Despois dun principio de tempada complicado, por mor dunha lesión nos isquiotibiais da perna esquerda, Vero Boquete volveu a cumprir obxectivos, acadando o Meisterschale der Frauen, que a recoñece a ela e as súas compañeiras do Bayern Múnich, como campioas da liga alemá 2015-2016.
Cun palmarés impresionante, que inclúe varias ligas nacionais, o subcampionato da Liga de Campións de 2014 e o título da Champions League do 2015 co FFC Frankfurt, a multipremiada mediapunta e capitá da selección española segue a ter mesma fame de gol que o primeiro día.
Por mor dunha axenda repleta de compromisos, a embaixadora da Liga, a embaixadora da UEFA para o desenvolvemento do fútbol feminino, e a embaixadora da ONG Opportunity Football Stars, apenas pisará Compostela este verán. E, coa chegada do outono, tocaralle enfrontar novos e apaixonantes retos profesionais vestindo a camiseta do PSG de París.

SOCIEDADE
Quédache algún soño deportivo por cumprir, despois de gañar a Champions en 2015 e a Bundesliga no 2016?
Quédanme moitos soños e obxectivos por acadar. Quero gañar o que xa gañei e gañar o que aínda non gañei, así que espero satisfacer aínda moitas aspiracións. O que tiña que facer en Alemaña, que era conseguir esa Champions e esa Bundesliga, xa o fixen e, se ben tiña un ano máis de contrato en Múnich, xa non regresarei a Alemaña a vindeira tempada.
Despois de tantos anos sen parar, que supuxo a lesión que sufriches o verán pasado?
Foi un momento duro porque me enfrontou a unha situación nova para min. Os deportistas sabemos que as lesións están aí, que forman parte da nosa vida, pero cando te atopas cunha lesión tan longa tes que convivir tamén coa incerteza de non saber en que momento volverás competir. A lesión demandoume un gran traballo mental.
Que representa para ti e para o deporte a túa elección como primeira xogadora española candidata ao Balón de Ouro?
Véxoo como un éxito máis do fútbol feminino español, do deporte feminino. Para min, que unha nena queira ser coma min, ten moito máis valor ca calquera Balón de Ouro ou calquera premio, e penso que o máis importante que estamos a facer é crear referentes femininos. Iso é o que máis falta facía!
«Eu vivo para xogar, porque esa é a miña vida, e cando xogo, xogo para gañar. Penso que é unha frase inspiradora, especialmente para os máis cativos e para quen se estea iniciando na práctica do deporte»
Es modelo a seguir para nenas e nenos que viven o deporte. Notas que aquí se che quere máis?
Si. Nos últimos tempos percibo en toda España máis cariño, máis respecto, máis seguimento, pero é aquí, na miña cidade, na miña terra, onde sinto máis cariño. Aquí o noto no día a día e aquí o seguimento na rúa é maior e, sen lugar a dúbidas, o apoio máis especial é o dos rapaces e rapazas.
Cun pai adestrador e un irmán futbolista, o deporte monopoliza todas as conversas nas xuntanzas familiares ou é un tema prohibido?
Na miña casa o noventa e nove por cento do tempo fálase de fútbol, pero non é algo de agora, senón de sempre! Cando eramos cativos, do que se falaba na casa era de fútbol, o que se vía na televisión era fútbol e o que se escoitaba na radio era fútbol. Non había outra! Agora ocorre igual!
«Dream to live, live to play, play to win» é o teu lema. Que representa e a quen se dirixe?
É a frase que marca a miña vida: para vivir hai que ter soños. Eu vivo para xogar, porque esa é a miña vida, e cando xogo, xogo para gañar. Penso que é unha frase inspiradora, especialmente para os máis cativos e para quen se estea iniciando na práctica do deporte.
Tes unha escola deportiva e a túa propia colección de roupa. Abrir camiño aos que veñen detrás está no teu ADN?
(Sorrí) Penso que si! Pero máis que abrir camiño, o que intento é facilitalo. Os meus comezos non foron doados; os inicios non sempre o son, por iso sinto que teño que aproveitar a posición na que estou hoxe en día para facilitar camiños e deixar un mellor futuro.
Entre tantos éxitos, cal é ata agora a vitoria máis importante da túa carreira?
Penso que a primeira é a máis importante de todas. Cando tiña 5 ou 6 anos, conseguín tombar unha normativa que prohibía ás rapazas xogar cos rapaces. Botei un ano sen poder xogar ata que se modificou aquela regulamentación! Esa foi a maior das miñas vitorias.
Todos os trofeos recibidos, incluída a medalla Castelao de 2015, van contigo onde ti vaias? Cal é o recoñecemento máis especial de todos e por que?
Van todos comigo, porque todos son especiais para min. Cando consigo un recoñecemento, sexa do tipo que sexa, motívame de cara ao futuro e faime traballar máis e mellor. Fisicamente non hai mellor sitio para telos xuntos que a casa de meus pais, que é o meu lugar de referencia. Pero todos teñen a mesma importancia porque veñen de xente que aprecia e respecta o teu traballo.
Que teñen en común o Bayern de Múnich e o Xuventú Aguiño?
O balón! O balón e a ilusión. Tanto no Aguiño coma agora, nun nivel máis profesional, hai retos e obxectivos que cumprir, pero a ilusión é a mesma.
«Tanto no Aguiño coma agora, nun nivel máis profesional, hai retos e obxectivos que cumprir, pero a ilusión é a mesma»
Segundo a túa experiencia, en que liga se xoga o mellor fútbol feminino e onde se valora máis ás xogadoras?
Mmm… Cada liga ten un estilo diferente, pero o estilo que a min máis me gusta é o español, porque se entende o fútbol da mesma maneira que o entendo eu; o problema é que aquí fallan as condicións arredor, o que repercute negativamente no deporte profesional. En cambio, nos Estados Unidos é onde máis respecto e aprecio se manifesta polas xogadoras. Só alá xogas cos estadios cheos! A miña experiencia americana foi fantástica.
A capitanía da selección española pesa moito ou dá alas?
A liderar ou capitanear a selección doulle importancia, porque sei que é importante, pero non significa nada máis ca iso. Se non levase o brazalete, seguiría sendo a mesma xogadora e seguiría tendo o mesmo carácter no campo.
Os tópicos sobre o fútbol son os mesmos en todas partes ou aquí somos os campións dos clixés?
Aquí somos os campións! (entre risos). A sociedade española segue sendo machista e segue mantendo estereotipos de cara ao fútbol feminino, e en xeral en relación a todo o deporte feminino. Isto cambiou noutros países hai moito tempo, onde a cultura deportiva tamén é diferente.
O verán é a estación perfecta para desconectar do fútbol ou para seguir metendo goles? En Porto do Son, por exemplo?
Por exemplo! Este ano o Summer Camp da Escola Vero Boquete desenvolveuse no Porto do Son porque buscabamos un sitio costeiro para, ademais dos adestramentos de fútbol, poder ter outro tipo de actividades. É o sitio perfecto porque é onde eu veraneo coa miña familia todos os anos.

Nieves Rodríguez
en escena
Sara de Sousa
no diván de Coralia
Tamar Novas
«É bo axitar conciencias»
Sabela Arán
«Pásoo mellor facendo de mala»