Valentín García Gómez
Premios de Publicidade en Galego
Texto Adrián Estévez
Ilustración Óscar Corral
O Parlamento de Galicia, o Foro Enrique Peinador e a Secretaría Xeral de Política Lingüística convocan a XXVIII edición dos Premios de Publicidade en Galego. Este recoñecemento, de carácter anual, busca promover o uso da lingua galega no ámbito publicitario, en cumprimento do Plan xeral de normalización lingüística.
Hai catro premios segundo o medio de difusión: radio, televisión, prensa escrita e Internet, e recoñécese o traballo tanto da empresa anunciante como da axencia de publicidade. Ademais, desde 2019 hai outra categoría extraordinaria, adicada a proxectos elaborados polo alumnado de centros educativos.
O premio é de carácter simbólico, e consiste na entrega dunha certificación e mais dunha obra artística. A cerimonia de entrega terá lugar no Parlamento de Galicia no primeiro trimestre de 2022. Desde Coralia entrevistamos o Secretario Xeral de Política Lingüística, Valentín García Gómez, para coñecer mellor a convocatoria.
A lingua galega vende?
Claro que vende, a lingua é unha marca cultural, de identidade e orixe que son valores cada vez máis cotizados no mercado. Nunca se deixa de vender porque algo estea publicitado ou etiquetado en lingua galega.
O Foro Peinador é unha institución que busca fomentar a normalización da lingua galega nos eidos da empresa e a economía, tanto no contido dos produtos e na súa promoción e etiquetaxe, como no propio uso diario dentro das empresas. É importante o acordo entre institucións públicas e as iniciativas privadas, como o Foro Peinador, para o fomento da lingua galega?
Constitúe unha alianza moi importante. A forza que se pode facer dende as experiencias compartidas no sector público como no privado é moito maior e máis efectiva se a levamos a cabo dunha forma coordinada e conxunta.
Esta iniciativa xurdiu en 1993 da man do consello asesor en Galicia de Radio Televisión Española, polo que é un certame xa asentado. Houbo unha certa evolución no tipo de empresas premiadas?
Na evolución do certame vemos claramente como aumentaron as empresas candidatas a levar o premio, o que xa constitúe unha boa noticia. Tamén é certo que se en principio había máis de sector agro-alimentario agora xa as temos tecnolóxicas, industrias sidero-metalúrxicas e outros moitos que hai anos sería impensable que se publicitasen en galego. O horizonte vaise ampliando, pero aínda queda moito por facer.
Até o de agora o premio foi concedido en gran medida a empresas galegas xa asentadas e coñecidas. Hai tamén empresas de fóra que fan as súas campañas en galego? E empresas que comezan de cero?
Si que hai, cada vez vanse convencendo máis das vantaxes de publicitarse nunha lingua próxima ao consumidor porque isto xera nel a confianza do provedor e do produto, o que é un dos valores máis sólidos no tráfico comercial. Agradecemos moito que empresas que non teñen orixe galega tamén sexan sensibles ao emprego da nosa lingua na súa actividade diaria.
A maior parte das axencias son tamén galegas. Existe canteira de axencias?
Moita. A diversificación da oferta e a incorporación de moita xente nova e con actitudes renovadas cara ao idioma fai que se diversifique a súa oferta e se multiplique a súa capacidade de crear e ofertar produtos novidosos que ao mesmo tempo innovan coa nosa lingua como motivo principal.
Hai unha categoría específica para os proxectos elaborados por centros educativos, e premiaranse os traballos realizados polo alumnado nalgunha das áreas de coñecemento que teñan que ver coa publicidade durante o curso 2020-2021. En Galicia existe o Grao en Publicidade e Relacións Públicas na Universidade de Vigo, ademais do ciclo superior de Márketing e Publicidade, outros ciclos de formación profesional e mais outro tipo de estudos e formación de posgrao. Pode este premio servir para poñer en valor estes estudos en Galicia?
Si. Sobre todos estes estudos formativos cómpre influír para que medre o emprego do galego en todos os ámbitos da publicidade, pero tamén moi especialmente nas empresas ás que se lles fai a encarga de deseñalas. É por iso que premiamos tamén as axencias de publicidade.
Juan Mera
O rei do ring
Xosé Manuel Beiras
«Sempre souben que nunca ía ser presidente»
Margarita Ledo
«Son xornalista por un fake»
Xesús Couceiro
«Nunca tentei vender un libro»