•  981 806 528 & 670 594 685 info@coralia.gal

Terras de fe e poesía

150 150 CORALIA

Terras de fe e poesía

 

Unha ruta por terras de Celanova é adentrarse nas raíces e na inspiración de poetas, abríndose á súa obra… É evocar a maxia do Medievo cruzando o lintel dunha capeliña con aquel de casa de bonecas sucada polos máxicos avelaíños raios de sol dos amenceres de outono e primavera ou andando na procura dun monxe gaiteiro escondido nalgures…

É deixarse abraiar polo esplendor e a magnificencia do Barroco e degustar pratos típicos con sabor a tradición e a poesía. É camiñar da man de personaxes que deron vida e outorgaron renome e sona a estas terras e crer que o divino non deixa de mesturarse co humano ata tomar parte no devir de tráxicos amores contados nun poema con pinceladas de lenda e ollados a través dun claro cristal que encerra misterios inexplicables. Celanova e a súa comarca son visita obrigada no paso por Ourense de todo aquel desexoso de descubrir un lugar onde, como sentenciaba Celso Emilio, é posible que o mundo se chame do mesmo xeito.

Texto Xabier Prieto

Preto da cibdá de Ourense,
camiño de Celanova,
onde é máis tépedo o vento
que a terra gallega azouta,
dun círcolo de montañas
na faldra sempre verdosa,
esténdese un val frorido,
cuberto de herbas cheirosas,
piñeirales i arboredos
ricos de frutas e sombra.

Son os versos con que o xenial Curros Enríquez describe, no seu poema «A Virxe do Cristal», o emprazamento do burgo medieval de Vilanova dos Infantes.
O que foi concello independente ata 1927 fora outrora o lugar escollido polos pais de san Rosendo, o conde Gutierre Menéndez e dona Ilduara, para edificar o seu castelo. Da antiga fortaleza, derribada nas Revoltas Irmandiñas, só fica en pé a torre da homenaxe, que se erixe senlleira no centro da vila.

Entre Vilanova dos Infantes e Celanova é parada obrigada o santuario da Virxe do Cristal, levantado na honra da imaxe inspiradora do poema de Curros, unha minúscula pintura da Virxe María inserida nunha casula de cristal macizo duns catro centímetros, sen ningún tipo de soldadura, e que permite admirar a imaxe por ambas as caras. A técnica e o artífice da simbólica reliquia estiveron sempre rodeados de misterio. Tanto que o mesmo rei Filipe IV ordenou que a peza fose examinada polos sabios da súa corte, concluíndo estes que «non era obra humana». A día de hoxe, a fabricación da minuciosa talla continúa a ser un enigma.

Como enigmático tamén foi o roubo, en 2015, da que era a segunda imaxe máis diminuta do planeta representando a Virxe María e que se saldou co reitor do santuario morto e sen culpables declarados. Os feitos seguen aínda sen esclarecer e a imaxe en descoñecido paradoiro e substituída por unha réplica en resina.

Cada 15 de setembro celébrase en Vilanova a romaría na honra da Virxe do Cristal. No transcurso da mesma réndeselle tributo á Virxe con danzas pagás provenientes do gremio dos zapateiros. Se nun principio eran tan só os varóns oriúndos da vila os depositarios do dereito a interpretala, a falta de rapaces que accedesen a facelo fixo que lles fosen abertas as portas ás mulleres. Os danzantes van ataviados con vistosos traxes e chapeus de flores. As fitas vermellas e verdes evocan os lazos que nos unen a Portugal, que teñen un dos seus mellores expoñentes nas danzas.

Dicía Celso Emilio Ferreiro, con orgullo celanovés: «Nacín, modestia fóra, nun lugar onde o mundo se chama Celanova». E é que a vila ofrece ao visitante todo un mundo digno de explorar e descubrir. Celanova debe o que é ao mosteiro de San Salvador, que preside maxestoso a praza da vila rodeado de pintorescas casas burguesas. Obra representativa do barroco galego, foi mandado construír no século X por san Rosendo e hoxe acolle dependencias do Concello, un instituto e biblioteca. Conta a lenda que o santo, para saber o asentamento exacto do futuro cenobio, guindou unha pedra ao chou. O lugar onde caeu é o que hoxe ocupa o edificio. Na súa faciana, a imaxe de san Rosendo cun croio na man semella saudar o camiñante.

Do mosteiro destaca a súa igrexa, cun retablo barroco do escultor Castro Canseco. O coro baixo, obra do mesmo autor, é unha xoia do barroco, e o coro alto, de estilo gótico flamíxero, cun monxe gaiteiro labrado nun dos seus sitiais, de incuestionable mérito. O órgano, barroco e de incalculable mérito, é un dos mellores de Galicia. Atópase completamente restaurado. O edificio conta con dous claustros, o barroco ou «das procesións» e o neoclásico, coñecido como «o do poleiro», pola balconada que daba acceso ás celas dos novizos e que lle confire un aquel moi galego.

O mosteiro alberga no seu recinto unha xoia do mozárabe español: a capela de San Miguel. Data do ano 936. De diminuto tamaño pero grande harmonía de volumes, foi mandada construír por san Rosendo, fondo admirador da cultura árabe, e mesmo parece traída do país de Liliput. Non en van é a igrexa mozárabe máis pequena que se coñece. Non sendo modificada desde a súa construción, foi declarada Monumento Nacional en 1923.

Orientada de tal xeito que os raios do sol do amencer do día primeiro dos equinoccios de primavera e outono penetren e saian polas diminutas xanelas, iluminando misticamente o interior do oratorio e proxectándose ao exterior en forma de estrela de seis puntas, a capela de San Miguel congrega cada ano, nestas dúas datas, fotógrafos e curiosos ávidos de contemplar e inmortalizar o insólito espectáculo.

Unha gran rocha de granito, a carón da capela, fai pensar que se trataba, xa en tempos pagáns, dun lugar sagrado, moi posiblemente destinado a venerar o sol, que foi posteriormente cristianizado. Unha vez máis, a conxunción de paganismo e cristianismo retrotráenos ás nosas raíces máis ancestrais.

Celanova é berce de escritores. Figuras senlleiras das nosas letras viron a luz nestas terras. Curros Enríquez, Celso Emilio Ferreiro, Méndez Ferrín e Castor Elices son fillos de Celanova convertidos en referentes da literatura galega.

A coñecida como Casa dos Poetas, que fora casa natal de Manuel Curros Enríquez, quen sentou os alicerces da Real Academia Galega e foi o seu primeiro presidente, acolle unha exposición permanente sobre o escritor. Sede da Fundación Curros Enríquez, leva a cabo un encomiable traballo de promoción das figuras deste e dos demais autores celanoveses.

Celanova conta, na súa gastronomía, cun prato que, como non podía ser doutro xeito, está dedicado á poesía. Recollido xa no popular libro La cocina práctica de Picadillo, a bautizada aquí como Pata dos poetas polo inesquecible referente da gastronomía da vila Manuel Gil é un prato que só se come en Celanova.

Estas terras en que se dan a man fe, arte e poesía, achegan pois o necesario alimento do corpo e do espírito do viaxeiro, conectándoo coa historia e coas orixes, colmando os seus anhelos de beleza e transcendencia, conmovéndoo coa lírica e deleitándoo coa musicalidade da poesía, avivando as súas ansias de xustiza a través das reivindicacións da poesía civil e embriagándoo co sabor e arrecendo dunha cociña que canta a poesía e os poetas.

 

Queres ollar outros contidos relevantes?
Política de privacidade

Se consente a utilización de cookies, continúa navegando ou fai clic nalgún link entenderase que consinte a nosa política de cookies e, por tanto, a instalación das mesmas no seu equipo ou dispositivo.

Se vostede quere, pode cambiar a configuración de cookies en calquera momento, configurando o seu navegador para aceptar, ou non, as cookies que recibe ou para que o navegador o avise cando un servidor queira gardar unha cookie.

Esta web utiliza cookies.
error: Contido protexido