•  981 806 528 & 670 594 685 info@coralia.gal

tejedor otero

arquitectura

150 150 CORALIA

Nesta vivenda situada en Mera asistimos a un poderoso equilibrio de contrastes, que nos inspiran a falarmos de confluencias necesarias: entre interior e exterior, entre modernidade e posmodernidade, e moi especialmente, entre profesionais e propiedade.

Reportaxe de XEMA VARELA
Fotografías de HÉCTOR SANTOS-DÍEZ

Agrada ver que a arquitectura está cada vez máis preto das persoas e que vai quedando atrás a época na que as rixideces do movemento moderno lle facían pensar a moita xente que encargar o deseño dunha casa significaba enfrontarse a un abafante exercicio de divismo. Aquí apréciase unha singradura conxunta, unha unión de forzas para chegar ao mellor porto posible.

Nestes tempos de incertezas, baixo o paradigma da reestruturación económica e a influencia do posmodernismo, desvélanse interesantes ferramentas de xogo que, como por exemplo a hibridación, amplían o espectro de posibilidades. Alguén se sorprende hoxe de ver un pantalón vaqueiro combinado cun abrigo de pel? Estas mesturas, no seu día irreverentes, tamén atopan a súa expresión no ámbito do interiorismo en Galicia e funcionan como ponte de enlace entre a súa vertente máis culta e a máis informal.

Desta vivenda, obra dos arquitectos Tejedor e Otero, queremos destacar precisamente a destreza das súas mesturas que, sen ánimo de grandilocuencias, lle confiren unha interesante riqueza espacial e unha sutil habilidade para chegar ao lado íntimo das persoas.

Desta vivenda, obra dos arquitectos Tejedor e Otero, queremos destacar precisamente a destreza das súas mesturas que, sen ánimo de grandilocuencias, lle confiren unha interesante riqueza espacial e unha sutil habilidade para chegar ao lado íntimo das persoas.

Partindo do forte carácter dunha traballada envolvente de formigón, en conexión co mar e coa paisaxe, vainos sorprendendo a revelación dun interior cargado de matices. É entón cando a cor comeza a aparecer, resaltada sobre a constante presenza gris do formigón e servíndose do negro como fío condutor.

O dourado dos elementos en latón establece un diálogo sen complexos entre as tendencias mid-century e a ansia de permanecer do continente. Detalles preciosistas que se conxugan con acabados rudos como os da madeira dos cercos das xanelas. Pezas de mobiliario con apelidos relaciónanse con outras máis anónimas. Composicións moi medidas déixanse seducir polo aparentemente improvisado. Luces e sombras, brillos e mates, fascinación dos contrarios.

Como protagonista principal, o espazo único de salón, comedor e cociña anticípanos a intensidade das sensacións que atravesan toda a vivenda. Alí moldéase a luz natural a través de aperturas en diferentes orientacións da fachada e podemos percibir o olor a brisa mariña mentres nos abraza o son das ondas.

Todo flúe nun escenario no que xorden de xeito natural os debates pendentes, porque unha casa non é só un espazo que deba servir a quen a habita, senón que os conceptos que a percorren teñen un impacto na sociedade. Só hai que imaxinar como sería vivir nun bloque de vivendas da antiga Unión Soviética ou nunha casa da América do Norte da posguerra.

É labor dos profesionais debullar e encher de significados coherentes as nosas vivendas, e entre a amalgama de temas que hai que abordar, destacariamos a urxencia da redefinición de dous espazos fundamentais: a cociña e o cuarto de baño. Herdeiros dunha tradición funcionalista, na que se primaba a eficiencia no desenvolvemento das tarefas, quedaron atrapados nun traxe que lles vai estreito, nunha aparencia fría e en exceso hixienista.

Modelos herdados do século pasado aos que cómpre darlles a volta pouco a pouco, e aos que esta casa en Mera (Oleiros) lles achega a súa particular e interesantísima visión, a través dunha cociña e un baño pensados como espazos de convivencia, comunicados axilmente co resto da casa e incluso co exterior da mesma.

Atrápannos ao instante e deixa lugar para a improvisación e o caos. Vese que a medida xusta se funde coa vontade de romper un pouco as normas.

O baño non é unha única estancia pechada en si mesma. Composto de varios recintos, permite que a bañeira, os lavabos e incluso a ducha, entren en comunicación co exterior, abríndose a este a través de grandes cristaleiras.

No seu conxunto, esta casa está chea de deliciosos recantos, enlazados uns a outros a través de coidadas transicións. Hai lugar para a intimidade e tamén para a extroversión, funciona como refuxio de inverno e como lugar de encontro para o verán. Discreción e carácter unidos redundan nun dinamismo e nunha alegría que contaxian.

Resulta ademais inevitable que nos cative o atractivo da súa luz, que ao longo das diferentes horas do día, vai creando sinuosos efectos e impregnando de matices as madeiras, os mármores, os metais… Materiais naturais pensados para durar e empaparse dunha historia de vida.

En palabras dos arquitectos Tejedor e Otero: “esta casa foinos sorprendendo pouco a pouco, na execución de cada elemento. Hai algo máxico no feito de concibir unha cousa e ver que se fai palpable”.

Quedámonos con iso. Aquí hai algo máxico.

Contido extraído do núm. 14

Queres ollar outros contidos relevantes?
Política de privacidade

Se consente a utilización de cookies, continúa navegando ou fai clic nalgún link entenderase que consinte a nosa política de cookies e, por tanto, a instalación das mesmas no seu equipo ou dispositivo.

Se vostede quere, pode cambiar a configuración de cookies en calquera momento, configurando o seu navegador para aceptar, ou non, as cookies que recibe ou para que o navegador o avise cando un servidor queira gardar unha cookie.

Esta web utiliza cookies.
error: Contido protexido