•  981 806 528 & 670 594 685 info@coralia.gal

ribeira sacra

RIBEIRA SACRA

150 150 CORALIA

RIBEIRA SACRA

Un estado mental

Reportaxe JORGE GUITIÁN
Fotografías ALEJANDRO MORENO | GRUPO 76 PUBLICIDAD | LUISA RUBINES | EDUARDO ARMADA

Hai lugares capaces de transmitir unha atmosfera, un carácter que vai máis alá dos seus elementos visibles e que o empapa todo. É o caso da Ribeira Sacra lucense, dese recuncho no que se atopan o Sil e o Miño, que se van presentar como o nexo de unión duns territorios con moita historia e moito futuro que contar.

Volver á Ribeira Sacra lucense significa regresar sempre a un lugar novo. Velaí o seu encanto, a súa forza case magnética. O territorio marcado no mapa polo encontro dos ríos Miño e Sil capta por igual a atención de quen o elixe como o seu lugar no mundo e de quen o descobre por vez primeira.

Pode que os que coñecemos ben este espazo cheguemos a perder de vista esta sensación que flúe agochada e que nos volve levar cara a eses vales dun xeito cíclico e constante. Por iso convén volver percorrer as súas estradas xunto a alguén capaz de relatar as súas singularidades coa ollada nova de quen chegou de fóra para atopar un territorio que ía moito máis alá do que os tópicos se empeñan en contar.

Regresamos á Ribeira Sacra dispostos a redescubrila da man de Dolores Redondo, a escritora de orixe vasca que decidiu ambientar aquí a súa novela Todo esto te daré, convertendo estas paisaxes nun personaxe máis da súa narración.

«Para os meus libros escollo sempre escenarios esixentes, fermosos, nos que se sinta a espiritualidade. A Ribeira Sacra é un deles. Teño un compromiso especial coa paisaxe, co escenario, porque para min non é un simple lugar polo que transitan os personaxes senón que procuro que a paisaxe sexa esixente con eles», explícanos a escritora, antes de engadir: «Gústame que o lugar force os personaxes a sacar á luz o mellor e o peor deles mesmos, que os obrigue a contraer unha débeda cultural e vital».

Desta volta non percorremos a Ribeira Sacra cos monumentos ou coas paisaxes como fío condutor. Haberá paisaxes, como vai haber monumentos no camiño –non pode ser doutro xeito aquí- máis o que nos vai guiar por estas terras de Asma e de Lemos, como guiou a escritora, é a xente; guiarannos as persoas que levan aquí toda a súa vida, as que marcharon para volver máis adiante e as que, sendo oriúndas doutros territorios, decidiron que este era o lugar.

«O orgullo pola pertenza a un lugar é algo que sempre me interesou» sinala Redondo. «Segundo fun internándome na zona e coñecendo máis recunchos puiden captar mellor a esencia do orgullo de quen vive na Ribeira Sacra».

Unha esencia que leva a que, baixo unha aparencia de permanencia, todo aquí vaia mudando progresivamente e a que a Ribeira Sacra, consciente do seu pasado, sexa hoxe un lugar completamente novo, transformado por quen aposta por el como alternativa de futuro.

O ESPAZO E A XENTE

Percorremos este territorio histórico, a cabalo entre as dúas beiras do Miño, para atopar os artífices do seu futuro, as persoas que están preservando a personalidade única desta terra que se estende desde os pés da serra do Faro –os antigos montes do Navego- ata os montes de Lóuzara e os primeiros contrafortes do Courel no leste.

Imos á procura de xente que entendeu as raíces como un legado, como un activo de cara ao futuro, e nunca como unha carga. E comezamos por un centro simbólico, polo lugar no que o río Miño xongue as terras de Lemos e as do Asma: o territorio entre Belesar e o Cabo do Mundo. Foi neste punto onde o adegueiro Juan Luis Méndez Rojo lle deu forma a un proxecto que sintetiza en boa medida todo o que está a acontecer neste sur lucense.

Vía Romana é cultura do viño, é escala e paisaxe. Nada aquí é grandioso, de dimensións desproporcionadas. Ao contrario, esta adega pendurada sobre o val ten as dimensións propias do lugar, domésticas, amables. Amosa coma poucas o valor do pequeno, da proporción humana. A grandiosidade reside nos detalles que se van atopando na visita: nos muros de pedra que poden lerse coma un libro, desvelando os capítulos construtivos a quen os procure con atención; a súa grandiosidade reside nun balcón. Nese balcón.

«Cheguei ata alí por Belesar», relata a escritora gañadora do Premio Planeta 2016. «Nunca esquecerei a impresión que me causou aquel pequeno lugar, á beira do Miño, e a estrada de curvas bordeando as terrazas empinadas de viñedos. Fascinoume a simpatía do persoal da adega (…) E as vistas desde o balcón». Tanto foi así que o lugar, o edificio, a súa situación sobre o val acabaron por inspirar a adega Heroica de Todo esto te daré.

O val, unha coitelada verdella de norte a sur, acubilla centos de anos de historia nos socalcos que gabean polas costas de Amedo a Pincelo, o embigo desta paisaxe de ecos mitolóxicos, onde a viticultura é heroica, dando lugar a adegas que só teñen razón de ser neste lugar do mundo. É a vía romana, transformada co paso do tempo no que hoxe coñecemos como Camiño de Inverno, un dos ramais menos transitados do Camiño de Santiago, que baixa por Diomondi para ascender logo, lenta, cara a A Ermida e de alí a Líncora.

Todo isto, A Ribeira Sacra que hoxe vemos, ese territorio que se modernizou en poucos anos é o froito da historia. Mais, ao mesmo tempo, é o froito do empeño de xente que viu o potencial de futuro desta terra.

Xente como Roberto, que desde o restaurante Os Pendellos reivindica a cultura gastronómica de sempre, a do polbo á feira, a do produto e receitario local, apostando desde hai anos por unha fórmula, hoxe recoñecida, que no seu momento foi revolucionaria na zona. Unha polbeira contemporánea? A cociña máis esencial como razón de ser? Por que non?

Xente como Luisa, que volveu despois de anos en Londres para poñer en marcha Quinta Sacra, un pioneiro proxecto de actividades náuticas que posibilita que xente de todo o mundo poida descubrir o Miño desde unha perspectiva inédita.

Xunto a eles, xunto ao seu esforzo, ducias de pequenos proxectos dan vida a estas terras de resonancias míticas. Xa non son soamente as igrexas románicas ou os vestixios arqueolóxicos os que lle dan sentido ao mapa senón que este aparece agora punteado tamén con queixerías, con establecementos hostaleiros, con casas rurais.

Ou con neoartesáns. Como Elías, que na casa reitoral de Gundivós (en Sober) mantén vivo o legado de Lula Rodríguez, de Agapito González, de Federico Díaz ou de Xosé Ventura, chamados a ser os derradeiros oleiros de Gundivós e que foron quen de trasladar a sabedoría de séculos de artesáns da aldea á seguinte xeración.

Aquí agardan por nós casas rurais como Cabo do Mundo, pioneira na beira do Asma, a Casa Grande de Rosende, outra das fundacionais, do outro lado do Miño, ou os Apartamentos Río Sil, por mencionar un proxecto de absoluta actualidade. Entre elas podemos marcar un dos moitos percorridos posibles, que ben pode pasar xunto á foz inmensa da presa de Belesar, ao pé da impresionante igrexa de Ribas de Miño. Ou deterse no mosteiro do Divino Salvador de Ferreira de Pantón, xa sexa pola súa arquitectura ou polos doces que as monxas nos ofrecen a través do torno.

O noso camiño ben podería desviarse ata os miradoiros e achegarse ao da Cova, ao pé do castro de Arxeriz. E desde alí poderiamos dirixirnos ao Miradoiro das Marabillas, sobre a aldea de Marce e a fervenza máxica de Augacaída, para continuar cara aos da Pena Pombeiro, A Cividade e Santiorxo, antes de visitar o mítico santuario das Cadeiras. Non sería un mal plan volver despois por Proendos, cuxo nome posúe sonoridade mítica; unha localidade levantada sobre unha vila romana que, aos poucos, comeza a deixarse descubrir. E se despois pasamos por Atán ou Eiré, poderemos comprobar que hai mil románicos distintos na Ribeira Sacra, como confirman as capelas que agroman entre as viñas para vixiar o val.

Daquela banda era parte da miña familia. Os Guitián de Casar de Cima. Un deles namorou dunha muller de Cristosende, na Teixeira. Tan preto e tan lonxe. Apenas 4 quilómetros en liña recta que lle supuxeron ao meu bisavó baixar con frecuencia case 600 metros de ladeira para subilos, a continuación, gabeando costa arriba ata a casa pendurada sobre o val. E así ata que casaron.
E a nosa historia familiar prosegue, coma tantas na Ribeira, en Monforte, onde o meu avó estudou no internado dos Escolapios, no Colexio do Cardeal. Mais esa é outra historia. Unha de tantas de xente que marchou e agora, con frecuencia, retorna para lle dar nova vida a este recuncho do sur da provincia. Ou para tratar de relatala, como é o caso.

A ENOGASTRONOMÍA

Outro dos motivos que fan especial á Ribeira Sacra lucense é a súa enogastronomía. Do viño xa temos falado. E máis que falaremos, cada vez que entremos nunha casa de comidas, cada vez que nos acheguemos a Amandi ou a Doade, a Bolmente ou a Cascortés, a Belesar, a Costoira ou a Fondo da Vila. Falaremos del no Centro do Viño da Ribeira Sacra, buscando tabernas no Monforte de herdanza sefardí ou nos bares de Chantada. Neste intre non podemos deixar de falar dos pratos, das receitas antigas, e xunto a elas, dos cociñeiros da comarca que están a propoñer unha nova cociña.
Falamos xa de Roberto e dos seus Pendellos, como poderiamos ter falado do caldo de ósos de Taboada ou das ferroviarias sopas de allo monfortinas. Do pan, das zocas, das castañas, do leite mazado.
Temos que falar, aínda, do traballo que fai Toño no restaurante A Faragulla, un motivo máis para percorrer devagar o casco antigo de Chantada e para descubrir como a cociña das Terras do Asma se postula como unha ferramenta de futuro. Estando aquí sería boa cousa visitar o Mánix e descubrir as súas empanadillas. Esta convivencia entre tradición e modernidade dálle sentido aquí a moitas cousas.

E tamén temos que falar de Ana, Ricardo e Xesús, e da súa queixería Airas Moniz, que en poucos anos foi quen de colocarse entre as máis prestixiosas (traendo ao presente o nome do trobador, Airas Moniz d’Asma). E das cerdeiras, que estouran de froita por todo o val anunciando o verán. Ou achegarnos a Penasillás, ao pé do Faro, a tomar unha carne ao caldeiro. Temos, en definitiva, que percorrer paseniñamente os seus camiños para entender o universo da Ribeira Sacra.

A Ribeira Sacra lucense é, en certo sentido, unha versión a escala da Galicia contemporánea: un lugar que se reinventa, en constante cambio, que crece e acolle proxectos con alma; un territorio creativo que aspira a converterse en referencia para un turismo responsable e consciente, capaz de xerar valor engadido. Un turismo, en palabras de Dolores Redondo «sustentable, de calidade, que trate o lugar co máximo respecto», un lugar orgulloso de seu e do seu lugar no mundo «sinónimo de autenticidade para sempre».

Poucas bisbarras teñen deixado unha pegada tan fonda e tan nidia no noso imaxinario coma esta. E poucas, ao mesmo tempo, son tan descoñecidas como o é a Ribeira Sacra, unha terra que esixe vir e cambiar de ritmo, que só pode ser descuberta desprendéndose de ideas preconcibidas e entendendo que un lugar é moito máis ca un territorio: é un xeito de vida. É un estado mental.

Queres ollar outros contidos relevantes?

FITUR

150 150 CORALIA

Coincidindo coa saída do número 15 da revista, vimos de presentar unha edición especial de Coralia, coa que agasallar aos visitantes do stand institucional de Galicia na Feria Internacional del Turismo de Madrid. A súa presentación nas Adegas Méndez-Rojo de Chantada o pasado sábado 11 de xaneiro foi todo un acontecemento, no que autoridades de diferentes eidos quixeron festexar connosco a saída desta edición tan especial.

Crónica de FRED IGLESIAS I Fotografías de MARÍA DE LA FUENTE SEOANE

Hai tres meses desfrutamos dunha experiencia absolutamente máxica nas chantadinas adegas Vía Romana (A Ermida, Belesar). Foi unha intensa xornada de vendima heroica na deliciosa compaña de Lucía Pérez, a quen fotografamos e entrevistamos no corazón dunha Ribeira Sacra atestada de verdes e púrpuras, nun luns de outono no que o sol brillaba con intensidade e as nespras ían e viñan a centos seguindo o doce arrecendo da uva madurada. Foi un día perfecto, tanto que cando o equipo estudaba os posibles emprazamentos para a presentación do número que ía ir a Fitur, todos e todas tivemos claro que non podería haber mellor escenario que as adegas da familia Méndez-Rojo, onde nos recibiran cos brazos abertos e todo foran facilidades. Sabiamos que regresando a Chantada viviriamos un día inesquecible e que quen acudira á nosa chamada o sábado 11 de xaneiro volvería a casa co mellor sabor de boca e desexando regresar o antes posible á Ribeira Sacra. Pola nosa parte, só podemos dicir que o afecto, a capacidade organizativa e a xenerosidade de Juan Luis Méndez-Rojo e do seu equipo -do que non podemos deixar de mencionar a  Jimena Santalices e a Dioniso Oseira-, superou amplamente as nosas expectativas. Grazas!

Casiano Fernández, Sara Inés Vega e Lucía Pérez

Cecilia Pereira e José Manuel Balseiro Orol

Román Rodríguez e Juan Luis Méndez-Rojo

Román Rodríguez e Ana Pastor

Para presentar o número de Fitur contamos coa mellor compaña:
Ana Pastor, vicepresidenta segunda do Congreso dos Deputados; Carmen Pomar, conselleira de Educación; Román Rodríguez, conselleiro de Cultura e Turismo; Valentín García Gómez, secretario xeral de Política Lingüística; Borja Verea Fraiz, secretario xeral de Economía; Susana López Abella, secretaria xeral de Igualdade; José Manuel Balseiro Orol, delegado territorial da Xunta en Lugo; Mª José Gómez Rodríguez, xefa territorial de Cultura e alcaldesa de Guntín; Elena Candia, alcadesa de Mondoñedo; Sara Inés Vega, alcaldesa de Castro Caldelas; Manuel Varela, alcalde de Chantada; Luis Fernández, alcalde de Sober; Héctor Corujo, alcalde do Incio; Cecilia Pereira, comisaria do Xacobeo21; Iria Otero, concelleira de Turismo do Concello de Teo, ou Marta Lucio, directora do Museo do Mar de Vigo. 

Luis Fernández Guitián, Manuel Varela, Román Rodríguez, Ana Pastor, Juan Luis Méndez-Rojo, José Luis Álvarez, José Manuel Balseiro Orol, Mª José Gómez Rodríguez e Héctor Corujo

Foi unha honra contar coa súa presenza, como o foi ter a compaña de Suso do DezaseisLucía PérezJorge Mira, Budiño, Elena Salgado, Vizcaíno, María Solar, Jaime Pérez, Prado Loureiro, Yessenia Guerrero, Manuel Carrete, Alberto Ribas, Carmen Lago, Katuxa Platero, Isabel Patiño, Airas Moniz, Xema Varela, Dolche peluqueros, Paula Cabaleiro, María Caldelas, Rodrigo Mosquera, Mercedes Vázquez, Bea Barril, Yago López Cabanas, Ángel Souto, Patricia Jack, José Antonio Vázquez e todas os amigos e amigas que celebraron connosco a chegada da Edición Fitur de Coralia.
Aos uns e aos outros queremos darvos as grazas por tanto afecto e por tanto calor.

Suso do Dezaseis e Álex Regueiro

Fred Iglesias e Álex Regueiro

Fred Iglesias e Iria Otero

Actuou como mestre de cerimonias Álex Regueiro, director de comunicación de Miranda Priestly, empresa editora da revista Coralia, que quixo dar as grazas a todas e todos os que nos axudan a medrar e tiran de nós -como é o caso de Valentín García Gómez, secretario xeral de Política Lingüística, e Suso do Dezaseis-, e a todos os que lle fixeron un oco na súa axenda e no seu corazón a Coralia.

Ana Pastor, Manuel Varela e Álex Regueiro

Chegaron a continuación as intervencións máis agardadas, que abriu Manuel Varela, alcalde de Chantada, á que seguiron a de Juan Luis Méndez-Rojo, o anfitrión do evento, a do conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez (que é entrevistado neste número), e a de Ana Pastor, vicepresidenta segunda do Congreso dos Deputados, cuxa presenza nas adegas foi gardada en segredo ata o último momento, e cuxa accesibilidade e profundo coñecemento da realidade da comarca cativou aos presentes. Todos coincidiron en facer unha apaixonada defensa da candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio da Humanidade e referir todas as marabillas que garda Chantada e toda a súa área de influencia. E todos foron xenerosísimos con Coralia e coa súa perspectiva do ser e o sentir galego.

Juan Luis Méndez-Rojo, Román Rodríguez, Ana Pastor e Manuel Varela

Igual de xenerosa foi Lucía Pérez, protagonista da portada deste número, que puxo o broche de ouro ao acto coa súa sensibilidade, dozura e beleza. Cativounos coa súa autenticidade e emocionounos a carón de Vizcaíno, dándolle voz á terra e á montaña.

Lucía Pérez e Vizcaíno

E, despois de tantos instantes únicos que gardar no álbum de Coralia, brindamos e brindamos e volvemos brindar polos noso anfitrións, pola Ribeira Sacra e polo éxito en Fitur. Brindamos cos viños que non entenden de présas: os soberbios VR BarricaVía Romana Godello, Vía Romana Mencía e Vía Romana Rosado. Ademais, Galicia Calidade agasallounos cunha magnífica selección de queixos de Anzuxao, embutidos de Torre de Núñez, melindres da Tahona de Melide e conservas de Luis Escurís Batalla, unhas delicias que foron excelentemente acollidas polos asistentes; como tamén o foron os impresionantes xeados de La Central Heladera, cuxas mesturas, presentación e variedade de sabores nos deixaron sen palabras.

Todos os que facemos a revista agardamos que a Edición de Coralia para Fitur sexa do voso agrado, e faríanos moi, moi felices que nalgunha das súas páxinas recoñecerades a Galicia que tanto amades e que tanto amamos.

Valentín García Gómez e Marta Lucio

Budiño e Elena Salgado

Juan Luis Méndez-Rojo, Jimena Santalices, Cecilia Pereira, Dionisio Oseira e Jorge Mira

Grazas a todas e a todos.

Rosa Illodo

Tamén é actualidade en Coralia:
Política de privacidade

Se consente a utilización de cookies, continúa navegando ou fai clic nalgún link entenderase que consinte a nosa política de cookies e, por tanto, a instalación das mesmas no seu equipo ou dispositivo.

Se vostede quere, pode cambiar a configuración de cookies en calquera momento, configurando o seu navegador para aceptar, ou non, as cookies que recibe ou para que o navegador o avise cando un servidor queira gardar unha cookie.

Esta web utiliza cookies.
error: Contido protexido