•  981 806 528 & 670 594 685 info@coralia.gal

torculo

Coralia en verán

150 150 CORALIA

Entre bambú e xasmín, na idílica terraza do Hotel San Miguel presentouse o novo número de Coralia, unha revista dedicada ao verán e ás súas festas. E como non podía ser de outra forma, os amigos e as amigas ateigaron este fermoso recuncho demostrando que a familia de Coralia medra número a número.

Crónica e imaxes de MATEO CODESIDO

O pasado día 1 presentouse o número de verán de Coralia. O escenario era perfecto para unha presentación ao aire libre, a pesar das nubes ameazantes e do norte  que fixeron ás chaquetas protagonistas. Momentos antes de chegar os asistentes, Budiño probaba o son, enmarcado pola descomunal portada número 13, até deter o paso do tempo. Coas guitarras xa afinadas, o mestre do vento aclarou a súa voz cun té con limón mentres confesaba que para el todo isto de cantar era novo. «Aínda estou aprendendo» afirmaba cun sorriso transparente mentres o seu compañeiro de actuación, Brais Morán, dicía entre risos, «se ti es o que estás aprendendo, non sei como estaremos os demais».

A xente foi chegando e a exuberante terraciña do Solleiros quedouse pequena para unha gran xuntanza de amigos na que non faltaron saúdos efusivos, reencontros e gargalladas. Estiveron con nós moitas autoridades municipais: Gonzalo Muíños (quen interveu no acto), Mila Castro e Mercedes Rosón, do PsdeG, Martiño Noriega e Jorge Duarte, de Compostela Aberta ou Goretti Sanmartín, do BNG. Tamén nos acompañaron altos representantes do goberno autonómico como a conselleira de Educación, Carmen Pomar, o director xeral de Políticas Culturais, Anxo Lorenzo, a directora xeral de Comercio e Consumo, Sol María Vázquez Abeal, o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García Gómez, o xerente do SERGAS, Antonio Fernández-Campa ou a xerente da Fundación Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro. Todos gozaron desta festa como amigos que son de Coralia. Canda eles estaban persoeiros como Charo Froján, directora artística de D-Due, Carmen Fernández, decana da Facultade de Educación, a activista cultural Pilar Sampedro, os creadores Xema Varela, Rosa FigueroaKatuxa PlateroMónica Mura e Edu Valiña, a editora Isabel Patiño ou, entre outros moitos, a profesora Concha Fernández e a xornalista Tareixa Navaza. Empresarios de éxito como Lucía Freitas, Cyra Calvo, Chus Moure, Manuel Moscoso, Álex Sande, Carmen Rabuñal ou Delmiro Prieto tamén fixeron un oco na súa axenda á presentación da revista. Dar conta de toda a xente especial que alí se congregou é unha tarefa imposíbel, pois por sorte os eventos de Coralia hai tempo que representan datas sinaladas do calendario.

Non imos negar que nos encheu de ledicia contar coa compaña de Margarita Ledo, Tino Martínez, María Solar e Encarna Otero, que xa foron portada da revista e son parte desta gran familia que é Coralia.

Por terceira vez, entregamos as Peneiras, xentileza de Tórculo -ao igual que o fondo do escenario-, cuxos gañadores foron elixidos polas lectoras e lectores da revista a través do noso Facebook. Estes son gañadores da primavera:

Parque de Bonaval
A nosa zona verde favorita
Entrega Beti López
Recolle Mila Castro

Restaurante San Clemente
O establecemento co mellor aperitivo da cidade
Entrega Chus Moure
Recolle Emilia Vázquez Losada

San Pedro
A nosa rúa favorita para irmos de compras
Entrega Katuxa Platero
Recolle Mercedes Rosón

Bodeguilla de Santa Marta
A cociña máis creativa de Compostela
Entrega Pablo Couceiro
Recolle Jose Míguez

Bico de Xeado
O mellor xeado da cidade
Entrega Budiño
Recolle José María Calo Faraldo

Xosé A. Sánchez Bugallo
O máis votado para a alcaldía de Santiago
Entrega Vítor Belho
Recolle Mercedes Rosón

Martiño Noriega
O máis votado para a alcaldía de Compostela
Entrega Vítor Belho
Recolle Martiño Noriega

Suso do Dezaseis
O número 1 do portal coralia.gal
Entrega Jacobo Bermejo
Recolle Alba Belho

E ao fin chegou o momento máis agardado: o showcase de Budiño a dúo. Xosé Manuel, na compaña de Brais Morán, abraiou aos asistentes coa súa fermosa voz presentando varios temas de Fulgor, o seu traballo máis recente. Por certo, todos os discos postos á venda para recadar fondos para o Refuxio de Bando voaron, así que se o queredes escoitar bulide a mercalo. Paga verdadeiramente a pena.

O acto rematou como debe rematar unha xuntanza de amigos, con risos, unha copa de bo viño e uns petiscos xentileza do espazo gastronómico Solleiros e Pan da Moa.

A xuntanza prolongouse durante horas até que as obrigas deixaron as conversas en suspenso -quizais até a festa do outono-. Nunha noite de verán tipicamente compostelá as estrelas volveron brillar intensamente. Grazas!

Tamén é actualidade en Coralia:

Coralia en primavera

150 150 CORALIA

O número de primavera de Coralia presentábase este martes, 26 de marzo, no templo da cultura compostelá, a Libraria Couceiro, que este ano cumpre medio século de vida. Personalidades, autoridades e representantes do mundo da política, a cultura ou o comercio acudiron a unha cita que precisou de máis espazo para dar cabida á grande afluencia de amizades que quixeron acompañarnos.

Crónica e fotografías de MATEO CODESIDO

Cheguei pasadas as sete e media á Libraria Couceiro. «Que lugar máis apropiado para a presentación!», foi o primeiro que pensei. No corazón da Praza de Cervantes, emblema do comercio compostelán, preséntase unha revista dedicada ao comercio. Todo ben.

Non puiden ter un recibimento mellor. Xesús Couceiro en persoa e o seu fillo Pablo déronme a benvida e indicáronme amabelmente que o evento se celebraría no segundo andar. Ao ser a libraría máis antiga de Compostela non contaba con el, pero ao chegar arriba decateime de que había ascensor; unha libraría adaptada e accesible. Eu, que podo, subín as escaleiras gozando da maxia de cada espazo.

No camiño atopei a Valeria Pereiras, redactora xefa da revista e, hoxe tamén, anfitrioa. Apenas cinco ou seis persoas agardaban a chegada dos asistentes. Entre elas Álex e Alfredo, entre impacientes e expectantes. Axiña foron chegando os primeiros asistentes. O alcalde de Santiago, Martiño Noriega e a candidata do BNG e vicepresidenta da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín, foron as primeiras autoridades en facer acto de presenza. Representantes do Goberno galego, como a conselleira de Educación Carmen Pomar e o secretario xeral de Política Lingüística Valentín García, os candidatos á alcaldía do PP e Compromiso por Galicia, Agustín Hernández e Xoan Bascuas, a xerente da Fundación Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro, e moitas outras persoas convidadas foron enchendo o segundo piso de Couceiro de saúdos, bicos, apertas, risos e a sensación de que estaban nun evento que apetecía. Como a cea de Nadal cando levas moito tempo sen comer marisco. A xente tíñalle ganas.

Cando me din conta, as cadeiras estaban todas ocupadas, e a xente ateigaba as escaleiras tanto de subida como de baixada, coma paxariños nas pólas dunha carballeira. Coralia non quixo demorar e arrincou a presentación, incluída a actuación de Falua. Mentres gozabamos da súa fermosa música, apareceu Encarna Otero, a protagonista da capa, que chegaba tarde doutro evento –«a maxia de Compostela», dixo, «tantos eventos e cousas interesantes»–. Entrevistada por Valeria Pereiras para este número 12 da revista Encarna Otero, exprofesora de Álex e Alfredo, é a personificación do amor incondicional por Compostela, unha muller comprometida pensando constantemente en como mellorar a vida da cidadanía de Santiago.

Os risos compartidos e as sorpresas dominaron a presentación. Non foi un «yo he venido aquí a hablar de mi libro». As anécdotas, o dinamismo e o humor irreverente co que acostuman encandear Álex e Alfredo foron a tónica do evento. Di que si. Xa está ben de tanto discurso politicamente correcto. Tamén houbo tempo para reivindicar e mandar algunha indirecta. Nalgún momento víase baixar algunha cabeza como cando na escola che mandaban corrixir un exercicio e ti non o tiñas feito. Mais, ao final, o sorriso foi unánime.

Presentación Coralia primavera

Encarna foi a encargada de descubrir a capa da revista. Despois do «Ooooooh!» xeneralizado a sala arrincou en aplausos contemplando a ilustración de Encarna Otero realizada polo director de arte da publicación.

E o gran momento da noite produciuse coa entrega das peneiras. Eses distintivos cos que as lectoras e os lectores de Coralia elixen a «crème de la crème» da cidade. Desta vez os galardóns eran ben xeitosos. Patrocinounos Tórculo. Descoñecía eu que fixeran ese tipo de traballos.

A peneira de Coralia
Tórculo Mazarelos
Máis información aquí
Telf. 981 806 528

Parque da Alameda
O lugar máis romántico de Compostela
Entrega Ana Portals —do espazo gastronómico Solleiros—
Recolle Martiño Noriega Sánchez, alcalde de Santiago

O Dezaseis
O favorito para ir de viños
Entrega Elena Fabeiro, xerente da Fundación Artesanía de Galicia
Recolle Esteban Vázquez

Praia de Compostela (Vilagarcía)
A praia de Compostela
Entrega Cristina Doel, de Catrineta
Recolle Valentín García Gómez, secretario xeral de Política Lingüística

San Clemente
A mellor tapa
Entrega Elías Rozas, de Compostela Campers
Recolle Juan Ramón Vidal

A peneira de Coralia

Pub Momo
O pub máis enxebre
Entrega Eva Cividanes, de Queroté
Recolle Begoña, do pub Momo

Merlín e familia
A artesanía máis auténtica
Entrega Rita Sobrado, vicepresidenta da Asociación Hostelería Compostela
Recolle Patricia, de Merlín e familia

Casa das Crechas
O local con máis marcha
Entrega Óscar de Toro, de Café Venecia
Recolle Esteban Vázquez

Coas peneiras entregadas, Falua cerrou o acto e todo o mundo se dispuxo a recoller un exemplar da revista.

Coma sempre, a presentación non defraudou. Detrás dun acto coma este hai sempre unha maneira diferente de facer e contar as cousas.

Foi a primeira vez que acudía desde que son parte de Miranda Priestly, empresa editora da revista, e para min supuxo toda unha experiencia. O mesmo habería que ir reservando data e modelo para a presentación do número de verán porque vai ser boa! Prometido.

Coralia na libraria Couceiro

Tamén é actualidade en Coralia:
Política de privacidade

Se consente a utilización de cookies, continúa navegando ou fai clic nalgún link entenderase que consinte a nosa política de cookies e, por tanto, a instalación das mesmas no seu equipo ou dispositivo.

Se vostede quere, pode cambiar a configuración de cookies en calquera momento, configurando o seu navegador para aceptar, ou non, as cookies que recibe ou para que o navegador o avise cando un servidor queira gardar unha cookie.

Esta web utiliza cookies.
error: Contido protexido