe ademais un elemento importante da etnografía en Galicia, onde perduran construcións tradicionais vinculadas a esta produción artesanal.

A IGP Pataca de Galicia ampara outra referencia da despensa galega e ten a súa zona de produción repartida nas subzonas de Bergantiños (na Coruña), Terra Chá, A Mariña e Lemos (na provincia de Lugo) e A Limia (en Ourense).

Pola súa banda, a Faba de Lourenzá ou o Pan de Cea, entre outros, asocian o nome da súa zona de produción ao do produto. O cultivo da Faba de Lourenzá abarca o territorio costeiro da provincia de Lugo e con este distintivo déuselle nome propio a esta variedade. Ademais, o Pan de Cea, xunto coa Tarta de Santiago, son os dous produtos galegos do sector de panadería e pastelería que contan con distintivo de calidade. A zona de elaboración da torta é toda Galicia, mentres que no caso do pan correspóndese co municipio ourensán de San Cristovo de Cea.

Ademais, hai que destacar o recente recoñecemento europeo para a Indicación Xeográfica Protexida Pan Galego. Un novo selo que supón unha oportunidade para protexer e poñer en valor un produto tan típico da gastronomía galega.

Precisamente, a aprobación definitiva deste selo deu por finalizada unha vella aspiración dos panadeiros galegos, que vían necesaria a creación deste indicativo para facilitarlle aos consumidores a identificación no mercado do auténtico pan galego.

A Agricultura Ecolóxica –unha denominación que, a diferenza das demais, non ten carácter xeográfico– é outro indicativo de calidade que rexistrou un gran desenvolvemento nos últimos anos en Galicia. Trátase dun sistema de produción de alimentos baseado nun escrupuloso respecto ao medio ambiente, o benestar animal e o mantemento e mellora da fertilidade do chan.

En definitiva, Galicia ofrece un amplo abanico de produtos alimentarios de extraordinaria calidade e por tanto o seu poderío gastronómico está fóra de toda dúbida, sobre todo cando esta magnífica despensa –cualificada por Álvaro Cunqueiro como a de maior ‘amplitude’ de Occidente– ponse en valor grazas ao magnífico traballo dos grandes cociñeiros e cociñeiras desta terra.

Artesanía Alimentaria

Outra ferramenta para impulsar a nosa gastronomía é o Decreto que regula a artesanía alimentaria, a través do cal se pon en valor os produtos agrarios e pesqueiros que se elaboran de forma tradicional. Un decreto que tamén protexe aos seus produtores. Trátase dunha nova regulación que especifica o que é unha produción artesanal para evitar que se empregue de maneira impropia este termo ou outros similares como ‘caseiro’ ou ‘feito na casa’.

O novo decreto regula as condicións técnicas específicas necesarias para que unha produción alimentaria sexa artesanal. Así, establece que os procesos de elaboración deben ser tradicionais, que a presentación dos produtos debe ser singular para mostrar a súa calidade diferenciada, respectando en todo momento a norma técnica aprobada para cada tipo de produción.

Así, distínguense un total de 16 grupos de produtos entre os que están os lácteos, os cárnicos, os produtos da pesca e da acuicultura, viños, licores, sidra, cervexa e produtos de panadería e confeitería, entre outros.

Estas normas técnicas contemplarán, en todo caso, que os produtos artesanais deben estar elaborados con materias primas seleccionadas e que non se poderán utilizar potenciadores de sabor, colorantes ou saborizantes artificiais quedando o uso doutros adictivos suxeitos a importantes restricións. Tampouco se poderán empregar graxas trans (hidroxenadas artificialmente) ou graxas procedentes da palma ou do coco. A utilización como materia prima de produtos semielaborados queda limitada a casos excepcionais xustificados na norma técnica correspondente. Doutra banda, admitirase o uso de medios mecánicos para determinadas fases do proceso de elaboración, respectando o indicado na norma técnica que corresponda. Este novo decreto (en entrará en vigor o 10 de agosto), regula tamén o rexistro da artesanía alimentaria, no que deberán estar rexistradas todas as empresas implicadas. Este rexistro permitirá coñecer con exactitude a dimensión deste recurso social. Ademais da denominación xenérica ‘Artesanía Alimentaria’, o decreto establece outras dúas identificacións que distinguirán dous tipos de produtos artesanais específicos: unha para os produtos caseiros ou da casa e outra para os que se elaboran na montaña. Os primeiros serán os que utilicen como base fundamental as materias primas procedentes dunha explotación agraria ligada á empresa artesanal responsable do produto. Os produtos artesanais de montaña serán os elaborados por empresas artesanais alimentarias pertencentes a zonas cualificadas como ‘de montaña’, de acordo co que establece a normativa da Unión Europea.

Galicia Calidade

E para impulsar aínda máis nosa industria agroalimentaria, esta reforzará a súa presenza na marca Galicia Calidade, co obxectivo de que a súa produción gañe en competitividade nos mercados.

Así, Galicia Calidade será un selo que englobará, identificará e potenciará os produtos galegos con denominación de orixe, indicación xeográfica protexida ou que cumpran requisitos de excelencia en produción ou transformación. Galicia Calidade amparará tamén os produtos derivados das razas gandeiras autóctonas galegas, dándolle así un valor engadido a estas producións, así como o selo Galega 100%, que recoñece e distingue o leite de calidade diferenciada producida nas explotacións leiteiras da nosa comunidade.

Este impulso a Galicia Calidade como identidade da excelencia no rural galego farase sobre a base de dous alicerces: o financiamento e a estratexia. O primeiro deles pivotará sobre a promoción, o posicionamento e a axuda a todos os produtores, produtos e transformadores da nosa produción agroalimentaria. O segundo, a estratexia, centrarase en optimizar recursos, para unificar a acción de todos os actores implicados e para levar a marca ao primeiro nivel mundial de calidade. A gran aposta de Galicia Calidade faise polo valor engadido, xa que non se busca cantidade a calquera prezo, senón produción con calidade diferenciada.

Ademais, Galicia Calidade vai ser unha aposta transversal e de implicación máxima que se enmarca na Galicia Verde, a Galicia Innovadora (formación e investigación), a Galicia Nova e a Galicia Familiar.

COVID-19

Tendo en conta a situación de emerxencia sanitaria actual debido a Covid-19, a Xunta de Galicia vén de pechar un acordo coas grandes cadeas de distribución alimentaria con presenza en Galicia (Vegalsa–Eroski, Gadisa, Froiz, Carrefour, El Corte Inglés, Lidl e Alcampo) para impulsar a compra e fomentar o consumo de produtos agroalimentarios galegos, dándolles así unha nova saída tras o peche da hostalería e dos mercados municipais. Esta iniciativa está aberta a calquera outra cadea que teña interese en colaborar.

O obxectivo deste acordo, cuxa orde acaba de publicarse no Diario Oficial de Galicia, é facilitar novas vías de comercialización aos produtores agroalimentarios da comunidade que están a ter dificultades para chegar ao mercado ao quedar pechadas as súas canles de venda habituais durante a crise do coronavirus.

En concreto, os máis afectados son os produtores/as de froitas e hortalizas, os pequenos elaboradores/as artesanais de queixos e outros produtos lácteos, os produtores/as de mel e produtos apícolas, do sector vitivinícola, os gandeiros/as de vacún, porcino, avícola, ovino e caprino, así como os de razas autóctonas, fundamentalmente de porco celta.

Este acordo estará vixente mentres dure a emerxencia sanitaria. Así, estas empresas comprométense a adquirir estes produtos agroalimentarios durante o estado de alarma para apoiar o sector primario da comunidade galega.

Mercaproximidade

É a nova canle alternativa de comercialización concibida para os produtos agrogandeiros galegos que recolle a orde recentemente publicada no Diario Oficial de Galicia.

Esta rede permitirá ao consumidor acceder facilmente a estas producións nos establecementos de alimentación que permanecen abertos e identificar a súa orixe con claridade.

Poderanse acoller a esta iniciativa, en calidade de provedores os produtores de froitas e hortalizas, os produtores de mel e produtos apícolas, así como os gandeiros de vacún, porcino, ovino e caprino, entre outros. Para iso, deberán formar parte do Rexistro de explotacións agrarias de Galicia (Reaga) e, no caso dos produtos non transformados, estar integrados na sección de venda directa (Sevedi). Tamén poderanse incorporar á rede as industrias de transformación de produtos agrogandeiros rexistradas no Rexistro de industrias agrarias.

A adhesión dos provedores a ‘Mercaproximidade’ poderase levar a cabo preferentemente a través das organizacións profesionais agrarias, das asociacións de produtores e dos consellos reguladores de denominacións de orixe e de indicacións xeográficas protexidas, que serán os encargados neste caso de negociar cos compradores en nome dos produtores.

A maiores, lanzarase unha campaña de comunicación e sensibilización dirixida ao consumidor final, para conciencialo de que coa súa compra pode axudar aos agricultores e gandeiros galegos para garantir o futuro do rural galego. Neste sentido, os produtos de ‘Mercaproximidade’ estarán perfectamente identificados, para que os consumidores coñezan a súa orixe, así como o seu vínculo coa iniciativa.

Así, ambas as dúas iniciativas teñen como finalidade última frear a perda de ingresos das persoas agricultoras e gandeiras galegas para apoiar o futuro das súas explotacións e garantir así a supervivencia do motor principal da dinamización do rural, á vez que se poñen no mercado produtos agroalimentarios de máxima calidade.

Fonte: CONSELLERÍA DO MEDIO RURAL

Queres ollar outros contidos relevantes?

Manuel Rivas, o escritor activista

150 150 CORALIA

A súa obra remítenos deseguida a un lugar coñecido, que sentimos familiar. O escritor galego e en galego máis lido e traducido de todos os tempos é un home tranquilo, de mirada e voz penetrantes e ideas firmes. Defensor sen concesións da ecoloxía e o feminismo, Manuel Rivas (A Coruña, 1957) mantén un compromiso ineludíbel coa «procura da verdade», reivindicando a democracia e a liberdade. A memoria, o amor e a esperanza constitúen a liña vertebral da creación deste mestre da palabra escrita.

Entrevista de VALERIA PEREIRAS & Fotografías de MARÍA DE LA FUENTE SEOANE

Manolo, ti sempre tiveches claro que querías escribir. Con só quince anos entraches a traballar en El ideal Gallego. Como se manifestou esa vocación tan temperá?
Claro, eu non teño constancia dun día no que dixera vou ser escritor, pero si penso que foi unha vocación de cedo. De feito, comecei a traballar no xornal porque me parecía o mellor xeito de ser escritor. Ou sexa, que eu ter tíñao na cabeza.

E que é o que recordas daqueles inicios no oficio?
Lembro, por exemplo, como un detalle que me chamara moito a atención, que eu ía facerlle unha entrevista a Rafael Dieste, que volvera do exilio. A min fascinárame moito o seu libro de contos Historias e invenciones de Félix Muriel, á parte de Dos arquivos do trasno, e entón buscando como localizalo atopeino na guía telefónica e alí poñía: «Rafael Dieste. Escritor».

Viña a profesión xunto aos nomes na guía?
Non, non, que va. Había xente que si, como avogados, fontaneiros… Pero eu penso que el era o único que figuraba en calidade de escritor. E dixen para min, eu tamén quero aparecer na guía telefónica como escritor [ri]. Con isto quero dicir, que era o que realmente me emocionaba desde había tempo. Eu no meu inconsciente, se procuro cando puido nacer a vocación, sitúoa nunha infancia na que me gustaba moitísimo escoitar a xente. Fágoo supoño que dunha maneira literaria, porque a vida penso que ten moita vocación literaria, o que pasa é que ás veces non a deixamos desenvolver. Eu pasmaba moito. Gustábame moito, por exemplo, escoitar as mulleres cando estaban a lavar a roupa no río.

«Eu no meu inconsciente, se procuro cando puido nacer a vocación, sitúoa nunha infancia na que me gustaba moitísimo escoitar a xente. Fágoo supoño que dunha maneira literaria, porque a vida penso que ten moita vocación literaria, o que pasa é que ás veces non a deixamos desenvolver. Eu pasmaba moito. Gustábame moito, por exemplo, escoitar as mulleres cando estaban a lavar a roupa no río»

Es de Monte Alto, naciches na rúa Marola, pero tamén do Castro de Elviña. Cal destes lugares te marcou máis?
Si, eu vivín en Monte Alto e logo no Castro de Elviña, que son mundos psicoxeograficamente que semellan antípodas, pero que son moi complementarios. Pasei de vivir a carón da Torre de Hércules a vivir no que era o rural, o mundo campesiño e obreiro coruñés, nese barrio que á xente non lle gustaba que lle chamaran barrio. Estaba o Castro de Elviña e despois A Coruña. Entón aí atopeime con cousas que non había en lugares máis afastados, ou que podías pensar que estaban etnograficamente máis conservados. Había un Entroido incríbel, recordo as festas de defuntos coas caveiras, o Halloween viviámolo alí de nenos. É das primeiras visións que teño cando nos trasladamos alí.

Volvendo ao que dicías de que eras «pasmón», na túa obra máis persoal, As voces baixas, dis que a literatura ten a forma dunha boca, dun rumor. Era iso o que te facía quedar á escoita?
Si, eu cando estaban as mulleres lavando no río quedaba alí, os compañeiros chamaban por min para ir xogar e eu nin os oía. E, por suposto, tivo unha importancia central nesa escoita un lugar que é para min un epicentro, un almeiro, un Aleph, que é a casa campesiña do meu avó. A miña avoa non a coñecín. O outro avó era carpinteiro e a súa muller, Dominga, costureira. Pero o avó campesiño era de Corpo Santo, en Tabeaio, nas Mariñas coruñesas, que segue a ser igual a día de hoxe. Aquela casa, para min, é onde sitúo a orixe de moitas cousas. Un lugar cósmico, universal. Eu pasaba alí bastante tempo e a miña nai eran dez irmáns, dous morreron na posguerra pasando moita necesidade cando eran pequeniños, pero eran dez en total así que a casa tiña moita vida. Alí pasabamos a miña irmá maior mais eu moitas tempadas. O meu pai fora á emigración, a miña nai era leiteira na Coruña, entón de cando en vez quedabamos alí. É a casa dos contos. Ese avó, Manuel de Corpo Santo era moi falador. Á parte de labrador era perito, era o que facía as cartas e os documentos. Recordo que tiña unha mesiña chea de postais de todo o mundo. Ese era un dos meus entretementos, mirar aquelas postais chegadas desde El Gaucho, Nova York… De xente do lugar e dos arredores que estaba na emigración. Alí sempre había un horario para recibir porque el tamén fora secretario da axuda mutua gandeira, o que a punto estivo de custarlle a vida despois. El vivía de milagre. Penso que falaba moito por iso, porque vivía de milagre.

A piques estivo de ser paseado, non si?
Si, ao principio do golpe, non sei se o 20 ou o 21 de xuño, foron buscalo pola noite. Imaxina, a miña nai lembrábao porque estaba alí cando o detiveron. Pero el tiña unha relación curiosa co cura de Corpo Santo. Tiña a casa reitoral en San Martiño de Tabeaio e era unha casa grande e este cura era moi conservador, penso que Carlista polo que me contaba a miña nai, e andaba cun revólver debaixo da sotana. Pero o meu avó, que era fillo de solteira, traballáballe as terras e víao escribir. E así como era, un día díxolle: «que boa letra tería eu se soubera escribir». Entón o cura ensinoulle e o meu avó tiña unha caligrafía preciosa, con arabescos. Ao mellor vén de aí o de escritor. A el levárono como che contaba, e o cura foi a cabalo buscalo e salvouno. Chegou onde estaban e dixo: «A este home non mo matades», e levouno de alí.

E o avó carpinteiro?
Establezo moita conexión con esoutro avó, que era todo o contrario a este. Era silandeiro, non falaba. Polo que deducín, teño a impresión de que un falaba moito e o outro nada polo mesmo. A este fíxenlle un poema que se titula «Boh», porque era o único que dicía. Dábame a impresión de que comera as palabras. El tamén estivera fuxido uns meses polo monte, alí en Sigrás, e tamén debeu haber unha mediación por parte da Igrexa, neste caso de Precedo Lafuente que era medio parente da miña avoa e que foi despois cóengo en Santiago.

«Penso que a literatura é vagabunda, é silvestre, as palabras teñen esa condición de vivir tamén agochadas esperando. As palabras están á espreita para ir aos beizos e dicir»

«Soneira foi o primeiro lugar onde fun de acampada. Un lugar que para min segue a ser unha parte fundamental do meu mapa persoal interior, que é entre cabo Vilán e Arou, a praia do Trece, onde acampabamos de maneira libre. Era outro mundo, o máis semellante ao mundo salvaxe que pode un imaxinar»

E por que estableces esa conexión entrambos sendo como eran tan diferentes á hora de comunicarse?
En xeral, teño a sensación de que hai unha conexión moi grande entre a linguaxe, a maneira en que fala a xente. Eu son moi dostoievskiano e valleinclaniano, recoñezo a xente por como fala, máis que por unha descrición demorada, facial ou da vestimenta. Poden ser detalles importantes, pero eu recoñezo máis a xente cando se bota a falar ou tamén cando cala. A miña nai, cando penso agora en moitas das cousas que dicía, para min é escoitar falar a literatura. Penso que a literatura é vagabunda, é silvestre, as palabras teñen esa condición de vivir tamén agochadas esperando. As palabras están á espreita para ir aos beizos e dicir. Por iso, ten moito interese o que está nos libros, por suposto, sobre todo cando son un territorio de risco, novo, diferente, pero antes de ler a literatura xa estaba na boca da xente que te rodeaba, mesmo de forma construída, tradicional, a través dos contos que oías arredor do lume. Ese escenario do que falaba, esa casa tan importante, tiña unha lareira. Eu vivín a casa ancestral.

Tamén Vimianzo é un lugar importante para ti.
Si, doutro xeito. Soneira foi o primeiro lugar onde fun de acampada. Un lugar que para min segue a ser unha parte fundamental do meu mapa persoal interior, que é entre cabo Vilán e Arou, a praia do Trece, onde acampabamos de maneira libre. Era outro mundo, o máis semellante ao mundo salvaxe que pode un imaxinar. Desde entón sempre que podiamos o noso grupo de amizades iamos a esa zona. Despois a razón de ir alí foi elixida, pero pola condición da miña compañeira que é profesora.

Antes deste o destino fora Tui.
Si, estivemos moi ben en Tui. Recordo que eu ía coa miña máquina de escribir na cabeza a calquera sitio. Traballaba na casa e teño moitas anécdotas. Imaxina, traballando de freelance daquela pasaba as crónicas por teléfono, moitas relacionadas co contrabando de tabaco antes da inflexión da droga. Eu andaba por alí, collía a información e entón tardaban moito en poñerche o teléfono, ademais custaba moito e tíñalo que pagar ti. Ter un teléfono fixo era complicadísimo, ao mellor demoraban seis meses en conectarcho na casa. Así que, durante ese tempo eu ía a un bar que había enfronte e no que o aparato, que estaba na esquina da barra, funcionaba con fichas. Mercábalas, eu andaba cun montón delas, para poder pasar as crónicas. Ao outro lado había unha compañeira de traballo que transcribía o que eu lle lía. Isto, nunha adega en Tui pola noite falando de narcos como Sito Miñanco, Oubiña… Había outros daquela máis famosos como Martínez Señoráns, Sito Carniceiro… Os primeiros. Falando, eu procuraba facelo o máis baixo posíbel, pero non te oían ao outro lado e a situación era surrealista. A xente tomando viños e un tipo cun montón de fichas pasando alí información por teléfono… Podes imaxinar as caras interrogándose: este tío quen é? Un día pola mañá tomando o café achegouse un tipo e preguntoumo: «Mira, se non é moita pregunta, ti a que te dedicas? Que fas?». E díxenlle que era xornalista. Non quedou moi convencido [ri].

Formácheste academicamente en Madrid, onde fuches parte do colectivo Loia, xunto cos irmáns Pereiro, Antón Patiño e outros universitarios galegos residentes na capital. Daquela editabades unha revista do mesmo nome, foi a primeira?
Non, xa editara unha no instituto, en Monelos. Tiñamos un grupo que facía actividades culturais os sábados, con conexión na Universidade de Santiago, até que un día nos chamou o director. Aquel instituto era moi avanzado para a época, fora o primeiro mixto de Galicia e aquilo fora unha revolución total. Viña xente doutros colexios vernos saír [ri]. Estaba preto o cinema de Monelos e era a época daquela canción de Los bravos: Los chicos con las chicas. Entón fixeramos esa revista, na que eu empecei a facer entrevistas. De aí vén o de Dieste e o salto ao Ideal. Tamén entrevistei a Miro Casavella, a Chichi Campos, a Manuel Lourenzo… xente que me parecía destacada na súa área. Un día chamounos o director e díxonos que non podiamos facer máis entrevistas, nin actos culturais. Preguntamos por que e a resposta foi: «Por vuestro bien». Nós, claro, pensamos: pois vaia maneira de coidar do noso ben, prohibíndonos, non? Sabendo ademais que era un bo tipo. Non nos quixo dicir nada pero co tempo coñecemos que fora a Brigada Político-Social (BPS) que ameazara con que se non parabamos tería que practicar detencións. De feito, tempo despois, cando eu xa non estudaba alí detiveran a xente que fora compañeira miña.

Ti tamén fuches obxecto dunha causa da BPS franquista…
Si, eu lembreime desa historia, e conteina hai pouco en Luzes [#49] cando o de Cataluña, porque fun procesado por sedición. Ese era un proceso militar, fora a policía militar buscarme á casa. Imaxina a miña nai, que ás veces atopaba de todo no galiñeiro porque a miña irmá estaba moi comprometida. O proceso era por publicar unha reportaxe. Eu matriculárame en Madrid cando puiden sufragalo e xa escribía desde alí unha crónica diaria baixo o título «Estación del norte», que está na colección de El ideal gallego. Ademais, facía todo o que podía, falamos dos anos 74-75, e eu mandaba de todo. Ás veces por correo, cando eran temas máis atemporais, e outras por teléfono. Enviaba cousas que as axencias normalmente non cubrían e moitas publicábanmas porque coincidiu que era unha época moi aberta no xornal. Estaba xente como Margarita Ledo, Luís Pita, Gaciño… Foi unha época moi especial. Había unha certa competencia por abrirse no xornalismo e iso permitiume ir estudar, escribindo como correspondente para Faro de Vigo e La Región, e todo o que puidese fóra de Galicia.

E aí foi onde te metiches na lea?
Si, houbo unha intoxicación alimentaria nun cuartel da Coruña, en Zalaeta, que afectou a máis dun cento de soldados. Eu contactara con algúns deles e con xente que os atendera. A información non a tiña eu só senón que circulaba, mesmo se fixera unha rolda de prensa clandestina. O caso é que a miña foi a única que se publicou. Entón, de madrugada xa me foron buscar. A obsesión deles era saber quen me contara, querían que revelara as miñas fontes e, claro, eu negueime en redondo a facelo. Pedíanme entre seis anos e oito meses por unha intoxicación alimentaria [ri]. Eu, a verdade, non teño o recordo dunha sensación de pánico pero á xente que lle comentara o tema si, e recibín moi poucas expresións de apoio aquí. Onde si o fixeron casualmente foi en Cataluña, convidándome ao primeiro congreso de xornalistas que celebraron e onde coñecín a Montalván. Eu tiña vinte anos, un rapaz. Era o ano 78, xa morrera Franco, pero non se aprobara aínda a Constitución.

«Recordo que había un pub que se chamaba La luna, que era dunha xente anarquista de Madrid encantadora, e algúns acababamos sempre alí. Era a primeira etapa para ir ver o amencer a Corrubedo antes de volver traballar. Tiñamos dous coches, un R4 e un Dous Cabalos. E eu tamén era un dos habituais no tellado da catedral, gustábame moitísimo, daquela podíase subir. Alí remataba moitas noites que non chovía para escoitar as doce badaladas da Berenguela en circunstancias un pouco...»

«Entre a música celta e as pingueiras teño unha sensación así étnica de Santiago. Recordo que viñera a miña nai e marchara deprimidísima por como viviamos alí, rodeados de potas e cubos. Até marchou chorando, estudar para isto...»

«O máis traducido é O lapis do carpinteiro que vai por 35 ou 36 idiomas, pero Que me queres amor? tamén conta con numerosas traducións, unhas 25, e cada ano vai aumentando. Agora vén de ser traducido ao sirio, tamén está dispoñible en xaponés, coreano, chinés... Pero o que máis ilusión me fixo foi que se traducise A lingua das bolboretas ao támil, á lingua de Timor Leste»

Tamén pasaches unha tempada en Santiago na túa xuventude. Algunha vivencia terás da noite compostelá.
Pois estiven fundamentalmente na época da revista Teima, que foi a primeira revista semanal en galego. Traballabamos moito e durmiamos pouco, andando [ri]. Si, recordo noites enteiras para que saíra a revista. Para min foi unha inmersión das mellores épocas da vida, nos anos 76-77 cando Santiago era un fervedoiro, e alí coincidín con Perfecto Conde, Antón López Mariño, Xavier Navaza que era un personaxe, Ánxel Vence que era moi noviño… E moitos colaboradores e outra xente que se movía por alí. Recordo que había un pub que se chamaba La luna, que era dunha xente anarquista de Madrid encantadora, e algúns acababamos sempre alí. Era a primeira etapa para ir ver o amencer a Corrubedo antes de volver traballar. Tiñamos dous coches, un R4 e un Dous Cabalos. E eu tamén era un dos habituais no tellado da catedral, gustábame moitísimo, daquela podíase subir. Alí remataba moitas noites que non chovía para escoitar as doce badaladas da Berenguela en circunstancias un pouco…

Para caer de alí…
Ou para engalar [ri]. Teño a lembranza dunha noite que non remataban nunca as campás, así que non che digo máis. E despois participabamos moito da vida cultural. Eu vivía na Algalia, que era un lugar de tabernas, nun piso moi vello coa miña irmá e un rapaz que tiña un bar e toda a música celta do mundo. E na casa chovía. Entre a música celta e as pingueiras teño unha sensación así étnica de Santiago. Recordo que viñera a miña nai e marchara deprimidísima por como viviamos alí, rodeados de potas e cubos. Até marchou chorando, estudar para isto…

Falemos da túa obra. Tes máis de trinta títulos publicados, sen contar os artigos e outros textos e colaboracións. De todos eles, cal che ten dado maior retorno?
Pois, claro, os que teñen máis número de premios ou edicións e traducións, especialmente Que me queres amor? e O lapis do carpinteiro. A min paréceme moi interesante que no caso do primeiro, un libro de relatos, sucedera isto. Cando vas a un editor cun libro deste tipo sempre engurra a cara e pregunta que para cando unha novela.

Foi ese o máis traducido?
Non, non, o máis traducido é O lapis do carpinteiro que vai por 35 ou 36 idiomas, pero Que me queres amor? tamén conta con numerosas traducións, unhas 25, e cada ano vai aumentando. Agora vén de ser traducido ao sirio, tamén está dispoñible en xaponés, coreano, chinés… Pero o que máis ilusión me fixo foi que se traducise A lingua das bolboretas ao támil, á lingua de Timor Leste. Ademais leva un limiar do Nobel da Paz Ramos-Horta, que foi presidente da república porque este é un dos primeiros libros que, cando se normalizou a escola, puxeron en portugués e na lingua propia do país e repartírono entre os escolares. Naquel momento, convidáranme a ir e non puiden, é unha das penas que teño.

Eses son os libros que persoalmente máis te marcaron?
Ese é o mundo dos libros máis recoñecidos pola crítica e polas vendas, pero hai outros que representaron ou que teñen moita importancia para min no propio proceso da escrita, e que os vexo como o embrión, o primeiro círculo ou a célula nai dos outros. Están algúns de poesía e unha novela que é En salvaxe compaña. Agora que se fala tanto de neorruralismo, de mirada ecolóxica, de volta ao campo… Esa novela, que foi a primeira que se traduciu e que recibiu o Premio da Crítica, non é das máis lidas nin das máis coñecidas. Quen primeiro falou dela foi Caballero Bonald que dixo que para el era a mellor novela contemporánea que lera na época. Eu digo que é unha novela dun club secreto. A quen a le gústalle moitísimo, pero é curioso que probabelmente sexa a menos lida. Eu sempre digo e dixen que é a novela que escribiu a muller que levo dentro, a que todos temos. En Le Monde falaron dela como dunha novela feminista, cousa na que aquí ninguén reparou. É unha muller quen a conta e ten como confidente un corvo, os animais falan, aparece tamén a emigración, é unha novela moi actual. Recordo moito a vivencia de tela escrito.

Antes tamén falabas da poesía como xerme, algún poema en concreto?
Pois hai varios, un que se chama «Pan negro», que está nun dos meus primeiros libros: Balada nas praias do Oeste (1985), publicado antes de que se fixera a novela Pa negre catalá. É curioso como existe esa conexión, ese pole que une cousas. Eu vexo a escritura como círculos concéntricos, unha cousa vai dando lugar a outra, e forman parte dun mesmo libro, como capítulos. Seguramente, non tería escrito A lingua das bolboretas se non tivera escrito antes «Pan negro», ou O lapis do carpinteiro sen A lingua das bolboretas, e non escribiría Os libros arden mal, sen O lapis do carpinteiro.

Ti es da opinión de que non é posíbel escribir sen comprometerse e sempre defendiches un xornalismo activista. É inviábel dedicarse a isto sen mollarse?
Totalmente. Aínda que eu escollín a profesión ironicamente, isto entre aspas, seguindo a recomendación da miña nai de «busca un traballo onde non te molles», que me dixo un día. Sempre cito dúas ideas, de dúas persoas que o expresaron moi ben, e que vou aproveitar. Unha é de Camus que afirmou: «Non cheguei ás palabras por compromiso, senón que foron as palabras as que me levaron ao compromiso» e a outra, que é complementaria, é de Miguel Torga: «O primeiro compromiso do escritor ou escritora é escribir, mais tes que saber que todo aquilo que escribas vaite comprometer». Iso permite facer certas ironías, porque o do compromiso sempre se asocia a posicións de esquerda ou revolucionarias, progresistas cando se fala de autores comprometidos para meterse con eles, e esquecemos que xente que mantén outras posicións, e que publica outras cousas que poden parecer inocuas pois non o son. Para min un libro de autoaxuda pode ser un compromiso de carallo.

«Eu vexo a escritura como círculos concéntricos, unha cousa vai dando lugar a outra, e forman parte dun mesmo libro, como capítulos. Seguramente, non tería escrito A lingua das bolboretas se non tivera escrito antes «Pan negro», ou O lapis do carpinteiro sen A lingua das bolboretas, e non escribiría Os libros arden mal, sen O lapis do carpinteiro»

Ti es da opinión de que non é posíbel escribir sen comprometerse e sempre defendiches un xornalismo activista. É inviábel dedicarse a isto sen mollarse?Totalmente. Aínda que eu escollín a profesión ironicamente, isto entre aspas, seguindo a recomendación da miña nai de «busca un traballo onde non te molles», que me dixo un día. Sempre cito dúas ideas, de dúas persoas que o expresaron moi ben, e que vou aproveitar. Unha é de Camus que afirmou: «Non cheguei ás palabras por compromiso, senón que foron as palabras as que me levaron ao compromiso» e a outra, que é complementaria, é de Miguel Torga: «O primeiro compromiso do escritor ou escritora é escribir, mais tes que saber que todo aquilo que escribas vaite comprometer». Iso permite facer certas ironías, porque o do compromiso sempre se asocia a posicións de esquerda ou revolucionarias, progresistas cando se fala de autores comprometidos para meterse con eles, e esquecemos que xente que mantén outras posicións, e que publica outras cousas que poden parecer inocuas pois non o son. Para min un libro de autoaxuda pode ser un compromiso de carallo.

E tanto, axudar a través da escrita, vaia papeleta…
Eu lembro que me decatei do que era o compromiso un verán no Ideal no que quedei de substituto de xente que estaba de vacacións e puxéronme a facer o horóscopo [ri]. E para min foi o máis difícil. O director, Plaza, dicíame: «pero pon aí calquera cousa, que vai caer por un sumidoiro…». E comecei escribindo monadas dese tipo pero despois pensei no susto que podería levar un Pisces se lle pasaba o que eu inventaba, e cólleslles respecto ás palabras. Isto vén a conto de que todo o mundo está comprometido, mesmo no Hola. Pasa cando traballas coas palabras, se tes unha relación sincera e buscas a verdade. Esta sempre é unha procura infinda, pero si que existe o acento da verdade, e iso nótase. O xornalismo nese sentido paréceme interesante para a literatura porque fai que esteas cosido á túa época, aínda que a literatura ten que moverse noutra realidade. O decisivo, o que é común, é que a liberdade ten que formar parte do corpo da linguaxe. Cando empecei a escribir non podías poñer «obreiros», tiñas que dicir «produtores», e aí xa notabas as operacións de maquillaxe e o centro de manipulación que son as palabras.

Nomear algo sempre implica unha intención.
Forma parte da disidencia. Cando se dá un malestar coas palabras, esta relación enganosa e falsa, penso que é un indicativo. A relación que temos coas palabras é o baremo do que pasa nunha sociedade.

«Evidentemente hai que dicir a verdade, pero esta ten que provocar unha reacción. Non que resulte tan intimidatoria, espallándolle a culpabilidade a todo o mundo, que sexa paralizante. A min recórdame a cando o cura, co Cristo detrás no crucifixo, dicía en Semana Santa: 'Lo habéis matado', até que unha velliña levanta a man para responderlle: 'Pero, señor cura, se xa estaba así antes de que viñera vostede'»

«As revolucións até agora non deixaron de ser despotismo ilustrado. Cambiar o mundo non é cambiar o poder, é cambiar as relacións entre a xente, tecer relacións horizontais, colaborativas... e iso está espallándose. Eu teño unha neta e o que vexo é unha célula de esperanza»

Cando se bota man de eufemismos é que hai un problema, non si?
Hai un problema, si, que vai máis aló das circunstancias políticas, é un problema de diván social, colectivo. Vémolo con todo o proceso de memoria histórica, con Cataluña… No fondo, todo nos leva á cuestión das palabras. A min cada vez interésame máis ese espazo mixto que hai entre a psicoloxía, a psiquiatría, as loitas sociais, a represión… Por que? A mellor maneira de entender o que foi o fascismo en España é ler os preámbulos das leis, os discursos, as declaracións… Iso xa é de doenza total.

Como A lingua do Terceiro Reich.
Exacto, sempre son as palabras. Por iso, tamén é interesante a idea de aplicar as ideas da ecoloxía á linguaxe. Igual que falamos de contaminación ou intoxicación, quecemento ou colapso na natureza, nos discursos, na linguaxe tamén se pode trasladar. Aínda así eu non son un profeta da apocalipse. Hai que subliñar que a crise que vivimos lle afecta a toda a humanidade, pero non é culpábel todo o mundo por igual. Esta é unha especie de culpabilidade imposta que funciona, e que vai acompañada dun medo paralizante, porque cando nos din que isto se vai acabar en 2050 semella que a mesma culpa ten quen un día envolve nun plástico uns plátanos que quen ten a fábrica e se beneficia da súa produción, e mesmo cobra subvencións para ese negocio. Eu penso que é unha crise do capitalismo.

Isto cóntalo na túa última obra, Contra todo isto, un manifesto que non será apocalíptico pero si que sacode con forza. Cal dirías que é a maior ameaza que afrontamos hoxe como sociedade?
O «todo isto» non é todo, senón aquilo que pensas que nos está danando. Un pode ser optimista, pero tampouco hai que confundilo con ilusionismo. A min hai dúas cuestións que creo que teñen un certo paralelismo, e que responden a unha concepción do mundo que van unidas: a guerra contra a natureza e a guerra contra a muller, que me parece que responden a unha forma de ver o mundo que é unha visión depredadora. O dereito de pernada, ver o mundo desde ese sistema patriarcal e a dominación sobre os seres e a natureza. Desde unha visión bíblica, deus puxo nas nosas mans, ao noso dispor, a natureza e a muller. Unha cousa leva a cuestionar a outra, e a emancipación da natureza e da muller é un requisito, unha obriga para poder emanciparse a humanidade. Iso é tan evidente. Vese cando falamos de escravismo, sobreexplotación… Sempre imos parar ao mesmo sitio. Vas a sociedades onde se dá unha explotación brutal da natureza, coa minaría, e son lugares onde todo iso vai acompañado de violacións, trata, dominación… Dáse en todo o mundo, evidentemente, pero hai esa conexión. No Manifesto comunista, que é tan lúcido, fálase do «mago entolecido», e efectivamente vemos como estamos nun proceso de progresiva tolaría do capitalismo, que é como un mago ao que non lle chega nada e leva todo por diante.

Dis que non es apocalíptico, que entón?
O outro lado do apocalíptico é o solucionismo, que é unha especie de superstición como se coa tecnoloxía e os avances fora solucionarse todo por si só. Unha distopía. Evidentemente hai que dicir a verdade, pero esta ten que provocar unha reacción. Non que resulte tan intimidatoria, espallándolle a culpabilidade a todo o mundo, que sexa paralizante. A min recórdame a cando o cura, co Cristo detrás no crucifixo, dicía en Semana Santa: «Lo habéis matado», até que unha velliña levanta a man para responderlle: «Pero, señor cura, se xa estaba así antes de que viñera vostede».

Agora que vés de ser avó, supoño que estarás aínda máis preocupado polo futuro que lles poidamos deixar ás xeracións que veñen detrás.
É evidente que hai unha descivilización, pero tamén pasa porque hai unha reacción dos poderes que ven que a xente non traga, como pasou co Maio do 68, a semente do que hoxe son as revolucións de liberación da muller, do medio natural… A conclusión da Comisión Trilateral de 1975 que avaliou as causas daquilo foi que houbera un exceso de democracia, imaxina. O que pasou é que a xente empezou a exercer os seus dereitos e iso cheirárono claramente en América Latina, e hai esta reacción de encadear a xente como Assange, de controlar a información, o réxime orwelliano vemos que se superou… Estamos chegando a límites de que se explota o que antes era tempo libre, a túa vida convértese en materia prima. Hai unha proletarización total do tempo. Pero non hai máis que ver a historia da humanidade, é de represión pero tamén de rebeldías. Dicía Benjamin que nunca se deixou de manter ese acordo secreto entre xeracións, e creo que hoxe o feminismo e a ecoloxía poñen en cuestión moito máis profundamente o sistema que non unha perspectiva de estatismo, de ocupación do poder. As revolucións até agora non deixaron de ser despotismo ilustrado. Cambiar o mundo non é cambiar o poder, é cambiar as relacións entre a xente, tecer relacións horizontais, colaborativas… e iso está espallándose. Eu teño unha neta e o que vexo é unha célula de esperanza. Miro para ela e non digo vaia mundo que lle vén enriba, é ela a que me fala. É unha meniña, e dime hai reexistencia.

Manter a esperanza entre os dentes, que escribiu Berger.
Si, preguntarse: onde está a esperanza? Onde hai desesperanza.

CONTIDO EXTRAÍDO DO NÚM. 14
Queres ollar outros contidos relevantes?

Artesanía de Galicia

150 150 CORALIA

Artesanía de Galicia é a marca que representa os profesionais que conforman o sector artesán galego. Este distintivo inclúe produtos de alta calidade, coidadosamente deseñados e que contan unha historia fascinante: a das raíces da nosa cultura combinadas co deseño contemporáneo, coa personalidade dos creadores e coa mestría das súas mans. Hai, pois, que ter en conta que na Artesanía de Galicia o resultado final sempre reflicte a acción consciente do artesán durante o proceso de creación da peza.

Xarra tradicional de Niñodaguia. Agustín Vázquez Ferreiro e J. Vázquez S.C.

Xersei io, de fio a pavio – slow textile

Asento de vimbio La Parabólica

Pololos Traxandaina Traxe Tradicional 

Xoias Katuxa Platero

Hai un espazo para a artesanía en cada momento das nosas vidas, xa sexa como pezas utilitarias ou decorativas en cada recuncho da casa, xa sexa como complemento para ocasións especiais e para o día a día. A artesanía constitúe unha excelente opción para a decoración de interiores, unha excelente maneira de destacar o propio ambiente, que ademais de cumprir unha función estética tamén lle outorga personalidade, un toque de exclusividade e autenticidade. O mesmo ocorre cando empregamos a artesanía para complementar a nosa imaxe persoal, pola capacidade de cada peza para contar unha historia.

Artesanía de Galicia presenta unha ampla variedade de produtos orientados á decoración de ambiente, complementos de moda, xoiería, xoguetes, utensilios de cociña, instrumentos musicais ou redes, entre outros. Son pezas elaboradas en materiais que van desde os barros tradicionais, a madeira ou a la ata a prata e outros metais, pasando polo vidro, o coiro, a pedra ou o papel.

A proposta de Artesanía de Galicia pasa por combinar pezas de artesanía tradicional e contemporánea co obxectivo de crear ambientes e looks con personalidade propia. Propoñemos recuperar as creacións máis tradicionais da nosa artesanía e incorporalas aos nosos fogares e á nosa vida diaria, dándolles novos usos e conseguindo que convivan con outras pezas máis contemporáneas. En paralelo, Artesanía de Galicia tamén distingue os produtos de deseño contemporáneo, nos que os novos materiais, a innovación e as novas tecnoloxías xogan un papel fundamental.

Cestos de láminas de castiñeiro Antonio Suárez Dávila

Manta infantil Ana Castro

Pelotas de coiro Emcouros

Coxíns peixe Artesesa

Xoguetes de madeira Artesanía Silvent

Alfombra Centro de Recuperación da Cultura Popular

Calcetíns Traxandaina Traxe Tradicional

Queres ollar outros contidos relevantes?

Lucía Freitas

150 150 CORALIA

Lucía Freitas non se detén un segundo. Por iso non nos estraña que nos responda á 1:11 da madrugada ao whatsapp no que lle solicitabamos a entrevista. «É que vexo as mensaxes, pero despois póñome a outras cousas e esquezo…», explícanos. O seu día a día é un maratón, como unha desas xornadas en El Celler de Can Roca, cando empezaba nisto dos fogóns: «Era tan duro que ao chegar á casa doía todo. Pero vaste afacendo». Esa capacidade para afacerse explica que poida dirixir A Tafona e Lume, ser chef executiva no Tomiño de Nova York, criar o seu neno de tres anos, que no medio da entrevista lle pide un xeado, e que aínda estea pensando en novos retos: «Atráeme moito Xapón…». Falamos das dúas décadas que transcorreron desde que empezou a estudar cociña até que A Tafona recibiu a ansiada estrela Michelín. Lembramos tamén cando o restaurante de moda en Santiago era un local de copas: «Si, entón chamábase o Tamboura, eu non o cheguei a coñecer porque debía de ser moi nova, pero cando abrimos hai dez anos moita xente dicía: aquí viña eu de festa». Agora os clientes seguen indo de festa á Tafona, pero unha festa moi distinta, a festa do padal.

Entrevista de XABIER LÓPEZ & Fotografías de MÍRIAM GONZÁLEZ

Hai seis meses que A Tafona acadou a primeira estrela Michelín. Cambia moito este recoñecemento a vida dun chef?
O maior cambio é que o restaurante está permanentemente cheo, e iso dá unha tranquilidade moi grande, permite ter máis mans, máis equipo. Todo é máis doado cando tes mans; a min persoalmente veume moi ben porque me deu máis tempo libre para estar co meu fillo. Tamén podo ter outros produtos que antes non podía ter porque non sabía se se ían vender ou non. A xente vén entregada comer á Tafona e iso agradécese moito.

Tamén che damos máis a lata coas entrevistas…
A verdade é que eu sempre fun bastante mediática, gústame dar charlas por España adiante, falando da miña cociña, da gastronomía galega en xeral. Si que é certo que isto me deu o pulo para que me chamen aínda máis. Agora fago outra selección porque non chego a todos os eventos que me propoñen: escollo os que achegan e me achegan. Pero, basicamente, a estrela Michelín significa durmir coa tranquilidade de saber que ao día seguinte vas ter o restaurante cheo.

Dis que a estrela dá tranquilidade, non supón tamén unha presión engadida, a esixencia de non poder fallar nunca?
Non, para min cero. Cero, de verdade. A maior das presións é a que me poño eu mesma. Recoñezo que debe ser difícil ter un restaurante con estrela Michelín nas aforas, e ao mellor de martes a xoves case non traballas… No meu caso, como teño un equipo fabuloso, unha Praza de Abastos marabillosa ao carón, e unha regularidade de clientes moi boa, pois non teño medo ningún. Sei que o que sae da porta da cociña da Tafona é o mellor que se puido facer e o meu equipo de sala vaino defender da mellor maneira posíbel.

«A estrela Michelín significa durmir coa tranquilidade de saber que ao día seguinte vas ter o restaurante cheo»

Esta estrela non é unha que caera do ceo. Hai case vinte anos que marchaches, con 19, estudar ao País Vasco.
Son case vinte anos, si, e dez na propia Tafona. Os comezos foron moi difíciles, eu empecei cun menú do día e non había medios. O que había era moita frustración. Ti chegas acostumada a traballar cun nivel de esixencia moi alto, e sabes que podes conseguilo, pero non o fas porque non tes nin mans, nin clientes aos que repercutirlles… É moi duro, os niveis de frustración son tan altos que acaban minándote como persoa.

Até que chega a recompensa…
Mira, hai tres anos o meu fillo chegou para encherme a vida de calma e sosego. Fíxome mellorar como cociñeira, como xefa e como persoa. Deume as forzas para cambiar o chip e darme conta de que tamén tiña que estar feliz. A partir de aí a miña vida profesional comezou a florecer máis rápido. Cando pensas sempre en positivo e amas o que fas todo é máis doado. Chegou un punto en que eu non necesitaba a estrela Michelín, porque eu sentía que xa a tiña sen necesidade do carteliño. Sabía que todo o que saía da miña cociña era de estrela.

Antes de regresar a Galicia e abrir A Tafona traballaches en restaurantes tan recoñecidos como El Celler de Can Roca, El Bohío ou Mugaritz. Realmente o nivel de estrés nesas cociñas é tan alto como parece desde fóra?
Ou máis! Lembro que cando comecei no Celler, que foi o meu primeiro restaurante gastronómico, chegaba á casa e non podía durmir da dor que tiña nos pés. Tes que afacer o corpo, a cociña é un traballo tan duro que cando comezas dóeche todo. Si que é certo que eu era noviña e custoume adaptarme. Logo o que che acaba pasando é que te contaxias desa tolemia dos cociñeiros que queren que todo sexa sempre perfecto. Eu sei que o teño dentro porque pasei por eses restaurantes, iso é algo que non se ensina na escola.

É posíbel soportar durante moito tempo ese día a día tan duro?
É complicado. Non sei cal é a porcentaxe, pero na miña clase eramos vinte e pico cociñeiros e hoxe debemos seguir cinco con sorte. Iso é unha realidade.

Hai un par de anos houbo unha forte polémica por unhas declaracións de Jordi Cruz nas que recoñecía que os seus bolseiros (os chamados stagiers) non cobraban polo traballo.
Daquela era o que había, era parte dun todo, ti dabas un traballo a cambio dunha formación. Eu dou as grazas porque sen iso ao mellor non tería chegado xamais a entrar nas cociñas de dúas estrelas Michelín, da elite. Para min foi a chave, abriume as portas. O día que eu abrín A Tafona hai dez anos saín na prensa porque tiña o currículo que tiña. Aínda hoxe seguen falando do meu currículo, así que é unha contraprestación. Evidentemente, hai maneiras, hai fórmulas…

«O meu fillo chegou para encherme a vida de calma e sosego. Fíxome mellorar como cociñeira, como xefa e como persoa. Deume as forzas para cambiar o chip e darme conta de que tamén tiña que estar feliz. A partir de aí a miña vida profesional comezou a florecer máis rápido»

Tamén te formaches en Espai Sucre con Jordi Butrón. Teño entendido que durante un tempo chegouche a molestar que te considerasen pasteleira antes que cociñeira, porque ese é un rol…
…un rol de muller, claro! (interrompe). Abrín A Tafona cun socio, eramos home e muller, e xuntábanse dúas cousas: unha, que en Galicia non había moi bo nivel de pastelaría e a xente deuse conta enseguida de que a nosa era moi boa; e segundo, a xente, sempre que hai un home e unha muller, tende a pensar que a muller é a pasteleira e o home o cociñeiro. Eses prexuízos molestábanme porque eu era a alma da Tafona, sempre foi o meu proxecto, sempre fun a persoa organizadora, a que facía os pratos… Eu era o todo do restaurante.

E foi por iso polo que te apuntaches ao concurso de Cociñeiro do ano en 2016.
Eu odio eses concursos, pero era unha forma de ter publicidade, daquela o restaurante estaba de capa caída porque traballabamos só co menú do día, e o que gañabamos era o mesmo que gastabamos. Pero é certo que o concurso tamén foi unha forma de lle berrar ao mundo que eu era cociñeira e non pasteleira, que parece que che dicían: si, si, pero o que cociña é o teu socio. E iso jode (remarca ben o son gutural do iota). Jode cando estás deixando a vida detrás dos fogóns. Clasifiqueime para a final e quedei segunda. Fun alí co meu neno de 23 días, así que foi unha derrota que soubo a vitoria.

Hai tres anos é cando se produce ese gran cambio do que nos falaches, verdade?
Hai tres anos que naceu o meu neno, hai tres anos que rompín co meu socio, hai tres anos que quedei soa no restaurante e, claro, verme soa, cun neno dun mes, con moitas limitacións económicas, porque quedei bastante tocada cando separamos a sociedade… E tiven a sorte de que viñeron comer uns americanos a través dun amigo e propuxéronme abrir en Nova York.

Falamos do restaurante Tomiño en Little Italy?
Si, si, ese foi o gran punto de inflexión. Permitiume vivir un reto cara a min mesma. Estaba acostumada a traballar cunha man dereita e non saía da miña cociña, levaba oito anos sen vacacións. E pasei diso a organizar un restaurante desde a distancia, facer o deseño das cociñas, das cartas, viaxar para elixir o xénero, material, provedores… Todo iso reforza porque tes que saír do teu limiar de tranquilidade e superar retos.

Cal é a túa relación co Tomiño agora mesmo?
Son o que chaman a chef executiva. Son a responsábel da carta, a responsábel de ter alí dúas persoas que pasaron polo meu restaurante e se formaron para levar o restaurante en Nova York… O meu reto foi organizar desde cero a cociña, formar xente, estruturar a carta, facer todo o receitario e, puntualmente, viaxar para ver que se pode achegar de novo.

Cantas veces ao ano viaxas a Nova York?
Unha vez ao ano, normalmente. É unha cociña tradicional galega, son as miñas receitas pero alí non se busca o mesmo que na Tafona e en Lume, que é moito movemento e cambio. Alí temos unha carta moi fixa, con algún que outro fóra de carta en tempada. Están os grandes clásicos galegos e pouco matiz hai que lles dar.

Ten boa aceptación a cociña galega nos Estados Unidos?
Pois mira, nun ano conseguimos o que non conseguín eu até os seis aquí na Tafona. Conseguimos o Bib Gourmand que é como a estrela Michelín á mellor relación prezo-calidade. Din que é a canteira das estrelas. O orgullo é que non só vai a xente española que vive en Nova York, temos moitos clientes asiáticos, moitos neoiorquinos. Eu estou feliz porque a xente goza, come rico. Come Galicia.

E hai un ano abriches Lume nas Ameas. Que é Lume para ti?
Lume significa a posibilidade de que todos eses clientes que me axudaron a crecer durante oito anos teñan un sitio para seguir comendo a miña comida e non teñan que gastar tanto como na Tafona. Claro, para min A Tafona agora é algo especial. Gústame que a xente o valore así: que veña en datas especiais. Lume é máis para todos os días, máis desenfadado. Eu sempre digo que no día de mañá será o sitio onde me xubile, dándolles de comer a quince persoas e punto.

É unha casualidade que o que separa A Tafona e Lume sexa precisamente a Praza de Abastos?
Non, en absoluto. A Praza de Abastos é o centro da miña vida. Eu fago alí a compra a diario para os dous locais, teño unha vida moi centrada no mercado, nas paisanas. Non sabería cociñar por teléfono, facer os pedidos por teléfono. A paixón faime elixir cada cousa que logo van comer os meus clientes. Iso é o que fai unha boa anfitrioa, non? A Praza é un tesouro que hai que potenciar.

Coa Tafona, Lume e o proxecto do Tomiño dáste por satisfeita?
Non, para nada. A medio e longo prazo teño máis miras. Teño moita vinculación co Xapón, e nuns anos gustaríame poder levar o meu proxecto alí. É algo que teño na cabeza… e xeralmente cando me propoño algo consígoo.

A cociña galega aínda está por despuntar?
Creo que toda España está pendente de cando vai eclosionar Galicia. Temos grandísimos profesionais, un produto espectacular… Só falta que llo berremos ao mundo. Hoxe preguntábanme que faría por Santiago. Eu penso que faría de Santiago un San Sebastián pequeniño, penso que temos calidade suficiente, unha cidade moi cultural e moi rica para atraer turistas. Penso que o bo que temos en Galicia é que somos auténticos, iso atrae cada día máis xente. Ao público témolo gañado abondo.

«A Praza de Abastos é o centro da miña vida. Eu fago alí a compra a diario para os dous locais, teño unha vida moi centrada no mercado, nas paisanas. Non sabería cociñar por teléfono, facer os pedidos por teléfono. A paixón faime elixir cada cousa que logo van comer os meus clientes. Iso é o que fai unha boa anfitrioa, non?»

Contido extraído do núm. 13

E como convertemos Santiago de Compostela en San Sebastián?
Hai que dinamizar a cidade, traer aquí algún congreso, facer eventos gastronómicos… Pódense facer moitas cousas. Cando veñen os xornalistas sempre mos mandan a min para que os leve ao mercado, tomamos uns viños, abrimos unhas ostras, a xente marcha namorada, porque as experiencias que poden ter aquí non as teñen noutro sitio. Hai que facer un proxecto gastronómico a longo prazo e traer cultura, e dentro da cultura a gastronomía tamén é parte fundamental. Isto é algo que fan en moitas cidades e conseguen atraer moita xente.

Neses oito anos fóra chegaches a ter morriña?
Da familia, si. Lembro que cando vivía en Cataluña botaba de menos a choiva. En San Sebastián era máis nova e aí non botaba de menos nada, tiña ganas de comer o mundo. Pero aos 27 a morriña xa me fixo regresar, eu son moi familiar e non soportaba non ser partícipe do día a día dos meus, sentir que perdía cousas importantes das súas vidas.

E, logo dunha longa semana de traballo, cal sería un bo plan para a fin de semana?
Gústame moito a Alameda, lémbrame a infancia cos meus irmáns, curmáns… Gústame pasear por alí co meu neno, tamén camiñar pola zona vella; sempre vivín no casco histórico e pasealo é parte da miña vida. Moitas veces a vida é tan caótica, tanta loucura, que me gusta simplemente camiñar sen pensar e pensando todo, sabes? O mellor desta cidade é camiñala e deixarte levar.

Queres ollar outros contidos relevantes?
Política de privacidade

Se consente a utilización de cookies, continúa navegando ou fai clic nalgún link entenderase que consinte a nosa política de cookies e, por tanto, a instalación das mesmas no seu equipo ou dispositivo.

Se vostede quere, pode cambiar a configuración de cookies en calquera momento, configurando o seu navegador para aceptar, ou non, as cookies que recibe ou para que o navegador o avise cando un servidor queira gardar unha cookie.

Esta web utiliza cookies.
error: Contido protexido