Turismo termal
Un cálido abrazo acuático
Reportaxe Laura Ramos Cuba
Fotografías Martín Lagoa · Caldaria · Inorde · Alfredo Iglesias
Se Budapest é considerada desde inicios do século pasado a Cidade dos Balnearios por excelencia, non fica atrás a provincia de Ourense, que con case medio cento de mananciais é a segunda rexión de toda Europa con máis presenza de augas termais, por detrás da capital húngara. Máis de tres millón de litros diarios enchen fontes e piscinas dun cálido abrazo acuático onde acalmar corpo e mente.
O inicio das termas como fenómeno xeotérmico é de orixe milenaria. Desde hai séculos, as fracturas no solo granítico provocan o filtrado da auga da choiva até as fonduras terrestres. Alí, a quilómetros de profundidade, o líquido é aquecido no interior do planeta até volver manar á superficie mediante un xogo de presións, adquirindo no seu ascenso todas as propiedades minerais das rochas que atravesa.
É de noite. Pode que estea a orballar, levemente. Na cidade do Miño, unha bafarada de vapor do interior terrestre ascende entre a iluminación urbana e o ceo nocturno. Baixo a nube de calor, turistas e locais descontraen músculos e respiran profundamente. Reláxanse nas augas termais como nun líquido amniótico de diferentes temperaturas, sabores, aromas e cores. Neste escenario, Ourense fai honra á súa distinción como provincia termal coas súas caldas e ofrece, para o público visitante, un deleite físico e sensorial.
O inicio das termas como fenómeno xeotérmico é de orixe milenaria. Desde hai séculos, as fracturas no solo granítico provocan o filtrado da auga da choiva até as fonduras terrestres. Alí, a quilómetros de profundidade, o líquido é aquecido no interior do planeta até volver manar á superficie mediante un xogo de presións, adquirindo no seu ascenso todas as propiedades minerais das rochas que atravesa.
A explotación destes mananciais remonta até a ocupación romana, civilización que construíu as primeiras infraestruturas para «ir ás augas», dous mil anos atrás. Os romanos, xunto con outras culturas antigas como a islámica ou a otomá, souberon significar o ritual do baño nun estadio superior, transcendendo a simple rutina da hixiene corporal cara a un acto social. Nas termas, os bañistas interactúan, veneran o propio corpo e ceden, con paz, ao gozo corporal. As propiedades terapéuticas destas augas melloran a recuperación física e abren un espazo de calma mental.
«Eu son corredora de longa distancia, e despois das carreiras gústame ir a saunas ou termas, deixar flotar a mente, é aí onde me vén toda a inspiración», conta a directora Ángeles Huerta, cuxa seguinte produción cinematográfica –O corpo aberto– estará ambientada, precisamente, no parque transfronteirizo do Xurés-Gerês. Ourense, a terra que ferve, flota baixo o alento morno dun tesouro subterráneo, cuxo epicentro descansa na propia capital do territorio.
A cidade das múltiples fontes
Aínda que é posíbel gozar do turismo termal en toda a provincia, é Ourense o centro neurálxico desta oferta. A cidade debe o seu nome a Aquis Auriensis, cidade do ouro e da auga para os romanos. Fundada hai dous mil anos ao pé da fonte termal das Burgas, a urbe medrou arredor das súas augas termais, que chegan a superar os 60 °C. A ponte romana, o patrimonio monumental e a Vía da Prata atravesan unha poboación marcada pola mística dos baños termais, mananciais dun elixir de forza e mocidade.
As diferentes escavacións e estudos arqueolóxicos do século XIX e XX foron descubrindo e explicando as diversas crenzas e lendas suxeridas polo pobo para explicar a existencia das Burgas. Desde a relación coa divindade indíxena Revve Anabaraego ou as ninfas romanas dos mananciais ata a historia dun eremita que chorou só unha vez, provocando que as augas fervesen, pasando pola suposta existencia dun volcán baixo a montaña de Montealegre que o demo fixo estoupar… contos e tradicións orbitan arredor do cálido líquido que brota na terra á beira do río Miño.
A principal fonte de Ourense é, como non, a das Burgas. Nun mesmo emprazamento descansan a Burga de Arriba, fonte de inspiración neoclásica do século XIX, e a Burga de Abaixo, de menores dimensións e construída no século XVIII. Alén dos mananciais, o visitante poderá gozar da piscina pública de 200 metros cadrados, alimentada polas augas de mineralización media, fluorada con ións predominantes de bicarbonato e sodio, e cunha temperatura superior aos 60 °C que a converte no tratamento ideal para trastornos dermatolóxicos e motores.
Tamén no concello de Ourense están situadas outras termas ou espazos de baño termal, de titularidade pública e privada. Destaca aquí A Chavasqueira, temporalmente fóra de servizo após un incendio, situada ao pé da ponte do Milenio e paso inaugural da Ruta Termal do Miño. As instalacións, cuxo orixe remonta ao século XIX, seguen unha inspiración zen e ofrecen unhas técnicas de baño nipón con augas hipertermais de mineralización débil, sulfuradas e fluoradas.
Preto destas encóntranse os espazos do Muíño da Veiga, piscinas gratuítas para baños colectivos nas mesmas augas en que converxían lavandeiras, muíños e barqueiros en tempos pasados, ou as de Outariz, as únicas en funcionamento durante a pandemia. Estas últimas deben a súa orixe mítica a Ana Manana, enigmática figura popular con aparencia de muller fermosa que habitaba o pozo Maimón, na contorna destes mananciais termais. Outariz, instalación privada, ofrece ao público un circuíto termal zen e outro celta. As súas augas, de mineralización débil e fluorada con ións de bicarbonato e sodio, poden ser tomadas en baño colectivo, en chorro ou en sauna.
Alén destas, completa a oferta termal da capital ourensá o espazo termal público da burga de Canedo, cabo do muíño da Veiga, ou a fonte do Tinteiro, preto da Chavasqueira e do Paseo das Ninfas.
Un relaxante roteiro fluvial
Non lonxe de Ourense, preto do conxunto histórico-artístico de Allariz, emerxen os Baños de Molgas. O concello, que debe o seu nome precisamente á súa orixe termal, ten a honra de ser o lugar onde foi criado o rei Afonso X O Sabio, nunha privilexiada contorna natural onde o bañista pode tamén acudir a visitar a serra de San Mamede, o bidueiral de Montederramo ou os diferentes achados arqueolóxicos da Idade de Bronce ou da Idade Media. Aquis Salientibus, como a denominaron os romanos, ofrece tres mananciais termais, cuxa explotación turística data xa do ano 1873: A Burga (lavadoiro á beira do río Arnoia), a Fonte Quente (onde é situado o balneario) e A Charca (ao pé do río). Cunha estética de balneario tradicional, a Fonte Quente ofrece tratamento nas súas augas radioactivas, bicarbonatadas-sódicas, silicatadas e oligometálicas, que xorden a unha temperatura de 49 °C para tratar, a través de baños totais e parciais, os trastornos cardiolóxicos, reumáticos, respiratorios ou nerviosos.
Tamén existen encontraremos as termas de Diestro, en Castrelo de Miño. O corazón do Ribeiro, cos seus relevos montañosos, agocha unhas caldas de orixe medieval, entre pazos, grandes casas e mosteiros. A oferta termal de Castrelo contempla dúas piscinas e 5 pozas auxiliares de augas termais con até 50 °C de temperatura, onde o xofre e o ferro enriquecen unha experiencia apropiada para tratar trastornos da pel.
Seguindo a tea de araña fluvial poderemos ademais encontrar, entre o Miño e o Avia, o Hotel Balneario de Laias, en Cenlle. Esta pequena localidade, arrodeada dunha rede hídrica e viñedos, é coñecida historicamente pola rica produción agrícola, mais tamén pola orixe romana de varias das súas termas (algunhas delas destruídas após a construción do encoro). Actualmente, o balneario municipal –reformado en 2015 con deseño de Chaos e Garaizabal– oferta 98 cuartos e tratamentos estéticos e terapéuticos coas súas augas bicarbonatadas-sódicas e alcalinas. Ademais, xunto co hotel balneario xestionado pola Fundación San Rosendo, Cenlle acolle tamén as termas de Barbantes, pozas termais gratuítas cuxa temperatura oscila entre os 21 e os 28 °C.
Máis ao norte de Cenlle encontramos tamén O Carballiño, vila turística e estación balnearia cunha situación estratéxica, nun cruzamento de camiños que privilexiou, desde a Idade Media, a converxencia de cultura e mercancías. Na vila, alén de visitar o próximo mosteiro de Oseira e degustar a súa rica oferta gastronómica (polbo, cachucha, viño novo, castañas ou pan de Cea), o visitante tamén poderá gozar do encanto natural da contorna e, claro está, das tres opcións termais que ofrece O Carballiño: o Gran Balneario, o Balneario Caldas de Partovia e os Bañiños de Arcos.
Máis preto de Portugal
Seguindo o curso do río, máis preto das veciñas terras de Portugal, encontramos Ribadavia, concello que debe o seu nome ás augas do río que o atravesa. A localidade, que presenta un conxunto histórico-artístico de elevado valor patrimonial, está situada nun enclave natural entre o Miño e o Avia. Esta localización, rica en condicións minerais e augas termais, propiciou as consecución de culturas que habitaron o territorio. Íberos, fenicios, celtas e romanos construíron calzadas, altares e civilizacións arredor deste val, rico no cultivo das viñas.
Unha vez o turista visita os puntos de interese do lugar, como o castelo de Sarmiento ou o barrio xudeu, Ribadavia agasállao coas termas do Prexigueiro, preto do mosteiro de Santa María de Melón, un conxunto de pozas ao descuberto no medio dunha paraxe botánica espectacular, onde as augas manan a máis de 40 graos de temperatura. Tamén chamados Baños de Cerves, as cinco piscinas brindan un remedio natural para dores reumatolóxicas, problemas traumatolóxicos ou, simplemente, unha paréntese de gozo sinxelo na vida cotiá.
Próximo a elas encontramos, tamén, a oferta termal da Arnoia, pequeno concello que debe a súa orixe á auga que flúe a través dos seus campos. Habitado desde a época castrexa, romanos e frades medievais ocuparon estas fértiles terras, que aínda hoxe son recoñecidas e celebradas pola súa produción de pemento e viño do Ribeiro. Alén do mostrador de produtos frescos e propios do lugar, turistas e locais poden gozar tamén do Hotel Balneario Caldaría, impulsado a finais do século XX pola Fundación San Rosendo. Hoxe en día, e após unha última reforma acometida en 2015, o establecemento de 4 estrelas posúe o distintivo Q de calidade para garantir a excelencia no seu servizo arredor das augas hipertermais de mineralización débil que nacen na Arnoia. Un líquido a 22 °C de temperatura que, a través de baños, chorros ou duchas, ofrece un tratamento idóneo para doenzas hepatodixestivas, dermatolóxicas, neurolóxicas ou complicacións posquirúrxicas ou postraumáticas.
Veciño a estas fontes termais atopamos tamén o concello de Cortegada, no límite entre os ríos Arnoia, Miño e Deva. A rede fluvial de regatos alimentou historicamente o culto á auga, como é evidente coa Ara de Zaparín, altar da época romana que rende culto á divindade indíxena Ceceacisa. Ríos, regatos e fervenzas converxen en Cortegada coas súas augas termais, que pertencen en man común á veciñanza, e que collen forma como oferta turística no balneario da localidade. A orixe da infraestrutura de baños data do século XVIII (se ben xa hai rexistros destas fontes na Baixa Idade Media), e actualmente organízase nun edificio de estilo clásico -reaberto en 1995- con augas litínicas e bicarbonatadas, apropiadas para tratar cuestións médicas ligadas ao sistema respiratorio ou hepatodixestivos na súa piscina climatizada ou nos seus baños de contraste.
Despois disto chegamos á fronteira con Portugal, en Lobios. Escenario de natureza salvaxe, esta localidade é bañada polas cristalinas augas do río Caldo. Foi poboada desde o Paleolítico por pobos pastores e agricultores, como testemuñan os monumentos megalíticos e os achados da produción metalúrxica. Con todo, é o seu carácter termal e fronteirizo o que a fai destacar entre o resto da oferta de baños ourensáns. O hotel balneario de Lobios ten as súas orixes na Aquae Originae dos romanos, cuxos restos arqueolóxicos aínda foron escavados no último século. Hoxe en día, as instalacións termais chegan a nós após pasar por diferentes reformas e restauracións logo da construción dunha infraestrutura específica no século XVIII. Con máis de 150 prazas de aloxamento e servizo de comida, a piscina termal serven para fins terapéuticos e cosméticos. Doenzas dermatolóxicas, hepáticas, dixestivas ou nerviosas encontran cura nas augas bicarbonatadas, cloruradas e oligometálicas de Lobios, que ascenden á superficie a case 80 °C de temperatura. A hidromasaxe, o baño de vapor, a fangoterapia ou os baños e asentos térmicos son algúns dos tratamentos que ofrecen nesta vila do Xurés.
Xa por último, completando este pequeno expositor de turismo termal en Ourense, podemos mencionar o balneario de Berán, nas proximidades ao mosteiro de San Clodio, do século VI, coas súas novas instalacións especializadas en augas hidrosulfurosas e ferruxinosas, ou tamén as termas das Quintas, en Punxín, moi preto do sarcófago de san Wintila, o máis antigo de Galicia.
Quer pola calidade das súas augas e os seus fins terapéuticos, quer polo mero pracer da viaxe e de descubrir novos escenarios e experiencias, Ourense abre amable as súas portas a visitantes. Non importa o momento do ano nin a distancia que unha persoa percorre para chegar, por fin, aquí. A terra que ferve agarda, tranquila, envolta nunha nube de vapor termal e paz, sabedora de ser destino e meta, repouso e gozo.
Juan Mera
O rei do ring
Xosé Manuel Beiras
«Sempre souben que nunca ía ser presidente»
Margarita Ledo
«Son xornalista por un fake»
Xesús Couceiro
«Nunca tentei vender un libro»