•  981 806 528 & 670 594 685 info@coralia.gal

von touceda

Cecilia Pereira

150 150 CORALIA

Citámonos con Cecilia Pereira, a comisaria do Xacobeo, un venres pola tarde no CGAC. Chega cansa e algo revolucionada. Móvese con rapidez. Quedan aínda dous anos para o Xacobeo, pero Cecilia non para. Fainos un aceno para que agardemos por ela e saúda cariñosamente aos traballadores do Museo, moitos deles excolegas seus. Tras doce anos fóra de Santiago, Cecilia retornou en 2018 para afrontar o maior reto da súa carreira: liderar a organización do Xacobeo que máis se demorou (once anos) desde que no 93 comezaran os Xacobeos modernos. É unha empresa titánica, pero Cecilia afróntaa con seguridade. A mesma coa que nos expón as súas ideas sobre o Ano Santo, o Camiño, Santiago, o turismo ou o comercio. A conversa prolóngase tanto que nos acaban botando da cafetaría do CGAC porque, sen decatarnos, superamos amplamente a hora de peche.

Entrevista de JAVIER PEÑA LÓPEZ
Fotografías de ALFREDO IGLESIAS

Como foi a chamada na que se che ofreceu ser comisaria do Xacobeo?
Non foi algo inmediato. A primeira chamada produciuse moitos meses antes do nomeamento. Polo que eu sei, había outros dous candidatos, pero nunca cheguei saber os nomes. Houbo varias entrevistas, pedíronme un proxecto, un programa… O contacto inicial foi a finais de xullo de 2017 e a chamada do presidente Feijóo para dicirme que fora elixida recibina regresando de México. Nunca o esquecerei. Volvía de pasar fin de ano en Oaxaca. Así que foi un proceso de varios meses.

E que foi o primeiro que pensaches ao ser elixida: vaia oportunidade ou vaia papeleta?
O primeiro que pensei foi que era a única oportunidade pola que eu volvería a Galicia, porque estaba moi contenta cos proxectos que estaba facendo en Madrid.

Que era o que facías?
Eu marchei de Santiago en 2006 para ser directora de actividades da Sociedade Estatal de Exposicións Internacionais, que se ocupaba de definir, crear e xestionar os pavillóns de España nas grandes Exposicións internacionais e universais. Ocupámonos de varias, entre elas a de Zaragoza en 2008. Fun directora do pavillón de España na Expo Universal de Shanghai en 2010 e foi unha experiencia alucinante [remarca cada unha das sílabas]. En 2012 vivín en Corea e fun comisaria xeral de España na Expo de Yeosu.

«O que queremos é que este sexa o xacobeo de toda galicia, ese é o noso lema. Ten que ser unha celebración que goce toda a comunidade»

Es consciente, polo tanto, de que hai moitas expectativas postas neste Xacobeo despois de once anos de espera?
Si que o son. O que queremos é que sexa o Xacobeo de toda Galicia, ese é o noso lema. Ten que ser unha celebración que goce toda a comunidade. Queremos desestacionalización, descentralización…

Ese é un camiño que xa se abriu en 2010.
Iso teño entendido. Eu non o vivín porque entón non residía aquí. Desexamos impulsar aínda máis ese camiño, e que cada unha das persoas que viven en Galicia sinta o Xacobeo como algo propio.

É o Xacobeo 2010 un espello no que se mirar?
Eu iría aínda máis atrás. Lembro a ilusión do Xacobeo 93. Que me gustaría? Recuperar esa ilusión, esa maxia, ese descubrimento.

Que lembras daquel primeiro Xacobeo moderno?
Era unha época na que todos viaxabamos infinitamente menos. Recordo ver no Obradoiro aos Derviches Xiróvagos [bailaríns da danza sufí que executan unha das cerimonias máis coñecidas de Turquía]. Como me fascinaron! Foi tamén a primeira vez que vin teatro xaponés. Que marabilla! Pero é certo que traer agora aos Derviches cando case todo o mundo estivo en Istambul… non abraiaría igual. Moita xente agarda o anuncio de estrelas internacionais. Seguro! E claro que as haberá. Pero creo que un obxectivo maior é redescubrir o propio. Cada ano están vindo máis de 327.000 peregrinos, cada un coa súa enerxía e a súa historia. Recompilemos esas historias! O Camiño supón para nós un Erasmus xigantesco. Eu son da última xeración que non puido gozar do Erasmus e dáme unha rabia infinita. E logo penso: pero se o Erasmus estivo sempre no Camiño… Ese intercambio, esa contaminación positiva, iso é o que me gustaría conseguir.

Cecilia Pereira, comisaria do Xacobeo

«Moita xente agarda o anuncio de estrelas internacionais. Seguro! E claro que as haberá. Pero creo que un obxectivo maior é redescubrir o propio. Cada ano están vindo máis de 327.000 peregrinos, cada un coa súa enerxía e a súa historia. Recompilemos esas historias! O Camiño supón para nós un Erasmus xigantesco»

Os grandes concertos en ocasións chegan a devorar toda a celebración…
É certo que un concerto ten unha capacidade de convocatoria brutal, pero só nun momento concreto, nun día. Outros eventos teñen unha capacidade de convocatoria máis sostida no tempo. É algo que aínda necesitamos debater nós internamente, pero en xeral hai unha tendencia que pon en cuestión eses grandes eventos e busca outros máis pequenos e sostibles.

Dáche pena que todo un Xacobeo permaneza na memoria coma aquel no que veu Dylan ou aqueloutro no que viñeron os Rolling?
Haberá para quen este será o Xacobeo no que coñeceu ao seu mozo ou no que mercou un piso… Ao final todo vai moi rápido e precisas dúas ou tres imaxes. E cales son? As dos concertos, as das visitas máis impactantes. Estou convencida de que se conseguiramos traer a Obama sería o Xacobeo de Obama. Ao final, cada quen vivirá a súa propia experiencia.

É posible conciliar a presenza das grandes figuras co fomento da cultura propia?
Iso é precisamente o que che dicía antes, que a min o que me gusta é o intercambio, a contaminación. A mín gústame ir cear a Lume de Lucía Freitas e tomarme un xiao long bao pero recheo de porco celta. Hai algo moi positivo na capacidade de contaminarnos, de integrarnos. Non todo ten que ser cocido, nin todo ten que ser pizza.

«Gustaríame facer un xacobeo con programas que foran un pouco patchwork, con retallos duns e doutros, e que o xacobeo fora só o elemento de sutura. hai moi boas ideas e temos moi boa materia prima»

Para 2020 están previstas as eleccións autonómicas. Podería ser que chegue o Xacobeo que preparaches durante tres anos e xa non sexas a Comisaria. Como se traballa con ese horizonte?
É algo do que son consciente desde o principio. A un noméano e césano, e non hai problema. Teño iniciado un montón de proxectos que ao cabo dos anos me desmotivaron ou se terminaron e son unha riqueza para min. De feito, estou encantada de ter regresado a Santiago e traballar neste proxecto, pero manteño o meu piso en Madrid, porque me encantaría volver alí.

Pero sería como unha directora de cine á que apartan da película antes da estrea…
Sabes o que me pasa a min? Eu son como os artistas, a min encántame o proceso. Son como ese cociñeiro que cando cociña xa está gozando, non ten necesidade nin sequera de comer o prato.

Unha das frases que máis repetía Roberto Varela, o conselleiro de Cultura no Xacobeo 2010, era a do medo «a morrer de éxito». Tes tamén ese medo?
Si, si que o teño. Antes de vir, como non traballara no núcleo do Xacobeo, tiña outro concepto distinto do que era o Camiño. Todos estes meses servíronme para ver as posturas que hai: os que critican que o promocionamos demasiado, os peregrinos máis esenciais, os que din que é unha riqueza para todos… Eu reúnome con alcaldes de pequenos concellos que me din: Cecilia, sen o Camiño teríamos desaparecido, sen el non existiriamos.

Mais o Camiño mudou. Esa espiritualidade orixinal xa case non existe.
Haina! Claro que si! Ao mellor non se ve tanto porque porcentualmente é menor. En inverno veñen os peregrinos esenciais, veñen todos os asiáticos, que pasan frío por paisaxes nevadas, en soidade. Os australianos que veñen gastando unha pasta para chegar ata España e empregan 32 días da súa vida en albergues públicos pasando penalidades. E cando vas a Carretas emociónaste ao ver a acollida espiritual en tantos idiomas, e segues vendo o poder que ten o Camiño para atopar respostas.

«Cando vas a Carretas emociónaste ao ver a acollida espiritual en tantos idiomas, e segues vendo o poder que ten o Camiño para atopar respostas»

«Que precisamos? Máis líderes, xente que teña máis visión e arrastre. Só hai que lembrar como era antes a Praza de Abastos! De repente abren o Abastos 2.0 e empezan a aparecer Sr. Nilsson, Lume… As boas prácticas ao final contáxianse»

Por que cres que segue a ter ese poder?
Hoxe en día o contacto coas outras persoas é moito máis virtual, a través de aplicacións e chats. A xente o que demanda é ver. Ver como te comportas, ver que che pasa, ver como es.

O que non se pode negar é que o Camiño está a cambiar radicalmente a morfoloxía de Santiago…
O Camiño e tamén as aeroliñas low cost

Non sentes un pouco a falta do Santiago de antes?
Un pouco, non, estráñoo moito. Cando acabei a carreira, vivía en Porta da Pena, para min era algo máxico. Cando vou agora en inverno, percorro San Martiño Pinario, a Casa Gótica, o Museo das Peregrinacións, as Cinco Calles… É algo fascinante. Logo fágoo no verán e non o recoñezo. O cambio é brutal. Pero é lei de vida.

Lei de vida ou non, a améndoa estase despoboando e moitos comercios históricos teñen que pechar.
É certo que a marcha da poboación de Santiago do centro histórico é un problema. Eu quixen vivir na parte vella e conseguino. Vivo na Virxe da Cerca porque teño unha amiga que me alugou un apartamento. Pero non foi nada fácil, eh? Pasei meses buscando. E non atopei porque está carísimo e a xente prefire destinalo aos turistas e Airbnb. Dáme moita pena, claro.

Cal pode ser a solución para os comerciantes?
Hai negocios que están enfocados á xente que vive na proximidade. Unha ferraxaría, por exemplo. Ningún turista vai vir e comprar un martelo. Penso que cada vez máis os visitantes buscan lugares, locais singulares que ofrezan produtos propios. Hai comercios que supoñen un excelente exemplo. O primeiro que se me ocorre é Catrineta. É unha tenda extraordinaria para marchar cargado de latas. Coñezo xente que, como non as pode levar no bolso de man, pide que llas envíen por correo. Ao lado está Boles, unha marabilla; vaia unha selección de produtos artesanais! Todas as pequenas tendas que se abriron na Praza de Abastos…

«É que hai comercios marabillosos. A sombreiraría da rúa do Vilar... É que non puido saír en máis anuncios! Pero como a xente non vai querer ver iso? Se é o que nos diferencia! Eu creo que ningún turista quere ver repetidos os mesmos recordos ou merchandising cutre…»

Cecilia Pereira

Ou sexa que apostas pola renovación do comercio.
É que o comercio tamén cambiou e hai que ter un criterio, hai que ter un gusto, hai que fomentar unha atención ao cliente. Se é que o pequeno comercio é unha marabilla! Mira que sentín que pecharan a Papelería Compostela, aquel pracer de ir alí comprar as etiquetas Kraft, que chas envolveran, que chas puxeran cun cordel. Ten un encanto que non ten unha cadea onde vas comprar bolígrafos Pilot, claro. Está sendo duro, pero Santiago segue a ter moito comercio con encanto.

Pensas que o Xacobeo pode axudar a reavivar o comercio histórico no casco vello compostelán?
Pois espero que si, traballarei para que sexa así.

Tes algunha idea para facelo?
Pois non, pero agora que mo preguntas haberá que pensar algunha. Tamén espero que os comerciantes teñan iniciativas para nós. Estar no Xacobeo é como estar nun minarete ao que un montón de xente se achega a presentarche proxectos, a posibilidade de crear sinerxías é case infinita. Gustaríame facer un Xacobeo con programas que foran un pouco patchwork, con retallos duns e doutros, e que o Xacobeo fora só o elemento de sutura. Hai moi boas ideas e temos moi boa materia prima.

Deixámoslle entón aquí esa invitación aos comerciantes a que che presenten propostas…
Pois claro que si! Se é que hai comercios marabillosos. A sombreiraría da rúa do Vilar… É que non puido saír en máis anuncios! Pero como a xente non vai querer ver iso? Se é o que nos diferencia! Eu creo que ningún turista quere ver repetidos os mesmos recordos ou merchandising cutre…

Se non os quixeran non proliferarían esas tendas, non cres?
Pois eu creo que se lles poden ofrecer outras cousas aos turistas. Eu admiro á xente nova que está traballando noutro tipo de merchandising e de recordos, que traballa con ilustradores, que está a crear outro imaxinario de Compostela. Son unha gran compradora e consumidora dese tipo de produtos. Eu augúrolles moito futuro, o outro é flor dun día. Se conseguimos que o turismo cambie e cada vez teña un nivel cultural maior, tamén irá demandando iso.

O turismo masivo e a cultura viaxeira, polo momento, non demostran ir unidos…
Tes razón, a xente viaxa porque é o que mandan os tempos. Agora xa non importa ter un coche tan bo. Do que presumes é de experiencias, do número de países que viches.

A cuestión é que ese turismo está a mudar as cidades e cando pase de moda xa non haberá volta atrás na súa transformación.
En realidade son moitos procesos os que están en marcha. Volvendo ao comercio, tamén creo que hai unha xeración que xa non se quere facer cargo dos negocios dos seus pais. Hai moitos que pechan por xubilación. Temos outro concepto do lecer, do traballo, unha mentalidade moi de funcionarios. Queremos traballar menos horas e dispoñer de máis tempo libre. O comercio é moi escravo. A ver cantos mozos queren estar con xornadas de doce horas abertos de luns a sábado.

«Un sempre traballa coa ilusión de deixar pegada. Ninguén asume unha responsabilidade coma esta pensando no fracaso. Eu estou moi ilusionada e con moita enerxía. Un antes e un despois? Oxalá. O que non queremos é que se repita a situación que se atoparon en 2009 cando houbo que preparar un Xacobeo ás présas e correndo. Queremos facelo ben. Sabemos que o Camiño e o Xacobeo son a mellor Marca Galicia que hai. A marca pola que nos recoñecen fóra»

E despois está o comercio online que é un fero competidor.
Tamén é un recurso para que moitos comercios sobrevivan e sexan coñecidos. Eses comercios de Santiago que me encantan e dos que che falei antes nos meses máis frouxos de turismo ao mellor viven grazas a que teñen comercio online. Hai que renovarse. E hai iniciativas moi interesantes.

Por exemplo?
Un bo exemplo é o dos percorridos polo comercio tradicional de Santiago que te levan por zonas deliciosas, como a rúa de San Pedro. Mira como conseguiu ser unha rúa con personalidade! É unha rúa con carácter polos negocios e pola gastronomía. Uns chaman aos outros. Que precisamos? Máis líderes, xente que teña máis visión e arrastre. Só hai que lembrar como era antes a Praza de Abastos! De repente abren o Abastos 2.0 e empezan a aparecer Sr. Nilsson, Lume… As boas prácticas ao final contáxianse.

Para Santiago este Xacobeo vai significar un antes e un despois?
Un sempre traballa coa ilusión de deixar pegada. Ninguén asume unha responsabilidade coma esta pensando no fracaso. Eu estou moi ilusionada e con moita enerxía. Un antes e un despois? Oxalá. O que non queremos é que se repita a situación que se atoparon en 2009 cando houbo que preparar un Xacobeo ás présas e correndo. Queremos facelo ben. Sabemos que o Camiño e o Xacobeo son a mellor Marca Galicia que hai. A marca pola que nos recoñecen fóra.

Tes vivido ese papel do Camiño como embaixador de Galicia nas túas estancias no estranxeiro?
Moitísimo. Lembro ir á misa nunha pequena cidade de Corea do Sur porque a daban en castelán. Os que falabamos castelán tentabamos ir alí co Padre José, un sacerdote mexicano maior que facía un esforzo considerable para ir os domingos a oficiar esa misa. Só na miña última semana alí me decatei de que as fotos do calendario de parede me soaban. Estaba todo en coreano, pero era un calendario do Camiño de Santiago! Quedei perplexa. Iso é o Camiño.

Contido extraído do núm. 12

Queres ollar outros contidos relevantes?

María von Touceda

150 150 CORALIA

Compaxinou o seu traballo como crítica de arte co de moza de cortello, abrillantadora de ataúdes ou porteira dun after. Maria von Touceda (Santiago de Compostela, 1979) sempre escribiu, e faino actualmente desde Liérganes (Cantabria) onde reside, en diversas publicacións como Elemmental, ou Cáñamo. Un ano despois de publicar Crítica del vicio, xa anda inmersa na presentación da súa segunda novela, Coito Ergo Sum (La Marca Negra, 2019), coa que percorre lugares moi recoñecíbeis da cidade, aderezados con sexo, drogas, música e arte románica, leitmotivs da súa obra.

Coito ergo sum, María Von Touceda

Entrevista de VALERIA PEREIRAS
Fotografías de ALFREDO IGLESIAS

Nesta novela tomas prestada a alocución latina coa que Descartes formulou a súa filosofía racional, «Cogito, ergo sum» para o título.
Si, e levo tatuada esa frase de Descartes no brazo. E na perna levo a muller adúltera da portada de Platerías, que é unha peza importante no libro e que vai ilustrando a capa.

Ti modificas o verbo pensar, cogito, por coito. Pensas que o sexo nos define tanto como o coñecemento ás persoas?
Para min ten moita importancia, non só na miña vida privada, senón polos referentes sexuais que eu teño, por exemplo na adolescencia cando comecei a ler a Bukowski, pero despois outros dos que falo no libro, son todos referentes masculinos. A min tamén me gusta dar unha visión do sexo desde o punto de vista das mulleres. Eu escribo moi besta do sexo, porén a min o porno resúltame agresivo.

Porque ao final ese tipo de sexo non deixa de reproducir as relacións de poder entre homes e mulleres, non cres?
As protagonistas dos meus libros sempre son unhas mulleres poderosas que toman a iniciativa e que non teñen problema en ter sexo con homes que ao mellor non saben nin o seu nome. Un aquí te pillo, aquí te mato, como se soe dicir, rápido, pero tamén cuestiono que iso que che dá liberdade tamén te fai présa. Nos tempos de Tinder tes relacións que, dunha banda pensas que es moi libre, pero da outra sentes un baleiro porque non tes un amor detrás de todo ese sexo.

«A min tamén me gusta dar unha visión do sexo desde o punto de vista das mulleres. Eu escribo moi besta do sexo, porén a min o porno resúltame agresivo»

Non deixa de ser copiar un pouco o modelo patriarcal vencellado ao sexo. A liberdade sexual nas mulleres sempre estivo máis limitada.
Si, claro, ao final faise unha reflexión de que é o que buscas con iso en realidade.

No Discurso do método, que é onde Descarte enuncia a súa teoría racionalista, di: «Esta verdade, eu penso, polo tanto son, era tan firme e certa, que non podían quebrala nin as máis extravagantes suposicións dos escépticos». Atreveríaste a afirmar o mesmo sobre o sexo? Follo logo existo como principio filosófico?
Non, Descartes ten a dúbida como motor, igual ca min, e a dúbida aparece tamén no libro. A protagonista está moi vencellada a ese sexo rápido pero despois éntralle a dúbida de se iso lle dá liberdade. O título é como unha labazada, unha chamada de atención, pero despois ao longo do libro reflexiónase sobre se a realidade é follo, logo existo, ou existo e de vez en cando follo, ou en realidade ao mellor non quero follar e o que quero é un abrazo.

Fálame de Sara, a protagonista da novela.
Cando me pediron facer unha novela erótica, co Word en branco, pensei nunha profesión que me resultara atractiva pero que non tivese nada que ver comigo. Entón, decidín que a protagonista fose farmacéutica e metinme na cabeza que era en Gómez Ulla, non o digo no libro, pero marqueino como o punto onde se desenvolvía a novela. E no libro tamén se fai unha consideración sobre as medicinas que che venden na farmacia e outras alternativas psicótropas que te poden axudar, que están mal vistas. Unha observación de toda esa xente que toma Trankimazin pola noite, con moitísimo estrés, e que ao mellor non o precisa e que cun porro antes de durmir podería levalo mellor.

A soma, non?
Si, fálase diso, dela como expendedora de soma. Ela mesma fai esa reflexión. Teño algúns amigos que son farmacéuticos e pregúntaslles que é o que máis venden e sempre din o mesmo: tratamentos para a depresión, a ansiedade… Os psiquiatras tamén soltan as pílulas sen ton nin son, e ao mellor a unha persoa que ten algo de estrés non é necesario drogala tanto como se fai. España é un país con moitos conflitos e ten a toda a poboación adormecida a base deses medicamentos, que é a mafia que vexo que hai no mundo farmacéutico. Os psiquiatras non falan coa xente. Vas, dislle que tes un pouco de angustia e antes de preguntarche que che pasa xa che dan unha receita.

De feito, no Estado, Galicia leva anos á cabeza na lista de pacientes con depresión. Tamén é un dos territorios onde se prové un maior número de tratamento farmacolóxico.
Creo que se relaciona un pouco co tempo. Pero tampouco se esforza ninguén en crear un contexto no que esteas cómodo, e é moito máis sinxelo medicarte cando o que hai que facer é coñecerte a ti mesma, buscar relacións sans que non che fagan dano, estar cómoda coa familia, cos teus amantes, arranxar a túa vida no canto de poñerlle parches.

Por que escolliches Santiago como pano de fondo da novela? Ti es de aquí, pero non vives en Compostela actualmente.
Levo cinco anos vivindo en Cantabria, pero eu teño a miña familia, os meus amigos aquí e na cabeza aínda sigo vivindo en Compostela. No primeiro libro era entre Santiago e Ferrol e este é entre Santiago e as aforas de Torrelavega. E, talvez, no cuarto ou quinto xa estea preparada para facer un libro integramente cántabro. Pero síntome compostelá e todas as miñas relacións máis fortes, aínda que teño amizades en Cantabria, seguen estando aquí.

«Nos tempos de Tinder tes relacións que, dunha banda pensas que es moi libre, pero da outra sentes un baleiro porque non tes un amor detrás de todo ese sexo»

Botas de menos vivir en Compostela?
Si, si, si, claro que si.

O teu foi unha emigración forzada?
Por amor. Marchei por iso, pero se a miña parella puidera traballar aquí… Eu sempre lle digo que cando nos xubilemos volvamos para aquí pero el dime que aquí non hai Racing de Santander e eu dígolle que se faga do Compos. Pero non funciona así [ri].

Aquí estudaches Historia da Arte, tamén fixeches un máster en Arte Contemporánea e un posgrao en Escritura Creativa. En que momento decides que queres ser escritora?
Pois que eu recorde, aínda que fixen un bacharelato artístico, o meu sempre foi escribir. Xa no colexio levei algún premio por redacción e sempre se me deu ben expresarme dese xeito. Así como o ollo non me vai coa man á hora de debuxar, si observando sei que me vai coa man á hora de escribir. Entón, como cando estudei historia da arte tirei para a rama da crítica, pois empecei a traballar niso, e despois dixen que non vai ser só arte do que fale, tamén quero contar historias. No Facebook sempre estiven facendo relatos e recibindo moi bo feedback por parte da xente, e dixen pois voume atrever con algo longo.

«Cando estudei historia da arte tirei para a rama da crítica, pois empecei a traballar niso, e despois dixen que non vai ser só arte do que fale, tamén quero contar historias. No Facebook sempre estiven facendo relatos e recibindo moi bo feedback por parte da xente, e dixen pois voume atrever con algo longo»

«Eu creo que o Facebook é un pouco o ximnasio dos escritores. Segundo as reaccións da xente sabes o que gusta e o que non. Por outra parte, coñeces xente que ao mellor non coñecerías doutro xeito. Eu vivo nun val e relaciónome con outros escritores e artistas de todo o Estado e outras partes do mundo cos que non tería posibilidade de non ser polas redes. Con elas podemos falar das nosas intimidades e temos amizades que funcionan grazas a Internet. Iso son as cousas positivas»

Nas redes sociais es moi activa. Que consecuencias cres que teñen, tanto positivas como negativas, á hora de escribir e relacionarnos?
Eu creo que o Facebook é un pouco o ximnasio dos escritores. Segundo as reaccións da xente sabes o que gusta e o que non. Por outra parte, coñeces xente que ao mellor non coñecerías doutro xeito. Eu vivo nun val e relaciónome con outros escritores e artistas de todo o Estado e outras partes do mundo cos que non tería posibilidade de non ser polas redes. Con elas podemos falar das nosas intimidades e temos amizades que funcionan grazas a Internet. Iso son as cousas positivas. As negativas, que hai moita xente que non te coñece persoalmente e que che colle manía por algunha opinión e sempre tes esa parte dos haters que no meu caso me atacan moito. Eu xa teño pel de coiro. Moita xente me quere, algunha me odia, pero como na vida real, sabes?

Só que máis amplificado pola difusión que teñen.
Si, e como vivo alí nun val, as miñas relacións sociais non son moitas. Baixo unha vez á semana a Santander e quedo alí con amigos, pero o día a día estou conectada a través das redes. Estou aquí en Santiago e apenas falo coa miña nai e alí estou permanentemente a través da cámara, ou coa xente de Santiago, con toda a que quero e que che dicía que coñezo a través de Internet.

Esta é a túa segunda novela despois de Crítica del vicio. O sexo e as drogas e os vicios en xeral son constantes nas túas obras. Dicía Boudelaire: «Ai os vicios humanos! Son eles os que conteñen a proba do noso amor polo infinito». Mantés o mesmo? Non pensas que nos fan máis fráxiles?
Depende do momento da túa vida. Eu entendo que ao mellor para o teu irmán, en segundo de carreira, ao mellor que vexa á súa irmá falando tan libremente das drogas non é o axeitado facer apoloxía a esas idades. Pero hai que diferenciar esas drogas da farmacia e as outras. Eu en momentos da miña vida houbo drogas que me fixeron dano e agora outras que me axudan. Eu traballo tamén na revista Cáñamo e sempre estou entrevistando artistas que consumen marihuana e haxix e entendo como funciona iso na creatividade. Doutra banda, se tes outro tipo de problemas, se che poden provocar brotes psicóticos… A droga depende de cada un, de como teñas a vida, da forza que teñas… Leo artigos recomendando os ácidos e as setas para a xente con depresión e non se pode recomendar así ao tolo, igual que os psiquiatras non poden receitar do mesmo xeito. Tes que saber cara onde queres ir. Recordo que entrevistei a un mozo para Cáñamo e pregunteille cal era o seu porro favorito. Díxome: o que non me tombe. O que non me incapacite. Eu, como escribo ás cinco da mañá cando me levanto, eu fumo a esas horas e non podo estar incapacitada. Sempre unha cousa que me axude, se me anula non me serve.

Pero a ti, creativamente axúdanche as drogas?
Si, claro. É como unha explosión de ideas, que ás veces non me dan as mans para teclear, teño que apuntar todo rápido nunha libreta. A cabeza vaime moi rápido. É como os brainstorming pero propiciados polo consumo de cannabis.

Pensas que para ser creativo tes que sufrir en certa maneira e ser unha persoa con inquedanzas internas?
Para ser creativo, tes que ser unha persoa sensíbel e para ser sensíbel non che queda outra que sufrir. O que te rodea, se es sensíbel tenche que afectar e hai moitas inxustizas, é inevitábel sufrir. Unha persoa aséptica non pode facer unha reflexión profunda nin nunha obra de arte nin nun libro porque sería o Hacendado dos libros ou das obras. Esa sensibilidade reflíctese niso, en vivir con intensidade as alegrías e as penas sufrilas e superalas a través da escritura, que igual que as artes plásticas son terapéuticas. Que non te escoiten os psiquiatras, que te escoite ou teu público.

«Levo cinco anos vivindo en Cantabria, pero eu teño a miña familia, os meus amigos aquí e na cabeza aínda sigo vivindo en Compostela. No primeiro libro era entre Santiago e Ferrol e este é entre Santiago e as aforas de Torrelavega. E, talvez, no cuarto ou quinto xa estea preparada para facer un libro integramente cántabro. Pero síntome compostelá e todas as miñas relacións máis fortes, aínda que teño amizades en Cantabria, seguen estando aquí»

E ti como te definirías?
Un pouco desastre. Desordenada, totalmente, pero son bastante fiel aos meus ideais e ás persoas que quero. Á xente que se porta ben comigo, eu pórtome moi ben con ela. Á hora do traballo, son metódica e puntual e cando me meto nun proxecto con alguén sempre tomo as rendas e dáme vertixe. Os meus amigos sempre se rin de min porque quedo ás 13 e 17 minutos porque, como son moi desastre, se non o fago a miña vida sería un caos total.

Viñeches a Santiago presentar a túa novela na Unitaria. Por que escolliches este lugar?
En Unitaria xa din unha charla sobre «Publicar, ou morrer ou matar» e son amigos, o sitio é grande, máis que algunhas librarías, e sempre presento primeiro en Santiago porque son de aquí, e quero que os primeiros que lean o libro sexan os meus amigos.

Que che parecen proxectos como o da Unitaria e outros que hai en Santiago? Pensas que a cidade está nun bo momento a nivel cultural?
Evidentemente, non hai comparación a como deixei Santiago e como está agora. Os festivais, o cambio de política, o Banquete de Conxo, a música ao vivo aínda que hai ese problema cos locais… Santiago antes a cultura era de bar e agora hai moita efervescencia cultural. Aquí no Muelle [onde se desenvolve a entrevista], por exemplo, organizan moitas cousas.

Maria Von Touceda

«Non hai comparación a como deixei Santiago e como está agora. Os festivais, o cambio de política, o Banquete de Conxo, a música ao vivo aínda que hai ese problema cos locais... Santiago antes a cultura era de bar e agora hai moita efervescencia cultural»

«Espero que a xente bote unhas risas, que o pase ben, e como todo ten diferentes lecturas e niveis, cada un entenderá o que capte deles, o que se relacione coa súa vida en función dos temas que trata»

Esta cafetería sae na túa novela. Teslle cariño ao local?
Si, ao local e ás cuncas de Sargadelos que me regalou miña nai iguais para levalas a Cantabria. Teño a miña casa totalmente galeguizada, tamén teño a foto das Marías. Ser picheleira marca.

Como funcionou a primeira novela e que agardas desta?
a primeira saquei dúas edicións con Aloha, tiven algún problema ca editora e colleume La Marca Negra e sacamos dúas máis. Eu, con esta, pretendo que mollen un pouco as bragas as mulleres e os calzóns os homes. Ás veces din das miñas novelas que se poden ler cunha soa man, ou que lles quedan as páxinas pegadas. Algún fai a foto co libro e o rolo de papel hixiénico [ri]. Espero que a xente bote unhas risas, que o pase ben, e como todo ten diferentes lecturas e niveis, cada un entenderá o que capte deles, o que se relacione coa súa vida en función dos temas que trata.

Onde se pode conseguir o teu libro?
Pois vai estar na Lila de Lilith, en Follas Novas que tamén venderon o outro libro. A través de Internet, nunha libraría de Murcia, e cando se unan outras con servizo de venda online pois tamén se poderá. A través da web de La Marca Negra Ediciones pódense consultar as librarías onde está dispoñíbel.

Queres ollar outros contidos relevantes?
Política de privacidade

Se consente a utilización de cookies, continúa navegando ou fai clic nalgún link entenderase que consinte a nosa política de cookies e, por tanto, a instalación das mesmas no seu equipo ou dispositivo.

Se vostede quere, pode cambiar a configuración de cookies en calquera momento, configurando o seu navegador para aceptar, ou non, as cookies que recibe ou para que o navegador o avise cando un servidor queira gardar unha cookie.

Esta web utiliza cookies.
error: Contido protexido