•  981 806 528 & 670 594 685 info@coralia.gal

XX Premios Mestre Mateo

150 150 CORALIA

XX Premios Mestre Mateo

Reportage Noelia Lage
Fotografías AG & Leo López
Editora de moda Lucía Yanina Antonella Cabrera

 

Hai nomes que nunca se esquecen. É ben certo que todos gardamos no maxín aqueles pertencentes ás persoas que pasan pola nosa vida deixando unha profunda impresión. Algúns gardámolos durante anos, ou mesmo durante toda a vida; pero, ao final, o discorrer da historia fai irremediable o seu esvaecemento. Non obstante, hainos que logran esquivar a ferida do tempo para chegar intactos a novos séculos e milenios. Deste xeito acontece co nome do Mestre Mateo, que a través da súa arte chega aos nosos días, gardado por todos os galegos e galegas que, como non podería ser doutro xeito, nos sentimos herdeiros da súa creación, a catedral de Santiago de Compostela. 

Arquitecto e escultor medieval, foi o encargado de dirixir as obras do templo na súa fase final, correspondendo á súa dirección os 3 últimos tramos das naves e os 6 últimos das tribunas, así como a cripta e a escultura de Santiago do altar maior. Non obstante, a súa obra máis afamada sería o Pórtico da Gloria, recentemente restaurado; onde unha inscrición situada na porta central nos indica que foi o Mestre o encargado de dirixir a súa construción. Deste xeito, non parece improbable que o el mirara cara o futuro coa certeira sospeita de que o seu nome perduraría na memoria do pobo galego ligado a estas dúas artes. 

Sen embargo, non puido imaxinar que varios séculos máis tarde, Galicia tería tan presente o seu legado artístico e cultural como para asocialo a outra das sete artes, unha que aínda non nacera no tempo do Mestre: o cinema. Así, ano tras ano, os Premios Mestre Mateo galardoan os mellores traballos do audiovisual galego. A súa orixe remóntase ao ano 2002 coa creación da Academia Galega do Audiovisual, entidade que, desde aquela, non deixou de promover e difundir o coñecemento e a posta en valor deste sector entre a sociedade á que pertence. Un ano máis tarde, no 2003, o Auditorio de Galicia acollía a primeira edición deste palmarés, cuxo premio ofrece a imaxe do popular Santo dos Croques; asociado pola crenza popular coa figura do propio Mestre.  

O 19 de marzo celebrábase a súa XX edición no recinto de Expocoruña. Aquí reuníronse importantes personalidades do audiovisual galego nunha cerimonia que, tras os anos de pandemia, mostrouse cunha imaxe completamente anovada. Entre os grandes triunfadores da noite atopamos Hierro, a serie dos irmáns Jorge e Pepe Coira que obtivo 6 premios, entre eles, Mellor Dirección e Mellor Guión. Séguenlle as películas Jacinto con 4 premios e Tres con tres, entre os que se atopa o de Mellor Longametraxe. 

Pola súa banda, o galardón a Mellor Curtametraxe obtívoo Augas abisais e Figa de Tanxugueiras acadou o de mellor videoclip. No ámbito da comunicación, Dígocho eu obtivo o galardón a mellor programa e a súas presentadora, Esther Estévez, a mellor comunicadora. Pola súa banda, o Premio de Honra Fernando Rey homenaxeou a traxectoria da cineasta lucense Margarita Ledo. No lado oposto, atopamos Cuñados que aínda que partía como favorita desta edición con 16 candidaturas, non se impuxo en ningunha delas. 

A gala tamén tivo momento para os flashes e a alfombra vermella, e como non hai festival que se precie que non amose as súas mellores galas, velaquí vos deixamos cunha selección dos mellores looks escollidos polos lectores e lectoras de Coralia, que mediante unha enquisa en liña, outorgaron o título ao Mellor look para presentadora e actriz María Mera.

Queres ollar outros contidos relevantes?
Política de privacidade

Se consente a utilización de cookies, continúa navegando ou fai clic nalgún link entenderase que consinte a nosa política de cookies e, por tanto, a instalación das mesmas no seu equipo ou dispositivo.

Se vostede quere, pode cambiar a configuración de cookies en calquera momento, configurando o seu navegador para aceptar, ou non, as cookies que recibe ou para que o navegador o avise cando un servidor queira gardar unha cookie.

Esta web utiliza cookies.
error: Contido protexido